DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 10 de xuño de 2008 Páx. 10.959

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Exposición de motivos

1

No mundo contemporáneo, a cultura caracterízase por ser un ben social de carácter multidimensional: constitúe o elemento que mellor expresa as ideas e os valores nos que Galicia funda a súa entidade e identidade no contexto global, e ao tempo é un instrumento que cohesiona ao noso pobo, reforza as relacións entre a cidadanía, corrixe as desigualdades, integra os colectivos desfavorecidos e facilita a cooperación entre os pobos. Nesa medida, as administracións públicas galegas, en cumprimento dos principios reitores recollidos no ordenamento xurídico, teñen que adoptar programas dirixidos ao fomento da cultura e da creatividade individual e colectiva, así como promover o acceso e a participación dinámica da cidadanía nos procesos culturais.

Mais a cultura é tamén un campo cada vez máis importante de desenvolvemento económico sustentable. O enfoque económico dos sectores culturais e creativos cobra unha paulatina importancia a medida que os seus produtos xeran un alto valor engadido e adquiren, pola súa singularidade, un alto potencial competitivo nos mercados.

Este enfoque é unha realidade puxante no contexto internacional. En efecto, a Convención sobre a protección e promoción da diversidade das expresións culturais, adoptada pola Conferencia Xeral da Unesco do 20 de outubro de 2005 e ratificada por España o 18 de decembro de 2006, entrou en vigor o 18 de marzo de 2007. Esta convención recolle a importancia da diversidade cultural como patrimonio común da humanidade que debe valorarse e preservarse, e como elemento estratéxico das políticas de desenvolvemento nacionais e internacionais, afirma que os bens e os servizos culturais presentan unha dobre natureza (cultural e económica) e que non deben tratarse como se só tivesen un valor comercial e defende o dereito dos países a desenvolver e realizar políticas no sector cultural e a necesidade de estimular a cooperación internacional, en especial mediante un sistema de tratados preferenciais.

Pola súa parte, a Unión Europea vén recoñecendo a gran importancia do sector cultural e creativo para acadar os obxectivos de crecemento, produtividade e emprego fixados no Consello Europeo de Lisboa dos días 23 e 24 de marzo de 2000. Estes obxectivos foron relanzados no Consello Europeo de Bruxelas dos días 22 e 23 de marzo de 2005, onde se destacou a necesidade de adoptar programas europeos que lle permitan ao sector superar os retos competitivos que afronta nun mundo cada vez máis globalizado. Converter a cultura e a creatividade nunha prioridade europea, aproveitar o cambio dixital, promover unha educación que potencie a creatividade, fomentar territorios que poidan gañar a competencia global por atraer talentos e investimentos, solucionar o infrafinanciamento crónico das súas empresas, protexer a diversidade cultural e mais asegurar a consistencia entre as accións europeas internas e externas permitirán construír un contorno europeo que potencie a creatividade, integrando este

sector no contexto da estratexia de Lisboa.

A Xunta de Galicia é consciente da gran potencialidade do sector cultural e artístico galego, da súa capacidade para seren competitivos non só interna senón tamén externamente e da importancia do sector público para consolidar a oferta cultural galega coa adopción de medidas que protexan os bens e servizos culturais galegos, non só como factor de crecemento económico senón como unha canle para protexer a diversidade cultural garantindo a presenza da creatividade e identidade galegas no mercado cultural globalizado.

Resulta probada a indispensable achega da produción privada para mantermos un mercado no que primen a independencia e a diversidade das propostas culturais; a significativa contribución do sector cultural galego á prosperidade económica e ao emprego; a importancia de creadores e creadoras, empresas e industrias culturais no fomento da innovación e tecnoloxía, motores do crecemento sostible no futuro; o rol principal que xogan na evolución do sector cultural persoas autoempregadas, microempresas e empresas de pequeno e medio tamaño; a estreita relación entre a produción de bens e servizos culturais e as estratexias de desenvolvemento territorial e cohesión social, pola súa especial relación co contorno cultural e lingüístico de Galicia; e o papel sobranceiro de creadores e creadoras, empresas e industrias galegas no progreso e no espallamento da cultura galega, tanto a nivel interno para incrementar o nivel de consumo cultural dos galegos como a nivel externo para achegármonos a

outros pobos establecendo intercambios e encontros que poñan de manifesto a existencia de espazos culturais comúns desde o respecto e a protección dos trazos específicos das distintas culturas que os compoñen.

2

O obxecto desta lei é a creación dunha organización instrumental especializada ao servizo do desenvolvemento do tecido empresarial propio do mercado cultural galego. Ao mesmo tempo, trátase de fixar mecanismos acaídos de política pública que, sen alterar as condicións dos intercambios e da competencia na Unión Europea en contra do interese común, promovan a consolidación de empresas e industrias culturais galegas naqueles eidos onde están ben situadas e a súa protección onde o precisen, actuando de acordo cos principios de complementariedade e subsidiariedade na intervención pública.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, executará os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores e creadoras individuais, empresas e industrias culturais privadas, acrecentando os esforzos e recursos destinados a mellorar e afondar estas medidas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura e Deporte.

Todo isto sen prexuízo da plena vixencia dos instrumentos previstos noutras leis sectoriais especiais, como a Lei 6/1999, do 1 de setembro, do audiovisual de Galicia, ou a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, e sen menoscabar as funcións que consonte os decretos 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, lle corresponden actualmente á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia.

A axencia substitúe o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), creado pola Lei 4/1989, do 21 de abril, modificada posteriormente pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro. Na actualidade, o modelo organizativo do IGAEM presenta signos de inadaptación ás necesidades e aos retos da política cultural de Galicia. Así, a restrición do campo de actuación do IGAEM ás artes escénicas e musicais é un límite á hora de desenvolver unha programación uniforme para o fomento das actividades artísticas e culturais no seu conxunto, polo que nesta lei se optou por unha axencia que non restrinxa a súa actuación a un sector específico (as artes escénicas e musicais) senón que englobe a totalidade das actividades culturais e artísticas, desde a creación básica de capital inmaterial ata a creación de bens e servizos materiais e inmateriais susceptibles de seren negociados no mercado, prestados por creadores e creadoras individuais, empresas e industrias culturais.

Dentro do panorama de fórmulas organizativas que se atopan reguladas no noso dereito autonómico, a lei configura a Axencia Galega das Industrias Culturais como unha axencia pública autonómica das previstas na disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A lei estrutúrase en catro títulos, tres disposicións transitorias, dúas disposición derrogatorias e dúas disposicións derradeiras.

O título I reúne as disposicións xerais relativas a natureza, réxime xurídico, obxecto e fins, así como as funcións da Axencia Galega das Industrias Culturais.

O título II ocúpase da organización da axencia. A estrutura da Axencia Galega das Industrias Culturais conta con dous órganos de goberno, un unipersoal (o director ou directora) e outro colexiado (o consello de dirección), e cun órgano de asesoramento, o consello asesor, no que estarán representadas as asociacións e agrupacións máis representativas dos sectores culturais aos que a lei se dirixe. Os departamentos son os eixes básicos da estrutura de funcionamento da axencia.

O título III regula o réxime de persoal da axencia, así como os procedementos de selección de postos de traballo, con especial referencia ao persoal directivo.

O título IV remite a regulación do réxime económico, patrimonial, financeiro e de control da axencia ao réxime previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para as axencias públicas.

As disposicións transitorias regulan o réxime de sucesión do IGAEM pola axencia. En particular, adscríbense provisoriamente á axencia os centros de produción, arquivo, información e investigación cultural dependentes na actualidade do IGAEM, en tanto non se cree un ente específico para a xestión e coordinación dos centros de produción cultural de titularidade pública.

3

De conformidade co previsto no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía para Galicia, en relación co artigo 148.1.17 da Constitución, o fomento da cultura é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia, as funcións e os servizos que a Administración central viña prestando en materia de fomento da cultura fóronlle transferidos á Xunta de Galicia polo Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza e adscrición.

1. Créase, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

2. A Agadic é unha axencia pública autonómica das reguladas na disposición adicional quinta do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultada para exercer potestades administrativas no ámbito das súas funcións.

3. A Agadic adscríbese á consellaría con competencias en materia de cultura da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

1. A Agadic réxese por esta lei, polo texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, no seu marco, polo seu estatuto.

2. A Agadic está sometida ao dereito público na formación da vontade dos seus órganos, no exercicio das potestades administrativas que ten atribuídas e naqueles aspectos que de acordo coa lexislación xeral administrativa ou orzamentaria deba someter a dereito público.

3. O estatuto da Agadic será aprobado e modificado por decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría con competencia en materia de economía e facenda, logo de iniciativa da consellaría competente en materia de cultura.

Artigo 3º.-Obxecto e ámbito.

1. A Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables.

2. Para os efectos do establecido nesta lei, son empresas culturais privadas as organizacións constituídas baixo calquera das formas mercantís recoñecidas pola lexislación vixente que se dediquen con carácter principal á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais incorporados en calquera clase de soporte, de espectáculos en vivo e de factores de produción exclusivamente destinados ao mercado cultural.

Artigo 4º.-Fins.

Son fins da Agadic:

a) Garantir o progreso da cultura galega, e nomeadamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural de Galicia, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural en condicións de igualdade e respecto con identidades diferentes nun contexto globalizado.

b) Impulsar a participación, consolidación e cooperación das empresas e profesionais na produción, creación, conservación, difusión e comercialización do patrimonio cultural galego, nun mercado dinámico, sustentable e plural que fomente a participación cidadá e remova os obstáculos xeográficos, físicos, educativos, sociais ou económicos que poden dificultar o acceso á cultura, especialmente dos colectivos menos favorecidos.

c) Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

d) Potenciar os programas de investigación e desenvolvemento cultural, mellorando a calidade e diferenciación dos produtos, a axilidade no servizo prestado e a creación de valor engadido na economía dixital.

e) Estreitar a coordinación entre as administracións públicas con competencias na materia e os axentes privados, de acordo cos principios de subsidiariedade e complementariedade, para aproveitar as sinerxías, incrementar a posibilidade de financiamento e acadar unha maior calidade e eficiencia na acción cultural.

f) Favorecer a creación e produción artística e cultural das mulleres e a súa difusión, adoptando medidas de acción positiva destinadas a combater a discriminación directa, indirecta ou estrutural de xénero.

Artigo 5º.-Funcións.

1. En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

a) Impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas que produzan bens e servizos culturais, prestándolles especial atención ás industrias culturais que xeren mecanismos de produción eficientes e que subministren no mercado bens culturais de amplo consumo.

b) Favorecer os produtos que difundan a lingua, a cultura e as tradicións propias de Galicia como elemento singularizador no mercado, e os que acheguen á cultura galega innovacións creativas e ofertas de calidade de novas estéticas e linguaxes artísticas.

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais. Para isto poderán establecer marcas de referencia e campañas publicitarias que reforcen o posicionamento de Galicia e dos produtos culturais galegos no mercado interior e exterior.

d) Contribuír á mellora na preparación e cualificación artística, técnica e empresarial dos recursos humanos, impulsando plans formativos acordes coas necesidades profesionais das empresas do sector, en especial na formación de persoal cualificado para a súa administración e xestión e no deseño, acceso e emprego das novas tecnoloxías.

e) Estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción. Tamén apoiará a colaboración entre empresas e creadores e creadoras como instrumento necesario para o impulso e asentamento do sector cultural.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás dos núcleos pequenos, e o estímulo da mellora e modernización tecnolóxica.

g) Impulsar, a través do Igape, a presenza das empresas culturais nos mercados financeiros en condicións vantaxosas, con programas de préstamos públicos ou actuando como intermediaria entre os produtores culturais e as entidades financeiras privadas, en especial para poder afrontar grandes proxectos desde a iniciativa privada.

h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos.

i) Adoptar programas que potencien as sinerxías entre o desenvolvemento empresarial das actividades culturais e outros fins públicos como a protección do patrimonio natural, material e inmaterial, a contribución ao desenvolvemento territorial e o fomento da educación, do emprego, da integración social, do turismo e da investigación.

j) Facer estudos e plans estratéxicos sobre o sector cultural, así como difundir a información sobre os recursos destinados ás empresas culturais en calquera ámbito.

k) Calquera outra iniciativa e acción dirixida á consecución dos seus fins.

