DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2007 Páx. 18.947

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 2007 pola que se lle dá publicidade á decisión do xurado designado para o outorgamento do premio institucional Chano Piñeiro do ano 2007.

Por Resolución do 18 de setembro de 2007, da Secretaría Xeral de Comunicación, convócase o premio institucional Chano Piñeiro, no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2007, e se aproban as súas bases.

Por resolución da mesma secretaría, do 15 de outubro de 2007, procedeuse a designar os vogais do xurado encargado do outorgamento do dito premio, regulado na base cuarta da Resolución do 18 de setembro de 2007.

En data do 16 de novembro de 2007, logo de convocatoria, reúnese o xurado do premio para analizar e valorar as propostas de candidatos, así como outorgar o premio.

A base quinta, punto terceiro, da mencionada Resolución do 18 de setembro de 2007, dispón que a resolución pola que se outorgue o galardón se publicará inmediatamente no Diario Oficial de Galicia e se notificará oportunamente. Na súa virtude,

RESOLVO:

Darlle publicidade ao acordo do xurado designado para outorgar o premio Chano Piñeiro 2007, de acordo co seguinte teor:

«Reunido o día 16 de novembro de 2007 o xurado designado para outorgar o premio institucional Chano Piñeiro, no ámbito da promoción do sector audiovisual correspondente ao ano 2007, unha vez analizadas e valoradas as propostas de candidatos presentadas, acorda por unanimidade:

Primeiro.-Outorgar o premio Chano Piñeiro correspondente ao ano 2007, modalidade A. Audiovisual galego, a José Doval García, en recoñecemento ao seu labor no ámbito da interpretación, valorando especialmente a calidade da súa obra e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual galego.

Segundo.-Outorgar o premio Chano Piñeiro correspondente ao ano 2007, modalidade B. Audiovisual internacional con relevancia para Galicia, a Jaime de Armiñán Oliver, en recoñecemento ao seu labor no ámbito cinematográfico, valorando especialmente o seu labor creativo e a súa significación como achega sobresaínte ao audiovisual internacional con relevancia para Galicia».

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2007.

Fernando Salgado García

Secretario xeral de Comunicación e presidente

do xurado