DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2008 Páx. 8.585

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 29 de abril de 2008 pola que se aproban as bases e se convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

A conselleira de Vivenda e Solo aprobou, pola Orde do 6 de xullo de 2006, publicada no DOG nº 136, do 14 de xullo de 2006, as bases reguladoras das subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

Con data do 2 de xullo de 2007, publicouse a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se convocan as subvencións para o citado exercicio e se modifican parcialmente as bases reguladoras, determinando a presentación polos concellos dun calendario de execución das obras e establecendo a posibilidade de realizar pagamentos parciais.

A demanda dos concellos e o interese en manter e rehabilitar o patrimonio construído no medio rural, aconsella a implantación dunha nova liña de subvención dedicada á posibilidade de adquisición polos concellos de vivendas para solucionar o problema da infravivenda rural. Igualmente, para facilitar a presentación de solicitudes por parte dos concellos interesados, é aconsellable relativizar a presentación do proxecto de execución pospoñendo a súa obrigatoriedade a un momento posterior á seguridade de concesión da subvención.

A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece un novo marco normativo de referencia.

Ante a necesidade de adaptar as citadas bases á nova Lei de subvencións e refundir as últimas normativas incorporando as últimas actualizacións citadas, esta orde elabora unhas novas bases, con vixencia indefinida.

A demanda dos concellos e o coñecemento da realidade social indica que é necesario continuar nesta liña de axudas para resolver o problema aínda existente, polo que se considera necesaria a publicación dunha nova orde de convocatoria para o exercicio 2008 de acordo coas citadas bases.

Así, esta orde ten por obxecto abrir a convocatoria de subvencións a fondo perdido, en réxime de concorrencia non competitiva, aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural para o ano 2008, establecendo unhas novas bases reguladoras con vixencia indefinida, establecer o prazo de presentación de solicitudes, indicar o importe máximo das subvencións e identificar as partidas orzamentarias en que figuran os créditos que amparan a convocatoria.

A conselleira de Vivenda e Solo actúa no exercicio das competencias que ten atribuídas en virtude do Decreto 232/2005, do 11 de agosto.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta disposición ten por obxecto aprobar as bases reguladoras das subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural, refundindo as últimas normativas publicadas e adaptándoas á vixente Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, que terán vixencia indefinida.

Así mesmo, esta disposición abre a convocatoria de subvencións a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva no ano 2008, para a solución do problema das infravivendas rurais, de modo que as familias con baixos ingresos que as habitan poidan acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

Artigo 2º.-Concepto de infravivenda rural.

Para os efectos desta disposición enténdense por infravivendas rurais as edificacións que se atopen nas seguintes condicións:

1. Que non reúnan as mínimas condicións de habitabilidade nos aspectos de: seguranza e estanquidade, condicións hixiénico-sanitarias, espazo habitable suficiente, servizos de auga e electricidade, segundo a normativa vixente en materia de habitabilidade.

2. Que as edificacións estean situadas en entidades de poboación de menos de 1.500 habitantes e non formen parte de grupos ou asentamentos de chabolas, entendidas segundo a Lei 5/1989, do 24 de abril, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos das familias.

1. As familias que utilizan estas edificacións como vivendas deberán acreditar uns ingresos ponderados inferiores ao indicador público de efectos múltiples (IPREM) e a súa inscrición no padrón municipal.

Artigo 4º.-Actuacións protexibles.

As axudas aos concellos previstas neste decreto deberán destinarse a algunha das seguintes actuacións:

1. Actuacións en infravivendas ou terreos propiedade das persoas afectadas.

a) Rehabilitación da infravivenda.

Comprende actuacións de rehabilitación que figuran no anexo I desta disposición.

b) Renovación da infravivenda.

Comprende actuacións de renovación que figuran no anexo I desta disposición.

c) Nova construción de vivenda unifamiliar.

Comprende a construción de vivenda nova unifamiliar con destino ao realoxamento da familia que habita na infravivenda non susceptible dalgunha das actuacións precedentes.

2. Adquisición de vivenda rural polos concellos e actuacións en edificacións ou terreos do concello.

a) Acondicionamento de edificacións do concello para o seu uso como vivendas.

Comprende as actuacións de rehabilitación ou renovación que figuran no anexo I, para o acondicionamento de edificacións dos concellos co fin de adaptalas ao seu uso como vivendas, para aloxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

b) Nova construción de vivendas.

Comprende a construción de vivendas novas con destino a realoxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

c) Adquisición de vivenda rural.

Comprende a adquisición e acondicionamento de vivenda rural, por parte do concello, con destino a realoxamento da familia que habita nunha infravivenda non susceptible de rehabilitación ou renovación.

Artigo 5º-Requisitos das actuacións.

1. En todas as actuacións seguirase a normativa técnica e urbanística en vigor e deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade e funcionalidade.

2. Para as actuacións de rehabilitación, renovación e acondicionamento de edificacións para o seu uso como vivendas teranse en conta os seguintes requisitos:

a) As actuacións relativas á adecuación estrutural e de seguranza serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que, se o inmoble o precisase, non se poderán acometer estas sen a previa realización das primeiras.

b) As actuacións en mellora da habitabilidade, a elección do tipo de reforzo ou novo sistema estrutural, as de adecuación de espazos interiores, as de ampliación e as de inclusión ou modificación de instalacións terán sempre en consideración as condicións de protección do patrimonio.

c) As actuacións deberán respectar e manter as características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando todos os elementos merecentes de protección polo seu valor cultural, histórico, arquitectónico ou tradicional e deberán, así mesmo, garantir a súa adecuación ao medio e á paisaxe en canto á elección de materiais e á disposición dos distintos elementos que compoñen o edificio ou o conxunto. Deberán ter en consideración as cuestións de uso racional de materiais, dando prioridade aos de procedencia local, e de eficiencia enerxética, cos illamentos e a elección axeitada dos sistemas de calefacción e auga quente.

Artigo 6º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde os concellos de Galicia con infravivendas rurais no seu termo habitadas por familias con ingresos familiares ponderados que non superen o indicador público de renda de efectos múltiples.

Artigo 7º.-Axudas.

1. As axudas aos concellos para as actuacións anteriormente sinaladas poderán acadar o 80% do orzamento protexido das obras para os concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, e o 65% para os restantes, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por vivenda para as actuacións de rehabilitación de infravivenda en terreos de propiedade das persoas afectadas ou rehabilitación para acondicionamento de edificacións do concello, e de 45.000 euros por vivenda para as actuacións de renovación e nova construción en terreos das persoas afectadas, ou renovación para acondicionamento de edificacións do concello, nova construción, e adquisición de vivenda polos concellos.

Artigo 8º.-Ingresos familiares.

Para os efectos do determinado no artigo 2º desta disposición enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, expresada en número de veces o IPREM, da parte xeral e especial da renda reguladas nos artigos 39, 40 e 51 respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, e correspondente á declaración da persoa interesada e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Estes ingresos acreditaranse ante o concello achegando unha fotocopia compulsada da declaración ou das declaracións efectivamente presentadas.

Se a persoa interesada non presentase declaración por non estar obrigada a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, sen prexuízo da posible comprobación administrativa.

Descontaranse, en todo caso, os ingresos percibidos en concepto de pensións ou subvencións por invalidez ou minusvalidez.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos ingresos familiares os seguintes coeficientes multiplicadores de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,90.

Familias de 3-4 membros: 0,80.

Familias de 5-6 membros: 0,70.

Familias de máis de 6 membros: 0,60.

3. Por unidade familiar tal e como resulte definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

Artigo 9º.-Solicitudes.

Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta disposición formularán solicitude escrita que presentarán nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da súa situación territorial ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

1. Memoria para cada unha das infravivendas obxecto das actuacións composta por:

1.1. Informe social sobre a composición, idades, situación económica, de saúde, cultural e de integración social da unidade familiar, con xustificación da necesidade e do axeitado das solucións propostas.

1.2. Informe sobre a infravivenda que ocupa a familia afectada, asinado polo técnico competente relativo á súa localización, características e estado de deterioración, con reportaxe fotográfica en cor da edificación e xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

1.3. Proxecto técnico de execución. Para a solicitude da subvención poderá substituírse, provisionalmente, a presentación do proxecto de execución por un proxecto básico. Non obstante, o proxecto técnico de execución deberá presentarse no prazo dun mes a partir da notificación da concesión.

1.4. Memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 4 desta disposición, orzamento de execución material e calendario de execución coa previsión das porcentaxes anuais de execución.

1.5. Informe do técnico municipal de que as actuacións propostas cumpren os requisitos de planeamento, tipoloxía, habitabilidade e conservación do patrimonio exixidos no artigo 5 desta orde.

1.6. Custo total das actuacións e esquema de financiamento que xustifique a viabilidade financeira da operación.

1.7. Para o caso de adquisición de vivenda polo concello, presentarase un contrato de opción de compra da vivenda, un proxecto básico das actuacións de acondicionamento que se consideren necesarias e un orzamento que inclúa os gastos de adquisición e acondicionamento, coa previsión do calendario de execución.

1.8. Certificado do órgano correspondente do concello, de que o nivel de renda da unidade familiar das persoas beneficiarias entra dentro dos criterios establecidos nesta convocatoria.

2. Certificado do acordo da entidade local en que se solicite a subvención á Consellería de Vivenda e Solo aceptando os termos desta disposición e de conformidade coa memoria, orzamento e prazo, que figuran no punto anterior, facultándose o alcalde para aceptación da subvención.

3. Impreso, que figura no anexo II desta disposición, cos datos da unidade familiar e da infravivenda, asinado necesariamente pola persoa da familia que a represente e, se é o caso, pola persoa propietaria do inmoble, membro da unidade familiar.

4. Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

Artigo 10º.-Concesión da subvención.

a) Ordenación e instrución do expediente.

A ordenación e instrución do expediente levarase a cabo nos servizos das delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo.

O expediente de concesión conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as propostas de concesión cumpren todos os requisitos necesarios para a súa concesión.

b) Resolución do expediente.

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren pertinentes, a conselleira de Vivenda e Solo, por proposta da persoa titular da delegación provincial, procederá, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na correspondente aplicación orzamentaria, a conceder a subvención do expediente, no caso de cumprir os requisitos exixidos.

A resolución de concesión comprenderá as actuacións que se van realizar así como as condicións que se coiden necesarias para a súa execución, o prazo de execución das obras, o orzamento protexido e a contía da subvención aprobada.

Fará, así mesmo, mención expresa de que o pagamento da subvención estará condicionado á correcta realización das actuacións obxecto da subvención e ao cumprimento dos demais requisitos exixidos pola convocatoria que a regula.

O gasto distribuirase plurianualmente conforme o artigo 58 da Lei de réxime financeira e orzamentaria de Galicia, dentro dos límites establecidos, e de acordo co calendario de execución presentado polo Concello.

c) Aceptación polo Concello.

O Concello beneficiario dispoñerá do prazo dun mes contado a partir da notificación da concesión para remitir o escrito do alcalde aceptando a subvención nas condicións establecidas na resolución aprobatoria.

Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a aceptación por parte da entidade solicitante, entenderase que o concello solicitante renuncia á subvención, agás por circunstancias excepcionais que deberán xustificarse dentro do prazo.

Artigo 11º.-Denegación da solicitude.

a) Motivos de denegación.

A conselleira de Vivenda e Solo, por proposta motivada da persoa que ocupe a titularidade da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo, procederá a denegar a concesión da subvención, con notificación ao concello, nos seguintes casos:

1. Cando non se cumpra algún dos requisitos establecidos nesta disposición.

2. Cando as actuacións obxecto da solicitude xa estivesen realizadas con anterioridade ao momento da solicitude das axudas.

b) Denegación por falta de recursos.

Cando as propostas de concesión queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a qué expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Unha vez esgotados os créditos procederase á correspondente publicación no DOG da citada circunstancia e a non admisión das posteriores solicitudes.

Os concellos aos que lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles, poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual. Neste caso, poderá conservarse a documentación presentada no seu momento sempre que o concello, con ocasión da nova solicitude, confirme a súa validez e permanencia.

Artigo 12º.-Prazos de execución.

O prazo de execución non poderá exceder de 1 ano, a partir da data de notificación da concesión, para as actuacións de rehabilitación en terreos propiedade da persoa afectada e de 2 anos para as restantes actuacións.

No caso de adquisición de vivenda polo Concello, o prazo máximo de adquisición e inscrición rexistral da vivenda será de catro meses desde a data de notificación da concesión.

Unha vez realizada a inscrición deberá presentarse certificación rexistral da inscrición da compravenda no prazo máximo de quince días.

Unha vez presentada a certificación de inscrición rexistral da compravenda, deberá presentarse o proxecto técnico de execución das actuacións de acondicionamento no prazo dun mes.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do concello, poderase conceder unha ampliación dos prazos establecidos que non excedan da metade deles.

Artigo 13º.-Obriga de publicidade do financiamento.

Durante o período de execución das obras, a persoa promotora deberá colocar nun lugar visible un cartel indicativo de estaren acollidas á subvención para resolver o problema da infravivenda rural. O cartel seguirá as indicacións da Orde do 9 de maio de 2006 pola que se aproban os modelos de carteis indicativos da promoción de vivendas de protección autonómica e actuacións de rehabilitación (DOG do 31 de maio de 2006).

Artigo 14º.-Pagamento da subvención.

1. O Concello beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas, así como a acta de recepción e certificación valorada aprobada polo Concello da total execución das obras obxecto de concesión da subvención. Así mesmo, achegará un certificado da entidade bancaria de ter aberto ao seu nome unha conta na que desexa que se lle realice o pagamento.

De acordo co establecido no artigo 29.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros por execución de obra, o Concello presentará copia das tres ofertas de diferentes provedores as que fai referencia o citado artigo. No caso de non ter recaído a elección na proposta máis vantaxosa, deberá ser xustificado expresamente.

A falta de comunicación nos devanditos prazos do Concello dará lugar á perda da subvención por incumprimento das condicións da concesión.

A persoa titular da delegación da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue.

2. No caso de que as actuacións subvencionadas teñan un prazo de execución superior a un exercicio orzamentario, farase un pagamento parcial correspondente á obra realizada en cada anualidade conforme o plan de execución presentado polo concello e aprobado pola Administración, de acordo co establecido no artigo 31.6º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste suposto, cada Concello emitirá certificación pola parte da obra realizada dentro do plan de execución aprobado, e remitiraa á delegación provincial correspondente, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas. A persoa titular da delegación da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento parcial á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue.

En todo caso, o importe do derradeiro pagamento non poderá ser inferior ao 20% do importe total da subvención concedida.

O incumprimento do prazo total implicará o incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas.

3. Os concellos beneficiarios, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. No caso de adquisición de vivenda polo Concello, o pagamento do importe da adquisición non se producirá ata que non se entregue o proxecto técnico de execución das actuacións de acondicionamento, no prazo establecido no artigo 12º.

De acordo co establecido no artigo 28.7º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,deberá presentar, así mesmo, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

Serán motivos de perda da subvención:

1. Non executar as obras obxecto da concesión de subvención dentro do prazo concedido para o efecto, así como non executalas segundo o proxecto aprobado.

2. Non ter presentado o proxecto técnico de execución segundo o suposto previsto no artigo 9.1.3, no citado prazo dun mes desde a notificación da concesión da subvención.

3. Non ter adquirido a vivenda no prazo concedido.

4. Non ter presentado o proxecto técnico de execución das actuacións de rehabilitación ou acondicionamento da vivenda adquirida no prazo máximo dun mes dende a inscrición rexistral da compravenda.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, após proposta motivada do delegado provincial, ditará resolución expresa en que figure o motivo da perda do dereito ao pagamento da subvención, comunicándolle ao Concello o remate e arquivo do expediente.

Non obstante, poderá proporse o pagamento naqueles casos en que, conseguida a seguranza estrutural e a habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas de entre as declaradas provisionalmente chegan como mínimo ao 75% do orzamento protexido. Neste caso, a contía da subvención limitarase á porcentaxe correspondente do orzamento aprobado realmente executado.

Artigo 16º.-Recursos.

Contra as resolucións de aprobación ou denegación da concesión e do pagamento da subvención do expediente, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17º.-Obrigas.

1. A vivenda resultante das actuacións subvencionadas, realizadas en terreos propiedade das persoas afectadas, deberá dedicarse a residencia habitual e permanente durante polo menos 5 anos, da unidade familiar que ocupaba a infravivenda.

2. As vivendas resultantes das actuacións realizadas en terreos propiedade do Concello, ou as adquiridas por estes, quedarán vinculadas á solución do problema da infravivenda definido nesta disposición durante toda a vida útil da vivenda, entendendo por tal un período de 30 anos contado desde o momento do pagamento da subvención.

Durante o citado período as vivendas deberán cederse en precario ou en alugueiro a familias que cumpran os requisitos establecidos no artigo 3º desta orde.

3. En calquera dos dous supostos anteriores deberá facerse constar a correspondente obriga, así como o importe da subvención concedida, no correspondente rexistro público, segundo o disposto no artigo 29.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No citado senso, o cambio de destino, alleamento ou gravame deberá ser autorizado pola Consellería de Vivenda e Solo, segundo o disposto no artigo 29.5º b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude a Consellería da Vivenda e Solo poderá realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os concellos están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 19º.-Incumprimento ou alteración das condicións para a concesión.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá ademais das sancións que puideran corresponder, a obriga do reintegro por parte do Concello beneficiario dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo, incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, de acordo co establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe das subvencións concedidas para as actuacións solicitadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

A obtención concorrente de subvencións ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

Artigo 20º.-Prazos de resolución.

O prazo máximo establecido para resolver e notificar as resolucións de concesión da subvención será de seis meses.

Así mesmo, segundo o disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os concellos interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 21º.-Rexistro de axudas e subvencións e publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, o concello solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos concellos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 22º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos nesta disposición:

1. Son incompatibles con calquera outra axuda con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo ou do Ministerio de Vivenda, destinadas ás mesmas actuacións.

2. Non poderán concederse a aqueles concellos que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para a infravivenda rural, as solicitasen para a mesma infravivenda nos catro exercicios inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen obter ningún beneficio.

Artigo 23º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor desta disposición e rematará o día 30 de xuño de 2008.

Artigo 24º.-Consignación orzamentaria e importe máximo, para a convocatoria de 2008.

1. Poderán concederse subvencións para as actuacións de rehabilitación e renovación de vivenda en terreo das persoas afectadas, e rehabilitación ou renovación para acondicionamento de edificacións propiedade do Concello por un importe de 500.000 €, con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451A.760.2 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, 1.500.000 € con cargo aos orzamentos de 2009, e 700.000 € con cargo aos orzamentos de 2010.

2. Poderán concederse subvencións para as actuacións de nova construción de vivenda en terreos propiedade das persoas afectadas ou do concello, e adquisición de vivenda polo concello por un importe de 300.000 € con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.451B.760.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, 600.000 € con cargo aos orzamentos de 2009 e 480.000 € con cargo aos orzamentos de 2010.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 6 de xullo de 2006, modificada pola Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se aproban as bases e se convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Actuacións protexibles de rehabilitación e renovación.

A. Rehabilitación.

a) Actuacións en elementos exteriores, segundo tipoloxía da zona:

1. Acabamentos de fachada.

2. Carpintaría exterior.

3. Cubertas.

b) Condicións estruturais-seguranza.

1. Elementos estruturais e construtivos.

2. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

3. Mellora das condicións de illamento en xeral.

4. Medidas de seguranza (incendios, sinistros, etc.).

5. Acabamentos de elementos comúns.

c) Habitabilidade.

1. Mellora no programa funcional das vivendas, tendo presente os posibles elementos de valor patrimonial.

2. Adecuación das dimensións da vivenda e as estancias.

3. Mellora na funcionalidade das diferentes instalacións. En xeral, obras dirixidas a adecuar as condicións hixiénico-sanitarias.

4. Condicións de ventilación, iluminación e aireación. En xeral, acondicionamento e mellora do comportamento higro-térmico, illamentos e estanquidade da vivenda.

5. Mellora das condicións construtivas tendo en conta o tipo construtivo de partida.

d) Condicións de protección patrimonial.

1. Melloras do volume externo.

2. Melloras de elementos singulares

e) Accesibilidade. Outras actuacións.

1. Adaptación da vivenda ou do edificio para uso de persoas con discapacidade.

2. Supresión de elementos engadidos.

3. Acabamentos interiores.

Nestas actuacións, para o caso de que o promotor sexa distinto do Concello, será necesaria a licenza municipal de obras.

B. Renovación.

1. Reforzo ou substitución parcial de elementos estruturais, quedando excluídas as reconstrucións totais de casas en ruína física como consecuencia de demolición ou baleirados da edificación primitiva.

2. Readaptación da configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estruturais, en actuacións de ampliación do espazo habitable dentro dos límites da edificación existente. Quedan excluídas todas as actuacións en vivendas, con ampliacións que supoñan aumento ou modificación do volume da edificación primitiva, feitas cunha antigüidade inferior aos 20 anos.

3. As obras en edificacións que só permiten a conservación de elementos illados da edificación primitiva, incorporándoos á edificación de nova planta.

4. Ampliación da vivenda.

No caso das actuacións recollidas nos puntos a.1, a.2 e b.1 que leven aparelladas actuacións de rehabilitación, presentarase un só orzamento global, debidamente desagregado e o conxunto considerarase como actuación de renovación.

Para todas as actuacións de renovación será requisito, ademais da licenza municipal para o caso de que o promotor sexa distinto do Concello, o correspondente proxecto así como o compromiso de dirección de obra, asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguranza das obras, garantirá os requisitos do artigo 5º desta disposición.

Ver referencia pdf "09100D017P073.PDF"