DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2008 Páx. 7.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 84/2008, do 10 de abril, polo que se aproba a bandeira do Concello de Ponteceso (A Coruña).

O Concello de Ponteceso (A Coruña) considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da súa insignia, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Ponteceso, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano azul cunha ponte de amarelo, de cinco arcos apuntados, sobre o terzo de abaixo, e dúas cabezas de lobo amarelo linguadas de vermello e enfrontadas no centro dos terzos de enriba.

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "08400D001P005.PDF"