DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Mércores, 16 de xaneiro de 2008 Páx. 1.046

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 9 de xaneiro 2008 pola que se regula a composición e o funcionamento do gabinete técnico en materia de coordinación das policías locais.

Ao abeiro do disposto no artigo 148.1º 22 da Constitución e no artigo 39 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, á Comunidade Autónoma de Galicia correspóndelle, de conformidade con esta lei e coa lei de bases de réxime local, coordinar a actuación das policías locais dentro do seu ámbito territorial.

A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, fixa como obxectivo da coordinación obter un funcionamento homoxéneo e integrado dos corpos de policías locais e acadar unha acción conxunta e eficaz no sistema de seguridade galega. Na procura deste obxectivo, no título III determínanse as funcións de coordinación, os órganos a que se lles atribúen e o seu ámbito competencial.

No artigo 14, a Lei 4/2007 recolle como órganos de coordinación das policías locais o Consello da Xunta de Galicia, a consellería competente en materia de seguridade e mais a Comisión de Coordinación das policías locais de Galicia. Establece a continuación que, sen prexuízo dos órganos citados, poderán constituírse outros de carácter asesor, de preparación ou de execución dos traballos que por estes lles sexan encomendados.

Con esta natureza de órgano de carácter asesor e de apoio á consellería e á comisión, o artigo 20 da Lei 4/2007 configura o gabinete técnico e dispón no seu punto 2, que a súa composición e o seu funcionamento se regulan por orde do conselleiro competente en materia de seguridade.

Na súa virtude, tras o informe favorable da Comisión de Coordinación das Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 5 de novembro de 2007,

dispoño:

Artigo 1º.-Natureza e adscrición.

1. O gabinete técnico constitúese como un órgano de carácter asesor, de preparación ou de execución dos traballos que lle encomende a consellería competente en materia de seguridade ou a Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

2. Adscríbese á consellería competente en materia de seguridade, a través da unidade directiva a que lle corresponde o exercicio das funcións de coordinación de policías locais.

Artigo 2.-Funcións.

De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, o gabinete técnico intervirá preceptivamente na realización dos traballos de documentación, preparación, asesoramento, proposta e demais actividades que lle encomende a consellería competente en materia de seguridade ou a Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

Artigo 3º.-Composición do gabinete técnico.

1. O gabinete técnico estará formado por cinco membros, que serán designados polo titular da consellería competente en materia de seguridade, coa seguinte composición:

a) Tres funcionarios da Xunta de Galicia con rango mínimo de xefatura de servizo, pertencentes ás seguintes unidades directivas da consellería competente en materia de seguridade con presenza na Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia:

1º A Dirección Xeral de Interior.

2º A Dirección Xeral de Administración Local.

3º A Academia Galega de Seguridade Pública.

b) O/a xefe/a do Servizo Técnico Xurídico en representación da Secretaría Xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

c) Un membro dun corpo de Policía local da Comunidade Autónoma de Galicia con recoñecida experiencia, que sexa proposto conxuntamente pola Dirección Xeral de Interior e a Academia Galega de Seguridade Pública.

2. Presidirá as reunións o funcionario que representa á Dirección Xeral de Interior.

3. Ás reunións asistirá como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Interior.

Artigo 4º.-Outros asistentes.

Os integrantes do gabinete técnico poderán asistir ás reunións acompañados doutros técnicos ou de persoal asesor cando o consideren preciso para a toma de decisión sobre as propostas que se vaian formular á consellería competente en materia de seguridade ou á Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

Artigo 5º.-Réxime de reunións.

1. O gabinete técnico reunirase preceptivamente con carácter previo ás reunións da Comisión de Coordinación de policías locais, para os efectos de preparar as propostas e demais actividades que por esta lle fosen encomendadas, e sempre que o solicite calquera dos membros que integran o propio gabinete técnico.

2. As convocatorias das reunións efectuaranse cunha antelación mínima de 48 horas.

Artigo 6º.-Funcionamento.

1. O gabinete técnico entenderase validamente constituído cando estean presentes polo menos a metade dos funcionarios que o integren, sendo necesaria a presenza dos que realicen as funcións da presidencia e secretaría.

2. En canto ao non previsto nesta orde, con respecto ao réxime de funcionamento, observarase o disposto no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Artigo 7º.-Publicidade dos acordos.

De cada reunión do gabinete técnico o secretario levantará acta, na cal se especificará a relación de asistentes, a orde do día da reunión, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados. Unha copia da acta será achegada á persoa titular da Dirección Xeral de Interior e aos membros da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Interior para ditar as disposicións oportunas para o correcto desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL