DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Mércores, 19 de decembro de 2007 Páx. 19.863

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 237/2007, do 5 de decembro, polo que se crea a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e se regulan a súa composición e funcións.

O artigo 39 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que lle corresponde á comunidade autónoma a creación e estruturación da súa propia Administración pública, dentro dos principios xerais e normas básicas do Estado. Pola súa parte, o artigo 41 indica que a comunidade autónoma exercerá as súas funcións administrativas por órganos e entes dependentes da Xunta de Galicia.

A crecente complexidade da contratación pública que se vén realizando en Galicia aconsella que a comunidade autónoma dispoña dunha Xunta Consultiva de Contratación propia, con base no disposto no artigo 10.3º do texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, que establece que as comunidades autónomas poderán crear xuntas consultivas de contratación administrativa, con competencias nos seus respectivos ámbitos territoriais. Este órgano consultivo, similar ao da Administración xeral do Estado que ata o momento vén atendendo as nosas demandas, deberá desempeñar un papel decisivo para impulsar, e mesmo garantir, a aplicación uniforme do réxime xurídico da contratación pública por parte dos distintos órganos de contratación.

A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia configúrase como un órgano consultivo, con funcións asesoras e de tutela da lexislación vixente, á vez que constitúe un instrumento útil para a elaboración de proxectos de disposicións legais, a adopción das medidas necesarias para a adecuada coordinación da contratación e a normalización dos instrumentos contractuais na Comunidade Autónoma Galega. Comprenderá dentro do seu ámbito de actuación a Administración autonómica, os seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as entidades locais galegas, as universidades públicas radicadas no seu territorio e as organizacións empresariais máis representativas dos distintos sectores afectados pola contratación administrativa.

A Xunta Consultiva de Contratación está chamada a poñer remedio á necesidade de substituír a intervención preceptiva da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa do Estado pola dun órgano equivalente da propia comunidade autónoma.

Na composición, atribucións e funcionamento da Xunta Consultiva prima o carácter representativo desta, así como a cualificación profesional dos seus membros.

A súa adscrición formal realízase á Consellería de Economía e Facenda, dada a especial transcendencia económica que supón a contratación pública e a conveniencia de obter certa uniformidade nos criterios que se apliquen en toda a Administración pública galega, tanto autonómica coma local, o que servirá para obter economías de escala.

Xa que logo, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e natureza xurídica.

1. Créase a Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrita á Consellería de Economía e Facenda, como órgano consultivo específico en materia de contratación administrativa da Administración da comunidade autónoma, dos seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Así mesmo, poderá ser consultada polas entidades locais de Galicia, as universidades públicas galegas e as organizacións empresariais dos sectores afectados pola contratación administrativa.

Artigo 2º.-Competencias.

Correspóndelle á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa:

1. Emitir informe con carácter facultativo sobre aquelas cuestións que, en materia de contratación administrativa, sometan á súa consideración as entidades enumeradas no artigo 1º.

Entre outras materias, correspóndelle informar con este carácter sobre as propostas de adxudicación que se presuman de cumprimento normal imposible como consecuencia de baixas desproporcionadas ou temerarias, logo de petición do órgano de contratación e tras o trámite de audiencia previsto na normativa vixente en materia de contratación administrativa.

2. Emitir informe con carácter preceptivo nos supostos en que así se estableza na normativa estatal básica sobre contratación administrativa.

3. Ademais, no ámbito da administración autonómica, os seus organismos autónomos, sociedades públicas, fundacións do sector público autonómico e demais entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, informará preceptivamente sobre as cuestións seguintes:

a) Os proxectos e anteproxectos normativos que afecten a contratación administrativa cuxa aprobación sexa competencia da Xunta de Galicia ou dos seus conselleiros ou conselleiras e non fosen elaborados ou propostos pola propia Xunta Consultiva de Contratación.

b) Os pregos de cláusulas administrativas xerais e os pregos de prescricións técnicas xerais.

c) Os pregos de cláusulas administrativas particulares e os pregos de prescricións técnicas particulares que propoña a inclusión de estipulacións contrarias aos respectivos pregos xerais.

d) As demais cuestións determinadas polas disposicións vixentes.

4. Acordar a clasificación e revisión da clasificación para os contratos que celebren os órganos de contratación da Comunidade Autónoma de Galicia, os seus organismos autónomos e demais entidades públicas sinaladas no punto anterior, nos termos que establece o artigo 28.3º da Lei de contratos das administracións públicas ou norma que a substitúa.

5. Elaborar e propoñer as normas, instrucións e medidas que considere precisas para a mellora e eficacia da contratación da Administración autonómica, os seus organismos e sociedades, fundacións do sector público e demais entidades de dereito público dela dependentes.

6. Realizar estudos e investigacións sobre contratación administrativa, trasladando aos órganos de contratación as recomendacións que deriven daqueles.

7. Aprobar e elevar ao/á conselleiro/a de Economía e Facenda, para a súa remisión ao Consello da Xunta, a memoria anual sobre a xestión contractual da comunidade autónoma nos seus aspectos administrativos, económicos e técnicos, con proposta das medidas pertinentes para a mellora da eficacia da contratación.

8. Colaborar, no ámbito das súas funcións, cos organismos homónimos das comunidades autónomas e da Administración xeral do Estado.

9. Especificamente correspóndenlle todas aquelas competencias que a lexislación estatal lles atribúe ás xuntas consultivas de contratación administrativa das comunidades autónomas.

Artigo 3º.-Estrutura.

Os órganos permanentes da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma Galega son o pleno, a comisión permanente, a presidencia e a secretaría xeral.

Ademais, poderán crearse comisións non permanentes.

Artigo 4º.-Composición do pleno.

O pleno da Xunta Consultiva estará composto polos seguintes membros:

1. Presidencia: a persoa titular da presidencia da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa.

2. Vicepresidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral da consellería á que estea adscrito o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Vogais:

a) A persoa titular da dirección da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

b) A persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa designada entre funcionarios/as con tarefas relacionadas coa contratación administrativa, que polo menos desempeñe o posto de xefe/a de servizo, por cada un dos departamentos da Xunta de Galicia.

d) Unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias, designada por esta, con coñecementos e experiencia en contratación administrativa.

e) Unha persoa en representación das universidades públicas galegas, designada polo Consello Galego de Universidades, con coñecementos en contratación administrativa.

f) Dúas persoas representantes das organizacións empresariais de sectores afectados pola contratación administrativa, con coñecementos na materia, designadas pola persoa titular da Consellería de Economía e Facenda, por proposta daquelas.

O nome dos vogais designados consonte co establecido nas letras c), d), e) e f) comunicaráselle por escrito ao presidente da Xunta Consultiva para que este proceda ao seu nomeamento.

4. Secretaría: exerceraa a persoa titular da Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa.

5. Nas propostas para a designación das persoas titulares das vogalías e da secretaría, sempre que sexa posible, atenderase ao principio de paridade, procurando unha representación proporcionada entre homes e mulleres. Igualmente, procurarase respectar este principio na composición da Comisión Permanente que se regula no artigo 5º.

Artigo 5º.-Composición da comisión permanente.

1. A comisión permanente estará composta polos seguintes membros do Pleno:

a) A persoa que ocupe a presidencia da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa.

b) A persoa que ocupe a vicepresidencia do Pleno.

c) As persoas ás que se refire o artigo 4.3º.c), que representen os catro departamentos da Xunta de Galicia con máis volume de contratación administrativa, de acordo coa memoria anual sobre contratación aprobada polo Pleno da Xunta Consultiva. Para os efectos do cálculo, incluirase a contratación de todos os organismos e entidades adscritos a cada departamento.

Unha vez aprobada polo Pleno a memoria anual de cada exercicio, revisarase, se procede, a designación dos representantes dos departamentos con máis volume de contratación.

d) A persoa representante da Asesoría Xurídica Xeral.

e) A persoa representante da Intervención Xeral.

f) A persoa designada pola Fegamp.

g) A persoa designada polo Consello Galego de Universidades.

h) Unha das persoas designadas polas organizacións empresariais. Os dous vogais que representen as organizacións empresariais poderán establecer, de acordo co presidente da Xunta Consultiva, quendas rotatorias para a súa participación na comisión permanente.

i) A persoa titular da Secretaría Xeral da Xunta Consultiva.

2. Os vogais referidos nas letras f), g) e h) do punto anterior serán convocados pola presidencia da Xunta Consultiva cando se traten temas que afecten as entidades que representen, asistindo con voz e voto.

3. Por invitación do presidente da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, por proposta do órgano de contratación afectado, poderá asistir as reunións da Comisión Permanente, e ser oída nela, unha persoa representante do departamento, cando non sexa un dos incluídos na letra c) do punto 1, ou do organismo autónomo, entidade ou sociedade pública afectado pola cuestión de que se trate.

As entidades representadas comunicarán previamente, por escrito, o nome da persoa que acudirá na súa representación.

Artigo 6º.-Competencias do Pleno e da comisión permanente.

1. Correspóndelle ao Pleno emitir os informes preceptivos previstos nas letras a) e b) do parágrafo segundo do artigo 2.2º, aprobar e elevar ao conselleiro de Economía e Facenda a memoria anual sobre a xestión contractual da comunidade autónoma, así como coñecer daqueles asuntos e expedientes que, pola súa especial transcendencia, lle eleve a comisión permanente.

2. A comisión permanente coñecerá daqueles asuntos que non correspondan ao Pleno, consonte co disposto no punto anterior.

Artigo 7º.-Presidencia.

1. A Presidencia da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma exerceraa a persoa titular da Secretaría Xeral da consellería competente en materia de economía e terá as funcións que o artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, atribúe aos presidentes de órganos colexiados, dirimindo co seu voto os empates.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa que ocupe a presidencia será substituída nas súas funcións polo vicepresidente do Pleno.

Artigo 8º.-Vogais.

Correspóndelle aos vogais:

1. Asistir e participar nos debates das sesións.

2. Exercer o seu dereito a voto e formular o seu voto particular.

3. Realizar aqueles estudos ou comprobacións que se lle asignen.

4. Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

5. Formular suxestións e preguntas.

6. Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogal da Xunta.

Artigo 9º.-Secretaría Xeral.

A Secretaría Xeral é o órgano de apoio técnico e administrativo da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa. Constituirase como unidade permanente, con nivel de subdirección xeral, adscrita á Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda.

O/a secretario/a xeral deberá ser licenciado en dereito, con experiencia en materia de contratación administrativa. Asistirá con voz e voto ás reunións do Pleno e da comisión permanente, estudará e elaborará as propostas de acordos en relación cos asuntos e expedientes de competencia da Xunta Consultiva e, en xeral, desenvolverá as demais funcións que o artigo 25 da Lei 30/1992 atribúe aos secretarios dos órganos colexiados, así como as que lle asigne a presidencia.

Artigo 10º.-Réxime de funcionamento.

O réxime de funcionamento dos órganos da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser o caso, das comisións non permanentes que poidan crearse, en canto a convocatorias, constitución e adopción de acordos, axustarase ao establecido no título II, capítulo II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo competente o Pleno da Xunta Consultiva para establecer ou complementar as súas propias normas de funcionamento.

Artigo 11º.-Petición de informes.

A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia emitirá os seus informes por pedimento escrito das secretarías xerais dos departamentos da Xunta ou das presidencias ou direccións dos organismos, entes ou sociedades públicas, dos xerentes das fundacións do sector público, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, da Asesoría Xurídica Xeral, das presidencias das entidades locais, das reitorías das universidades públicas e das presidencias das organizacións empresariais afectadas pola contratación administrativa da comunidade autónoma.

Xunto coa petición deberán achegarse cantos antecedentes, documentos e datos sexan necesarios para elaborar o informe.

Artigo 12º.-Carácter e prazo dos informes.

Os informes da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia non serán vinculantes, aínda que terán carácter de elemento interpretativo da norma ou situación obxecto de exame e aplicación.

Os informes serán emitidos no prazo de 15 días, a partir do momento da recepción da solicitude. Cando nesta se faga constar motivadamente a urxencia do informe, o prazo será de sete días.

Os informes que se consideren de interese xeral serán publicados na páxina web da Xunta Consultiva.

Artigo 13º.-Memoria anual.

Anualmente a Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia elaborará unha memoria baseándose nos informes emitidos e nos datos que poidan resultar dos rexistros de contratos e de contratistas e na información facilitada polos órganos, entes e sociedades dependentes das administracións públicas galegas.

A memoria incluirá, de ser o caso, o seguimento e valoración da implantación na contratación pública da Marca Galega de Excelencia en Igualdade, segundo a regulación establecida no artigo 19.3º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia; así como de calquera outra medida ou consideración que proceda para o seguimento do criterio xeral de actuación dos poderes públicos establecido no artigo 14.2º da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, de potenciación do empresariado feminino. Incluirá tamén a desagregación por sexos dos datos e conclusións en que esta sexa pertinente.

O proxecto de memoria trasladarase aos/ás vogais da comisión permanente, co obxecto de que poidan presentar as observacións que consideren convenientes.

A memoria será aprobada polo Pleno e elevada á persoa titular da Consellería de Economía e Facenda, para a súa remisión ao Consello da Xunta. Posteriormente, publicarase na páxina web da Xunta Consultiva.

Disposición adicional

Engádese un número 2.5 no artigo 4 do Decreto 79/2007, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, que queda redactado como segue:

«2.5. A Secretaría Xeral da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, que exercerá as seguintes funcións:

a) Estudar, elaborar e someter á consideración do Pleno da Xunta Consultiva e da comisión permanente, en ambos os casos a través da presidencia, as propostas de acordo en relación cos asuntos e expedientes da súa respectiva competencia.

b) Redactar acta das sesións e exercer as funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados previstas na normativa de procedemento administrativo.

c) En xeral, as funcións que lle encomende a presidencia da Xunta Consultiva e calquera outras que lle atribúan as disposicións vixentes.

Para isto contará coa seguinte unidade con nivel orgánico de servizo:

2.5.1. O Servizo de Apoio Técnico e Administrativo.

Realizará funcións de colaboración e apoio á secretaría xeral, tanto de índole técnica como administrativa. En particular, corresponderalle a ordenación e arquivo da documentación da Xunta Consultiva, así como as tarefas administrativas de trámite que se lle encomenden».

Disposición transitoria

Os membros da comisión permanente aos que fai referencia o artigo 5.1º.c) deste decreto, en canto o Pleno da Xunta Consultiva non aprobe a súa primeira memoria anual, designaranse de acordo cos datos contidos no Rexistro de Contratos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Facenda a ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta norma.

Segunda.-A Xunta Consultiva de Contratación Administrativa constituirase nun prazo máximo de tres meses dende a entrada en vigor deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda