DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Venres, 01 de febreiro de 2008 Páx. 1.918

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 22 de xaneiro de 2008 pola que se determina o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2008 ao abeiro da disposición adicional sétima do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

A súa disposición adicional sétima establece unha axuda de 600 € para xente moza adquirente ou promotora para uso propio de vivendas do Plan de Vivenda 2002-2005 para gastos de subrogación ou constitución de hipoteca e outros gastos de entrada, sempre que se dean determinados requisitos.

Así mesmo, dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo que determinarán a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no punto segundo da disposición adicional sétima do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que acaden neste exercicio a fase de concesión determínase que:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas previstas na disposición adicional sétima do Decreto 18/2006, é a 17.02.451B.780.3.

2. O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 600.000 €.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo