DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Martes, 19 de febreiro de 2008 Páx. 2.709

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 17/2008, do 7 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte.

O desenvolvemento do proxecto construtivo da Cidade da Cultura vai permitir a apertura ao público dos edificios da Biblioteca e do Arquivo Nacional.

Trátase das institucións cabeceiras dos sistemas bibliotecarios e arquivístico do país, partes esenciais dos nosos servizos públicos clásicos de depósito cultural, dependentes da Consellería de Cultura e Deporte. Diversas razóns de oportunidade e legalidade obrigan a que o servizo sexa asumido con carácter urxente pola Consellería de Cultura e Deporte. Neste sentido, cómpre a creación, dentro das direccións xerais de Creación e Difusión Cultural e de Patrimonio Cultural, da estrutura administrativa que garanta o seu funcionamento e precise as correspondentes funcións. En concreto, créanse a Subdirección e o Servizo da Biblioteca Nacional de Galicia, así como a Subdirección e o Servizo do Arquivo Nacional de Galicia.

Así mesmo, cómpre crear, dentro da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, o Servizo de Creación Cultural, dependente da Subdirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, para reforzar a estrutura administrativa destinada a xestionar as competencias de promoción e difusión do patrimonio audiovisual galego e das artes da imaxe, así como o fomento da creación, produción e divulgación cinematográfica, videográfica, audiovisual e multimedia, xa recollidas nas alíneas k) e l) do artigo 5 do Decreto 36/2006, así como as restantes políticas relativas á creación cultural que non estean atribuídas a outro servizo da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Todo isto determina a necesidade de modificar o Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte.

De acordo co exposto, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte, co informe previo das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e Economía e Facenda, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de febreiro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte.

O Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, queda modificado como segue:

Un. O artigo 5.Dous.1.1 queda redactado como segue:

«1.1. Servizo de Promoción e Difusión Cultural.

Elaborará as propostas para promover e difundir a cultura nos seus diversos eidos, a través da xestión das diferentes axudas e instrumentos de colaboración coas asociacións, fundacións, movementos ou colectivos culturais, persoas físicas e xurídicas, corporacións locais, así como programar, organizar e coordinar actuacións propias e en colaboración nas actividades de difusión da cultura».

Dous. O artigo 5.Dous.1.2 queda redactado como segue:

«1.2. Servizo de Bibliotecas.

Correspóndenlle a este servizo as funcións de xestión da política bibliotecaria: creación de novas bibliotecas, modernización das existentes, axudas, bolsas, informatización e cursos de bibliotecas».

Tres. O artigo 5.Dous.1.3 queda redactado como segue:

«1.3. Servizo do Libro e Publicacións.

Correspóndenlle a este servizo as seguintes funcións:

a) Xestión da política en relación co libro e os novos soportes dixitais: axudas a empresas editoriais, feiras do libro e animación á lectura.

b) Edición das obras que sexan de interese xeral para a comunidade autónoma.

c) Coordinación da distribución comercial de todas as obras da Xunta de Galicia do intercambio de publicacións coas institucións que fixe a Comisión Permanente de Publicacións.

d) Xestión de todo o relacionado coa adxudicación dos números do ISBN ás publicacións da Xunta de Galicia de acordo coa Axencia Española do ISBN e coas resolucións da Comisión Permanente de Publicacións.

e) Realización de programas, estudos, análises e estatísticas e elaboración de informes e propostas en relación coas publicacións da Consellería de Cultura e Deporte.

f) Coordinación e revisión das publicacións que, directa ou indirectamente, leva a cabo a Consellería de Cultura e Deporte, no ámbito da súa competencia.

g) Estudo e análise dos proxectos relacionados coas publicacións programadas polas diversas unidades desta consellería.

h) Todas aquelas outras que por disposicións legais ou regulamentarias poidan serlle atribuídas».

Catro. Engádese un punto 1.5 ao artigo 5.Dous:

«1.5. Servizo de Creación Cultural.

Correspóndenlle a este servizo as funcións relacionadas co fomento da creación audiovisual galega e das artes da imaxe, así como o fomento da divulgación cinematográfica, videográfica, audiovisual e multimedia. Correspóndenlle, asemade, as funcións de fomento de todas aquelas manifestacións culturais non reservadas a outro servizo ou órgano dependente da consellería».

Cinco. Engádese un punto 3 ao artigo 5.Dous:

«3. Subdirección Xeral da Biblioteca Nacional de Galicia.

Correspóndenlle a xestión administrativa das competencias da Biblioteca Nacional e as seguintes funcións:

a) A Dirección do Centro Superior Bibliográfico de Galicia coas funcións que lle atribúe a Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas.

b) Formar e dar a coñecer unha colección de publicacións de interese pola súa relación con Galicia.

c) Reunir, conservar e difundir as publicacións oficiais das institucións públicas galegas.

d) Velar pola conservación e preservación das obras que constitúen o patrimonio bibliográfico de Galicia, prestando servizos de apoio, promoción e coordinación das tarefas de restauración, microfilmación e dixitalización.

e) Constituír unha biblioteca nacional virtual, asegurando a presenza da produción bibliográfica galega e da relacionada co ámbito lingüístico e temático galego na internet.

f) Xestionar as obras duplicadas e procedentes de expurgación.

g) Adaptar ás normas bibliográficas e catalográficas internacionais e, se é o caso, elaborar as que houberen de rexer a catalogación de todo o Sistema Bibliotecario de Galicia. A Biblioteca de Galicia validará e unificará nunha soa listaxe o catálogo de autoridades.

h) Coordinar e supervisar o cumprimento da lexislación de depósito legal.

Para a realización destas funcións contará co seguinte servizo:

3.1. Servizo da Biblioteca Nacional de Galicia».

Seis. Engádese un punto 4 ao artigo 6.Dous:

«4. Subdirección Xeral do Arquivo Nacional de Galicia.

Correspóndelle executar as funcións de centro de referencia do Sistema de arquivos de Galicia e arquivo histórico do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia e, en concreto, as seguintes:

a) Impulsar os procesos de valoración, selección, transferencia e dixitalización documental nos arquivos do subsistema da Xunta de Galicia.

b) Recepción, organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes dos arquivos intermedios do subsistema de arquivos da Xunta de Galicia e do resto de entidades públicas instrumentais cun ámbito territorial superior ao dunha provincia.

c) Organización, descrición, conservación, dixitalización e servizo dos documentos procedentes de organismos, institucións e entidades de ámbito autonómico dependentes da Xunta de Galicia que fosen suprimidos, con independencia da súa antigüidade.

d) Ingreso, organización, descrición, conservación, dixitalización e difusión dos fondos e documentos privados e públicos que polo seu valor testemuñal e referencial concirnan a Galicia e sexan de especial relevancia.

Para o desenvolvemento destas funcións contará co seguinte servizo:

4.1. Servizo do Arquivo Nacional de Galicia».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Cultura e Deporte para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de febreiro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE