DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2008 Páx. 11.487

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 23 de maio de 2008 pola que se regulan os procedementos para a presentación de avais ante a Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, e para a súa devolución, empregando medios electrónicos.

O Decreto 79/2007, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, establece que o obxecto e funcións da Caixa de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia se encontra integrado pola instrumentación da constitución, custodia e devolución, ou chegado o caso, execución dos depósitos e garantías admitidos nela. Todo iso exclusivamente respecto daqueles depósitos e garantías en que a Comunidade Autónoma resulte garantida ou ben aqueloutros en que o garantido resulte ser un terceiro fronte á Administración da Comunidade Autónoma. Tamén se depositan todos aqueles depósitos e fianzas que por calquera motivo deban constituírse a favor ou a disposición dos organismos autónomos, universidades públicas, entes de dereito público, sociedades públicas e demais entes públicos dependentes ou vinculados á Comunidade Autónoma.

O procedemento establecido exixe que o interesado en constituír unha garantía ou depósito deba presentarse nas dependencias da Caixa de Depósitos, ben nos servizos centrais da Consellería de Economía e Facenda, ben nas das súas delegacións territoriais.

A Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, insta as administracións públicas a facilitar o acceso por medios electrónicos á información e ao procedemento administrativo, crear as condicións de confianza no uso destes medios, simplificar os procedementos no densenvolvemento da súa actividade e no exercicio das súas competencias, e en particular nas relacións dos cidadáns coas administracións públicas.

A experiencia adquirida na presentación a través da oficina virtual tributaria da Consellería de Economía e Facenda de determinadas declaracións de tributos pon de manifesto a conveniencia de introducir na xestión da Caixa de Depósitos, e en particular na xestión de avais, novas técnicas de presentación, coa finalidade de axilizar a xestión dos avais presentados polos interesados por medio dun rápido tratamento informático dos datos subministrados polas entidades avalistas en beneficio de ambas as dúas partes.

En virtude do disposto, por proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro, e de acordo coas atribucións conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regular as condicións xerais da presentación telemática de avais polas entidades de crédito e sociedades de garantía recíproca e da súa devolución, ante a Caixa de Depósitos da Comunidade Autónoma, tanto en servizos centrais como nas delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda.

2. As persoas ou entidades que precisen constituir unha garantía en documento de aval na Caixa Xeral de Depósitos poderán empregar o procedemento telemático que se regula nesta orde. Para iso, acudirán a unha entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que subscribise coa Xunta de Galicia un convenio de colaboración en materia de formalización de avais. A entidade avalista, empregando tecnoloxías electrónicas autorizadas, xerará os xustificantes que acrediten a constitución e presentación dun aval ante a Administración autonómica.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Esta orde será de aplicación aos avais outorgados polas citadas entidades avalistas, en procedementos suxeitos á lexislación de contratos do sector público, así como noutros procedementos en que o documento de aval exixido se axuste ao modelo que se recolle na Orde do 7 de xaneiro de 2000, pola que se desenvolve o Real decreto 161/1997, do 7 de febreiro, que aproba o Regulamento da Caixa Xeral de Depósitos.

2. Non será de aplicación aos avais para os que a norma reguladora que exixe a súa constitución estableza un modelo que non se axusta aos anteriormente mencionados.

Así mesmo, estarán excluídos deste procedemento as garantías provisionais a que se refire a lexislación de contratos do sector público.

Artigo 3º.-Enderezo da internet.

A presentación telemática de avais na Caixa de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia farase a través da páxina web da Xunta de Galicia: www.economiaefacenda.org.

Artigo 4º.-Procedemento para a presentación e constitución telemática de avais.

1. O interesado en constituír unha garantía en documento de aval de forma telemática acudirá a unha entidade que subscribise o correspondente convenio de colaboración.

2. A entidade avalista terá que acceder á web da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia e cubrir o formulario correspondente.

3. Cuberto o formulario e comprobado, farase a presentación formal polo usuario rexistrado, que requirirá a súa sinatura dixital.

4. En relación ás persoas autorizadas de cada entidade avalista para levar a cabo este procedemento, deberán ser dados de alta como usuarios rexistrados no Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC), para o que terán que dispor de poder bastante para actuar en nome da citada entidade e acompañar verificación da suficiencia dos seus poderes, corroborados pola Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

O usuario que vai asinar a presentación disporá dun certificado dixital outorgado pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, ou daquelas autoridades que sexan admitidas pola Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 5º.-Xustificantes e o seu contido.

1. Neste procedemento o acto de presentación e constitución da garantía efectúase no mesmo momento, de xeito que, feita a presentación pola entidade avalista, a aplicación informática xerará o resgardo de constitución da garantía en aval (modelo 790), como xustificante con efectos acreditativos. Constará de dous exemplares de igual contido, un para o interesado e outro para presentar ante o órgano, organismo autónomo ou entidade pública dependente ou vinculada á Comunidade Autónoma a cuxa disposición se constitúe a garantía.

2. No resgardo de constitución constará a seguinte información:

a) Identificación da entidade avalista.

b) Identificación da persoa ou entidade garantida.

c) Norma que impón a constitución da garantía.

d) Órgano administrativo, organismo autónomo ou ente público dependente ou vinculado á Comunidade Autónoma a cuxa disposición se constitúe a garantía.

e) Obriga garantida.

f) Importe da garantía (en cifra e letra).

g) Data de constitución.

h) Número do rexistro especial de avais.

3. Así mesmo, no momento da presentación, a aplicación xerará dous documentos de aval, de igual contido dos que dispón a Caixa Xeral de Depósitos, un para a entidade avalista e outra para o interesado, coas características que se establecen nos artigos 15 e 17 do Real decreto 161/1997, do 7 de febreiro, e na Orde do 7 de xaneiro de 2000.

Este documento de aval será válido e producirá efectos desde a data de constitución da garantía e será título executable, nos termos legalmente previstos.

4. Para efectos da garantía e de cumprimento dos prazos de que dispón o interesado, a data de constitución será a da presentación telemática.

5. O resgardo de constitución da garantía (modelo 790) e o documento de aval, xerados pola aplicación informática, conterán ao pé un código seguro de verificación, que lle permite ao órgano, organismo autónomo ou ente público dependente ou vinculado a Comunidade Autónoma comprobar en calquera momento a súa validez e vixencia, a través da oficina virtual da Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 6º.-Cancelación e devolución da garantía.

A cancelación e devolución da garantía efectuarase de acordo coa lexislación vixente, da seguinte forma:

1. Unha vez que a Caixa de Depósitos recibiu, por escrito, do órgano administrativo, organismo autónomo ou entidade pública dependente ou vinculada á Comunidade Autónoma á disposición do cal se constituíu a garantía, o acordo de cancelación, ben directamente ou ben por medio do interesado, procederá a dar de baixa a garantía nos seus rexistros.

2. Completada a baixa da garantía, a Caixa de Depósitos efectuará unha comunicación, por medios electrónicos, á entidade avalista indicando tal incidencia, de modo que esta xa pode acceder á aplicación a través da oficina virtual da Consellería de Economía e Facenda para comprobar e imprimir un xustificante da cancelación, con efectos de devolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Financeira e Tesouro para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2008.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda