DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Venres, 04 de xaneiro de 2008 Páx. 191

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 26 de decembro de 2007 pola que se regula a xestión da renda básica de emancipación dos mozos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1472/2007, do 2 de novembro, ten por obxecto regular a renda básica de emancipación, medida destinada a axudar ao pagamento da renda aos mozos e mozas que, tendo entre 22 e 30 anos, cumpran cos requisitos establecidos na dita norma.

O fin desta regulación de carácter subvencional é dinamizar e favorecer o arrendamento, facilitando, pola súa vez, a emancipación da mocidade. A norma posúe unha incidencia directa en materia de vivenda ao constituír condición necesaria para a concesión das axudas e o seu mantemento a existencia dunha relación arrendaticia, conformando este, pola súa vez o seu obxecto e finalidade principal.

A comunidade autónoma no ámbito dos títulos competenciais que posúe procede a través desta orde, a desenvolver esta normativa, co obxecto de establecer a xestión e aplicación destas axudas no seu territorio.

Así, esta orde establece a xestión da renda básica de emancipación en Galicia, os órganos competentes para tramitar e resolver as solicitudes que se presenten na nosa comunidade autónoma, así como un prezo de aluguer máximo para os contratos de arrendamento cuxos inquilinos queiran beneficiarse da dita axuda directa.

En particular e no referido á xestión desta liña subvencional, esta queda encomendada ás sociedades públicas de xestión urbanística dependentes da consellería.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto no artigo 1 a) do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as condicións de aplicación e xestión da renda básica de emancipación dos mozos, regulada no Real decreto 1472/2007, do 2 de novembro, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-A xestión das axudas.

A través desta orde encoméndase ás sociedades públicas de xestión urbanística a xestión da renda básica de emancipación regulada nesta orde e no Real decreto 1472/2007, do 2 de novembro, polo que se regula a renda básica de emancipación.

Esta encomenda ten o seu marco na resolución ditada no seu día para a realización de actuacións relativas á xestión do programa de vivenda en aluguer e outros, que será modificada para o efecto.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Renda básica de emancipación.

As axudas directas destinadas ao apoio económico para o pagamento da renda a que se refire esta orde serán as reguladas no Real decreto 1742/2007, do 2 de novembro.

Artigo 5º.-Condicións xerais para acceder á renda básica de emancipación.

Para ser beneficiario da renda básica de emancipación será necesario cumprir as condicións establecidas no Real decreto 1742/2007, do 2 de novembro.

Igualmente, para os efectos da concesión da dita axuda na comunidade autónoma de Galicia, o prezo de aluguer establecido nos correspondentes contratos de arrendamento non poderá superar os 600 euros nos concellos da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo e, os 500 euros no resto de concellos da Comunidade Autónoma. Estas contías constitúen o límite máximo que deberán respectar os prezos de aluguer inicial dos contratos de aluguer cuxos arrendatarios queiran solicitar a renda básica de emancipación.

Artigo 6º.-Órganos competentes e recursos.

Os delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo, por delegación da conselleira de Vivenda e Solo ditarán resolución expresa debidamente motivada sobre a procedencia do outorgamento provisional ou definitivo da renda básica de emancipación, ou, de ser o caso, sobre a súa denegación. A resolución poñerá fin á vía administrativa.

Contra a resolución que se dite poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante os delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 19/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Os referidos recursos deberán presentarse perante os delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que os resolverán por delegación da conselleira de Vivenda e Solo.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes para a concesión provisional ou definitiva da renda básica de emancipación presentaranse, a partir da entrada en vigor desta orde, na delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación das vivendas arrendadas, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, conforme o modelo establecido no anexo I, achegándose a documentación que nel se especifica.

Artigo 8º.-Financiamento das axudas.

As contías correspondentes á concesión da renda básica de emancipación imputaranse aos orzamentos anuais do Ministerio de Vivenda.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "00300D001P007.PDF"

Ver referencia pdf "00300D002P009.PDF"