DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2008 Páx. 9.463

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

No marco da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, establece que o galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración e da Administración local, asumindo a Xunta de Galicia a obrigatoriedade de ditar as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego, normalización que, así mesmo, deberá fomentarse desde as entidades locais. Neste sentido, o seu artigo 11 dispón que os poderes públicos autonómicos promoverán a progresiva capacitación no uso do galego do persoal afecto á Administración pública.

O progresivo proceso de normalización do galego na Administración local ten a súa expresión normativa na Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A Lei 5/1997 no seu artigo 7 establece que o galego como lingua propia de Galicia, o é tamén da súa Administración local, así como que a Xunta impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local.

Polo que respecta aos funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a disposición adicional segunda da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, prevé que nos concursos de traslados que afectan a estes funcionarios/as se inclúa o coñecemento da lingua oficial nos termos previstos na lexislación autonómica correspondente. Esta previsión esténdese tanto ao concurso ordinario de traslados anual para a cobertura de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, cuxas bases específicas aproban as corporacións locais e as comúns cada comunidade autónoma dentro do seu ámbito territorial, como ao concurso unitario que subsidiariamente aproba o Ministerio de Administracións Públicas con idéntica periodicidade anual, en cuxas bases se incluirá o requisito da lingua de acordo co establecido polas comunidades autónomas.

O artigo 99 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e no seu desenvolvemento o Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional, actualmente en vigor segundo o establecido na disposición transitoria sétima do estatuto básico do empregado público, dispoñen igualmente a inclusión da exixencia do coñecemento da lingua oficial propia de cada comunidade autónoma de acordo co regulado na respectiva normativa autonómica nos concursos ordinario e unitario de traslados de funcionarios/as con habilitación estatal. Así mesmo, no artigo 28 do indicado texto sinálase que as bases da convocatoria para cubrir os postos de libre designación conterán a referencia ao coñecemento da lingua propia da comunidade autónoma correspondente.

Por outra banda, o artigo 240.3º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, recolle un mandato no que insta tanto a Xunta de Galicia como as corporacións locais a incluír nas bases dos concursos de funcionarios/as con habilitación estatal aqueles factores que garantan un grao suficiente de coñecemento da lingua galega para desempeñar as funcións dos seus postos de traballo.

En cumprimento da expresada normativa faise necesario ditar unha norma que materialice o medio de acreditar o coñecemento da lingua galega como requisito nos concursos de traslados para a provisión de postos reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, concretando o nivel de coñecemento exixible, e ampliándose, tamén, tal previsión, ás convocatorias para cubrir estes postos polo sistema de libre designación.

Esta regulación devén acorde coa inclusión como requisito nas probas selectivas para o acceso á función pública autonómica galega, así como nas convocatorias para a provisión polos sistemas de concurso e libre designación de prazas de persoal funcionario na Administración autonómica galega, dun determinado grao de coñecemento do idioma galego e, por outra banda, vén satisfacer unha tradicional demanda formulada polos funcionarios/as con habilitación de carácter estatal pertencentes a esta comunidade autónoma, de que se inclúa o coñecemento do galego nos concursos de traslados, tendo en conta que outras comunidades autónomas que posúen lingua oficial propia exixen o coñecemento da súa lingua como requisito nestes procesos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tras o ditame da Comisión Galega de Cooperación Local e da Comisión de Seguimento e Impulso do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de maio de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter estatal por concurso de méritos e libre designación que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia acreditarase o coñecemento do idioma galego na forma establecida neste decreto.

Artigo 2º.-Acreditación no concurso ordinario e nos procedementos de libre designación.

1. Nas bases do concurso ordinario para a cobertura de postos reservados a funcionarios/as con habilitación estatal e nas convocatorias para a provisión dos devanditos postos polo sistema de libre designación aprobadas polas entidades locais esixirase como requisito o coñecemento do idioma galego que se acreditará mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso ou a petición de cobertura do posto da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

2. O tribunal de valoración do concurso ou o/a presidente/a da entidade local, cando o procedemento de provisión sexa o de libre designación, realizarán unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente.

Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente.

3. Para a realización desta proba nos concursos ordinarios o tribunal de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Nos supostos de cobertura polo sistema de libre designación, o/a presidente/a da entidade local correspondente encomendará a realización da mencionada proba a dous técnicos especialistas en lingua galega designados da mesma maneira que no parágrafo anterior.

Artigo 3º.-Acreditación no concurso unitario.

1. No concurso unitario que con carácter anual convoca o Ministerio de Administracións Públicas incluirase como requisito o coñecemento da lingua galega que os/as concursantes acreditarán mediante a presentación coa solicitude de participación da documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4, expedido polo órgano competente da Xunta de Galicia ou do seu equivalente.

2. Os/as concursantes que non acrediten a posesión do título establecido no parágrafo anterior participarán nunha proba eliminatoria que se cualificará como apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao acadado coa obtención do Celga 4 ou equivalente.

3. Para a valoración desta proba designarase pola persoa titular da consellería competente en materia de réxime local, unha comisión técnica que estará composta por tres persoas expertas na materia. Así mesmo, por cada membro titular nomearase un suplente. Os membros da comisión designarán de entre os vogais o que actuará como secretario/a.

4. Rematada a valoración da proba, a comisión técnica elaborará unha proposta de carácter vinculante que lle elevará á persoa titular da consellería competente en materia de réxime local.

Artigo 4º.-Validez.

A superación da proba de coñecemento da lingua galega a que se refiren os artigos precedentes terá validez exclusivamente no respectivo concurso de traslados ou convocatoria de libre designación nos que se realice desta proba.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan total ou parcialmente ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de réxime local para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza