DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2008 Páx. 535

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública.

O Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública ten atribuída, entre outras facultades, a de establecer as bases e condicións xerais de participación e acceso aos cursos ou ás actividades que convoque a escola, de conformidade co establecido no artigo 6.6º da Lei 4/1987, do 27 de maio.

A actividade formativa da Escola Galega de Administración Pública articúlase sobre determinados eixes:

-Orientar a formación cara ao desempeño do traballo.

-Garantir unha formación continua, coa conseguinte readaptación e actualización profesional do persoal ao servizo da Administración pública.

-Contribuír ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

-Transmitir os valores de servizo público, profesionalidade, calidade, eficacia, atención á cidadanía e innovación na xestión.

Durante o ano 2007 nas actuacións encamiñadas á mellora continua do centro realizáronse enquisas, entrevistas e grupos de discusión encamiñados á futura aprobación da carta de servizos da EGAP, estes traballos unidos aos estudos de detección de necesidades formativas subliñaban a necesidade de clarexar os criterios de acceso aos cursos. Simultaneamente esta modificación aprovéitase para simplificar os devanditos criterios de modo que sexa máis áxil a selección de alumnos sen menoscabo de todas as garantías e a máxima transparencia do proceso de selección.

De acordo con todo o indicado, o Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública, na súa reunión do 21 de decembro de 2007, aprobou a revisión dos criterios de participación nas actividades formativas. A teor do exposto anteriormente, os criterios de selección que rexerán nos cursos e demais actividades que convoque a escola serán os seguintes:

Primeiro.-Destinatarios dos cursos.

Poderá participar nos cursos que organice a Escola Galega de Administración Pública o persoal ao servizo da Xunta de Galicia, así como o persoal que preste servizo nas entidades locais da comunidade autónoma. Así mesmo, e tendo en conta os convenios que se subscriban para este efecto, poderá participar o persoal dependente do Parlamento de Galicia, do Valedor do Pobo, do Consello de Contas, do Consello Consultivo; o persoal da Administración das tres universidades galegas e o doutras entidades, organismos e empresas públicas, así como outros colectivos de interese para a Administración, cando así se estableza nas respectivas convocatorias, que poden fixar cotas para cada Administración.

Segundo.-Criterios xerais.

Os criterios selectivos con carácter xeral son os que a seguir se relacionan sen prexuízo de que se establezan criterios específicos obxectivos para aqueles cursos que se especifiquen en cada convocatoria:

1º Ter a condición de posible adxudicatario por estar incluído entre os colectivos que poden participar nos cursos que organice a EGAP, e ademais reunir os requisitos exixidos en cada convocatoria respecto de cada curso na epígrafe destinatario.

2º Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis candidatos que prazas, terán preferencia os aspirantes que realicen tarefas/funcións directamente relacionadas co contido do curso. Cada convocatoria estipulará a forma de acreditarse, de ser necesario. Este criterio non será de aplicación nos cursos cualificados como xerais por ser de interese para todos os empregados públicos.

3º De continuar existindo un número maior de solicitudes que alumnos, terán prioridade os empregados públicos fixos sobre os temporais.

4º En caso de que sigan existindo máis candidatos que participantes aplicarase un baremo en que se ponderarán as horas de formación en cursos recibidas ou recoñecidas pola EGAP nos dous últimos anos contados desde a data de publicación da convocatoria, coa antigüidade na Administración, de tal maneira que os candidatos teñan unha puntuación obxectiva.

5º Nos cursos reservarase unha cota non inferior ao 5% para ser cuberta por persoas discapacitadas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, sempre que poidan acreditalo e cumpran os requisitos obxectivos para ser destinatario da actividade.

Os discapacitados admitidos poderán solicitar á EGAP a alteración da orde de prelación para seleccionaren localidade no caso de que se organicen varias edicións por motivos de dependencia persoal, dificultade de desprazamento ou outras análogas que deberán ser debidamente acreditadas.

6º Os seleccionados en accións formativas que non comuniquen a súa non-asistencia con antelación ou abandonen a actividade formativa sen xustificación poderán ser excluídos das convocatorias da escola durante un ano contado desde a realización do curso. Este aspecto deberá regularse con concreción en cada convocatoria.

Terceiro.-Criterios específicos.

1º En casos especiais (conferencias, xornadas, seminarios, convocatorias a grupos de traballo, sesións informativas ou determinados cursos), en función das características da acción formativa, dos seus destinatarios, obxectivos, eficacia e do interese da propia Administración, a EGAP poderá establecer na convocatoria outros criterios de selección.

2º Igualmente, naqueles supostos en que pola índole do curso sexa preciso posuír uns coñecementos previos para o seu seguimento, poderase establecer na convocatoria a necesidade de acreditalos documentalmente ou mediante unha proba de coñecemento de considerarse oportuno.

3º Cando da aplicación dos criterios xerais resultase un exceso de participantes por consellería ou departamento de unha Administración, a EGAP poderá limitar o número máximo de participantes dese centro directivo. Nestes casos poderase establecer unha distribución de prazas por centro directivo ou por Administración de cara á equidade e ao equilibrio nas accións formativas.

4º As mulleres e os homes que estean gozando ou gozasen, nos últimos dous anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares terán dereito preferente a participar nos cursos formativos. Para tal fin terán unha puntuación adicional dun 20% nos baremos que se apliquen para seleccionar candidatos sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para ser destinatario/a da actividade.

5º Poderase dar prioridade a cotas de prazas nos cursos de teleformación para os solicitantes que acrediten documentalmente dificultades de acceso á formación presencial motivadas polo posto de traballo, o horario de traballo ou o afastamento dos centros de formación presencial.

6º En caso de erros por parte da EGAP na selección de participantes, estableceranse mecanismos de compensación para os candidatos. Para tal fin poderán ser admitidos no seguinte curso análogo que se convoque.

Cuarto.-Cursos selectivos de formación para o acceso á condición de funcionario de carreira.

A selección dos participantes será establecida polo tribunal cualificador do correspondente proceso selectivo, de conformidade coa súa orde de convocatoria.

Disposición derradeira

En todo caso, esta resolución será aplicada con carácter supletorio ao establecido nas convocatorias de cada acción formativa.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a resolución da Escola Galega de Administración Pública do 30 de xaneiro de 2007 pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG nº 27, do 7 de febreiro).

Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2008.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública