DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2008 Páx. 3.374

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 29 de xaneiro de 2008 pola que se regulan as unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro (DOG nº 1, do 2 de xaneiro de 1995), polo que se regula a saúde mental en Galicia, ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as directrices xerais de actuación na saúde mental e a asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección de saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais. Este decreto foi a pedra angular normativa do proceso da reforma psiquiátrica en Galicia, iniciado coa transformación dos antigos hospitais psiquiátricos de Galicia e sustentado no Documento de bases para a elaboración do Plan galego de saúde mental (1987).

No artigo 14.1º deste decreto establécense como dispositivos complementarios as unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica e no seu artigo 15 defínese o tipo de pacientes os que se atenderán nestas unidades.

Esta orde ten por obxecto desenvolver o establecido nos citados artigos así como no documento propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia (1997) elaborado pola Comisión Asesora sobre Saúde Mental da Consellería de Sanidade.

Na súa virtude, en aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do Decreto 389/1994, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regular as unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica previstas no artigo 15 do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se establecen as directrices xerais da saúde mental en Galicia.

Artigo 2º.-Concepto.

As unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica estarán destinadas á atención de pacientes cunha patoloxía que exixa unha actuación rehabilitadora activa, de carácter hospitalario, de duración adaptada ás diferentes necesidades asistenciais dos pacientes cando non estea indicado realizala nas unidades de hospitalización psiquiátrica dos hospitais xerais ou nos hospitais de día.

Artigo 3º.-Directrices xerais.

Os pacientes subsidiarios das unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica estarán integrados en programas asistenciais específicos con obxectivos terapéuticos e rehabilitadores adaptados ás súas características clínico-asistenciais. A duración das estadías establecerase en función dos obxectivos e perfil destes pacientes.

A continuidade dos coidados nas unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica establécense en coordinación cos restantes dispositivos da rede de saúde mental.

A busca da reintegración á comunidade e a externación destes pacientes realizarase segundo a evolución e consolidación do proceso rehabilitador e buscando a máxima autonomía funcional e calidade asistencial posible, que serán as metas fundamentais destas unidades.

Artigo 4º.-Tipos de dispositivos.

1. Unidades de coidados de rehabilitación:

1.1. Estarán destinadas ao tratamento de pacientes que requiran programas activos de rehabilitación de duración intermedia. En consecuencia, incorporaranse a estas unidades os pacientes derivados dos distintos dispositivos da rede de saúde mental que presentan déficits e problemas funcionais que requiran ingreso en unidades con programas de rehabilitación activa de duración intermedia e con previsión de externalización ao seu medio de procedencia. Para a dita finalidade establecerase un proxecto individualizado en coordinación cos dispositivos de saúde mental que derivasen os ditos pacientes.

1.2. Terán por finalidade a resolución e mellora significativa dos problemas que indicasen o seu ingreso, co logro da máxima autonomía dos ditos pacientes e das habilidades psicosociais e relacionais necesarias para a súa integración na comunidade de referencia. Estos obxectivos estableceranse e realizaranse en colaboración cos dispositivos de saúde mental que os derivasen, garantíndose en todo momento a continuidade asistencial destes pacientes a través dos distintos dispositivos e programas da rede de saúde mental.

2. Unidades de coidados especiais de rehabilitación:

2.1. Estarán destinadas ao tratamento de pacientes con necesidades de coidados especiais nos casos seguintes:

-Pacientes con severos trastornos psíquicos e condutas disruptivas.

-Pacientes con psicopatoloxía grave de alta intensidade e longa evolución.

-Pacientes con alta expresividade emocional e baixa tolerancia ao estrés, asociada a condutas impulsivas.

-Pacientes que requiran medidas especiais de supervisión e contención.

2.2.Terán por finalidade o tratamento e estabilización dos problemas que presentan estes pacientes, co fin de obter resultados que sexan compatibles co seu traslado a outros programas de rehabilitación e a súa reintegración na comunidade en condicións suficientemente axeitadas.

3. Unidades de coidados residenciais de rehabilitación:

3.1. Estarán destinadas ao tratamento de pacientes que presentan trastornos psiquiátricos con dependencia relevante de longa evolución pero estabilizados psicopatolóxica e condutualmente. Pacientes que presentan moderada ou grave discapacidade con mediano ou alto nivel de dependencia que requiran supervisión e soporte continuados.

3.2. Terán por finalidade a mellora dos niveis de discapacidade e dependencia con rehabilitación que promovan o máximo de autonomía posible e programas asistenciais que melloren ou manteñan a súa estabilización psicopatolóxica e condutual, asegurando, en todo caso, un nivel de coidados básicos e específicos de calidade axeitada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade