O marco de colaboración existente entre a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas), por un lado, e a Fegas, por outro, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola Fegas do Plan de formación e reciclaxe profesional sanitario de todos os traballadores, tanto da Consellería de Sanidade como do Sergas.
Entre as distintas actividades que se conveniarán para o ano 2008 entre ambas as dúas partes atópase a edición do curso de diplomado en Sanidade para o ano 2008, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e organizado pola Fegas no marco do mencionado convenio de colaboración.
A realización do curso conta coa autorización da Escola Nacional de Sanidade ao adaptarse os seus contidos ás súas directrices.
O curso de diplomado en Sanidade terá unha duración de 250 horas acreditadas, das cales 175 horas terán carácter presencial, agrupadas en 6 módulos temáticos, e as 75 horas restantes corresponden á execución e presentación dun traballo de campo relacionado cos contidos do curso, que será valorado na avaliación formativa do alumnado.
Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes realizaranse en Santiago de Compostela entre os meses de febreiro e novembro do ano 2008.
Os interesados poderán consultar e descargar as bases da convocatoria do curso xunto co modelo de solicitude directamente desde a páxina web da Fegas (www.fegas.es).
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da publicación desta convocatoria no DOG e rematará o día 30 de novembro de 2007.
Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2007.
Mª Berta Rivera Castiñeira
Directora da Escola Galega de Administración Sanitaria

