DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Mércores, 09 de abril de 2008 Páx. 6.095

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 64/2008, do 27 de marzo, polo que se regula a certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 210/2000, do 21 de xullo, sobre regulación das certificacións profesionais para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia, establecía as certificacións profesionais necesarias para a recolección ou extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo e as condicións e os requisitos exixidos para a obtención destas certificacións profesionais.

A experiencia acumulada ata a data na formación de mergulladoras/es, os cambios tecnolóxicos experimentados no sistema de extracción de recursos, a eficacia e a economía de medios na formación, e a seguridade na realización dos traballos fan necesario proceder á regulación dun título habilitante para a recolla de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo e a creación dunha certificación profesional nova que unifique as dúas reguladas no Decreto 210/2000, xa que nestes anos se constatou que é bastante frecuente que unha mesma mergulladora/or alterne as dúas técnicas ao longo da súa vida profesional, polo que, tendo en conta que estas titulacións teñen gran parte do seu contido formativo común, se pretende con esta nova regulación que as persoas profesionais que desexen cambiar a súa actividade de extracción non teñan que obter a expedición dun novo título, coa duplicidade de ensinanzas e a conseguinte perda de tempo e recursos económicos que comporta.

Este decreto dítase ao abeiro das competencias atribuídas polo Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27, ao abeiro dos artigos 148.1º.19 e 149.1º.19 da Constitución, e polo tanto dentro do marco da lexislación básica do Estado en relación coa seguridade marítima e da ordenación do sector pesqueiro; polo Real decreto 1377/1997, do 29 de agosto, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos en materia de mergullo, e do Decreto 287/1997, do 9 de outubro, polo que se asumen as funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo e a súa asignación á Consellería de Pesca.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de marzo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-A certificación profesional.

1. Para a realización de actividades subacuáticas en augas competenciais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en materia de marisqueo, establecidas na Lei 6/1993, do 11 de maio, e coa exclusiva finalidade de recoller ou extraer recursos mariños no marco dun plan de explotación aprobado ata unha profundidade de 12 metros, será necesario que as persoas que as efectúen se atopen en posesión da certificación profesional de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

2. Esta certificación profesional capacita para efectuar a recolla de recursos mariños autorizados dentro dun plan de explotación mediante técnicas de mergullo, con inmersións en apnea ou con equipos de subministración desde a superficie con circuíto aberto, ata unha profundidade máxima de 12 metros, sendo o gas respirable o aire e cun tempo total no fondo que non requira a realización de paradas de descompresión, segundo o establecido na táboa III da Resolución do 20 de xaneiro de 1999, da Dirección Xeral da Mariña Mercante, ou sucesivas actualizacións delas.

Artigo 2º.-Condicións e requisitos para a obtención da certificación profesional.

As condicións e requisitos para a obtención da certificación profesional son os seguintes:

a) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

b) Ter o ensino académico obrigatorio.

c) Superar o exame médico de aptitude para o mergullo profesional.

d) Superar as probas físicas que se establezan.

e) Superar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico.

f) Superar o curso de formación e as probas prácticas correspondentes.

Artigo 3º.-Cursos de formación.

Para obter a certificación profesional, as persoas aspirantes deberán asistir a un curso de formación que terá contidos tanto teóricos como prácticos das técnicas de mergullo así como de recolección responsable dos recursos, e superar unha proba de coñecementos ante un tribunal designado pola dirección xeral competente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 4º.-Outras consideracións formativas.

Nos programas formativos e no desenvolvemento posterior dos seus contidos, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos incorporará as pautas de sensibilización ambiental, as orientacións sobre o código de conduta para unha pesca responsable da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) e as normas de seguridade para o exercicio das actividades subacuáticas hiperbáricas do Ministerio de Fomento.

Disposicións transitorias

Primeira.-As persoas tituladas ao abeiro da normativa anterior no momento da entrada en vigor deste decreto poderán seguir exercendo a súa actividade nas condicións que cada permiso de explotación determine.

Segunda.-As persoas profesionais que estean en posesión dos certificados de recolector/a en apnea e recolector/a submarino disporán dun prazo dun ano para validalos polo establecido nesta normativa.

Terceira.-Aquelas persoas profesionais que estean en posesión unicamente dun dos certificados regulados con anterioridade á entrada en vigor desta norma, e desexen obter o regulado neste decreto, terán que facer a parte do programa formativo que determine a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na orde que desenvolva esta disposición xeral.

Disposicións derrogatorias

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto, en especial:

1. O Decreto 210/2000, do 21 de xullo, sobre regulación das certificacións profesionais para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 162, do 22 de agosto).

2. A Orde do 17 de outubro pola que se regula o procedemento de obtención das certificacións profesionais para a extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 299, do 27 de outubro).

3. Artigo 3, letra A, do Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se regulan as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 106, do 4 de xuño).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se regulan as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia. Modifícase o punto 1 do artigo 6 do Decreto 152/1998, polo que se regulan as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue: «ter cumpridos os dezaoito anos de idade».

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Facúltase a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos