DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Xoves, 24 de abril de 2008 Páx. 7.185

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 75/2008, do 10 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade do tramo da estrada autonómica LU-221 (Monterroso (N-640) - Palas de Rei (N-547) p.k. 0+000 ao 0+660, a prol do Concello de Monterroso.

O 27 de outubro de 2006 asinouse un convenio de colaboración entre a CPTOPT e o Concello de Monterroso para o acondicionamento da travesía na estrada LU-221 (Monterroso (N-640) - Palas de Rei (N-547)), no treito que ocupa a travesía que discorre por Monterroso ata o desvío de Esporiz, desde o p.k. 0+000 ata o 0+660.

Na cláusula segunda, alínea 12 do citado convenio, o Concello de Monterroso dá a súa conformidade e aceptación da transferencia ao seu favor da titularidade da vía no treito obxecto de actuación.

O 17 de outubro de 2007 o Servizo de Conservación e Explotación da Dirección Xeral de Obras Públicas informa favorablemente o cambio de titularidade do tramo comprendido entre o p.k. 0+000 e o 0+660 da estrada LU-221 (Monterroso (N-640) - Palas de Rei (N-547)) a prol do Concello de Monterroso.

O 19 de outubro de 2007 a Dirección Xeral de Obras Públicas dá a súa conformidade á proposta formulada polo devandito servizo e a Subdirección Xeral de Conservación e Explotación.

O 4 de decembro de 2007 o Concello de Monterroso manifesta a súa aceptación ao exposto no informe-proposta da Dirección Xeral de Obras Públicas.

O artigo 54 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia establece que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas entregaranse aos concellos respectivos.

No treito da estrada LU-221 (Monterroso (N-640) - Palas de Rei (N-547)) p.k. 0+000 ao 0+660, que está previsto transferir, concorren as seguintes características: o treito mencionado discorre integramente polo núcleo urbano de Monterroso, posúe beirarrúas en todo o seu percorrido e ten edificacións e servizos urbanos.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes considerou axeitado o cambio de titularidade do treito comprendido entre o p.k. 0+000 e o 0+660 da estrada LU-221 (Monterroso (N-640)-Palas de Rei (N-547)), susceptible de cesión ao Concello por estar incluída no Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta que a estrada citada adquiriu características netamente urbanas.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de abril de dous mil oito,

DISPÓN:

Artigo 1º

Apróbase o cambio de titularidade a favor do Concello de Monterroso do treito da estrada LU-221 (Monterroso (N-640) - Palas de Rei (N-547)) p.k. 0+000 ao 0+660, sito no termo municipal de Monterroso.

Artigo 2º

A estrada incorporarase á relación de estradas de titularidade do Concello de Monterroso como sinala o artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

Artigo 3º

Correspóndelle ao Concello de Monterroso, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Artigo 4º

A entrega da vía formalizarase durante os dous meses seguintes ao día da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes