DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 06 de xuño de 2008 Páx. 10.695

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de maio de 2008 pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá ou mixta nas escolas de educación infantil, colexios de educación infantil e primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e centros privados concertados.

Tendo en conta a demanda dos centros da comunidade autónoma para que se lles autorice o cambio do tipo de xornada lectiva, parece procedente establecer un procedemento que sirva de canle para que aquelas comunidades educativas que así o desexen poidan solicitar a oportuna implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá, ou ben unha xornada mixta, cun mínimo de dúas tardes á semana, no marco dun proxecto educativo contextualizado no contorno e de acordo cos requisitos que se establecen, orientados a garantir o amplo consenso da comunidade educativa por unha banda e o desenvolvemento integral do alumnado por outra, sen que tal medida supoña incremento do gasto público na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ve necesario determinar os requisitos exixibles para obter a modificación da xornada habitual dos anteditos centros.

Nesta liña, débese considerar a dispersión poboacional de Galicia, que produce que case a metade das rutas de transporte escolar existentes se concentren na nosa comunidade. Esta realidade fai imprescindible e determinante o informe do Servizo de Transportes á hora de considerar a viabilidade técnica e económica da modificación da xornada lectiva.

Polo anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde regula os requisitos e o procedemento para a autorización nas escolas de educación infantil, colexios de educación infantil e primaria, colexios rurais agrupados, centros públicos integrados, centros de educación especial e centros privados concertados dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da implantación das seguintes xornadas lectivas:

a) En sesión única de mañá.

b) Nunha xornada mixta: posibilitaranse outras xornadas, cun mínimo de dúas tardes á semana, mantendo un total de 25 horas semanais.

Segundo.-Requisitos.

a) En sesión única de mañá:

1. Acordo do consello escolar, por maioría dos tres quintos dos seus membros.

2. Acordo do claustro de profesores e profesoras, por maioría dos tres quintos dos seus membros.

3. Informe favorable do Servizo de Transportes da delegación provincial, conforme o previsto na epígrafe sétima desta orde, cando o centro docente teña trasporte escolar.

4. Acordo favorable do 58% do total do censo das nais, pais ou titores legais do alumnado. Para os efectos de establecer o total do censo, computaranse a nai ou o pai ou un dos titores legais do alumnado da etapa en que se pretende cambiar a xornada.

5. Plan específico de actividades extraescolares.

b) Nunha xornada mixta:

1. Acordo do consello escolar, por maioría dos tres quintos dos seus membros.

2. Acordo do claustro de profesores e profesoras, por maioría dos tres quintos dos seus membros.

3. Informe favorable do Servizo de Transportes da delegación provincial, conforme o previsto na epígrafe sétima desta orde, cando o centro docente teña trasporte escolar.

4. Acordo favorable da maioría absoluta do total do censo das nais, pais ou titores legais do alumnado. Para os efectos de establecer o total do censo computaranse o pai ou a nai ou un dos titores legais do alumnado da etapa en que se pretende cambiar a xornada.

5. Plan específico de actividades extraescolares.

Terceiro.-Plan específico de actividades extraescolares.

Os centros presentarán un plan específico de actividades extraescolares que se desenvolverán pola tarde, sen prexuízo das que se inclúan na programación xeral anual segundo o establecido no capítulo IX do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997. Neste plan específico de actividades preverase o modo de colaboración nelas das asociacións de nais e pais do alumnado, doutras institucións e organismos, e, de ser o caso, do profesorado, sinalando o órgano responsable da organización e financiamento de cada actividade, así como a participación económica do alumnado, se for o caso.

Con independencia da participación ou non do profesorado na organización e desenvolvemento das actividades extraescolares, nos horarios do profesorado estableceranse pola tarde dúas horas complementarias fixas para garantir a coordinación do profesorado a través das reunións de departamento, equipos de ciclo e, se é o caso, de nivel e as titorías dos pais, ademais de quendas de supervisión das devanditas actividades extraescolares.

O plan específico de actividades extraescolares será elaborado polo equipo directivo, coa colaboración da persoa responsable das actividades extraescolares, e será aprobado polo consello escolar dentro da programación xeral anual do centro.

Cuarto.-Fase de información.

Coa finalidade de garantir o máximo coñecemento do plan específico de actividades extraescolares por parte dos distintos sectores da comunidade educativa e moi especialmente polas nais e pais do alumnado, os centros educativos organizarán unha fase de información sobre o devandito plan cun mes de antelación á realización das votacións do sector de pais, nais ou titores legais.

Quinto.-Votacións.

As votacións correspondentes ao consello escolar e ao claustro de profesorado terán lugar en sesións extraordinarias convocadas para o efecto. Desenvolveranse en cada caso ante unha mesa composta pola dirección do centro como presidente ou presidenta e dous membros do órgano correspondente designados por sorteo no mesmo acto.

A votación para o sector das nais, pais ou titores legais do alumnado farase, logo da convocatoria pola dirección do centro, ante unha mesa constituída para o efecto e composta pola dirección do centro, que a presidirá, e dúas nais, pais ou titores legais, designados por sorteo público, actuando como secretaria ou secretario a persoa de menor idade. En previsión de posibles ausencias, no sorteo designaranse titulares e suplentes.

O censo electoral deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro con dez (10) días, polo menos, de anticipación á data fixada para a xornada electoral. As direccións dos centros educativos abrirán un prazo de, polo menos, cinco días hábiles para que as nais, pais ou titores legais poidan presentar reclamacións ao censo.

A votación do sector de pais, nais ou titores legais realizarase no centro educativo, nunha única xornada cunha duración establecida pola dirección do centro e que non será inferior a oito horas.

O voto será, en todo caso, directo, secreto e non delegable. No sector das nais e pais poderán votar a nai ou o pai ou un dos titores legais.

Sexto.-Tramitación da solicitude.

As direccións dos centros educativos que cumpran os correspondentes requisitos establecidos na disposición segunda efectuarán solicitude ao titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante o mes de febreiro.

Xunto coa solicitude achegarán as actas das votacións levadas a cabo nos órganos colexiados do centro e do sector das nais, pais ou titores legais, ás cales se refire a epígrafe anterior, e, se é o caso, o informe favorable do Servizo de Transportes da correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sétimo.-Centros con transporte escolar.

Despois das votacións do consello escolar e do claustro de profesorado e con carácter previo ás votacións das nais, pais ou titores legais, as direccións dos centros con transporte escolar solicitarán ao Servizo de Transportes da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria un informe referido á viabilidade ou non do horario proposto polo centro solicitante, en relación cos servizos complementarios de transporte e comedor.

O informe do Servizo de Transportes será favorable cando a modificación horaria proposta polo centro non supoña incremento de custo tanto do transporte como do comedor escolar.

Se o informe emitido polo Servizo de Transportes é favorable, o centro procederá a convocar e realizar as votacións das nais, pais ou titores legais conforme o previsto nesta orde. No suposto de que o informe fose desfavorable, o centro educativo procederá ao arquivo das actuacións.

Oitavo.-Informe da inspección educativa.

Á vista da documentación presentada polo centro educativo, o Servizo provincial de Inspección Educativa emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e demais trámites establecidos nesta orde, e se o horario cumpre ou se adapta á normativa legal vixente.

Noveno.-Proposta de resolución.

O titular da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, á vista dos informes sinalados e doutros que puidese solicitar, proporalle á Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a resolución que proceda, achegando, así mesmo, o expediente completo de cada centro solicitante.

Décimo.-Modificación.

A xornada aprobada non poderá ser modificada nun período de tres anos académicos.

Décimo primeiro.-Revogación da autorización.

Poderase revogar a autorización en calquera momento do ano académico, por proposta da delegación provincial e logo de audiencia do consello escolar do centro, cando no seguimento realizado polo servizo provincial de Inspección Educativa se comprobe o incumprimento grave do plan de actividades extraescolares que serviu de base á autorización.

Disposición transitoria

Primeira.-Para o curso 2008/2009, os centros poderán solicitar no mes de xuño a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá ou unha xornada mixta ao abeiro desta orde.

Segunda.-Para centros que conten con autorización para xornada lectiva en sesión única de mañá concedida por implantación ou prórroga, ou mixta con carácter experimental para o curso escolar 2008/2009, esta será considerada definitiva e seralles de aplicación o punto décimo.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 13 de abril de 1993 pola que se establece o procedemento para a implantación da xornada lectiva en sesión única de mañá nos centros de educación infantil, educación primaria e educación xeral básica e todas as disposicións de igual e inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar as disposicións oportunas no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria