DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2008 Páx. 7.688

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 81/2008, do 10 de abril, polo que se aproba o escudo do Concello de Cuntis (Pontevedra).

O Concello de Cuntis (Pontevedra) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo RD 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

Aprobar o escudo do Concello de Cuntis, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

De azur (azul) e sobre ondas de prata (branco), unha ponte de ouro (amarelo) surmontada dunha torre e dunha estrela tamén de ouro e, nos flancos, de dúas serpes do mesmo, linguadas de goles (vermello) e enfrontadas. Ao timbre, a coroa real pechada.

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza

Ver referencia pdf "08300D007P009.PDF"