DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 02 de xuño de 2008 Páx. 10.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 22 de abril de 2008 pola que se convoca o cuarto procedemento de integración voluntaria no réxime estatutario para o persoal funcionario e laboral dos hospitais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Como consecuencia da asunción por parte da Administración autonómica galega da asistencia sanitaria dos centros transferidos doutras administracións que pasaron a integrarse na rede sanitaria propia do Servizo Galego de Saúde, nas súas institucións sanitarias convive o persoal estatutario, xunto co funcionario e o laboral. A diferente regulación de cada un destes colectivos deu lugar a dificultades na xestión e na organización do traballo que conduciron a impulsar a necesaria integración deses profesionais no réxime estatutario, na procura da pacífica convivencia conxugada coa organización do traballo.

O Decreto 447/1996, do 26 de decembro (DOG nº 3, do 7 de xaneiro) regula as bases para a homologación e integración no réxime estatutario do persoal funcionario e laboral dos centros transferidos, facultando a Consellería de Sanidade para adoptar as medidas de desenvolvemento e execución necesarias. Neste sentido, efectuáronse tres convocatorias de integración nas que, voluntariamente, participaron os/as profesionais interesados/as, optando os/as demais por permanecer no réxime xurídico orixinario.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia (DOG nº 246, do 19 de decembro), vén recoller no seu artigo 55.4º a promoción das medidas necesarias para a integración progresiva nun réxime xurídico común de todo o persoal que presta servizos no Servizo Galego de Saúde, como un dos principios xerais en materia de persoal, que se concreta aínda máis no artigo 56, cando no seu parágrafo 3º establece o réxime estatutario como o aplicable con carácter xeral ao persoal do organismo, e ao mesmo tempo, faculta de xeito expreso a Administración sanitaria galega para establecer os procedementos que habiliten a progresiva homologación e integración do persoal funcionario e laboral.

A Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde (BOE nº 301, do 17 de decembro), na súa disposición adicional quinta establece que, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal de cada un dos centros, institucións, ou servizos de saúde, e co fin de mellorar a eficacia na xestión, as administracións sanitarias públicas poderán establecer procedementos para a integración directa, con carácter voluntario, na condición de persoal estatutario.

O acordo sobre réxime extraordinario de carreira profesional do persoal estatutario das categorías de xestión e servizos e sanitario de formación profesional (DOG do 26 de outubro de 2007) establece, na súa cláusula adicional sexta, que no momento da súa entrada en vigor, se tramite unha nova oferta de integración no réxime estatutario que permita ao persoal funcionario e laboral transferido das corporacións locais, incorporarse ao réxime extraordinario de carreira profesional nas mesmas condicións que o resto de persoal.

En cumprimento destas previsións procederase á apertura do prazo de opción de integración no réxime estatutario en idénticas condicións ás anteriores ofertas realizadas polo Servizo Galego de Saúde.

As disposicións contidas nesta norma foron obxecto de negociación na mesa sectorial de persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde celebrada o 18 de xaneiro de 2008.

Na súa virtude, de acordo co anterior, e para a súa efectividade e, en uso das facultades que me foron concedidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1.1. O persoal funcionario e/ou laboral fixo dependente dos centros de xestión de atención especializada do Servizo Galego de Saúde (relacionados no anexo I desta orde), a que se refire o artigo 1 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, poderán solicitar a homologación e integración no réxime estatutario regulado polo Estatuto marco aprobado pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, nos termos e condicións que se establecen nesta norma, sempre que reúna os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente e que, no momento da súa entrada en vigor, se atopen nalgúns dos supostos previstos no parágrafo seguinte:

Requisitos de acceso:

a) En situación de servizo activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servizos laboral ou funcionarial, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servizos especiais, no caso de persoal funcionario.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia previsto legalmente para cada caso. Neste suposto, a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de servizo activo obterase de conformidade co previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 145, do 29 de xullo). A opción de integración poderá formularse no intre de solicitar o reingreso ou no prazo previsto nesta norma para o exercicio da opción.

1.2. Non poderá exercer o dereito de opción o persoal con vínculo temporal, de carácter funcionarial ou laboral, calquera que sexan as características de tal vínculo.

Artigo 2º.-Categorías homologables.

2.1. O persoal que exerza o dereito de opción integrarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, segundo as características das prazas orixinaria e estatutaria de referencia.

Para tal efecto, será de aplicación a táboa de homologacións que figura no anexo I desta orde, en que se relacionan as categorías funcionariais e laborais susceptibles de integracións e as correlativas estatutarias.

2.2. Porén, expedirase, no intre en que se resolva a solicitude de homologación e integración, un nomeamento adicional ao persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquiridos en virtude dun concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición por ser obtido mediante concurso ou concurso-oposición, ou ben provisorio, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

Artigo 3º.-Efectos.

3.1. Ao persoal que resulte integrado aplicaráselle para todos os efectos, o réxime económico e xurídico propio da categoría estatutaria en que se integre, e a súa prestación de servizos adecuarase á estrutura asistencial das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

3.2. Ao persoal que resulte integrado no réxime estatutario, respectaráselle, para todos os efectos, a antigüidade que teña no momento da entrada en vigor desta orde, aínda que os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto na disposición 2.2ª do Real decreto 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable.

3.3. O persoal funcionario ou laboral que se integre no réxime estatutario será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade no seu corpo, escala e/ou categoría de orixe.

Artigo 4º.-Complemento persoal transitorio.

4.1. Ao persoal que, tendo efectuada a opción de integración, percibise retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Servizo Galego de Saúde, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferenza de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza neste exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

4.2. Para o cálculo do complemento persoal transitorio, non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, complemento de nocturnidade, complemento de perigosidade, penosidade ou toxicidade, e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas, ata a data en que remate o prazo de presentación das instancias para o exercicio da opción de integración.

4.3. Non se procederá a recoñecer ningún complemento persoal transitorio ao persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense que por aplicación do acordo entre a Administración sanitaria e os representantes dos traballadores, publicado por Resolución conxunta do 29 de xullo de 1994, xa lle foron recoñecidos complementos persoais transitorios para a súa equiparación ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Tampouco se lle recoñecerá o dito complemento ao persoal que en virtude do mesmo acordo pasou, despois de terse adoptado este, a prestar servizos no mesmo centro coas mesmas condicións retributivas que o persoal estatutario.

Artigo 5º.-Efectos da non integración.

5.1. Ao persoal que non exerza a opción de integración no réxime estatutario, respectaráselle o réxime económico e xurídico que derive da súa situación de orixe, tanto funcionarial como laboral de remisión, coa dependencia orgánica e funcional do Servizo Galego de Saúde, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.

5.2. Respecto das lagoas que se produzan na regulación dos colectivos funcionarial e laboral, aplicarase por analoxía a normativa da categoría estatutaria equiparable.

5.3. A prestación de servizos deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de forma que se integrará e adaptará na estrutura e organización de traballo dos centros sanitarios, debidamente cohonestado co resto do persoal destes.

Artigo 6º.-Exercicio do dereito de opción.

6.1. Prazos.

Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 1º, o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da entrada en vigor desta orde, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II.

Os que non formulen opción expresa de integración, entenderase que optan por non integrarse no réxime estatutario, coas consecuencias que se establecen no artigo 5º.

6.2. Procedemento.

As solicitudes, debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde, e poderán ser presentadas nas oficinas de rexistro dos respectivos centros hospitalarios ou nas direccións provinciais do Servizo Galego de Saúde, sen prexuízo de que tamén se poidan presentar por calquera das formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.3. Documentación.

O persoal que efectúe a opción de integración achegará, xunto coa súa solicitude, a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, de ser o caso, do libro de escolaridade.

b) O persoal médico achegará, así mesmo, fotocopia compulsada do título de especialista que posúa e/ou que o habilite para exercer a praza que vén desempeñando.

c) Certificado oficial acreditativo do centro onde presta servizos, categoría profesional, natureza funcionarial ou laboral do vínculo, así como do carácter de persoal fixo.

Artigo 7º.-Resolución.

As solicitudes serán resoltas pola División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Servizo Galego de Saúde no prazo máximo de dous meses desde que remate a presentación de instancias para formular a opción de integración. As resolucións expresarán os recursos que contra elas procedan; órgano ante o que se deberán presentar e prazo para a súa interposición.

O anteriormente exposto enténdese sen prexuízo do disposto no parágrafo 1.1º c) do artigo 1º desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 e na disposición adicional segunda do Decreto 447/1996, ao persoal que opte á integración na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermaría non lle será exixido o título de formación profesional de primeiro grao, rama sanitaria, para integrarse na devandita categoría, sempre que no momento da súa entrada en vigor se atopase prestando servizos en prazas desa categoría que resulten debidamente acreditados. Para tal fin o centro hospitalario expedirá certificación de servizos prestados.

Segunda.-Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración no réxime estatutario consideraranse amortizados e reconvertidos nos correspondentes estatutarios que determina, para cada caso, a táboa de homologacións que se inclúe no anexo I desta orde.

As vacantes que se produzan de persoal laboral ou funcionario que non se integre no réxime estatutario e que non estean afectadas polas situacións previstas no artigo 1.1º b) desta disposición, declararanse a extinguir para a súa amortización ou, de ser o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal do artigo 1.2º desta norma consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará, na data en que teña efectividade a integración, no seu desempeño.

Porén o anterior, con efectos do día seguinte ao do cesamento, expediráselles un nomeamento ou formalizaráselles un contrato, segundo corresponda, para ocupar co mesmo carácter a dita praza de persoal estatutario.

Terceira.-Con respecto ao complemento PRD por traballo a quendas, integrado no complemento específico ou concepto adecuado, do persoal sanitario non facultativo e do persoal de xestión e servizos, incluirase entre as retribucións correspondentes á categoría de homologación para os efectos da determinación do complemento persoal e transitorio a que fai referencia o artigo 4 desta disposición.

A consideración deste complemento no cálculo do complemento persoal e transitorio practicarase sobre a asignación da contía que corresponda segundo a configuración que de aquel se fai na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, e logo do acordo de Mesa sectorial sobre os criterios para a súa aplicación.

No suposto de producirse con posterioridade á integración unha alteración no réxime de prestación de servizos do posto de traballo que determina a variación estable do réxime de traballo a quendas tomado en consideración na configuración do complemento específico ou concepto adecuado para o cálculo do complemento persoal e transitorio, procederase á revisión do devandito complemento para reflectir nel a dita alteración que pase a resultarlle de aplicación.

Cuarta.-No que respecta ao persoal das categorías en que a integración, segundo consta no anexo I, poida efectuarse en varias categorías estatutarias, a dita integración realizarase segundo sexan as funcións que veñan realizando de xeito estable e regular na organización do traballo do centro e que resulten debidamente acreditadas mediante certificación expedida pola dirección deste.

En todo caso, será condición imprescindible reunir os requisitos de titulación exixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración, sen menoscabo do establecido na disposición adicional primeira desta orde.

Quinta.-Persoal en expectativa de obter o título da especialidade.

O persoal suxeito a réximes transitorios de obtención do título da especialidade, que na data de publicación desta orde non estivese en posesión deste, e aquel persoal que posúa unha titulación respecto da cal aínda non estivese desenvolvida a regulamentación das súas especialidades, homologarase á categoría estatutaria de persoal técnico titulado superior que corresponda, sen prexuízo da súa posterior integración como facultativo especialista de área no intre en que, consonte o réxime transitorio da normativa de desenvolvemento das especialidades respectivas, obteña a devandita titulación, e sempre que a dita normativa prevexa a integración á citada categoría.

A dita integración realizarase logo de solicitude do/a interesado/a, só e exclusivamente, desde a praza en que se produciu a homologación ao réxime xurídico de persoal estatutario, de conformidade co disposto nesta orde.

Sexta.-Acceso ao réxime extraordinario de carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional que resulte integrado no réxime estatutario.

En cumprimento do previsto na cláusula adicional sexta do réxime extraordinario de acceso á carreira profesional regulado na Resolución do 25 de outubro de 2007, pola que se ordena a publicación do acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde (DOG do 26 de outubro de 2007), o persoal con vínculo de fixeza que opte pola integración e resulte integrado no réxime estatutario, nas correspondentes categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional, accederá ao dito réxime nas mesmas condicións que o persoal estatutario.

Para tales efectos, deberá presentar a súa solicitude de conformidade co previsto na resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, do 26 de outubro 2007 (DOG nº 209, do 29 de outubro), pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional das categorías de xestión e servizos e sanitarias de formación profesional do Servizo Galego de Saúde, achegando a documentación requirida nela.

O prazo para presentar esta solicitude será o establecido no artigo 6 desta orde para exercer o dereito de opción de integración no réxime estatutario.

Disposición transitoria

Única.-O persoal facultativo que se integre no réxime estatutario fará no momento da integración a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ao sector público sanitario coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A mentada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de integración, no prazo establecido nesta norma.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2008.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "10500D005P029.PDF"