DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Venres, 25 de xaneiro de 2008 Páx. 1.494

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 4/2008, do 10 de xaneiro, polo que se establecen as condicións para a recollida e transporte de subprodutos e produtos transformados de orixe animal non destinados ao consumo humano e para a autorización dos vehículos utilizados.

Describíronse numerosas situacións no ámbito mundial en que se atribúe ao transporte un papel importante na propagación de enfermidades entre explotacións gandeiras.

De feito, o control das condicións en que se realiza o transporte é un dos principais riscos que deben estar previstos nos plans de bioseguridade das granxas.

A pesar de coñecer os riscos implícitos á utilización de vehículos, non é posible renunciar aos labores de apoio que supoñen no funcionamento diario das explotacións (transporte de materias primas, de produtos, de animais, etc.), ou na xestión axeitada de calquera tipo de subprodutos xerados nunha explotación ou noutro establecemento produtor.

Faise necesaria a adopción de medidas preventivas específicas que tendan a eliminar ou minimizar os riscos asociados.

As persoas condutoras dos vehículos igualmente poden actuar como vectores transmisores, polo tanto deben equiparse coa vestimenta adecuada e respectar as condicións hixiénicas preceptivas durante a realización dos labores de recollida, transporte e descarga.

Baseándose nestas premisas, e co obxecto de cumprir o establecido no artigo 7 e o anexo II do Regulamento (CE) 1774/2002, do 3 de outubro, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano, e no Real decreto 1559/2005, do 23 de decembro, sobre condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada no sector gandeiro, publícase este decreto para establecer o procedemento axeitado de manipulación, recollida e transporte dos subprodutos e produtos transformados de orixe animal xerados nas explotacións gandeiras e noutras instalacións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xa que logo, por proposta do conselleiro do Medio Rural, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xaneiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto:

a) Regular as condicións de recollida e transporte de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

b) Regular o procedemento de autorización e rexistro dos vehículos e contedores para o transporte de subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

c) Crear o rexistro de vehículos autorizados para o transporte dos subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

d) Regular o procedemento para a expedición da autorización.

2. As medidas establecidas neste decreto serán exixibles sen prexuízo da aplicación das demais normas de hixiene aplicables á recollida e ao transporte de subprodutos animais transformados, recollidas no anexo II do Regulamento (CE) nº 1774/2002, do Parlamento Europeo e do Consello, do 3 de outubro de 2002, polo que se establecen as normas sanitarias aplicables aos subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

Capítulo II

Actuacións no establecemento produtor

Artigo 2º.-Medidas de bioseguridade.

Adoptaranse as seguintes medidas preventivas de bioseguridade específicas no establecemento produtor de subprodutos, para eliminar ou minimizar os riscos asociados ao seu transporte:

a) Evitar a entrada dos vehículos ás zonas en que se desenvolve a actividade do establecemento produtor.

b) Revisar as partes dos vehículos susceptibles de contaminación e establecer sistemas de limpeza e desinfección destes.

c) Delimitar a zona de circulación dos vehículos dentro do establecemento produtor, manténdoos sempre fóra do perímetro de seguridade, que se corresponderá coa zona de actividade.

d) Exixir rexistros de limpeza e desinfección dos vehículos antes da súa carga.

Capítulo III

Procedemento de recollida

Artigo 3º.-Vehículos e contedores.

Os vehículos e/ou os contedores empregados na recollida de subprodutos e produtos transformados de orixe animal non destinados a consumo humano deben cumprir as seguintes condicións:

a) Dispoñer de portas superiores ríxidas, no caso dos camións de carga superior ou, no seu defecto, de lonas impermeables que pechen con eficacia a parte superior da caixa de transporte, que garantan a estanquidade e minimicen a transmisión de olores.

b) Contar cun equipo de desinfección dotado cun axente desinfectante de amplo espectro (antivírico, bactericida e antifúnxico), que utilizarán para desinfectar o vehículo ou calquera utensilio necesario para o desenvolvemento das tarefas, co obxecto de diminuír os riscos na transmisión de enfermidades, inherentes ao transporte.

c) Serán limpados e desinfectados despois da descarga, nun centro de limpeza e desinfección de vehículos autorizado, localizado preferentemente nas propias instalacións da empresa de subprodutos, tras o cal serán precintados.

Artigo 4º.-Certificados de limpeza e desinfección.

Exixiranse os certificados de limpeza e desinfección dos vehículos e/ou os contedores de xeito previo á súa primeira carga, indicando a palabra «desprecintado» e o número de precintaxe no documento comercial xerado no primeiro establecemento en que se carguen subprodutos despois da desinfección.

Artigo 5º.-Proceso de recollida.

O proceso a seguir en cada punto de recollida de subprodutos desenvolverase do xeito seguinte:

I. Recollida de subprodutos nas explotacións:

1. O vehículo chegará á primeira explotación de recollida precintado e desinfectado, e no momento da primeira carga retirarase a precintaxe.

2. Cando o vehículo chega ao lugar concertado en cada explotación, a persoa condutora desinfectará aquelas partes do vehículo que vaian entrar en contacto co cadáver ou co contedor onde se atopan os materiais que se van retirar (principalmente a pluma de carga).

3. A seguir abrirá a caixa do camión, na magnitude mínima suficiente para efectuar o baleirado do contedor ou a introdución do cadáver. Este proceso realizarase minimizando as zonas de contacto entre o vehículo e o contedor.

4. A persoa condutora pesará o contedor antes e despois de baleiralo, de xeito que se coñeza a cantidade de material retirado.

5. Emitirase un documento comercial de acordo co Regulamento (CE) 1774/2002. Unha copia deste documento deixarase na explotación, outra viaxará cos subprodutos e a terceira entregarase na planta de destino.

6. Antes de pechar a caixa do camión, cando o destino final dos subprodutos sexa a destrución, aplicaráselle un produto desinfectante e repelente de insectos ao material que se encontra na caixa do camión, incluído o previamente recollido noutras explotacións.

7. Antes de saír, e unha vez pechada a caixa do camión, desinfectaranse:

-As partes do vehículo que teñan estado en contacto co contedor ou co cadáver.

-As rodas do camión.

-As botas da persoa condutora.

Ao finalizar a recollida, os utensilios, os recintos de almacenamento de cadáveres e/ou os contedores da explotación, que estiveron en contacto co material retirado, limparanos e desinfectaranos as persoas responsables da explotación, de acordo cos seus procedementos internos de limpeza e desinfección.

II. Recollida de subprodutos noutros establecementos:

1. O vehículo chegará ao primeiro establecemento onde recolla no día, precintado a desinfectado, e no momento da primeira carga retirarase a precintaxe.

2. Cando o vehículo chega ao lugar de recollida, a persoa condutora abrirá o vehículo na magnitude mínima suficiente para recibir os subprodutos.

3. Emitirase un documento comercial de acordo co Regulamento (CE) 1774/2002. Unha copia deste documento deixarase no establecemento produtor, outra viaxará cos subprodutos e a terceira entregarase na planta de transformación.

4. Antes de pechar o vehículo, de ser necesario para impedir riscos para a saúde humana e o ambiente, aplicaráselle un produto desinfectante e repelente de insectos ao material que se transporte a granel, incluído o previamente recollido noutras instalacións.

5. Antes de saír, unha vez pechado o vehículo, desinfectaranse:

-As partes del que se puidesen ver contaminadas.

-As rodas do vehículo e as botas da persoa condutora, de producirse a súa contaminación.

Artigo 6º.-Conservación da documentación.

As persoas titulares da produción de subprodutos animais, así como as transportistas e as súas receptoras, deberán conservar, durante un período mínimo de dous anos, toda a documentación que acompañou os subprodutos producidos por elas, transportados ou xestionados.

Capítulo IV

Limpeza e desinfección dos vehículos ou contedores

de transporte

Artigo 7º.-Centros de limpeza e desinfección dos vehículos.

A limpeza e desinfección dos vehículos ou contedores de transporte efectuarase de acordo co indicado no Real decreto 1559/2005, do 23 de decembro, sobre condicións básicas que deben cumprir os centros de limpeza e desinfección dos vehículos dedicados ao transporte por estrada no sector gandeiro, nestes centros ou nas instalacións dunha planta autorizada conforme o Regulamento (CE) 1774/2002.

Artigo 8º.-Procedemento de limpeza e desinfección dos vehículos.

Sempre que o vehículo descargue a totalidade dos subprodutos ou produtos transformados, nunha planta intermedia, nunha planta técnica, nunha planta de transformación, ou en calquera outro destino autorizado, e posteriormente a ter realizada a descarga, os camións e utensilios empregados lavaranse e desinfectarse no establecemento onde se procedeu á descarga dos subprodutos, ou no centro de limpeza e desinfección de vehículos autorizado máis próximo a el. Unha vez desinfectado o vehículo, colocaráselle a oportuna precintaxe, en que deberá constar o número de rexistro oficial do centro e un número de precintaxe.

Neste caso, a realización das operacións de limpeza e desinfección de cada vehículo xustificarase mediante a emisión dun certificado ou talón de desinfección, que será exixido previo á carga e no cal constarán os datos mínimos que se establecen no anexo III do Real decreto 1559/2005.

Capítulo V

Autorización e rexistro de vehículos ou contedores

de transporte

Artigo 9º.-Creación do rexistro de vehículos ou contedores de transporte.

A través deste decreto créanse os rexistros de vehículos e/ou contedores de recollida de subprodutos e produtos transformados en cada servizo provincial da consellería competente en materia de gandaría.

Artigo 10º.-Obriga da autorización e de rexistro.

Os vehículos e/ou os contedores de recollida de subprodutos e produtos transformados, previamente á súa posta en servizo, deberán estar autorizados e rexistrados no servizo provincial correspondente da consellería competente en materia de gandaría da provincia en que realizan a actividade, ou cando esta é supraprovincial, na que teñan a súa base.

Esta autorización non exime da obriga de contar coas tarxetas de transporte e de cumprir os demais requisitos que, de ser o caso, resulten exixidos pola normativa vixente.

A relación de vehículos e/ou contedores comunicaráselle á consellería competente en materia de transportes.

Artigo 11º.-Requisitos para a autorización.

Para a autorización e o rexistro dun vehículo e/ou un contedor deberase:

1. Presentar unha solicitude dirixida ao delegado/a provincial competente en materia de gandaría, de acordo co modelo do anexo I, xuntando:

-Fotocopia da ficha técnica do vehículo.

-Fotocopia do permiso de circulación do vehículo.

-Fotocopia do DNI ou CIF da persoa titular do vehículo.

-Fotocopia da documentación do contedor (de ser o caso), que deberá estar numerado de xeito indeleble.

-Fotografía lateral e traseira do vehículo e/ou remolque con visibilidade da matrícula, ou, de ser o caso, do contedor.

-Xustificante do pagamento das taxas.

2. Someter a unha inspección en que se comprobe o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3º.

3. Se a solicitude de autorización non reúne os requisitos que sinala o punto primeiro deste artigo, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falla ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes de autorización serán resoltas polo delegado/a provincial competente en materia de ganadaría, no prazo máximo de tres meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a tramitación da inscrición. No caso de que no citado prazo non se emita resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

Contra esta resolución poderá presentarse recurso de alzada ante o conselleiro competente en gandaría no prazo dun mes.

Artigo 12º.-Inscrición e código do rexistro.

1. As autorizacións dos vehículos inscribiranse automaticamente no Rexistro de Vehículos de Transporte de Subprodutos de Orixe Animal non Destinados a Consumo Humano e as inscricións seranlles notificadas aos interesados.

2. O formato do código de rexistro, será:

GZ . nº da provincia . nº de orde . VT-SA

Artigo 13º.-Requisitos para a renovación.

1. A autorización, que se emitirá conforme o modelo do anexo II, será válida durante dous anos, debéndoa renovar durante o último mes de vixencia da autorización. Para a renovación deberase:

-Presentar unha solicitude de acordo co modelo oficial do anexo I, xuntando a fotocopia da autorización anterior.

-Presentar o xustificante do pagamento das taxas.

-Someter o vehículo e/ou o contedor a unha inspección en que se comprobe o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3º.

2. Serán aplicables á renovación as prescricións establecidas para a autorización nos números 3 e 4 do artigo 11º.

3. Transcorrido o prazo establecido no número 1 deste artigo sen que o interesado presentase a solicitude de renovación, procederase de oficio á anulación da inscrición rexistral, con audiencia do interesado.

4. A persoa física ou xurídica, titular do vehículo autorizado, deberá tomar as medidas precisas para garantir que en todo momento o vehículo manteña as condicións técnicas que lle foron exixidas para a súa autorización. A falta de mantemento nestas condicións será causa, tras a tramitación do correspondente procedemento con audiencia do interesado, da revogación da autorización concedida.

Capítulo VI

Réxime sancionador

Artigo 14º.-Réxime sancionador.

No caso de incumprimento das obrigas previstas neste decreto aplicarase o réxime sancionador regulado na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.

Disposición transitoria

As autorizacións emitidas antes da publicación deste decreto serán válidas durante un período máximo de seis meses despois da súa publicación, prazo en que se deberán adaptar os vehículos ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da consellería competente en materia de gandaría para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xaneiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "01800D001P006.PDF"

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE