DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 09 de novembro de 2007 Páx. 17.997

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 5 de novembro de 2007 pola que se determina ampliar o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2007, ao abeiro do Decreto 234/2003, do 3 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

O Decreto 234/2003, do 3 de abril, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

O seu artigo 4 dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda que cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que poidan consignarse en cada exercicio económico.

A súa disposición derradeira primeira faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Vivenda e Solo, e o Decreto 232/2005, do 11 de agosto, na súa disposición adicional sétima establece que as referencias contidas na normativa reguladora do organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, canto ao conselleiro e a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, deberán entenderse referidas á Consellería de Vivenda e Solo.

A Orde do 12 de febreiro de 2007 determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2007 ao abeiro de Decreto 234/2003, do 3 de abril, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de inmobles situados en conxuntos históricos galegos.

Esta orde, á vista das necesidades estimadas e de que existe crédito dispoñible, amplía o importe máximo destas axudas.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo 4 do Decreto 234/2003, do 3 de abril, e para dar cobertura a todos os expedientes que acaden neste exercicio a fase de concesión, determínase:

1. As aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas do Decreto 234/2003, son a 17.02.451A.780.2 é a 17.02.451A.770.0

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2007, cifrado con cargo á aplicación orzamentaria 17.02. 451A.770.0, en 150.000 € pola Orde do 12 de febreiro de 2007, amplíase en 150.000 €.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2007.

María Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo