DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Luns, 28 de xaneiro de 2008 Páx. 1.564

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 266/2007, do 28 de decembro, polo que se regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con base no Plan galego de formación profesional aprobouse o Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na comunidade autónoma, no cal se crea unha rede de centros integrados de formación profesional con carácter experimental.

Como consecuencia da aprobación do Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, o Decreto 325/2003 foi modificado polo decreto 154/2006, do 8 de setembro, co obxectivo da progresiva adaptación ao novo marco normativo.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, ten por obxecto a ordenación do sistema integrado de formación profesional, cualificacións e acreditación que responda ás demandas sociais, con eficacia e transparencia, a través das diferentes modalidades formativas.

Esta lei, no seu artigo 9, di que a formación profesional abrangue un conxunto de accións formativas que capacitan para o desempeño cualificado das diferentes profesións, para o acceso ao emprego e para a participación na vida social, cultural e económica. Inclúe as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, e as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e a actualización permanente das competencias profesionais.

Para garantir o acceso á formación profesional de diferentes colectivos, mozos/as, traballadores e traballadoras en activo e persoas desempregadas, a lei establece as liñas básicas dos centros integrados de formación profesional.

A referida lei orgánica establece, no seu artigo 11, número 4º, que se consideran centros integrados de formación profesional aqueles que impartan toda a oferta formativa a que se fai referencia no artigo 10.1 da propia lei orgánica.

Por outra parte, no mesmo artigo 11, número 6º, da citada lei orgánica sinálase que as comunidades autónomas adaptarán a composición e as funcións dos centros integrados de formación profesional ás súas características específicas.

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, no seu preámbulo, concibe os centros integrados como unha institución ao servizo da cidadanía e do sector produtivo, que debe contribuír á cualificación e á recualificación das persoas, acomodándose ás súas distintas expectativas profesionais. O centro integrado pretende, así mesmo, atender ás necesidades de cualificación inmediatas e emerxentes do sistema produtivo, ser un referente orientador para o sector produtivo e formativo do seu contorno, facilitar a integración das ofertas de formación profesional e rendibilizar os recursos humanos e materiais dispoñibles.

Para cumprir os devanditos fins, os centros integrados de formación profesional deben ter autonomía e flexibilidade organizativa, versatilidade na programación da súa oferta formativa e capacidade de resposta formativa ás necesidades do mundo laboral, como consecuencia dos rápidos cambios tecnolóxicos, organizativos e materiais.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, sinala no seu artigo 39.5º que os estudos de formación profesional se poderán realizar tanto nos centros educativos que nela se regulan como nos centros integrados e de referencia nacional a que se refire, tal e como se sinala no artigo 11 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

O Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, integra ambos subsistemas nun único modelo de formación profesional para o emprego e introduce, entre outros, os centros integrados de formación profesional como centros para a melloras das políticas do ámbito laboral que mellor poden contribuír á consecución dos obxectivos de emprego.

En consecuencia, por iniciativa da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e do conselleiro de Traballo, e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo do informe do Consello Galego de Formación Profesional, e tras os ditames do Consello Escolar de Galicia e do Consello Galego de Relacións Laborais, consonte o ditame do Consello Consultivo de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto deste decreto é a regulación dos centros integrados de formación profesional no marco do artigo 11.4º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, e ao abeiro do disposto no Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 2º.-Centros integrados de formación profesional.

1. Terán a consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia aqueles que ofrezan e impartan formación profesional inicial ou regrada, e formación para o emprego. A súa oferta formativa estará dirixida a colectivos destinatarios dos dous subsistemas indistintamente e estará referida ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais. En canto que non se desenvolva o referido Catálogo nacional de cualificacións profesionais, a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional terá como base os ciclos formativos e os certificados de profesionalidade vixentes, sen prexuízo de poder ofrecer, con carácter experimental, outras actividades relacionadas coas cualificacións de marcado carácter estratéxico para a economía galega.

2. Os centros integrados de formación profesional contribuirán a alcanzar os fins do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional, e disporán dunha oferta modular flexible, con alcance aos subsistemas existentes, para dar resposta ás necesidades formativas dos sectores produtivos, así como ás necesidades individuais e ás expectativas persoais de promoción profesional. Para iso, a través do Consello Social, estes centros facilitarán a participación dos axentes sociais máis representativos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Os centros integrados de formación profesional incluirán nas súas accións formativas as ensinanzas propias da formación profesional inicial, as accións de inserción e reinserción laboral dos traballadores e das traballadoras, e as de formación permanente dirixidas á poboación traballadora ocupada. A Administración pública garantirá a coordinación das ofertas formativas co fin de responder ás necesidades de cualificación dos diferentes colectivos.

4. Ademais das ofertas formativas propias das familias ou das áreas profesionais que teñan autorizadas, os centros integrados incorporarán os servizos de información e orientación profesional, así como, de ser o caso, os de avaliación de competencias adquiridas a través doutras aprendizaxes non formais e da experiencia laboral, no marco do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional.

Artigo 3º.-Tipoloxía de centros integrados de formación profesional.

1. Os centros integrados de formación profesional poderán ser públicos e privados, poderán ser de nova creación ou proceder da transformación de centros xa existentes.

2. Poderán recibir subvencións e outras axudas para financiaren as accións formativas e os servizos que presten.

3. No caso das accións de formación profesional que estean cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, os centros integrados terán que aplicar o establecido nos regulamentos comunitarios que regulen a xestión e o control destas axudas, así como naqueloutros que regulen as actividades de información e publicidade que se deban levar a cabo nos estados membros en relación coas intervencións dos fondos estruturais.

Artigo 4º.-Creación e autorización dos centros integrados de formación profesional de titularidade pública.

Logo do ditame do Consello Galego de Formación Profesional, as consellerías de Educación e de Traballo poderán autorizar os centros integrados de formación profesional. Para este efecto a Consellería de Educación contará coa autorización da Consellería de Traballo, para transformar os centros dependentes desta en centros integrados de formación profesional, así como para transformar os centros dependentes da Consellería de Traballo en centros integrados de formación profesional, contará coa autorización da Consellería de Educación. A revogación da autorización terá lugar cando non cumpran os obxectivos para os que foron autorizados.

A creación de centros integrados de formación profesional de titularidade pública, por proposta das consellerías de Educación e de Traballo, requirirá a aprobación polo Consello da Xunta.

Organicamente estes centros dependerán da consellería titular destes, e funcionalmente observarán ao disposto neste decreto e na normativa que se desenvolva.

Ademais do recollido no artigo 4 do Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, para a creación ou a autorización destes centros deberase ter en conta o seguinte:

1. Cumpriren os requisitos de espazos, instalacións, equipamentos e recursos humanos previstos nos reais decretos que establecen os títulos e os certificados de profesionalidade correspondentes á súa oferta formativa.

2. Estaren situados nalgunha das cidades e/ou en comarcas cun significativo e variado tecido produtivo en ocupacións identificadas polo Instituto Galego das Cualificacións.

3. Garantiren o establecemento e a xestión de plans de orientación, fomento e rexistro da inserción laboral do seu alumnado.

4. Garantiren o cumprimento dos obxectivos marcados nos plans de formación profesional.

Artigo 5º.-Fins dos centros integrados de formación profesional.

Os centros integrados de formación profesional contribuirán ao desenvolvemento do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional e, xa que logo, terán os fins seguintes:

a) A cualificación e a recualificación das persoas ao longo da vida, mediante o establecemento dunha oferta de formación profesional modular, flexible, de calidade, e adaptada ás demandas da poboación e ás necesidades xeradas polo tecido produtivo.

b) Cando proceda, no marco do Sistema nacional das cualificacións e da formación profesional, a contribución á avaliación e á acreditación de competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral e de vías non formais de formación, promovendo así a valoración social do traballo.

c) A prestación dos servizos de información e de orientación profesional ás persoas para tomaren as decisións máis axeitadas respecto das súas necesidades de formación profesional en relación co contorno produtivo en que se desenvolvan.

d) O establecemento dun espazo de cooperación entre o sistema de formación profesional e o contorno produtivo sectorial e local, para desenvolver e estender unha cultura da formación permanente, contribuíndo a prestixiar a formación profesional.

e) O fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, con especial incidencia na erradicación de prexuízos.

f) A facilitación do acceso da mocidade ao primeiro emprego, así como da conservación e a mellora do posto de traballo dos traballadores e das traballadoras, mediante unha oferta formativa de calidade que promova a aprendizaxe permanente e a capacidade de adaptación aos cambios sociais, organizativos e tecnolóxicos que se manifestan nos sectores produtivos da nosa comunidade.

g) O impulso á mellora das aptitudes e das competencias do alumnado, promovendo proxectos de mobilidade, perfeccionamento profesional e cooperación nun contexto europeo.

Artigo 6º.-Funcións dos centros integrados de formación profesional.

1. Serán funcións básicas dos centros integrados de formación profesional as seguintes:

a) Impartir a oferta formativa da familia ou da área profesional que teñan autorizada, de formación profesional inicial, formación para o emprego e outras ofertas formativas, referida ao Catálogo nacional das cualificacións e que conduza a títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade que dean resposta ás demandas das persoas e do contorno produtivo.

b) Desenvolver vínculos co sistema produtivo do contorno (sectorial e comarcal ou local) nos ámbitos seguintes: formación do persoal docente de formación profesional, formación de alumnado en centros de traballo e realización doutras prácticas profesionais, orientación profesional e participación de profesionais do sistema produtivo na impartición de docencia. Así mesmo, neste contexto, colaborarán na detección das necesidades de cualificación no desenvolvemento da formación permanente dos traballadores e das traballadoras.

c) Informar e orientar as persoas usuarias, tanto a título individual como colectivamente, para facilitar o acceso, a mobilidade e o progreso nos intercambios formativos profesionais, en colaboración cos servizos públicos de emprego.

2. Ademais das funcións establecidas no punto anterior, os centros integrantes da rede a que se refire o artigo 4 e os centros integrados privados concertados, que conten coa autorización administrativa para tales efectos, poderán desenvolver as seguintes funcións:

a) Participar nos procedementos de avaliación e, se é o caso, realizar a proposta de acreditación oficial das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, de acordo co que se estableza no desenvolvemento do artigo 8 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

b) Impulsar e desenvolver accións e proxectos de innovación e desenvolvemento, en colaboración coas empresas do contorno e os interlocutores sociais, e transferir o contido e valoración das experiencias desenvolvidas ao resto dos centros.

c) Colaborar na promoción e desenvolvemento de accións de formación para os docentes e formadores dos diferentes subsistemas no desenvolvemento permanente das competencias requiridas na súa función, respondendo ás súas necesidades específicas de formación.

d) Colaborar cos centros de referencia nacional, observatorios das profesións e ocupacións, institutos de cualificacións e outras entidades na análise da evolución do emprego e dos cambios tecnolóxicos e organizativos que se produzan no sistema produtivo de seu contorno.

e) Informar e asesorar a outros centros de formación profesional.

f) Cantas outras funcións de análoga natureza determinen as consellerías competentes.

3. Para realizaren as funcións sinaladas nos puntos anteriores, os centros integrados poderán desenvolver acordos e convenios con empresas, institucións e outros organismos e outras entidades para o aproveitamento das infraestruturas e dos recursos dispoñibles, que contribúan á calidade da formación e das demais accións que se recollen neste decreto. Para a realización destes convenios cumprirá a autorización e a sinatura da consellería titular do centro.

Artigo 7º.-Protocolos xerais de colaboración.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Traballo poderán asinar protocolos xerais para establecer o marco e a metodoloxía da colaboración no desenvolvemento das funcións dos centros integrados.

Artigo 8º.-Condicións que teñen que reunir os centros integrados.

1. Os centros integrados de formación profesional, ademais dos requisitos establecidos no Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, deberán reunir os especificados nos reais decretos que regulen os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade correspondentes ás ensinanzas que se impartan neles.

2. Os centros integrados de formación profesional deberán dispor das instalacións que reúnan as condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, de seguridade e de accesos ordinarios de persoas, ademais das medidas para persoas con discapacidade exixidas pola lexislación vixente. Así mesmo, deberán dispor dos espazos que se establezan nas disposicións normativas que regulan as ensinanzas de formación profesional referidos a: espazos para a realización das actividades de xestión, para a coordinación e apoio das funcións do centro, así como de aulas, laboratorios e talleres para o desenvolvemento das tarefas formativas.

3. As consellerías competentes poderán autorizar o uso de certos espazos e determinadas instalacións singulares, así como, de ser o caso, de instalacións e de equipamentos propios de contornos profesionais que, sendo necesarios para impartir os programas formativos e para realizar a avaliación das competencias, se achen nun recinto distinto ao do resto das instalacións do centro. Os centros garantirán que os devanditos espazos autorizados sexan de uso preferente para o desenvolvemento das súas actividades.

4. Os centros integrados de formación profesional contarán con profesorado, formadores e expertos que permitan cubrir as necesidades derivadas dos diferentes programas formativos, para estes efectos aterase ao regulado no artigo 17º deste decreto, así como nas normas que rexen para os diferentes subsistemas de formación profesional.

5. Ademais estes centros contarán co persoal de administración e servizos suficiente para o desenvolvemento das tarefas de conserxaría, xestión administrativa e limpeza, segundo a normativa vixente e contará, polo menos, cunha persoa para os labores de servizos de vixilancia e mantemento.

Artigo 9º.-Plan de actuación.

1. Con carácter anual, o Consello Galego de Formación Profesional, xunto coas achegas dos órganos de goberno dos centros correspondentes, definirá un plan de actuación para o conxunto dos centros integrados.

2. O modelo de planificación adoptado, de cara á realización do plan funcional dos CIFP, recollerá, entre outras, as características do mercado de traballo territorial e sectorial, así como aquelas directrices anuais previstas nos plans nacionais de acción para o emprego que sexan de aplicación no ámbito de actuación da Comunidade Autónoma galega, así como os plans de formación profesional desenvolvidos nesta comunidade autónoma, e contará co correspondente financiamento.

3. O plan de actuación establecerá as directrices das accións formativas para desenvolver, así como aqueloutras demandas que puidesen xurdir consonte os obxectivos sinalados para os centros integrados.

4. O plan de actuación debe ser aprobado, no derradeiro trimestre do ano, polo Consello Galego de Formación Profesional.

Artigo 10º.-Autonomía dos centros integrados.

1. Os centros integrados de formación profesional disporán de autonomía organizativa, pedagóxica, de xestión económica e de persoal, no marco das normas que se recollen neste decreto e dos obxectivos anuais programados, e colaborarán coas auditorías e cos controis pertinentes que se demanden.

2. Os centros integrados de formación profesional elaborarán un proxecto funcional de centro en que se establezan os obxectivos previstos e actuacións prioritarias do centro, o sistema organizativo, os procedementos de xestión baseados nun sistema de mellora continua, as programacións didácticas e o plan de orientación profesional que incluirá, entre outros, o plan de acción titorial.

3. O proxecto funcional constituirá o instrumento fundamental na organización e planificación dos centros integrados de formación profesional. Desenvolverase consonte as directrices do plan de actuación, e nos centros desenvolverase mediante os preceptivos plans anuais.

4. O plan anual do centro incluirá as directrices do plan de actuación, desenvolvemento dos obxectivos e accións prioritarias do proxecto funcional, así como os procedementos para o cálculo dos indicadores para o cumprimento dos obxectivos, orzamento, os plans anuais dos departamentos e órganos de coordinación que conterán as programacións de aula, os aspectos organizativos (horarios do persoal docente e non docente, o procedemento de xestión e os mecanismos de avaliación, así como aqueloutros aspectos que sexan relevantes para as demais funcións dos centros. Este plan, unha vez aprobado polo Consello Social, será de obrigado cumprimento.

5. O centro elaborará unha memoria anual en que se avalíe o cumprimento dos obxectivos anuais previstos en cada un dos programas que deriven do plan anual, e proporanse as medidas correctivas necesarias cando se detecten desviacións ou non se cumpran os obxectivos, de xeito que se recollan as accións para a mellora da xestión.

6. As consellerías competentes velarán polo correcto desenvolvemento do plan anual do centro, que incluirá, polo menos, os obxectivos, as prioridades e outros aspectos das actuacións, consonte a planificación realizada.

Artigo 11º.-Exercicio da función inspectora.

Correspóndelles ás administracións educativa e laboral, cada unha no ámbito das súas respectivas competencias, a inspección dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 12º.-Órganos de goberno, participación e coordinación.

1. Segundo establece o Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, e de acordo co previsto no artigo 11.6º da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, serán órganos de goberno e participación dos centros integrados de formación profesional os seguintes:

a) Órganos unipersoais de goberno. Os órganos unipersoais de goberno serán a Dirección, a Xefatura de Estudos e a Secretaría, que constituirán o equipo directivo do centro, ademais daqueloutros que determinen as consellerías competentes para o correcto desenvolvemento dos obxectivos dos centros integrados de formación profesional.

b) Órganos colexiados de participación: Consello Social, Claustro de profesorado ou equivalente, e aqueloutros que determine a Administración.

2. Os centros integrados contarán cos órganos de coordinación e servizos necesarios para garantir as funcións que lle sexan encomendadas polas consellerías competentes, que serán entre outras: a formación integrada e a da calidade, a información e a orientación profesional, o recoñecemento e a avaliación de competencias profesionais, e as relacións coas empresas. A composición e funcións destes órganos serán regulados mediante normativa que derive do desenvolvemento deste decreto.

Artigo 13º.-Nomeamento e funcións do director ou a directora.

1. A dirección dos centros integrados de titularidade pública será provista polo procedemento de libre designación. No caso dos centros integrados de titularidade da Administración educativa, o nomeamento efectuarase entre funcionarios e funcionarias docentes, consonte os principios de mérito, capacidade e publicidade, e logo do informe dos órganos colexiados do centro.

2. O director ou a directora dun centro integrado terán as funcións seguintes:

a) Dirixir e coordinar as actividades do centro, e dispor da súa representación.

b) Proporlle á Administración competente o nomeamento e, de ser o caso, o cesamento das persoas que ocupen os órganos unipersoais de goberno, unha vez oídos os órganos colexiados respectivos.

c) Dirixir e coordinar o plan anual do centro, avaliar o seu grao de cumprimento e promover plans de mellora.

d) Exercer a xefatura de todo o persoal adscrito ao centro, fixar e aplicar a política de recursos humanos e adoptar as resolucións disciplinarias que corresponda, consonte as normas aplicables.

e) Fomentar e facilitar a subscrición de acordos e convenios de colaboración, logo da aprobación do Consello Social, con empresas, entidades e outras administracións para impartir a formación integrada e velar polo seu adecuado cumprimento.

f) Elaborar e executar o orzamento: autorizar os ingresos e os gastos, ordenar os pagamentos e visar as certificacións e os documentos oficiais do centro.

g) Contratar, de ser o caso, os recursos humanos necesarios para desenvolver as accións formativas e outros servizos programados.

h) Favorecer accións de formación para o persoal docente e formador.

i) Xustificar a xestión económica do centro ante as administracións correspondentes.

j) Calquera outra que lle encomende a Administración competente.

Artigo 14º.-Funcións do xefe ou da xefa de estudos.

É competencia do xefe ou da xefa de estudos:

a) Exercer, por delegación do director ou da directora e baixo a súa autoridade, a xefatura do persoal con atribución docente.

b) Coordinar e velar pola execución das actividades de carácter académico e de orientación do profesorado e do estudantado, en relación co plan anual.

c) Elaborar os horarios correspondentes á oferta formativa e ao profesorado, en colaboración coas persoas que representen os restantes órganos unipersoais, de acordo cos criterios aprobados no plan anual de centro integrado.

d) Organizar os actos académicos e coordinar as actividades dos departamentos.

e) Coordinar e orientar a acción dos titores e das titoras, coas achegas do departamento de orientación, de ser o caso, e consonte o plan de orientación académica, profesional e laboral e de acción titorial.

f) Realizar o plan de formación interno do centro integrado.

g) Coordinar a actividade docente do centro, con especial atención aos procesos de avaliación, adaptación curricular, diversificación curricular e actividades de recuperación, reforzo e apoio.

h) Facilitar a organización do alumnado e impulsar a súa participación no centro integrado.

i) Establecer os mecanismos para corrixir ausencias imprevistas do profesorado, plans de emerxencia e de evacuación, e calquera outra eventualidade que incida no normal desenvolvemento do centro.

j) Aqueloutras funcións que a dirección lle encomende dentro do ámbito da súa competencia.

Artigo 15º.-Funcións do secretario ou da secretaria.

É competencia do secretario ou da secretaria:

a) Ordenar o réxime administrativo do centro integrado, consonte as directrices da dirección.

b) Actuar como secretario ou secretaria dos órganos colexiados de goberno do centro integrado, levantar acta das sesións e dar fe dos acordos, co visto e prace do director ou da directora.

c) Custodiar os libros e os arquivos do centro integrado.

d) Expedir as certificacións que soliciten as autoridades e as persoas interesadas.

e) Custodiar o inventario xeral do centro e mantelo actualizado coa colaboración das persoas responsables dos departamentos.

f) Custodiar e dispor a utilización dos medios audiovisuais, dos materiais didácticos, da mobiliario e de calquera outro material catalogado como inventariable.

g) Coordinar, dirixir e supervisar, por delegación da dirección, a actividade e o funcionamento do persoal de administración e de servizos adscrito ao centro integrado.

h) Elaborar o anteproxecto de orzamento do centro de acordo coas directrices do Consello Social.

i) Ordenar o réxime económico do centro consonte as instrucións da dirección, levar a contabilidade e render contas ante o Consello Social e as autoridades correspondentes.

j) Velar polo mantemento material do centro en todos os seus aspectos, de acordo coas indicacións da dirección e consonte a normativa vixente.

k) Arquivar, divulgar e darlle a coñecer á comunidade do centro a normativa que lle afecte.

l) Recoller o informe dos órganos colexiados sobre os proxectos das persoas que opten á dirección.

o) Aqueloutras funcións que o director ou a directora lle encomende dentro do ámbito da súa competencia.

Artigo 16º.-Órganos colexiados de participación.

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade nos centros integrados de formación profesional. Nesta composición tenderase a unha composición equilibrada de homes e mulleres, e estará composto polos seguintes membros:

a) Catro representantes da Administración, entre os que figurará o director ou a directora do centro, que exercerá a presidencia do consello. Outros dous destes representantes designaraos a dirección xeral correspondente á consellería que teña a titularidade do centro, e o cuarto representante designarao a consellería implicada na autorización e da que non dependa o devandito centro.

b) Catro representantes do centro, do cal formará parte o/a xefe/a de estudos e tres serán elixidos polo claustro.

c) Catro representantes das organizacións empresariais e sindicais con maior representatividade e con representación no Consello Galego de Formación Profesional, dous deles das organizacións empresariais e outros dous de organizacións sindicais.

d) O secretario ou a secretaria do centro ocupará a secretaría do consello, con voz e sen voto.

2. As funcións do Consello Social serán as seguintes:

a) Establecer as directrices para elaborar o proxecto funcional do centro, así como a súa aprobación.

b) Aprobación dos plans anuais e as memorias do centro.

c) Aprobar o orzamento e o balance anual.

d) Realizar o seguimento das actividades do centro, asegurando a calidade e o rendemento dos servizos.

e) Emitir informe con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.

3. O claustro de profesorado (ou o seu equivalente) é o órgano de participación do profesorado na actividade do centro, e terá as seguintes competencias:

a) Formularlle ao equipo directivo e ao Consello Social propostas para a elaboración do plan anual.

b) Promover iniciativas no ámbito da experimentación e da innovación pedagóxica, e na formación do profesorado.

c) Participar na elaboración dos plans de mellora da calidade.

d) Elixir os representantes do profesorado no Consello Social.

e) Emitir informe con carácter previo ao nomeamento do director ou da directora do centro.

f) Calquera outra función que lle atribúa a consellería competente, no ámbito das súas funcións.

Artigo 17º.-Profesorado.

1. Para exercer a docencia nos centros integrados de formación profesional precisaranse cumprir os requisitos xerais de titulación, así como os que para o efecto se establezan nas normas que aproben os títulos de formación profesional e os certificados de profesionalidade.

2. Poderanse contratar, como persoas expertas, profesionais con cualificación para impartir as ensinanzas que, pola súa natureza, así o requiran, nas condicións e no réxime que determine a Administración autonómica.

3. O persoal que preste os seus servizos en centros de titularidade pública estará suxeito ao réxime de incompatibilidades previsto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, e ao que derive da consideración como de interese público que, para os efectos previstos no artigo 3 da citada lei, ten a impartición da formación nestes centros.

Artigo 18º.-Persoal que desenvolve as funciones de información e orientación profesional.

Nos centros integrados públicos poderá exercer a función de información e orientación profesional, en función das súas titulacións e da formación específica, tanto o persoal do corpo de catedráticos de ensinano secundario, de profesorado de ensino secundario e do de profesorado técnico de formación profesional, dependentes da Administración educativa, como o persoal dependente do servizo público de emprego, nos termos que se estableza regulamentariamente.

Artigo 19º.-Persoal que desenvolve as funcións de aplicación dos procedementos de avaliación das competencias profesionais.

Nos centros integrados públicos e nos centros integrados privados concertados autorizados para o efecto, as funcións e os requisitos do persoal que realice as funcións relativas aos procedementos de avaliación das competencias profesionais axustaranse ao que se estableza no desenvolvemento normativo do artigo 8 da Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Artigo 20º.-Regulamento orgánico de centros integrados.

As consellerías de Educación e de Traballo desenvolverán un regulamento orgánico específico para os centros integrados, onde se definan os aspectos organizativos e funcionais que se requiran para o desenvolvemento deste decreto.

Artigo 21º.-Xestión da calidade.

As consellerías das cales dependan os centros integrados impulsarán a posta en práctica de plans de mellora continua, co obxecto de garantir a calidade dos servizos ofertados nos centros integrados de formación profesional.

Artigo 22º.-Centros integrados privados.

Os obxectivos, as funcións e a organización dos centros integrados de formación profesional de carácter privado serán os establecidos nos correspondentes artigos do Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional.

A autorización dos centros integrados en réxime de concerto debe contar co visto e prace das consellerías de Educación e Traballo, con base nos informes específicos de espazos, equipamentos, cualificación do persoal e necesidade xurdida polos informes de evolución do mercado de traballo, así como a avaliación do sistema de FP.

Aos centros privados seralles de aplicación o establecido nos artigos 1º, 2º, 3º, 4º, 5º, 6º.1, 6º.3, 7º, 8º, 9º, 11º e 17º.1.

Ademais, os centros integrados privados que teñan réxime de concerto educativo axustaranse ao establecido no artigo 10 e disporán dos órganos de goberno e de participación que se establecen nos artigos 12, 13, 14, 15, 16 e 17.

Disposicións transitorias

Primeira.-Vixencia das ofertas actuais.

As ofertas educativas e formativas nos centros integrados serán as actualmente en vigor ata a substitución dos títulos de formación profesional e dos certificados de profesionalidade actuais polos correspondentes títulos e certificados de profesionalidade que se regulen a partir do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Segunda.-Plan anual.

En canto non se desenvolva normativamente o contido detallado do plan anual, así como o procedemento para a súa elaboración, a súa aprobación e a súa avaliación, os centros elaborarán o devandito plan segundo o número 4 do artigo 10º.

Terceira.-Adaptación normativa.

A adaptación normativa nos centros integrados de formación profesional realizarase de xeito progresivo en canto non se desenvolva a normativa de acompañamento. Os centros integrados de formación profesional, en que existan ensinanzas diferentes ás establecidas polo artigo 10.1º da Lei 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, adaptaranse de xeito progresivo á nova estrutura, segundo establezan as consellerías competentes.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, e toda a normativa do mesmo ou inferior rango en todo aquilo que se opoña a este decreto ou resulte incompatible con el.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Normativa de aplicación supletoria.

No non regulado nesta norma serán de aplicación as normas específicas que regulan cada una das ofertas formativas.

Segunda.-Desenvolvemento.

Habilítase a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e o conselleiro de Traballo para procederen ao desenvolvemento deste decreto nos seus respectivos ámbitos competenciais.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza