DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 15 de maio de 2008 Páx. 8.721

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial (LOPX), modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, no seu artigo 527.2º dispón que con carácter excepcional poderán ser cubertos temporalmente mediante substitución os postos de traballo que se atopen vacantes ou cando o seu titular estea ausente polo gozo de licenzas ou permisos de longa duración. Para ser nomeado substituto deberá reunir os requisitos establecidos para o desenvolvemento do posto de traballo de que se trate na relación de postos de traballo.

O Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza no seu artigo 74 dispón: «1. Os postos de traballo que se atopen vacantes, ou cando o seu titular estea ausente polo goce de licenzas ou permisos de longa duración, con carácter excepcional e sempre que (…) as comunidades autónomas con traspasos recibidos non consideren que os haxa que cubrir con funcionarios interinos, poderán ser cubertos temporalmente por funcionarios titulares mediante substitución. 2. Non procederán as substitucións nos casos de permisos, vacacións e naquelas licenzas que non sexan de longa duración, procurando que as necesidades do servizo queden debidamente atendidas durante estas ausencias. 3. Para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior, deberanse reunir os requisitos establecidos para o desenvolvemento do posto de que se trate na

relación de postos de traballo. 4. Terá preferencia para realizar a substitución o funcionario destinado dentro do mesmo centro de destino. Se houbese máis dun funcionario interesado (…) terá preferencia o que teña maior tempo de servizos prestados no centro de destino atendendo, de ser o caso, á orde xurisdicional, e de existir empate, ao que teña maior antigüidade no corpo. 5. En todos os casos, para os postos de traballo singularizados e para os postos de traballo xenéricos de distintos centros de destino se se trata dunha substitución dun posto de traballo dentro do seu mesmo corpo ou do de titulación inmediata superior, conservarán o seu posto de orixe e terán dereito ás retribucións complementarias do posto que desenvolvan por substitución. 6. O posto de traballo que deixa temporalmente vacante o funcionario substituto non poderá ser ocupado por outro substituto. 7. O funcionario substituto cesará cando se incorpore o titular do posto ou remate a causa que motivou a

substitución».

Por isto, en aplicación das competencias que lle corresponden a este órgano, de conformidade co artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996, sobre transferencia a esta comunidade de medios persoais para o servizo da Administración de xustiza, cos artigos 471.2º e 525 da LOPX, e co Decreto 578/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da súa negociación coas organizacións sindicais na mesa sectorial da Administración de xustiza,

Dispoño:

Primeiro.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto regular a provisión de forma temporal, mediante substitucións, dos postos de traballo reservados aos funcionarios integrantes dos corpos xerais ao servizo de Administración de xustiza -corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa, e auxilio xudicial- que presten os seus servizos na Administración de xustiza en Galicia, cando estes postos se atopen vacantes ou cuxo titular estea ausente en períodos de longa duración como permisos, licenzas, comisións de servizos, excedencias, servizos especiais ou situacións de liberación sindical.

2. Así mesmo, regúlanse as atribucións de funcións previstas no artigo 39.2º do regulamento entre os membros do corpo de auxilio xudicial da mesma localidade.

Segundo.-Definicións.

Para os efectos desta resolución enténdese por:

-Director funcional: o/a fiscal xefe/a ou subdirector/a do Instituto de Medicina Legal de Galicia, secretario/a xudicial ou xefe/a respectivo do órgano solicitante da substitución.

-Centro de destino: mentres non se aproben as novas relacións de postos de traballo a expresión entenderase referida aos centros de traballo definidos no artigo 51 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes ao servizo da Administración de xustiza.

-Responsable dos centros de destino integrados por varias unidades da oficina xudicial: os delegados provinciais de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza de conformidade co previsto no artigo 439 da Lei orgánica do poder xudicial en relación co artigo 45.1º.2 do Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Resolución do 7 de febreiro de 2006, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se delegan competencias en materia de medios persoais e materiais ao servizo da Administración de xustiza (DOG del 15 de febrero).

-Regulamento: o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro.

-Unidade: considérase unidade cada sala do Tribunal Superior de Xustiza, seccións das audiencias provinciais, xulgados, servizos comúns, fiscalías, subdireccións do Instituto de Medicina Legal, rexistros civís exclusivos, Secretaría de Goberno, secretarías de coordinación provincial, oficinas do decanato, ou outros órganos da Administración de xustiza.

Terceiro.-Clases.

1.- Distínguense as seguintes clases de substitucións:

a) Substitucións verticais: funcionarios nomeados substitutos no corpo inmediatamente superior.

b) Substitucións horizontais: funcionarios nomeados substitutos no mesmo corpo.

2. As substitucións verticais serán preferentes; no seu defecto, poderán concederse substitucións horizontais con preferencia dentro do mesmo centro de destino, localidade ou partido xudicial. En último termo, poderán concederse substitucións horizontais en distinto partido xudicial.

Cuarto.-Requisitos dos aspirantes.

1. Poderán solicitar as substitucións, con exención de funcións nos seus postos, os funcionarios de carreira dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza con destino en órganos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, e que estean en situación de activo, prestando efectivamente servizo en xulgados, tribunais, fiscalías ou outros órganos da Administración de xustiza.

2. No caso das substitucións verticais: para ser nomeado substituto no corpo inmediatamente superior, será preciso estar en situación de servizo activo no corpo ou escala que se vai extinguir nun posto de traballo dalgún dos centros de destino a que se refire o anterior parágrafo.

Quinto.-Tramitación das substitucións verticais.

1. Cando se produza a necesidade de cubrir unha praza desocupada polos motivos a que se refire o punto primeiro desta norma e na unidade estean destinados funcionarios do corpo de tramitación, no caso de tratarse dunha praza de xestor, ou do corpo de auxilio xudicial, no caso de tratarse dunha praza de tramitador, o director funcional publicará durante tres días hábiles un aviso de desocupación do posto no taboleiro de anuncios da unidade segundo o modelo que figura no anexo I desta norma, co fin de que os interesados da unidade na substitución poidan presentarlle as súas solicitudes. Transcorrido este prazo, o director funcional remitiralle á Dirección Xeral de Xustiza todas as solicitudes presentadas polos interesados de acordo co establecido no punto seguinte, acompañada da solicitude que se recolle no anexo III.

2. Cando non se efectúe ningunha solicitude dentro da propia unidade, o director funcional porao, de xeito inmediato, en coñecemento da Dirección Xeral de Xustiza, e esta publicará o aviso na intranet durante 3 días hábiles, co fin de que os interesados na substitución vertical do mesmo centro de destino, localidade ou partido xudicial poidan presentar as súas solicitudes segundo o modelo anexo II desta resolución. As devanditas solicitudes poderán presentarse a través de calquera dos medios previstos na lei; en todo caso, deberán anticiparse por fax ou realizarse a través do portal do empregado público.

3. Cando houbese varios interesados, a preferencia entre eles determinarase segundo os seguintes criterios: primeiro os da unidade, despois os do centro de destino, logo os da mesma localidade e finalmente os do resto do partido xudicial. Dentro de cada un destes grupos terá preferencia en primeiro lugar quen posúa a titulación requirida para o acceso ao corpo de que se trate e, en segundo lugar, o que teña máis servizos prestados e, de persistir o empate, o que teña mellor posto na escala. Os que aleguen preferencia por mor da titulación académica deberán xustificar estar en posesión da devandita titulación, para o que será abondo con remitirse ao seu expediente persoal no caso de que nel constase esta titulación e, no seu defecto, deberá achegar coa solicitude a documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite o nivel de estudos.

Sexto.-Tramitación das substitucións horizontais.

1. Cando na unidade non existan postos adscritos ao corpo inferior ou non se presentasen solicitudes para a substitución vertical, a Dirección Xeral de Xustiza procederá á provisión temporal do posto a través dunha substitución horizontal.

2. Para dar cumprimento ao previsto no punto anterior, a Dirección Xeral de Xustiza publicará aviso na intranet de Xustiza, para que no prazo de 3 días hábiles formulen a súa solicitude todos aqueles que estivesen interesados na substitución horizontal ofertada.

3. Dentro do mencionado prazo de 3 días hábiles os interesados na substitución dirixirán á Dirección Xeral de Xustiza as súas solicitudes, segundo o modelo do anexo II desta resolución, que poderán presentar a través de calquera dos medios previstos na lei, pero que, en todo caso, deberán anticiparse por fax ou realizarse a través do portal do empregado público.

4. Para a concesión de substitucións horizontais será criterio determinante a mellor atención das necesidades do servizo. Sen prexuízo do anterior, no caso de concorrencia de varios funcionarios interesados resolverase a favor de: 1º os destinados no mesmo centro de destino, 2º na mesma localidade, 3º no mesmo partido xudicial e 4º os destinados en distinto partido xudicial. Dentro de cada un destes grupos terá preferencia o funcionario que teña mellor posto na escala.

Sétimo.-Duración das substitucións e cesamento do substituto.

1. A substitución concederase por un período mínimo de seis meses, sen prexuízo do cesamento do substituto cando se incorpore o titular do posto ou remate a causa que motivou a substitución, así como pola renuncia do substituto ou pola falta de desempeño efectivo da substitución durante quince días hábiles, agás no caso de vacacións.

2. Salvo renuncia do interesado, se o cesamento do substituto se producise antes de acadar o período mínimo de seis meses, este poderá facer valer a súa preferencia nas seguintes necesidades de substitución, cando menos ata completar o devandito período mínimo.

Oitavo.-Retribución.

Os funcionarios que realicen a substitución nun corpo inmediato superior terán dereito ás retribucións complementarias do posto que desempeñen por substitución e, ademais, percibirán, en concepto de produtividade polo especial interese e dedicación, a diferenza entre as retribucións básicas e as correspondentes ao corpo ao que está adscrito o posto que efectivamente desempeña.

Noveno.-Atribución de funcións entre os membros do corpo de auxilio xudicial.

1. Os titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de xustiza, por necesidades do servizo, poderán atribuírlles aos funcionarios do corpo de auxilio xudicial a atención das funcións de correo urxente e asistencia a sala de vistas en unidades diferentes ás do seu destino. Tamén poderá utilizarse este mecanismo da atribución de función para a realización polos funcionarios de auxilio xudicial do servizo de garda en xulgado diferente do seu destino; neste caso o servizo será atendido polos integrantes das quendas ás que se refiren os parágrafos seguintes cando non haxa voluntarios entre os funcionarios con destino nos demais xulgados de instrución.

2. Para garantir que o desempeño da atribución de funcións en distinta unidade xudicial sen relegación das funcións propias non prexudique o bo funcionamento do servizo, os titulares das delegacións provinciais de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza regularán un sistema de quendas de dispoñibilidade permanente, voluntaria e retribuída durante períodos de 15 días que se estruturará segundo as necesidades das localidades.

3. Os interesados en integrar as quendas sinaladas no punto anterior deberán presentar ante a delegación provincial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza correspondente ao seu posto de traballo unha instancia axustada ao modelo do anexo IV desta resolución.

4. A participación nas quendas de dispoñibilidade sinaladas no punto anterior dará dereito, de conformidade co previsto no artigo 12 do Real decreto 1909/2000, á percepción da cantidade de 100 euros por cada período de 15 días de dispoñibilidade para o desempeño conxunto de funcións para o que resulten nomeados, sen prexuízo das retribucións que lle puidesen corresponder pola prestación do servizo de garda.

5. As delegacións provinciais regularán as quendas para este desenvolvemento conxunto, así como as tarefas que, en virtude da atribución de funcións, deban realizar os traballadores designados durante os días que estean dispoñibles para o desempeño conxunto de tarefas no seu posto de orixe e noutro por atribución de funcións. Como mínimo as quedas estarán integradas por:

Ver referencia pdf "09300D002P009.PDF"

6. A dispoñibilidade entenderase referida a calquera órgano da localidade en que o funcionario teña o seu posto de traballo e a calquera orde xurisdicional.

Décimo.-Recursos.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente, no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo primeiro.-O pagamento destas cantidades terá efectos retroactivos para as substitucións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2008 e serán actualizadas cada ano.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2008.

Begoña Santos Fernández

Directora xeral de Xustiza

Ver referencia pdf "09300D002P009.PDF"