DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2008 Páx. 1.110

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 262/2007, do 20 de decembro, polo que se aproban as normas do hábitat galego.

Preámbulo

Como consecuencia do desexo da sociedade galega de mellorar o deseño, a calidade e a funcionalidade das vivendas modifícase a vixente normativa de habitabilidade e proponse unha nova regulación para o desenvolvemento do hábitat galego.

Así mesmo, durante estes últimos anos véñense producindo importantes cambios na regulación básica da edificación que afectan significativamente a configuración física dos espazos da vivenda.

Por outra banda, tendo en conta que a viabilidade e aceptación deste decreto dependerá en gran medida da súa adaptabilidade á realidade urbanística vixente, é polo que se estrutura de tal xeito que a totalidade da súa normativa só é de aplicación no novo planeamento despois da entrada en vigor desta norma, sendo parcial nos planeamentos aprobados xa existentes. Neste sentido o decreto articulase sobre a distinción entre ámbitos de planeamento con ou sen ordenación detallada.

O Decreto 311/1992, do 12 de novembro, sobre supresión da cédula de habitabilidade que revisaba o anterior Decreto 240/1989, do 19 de outubro, sobre a habitabilidade das vivendas tiña unha formulación sobre a habitabilidade excesivamente clásica e limitada a aspectos básicos da edificación de vivendas, aspectos que non deben ser esquecidos na nova normativa, pero deberanse axustar á importancia real que teñen.

O longo tempo transcorrido desde a súa aprobación e a ampla experiencia que os profesionais e as administracións teñen da súa aplicación dan pé a formular a elaboración dunha normativa do hábitat galego que harmonice co Código técnico da edificación o Real decreto 505/2007 en que se regulan as condicións básicas de accesibilidade, así como outras normativas técnicas sectoriais, cuxo contido ten unha ampla influencia na determinación dos espazos dos edificios como pode ser o decreto de accesibilidade.

Sendo unha competencia municipal a verificación das condicións de habitabilidade, establécese un mecanismo amplamente demandado polos concellos, os profesionais e os usuarios das vivendas que permita unificar criterios no conxunto de comunidade autónoma, así como resolver as dúbidas que a interpretación da nova normativa xere.

Unha dobre evolución produciuse durante a vixencia do mencionado Decreto 311/1992, do 12 de novembro, sobre supresión da cédula de habitabilidade. Por unha banda, unha evolución da sociedade, que está a producir unha modificación do modelo de familia, cunhas necesidades de habitabilidade diferentes. Por outra banda, experimentouse unha grande evolución técnica, tanto en materiais como nos procesos de construción, que tamén se teñen en conta nesta norma.

Quérese afondar tamén nos novos conceptos aplicados á construción, tales como a sustentabilidade, a reciclaxe, o aforro de enerxía ou o asollamento, ligados á preocupación polo coidado do ambiente e da natureza e á explotación dos recursos que dela se obteñen, xa formulados polo Código técnico da edificación e máis recentemente no Real decreto 47/2007, no que se regula o procedemento básico da certificación enerxética das edificacións.

Cómpre alcanzar, polo tanto, un marco para a calidade espacial e ambiental da vivenda e a súa funcionalidade. Por todo isto, a habitabilidade deberá ter a importancia que lle corresponde nos documentos urbanísticos.

Se algunhas medidas mencionadas teñen un carácter innovador, outras deberían alcanzar o axeitado nivel modernizador, como por exemplo coa nova definición dos espazos exteriores de calidade.

Os novos niveis de demanda da sociedade dunha vivenda de calidade de ningún modo deben vir condicionados polo modelo de habitabilidade do parque residencial existente, polo que na nova normativa a calidade das vivendas vén referenciada na vivenda exterior, así como na súa aptitude para incorporar no seu ámbito outros usos que, nun futuro próximo, a sociedade demande. Ademais de recollerse a necesidade amplamente sentida polos axentes da edificación, en xeral, de promover os procedementos necesarios para impulsar a innovación tipolóxica e construtiva.

Abórdase nesta nova normativa tamén a redefinición dos estándares superficiais das diferentes pezas da vivenda desde unha tripla vertente. Primeiro, desde criterios de accesibilidade, aumentando en moitos casos as superficies para que estas poidan ser nun futuro adaptables ás necesidades das persoas con discapacidade, das persoas maiores ou con mobilidade reducida. Segundo, recuperando antigas tipoloxías típicas galegas, como por exemplo a cociña-comedor. E por último, superando criterios desfasados, totalmente fóra do tempo e do lugar actual.

Existe tamén a necesidade de regulación da aptitude de uso dos espazos complementarios das vivendas, como son os garaxes e rochos, e mesmo no caso de edificacións colectivas, os espazos comúns para o desenvolvemento de actividades comunitarias.

Trátase, ademais, de entender a vivenda e o seu contorno inmediato, non só no momento da súa construción, senón tamén ao longo da súa vida útil, de tal xeito que a súa calidade ambiental e durabilidade se incorporen nesta regulación normativa e se fomente un mantemento racional da vivenda.

A excepcionalidade do cumprimento dalgúns aspectos desta norma deberase aplicar só a casos específicos, como son as edificacións existentes que queiran mellorar o seu nivel de funcionalidade, que na maioría dos casos se refiren á accesibilidade, e só nunha porcentaxe moi limitada a actuacións condicionadas polas características das parcelas.

Así mesmo e co obxecto de mellorar a eficacia e efectividade dos procesos de rehabilitación en ámbitos de protección tanto urbanos como rurais, prevese a posibilidade de que os concellos elaboren anexos de habitabilidade aos plans especiais de protección, de tal xeito que a regulación da excepcionalidade nestes ámbitos se resolva durante a súa tramitación.

Tratarase, en definitiva, de establecer un novo modelo de hábitat onde a vivenda se deseñe e proxecte de tal xeito que a satisfacción e as expectativas dos usuarios sexa a súa prioridade.

Por todo iso, tendo en conta que, segundo o establecido no artigo 27.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de vivenda e que polo Real decreto 1926/1985, do 11 de setembro, se traspasaron á comunidade autónoma as funcións e servizos do Estado en materia de patrimonio arquitectónico, control de calidade da edificación e vivenda, é polo que, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

capítulo i

disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto aprobar as normas do hábitat galego, entendendo por este o conxunto das condicións de funcionalidade e habitabilidade que deben reunir as edificacións con uso destinado a vivenda que se conteñen no anexo desta disposición.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Todas as vivendas de nova construción, así como as que se amplíen, renoven ou rehabiliten no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia deberán cumprir as determinacións recollidas nas normas do hábitat galego.

Artigo 3º.-Coordinación co planeamento.

1. Para os efectos previstos no artigo 48.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, os instrumentos de ordenación urbanística conterán unha memoria xustificativa da súa adecuación ás normas do hábitat galego.

2. De conformidade co establecido no artigo 85.3º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal os concellos deberán solicitar da consellería competente en materia de vivenda un informe sobre a adecuación do plan ás normas do hábitat galego, que deberá ser emitido no prazo dun mes. Transcorrido este prazo sen emitirse o informe solicitado poderá continuarse o procedemento de aprobación.

Artigo 4º.-Verificación do seu cumprimento.

1. Os proxectistas, de acordo co artigo 6.1º.4 do Real decreto 314/2006, polo que se aproba o Código técnico da edificación, deberán incorporar na memoria dos seus proxectos unha memoria específica sobre o cumprimento desta normativa.

2. Os concellos, no momento da solicitude polo promotor da licenza municipal de obras, verificarán o cumprimento desta normativa, feito que quedará recollido no acto de outorgamento da licenza.

3. No certificado final de obra, a dirección facultativa manifestará explicitamente o cumprimento das especificacións contidas nesta normativa. O devandito certificado servirá de base para a concesión da licenza de primeira ocupación por parte do concello.

4. A licenza de primeira ocupación constitúe o único documento que ampara a aptitude das diferentes unidades residencias para ter a consideración de vivenda.

5. Os concellos terán a responsabilidade de velar polo mantemento, ao longo da vida útil das vivendas, das súas condicións de habitabilidade.

Artigo 5º.-Comité Asesor de Habitabilidade.

Créase o Comité Asesor de Habitabilidade co obxecto de facer un seguimento da correcta aplicación das normas do hábitat galego, así como asesorar sobre os criterios interpretativos das normas por parte do conxunto dos concellos galegos, ademais de coordinar os programas de innovación tipolóxica e construtiva.

Este órgano de asesoramento, dependente da consellería con competencias en materia de vivenda, estará composto polo persoal e representantes da Consellería de Vivenda e Solo e outras administracións públicas, así como polos axentes da edificación que se considere. Na composición deste órgano procurarase unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Correspóndelle ao titular da Consellería de Vivenda e Solo desenvolver mediante unha orde a composición deste órgano e establecer as normas xerais de organización e funcionamento.

Artigo 6º.-Convenios de colaboración.

1. A Consellería de Vivenda e Solo poderá establecer convenios de colaboración cos concellos para dotalos de medios humanos e técnicos necesarios para a mellor aplicación desta norma.

2. Así mesmo, a Consellería de Vivenda e Solo poderá establecer outros convenios de colaboración cos axentes da edificación que promovan o seu coñecemento e correcto cumprimento.

Artigo 7º.-Inspección.

A Consellería de Vivenda e Solo poderá inspeccionar en calquera fase do proceso construtivo a correcta aplicación desta normativa técnica, de conformidade co establecido na Lei 4/2003, do 29 de xullo, de vivenda de Galicia e de acordo coas competencias que lle atribúe o Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo e o Decreto 506/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

capítulo ii

vivendas novas

Artigo 8º.-Vivendas nos ámbitos de planeamento sen ordenación detallada.

As vivendas novas que se constrúan en calquera clase de solo, en ámbitos de planeamento sen ordenación detallada no momento da entrada en vigor destas normas, deberán cumprir na súa integridade as determinacións previstas no punto I das normas do hábitat galego.

Artigo 9º.-Vivendas nos ámbitos de planeamento con ordenación detallada.

1. As vivendas novas que se constrúan en ámbitos de planeamento con ordenación detallada vixente no momento da entrada en vigor deste decreto deberán cumprir as determinacións establecidas no punto II das normas do hábitat galego.

2. No caso en que non se inicien as obras de urbanización, no prazo de catro anos desde a entrada en vigor deste decreto, deberán cumprirse integramente as disposicións do punto I das normas do hábitat galego.

Artigo 10º.-Innovación tipolóxica e construtiva.

1. Nos ámbitos de planeamento sinalados nos artigos anteriores poderán solicitar as persoas promotoras, tanto públicas como privadas, a aplicación do procedemento especial de innovación tipolóxica e construtiva previsto no punto IV das normas do hábitat galego que suporá a non aplicación íntegra das normas do hábitat galego.

2. O procedemento iniciarase coa presentación dunha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda pola persoa promotora en que se solicita a súa aplicación e se compromete ao cumprimento das determinacións recollidas no punto IV.2 das normas do hábitat galego.

capítulo iii

vivendas existentes

Artigo 11º.-Excepcionalidade do cumprimento das normas do hábitat galego.

1. Para realizar obras de rehabilitación funcional, ampliacións e reforma nas vivendas construídas ao abeiro da normativa de habitabilidade anterior a este decreto, as persoas interesadas poderán solicitar a través dos concellos, a excepcionalidade do cumprimento das normas do hábitat galego como consecuencia da configuración física da parcela ou da edificación ou polas condicións previstas nos instrumentos urbanísticos de protección a que puidesen estar sometidos.

2. A súa tramitación ante a Consellería de Vivenda e Solo iniciarase coa presentación da solicitude por parte do concello respectivo segundo o modelo previsto no anexo III das normas do hábitat galego e coa documentación mínima prevista nel, que deberá presentarlle ao concello a persoa promotora das obras.

3. O procedemento axustarase ás normas xerais da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, correspondéndolle á Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda resolver sobre a autorización da excepcionalidade.

Artigo 12º.-Rehabilitación funcional.

1. As obras de rehabilitación funcional son aquelas que teñen por obxecto dotar a edificación de melloras funcionais que permitan, entre outras, a supresión de barreiras arquitectónicas e promovan melloras na accesibilidade.

2. Cando as melloras funcionais afecten os elementos comúns de evacuación da edificación será necesario presentar conxuntamente coa solicitude prevista no artigo anterior un plan de autoprotección contra incendios e de evacuación desta, sempre e cando non se cumpra o estipulado no Documento Básico de Seguridade de Incendios (DB SI) do Código Técnico da Edificación (CTE).

3. Na súa tramitación deberá observarse o procedemento previsto no artigo anterior e segundo os contidos mínimos de habitabilidade previstos no punto III.3 das normas do hábitat galego.

Artigo 13º.-Ampliacións e reformas.

1. Nas obras de ampliación e reforma será necesario presentar, conxuntamente coa solicitude prevista no artigo 11, un plan de autoprotección contra incendios e de evacuación da edificación sempre e cando se interveña nos elementos comúns de evacuación da edificación e non se cumpra o estipulado no DB SI do CTE.

2. Así mesmo deberán cumprirse as determinacións previstas no punto III.4 das normas do hábitat galego.

Artigo 14º.-Rehabilitación en áreas cun instrumento urbanístico de protección non adaptado a estas normas do hábitat galego.

1. Nas obras de rehabilitación en áreas cun instrumento urbanístico de protección non adaptado a estas normas do hábitat galego, será necesario presentar conxuntamente coa solicitude prevista no artigo 11 un estudo previo con alternativas que promovan aquelas medidas de seguridade e habitabilidade que melloren as determinacións de protección do planeamento.

2. Así mesmo, deberán cumprirse as determinacións previstas no punto III.2 das normas do hábitat galego.

Artigo 15º.-A habitabilidade e os plans especiais de protección.

1. Naquelas áreas de ámbito urbano ou rural en que se establece algún grao de protección para as edificacións de vivenda incluídas neste os concellos poderán redactar un documento complementario aos Plans Especiais de Protección (PEP) denominado anexo de habitabilidade.

2. A aprobación do anexo de habitabilidade ou do PEP co anexo de habitabilidade necesitarán da emisión dun informe sectorial, preceptivo e vinculante da consellería con competencia en materia de vivenda sobre os requisitos de habitabilidade. O informe deberá ser emitido no prazo dun mes desde a súa petición. Transcorrido este prazo sen emitirse poderá continuarse o procedemento de aprobación do plan ou do anexo de habitabilidade.

3. O cumprimento das determinacións recollidas no citado anexo de habitabilidade significará a súa viabilidade en materia de habitabilidade sen necesidade de formular ningunha solicitude de excepcionalidade prevista no artigo 11.

4. O anexo de habitabilidade deberá cumprir as especificacións contidas no punto III.1 das normas do hábitat galego. O anexo de habitabilidade, cando se tramite independentemente do PEP, seguirá a tramitación prevista no artigo 86.2º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro.

Disposicións transitorias

Primeira.-Estas normas do hábitat galego non serán de aplicación ás obras de nova construción ou ás obras en edificios existentes que teñan solicitada a licenza de edificación no momento de entrada en vigor deste decreto, ás cales seguirá sendo de aplicación o Decreto 311/1992, do 12 de novembro, sempre e cando o inicio das obras se efectúe no prazo de seis meses desde o outorgamento da licenza, segundo o previsto no artigo 197 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segunda.-Nas áreas de planeamento sen ordenación detallada que conten con planeamento de detalle aprobado inicialmente no momento de entrada en vigor deste decreto ou nas que se acorde a aprobación inicial do planeamento de detalle dentro do prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto será de aplicación o previsto para as áreas de planeamento con ordenación detallada.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 311/1992, do 12 de novembro, sobre supresión da cédula de habitabilidade, así como todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido neste decreto, sen prexuízo do previsto nas disposicións transitorias deste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Consellería de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, poderá ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Mª Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO

I. Ámbitos de planeamento sen ordenación detallada

Definición: son os ámbitos en que non existe planeamento de detalle no momento de entrada en vigor desta normativa.

I.A. Vivenda.

I.A.1. Condicións de deseño, calidade e sustentabilidade.

I.A.1.1. Vivenda exterior.

-Toda vivenda será exterior, polo que as súas pezas vivideiras (estar, comedor, cociña e dormitorio/s) deberán ter iluminación natural e relación directa co exterior a través dun espazo libre exterior de calidade, xa sexa público ou privado.

-Permitirase, como excepción, que unha das súas pezas vivideiras, excluído o estar, poida ter iluminación natural e relación co exterior a través dun patio interior.

I.A.1.2. Asollamento, luz natural e relación co exterior.

I.A.1.2.1. Asollamento.

-Na configuración e deseño da vivenda exterior deberá garantirse que algunha das súas pezas vivideiras e con carácter preferente o estar, estar-comedor ou estar-comedor-cociña desfrute dunha hora diaria de sol directo, como mínimo, no mes de decembro.

-Así mesmo, a vivenda deberá dispor dos elementos construtivos necesarios para impedir que unha incidencia solar excesiva nas súas fiestras impida o desenvolvemento normal das actividades en condicións adecuadas de confort térmico. En ningún caso a solución construtiva utilizada se baseará no escurecemento total da peza vivideira.

I.A.1.2.2. Luz natural.

-Toda peza vivideira terá iluminación natural directa desde o exterior por medio dunha fiestra situada no plano vertical da fachada que dispoña dunha superficie mínima de 1/8 da superficie útil da súa planta.

-Cando a peza vivideira se ilumine a través dunha terraza cuberta de profundidade superior a 2 metros, a superficie mínima de iluminación natural será 1/6 da superficie útil da peza. A profundidade máxima da citada terraza non poderá superar os 3 m e a lonxitude será sempre maior ou igual á súa profundidade.

-A iluminación natural das pezas vivideiras poderá efectuarse a través de galerías de profundidade máxima de 1,50 m. Neste caso a superficie mínima de iluminación entre peza e galería será 1/6 da superficie útil da peza e deberá manterse a continuidade da envolvente principal da edificación.

-A profundidade máxima das pezas medida perpendicularmente á fonte de iluminación natural será de 7,50 m. Poderán alcanzarse profundidades superiores sempre que esta dimensión sexa como máximo 1,5 veces o largo mínimo da peza, sendo a superficie mínima de iluminación natural de 1/6 da superficie útil da peza.

-Non se admite a iluminación natural de pezas vivideiras só a través de fiestras situadas na vertente de cuberta.

I.A.1.2.3. Relación co exterior.

-Co deseño das fiestras, así como coa súa forma e disposición, deberá garantírselles aos futuros usuarios da vivenda a relación visual co espazo exterior de calidade desde o seu interior.

De tal xeito, a altura máxima da parte inferior da fiestra, polo menos no estar da vivenda, non poderá superar os 45 cm.

-A documentación dos proxectos básicos e/ou de execución deberá incluír unha memoria na cal se xustifique o tipo de fiestra elixida, así como os alzados interiores das fachadas das vivendas coa súa situación.

1. I.A.1.3. Calidade ambiental e sustentabilidade.

-Deberá garantirse que, como consecuencia do deseño do edificio, así como a implantación neste doutros usos ou actividades complementarias da edificación, a calidade do aire exterior utilizado na renovación do aire interior das vivendas non se atopa contaminado.

Así mesmo, terase especial consideración na eliminación da posible contaminación das vivendas por gas radon.

-Na configuración da vivenda e co obxecto de mellorar o deseño da calidade ambiental das vivendas deberá potenciarse a implantación da ventilación cruzada que favoreza a renovación do seu aire interior, independentemente do cumprimento da normativa DB HS 3 Calidade do aire interior do CTE.

-Con carácter complementario a esta normativa a Administración autonómica regulará unha implantación progresiva de distintivos de calidade, que teña en consideración a utilización de materiais saudables e non-contaminantes.

-Deberán implantarse sistemas de regulación da renovación de aire interior das vivendas que teñan en conta o nivel de ocupación.

-Así mesmo, a Administración autonómica fomentará a implantación de procesos construtivos que minimicen a produción de residuos e a utilización de materiais que proveñan de procesos de reciclaxe.

I.A.2. Condicións espaciais.

I.A.2.1. Composición e compartimentación.

-Para a aplicación desta normativa, a composición das vivendas estrutúrase nas seguintes áreas:

-Área de día.

-Área de noite.

-Área complementaria.

-A distribución da vivenda debe ser apropiada ás necesidades dos seus ocupantes, sendo desexable tamén a súa flexibilidade ante un posible cambio destas.

-Así mesmo, co obxecto de facilitar e verificar a aplicación desta norma, no anexo II establécense os criterios de aplicación, dimensionamento básico do mobiliario tipo e características dos espazos libres exteriores.

-A calidade espacial das pezas vivideiras e servidoras reguladas nesta normativa determínase pola obrigatoriedade de inscribir na planta das pezas a forma xeométrica dun cadrado, así como na obriga de que ningún elemento construtivo poida invadir a súa superficie, ademais de pola súa situación respecto á liña de fachada que se determinará en cada unha das pezas.

-As pezas vivideiras serán independentes entre si, de modo que no camiño cara a elas desde o acceso da vivenda non se utilice como paso exclusivo outra peza que non sexa un corredor.

Admitirase como excepción o acceso directo aos dormitorios desde o estar sempre que se aumente a superficie deste coa correspondente ao espazo de circulación. O cómputo da superficie ocupada pola devandita circulación realizarase medindo un largo mínimo dun metro sobre o seu eixo.

-O acceso ao cuarto de baño obrigatorio efectuarase a través dos espazos de comunicación e nunca directamente desde unha peza vivideira. Se a vivenda dispón doutros cuartos de aseo, estes poderán ter acceso exclusivo desde un dormitorio.

I.A.2.2. Programa mínimo.

-A vivenda constará como mínimo das seguintes pezas; un espazo capaz para estar, comer e cociñar, un dormitorio dobre, un cuarto de baño, área de lavado e patio tendal.

I.A.2.3. Alturas mínimas.

I.A.2.3.1. Alturas libres mínimas.

-As alturas libres mínimas entre pavimento acabado e cara inferior de forxado serán de 2,70 m.

-As alturas libres mínimas entre pavimento e teito acabados serán de 2,60 m.

-En vestíbulos, corredores, cuartos de aseo e cuartos de baño, a altura libre mínima poderá reducirse ata 2,40 m.

-Nas restantes pezas esta altura libre mínima de 2,40 m poderá permitirse, sempre que non exceda, como máximo, o 30% da superficie útil da peza.

I.A.2.3.2. Pezas baixo cuberta.

-Non se permite en baixo cuberta alturas inferiores ás citadas no artigo anterior.

I.A.3. Condicións dimensionais, funcionais e dotacionais.

* Área de día.

I.A.3.1. Condicións xerais.

-A área de día debe incluír un ámbito destinado a estar, outro a cociña e outro a comedor. A superficie útil mínima dedicada a esta zona en función do número de habitacións e da superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Área de día³21 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Área de día³23 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Área de día³27 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U. total£90 m2 Área de día³29 m2

Nas vivendas cunha superficie útil total maior que 90 m2 a superficie da área de día aumentarase en proporción de 3 m2 por cada 10 m2 de aumento da superficie útil total da vivenda.

-As superficies útiles mínimas do estar-comedor-cociña cando constitúan unha única peza serán as sinaladas no punto anterior.

-A planta do estar-comedor-cociña deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,50 m. Os espazos con largos menores de 2,50 m non computarán para efectos de cumprimento das superficies mínimas establecidas.

I.A.3.2. Estar.

I.A.3.2.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Cando o estar sexa unha peza independente, a superficie útil mínima dedicada a este en función do número de habitacións e a superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Estar³12 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Estar³14 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Estar³16 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U. total£90 m2 Estar³18 m2

A planta do estar deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramento de 3,30 m.

-Se o ámbito do comedor se incluíse no do estar deberanse engadir 4 m2 a cada unha das superficies útiles mínimas citadas.

A planta do estar-comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,50 m. Os espazos con largos menores de 2,50 m non computarán para efectos do cumprimento de superficies mínimas establecidas.

I.A.3.3. Comedor.

I.A.3.3.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Cando o comedor sexa unha peza independente, a superficie útil mínima dedicada a este en función do número de habitacións e a superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Comedor³6 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Comedor³7 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Comedor³8 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U. total£90 m2 Comedor³9 m2

A planta do comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,40 m por 2,40 que deberá estar en contacto coa liña de fachada.

I.A.3.4. Cociña.

I.A.3.4.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Se a cociña é unha peza independente a súa superficie útil mínima será a seguinte:

Vivendas de 1 e 2 dormitorios 7 m2.

Vivendas de 3 ou máis dormitorios 9 m2.

-Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 1,80 m. Establécese un largo libre mínimo entre mesados de mobles de cociña de 1,20 m. A lonxitude mínima da fronte do espazo dedicado a mesado será de 3,60 m.

-Se o ámbito do comedor se incluíse no da cociña deberanse sumar 4 m2 ás superficies útiles mínimas citadas.

-A planta da cociña-comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,20 m de lado en contacto coa liña de fachada.

-A cociña terá iluminación natural directa ao exterior. En ningún caso a cociña se iluminará e ventilará a través da área de lavado ou patio tendal.

-O dimensionamento dos seus diferentes equipamentos e aparellos deberá axustarse ás dimensións previstas no anexo II.

* Área de noite.

I.A.3.5. Dormitorios.

I.A.3.5.1. Dimensións superficiais e lineais.

-A superficie útil mínima dos dormitorios dobres será de 12 m2, e na súa planta deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,70 m de lado en contacto coa liña de fachada. En toda vivenda deberá existir polo menos un dormitorio dobre. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,70 m nos dormitorios dobres.

Admítense distancias menores a 2,70 m nos espazos de acceso aos dormitorios pero as superficies destes espazos de acceso non computarán para efectos de superficie mínima de habitabilidade coa excepción de que estes sirvan para o acceso directo ao almacenamento persoal ou baños/aseos complementarios do citado dormitorio ata un máximo de 1,2 m2.

-A superficie útil mínima dos dormitorios individuais será de 8 m2. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2 m nestes.

I.A.3.5.2. Almacenamento persoal.

-Os dormitorios disporán dun espazo para almacenamento de efectos persoais cunha superficie en planta de 0,75 m2 por ocupante e dunha altura de 2,20 m.

-Estes espazos destinados a armarios poderán estar situados nunha zona específica destinada a vestidor ou nos corredores da vivenda deducíndose a súa superficie da dos dormitorios para efectos do cumprimento das superficies mínimas previstas.

* Áreas complementarias.

I.A.3.6. Cuarto de baño obrigatorio.

-En todas as vivendas instalarase, cando menos, un cuarto de baño, coas seguintes características.

I.A.3.6.1. Dimensións superficiais e lineais.

-O cuarto de baño obrigatorio terá unha superficie útil mínima de 5 m2, cunha distancia mínima entre paramentos enfrontados de 1,60 m.

-A disposición dos aparellos sanitarios deberá ser tal que permita convertelo en baño de uso adaptable para persoas con mobilidade reducida segundo a normativa de accesibilidade.

I.A.3.7. Cuarto de aseo.

-Cando exista na vivenda un cuarto de aseo, complementario do cuarto de baño, este terá unha dimensión mínima entre paramentos enfrontados de 1,20 m.

I.A.3.8. Área de lavado.

I.A.3.8.1. Dimensións superficiais e liñais.

-En toda vivenda existirá un espazo destinado a área de lavado cunha superficie útil mínima de 2 m2. Desde a área de lavado existirá un acceso directo ao patio tendal a través dun oco de dimensións mínimas de 1 m×1 m e antepeito de 1,10 m.

-A área de lavado poderá constituír unha peza autónoma ou incorporarse ao cuarto de baño, aseo ou cociña mantendo o seu carácter independente coa excepcionalidade do previsto no punto I.A.3.4.1.

I.A.3.9. Patio tendal.

-En toda vivenda existirá un patio vertical ventilado, con aire procedente do exterior, para tendal de dimensións mínimas 1×2 m. Este espazo estará cuberto por unha bufarda cunha transparencia nominal do 90%, cunha superficie mínima de ventilación equivalente ao 0,40 da súa superficie en planta. Para garantir o fluxo de aire necesario para secar a roupa dispoñerase un conduto de entrada de aire na parte inferior do patín cunha superficie mínima de 0,20 m2 que tomará o aire do exterior do edificio.

-Se o tendal é contiguo á fachada deberá pecharse para protexer as vistas desde o exterior.

-A superficie do tendal non se poderá deducir da de ningunha outra peza da vivenda.

-Os aseos poden abrir ocos de iluminación e ventilación complementaria a este patio pero isto non excluirá a dotación dun conduto de ventilación independente que garanta o cumprimento dos parámetros exixidos polo CTE.

-Prohíbese a existencia de condutos de ventilación/extracción que reduzan a superficie mínima establecida ou que ventilen directamente ao patio tendal.

-O tratamento das fachadas do patio tendal realizarase con materiais e superficies que potencien a luminosidade e garantan a durabilidade e a limpeza.

I.A.3.10. Espazos de comunicación:

-Os corredores terán un largo libre mínimo entre paramentos de 1 m.

-O largo libre mínimo das portas de paso será de 0,80 m, e a súa altura libre mínima de 2,10 m.

-O espazo de acceso interior da vivenda deberá admitir a inscrición dun cadrado de 1,50 m de lado libre de obstáculos en contacto coa porta de entrada.

I.A.3.11. Espazo de almacenamento xeral.

-As vivendas disporán dun espazo para almacenamento xeral, cunha superficie en planta de 0,60 m2 por ocupante e unha altura mínima de 2,20 m.

-Este espazo poderá agruparse co previsto para o almacenamento persoal nesta normativa.

I.A.3.12. Outras pezas.

-Toda peza maior de 6 m2 que non quede definida neste decreto axustarase como mínimo ás condicións exixidas para o dormitorio individual e computará como tal para efectos do dimensionamento da zona de día.

I.A.3.13. Dotación mínima de instalacións na vivenda.

-No deseño das instalacións terase en conta a súa compatibilidade cos elementos construtivos e o confort acústico da vivenda.

-Deberá garantirse a accesibilidade a estas para facilitar o seu mantemento e renovación, ademais de ter a sectorización necesaria tanto na entrada como no interior da vivenda que permita un correcto funcionamento, uso e conservación destas.

-Toda vivenda deberá contar coa dotación mínimas de instalacións necesarias que o permita a adecuada realización das funcións previstas nas diferentes pezas vivideiras e servidoras, reguladas neste normativa e que a continuación se relacionan:

-Rede interior de auga fría potable.

-Rede interior de calefacción e auga quente, que no caso de produción individual terá incorporada o elemento xerador correspondente.

-Rede interior de evacuación de aparellos sanitarios e electrodomésticos

-Rede interior de antena de TV e teléfono, ademais de rede de interfonía para comunicar as vivendas co portal do edificio.

Os seus niveis de calidade regularanse nos correspondentes regulamentos técnicos.

-En zonas climáticas onde non sexa posible alcanzar as condicións de confort, a través de solucións bioclimáticas e sustentables, será necesario a instalación de sistemas de acondicionamento de aire. Adaptaranse as súas características ao vixente Regulamento de Instalacións Térmicas do Edificio (RITE).

I.A.3.13.1. Equipamentos e aparellos.

-As pezas da vivenda: cociña, cuarto de baño, cuarto de aseo e área de lavado disporán dos seguintes equipamentos ou aparellos:

Cociña.

-Deberá reservarse nela o espazo necesario para a futura instalación do vertedoiro, lavalouza, frigorífico, forno, cociña e sistema de extracción mecánica para os vapores e os contaminantes da cocción.

Así mesmo, deberá dotarse o citado equipamento da preinstalación necesaria para o seu correcto funcionamento

-A preinstalación do vertedoiro deberá contar con subministración de auga fría e quente e evacuación con peche hidráulico.

-A preinstalación do sistema de extracción mecánica conectará cun conduto, duradeiro e resistente, individualizado por vivenda de Ø150 mm, cuxo trazado deberá ter a mínima desviación posible.

-A preinstalación de lavalouza deberá contar con toma de auga fría e quente, ademais de toma eléctrica.

-Os condutos de extracción de fumes, así como os de extracción para a ventilación xeral das vivendas e o conduto de extracción específico da campá deberán levarse ata a cuberta do edificio. En ningún caso sairán á fachada, patio interior ou patio tendal.

-En calquera caso deberá garantirse a seguridade das persoas e uso no funcionamento simultáneo das extraccións previstas con anterioridade de acordo coa normativa técnica vixente.

-Nas cociñas, as zonas expostas á auga deberán ir revestidas dun material impermeable.

-Deberanse prever espazos axeitados para a xestión de residuos no interior da vivenda. Almacenamento separativo de lixos para reciclaxe: cartón, vidro, envases, orgánico e varios segundo o CTE DB HS 2.

Cuartos de baño e aseo.

-O cuarto de baño estará composto por bañeira ou ducha, lavabo, inodoro e preinstalación de bidé.

-Os cuartos de aseo deberán ir revestidos de material impermeable nas zonas expostas á auga.

-Deberán dispor de recolleita independente das augas grises para a súa posterior reutilización, así como incorporar accesorios que fomenten o aforro no consumo de auga.

Área de lavado.

-Dotarase de lavadoiro e preinstalación para lavadora e secadora.

-A preinstalación de lavadora deberá contar con toma de auga fría e quente, ademais de toma eléctrica.

-Na área de lavado, as zonas expostas á auga deberán ir revestidas dun material impermeable.

I.B. Edificio.

I.B.1. Integración e implantación.

-Todo edificio, ademais de cumprir coas condicións urbanísticas do planeamento, deberá ter unha escala e implantación coherente coa paisaxe natural ou urbana de calidade en que se insira.

I.B.1.1. Escala e integración na paisaxe.

-A implantación do edificio no terreo adaptarase o máximo posible ao perfil natural deste, evitando movementos de terra innecesarios.

-Así mesmo, a disposición da edificación, as súas formas, materiais e cores harmonizarán cos valores do seu contorno.

I.B.1.2. Implantación na trama urbana.

-Os edificios situados en contornos urbanos de calidade deberán respectar as características volumétricas, tipolóxicas e de implantación existentes, e manter a integración ambiental.

I.B.2. Condicións do edificio en relación co espazo exterior de calidade.

I.B.2.1. Condicións urbanas da edificación.

-Non se poderá invadir o espazo exterior de calidade, tanto público como privado, definido no planeamento urbanístico con ningún voo da edificación.

-Exceptúanse do indicado no punto anterior aqueles elementos construtivos e/ou espaciais lixeiros que, cun largo máximo de 80 cm e altura libre mínima sobre rasante de 4 m, se acaroen á fachada da edificación coa finalidade de mellorar a eficiencia enerxética da edificación, xa sexa por aforro enerxético ou como protección solar.

Cando se produza unha ocupación do espazo exterior deste tipo, protexeranse as vistas laterais das edificacións lindantes cunha distancia do dobre da súa ocupación.

-Cando o tipo de ordenamento da edificación establecida polo planeamento urbanístico permita a utilización de recuamentos e voos na edificación dentro da parcela, é dicir, sen invadir o espazo exterior de calidade, estes deberán preservar o asollamento, iluminación natural e relación co espazo exterior das pezas vivideiras das vivendas lindantes.

I.B.2.2. Condicións arquitectónicas da edificación.

-Deberán deseñarse de maneira integral e harmónica tanto as fachadas como as cubertas da edificación, así como calquera outro elemento construtivo espacial ou técnico que se incorpore á envolvente da edificación.

-Os baixos da edificación remataranse de xeito que se garanta que o posterior remate dos locais comerciais non deteriore a imaxe arquitectónica da edificación no seu conxunto.

-Cando aparezan medianeiras permanentes vistas, estas disporán dun tratamento acorde co deseño da envolvente do resto do edificio.

I.B.2.2.1. Recuamentos na edificación.

-De acordo co punto I.B.2.1, poderán deseñarse recuamentos na edificación que non poderán superar a profundidade de 2 m; así mesmo, haberá unha distancia mínima perpendicular desde a vivenda lindante de 2 m ata o seu inicio, tal e como aparece na representación gráfica do anexo II, punto I.B.2.

-O tratamento e oacabado dos paramentos dos recuamentos deberán ter unha calidade técnica e construtiva similar ao resto da envolvente da edificación.

-Así mesmo, deberán terse en conta as condicións de seguridade contra incendios previstas no CTE DB SI 2.

I.B.2.2.2. Voos na edificación.

-De acordo co punto I.B.2.1, poderán deseñarse voos na edificación coas seguintes características:

-Non poderán sobresaír máis de 1 m da fachada da edificación, debendo ter cuberta independente da xeral do edificio.

-Para permitir iluminación natural e relación co exterior da edificación lindante, deberá recuarse polo menos 1, 50 m da edificación lindante.

Segundo as súas características destes poderán consistir en:

-Voos lixeiros e acristalados.

-Galerías.

-Terrazas sen cubrir.

-Balcóns.

-O dimensionamento dos voos lixeiros e acristalados deberá ter en conta o CTE DB HE 1, dada a súa influencia na calidade térmica das vivendas.

I.B.3. Patios interiores.

-Denomínanse patios interiores os patios de parcela dispostos interiormente no edificio para proporcionar luz natural e calidade ambiental ás pezas da vivenda ou aos espazos do edificio.

Os patios interiores en ningún caso terán a consideración de espazo libre exterior de calidade.

-Os patios poderán estar cubertos ou protexidos mediante solucións construtivas cuxa transparencia e ventilación natural garantan a idoneidade da súa función. Para estes casos, o mínimo exixible será unha transparencia nominal do 90% e unha superficie de ventilación equivalente ao 0,40 da superficie en planta.

-O tratamento das fachadas do patio realizarase con materiais e superficies que potencien a luminosidade.

I.B.3.1. Dimensionamento de patios interiores.

-O seu dimensionamento virá determinado en función da existencia ou non de pezas vivideiras:

a) Nos patios interiores que dean luz natural e calidade ambiental ás pezas vivideiras da vivenda deberán poder inscribir un cadrado de lado mínimo de 4 m e a distancia desde o paramento en que se sitúen as fiestras para ventilación e iluminación destas ata o paramento vertical enfrontado será como mínimo 1/3 de H, sendo H a altura do patio, medida desde o chan acabado da primeira planta que ventile e ilumine ao seu través ata a coroación superior do paramento vertical máis alto que o delimite.

b) Todos os patios interiores serán accesibles para a súa limpeza e terán a dotación de instalacións necesarias desde algún elemento común do edificio.

I.B.4. Espazos comúns.

I.B.4.1. Portal.

-É o espazo de acceso desde o exterior da edificación aos núcleos de comunicación interior desta.

-Terá un tratamento axeitado na composición arquitectónica da fachada. No ámbito da embocadura incorporará unha placa de identificación do edificio, e un dispositivo de comunicación e apertura automática con todas as vivendas.

-Non se permite que un mesmo portal sirva de acceso único para vivendas e locais de uso diferente (comercial, hoteleiro, oficinas...). Coa excepción daquelas actividades en que se deban compatibilizar vivenda e traballo.

I.B.4.1.1. Acceso.

-O plano da porta de acceso estará atrasado un mínimo de 1,20 m sobre o plano de aliñación de fachada formando un oco para iluminación e acceso cun largo e altura mínimos libres de 2,40 m. A porta de acceso terá un largo libre mínimo de 0,90 m e unha altura libre mínima de 2,20 m.

-A embocadura de acceso ao portal deseñarase de maneira que proporcione iluminación natural.

-Poderá substituírse, segundo o caso, o chanzo de 12 cm previsto na norma de accesibilidade por un desnivel.

I.B.4.1.2. Ámbito interior do portal.

-A planta do portal deberá admitir a inscrición dun cadrado de lado mínimo de 2,40 m en contacto coa zona de acceso. Deberá, ademais, ter unha altura libre mínima de 3 m. Establécese un largo libre mínimo de 1,50 m para o portal.

-O cadrado mínimo definido para dimensionar o ámbito interior do portal non se pode invadir polo varrido da porta de acceso.

-É obrigatorio que exista un percorrido adaptado para persoas con mobilidade reducida desde a porta de acceso ata os ascensores ou oco de ascensor.

-Existirá un espazo destinado a caixas de correos postais para cada vivenda, que non invadirá o devandito ámbito mínimo establecido.

I.B.4.1.3. Áreas de acceso a ascensores e escaleiras.

-Esta zona terá un largo libre mínimo de 2 m en toda a súa extensión e, ademais, na súa planta deberá admitir a inscrición dun rectángulo de dimensións mínimas 2,40 m×1,50 m. Deberá, ademais, ter unha altura libre mínima de 2,40 m.

-No caso de que non fose obrigatoria a instalación de ascensor, sempre se deberá respectar igualmente este ámbito, tendo en conta a obriga de deseñar un oco para a súa futura implantación, segundo o punto II.B.4.2.1.

I.B.4.2. Escaleiras.

Distínguense dúas situacións:

-Situación A: edificios en que non sexa exixible o ascensor segundo o punto I.B.4.4.

-Situación B: edificios en que sexa exixible o ascensor segundo o punto I.B.4.4..

Para ambas as situacións (A ou B) a altura libre mínima será de 2,40 m.

I.B.4.2.1. Dimensionado das escaleiras.

-O largo libre mínimo entre paramentos para unha escaleira dun tramo será de 1,20 m e, se é de dous tramos, de 2,40 m.

-O largo libre mínimo de chanzos será 1 m. E as dimensións libres de relanzos intermedios ou descansos cando non sirvan de acceso a corredores de distribución serán iguales ao devandito largo libre mínimo do chanzo. As escaleiras cumprirán ademais o disposto no DB SU do CTE.

-Será obrigatorio, nos edificios tipo A, ter previsto un oco libre e continuo en toda a altura do edificio (incluídos os sotos) en cuxa planta se poderá inscribir un cadrado de lado mínimo de 1,60 m para a instalación futura dun ascensor. A situación deste oco terase en conta no deseño do portal do edificio e nos descansos de acceso ás vivendas.

I.B.4.2.2. Iluminación das escaleiras.

-Todo núcleo de escaleira contará con iluminación natural e/ou artificial suficiente para o seu uso, segundo a normativa vixente do CTE.

-A iluminación natural será obrigatoria no caso de escaleiras na situación A. Esta iluminación natural pódese establecer por medio de ocos a fachadas ou patios, cuxa superficie mínima será de 1 m2 en cada planta.

-Admitirase iluminación cenital, por medio dun lucernario que dispoña dunha superficie mínima equivalente a 2/3 da superficie da caixa de escaleira. Neste caso o oco central da escaleira quedará libre en toda a súa altura e nel deberá poder inscribirse un cadrado de lado mínimo 1,60 metros. Este oco está pensado para a futura posible instalación dun ascensor acristalado. A situación deste elemento terase en conta no deseño da estrutura do edificio (foso), do portal do edificio e dos descansos de acceso ás vivendas que estarán previstos para o futuro ascensor.

I.B.4.2.3. Ventilación das escaleiras.

-Cumpriranse as disposicións do DB SI do CTE.

I.B.4.3. Espazos de comunicación.

-O acceso ás vivendas deberá de efectuarse a través dun espazo público ou de uso común. A altura libre mínima destes espazos será de 2,40 metros.

-En cada planta deberá existir un espazo libre de obstáculos onde se poderá inscribir un rectángulo de dimensións mínimas 2,40×1,50 metros. Ademais o largo libre mínimo entre paramentos enfrontados será de 1,50 metros.

-Se o corredor ten unha lonxitude total comprendida entre 5 e 15 metros, e con obxecto de conseguir unha maior calidade espacial e ambiental, será obrigatoria a súa iluminación natural a través dun patio mínimo de 2×2 sendo o paramento contiguo ao corredor translúcido. No caso de superarse a devandita lonxitude, deberá deseñarse un patio similar por cada fracción inferior ou igual a 15 m. Estes patios serán accesibles e contarán coas instalacións necesarias para o seu mantemento.

-As portas de entrada á vivenda serán de dimensións tales que deixarán un paso dun largo libre mínimo de 0,80 metros e unha altura libre mínima de 2,20 metros.

I.B.4.4. Ascensores.

-No caso de que calquera percorrido interior no edificio supoña subir ou baixar un desnivel igual ou superior a 10,75 metros polo interior, será obrigatoria a instalación de ascensores en número de un por cada 20 vivendas.

-Se o desnivel é de 25 metros ou maior, o número mínimo de ascensores será de dous. Este desnivel medirase desde a rasante da rúa ata o chan acabado da última vivenda a que se acceda.

-Se existe garaxe e/ou rochos nos sotos do edificio ou rochos na baixo cuberta estarán comunicados co resto das plantas a través do ascensor (ou oco de ascensor para a súa futura instalación).

-O ascensor e o seu desembarco en cada planta e o núcleo de escaleiras serán sempre espazos comunicados entre si, existirá en todos os casos unha continuidade física entre ambos.

I.B.4.5. Espazos comunitarios.

-As promocións de a partir de 50 vivendas dotaranse dun ou varios espazos comunitarios de fácil acceso dedicados a usos múltiples para a comunidade de propietarios. A superficie útil mínima do devandito espazo será de polo menos 1 m2 por vivenda e as súas características as de peza vivideira.

I.B.4.5.1. Recintos para instalacións.

-Todo edificio comunitario contará con recintos ou cuartos independentes para os equipamentos de medida das diferentes instalacións, fontanaría, captación de enerxía, electricidade, telecomunicacións, calefacción, gas, ascensores, etc. que se axustarán, no seu dimensionamento e condicións de uso, ás regulamentacións vixentes de cada instalación.

I.B.4.5.2. Recintos para almacenamento de residuos sólidos.

-Todo edificio comunitario disporá dun recinto apto para o almacenamento de residuos sólidos susceptibles de xerarse nas vivendas ás cales sirva. O devandito recinto terá acceso directo desde espazos comunitarios, e as súas características e dimensións virán definidas segundo o CTE DB-HS-2.

I.B.5. Rochos.

Son aqueles espazos de almacenamento anexos e independentes ás vivendas, situados no propio edificio, con accesos a través dos espazos comúns do edificio.

I.B.5.1.1. Dimensións.

-A superficie útil mínima para un rocho será de 6 m2. Non computarán alturas libres inferiores a 2,10 metros. Os corredores de acceso a rochos terán un largo libre mínimo de 1,50 metros.

I.B.5.1.2. Dotación de instalacións.

-Cada rocho disporá dun punto de luz, unha toma de corrente eléctrica ademais de cumprir co disposto no CTE DB-SI.

I.B.6. Garaxes colectivos.

-Este punto será de aplicación aos locais de uso como garaxe, vinculados a edificios cuxo uso dominante sexa o de vivenda. Estes garaxes quedarán definidos nos planos de planta e sección, con delimitación dos accesos, ramplas, pendentes, vías, direccións de circulación e prazas de aparcadoiro.

A súa situación estará regulada polas prescricións de planeamento, normas e ordenanzas aplicables ao devandito uso en cada caso.

A adecuación ao uso requirirá o estudo pormenorizado de iluminación, ventilación, instalacións e medidas correctoras necesarias, de acordo coa normativa vixente.

I.B.6.1. Área de acceso.

-É a superficie de tránsito entre a vía pública e as vías de circulación propias do local.

O seu deseño permitirá nesta área o estacionamento momentáneo e non interferirá coa circulación da vía pública.

Naqueles casos en que se conte coa dotación dun sistema de apertura automatizada mediante control a distancia, os elementos de pechadura deberán ser coincidentes coa aliñación de fachada. Neste caso, haberá que manter a dotación da área de acceso, cara ao interior, entre a devandita pechadura e o inicio da rampla ou vía de acceso.

I.B.6.1.1. Dimensións da área de acceso.

-O largo libre mínimo da área de acceso para unha capacidade menor ou igual a 100 vehículos e con acceso único desde vías de largo maior ou igual a 15 m será de 3 m e, se o acceso é desde vías de largo menor a 15 m, será de 4 m. En cambio, para unha capacidade superior a 100 vehículos o largo mínimo será de 5 m ou dous accesos independentes de 3 m.

-O fondo libre mínimo da área de acceso, sen incluír superficies de dominio público, será de 4,70 m.

-A altura libre mínima da área de acceso será 2,30 m, permitíndose unha altura crítica en elementos illados sen pasar do 15% da superficie útil de 2,10 m.

-A pendente máxima admisible para a zona de acceso será do 5%.

-A porta terá como largo mínimo o 90% da vía interior á cal sirva, e unha altura libre mínima de 2,10 m medidos coa porta aberta, e atoparase sempre no plano de aliñación de fachada do inmoble ou aliñado coa porta do portal. Segundo o CTE DB SU 7 existirá un acceso peonil ao garaxe independente e coas condicións nel indicadas.

I.B.6.2. Vías de circulación e distribución.

-Son as encargadas da comunicación entre a área de acceso e os aparcadoiros.

-As vías de acceso garantiranlles o dominio visual (directo ou instrumental) aos condutores de todo tramo en que non sexa posible o cruzamento de vehículos.

-As vías de distribución permitirán o acceso a todas as prazas en estado de ocupación máxima. Os sentidos de circulación estarán sinalizados no seu pavimento.

I.B.6.2.1. Dimensións das vías ou ramplas de circulación.

-As vías ou ramplas de circulación terán unha pendente máxima do 18% en tramos rectos e do 14% en tramos curvos, medida sobre o eixe da vía.

-O largo libre mínimo das vías ou ramplas de circulación será de 3 m, e para máis de 100 vehículos e acceso único será de 5 m, aumentando en 0,30 metros na cara exterior dos xiros.

-O raio de xiro mínimo, medido no eixe dun carril, será 5,50 m.

-A altura libre mínima será de 2,30 m, permitíndose unha altura crítica en elementos illados sen pasar do 15% da superficie útil de 2,10 m.

I.B.6.2.2. Dimensións das vías de distribución e repartición.

-O largo libre mínimo das vías de distribución e repartición con aparcadoiros en batería será de 4,50 m. Se se trata de vías con aparcadoiros en liña, ou ángulo £45º será de 3,30 m e, para rematar, se se trata de vías sen acceso a prazas, o largo mínimo será de 3 m.

-O raio de xiro mínimo, medido no eixe da vía, será de 5,50 m.

-A altura libre mínima será 2,30 m, permitíndose unha altura crítica en elementos illados sen pasar do 15% da superficie útil de 2,10 m.

-A pendente máxima deste tipo de vías será do 5%.

I.B.6.3. Áreas de aparcadoiro.

A súa organización permitirá o acceso directo a todas as prazas.

I.B.6.3.1. Dimensións das áreas de aparcadoiro.

-A lonxitude libre mínima de cada praza de aparcadoiro será de 4,70 m e o seu largo libre mínimo de 2,40 m. As prazas de aparcadoiro debuxaranse tanto no proxecto como na obra executada. A altura libre mínima será de 2,20 m, permitíndose unha altura crítica, en menos do 20% da súa superficie de 2 m.

-Todos os edificios presentarán polo menos 1 praza de aparcadoiro adaptada para o uso de discapacitados. Engadirase 1 praza máis adaptada por cada 33 prazas que a área de aparcadoiro conteña. Naqueles supostos en que o edificio conte con vivendas aptas para o uso de discapacitados, reservaranse tamén prazas de aparcadoiro en igual número ca estas. As dimensións destas prazas serán reguladas pola lei -vixente no seu momento- sobre accesibilidade e supresión de barreiras.

-En ningún caso se permitirá a disposición de prazas pechadas independentes de aparcadoiro por cuestións de seguridade e visibilidade.

-Todas as prazas deberán permitir o acceso e a capacidade de manobra. Naquelas prazas de acceso conflitivo xustificarase graficamente a capacidade de manobra dos vehículos.

I.B.6.4. Accesos peonís.

-O seu deseño axustarase ao establecido no CTE DB SI.

I.B.6.5. Dotacións e instalacións.

-O uso de garaxe así como outros servizos de mantemento compatibles con estes precisan a adecuación do local cunhas dotacións suficientes de iluminación, ventilación e calidade do aire interior, illamento acústico, seguridade de utilización e seguridade contra incendios que, como mínimo, serán as fixadas nas normativas vixentes respecto diso. Todos os garaxes estarán dotados de, polo menos, unha toma de auga, almacén e un sumidoiro.

I.B.7. Dotación de instalacións.

-Os edificios de vivenda deberán contar co seguinte nivel dotacional de instalacións:

-Instalación de fontanaría.

-Instalación eléctrica.

-Instalación de saneamento.

-Instalación de telecomunicacións (televisión, telefonía...).

-Instalación de interfonía e de iluminación común.

-Instalación de tratamento e reutilización de augas grises e pluviais.

Instalación de paneis solares.

Se é o caso, segundo as características do edificio e sistema adoptado:

-Instalación de ascensores.

-Instalación de calefacción e auga quente sanitaria.

-Instalación de ventilación.

-Instalación doutras enerxías renovables.

-Os niveis de calidade das citadas instalacións regularanse a través da súa normativa específica.

-No edificio deberá preverse o deseño dos cuartos de contadores e instalacións precisas para o seu desenvolvemento, sen interferir nos espazos comúns previstos nesta normativa.

-En ningún caso, o trazado das instalacións comúns poderá invadir os espazos privativos das vivendas, incluídos os rochos.

-Así mesmo, as instalacións deberán discorrer a través dun espazo común da edificación accesible e convenientemente sinalado e sen interferencia con outros elementos construtivos que poidan deteriorar o nivel de confort acústico das vivendas (vibracións, nivel acústico alto...).

I.C. Contorno.

I.C.1. Espazos exteriores de calidade públicos e privados.

-As características dos espazos comunitarios, tanto públicos como privados, serán homoxéneas, só diferenciadas pola propiedade e condicións de uso que deberá definirse no planeamento.

-O espazo exterior de calidade, tanto público como privado, será deseñado con criterios de sustentabilidade. Este deseño xustificarase tanto no planeamento como nos proxectos de urbanización e edificación.

I.C.2. Accesibilidade.

-Os instrumentos de ordenación e as obras de urbanización deben garantir a accesibilidade a estes espazos exteriores de calidade de acordo co Real decreto 505/2007, do 20 de abril polo que se aproban as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación das persoas con discapacidade para o acceso e utilización dos espazos públicos urbanizados e edificacións, así como a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na comunidade autónoma, e o seu regulamento (Decreto 35/2000) e demais normativa que resulte de aplicación nesta materia.

I.C.3. Características referenciais dos espazos exteriores de calidade públicos inmediatos ao edificio.

-Deberá existir unha coherencia de deseño entre o espazo público e os edificios lindantes.

-Todo espazo público deberá contar con elementos axeitados tales como zonas peonís, mobiliario, iluminación e outros servizos de infraestruturas.

I.C.4. Características referenciais do espazo exterior de calidade privado inmediato ao edificio.

-Englóbanse dentro deste espazo aqueles establecidos polo planeamento municipal.

-O espazo deberá ser accesible, por motivos de seguridade, desde a vía pública e os espazos comúns da edificación.

-As características de deseño e calidade destes espazos serán homoxéneas coas do espazo exterior de calidade público.

-Deberá existir unha coherencia de deseño entre este espazo privado e os edificios lindantes.

I.C.5. Vivendas en planta baixa.

-No caso de deseñarse vivenda en planta baixa, esta deberá contar cun espazo exterior privativo dun largo mínimo de 3 m.

-O deseño do límite deste espazo exterior privativo da vivenda deberá garantir o nivel de privacidade dos usuarios da vivenda así como a calidade dos espazos exteriores lindantes.

I.D. Vivenda unifamiliar illada.

Con carácter complementario ás condicións xerais recollidas nesta normativa, as vivendas unifamiliares illadas deberán cumprir as seguintes determinacións.

I.D.1. Integración na paisaxe e no contorno.

I.D.1.1. Escala.

-A escala da edificación será acorde coa paisaxe circundante e coas construcións rurais tradicionais do contorno inmediato.

I.D.1.2. Materiais e cores.

-Nos casos en que no contorno das vivendas unifamiliares e illadas sexa dominante a utilización de materiais tradicionais como a pedra, a tella ou a lousa, poderanse utilizar nas novas intervencións estes materiais como elemento integrador sen adoptar solucións miméticas ás das arquitecturas existentes.

-Deberá preverse a integración das vivendas no contorno de xeito que as cores empregadas harmonicen coa paisaxe existente.

-Así mesmo, valorarase a utilización de cubertas axardinadas que faciliten a integración da vivenda unifamiliar na paisaxe e melloren o seu comportamento enerxético.

I.D.2. Condicións de deseño, calidade e sustentabilidade.

I.D.2.1. Vivenda unifamiliar illada exterior.

-Terán esta consideración aquelas vivendas en que todas as súas pezas vivideiras, sen excepción, teñen asollamento, luz natural e relación exterior a través da parcela.

I.D.2.2. Asollamento, luz natural e relación co espazo exterior da parcela.

I.D.2.2.1. Criterios bioclimáticos no deseño das vivendas unifamiliares illadas.

-Deberán estenderse o máximo número de pezas vivideiras aos criterios bioclimáticos de orientación, asollamento e iluminación natural.

-Ningunha peza vivideira neste tipo de vivenda poderá ter orientación única ao norte, agás naquelas áreas xeográficas cuxas características climatolóxicas permitan a súa utilización con criterios bioclimáticos e sustentables ou en localizacións que, polas súas características paisaxísticas, o aconsellen.

-As solucións construtivas dos cerramentos da vivenda deberán ter en consideración o seu comportamento térmico en relación co confort dos seus usuarios.

I.D.2.2.2. Implantación, tratamento e relación da vivenda co espazo exterior da parcela.

-A edificación das vivendas unifamiliares adaptarase á topografía do lugar, debendo minimizarse o movemento de terras.

-En ningún punto de ningunha das súas fachadas poderá superarse a altura de 7 m respecto da rasante lindante coa fachada.

-Deberá deseñarse na súa integridade a totalidade da parcela, minimizándose o risco na súa utilización por parte dos usuarios da vivenda.

-Procurarase que o maior número de pezas vivideiras teñan relación directa e accesibilidade desde a parcela.

I.D.2.3. Calidade ambiental e sustentabilidade.

I.D.2.3.1. Salubridade.

-Toda vivenda unifamiliar illada deberá separarse do terreo cun espazo mínimo de 60 cm desde o nivel inferior do forxado e garantir un nivel de ventilación cruzada suficiente que minimice o risco de penetración do aire exterior contaminado no interior da vivenda, así como o risco de humidade procedente do terreo.

Así mesmo, terase especial consideración na eliminación da posible contaminación das vivendas por gas radon.

-A distancia mínima de pozos de abastecemento de auga respecto de calquera fosa séptica ou fonte de contaminación será de 20 m.

-No caso da inexistencia de saneamento urbano deberá preverse o tratamento individual das augas residuais segundo o NTE-ISD para a súa posterior decantación e filtración ao terreo por gabias filtrantes. En ningún caso poderán verterse as augas pluviais ou as derivadas de augas de lavadora, cociña, etc. ao devan dito sistema.

I.D.2.3.2. Aforro enerxético e reciclaxe.

-O nivel de illamento térmico da envolvente deste tipo de vivendas deberá mellorar nun 20% os niveis mínimos establecidos no CTE.

-Así mesmo, a porcentaxe de auga quente sanitaria que deberá subministrarse por medio de paneis solares ou outras enerxías alternativas, nas zonas 1 e 2 segundo o establecido no CTE, deberá alcanzar o 50% e o 70% na zona 3.

-No tratamento da parcela deberá preverse un espazo para a reciclaxe dos produtos orgánicos da vivenda, cunha superficie útil mínima de 4 m2.

-As augas grises e pluviais deberán ter un tratamento que permita a súa posterior reutilización.

I.D.3. Condicións xerais.

I.D.3.1. Programa mínimo.

-Ademais das exixencias establecidas no punto II.A.2, na programación funcional das vivendas unifamiliares illadas deberá preverse unha zona para almacenaxe de utensilios de mantemento da parcela cunha superficie mínima útil de 9 m2.

I.D.3.2. Alturas mínimas.

-As alturas libres mínimas entre pavimento acabado e cara inferior de forxado serán de 2,70 m.

-As alturas libres mínimas entre pavimento e teito acabados serán de 2,60 m.

-En vestíbulos, corredores, cuartos de aseo e cuartos de baño, a altura libre mínima poderá reducirse ata 2,40 m.

-Nas restantes pezas esta altura libre mínima de 2,40 m poderá permitirse, sempre que non exceda, como máximo, o 30% da superficie útil da peza.

-En pezas abufardadas, a altura libre mínima entre pavimento e teito, acabados para o cómputo de superficie para efectos de habitabilidade será de 1,80 m, sempre que a peza teña unha altura superior a 2,60 m no 50% da súa superficie. Deberá manterse, neste caso como mínimo, o volume que lle correspondería de aplicar as superficies e alturas exixidas nos parágrafos anteriores.

-No caso de fiestras na vertente de cuberta, a devandita superficie mínima poderase reducir a 1/10 da superficie útil da súa planta. Estas fiestras de pezas abufardadas deberán nacer cunha altura máxima de antepeito de 1,10 metros e o seu mecanismo de apertura a unha altura máxima de 1,50 metros. A altura libre mínima na parte superior da fiestra será de 2 metros.

II. Ámbitos de planeamento con ordenación

detallada vixente

Definición: comprende os ámbitos con planeamento detallado vixente.

II.A. Vivenda.

II.A.1. Condicións de deseño, calidade e sustentabilidade.

II.A.1.1. Características das vivendas.

-No deseño das vivendas comprendidas nos ámbitos do planeamento deste punto II deberá conseguirse que o maior número de pezas vivideiras (estar, cociña, comedor, dormitorios, etc) teñan iluminación natural e relación co exterior ben a través de rúas e prazas públicas definidas na ordenación detallada do planeamento ou a través daqueles espazos exteriores públicos ou privados, denominados patios de cuarteirón, onde sexa posible a inscrición dun círculo de diámetro H (sendo H a altura da edificación máis desfavorable que configure o devandito espazo).

-Salvo as estancias (estares, estar-comedor, estar-cociñas) que deberán ter iluminación natural e relación exterior a través dos espazos exteriores definidos no parágrafo anterior, o resto de pezas vivideiras (cociña, dormitorios...) poderán ter iluminación natural e relación directa co exterior ben a través dos espazos exteriores regulados nos puntos anteriores ou ben a través dos patios interiores previstos no punto II.B.3.

II.A.1.2. Asollamento, luz natural e relación co exterior.

II.A.1.2.1. Asollamento.

-Na configuración e deseño das vivendas deberá garantirse que algunha das pezas vivideiras desfruta de luz solar.

II.A.1.2.2. Luz natural.

-Toda peza vivideira terá iluminación natural directa desde o exterior por medio dunha fiestra situada no plano vertical da fachada que dispoña dunha superficie mínima de 1/8 da superficie útil da súa planta.

-Cando a peza vivideira se ilumine a través dunha terraza cuberta de profundidade superior a 2 metros, a superficie mínima de iluminación natural será 1/6 da superficie útil da peza. A profundidade máxima da citada terraza non poderá superar os 3 m e a lonxitude será sempre maior ou igual á súa profundidade.

-A iluminación natural das pezas vivideiras poderá efectuarse a través de galerías de profundidade máxima de 1,50 m. Neste caso a superficie mínima de iluminación entre peza e galería será 1/6 da superficie útil da peza e deberá manterse a continuidade da envolvente principal da edificación.

-A profundidade máxima das pezas medida perpendicularmente á fonte de iluminación natural será de 7,50 m. Poderán alcanzarse profundidades superiores sempre que esta dimensión sexa como máximo 1,5 veces o largo mínimo da peza, sendo a superficie mínima de iluminación natural de 1/6 da superficie útil da peza.

-Non se admite a iluminación natural de pezas vivideiras só a través de fiestras situadas na vertente de cuberta.

II.A.1.2.3. Relación co exterior.

-Co deseño das fiestras, así como coa súa forma e disposición, deberá garantírselles aos futuros usuarios da vivenda a relación visual co espazo exterior desde o seu interior.

De tal xeito, a altura máxima da parte inferior da fiestra, polo menos no estar da vivenda, non poderá superar os 45 cm.

-A documentación dos proxectos básicos e/ou de execución deberá incluír unha memoria en que se xustifique o tipo de fiestra elixida así como os alzados interiores das fachadas das vivendas coa súa situación.

II.A.1.3. Calidade ambiental e sustentabilidade.

-Deberá garantirse que, como consecuencia do deseño do edificio, así como da implantación neste doutros usos ou actividades complementarias da edificación, a calidade do aire exterior utilizado na renovación do aire interior das vivendas non se atopa contaminado.

-Na configuración da vivenda, e co obxecto de mellorar o deseño da calidade ambiental das vivendas, deberá potenciarse a implantación da ventilación cruzada que favoreza a renovación do seu aire interior, independentemente do cumprimento da normativa DB HS 3 Calidade do aire interior do CTE.

-Con carácter complementario a esta normativa, a Administración autonómica regulará unha implantación progresiva de distintivos de calidade que teña en consideración a utilización de materiais saudables e non contaminantes.

-Deberán implantarse, sistemas de regulación da renovación de aire interior das vivendas que teñan en conta o seu nivel de ocupación.

-Así mesmo, a Administración autonómica fomentará a implantación de procesos construtivos que minimicen a produción de residuos e a utilización de materiais que proveñan de procesos de reciclaxe.

II.A.2. Condicións espaciais.

II.A.2.1. Composición e compartimentación.

-Para a aplicación desta normativa, a composición das vivendas estrutúrase nas seguintes áreas:

-Área de día.

-Área de noite.

-Área complementaria.

-A distribución da vivenda debe ser apropiada ás necesidades dos seus ocupantes, sendo desexable tamén a súa flexibilidade ante un posible cambio destas.

-Así mesmo, e co obxecto de facilitar e verificar a aplicación desta norma, no anexo II establécense os criterios de aplicación, dimensionamento básico do mobiliario tipo e características dos espazos libres exteriores.

-A calidade espacial das pezas vivideiras e servidoras reguladas nesta normativa determínase pola obrigatoriedade de inscribir na planta das pezas a forma xeométrica dun cadrado así como na obrigatoriedade de que ningún elemento construtivo poida invadir a súa superficie, ademais de pola súa situación respecto á liña de fachada que se determinará en cada unha das pezas.

-As pezas vivideiras serán independentes entre si, de modo que no camiño cara a elas desde o acceso da vivenda non se utilice como paso exclusivo outra peza que non sexa un corredor.

Admitirase como excepción o acceso directo aos dormitorios desde o estar sempre que se aumente a superficie deste coa correspondente ao espazo de circulación. O cómputo da superficie ocupada pola devandita circulación realizarase medindo un largo mínimo dun metro sobre o seu eixe.

-O acceso ao cuarto de baño obrigatorio efectuarase a través dos espazos de comunicación e nunca directamente desde unha peza vivideira. Se a vivenda dispón doutros cuartos de aseo, estes poderán ter acceso exclusivo desde un dormitorio.

II.A.2.2. Programa mínimo.

-A vivenda constará como mínimo das seguintes pezas: un espazo capaz para estar, comer e cociñar, un dormitorio dobre, un cuarto de baño, área de lavado e patio tendal.

II.A.2.3. Alturas mínimas.

II.A.2.3.1. Alturas libres mínimas.

-As alturas libres mínimas entre pavimentos e teito acabado serán como mínimo de 2,50 m.

-En vestíbulos, corredores, cuartos de aseo ou baño, a altura mínima poderá diminuírse ata 2,20 m.

-Nas restantes pezas esta altura libre mínima de 2,20 m poderá admitirse como máximo no 30% da superficie útil da peza, sendo preciso neste caso ampliar a súa superficie útil nunha cantidade equivalente para alcanzar o volume previsto.

II.A.2.3.2. Pezas baixo cuberta.

-Nas pezas abufardadas a altura mínima para o cómputo de superficie útil será de 1,50 m, debéndose incrementar, neste caso, a superficie útil da peza para compensar as características volumétricas do devandito espazo (1,50 m > H < 2,50 m). Por iso a superficie útil incrementada calcularase sobre unha altura de 2,50 m independente da configuración volumétrica da peza.

II.A.3. Condicións dimensionais, funcionais e dotacionais.

* Área de día.

II.A.3.1. Condicións xerais.

-A área de día debe incluír un ámbito destinado a estar, outro a cociña e outro a comedor. A superficie útil mínima dedicada a esta zona en función do número de cuartos e da superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Área de día³21 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Área de día³23 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Área de día³27 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U. total£90 m2 Área de día³29 m2

Nas vivendas cunha superficie útil total maior de 90 m2 a superficie da área de día aumentarase en proporción de 3 m2 por cada 10 m2 de aumento da superficie útil total da vivenda.

-As superficies útiles mínimas do estar-comedor-cociña cando constitúan unha única peza serán as sinaladas no punto anterior.

-A planta do estar-comedor-cociña deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,50 m. Os espazos con largos menores de 2,50 m non computarán para os efectos de cumprimento das superficies mínimas establecidas.

II.A.3.2. Estar.

II.A.3.2.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Cando o estar sexa unha peza independente, a superficie útil mínima dedicada a este, en función do número de cuartos e a superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Estar³12 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Estar³14 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Estar³16 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U. total£90 m2 Estar³18 m2

A planta do estar deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramento de 3,30 m.

-Se o ámbito do comedor se incluíse no do estar, deberanse engadir 4 m2 a cada unha das superficies útiles mínimas citadas.

A planta do estar-comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 3,30 m de lado en contacto coa liña de fachada. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,50 m. Os espazos con largos menores de 2,50 m non computarán para efectos do cumprimento de superficies mínimas establecidas.

II.A.3. 3. Comedor.

II.A.3.3.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Cando o comedor sexa unha peza independente, a superficie útil mínima dedicada a este, en función do número de habitacións e a superficie útil total da vivenda será a seguinte:

Vivendas de 1 dormitorio ou S.U. total£50 m2 Comedor³6 m2

Vivendas de 2 dormitorios ou S.U. total£60 m2 Comedor³7 m2

Vivendas de 3 dormitorios ou S.U. total£80 m2 Comedor³8 m2

Vivendas de 4 dormitorios ou S.U.total£90 m2 Comedor³9 m2

A planta do comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,40 m por 2,40 que deberá estar en contacto coa liña de fachada.

II.A.3.4. Cociña.

II.A.3.4.1. Dimensións superficiais e lineais.

-Se a cociña é unha peza independente a súa superficie útil mínima será a seguinte:

Vivendas de 1 e 2 dormitorios 7 m2.

Vivendas de 3 ou máis dormitorios 9 m2.

-Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 1,80 m. Establécese un largo libre mínimo entre mesados de mobles de cociña de 1,20 m. A lonxitude mínima da fronte do espazo dedicado a mesado será de 3,60 m.

-Se o ámbito do comedor se incluíse no da cociña deberanse sumar 5 m2 ás superficies útiles mínimas citadas.

-A planta da cociña-comedor deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,20 m de lado en contacto coa liña de fachada.

-A cociña terá iluminación natural directa ao exterior. En ningún caso a cociña se iluminará e ventilará a través da área de lavado ou patio tendal.

-O dimensionamento dos diferentes equipamentos e aparellos desta, deberá axustarse ás dimensións previstas no anexo II.

* Área de noite.

II.A.3.5. Dormitorios.

II.A.3.5.1. Dimensións superficiais e lineais.

-A superficie útil mínima dos dormitorios dobres será de 12 m2, e na súa planta deberá admitir a inscrición dun cadrado de 2,70 m de lado en contacto coa liña de fachada. En toda vivenda deberá existir polo menos un dormitorio dobre. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2,70 m nos dormitorios dobres.

Admítense distancias menores a 2,70 m nos espazos de acceso aos dormitorios pero as superficies destes espazos de acceso non computarán para efectos de superficie mínima de habitabilidade coa excepción de que sirvan para o acceso directo ao almacenamento persoal ou baños/aseos complementarios do citado dormitorio ata un máximo do 1,2 m2.

-A superficie útil mínima dos dormitorios individuais será de 8 m2. Establécese un largo libre mínimo entre paramentos de 2 m nestes.

II.A.3.5.2. Almacenamento persoal.

-Os dormitorios disporán dun espazo para almacenamento de efectos persoais cunha superficie en planta de 0,75 m2 por ocupante e dunha altura de 2,20 m.

-Estes espazos destinados a armarios poderán estar situados nunha zona específica destinada a vestidor ou nos corredores da vivenda deducíndose a súa superficie da dos dormitorios para efectos do cumprimento das superficies mínimas previstas.

* Áreas complementarias.

II.A.3.6. Cuarto de baño obrigatorio.

-En todas as vivendas instalarase, cando menos, un cuarto de baño, coas seguintes características.

II.A.3.6.1. Dimensións superficiais e lineais.

-O cuarto de baño obrigatorio terá unha superficie útil mínima de 5 m2, cunha distancia mínima entre paramentos enfrontados de 1,60 m.

-A disposición dos aparellos sanitarios deberá ser tal que permita convertelo en baño de uso adaptable para persoas con mobilidade reducida segundo a normativa de accesibilidade.

II.A.3.7. Cuarto de aseo.

-Cando exista na vivenda un cuarto de aseo, complementario do cuarto de baño, este terá unha dimensión mínima entre paramentos enfrontados de 1,20 m.

II.A.3.8. Área de lavado.

II.A.3.8.1. Dimensións superficiais e lineais.

-En toda vivenda existirá un espazo destinado a área de lavado cunha superficie útil mínima de 2 m2. Desde a área de lavado existirá un acceso directo ao patio tendal a través dun oco de dimensións mínimas de 1 m×1 m e antepeito de 1,10 m.

-A área de lavado poderá constituír unha peza autónoma ou incorporarse ao cuarto de baño, aseo ou cociña mantendo o seu carácter independente coa excepcionalidade do previsto no punto II.A.3.4.1.

II.A.3.9. Patio tendal.

-En toda vivenda existirá un patio vertical ventilado, con aire procedente do exterior, para tendal de dimensións mínimas 1×2 m. Este espazo estará cuberto por unha bufarda cunha transparencia nominal do 90%, cunha superficie mínima de ventilación equivalente ao 0,40 da superficie en planta deste. Para garantir o fluxo de aire necesario para o secar a roupa dispoñerase un conduto de entrada de aire na parte inferior do patín cunha superficie mínima de 0,20 m2 que tomará o aire do exterior do edificio.

-Se o tendal é contiguo á fachada, deberá pecharse para protexer as vistas desde o exterior.

-A superficie do tendal non se poderá deducir da de ningunha outra peza da vivenda.

-Os aseos poden abrir ocos de iluminación e ventilación complementaria a este patio pero isto non excluirá a dotación dun conduto de ventilación independente que garanta o cumprimento dos parámetros exixidos polo CTE.

-Prohíbese a existencia de condutos de ventilación/extracción que reduzan a superficie mínima establecida ou que ventilen directamente ao patio tendal.

-O tratamento das fachadas do patio tendal realizarase con materiais e superficies que potencien a luminosidade e garantan a durabilidade e a limpeza.

II.A.3.10. Espazos de comunicación.

-Os corredores terán un largo libre mínimo entre paramentos de 1 m.

-O largo libre mínimo das portas de paso será de 0,80 m e a súa altura libre mínima de 2,03 m.

-O espazo de acceso interior da vivenda deberá admitir a inscrición dun cadrado de 1,50 m de lado libre de obstáculos en contacto coa porta de entrada.

II.A.3.11. Espazo de almacenamento xeral.

-As vivendas disporán dun espazo para almacenamento xeral, cunha superficie en planta de 0,60 m2 por ocupante e unha altura mínima de 2,20 m.

-Este espazo poderá agruparse co previsto para o almacenamento persoal nesta normativa.

II.A.3.12. Outras pezas.

-Toda peza maior de 6 m2 que non quede definida neste decreto axustarase como mínimo ás condicións exixidas para o dormitorio individual e computará como tal para efectos do dimensionamento da zona de día.

II.A.3.13. Dotación mínima de instalacións na vivenda.

-No deseño das instalacións terase en conta a súa compatibilidade cos elementos construtivos e o confort acústico da vivenda.

-Deberá garantirse a accesibilidade a estas para facilitar o seu mantemento e renovación, ademais de ter a sectorización necesaria tanto na entrada como no interior da vivenda que permita un correcto funcionamento, uso e conservación destas.

-Toda vivenda deberá contar coa dotación mínimas de instalacións necesarias que lle permita a adecuada realización das funcións previstas nas diferentes pezas vivideiras e servidoras, reguladas neste normativa e que a continuación se relacionan:

-Rede interior de auga fría potable.

-Rede interior de calefacción e auga quente que, no caso de produción individual, terá incorporada o elemento xerador correspondente.

-Rede interior de evacuación de aparellos sanitarios e electrodomésticos.

-Rede interior de antena de TV e teléfono, ademais de rede de interfonía para comunicar as vivendas co portal do edificio.

Os seus niveis de calidade regularanse nos correspondentes regulamentos técnicos.

-En zonas climáticas onde non sexa posible alcanzar as condicións de confort a través de solucións bioclimáticas e sustentables será necesaria a instalación de sistemas de acondicionamento de aire. Adaptaranse as súas características ao vixente Regulamento de instalacións térmicas do edificio (RITE).

II.A.3.13.1. Equipamentos e aparellos.

-As pezas da vivenda: cociña, cuarto de baño, cuarto de aseo e área de lavado, disporán dos seguintes equipamentos ou aparellos:

Cociña.

-Deberá reservarse nela o espazo necesario para a futura instalación do vertedoiro, lavalouza, frigorífico, forno, cociña e sistema de extracción mecánica para os vapores e os contaminantes da cocción.

Así mesmo, deberá dotarse o citado equipamento da preinstalación necesaria para o seu correcto funcionamento.

-A preinstalación do vertedoiro deberá contar con subministración de auga fría e quente e evacuación con peche hidráulico.

-A preinstalación do sistema de extracción mecánica conectará cun conduto, duradeiro e resistente, individualizado por vivenda de Ø150 mm, cuxo trazado deberá ter a mínima desviación posible.

-A preinstalación de lavalouza deberá contar con toma de auga fría e quente, ademais de toma eléctrica.

-Os condutos de extracción de fumes, así como os de extracción para a ventilación xeral das vivendas e o conduto de extracción específico da campá deberán levarse ata a cuberta do edificio. En ningún caso sairán á fachada, patio interior ou patio tendal.

-En calquera caso deberá garantirse a seguridade das persoas e uso no funcionamento simultáneo das extraccións previstas con anterioridade de acordo coa normativa técnica vixente.

-Nas cociñas, as zonas expostas á auga deberán ir revestidas dun material impermeable.

-Deberanse prever espazos axeitados para a xestión de residuos no interior da vivenda. Almacenamento separativo de lixos para reciclaxe: cartón, vidro, envases, orgánico e varios segundo o CTE DB HS 2.

Cuartos de baño e aseo.

-O cuarto de baño estará composto por bañeira ou ducha, lavabo, inodoro e preinstalación de bidé.

-Os cuartos de aseo deberán ir revestidos de material impermeable nas zonas expostas á auga.

-Deberán dispor de recolleita independente das augas grises para a súa posterior reutilización así como incorporar accesorios que fomenten o aforro no consumo de auga.

Área de lavado.

-Dotarase de lavadoiro e preinstalación para lavadora e secadora.

-A preinstalación de lavadora deberá contar con toma de auga fría e quente, ademais de toma eléctrica.

-Na área de lavado, as zonas expostas á auga deberán ir revestidas dun material impermeable.

II.B. Edificio.

II.B.1. Integración e implantación.

-Todo edificio, ademais de cumprir coas condicións urbanísticas do planeamento deberá ter unha escala e implantación coherente coa paisaxe urbana de calidade en que se insira.

II.B.1.1. Escala e integración na paisaxe.

-A implantación do edificio no terreo adaptarase o máximo posible ao perfil natural deste, evitando movementos de terra innecesarios.

-Así mesmo, a disposición da edificación, as súas formas, materiais e cores harmonizarán cos valores do seu contorno.

II.B.1.2. Implantación na trama urbana.

-Os edificios situados en contornos urbanos de calidade, deberán respectar as características volumétricas, tipolóxicas e de implantación existentes e manter a integración ambiental.

II.B.2. Condicións do edificio en relación co espazo exterior.

II.B.2.1. Condicións urbanas da edificación.

-Cando o tipo de ordenamento da edificación establecida polo planeamento urbanístico permita a utilización de recuamentos e voos na edificación, estes deberán preservar o asollamento, iluminación natural e relación co espazo exterior das pezas vivideiras das vivendas lindantes.

II.B.2.2. Condicións arquitectónicas da edificación.

-Deberán deseñarse de maneira integral e harmónica tanto as fachadas como as cubertas da edificación, así como calquera outro elemento construtivo espacial ou técnico que se incorpore á envolvente da edificación.

-Os baixos da edificación remataranse de xeito que se garanta que o posterior remate dos locais comerciais non deteriore a imaxe arquitectónica da edificación no seu conxunto.

-Cando aparezan medianeiras permanentes vistas, estas disporán dun tratamento acorde co deseño da envolvente do resto do edificio.

II.B.2.2.1. Recuamentos na edificación.

-De acordo co punto II.B.2.1, poderán deseñarse recuamentos na edificación que non poderán superar a profundidade de 2 m, así como haber unha distancia mínima perpendicular desde a vivenda lindante de 2 m ata o inicio deste.

-O tratamento e acabado dos paramentos dos recuamentos, deberán ter unha calidade técnica e construtiva similar ao resto da envolvente da edificación.

-Así mesmo, deberán terse en conta as condicións de seguridade contra incendios previstas no CTE DB SI 2.

II.B.2.2.2. Voos na edificación.

-De acordo co punto II.B.2.1, poderán deseñarse voos na edificación coas seguintes características:

-Non poderán sobresaír máis de 1 m da fachada da edificación, debendo ter cuberta independente da xeral do edificio.

-Para permitir iluminación natural e relación co exterior da edificación lindante, deberá recuarse polo menos 1,50 m da edificación colindante.

Segundo as súas características poderán consistir en:

-Voos lixeiros e acristalados.

-Galerías.

-Terrazas sen cubrir.

-Balcóns.

-O dimensionamento dos voos lixeiros e acristalados deberá ter en conta o CTE DB HE 1, dada a súa influencia na calidade térmica das vivendas.

II.B.3. Patios interiores.

-Na aplicación das normas do hábitat galego neste ámbito do planeamento defínense dous tipos de patios:

-Patio interior: patio que ten todo o seu perímetro delimitado por paramentos ou por lindeiros de parcela.

-Patio aberto: recadro de fachada a espazo exterior público ou privado en que a súa profundidade, medida normalmente ao seu plano, sexa superior a 2 m.

-Os patios dimensionaranse en función do uso das pezas que ventilen e iluminen a el e as súas dimensións, que estarán definidas polos seguintes parámetros:

D. O diámetro do círculo que se poderá inscribir no patio en toda a súa altura.

H. A altura do patio, medida desde o chan acabado da primeira planta que ventile e ilumine ao seu través ata a coroación superior do paramento vertical máis alto que o delimite.

R. A distancia desde o paramento en que se sitúen ocos de ventilación e iluminación ata o paramento vertical enfrontado.

L. Lonxitude da fronte do patio aberto a vía pública ou a patio de cuarteirón.

P. Profundidade do patio aberto medida normalmente ao plano de fachada

II.B.3.1. Dimensionamento de patios interiores.

-Nos patios interiores a que ventilen ou iluminen escaleiras segundo o punto II.B.4.2.2, cuartos de aseo, despensas ou rochos interiores de vivenda, o parámetro R será como mínimo 1/6 do parámetro H, e o parámetro D será como mínimo de 2 m.

Nos patios interiores a que ventilen e iluminen outras dependencias das vivendas, o parámetro R será como mínimo 1/3 do parámetro H, e o parámetro D será como mínimo de 4 m.

-Para efectos de determinar a dimensión dos patios interiores non se computarán como plantas os remates das caixas de escaleiras, os dormitorios de máquinas dos ascensores e os depósitos de auga, únicas edificacións autorizadas para estes efectos e situadas por riba da última planta de vivendas.

-Os patios abertos á fachada cumprirán as seguintes condicións:

-A lonxitude L da fronte aberta será como mínimo 1/4 da altura H, cun mínimo de 4 m.

-A profundidade P será inferior a L cando ao patio dean dormitorios ou estancias, para o resto dos casos a profundidade P deberá ser inferior a 1,5 L.

-Os patios non poderán ventilar garaxes nin locais en que se realicen actividades clasificadas entre as insalubres, molestas, nocivas ou perigosas, agás que sexan exclusivos para a súa ventilación.

II.B.4. Espazos comúns.

II.B.4.1. Portal.

-É o espazo de acceso desde o exterior da edificación aos núcleos de comunicación interior deste.

-Terá un tratamento axeitado na composición arquitectónica da fachada. No ámbito da embocadura incorporará unha placa de identificación do edificio e un dispositivo de comunicación e apertura automática con todas as vivendas.

-Non se permite que un mesmo portal sirva de acceso único para vivendas e locais de uso diferente (comercial, hoteleiro, oficinas...), coa excepción daquelas actividades en que se deban compatibilizar vivenda e traballo nesta segundo a normativa laboral vixente.

II.B.4.1.1. Acceso.

-O plano da porta de acceso estará atrasado un mínimo de 1,20 m sobre o plano de aliñación de fachada formando un oco para iluminación e acceso cun largo e altura mínimos libres de 2,40 m. A porta de acceso terá un largo libre mínimo de 0,90 m e unha altura libre mínima 2,20 m.

-A embocadura de acceso ao portal deseñarase de maneira que dea iluminación natural.

-Poderá substituírse, segundo o caso, o chanzo de 12 cm previsto na norma de accesibilidade por un desnivel.

II.B.4.1.2. Ámbito interior do portal.

-A planta do portal deberá admitir a inscrición dun cadrado de lado mínimo 2,40 m en contacto coa zona de acceso. Deberá, ademais, ter unha altura libre mínima de 3 m. Establécese un largo libre mínimo de 1,50 m para o portal.

-O cadrado mínimo definido para dimensionar o ámbito interior do portal non se pode invadir polo varrido da porta de acceso.

-É obrigatorio que exista un percorrido adaptado para persoas con mobilidade reducida desde a porta de acceso ata os ascensores ou oco de ascensor.

-Existirá un espazo destinado a caixas de correo para cada vivenda, que non invadirá o devandito ámbito mínimo establecido.

II.B.4.1.3. Áreas de acceso a ascensores e escaleiras.

-Esta zona terá un largo libre mínimo de 1,50 m en toda a súa extensión e, ademais, na súa planta deberá admitir a inscrición dun rectángulo de dimensións mínimas 2,40 m×1,50 m. Deberá, ademais, ter unha altura libre mínima de 2,40 m.

-No caso de que non fose obrigatoria a instalación de ascensor, sempre se deberá respectar igualmente este ámbito, tendo en conta a obriga de deseñar un oco para a súa futura implantación, segundo o punto II.B.4.2.1.

II.B.4.2. Escaleiras.

Distínguense dúas situacións:

-Situación A: edificios en que non sexa exixible o ascensor segundo o punto II.B.4.4.

-Situación B: edificios en que sexa exixible o ascensor segundo o punto II.B.4.4.

Para ambas as situacións (A ou B) a altura libre mínima será de 2,40 m.

II.B.4.2.1. Dimensionamento das escaleiras.

-O largo libre mínimo entre paramentos para unha escaleira dun tramo será de 1,20 m e, se é de dous tramos, de 2,40 m.

-O largo libre mínimo de chanzos será 1 m e as dimensións libres de relanzos intermedios ou descansos cando non sirvan de acceso a corredores de distribución serán iguales ao devandito largo libre mínimo do chanzo. As escaleiras cumprirán ademais o disposto no DB SU do CTE.

-Será obrigatorio, nos edificios tipo A, ter previsto un oco libre e continuo en toda a altura do edificio (incluídos os sotos) en cuxa planta se poderá inscribir un cadrado de lado mínimo 1,60 m para a instalación futura dun ascensor. A localización deste oco terase en conta no deseño do portal do edificio e nos descansos de acceso ás vivendas.

II.B.4.2.2. Iluminación das escaleiras.

-Todo núcleo de escaleira contará con iluminación natural e/ou artificial suficiente para o seu uso, segundo a normativa vixente do CTE.

-A devandita iluminación natural pódese establecer por medio de ocos a fachadas ou patios interiores regulados en II.B.3.1, cuxa superficie mínima será de 1 m2 en cada planta.

-A iluminación natural prevista no parágrafo anterior será obrigatoria no caso de escaleiras na situación A, pero, neste caso, poderá admitirse iluminación natural cenital, por medio dunha bufarda que dispoña dunha superficie mínima equivalente a 2/3 da superficie da caixa de escaleira. Neste caso o oco central da escaleira quedará libre en toda a súa altura e nel deberá poder inscribirse un cadrado de lado mínimo 1,60 metros. Este oco está pensado para a futura posible instalación dun ascensor acristalado. A situación deste elemento terase en conta no deseño da estrutura do edificio (foso), do portal do edificio e dos descansos de acceso ás vivendas que estarán previstos para o futuro ascensor.

II.B.4.2.3. Ventilación das escaleiras.

-Cumpriranse as disposicións do documento básico de seguridade en caso de incendio do CTE (DB SI).

II.B.4.3. Espazos de comunicación.

-O acceso ás vivendas deberá de efectuarse a través dun espazo público ou de uso común. A altura libre mínima destes espazos será de 2,40 metros.

-En cada planta deberá existir un espazo libre de obstáculos onde se poderá inscribir un rectángulo de dimensións mínimas 2,40×1,50 metros. Ademais o largo libre mínimo entre paramentos enfrontados será de 1,50 metros.

-Se o corredor ten unha lonxitude total maior de 15 metros, e con obxecto de conseguir unha maior calidade espacial e ambiental, será obrigatoria a súa iluminación natural a través dun patio mínimo de 2×2 sendo o paramento contiguo ao corredor translúcido. No caso de superarse a dita lonxitude, deberá deseñarse un patio similar por cada fracción inferior ou igual a 15 m. Os ditos patios serán accesibles e contarán coas instalacións necesarias para o seu mantemento.

-As portas de entrada á vivenda serán de dimensións tales que deixarán un paso dun largo libre mínimo de 0,80 metros e unha altura libre mínima de 2,20 metros.

II.B.4.4. Ascensores.

-No caso de que calquera percorrido interior no edificio supoña subir ou baixar un desnivel igual ou superior a 10,75 metros polo interior, será obrigatoria a instalación de ascensores en número de un por cada 20 vivendas.

-Se o desnivel é de 25 metros ou maior, o número mínimo de ascensores será de dous. Este desnivel medirase desde a rasante da rúa ata o chan acabado da última vivenda a que se acceda.

-Se existe garaxe e/ou rochos nos sotos do edificio ou rochos na baixo cuberta estarán comunicados co resto das plantas a través do ascensor (ou oco de ascensor para a súa futura instalación).

-O ascensor e o seu desembarco en cada planta e o núcleo de escaleiras serán sempre espazos comunicados entre si, existirá en todos os casos unha continuidade física entre ambos.

II.B.4.5. Espazos comunitarios.

-En promocións da partir de 50 vivendas dotaranse estas dun ou varios espazos comunitarios de fácil acceso dedicados a usos múltiples para a comunidade de propietarios. A superficie útil mínima do devandito espazo será de polo menos 1 m2 por vivenda e as súas características as de peza vivideira.

II.B.4.5.1. Recintos para instalacións.

-Todo edificio comunitario contará con recintos ou cuartos independentes para os equipos de medida das diferentes instalacións, fontanaría, captación de enerxía, electricidade, telecomunicacións, calefacción, gas, ascensores, etc. que se axustarán, no seu dimensionado e condicións de uso, ás regulamentacións vixentes de cada instalación.

II.B.4.5.2. Recintos para almacenamento de residuos sólidos.

-Todo edificio comunitario disporá dun recinto apto para o almacenamento de residuos sólidos susceptibles de xerarse nas vivendas ás cales sirva. O devandito recinto terá acceso directo desde espazos comunitarios e as súas características e dimensións virán definidas segundo o CTE DB-HS-2.

II.B.5. Rochos.

Son aqueles espazos de almacenamento anexos e independentes ás vivendas, situados no propio edificio, con accesos a través dos espazos comúns do edificio.

II.B.5.1.1. Dimensións.

-A superficie útil mínima para un rocho será de 6 m2. Non computarán alturas libres inferiores a 2,10 metros. Os corredores de acceso a rochos terán un largo libre mínimo de 1,50 metros.

I.B.5.1.2. Dotación de instalacións.

-Cada rocho disporá dun punto de luz, unha toma de corrente eléctrica ademais de cumprir co disposto no CTE DB-SI.

II.B.6. Garaxes colectivos.

-Será de aplicación a normativa prevista no planeamento municipal e subsidiariamente o recollido no punto I.B.6 desta NHG.

II.B.7. Dotación de instalacións.

-Os edificios de vivenda deberán contar co seguinte nivel dotacional de instalacións:

-Instalación de fontanaría.

-Instalación eléctrica.

-Instalación de saneamento.

-Instalación de telecomunicacións (televisión, telefonía...).

-Instalación de interfonía e de iluminación común.

-Instalación de tratamento e reutilización de augas grises e pluviais.

-Instalación de paneis solares.

Se é o caso, segundo as características do edificio e sistema adoptado:

-Instalación de ascensores.

-Instalación de calefacción e auga quente sanitaria.

-Instalación de ventilación.

-Instalación doutras enerxías renovables.

-Os niveis de calidade das citadas instalacións regularanse a través da súa normativa específica.

-No edificio deberá preverse o deseño dos cuartos de contadores e instalacións precisas para o desenvolvemento destas, sen interferir nos espazos comúns previstos nesta normativa.

-En ningún caso, o trazado das instalacións comúns poderá invadir os espazos privativos das vivendas, incluídos os rochos.

-Así mesmo, as instalacións deberán discorrer a través dun espazo común da edificación accesible e convenientemente sinalado e sen interferencia con outros elementos construtivos que poidan deteriorar o nivel de confort acústico das vivendas (vibracións, nivel acústico alto...).

II.C. Contorno.

-Tendo en conta que nestes ámbitos de aplicación a ordenación está detallada polo planeamento municipal, as determinacións recollidas no punto I.C.1 ten un carácter subsidiario na súa aplicación.

II.D. Vivenda unifamiliar illada.

-Tendo en conta que nestes ámbitos de aplicación a ordenación está detallada polo planeamento municipal, as determinacións recollidas nos puntos I.D.1, I.D.2, I.D.3 ten un carácter subsidiario na súa aplicación.

III. Rehabilitación

III.1. Plans especiais de protección con anexo de habitabilidade.

-Naquelas áreas do ámbito urbano ou rural en que se estableza algún grao de protección para as edificacións da vivenda incluídas nestas, os concellos poderán redactar un anexo de habitabilidade dos plans especiais de protección.

-A aprobación dos anexos de habitabilidade necesitará do informe sectorial perceptivo e vinculante da consellería con competencias en vivenda sobre os requisitos de habitabilidade.

O cumprimento das determinacións recollidas no citado anexo de habitabilidade suporá que se cumpren as condicións de habitabilidade necesarias para garantir as condicións mínimas de habitabilidade para a obtención da licenza de obra.

-Nos citados documentos urbanísticos deberá determinarse o limiar mínimo de habitabilidade (LMH) requirido na edificación para que as oportunas programacións parciais de rehabilitación teñan a garantía mínima de habitabilidade. En calquera caso, deberá tratar os seguintes aspectos, como mínimo:

-Deberá definir os niveis mínimos de seguridade que deberán alcanzar en caso de incendio.

-Determinar as dimensións existentes ou futuras mínimas dos espazos exteriores que cualificarán a vivenda, ademais dos patios interiores.

-Estándares mínimos de accesibilidade das edificacións.

-Conxuntamente co manifestado anteriormente deberán elaborarse para cada unha das edificacións, e nunca con carácter xeral, unha Ficha de Habitabilidade (FH) onde ademais de determinarse o grao de protección deberán recollerse as exixencias reguladas por este decreto respecto aos seguintes aspectos:

1. Programación.

2. Funcionalidade.

3. Asollamento, luz natural e calidade ambiental.

4. Calidade do contorno.

Estas determinacións realizaranse baseándose nos estudos de alternativas que deberán conterse na memoria dos anexos de habitabilidade respecto aos niveis de calidade en habitabilidade existente.

A emisión do informe favorable do anexo de habitabilidade requirirá que os plans de emerxencia municipais que afecten estas áreas se adecuen para manter os niveis de seguridade necesarios das edificacións. Sen o cumprimento deste requisito básico non poderá emitirse informe favorable nin aprobarse ningún anexo de habitabilidade que afecte o ámbito da seguridade das edificacións.

III.2. Rehabilitación en áreas con instrumentos urbanísticos de protección non adaptados ás normas do hábitat galego.

Todas as actuacións que se leven a cabo en edificación de vivendas protexidas ou afectadas por algún instrumento de planeamento que recolla algún grao de protección, e este non se atope adaptado á regulación establecida no punto anterior para os anexos de habitabilidade dos plans especiais de protección, deberán solicitar a excepcionalidade do cumprimento das normas do hábitat galego segundo o procedemento establecido no artigo 11º a través do concello correspondente.

En calquera caso, as actuacións que se leven a cabo deberán promover todas aquelas medidas alternativas de seguridade e habitabilidade que melloren as restricións que deriven do planeamento.

Así mesmo, na documentación que se tramite deberá incorporarse un estudo previo con alternativas elaborado polo técnico redactor sobre as diferentes programacións funcionais que permitan ir mellorando a calidade da súa habitabilidade.

En canto á documentación mínima que deberá comprender o expediente de excepcionalidade será a seguinte:

-Solicitude de excepcionalidade do cumprimento das normas do hábitat galego segundo o anexo III.

-Documentación técnica mínima: nivel de proxecto básico.

-Estudo de alternativas: nivel de anteproxecto.

III.3. Rehabilitacións funcionais.

Son aquelas que teñen por obxecto dotar a edificación de melloras funcionais que permitan entre outras a supresión de barreiras arquitectónicas ou promoven mellorar a accesibilidade.

A súa tramitación deberá solicitala o concello correspondente e deberá resolvela a Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.

Para este tipo de actuacións, os contidos mínimos de habitabilidade que se terán en consideración serán os seguintes:

-As condicións de seguridade e uso non poderán ser menores que as existentes: só en casos excepcionais poderán reducirse, pero deberán compensarse con solucións alternativas que deberán incorporar un plan de autoprotección contra incendios e de evacuación da edificación, que deberá ser autorizado pola Administración municipal.

-En ningún caso se poderán empeorar as condicións de habitabilidade vixentes no momento da construción da edificación.

-Deberán completarse as actuación de mellora de accesibilidade con outras actuacións de acondicionamento que melloren a habitabilidade.

-As solucións construtivas deberán sempre incorporar un deseño que mellore as condicións de habitabilidade.

En calquera caso, as actuacións previstas neste punto deberán ter un carácter integral.

III.4. Ampliación e reformas.

Neste tipo de actuacións deberán resolverse as condicións de seguridade e habitabilidade de maneira integral.

En ningún caso as condicións de habitabilidade das vivendas existentes poderán minguarse por actuacións de ampliación e reforma.

A autorización para este tipo de actuacións requirirá, sempre e cando non estean presentes no planeamento determinacións específicas, o oportuno trámite de excepcionalidade en que se contería como mínimo a seguinte documentación:

-Informe técnico municipal sobre a viabilidade urbanística da actuación.

-Proxecto básico de ampliación e reforma cos anexos específicos das condicións de seguridade e habitabilidade previstos.

-Se é o caso, plan de evacuación da edificación con carácter previo á tramitación do expediente de excepcionalidade.

IV. Innovación construtiva e novas tipoloxías.

IV.1. Obxectivos.

A habitabilidade debe dar resposta ao dinamismo actual da sociedade, facilitando a aparición de solucións innovadoras dirixidas a determinados colectivos específicos e/ou novos programas funcionais.

Así mesmo, tamén se é consciente de que a creatividade arquitectónica constitúe un valor que debe fomentarse e que cando se utiliza coa finalidade máis nobre de investigar pode dar lugar a vivendas experimentais cun grao de calidade que as normas non deben limitar.

Para facilitar estas iniciativas, establécese un procedemento específico para que os promotores públicos ou privados que desexen programar actuacións deste tipo, tanto no ámbito das novas construcións como na rehabilitación, poderán acollerse ao procedemento regulado no punto seguinte.

IV.2. Procedemento especial para a tramitación de innovacións tipolóxicas.

Os promotores públicos e privados naquelas actuacións que voluntariamente consideren se adecuen aos obxectivos previstos no punto anterior, poderán promover este procedemento especial.

O procedemento deberá incluír os seguintes requisitos:

-A selección da proposta arquitectónica, nos edificios de vivendas colectivas, deberá facerse a través dun concurso público de ámbito mínimo da comunidade autónoma, onde as bases sexan aprobadas previamente polo Comité Asesor da Habitabilidade (COAH).

-A composición do xurado deberá destacar pola súa solvencia técnica e carácter participativo, de acordo coas directrices establecidas polo COAH. Debe procurarse unha composición equilibrada de mulleres e homes.

-O concurso será aberto e secreto.

-O prazo mínimo para a elaboración das propostas será de 3 meses.

-O promotor comprometerase a expor publicamente o resultado dos traballos na localidade da actuación durante un período mínimo de 15 días.

ANEXO I

Definicións

A.1. Vivenda.

-Espazo pechado destinado a aloxamento habitual de persoas para o desenvolvemento das funcións humanas elementais, en condicións de salubridade, funcionalidade e seguridade axeitadas.

A.2. Vivenda exterior.

-É aquela vivenda en que todas as súas pezas vivideiras teñen iluminación natural e relación directa co exterior a través dun espazo libre exterior de calidade.

A.3. Vivenda unifamiliar illada.

-É aquela vivenda unifamiliar en que todas as súas pezas vivideiras teñan iluminación natural, calidade ambiental e relación directa co exterior a través da súa parcela.

A.4. Área de día.

-A zona de día engloba os espazos da vivenda destinados ao uso común, zonas de estar, cociñar e comer.

A.5. Área de noite.

-A zona de noite engloba os espazos destinados a uso reservado, dormitorios.

A.6. Áreas complementarias.

-Son o conxunto de pezas servidoras que completan o programa funcional da vivenda.

A.7. Pezas vivideiras.

-Considéranse pezas vivideiras exclusivamente os estares, comedores, cociñas e dormitorios. Son os espazos que van cualificar a vivenda.

A.8. Pezas servidoras.

-Considéranse pezas servidoras os vestíbulos, corredores, baños, aseos, lavadoiros, almacéns, despensas…

A.9. Patio interior.

-É o espazo libre interior do edificio que se atopa dentro da superficie do soar que ocupa o inmoble e está destinado a proporcionar luz natural e calidade ambiental ás pezas da vivenda ou aos espazos do edificio.

A.10. Espazo libre exterior de calidade.

-Un espazo libre exterior de calidade, xa sexa público ou privado, será aquel determinado polo planeamento que estará deseñado seguindo criterios de calidade ambiental e sustentabilidade e dotado de servizos e equipamento acordes co uso que se desenvolva nas edificacións ás cales sirva.

A.11. Espazo exterior de calidade público.

-É o espazo libre exterior de calidade de titularidade pública.

A.12. Espazo exterior de calidade privado.

É o espazo libre exterior de calidade de titularidade privada.

Ver referencia pdf "01200D001P006.PDF"