DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 04 de xuño de 2008 Páx. 10.455

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 27 de maio de 2008 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

O Decreto 157/2006, do 7 de setembro, establece os requisitos, procedementos e incentivos para unha rehabilitación e renovación de calidade das vivendas e edificios, tanto no medio rural como nos conxuntos históricos de Galicia. No citado decreto establécese, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por ordes anuais de convocatoria.

A disposición derradeira primeira do citado Decreto 157/2006, do 7 de setembro, outórgalle á conselleira de Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, a potestade de ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a súa aplicación.

A Orde do 13 de decembro de 2006 regula o procedemento de obtención, as actuacións previstas, os requisitos exixidos e canto for necesario para a obtención da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, que constitúe un requisito necesario da vivenda para ser beneficiario das subvencións en materia de rehabilitación e renovación.

Esta orde aproba as bases reguladoras das subvencións, con vixencia indefinida, convoca as subvencións para o exercicio económico 2008, detalla o procedemento, establece o prazo de presentación de solicitudes de subvencións, indica o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que amparan esta orde.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que terán vixencia indefinida, e abrir a convocatoria no exercicio económico de 2008, nun procedemento de concorrencia non competitiva, das subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia, de acordo co establecido no artigo 4º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, publicado no DOG nº 181, do 19 de setembro, modificado polo Decreto 90/2008, do 24 de abril, publicado no DOG nº 91, do 13 de maio.

Capítulo I

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Actuacións.

Serán subvencionables aquelas actuacións de rehabilitación ou renovación de vivendas unifamiliares rurais e edificios ou vivendas en núcleos históricos reguladas no artigo 5º da Orde do 13 de decembro de 2006 e que figuran na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

Artigo 3º.-Requisitos das vivendas.

1. De acordo co establecido no artigo 6º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, modificado polo Decreto 90/2008, do 24 de abril, as vivendas e locais deberán estar en posesión da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

2. Enténdese que tamén cumpren este requisito as vivendas que xa estean en posesión da cédula de rehabilitación de calidade.

Artigo 4º.-Axudas de minimis.

Cando as persoas beneficiarias sexan empresas, terase en conta o establecido no artigo 2º do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis, publicado no Diario Oficial de la Unión Europea do día 28 de decembro de 2006.

Quedarán excluídas das axudas desta orde aquelas empresas referidas no artigo 1 do citado regulamento.

Artigo 5º.-Ingresos familiares.

1. Para os efectos do disposto no artigo 5º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, por ingresos familiares enténdese a contía resultante segundo o cálculo que se estableza na correspondente orde de convocatoria en referencia á declaración da renda, que estará expresada en número de veces o IPREM, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos ingresos familiares o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,95.

Familias de 3-4 membros: 0,90.

Familias de 5-6 membros: 0,85.

Familias de máis de 6 membros: 0,80.

3. Por unidade familiar tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

4. No caso dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, os ingresos na moeda propia do país no que se obteñan calcularanse en función do seu contravalor en euros, aplicando o primeiro cambio oficial fixado para o comprador no mercado de divisas no ano seguinte ao que se refiran os ingresos.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para estas axudas presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, axustándose aos modelos que figuran no anexo desta orde.

2. Os documentos que se deben achegaren coa solicitude son os seguintes:

a) Fotocopia compulsada do DNI ou do NIF do solicitante.

b) Fotocopia da resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade ou fotocopia da cédula de rehabilitación de calidade se xa a ten.

c) Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

d) No caso de que as persoas beneficiarias sexan empresas, de acordo co referido no artigo 4º desta orde, deberán xuntar unha declaración de que a axuda global de minimis que tivese recibido non supera os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais de acordo co establecido no artigo 3.2º c) do Regulamento 1998/2006, da Comisión Europea, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás axudas de minimis; así como unha declaración de que non están excluídas do seu ámbito de aplicación segundo o artigo 1 do citado regulamento.

e) Nas solicitudes para vivenda unifamiliar no ámbito rural:

-Autorización á Consellería de Vivenda e Solo para solicitar, por vía telemática, as acreditacións relativas a ingresos e débedas, ou fotocopia compulsada da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data de solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, pola Axencia Estatal Tributaria, correspondentes ao conxunto dos membros da unidade familiar.

-No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:

Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do Inem, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

-No suposto dos emigrantes, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España, ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

-Acreditación da composición da unidade familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable, e copia cotexada do libro de familia.

3. Así mesmo, os membros da unidade familiar e os solicitantes adicionais deberán acreditar que se atopan ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Consonte co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a solicitude de subvencións comportará a autorización para que a Consellería de Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, a comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos.

4. As citadas solicitudes deberán conter os datos da persoa solicitante adicional, entendendo por tal aquela persoa que sexa cotitular sobre os dereitos de propiedade, usufruto ou arrendamento, sen asignación concreta de cotas, como pode ser o caso de sociedades de gananciais ou comunidades de herdeiros nas que concorran as citadas circunstancias.

Artigo 7º.-Galegos residentes no exterior.

As solicitudes asinadas polos galegos residentes no exterior da comunidade autónoma poderán presentarse nas entidades galegas dos lugares de residencia que teñan recoñecida a galeguidade ou estean consideradas como colaboradoras, as cales deberán remitilas, en todo caso, á Secretaría Xeral de Emigración.

Esta secretaría xeral remitirá as solicitudes á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda en función da localización da vivenda.

Será preceptivo o informe da Secretaría Xeral de Emigración para toda solicitude presentada polos galegos e galegas residentes no exterior.

Artigo 8º.-Procedemento de resolución das subvencións.

1. Á vista da solicitude das subvencións, da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas o/a delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de resolución da subvención á persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo.

O expediente de concesión conterá o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder a elas.

2. A persoa titular da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da proposta, e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles resolverá o que, segundo dereito, proceda.

3. Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

4. Serán, así mesmo, obxecto de denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria.

O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a qué expedientes se esgota o crédito é o recollido no artigo 74.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unha vez esgotados os créditos procederase á correspondente publicación no DOG da citada circunstancia e á inadmisión das posteriores solicitudes.

5. A resolución da conselleira pon fin á vía administrativa, e é susceptible do recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. O delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elevará a proposta de pagamento á conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue.

2. O pagamento da subvención terá lugar:

a) No caso de estar xa en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, o 100% logo da concesión da subvención.

b) No caso de estar só en posesión da resolución de conformidade:

-Con carácter xeral, ata o 50% logo da xustificación por parte do promotor beneficiario da execución das obras que correspondan, cando menos, ao 50% do orzamento protexido que figure na resolución de concesión, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas e achegando facturas, certificacións de obras ou calquera outro documento similar xustificativo da utilización dos fondos.

Excepcionalmente, poderá aboarse un anticipo de ata 50% da anualidade, para o caso en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. O citado anticipo deberá ser solicitado expresamente pola persoa beneficiaria, quen motivará a mencionada necesidade. Unha vez revisada a solicitude de pagamento anticipado, a persoa titular da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo fará a proposta de concesión ou denegación á conselleira de Vivenda e Solo, que resolverá motivadamente.

Para a citada solicitude empregarase o modelo do anexo II desta orde.

-A cantidade restante logo da obtención da cédula de rehabilitación de calidade en función do orzamento executado que figure nesta cédula.

-O pagamento, no exercicio orzamentario corrente, das porcentaxes recollidas neste artigo 2º b), estará condicionado ás cantidades que se comprometan para cada anualidade en función do prazo de execución das obras previsto na resolución de conformidade. O importe da subvención, repartido nas citadas anualidades, figura como anexo á resolución de concesión da subvención. No caso de que non haxa dispoñibilidade suficiente, na anualidade do exercicio corrente, para a totalidade do importe xustificado o seu pagamento completarase na anualidade do exercicio futuro.

3. Non poderá realiciarse o pagamento da subvención en canto a persoa beneficiaria non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por procedemento de reintegro.

4. A persoa beneficiaria deberá achegar un certificado da entidade bancaria de ter aberto ao seu nome unha conta na que desexa que se lle realice o pagamento.

5. Antes do derradeiro pagamento, a persoa beneficiaria deberá achegar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, de acordo co establecido no artigo 15.2º.4 do Decreto 287/2000.

Artigo 10º.-Perda da subvención.

Será motivo de perda do dereito á subvención e ao seu pagamento a non obtención da cédula de rehabilitación de calidade.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, logo de proposta realiciada polos delegados provinciais, ditará resolución expresa, debidamente motivada, na que figure o motivo da perda do dereito á subvención e ao pagamento comunicándolle ao interesado a obriga de devolver as cantidades anteriormente percibidas en concepto de subvención.

A resolución da conselleira pon fin á vía administrativa, é susceptible do recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes, ou ben de recurso contencioso-administrativo, directamente ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous meses.

Artigo 11º.-Prazo de resolución.

O prazo para resolver fíxase en tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro correspondente. Vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo 12º.-Rexistro de axudas e subvencións e publicidade.

1. De acordo co establecido na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como as sancións impostas, de ser o caso.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude, e solicitados no correspondente impreso de solicitude de subvención integraranse nun programa informático de carácter permanente, a disposición da Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas neste artigo. A negativa a cubrir calquera dos datos solicitados no impreso de solicitude supoñerá a imposibilidade de continuar a tramitación da solicitude.

Artigo 13º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude poderanse realiciar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados, ou o destino da subvención concedida.

2. As persoas beneficiarias están obrigadas a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Cuentas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Reintegro e modificación da subvención.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, suporá ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados pola Consellería de Vivenda e Solo incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As modificacións autorizadas do proxecto que serviu de base á resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade producidas durante a execución das obras e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión das axudas.

Capítulo II

Convocatoria para o exercicio 2008

Artigo 15º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 30 de setembro de 2008.

Artigo 16º.-Importe máximo e dotación orzamentaria.

Para os efectos do determinado no artigo 4 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, o importe máximo das subvencións para vivenda unifamiliar en ámbito rural será de 4.850.000 euros, e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 17.02.451A.780.0 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2008, 4.850.000 € con cargo aos orzamentos de 2009 e 3.500.000 € con cargo aos orzamentos de 2010.

O importe máximo das subvencións en conxuntos históricos, para familias e institucións sen fin de lucro será de 2.050.000 de euros, na aplicación 17.02.451A.780.2 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2008, 1.800.000 € con cargo aos orzamentos de 2009 e 1.600.000 € con cargo aos orzamentos de 2010, e para empresas privadas será de 250.000 euros na aplicación 17.02.451A.770.0 do orzamento de gastos da Consellería de Vivenda e Solo para o ano 2008, 280.000 € con cargo aos orzamentos de 2009 e 240.000 € con cargo aos orzamentos de 2010.

Artigo 17º.-Cómputo dos ingresos familiares na convocatoria de 2008.

1. Para as solicitudes presentadas antes da finalización do prazo de presentación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao período impositivo 2007, computaranse os ingresos da parte xeral e especial da renda reguladas nos artigos 39, 40 e 51, respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

2. Para as solicitudes presentadas despois da finalización do prazo de presentación da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao período impositivo 2007, computaranse os ingresos da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49 respectivamente, da Lei 35/ 2006, do 28 de novembro, incrementada, se é o caso, no importe que resulte do establecido no artigo 20, números 2º e 3º, da citada lei, correspondente á declaración ou declaracións presentadas por cada un dos membros da unidade familiar relativa ao período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvención.

Estes ingresos acreditaranse mediante a documentación que figura no artigo 7.2º d) desta disposición.

Artigo 18º.-Importes máximos das subvencións.

En relación á porcentaxe do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, establecidas no artigo 7º do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, as subvencións non poderán superar as seguintes cantidades máximas:

1. Nos casos de rehabilitación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 24.000 euros.

2. Nos casos de renovación en ámbito rural ou en conxuntos históricos, o 50% do orzamento que figure na resolución de conformidade coas actuacións propostas para a obtención da cédula de rehabilitación de calidade, sen superar a cantidade de 30.000 euros.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 12 de xuño de 2007, pola que se convocan subvencións a fondo perdido para a rehabilitación e renovación de calidade de vivendas no medio rural e conxuntos históricos de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "10700D014P055.PDF"