DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Luns, 07 de abril de 2008 Páx. 5.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 14 de marzo de 2008 sobre aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Castroverde (Lugo).

1. Antecedentes.

1.1. Esta consellería, mediante Orde do 13 de xullo de 2007, acordou, de conformidade co punto 5 b) do artigo 85 da Lei 9/2002, non outorgar a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Castroverde (Lugo) entrementres non se realizasen as modificacións necesarias para corrixir as deficiencias que a propia orde establecía.

1.2. O Pleno do Concello de Castroverde aprobou, o 23 de novembro de 2007, as modificacións introducidas no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

1.3. O concello remítelle un exemplar das modificacións introducidas no plan xeral á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para resolver sobre a súa aprobación definitiva, que ten entrada no rexistro desta con data do 13 de decembro de 2007.

1.4. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, en virtude do previsto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e do establecido na propia Orde do 13 de xullo de 2007, require o Concello de Castroverde, con data do 18 de decembro de 2007, para que achegue a documentación completa que conforma o Plan Xeral de Ordenación Municipal.

1.5. Este requirimento foi atendido polo Concello de Castroverde achegando a documentación solicitada, mediante escrito que tivo entrada nesta consellería con data do 14 de xaneiro de 2008.

2. Consideracións e fundamentación.

A Dirección Xeral de Urbanismo, con data do 14 de marzo de 2008, elevou o seguinte informe ao respecto do contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde:

2.1. Para o cumprimento da Orde do 13 de xullo de 2007, o Concello de Castroverde presenta un exemplar corrixido do Plan Xeral de Ordenación Municipal, do cal se deben realizar as seguintes consideracións:

-O PXOM non incorpora a ordenación detallada, co mesmo contido e determinacións exixibles a un plan parcial do sector de solo urbanizable residencial SURD-1, e non se garante a execución deste a través de actuacións públicas programadas ou privadas concertadas coa Administración, de maneira que non cabe a aplicación do disposto no artigo 57.2º da Lei 9/2002, polo que debe incluírse a exixencia de desenvolvemento deste sector mediante un plan parcial.

-En canto ao sector de solo urbanizable industrial SURD-2, o PXOM non incorpora a súa ordenación detallada, co mesmo contido e determinacións exixibles a un plan parcial. Ademais, non consta que o convenio subscrito entre o Concello de Castroverde e a Deputación Provincial de Lugo fose sometido ao preceptivo trámite de información pública (artigo 235 da Lei 9/2002), motivos polos cales non cabe a aplicación do disposto no artigo 57.2º da Lei 9/2002, polo que debe incluírse a exixencia de desenvolvemento deste sector mediante un plan parcial.

-O material empregado nas cubertas dos edificios do núcleo urbano de Castroverde (fóra dos edificios industriais e os correspondentes a grandes equipamentos) é a lousa, sen embargo a normativa só recolle a obrigatoriedade dese material nos ámbitos atinxidos polo Camiño de Santiago; os restantes ámbitos do núcleo urbano quedan na indefinición nese aspecto. Polo que para lle dar cumprimento ao disposto nos artigos 46.1º e 104 c) da Lei 9/2002, e como xa se indicou no informe previo á aprobación inicial, debe quedar reflectida na normativa do plan a obriga da utilización da lousa como material de cubrición, coas excepcións debidamente xustificadas na singularidade do edificio.

2.2. Co fin de corrixir estas deficiencias, o PXOM debe incluír as seguintes determinacións:

-Na normativa do PXOM, título IX, Normas particulares do solo urbanizable, capítulo 44, o punto 44.3 debe substituír o contido do número 1 polo seguinte: «O desenvolvemento dos sectores de solo urbanizable delimitado realizarase mediante os seus correspondentes plans parciais». Igualmente, na normativa, no seu anexo III «Sectores de solo urbanizable», substituirase a frase «O desenvolvemento do solo urbanizable delimitado deste plan xeral posúe a ordenación detallada polo que se desenvolverá a través dun proxecto de urbanización», pola seguinte: «O desenvolvemento dos sectores de solo urbanizable delimitado deste plan xeral desenvolverase a través dos seus correspondentes plans parciais».

-Na normativa do PXOM, título VI, Normas de edificación, capítulo 31, Condicións de estética, debe incluírse un punto 31.11 que especifique: «O material de cubrición será a lousa, coas posibles excepcións debidamente xustificadas polas características singulares da edificación».

3. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde (Lugo), de acordo co disposto no punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (modificada pola Lei 15/2004), nos seguintes termos:

a) Na normativa do PXOM, título IX, Normas particulares do solo urbanizable, capítulo 44, o punto 44.3 debe substituír o contido do número 1 polo seguinte: «O desenvolvemento dos sectores de solo urbanizable delimitado realizarase mediante os seus correspondentes plans parciais». Igualmente, na normativa, no seu anexo III, Sectores de solo urbanizable, substituirase a frase «O desenvolvemento do solo urbanizable delimitado deste plan xeral posúe a ordenación detallada polo que se desenvolverá a través dun proxecto de urbanización» pola seguinte: «O desenvolvemento dos sectores de solo urbanizable delimitado deste plan xeral desenvolverase a través dos seus correspondentes plans parciais».

b) Na normativa do PXOM, título VI, Normas de edificación, capítulo 31, Condicións de estética, debe incluírse un punto 31.11 que especifique: «O material de cubrición será a lousa, coas posibles excepcións debidamente xustificadas polas características singulares da edificación».

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente, nos termos en que se aproba.

Terceiro.-Contra esta orde, que lle pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes