A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 3º integra as ensinanzas deportivas dentro do sistema educativo como ensinanzas de réxime especial. Así mesmo, no capítulo VIII do título I, fixa os principios xerais que as rexerán e atribúe ás administracións educativas o establecemento do currículo das distintas ensinanzas de que formarán parte os aspectos básicos fixados polo Goberno.
O Real decreto 1363/2007, do 24 de outubro, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas deportivas de réxime especial, na súa disposición transitoria segunda, punto 1, determina que ata que non se creen os novos títulos e ensinanzas nas modalidades e especialidades de atletismo, baloncesto, balonmán, deportes de escalada, deportes de inverno e fútbol, que foron establecidas ao abeiro do disposto no Real decreto 1913/1997, do 19 de decembro, impartiranse conforme o previsto nos reais decretos que crearon os respectivos títulos e ensinanzas mínimas, e na súa disposición terceira establece a vixencia das normas de desenvolvemento destas ensinanzas deportivas mentres o Ministerio de Educación, Política Social e Deporte non regule o previsto na disposición transitoria segunda.
O Decreto 410/2003, do 6 de novembro, sobre autorización a centros privados e a centros públicos que non sexan de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para impartir as ensinanzas de técnicos deportivos na Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, a Orde do 12 de abril de 2004 pola que se desenvolve este decreto determinan que esta autorización se concederá sempre que os centros reúnan as condicións xerais e específicas sinaladas nos respectivos reais decretos de creación do título e as súas ensinanzas mínimas, así como as que figuran nas súas normas de desenvolvemento.
Así pois, vixentes o Real decreto 254/2004, do 13 de febreiro; o Real decreto 361/2004, do 5 de marzo; e o Real decreto 234/2005, do 4 de marzo, polos que se aproban as correspondentes ensinanzas comúns e se regulan as probas de acceso das modalidades deportivas de técnico deportivo e técnico deportivo superior en atletismo, balonmán e baloncesto, faise preciso determinar os requisitos mínimos das instalacións docentes deportivas con que deben contar os centros para obter a preceptiva autorización para impartir as ensinanzas teóricas e prácticas das ditas especialidades deportivas.
Polo anteriormente exposto, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º.-Obxectivo.
Esta disposición ten como finalidade determinar os requisitos mínimos dos centros docentes para impartir as ensinanzas deportivas de réxime especial nas especialidades de atletismo, baloncesto e balonmán.
Artigo 2º.-Localización e condicións xerais das instalacións.
1. Os centros docentes deberán situarse en edificios independentes destinados exclusivamente a uso escolar ou en locais que sen ser independentes estean destinados para tal fin e teñan acceso independente desde o exterior.
2. Deberán cumprir os requisitos establecidos para os edificios de uso público pola normativa que resulte de aplicación referidos ás condicións hixiénicas, acústicas, de habitabilidade, e seguridade, así como sobre as condicións que posibiliten a utilización das instalacións por persoas con minusvalidez.
3. As instalacións para impartir a formación teórico-práctica poderán estar situadas en espazos independentes do recinto en que estea situado o centro, sempre que a titularidade presente título xurídico que acredite a dispoñibilidade delas para o seu uso durante o horario en que deban desenvolverse as ensinanzas teórico-prácticas nestes espazos, e sempre que a distancia entre tales instalacións non prexudique a adecuada impartición das ensinanzas.
4. Durante o horario da actividade docente do centro as súas instalacións deberán estar exclusivamente dedicadas a impartir as ensinanzas autorizadas.
Artigo 3º.-Ratio do alumnado.
1. O número máximo de alumnos por unidade para impartir os módulos formativos de contido teórico será de 35.
2. O número máximo de alumnos para as sesións de ensino práctico que se desenvolvan nas instalacións ou espazos deportivos será:
Para a especialidade de atletismo de 18 alumnos.
Para a especialidade de baloncesto de 35 alumnos.
Para a especialidade de balonmán de 24 alumnos.
3. O número de espazos destinados ás clases teóricas e prácticas determinarase en función das unidades que se autoricen e o seu grao de utilización. Entenderase por unidade o número de grupos (30 alumnos/aula) dunha ou de varias especialidades deportivas.
Artigo 4º.-Condicións mínimas dos espazos de uso administrativo e docente xenérico.
1. Unha sala ou aula de usos múltiples de 60 m2 para o desenvolvemento das actividades comúns do centro.
2. Unha aula de 50 m2 para o desenvolvemento das clases teóricas.
3. Unha unidade de seminario cunha dimensión mínima de 60 m2, con servizos e fondos que garantan a consulta de libros, revistas e documentos en soporte audiovisual; estarán dotados tamén de medios audiovisuais necesarios para a docencia.
4. Espazos independentes para os órganos de goberno e os servizos administrativos do centro, secretaría e sala de profesores, todo iso axeitado á capacidade do centro, cunha dimensión mínima de 50 m2.
5. Aseos e servizos hixiénicos sanitarios, tanto para alumnos como para profesores, en número axeitado á capacidade do centro, en función do que dispoña a lexislación que, a cada caso, sexa de aplicación.
6. Dependencias para a almacenaxe do material adecuadas ás necesidades do centro.
7. Zona de vestiarios, axeitada á capacidade do centro, conforme o que dispoña a lexislación que, en cada caso, sexa de aplicación.
Artigo 5º.-Condicións mínimas das instalacións docentes deportivas da especialidade de atletismo.
Para impartir os contidos teórico-prácticos dos distintos módulos: unha pista de atletismo de 300 metros que estea equipada con fosos para saltos de altura, lonxitude, triplo salto e pértega, círculos e zonas de lanzamento de peso, disco, xavelina e martelo, dotadas, se é o caso, con gaiolas protectoras.
Artigo 6º.-Condicións mínimas das instalacións docentes deportivas para a especialidade deportiva de balonmán.
1. Sala deportiva polivalente cuberta de 120 m2, debidamente equipada para impartir os contidos teórico-prácticos dos distintos módulos.
2. Un pavillón cuberto que poida albergar, ao tempo, un campo de balonmán regulamentario marcado e dentro del dous campos de minibalonmán; cada un dos campos deberán incluír dúas porterías con medidas regulamentarias.
Artigo 7º.-Condicións mínimas das instalacións docentes deportivas para a especialidade deportiva de baloncesto.
1. Sala deportiva polivalente cuberta de 120 m2, debidamente equipada para impartir os contidos teórico-prácticos dos distintos módulos.
2. Un campo cuberto de baloncesto de medidas regulamentarias dotado de, polo menos, dúas canastras.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar os acordos necesarios para a execución e desenvolvemento desta orde.
Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2008.
Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación Educativa