2. A Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, subscribir convenios con institucións públicas e privadas, realizar actividades comerciais e industriais, incluso mediante a participación en consorcios ou sociedades, conceder subvencións e establecer calquera outra iniciativa e acción tendente á consecución dos obxectivos que se lle atribúen.

3. Correspóndenlle á Agadic o control e a avaliación do nivel de eficacia e eficiencia acadado coas medidas adoptadas e dos efectos das súas políticas, así como o control externo do emprego das súas axudas polos receptores. A Agadic coordinará as súas operacións estatísticas propias coa que desenvolva a consellaría competente en materia de cultura, nos termos previstos nas normas reguladoras da actividade estatística da Xunta de Galicia.

Título II

Organización

Artigo 6º.-Estrutura.

1. A Agadic estrutúrase nos órganos de goberno e asesoramento previstos nesta lei e nos órganos complementarios que se determinen no seu estatuto.

2. A designación dos seus titulares e membros procurará a paridade entre home e muller.

Capítulo I

Órganos de goberno e asesoramento

Artigo 7º.-Órganos de goberno.

Son órganos de goberno da Agadic o consello de dirección e a dirección.

Artigo 8º.-Consello de dirección.

1. O consello de dirección é o órgano de goberno colexiado da Agadic.

2. O consello de dirección é presidido pola persoa titular da consellaría con competencias en materia de cultura. Estará integrado pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de creación e difusión cultural, pola persoa titular da subdirección competente en materia de creación e difusión cultural, pola persoa titular da dirección da Agadic, por un ou unha representante da Consellería de Innovación e Industria con rango de director ou directora xeral e por un ou unha representante da Consellería de Economía e Facenda con rango de director ou directora xeral.

3. Correspóndenlle ao consello de dirección as seguintes atribucións:

a) Aprobar o proxecto de estatuto e das súas modificacións e as normas de réxime interior da Agadic e, se é o caso, dos centros adscritos a ela, por proposta do director ou directora.

b) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual.

c) Aprobar as contas anuais e, se é o caso, a distribución do resultado do exercicio, de acordo coa lexislación orzamentaria.

d) Aprobar o plan anual de actividades e a súa memoria explicativa.

e) Aprobar a memoria anual sobre a actuación e a xestión da Agadic.

f) Seguir a execución dos orzamentos e do plan anual de actividades.

g) Controlar a xestión da dirección e esixirlle as responsabilidades que procedan.

h) Aprobar as dotacións orzamentarias e o réxime retributivo do persoal da Agadic, de acordo coas previsións orzamentarias e a legalidade vixente.

i) A determinación dos criterios de selección do persoal, así como a aprobación da relación de postos de traballo, nos termos previstos na lexislación de función pública.

j) A resolución dos recursos administrativos contra actos dos órganos da Agadic, así como das reclamacións previas ás vías civil e laboral. Así mesmo, resolverá os procedementos de responsabilidade patrimonial.

k) As demais competencias que se determinen, se é o caso, no estatuto da Agadic.

4. Os acordos do consello de dirección poñerán fin á vía administrativa.

5. A presidencia do consello de dirección terá as seguintes competencias:

a) Ter a representación da Agadic.

b) Convocar as reunións do consello de dirección, de acordo co establecido no estatuto.

c) Presidir e dirixir as deliberacións do consello de dirección.

d) Asinar os convenios con outras entidades públicas ou privadas que sexan necesarios para o cumprimento dos obxectivos da Agadic.

e) Facerse parte en xuízo e en toda clase de actuacións, podendo outorgar, se é o caso, poderes para preitos.

f) As demais competencias que se determinen, se é o caso, no estatuto da Agadic.

Artigo 9º.-Dirección.

1. A dirección é o órgano executivo da Agadic, correspondéndolle a xestión ordinaria desta.

2. A dirección será nomeada polo Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría competente en materia de cultura, entre as persoas que reúnan as cualificacións necesarias para o cargo, segundo determine o estatuto da Agadic.

3. Correspóndenlle ao director ou directora as seguintes atribucións:

a) Elaborar o proxecto de estatuto da Agadic e as súas modificacións, e as normas de réxime interior da Agadic e, se é o caso, dos centros e unidades adscritos a ela.

b) Elaborar o proxecto de plan anual de actividades da Agadic e a súa memoria explicativa.

c) Elaborar a memoria anual sobre a actuación e a xestión da Agadic.

d) Elaborar o anteproxecto dos orzamentos da Agadic.

e) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar os servizos, centros e unidades da Agadic e ditar as disposicións, instrucións e circulares relativas ao funcionamento deles.

f) Executar os orzamentos e o plan anual de actividades da Agadic.

g) Autorizar os pagamentos e os gastos da Agadic e dos centros e unidades de produción, dentro da normativa vixente.

h) Exercer a xefatura do persoal da Agadic.

i) Propoñerlle ao consello de dirección o nomeamento, de acordo cos criterios de profesionalidade, mérito e capacidade, do persoal directivo da Agadic.

j) A proposta de resolución dos recursos administrativos contra os actos dos órganos da Agadic e as reclamacións previas ás vías civil e laboral. Así mesmo, instruirá os procedementos de responsabilidade patrimonial.

k) Executar os acordos do consello de dirección e exercer as funcións que este lle delegue.

l) As demais competencias que se determinen, se é o caso, no estatuto da Agadic.

m) As demais competencias que non estean atribuídas por esta lei ou polo estatuto a outros órganos.

4. A dirección está suxeita, no desenvolvemento dos seus labores, a avaliación conforme os criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foran fixados.

5. A dirección percibe unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o consello de dirección.

Artigo 10º.-Consello asesor.

1. O Consello Asesor da Agadic, presidido pola persoa titular da consellaría competente en materia de cultura ou persoa na que delegue, é o órgano encargado do estudo, deliberación e proposta nas materias competencia da Agadic.

2. En particular, correspóndelle ao consello:

a) Emitir informe sobre a planificación anual de actividades.

b) Emitir informe sobre a memoria referente á actuación e á xestión da axencia.

c) Emitir informe sobre os anteproxectos de orzamentos.

d) Emitir informe sobre a aprobación das contas da axencia.

e) Emitir informe sobre o proxecto de estatuto.

f) Elevar aos órganos de goberno da Agadic as propostas que considere convenientes no ámbito de actuación dela.

3. O estatuto da axencia establecerá a composición e o réxime de funcionamento do Consello Asesor da Agadic. En todo caso, procurarase a paridade de xénero e garantirase a presenza dos representantes das administracións públicas con competencias en materia cultural, así como das asociacións empresariais e profesionais máis representativas do ámbito da cultura galega.

Capítulo II

Organización administrativa

Artigo 11º.-Departamentos.

1. A Agadic estruturarase nos departamentos que estableza o seu estatuto.

2. En todo caso, existirá un departamento de xestión que desenvolverá as funcións de xestión dos recursos humanos, de xestión económico-financeira e de recompilación e difusión de coñecemento e documentación nas materias competencia da Agadic.

3. A organización, as funcións e o réxime interno dos diferentes departamentos rexeranse polo establecido no estatuto e demais normas complementarias.

Artigo 12º.-Coordinadores/as.

1. Á fronte de cada departamento estará un coordinador ou coordinadora, que dependerá directamente da dirección.

2. Os coordinadores e coordinadoras terán a consideración de persoal directivo e terán as funcións e potestades que lles atribúa o estatuto.

Título III

Réxime de persoal

Artigo 13º.-Persoal da Agadic.

1. Sen prexuízo do persoal directivo previsto no artigo 16º, o persoal ao servizo da Agadic está constituído por:

a) O persoal que estea ocupando postos de traballo en servizos que se integren na Agadic.

b) O persoal que se incorpore á Agadic desde calquera administración pública polos correspondentes procedementos de provisión de postos de traballo previstos nesta lei.

c) O persoal seleccionado pola Agadic, mediante probas selectivas convocadas para o efecto nos termos establecidos nesta lei.

2. O persoal a que se refiren as letras a) e b) da alínea anterior mantén a condición de persoal funcionario, estatutario ou laboral de orixe, de acordo coa lexislación aplicable.

3. O persoal funcionario e estatutario réxese pola normativa reguladora da función pública galega, coas especialidades previstas nesta lei e as que, conforme a ela, se establezan no estatuto.

O persoal laboral réxese polas disposicións que lle sexan aplicables da normativa reguladora da función pública galega, polo Estatuto dos traballadores, polo Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e polo resto da normativa laboral aplicable.

Artigo 14º.-Procedementos de selección.

1. A Agadic seleccionará o seu persoal laboral a través dos órganos e procedementos establecidos no seu estatuto e na restante lexislación de función pública que sexa aplicable.

2. A selección deste persoal realizarase mediante convocatoria pública e de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade, así como de acceso ao emprego público das persoas con discapacidade.

Artigo 15º.-Ordenación de postos de traballo.

A Agadic dispoñerá da súa relación de postos de traballo. A relación será elaborada pola dirección, e proposta polo consello de dirección para a súa aprobación ulterior, consonte os trámites previstos na lexislación xeral de función pública.

Artigo 16º.-Persoal directivo.

1. Constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos. Non obstante, o estatuto poderá determinar que outros postos de traballo poidan ser ocupados por persoal directivo atendendo a especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas a elas asignadas.

2. O persoal directivo da Agadic é nomeado e removido polo consello de dirección, por proposta do director ou directora, atendendo criterios de competencia profesional e experiencia entre persoas con titulación superior, mediante procedemento que garanta o respecto aos principios de mérito, capacidade, concorrencia e publicidade.

O proceso de provisión será realizado por órganos de selección especializados que lle formularán proposta motivada á dirección da axencia, incluíndo tres persoas candidatas para cada posto que se vai cubrir.

Cando o persoal directivo da Agadic teña a condición de funcionario/a permanecerá na situación de servizos especiais no seu respectivo corpo ou escala ou na que corresponda consonte a lexislación laboral se se tratase de persoal deste carácter.

3. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento dos seus labores, a avaliación conforme os criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle foran fixados.

4. O persoal directivo percibe unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o consello de dirección.

Título IV

Réxime económico e financeiro

Capítulo I

Réxime económico-patrimonial

Artigo 17º.-Réxime económico e financeiro.

Dentro do marco básico previsto pola disposición adicional quinta do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o réxime económico e financeiro da Agadic será desenvolvido polo estatuto.

Artigo 18º.-Patrimonio.

1. A Agadic ten, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Xunta de Galicia, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos que sexa titular.

2. A xestión e administración dos bens e dereitos propios, así como daqueles do patrimonio da Xunta de Galicia que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins, será exercida de acordo co sinalado no estatuto, con suxeición, en todo caso, ao establecido para os organismos públicos na lexislación, estatal e autonómica, de patrimonio das administracións públicas.

Disposición transitoria

Primeira.-Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

A Agadic sucederá ao Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais no exercicio das funcións que desenvolve e quedará subrogada na totalidade dos bens, dereitos e obrigas afectos ou constitutivos en virtude das mencionadas funcións.

O persoal que preste os seus servizos no IGAEM pasará a prestalos na Agadic sen alteración ningunha das súas condicións laborais.

Segunda.-Centros de produción, arquivo, información e investigación cultural dependentes do IGAEM.

Quedan provisionalmente adscritos á Agadic os centros de produción, arquivo, información e investigación cultural dependentes do IGAEM, en tanto non se cree un ente específico para a xestión e coordinación dos centros de produción cultural de titularidade pública.

Terceira.-Reestruturación orgánica da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Logo da entrada en vigor desta lei, o Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente en materia de cultura, aprobará a reestruturación orgánica da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, suprimindo ou refundindo as unidades afectadas polas competencias e funcións que asume a Agadic.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Derrogación da Lei 4/1989.

Queda derrogada a Lei 4/1989, do 21 de abril, de creación do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, así como a súa modificación pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro.

Segunda.-Derrogación normativa.

Fican así mesmo derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta lei.

Disposición derradeira

Primeira.-Desenvolvemento normativo.

O Consello da Xunta de Galicia e a consellaría con competencias en materia de cultura, no ámbito das súas competencias, adoptarán cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente