DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2008 Páx. 11.979

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de xuño de 2008 pola que se modifica a do 21 de febreiro de 2007 pola que se regula a organización, o funcionamento e a xestión do servizo de comedor escolar nos centros docentes públicos non universitarios dependentes desta consellería.

A experiencia acadada na xestión dos comedores escolares e a pretensión de manter unha permanente mellora destes aconsella introducir criterios precisos á hora de definir os requisitos que os interesados deben reunir para poder ter a condición de beneficiarios das bolsas e axudas que a Administración autonómica establece nos comedores de xestión directa.

A finalidade anterior explica que se teña en conta o número de membros que poden integrar a unidade familiar e os diversos tramos de renda que as familias poden percibir á hora de determinar os efectos que ambas as dúas circunstancias xeran co fin de gozar das axudas públicas.

Respecto dos aboamentos motivados polo desenvolvemento dos labores de atención ao alumnado no servizo de comedor escolar, establécese o procedemento para a determinación do seu importe e períodos que se computarán para efectuar os pagamentos.

Por todo o exposto, no exercicio das facultades que me foron conferidas no Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e ao abeiro do disposto no Decreto 10/2007, do 25 de xaneiro, polo que se regula o funcionamento dos comedores escolares públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo único

Modificación da Orde do 21 de febreiro de 2007, pola que se regula a organización, o funcionamento e a xestión do servizo de comedor escolar nos centros docentes públicos non universitarios dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os artigos que se indican quedan redactados do seguinte xeito:

Un.-«Artigo 14º.-Beneficiarios do servizo de comedor escolar e axudas para o seu financiamento.

1. O uso do comedor escolar dará lugar ao aboamento deste servizo nos termos que se establecen nesta norma.

2. Os ingresos que se produzan polo uso do comedor escolar serán destinados, por parte dos centros docentes, a coofinanciar os gastos que o funcionamento do servizo xere.

3. Co obxecto de facilitarlle ao alumnado o acceso a este servizo, a Administración educativa asumirá, total ou parcialmente, o seu custo mediante o establecemento de axudas ou bolsas de comedor escolar xestionadas directamente, nos seguintes supostos:

3.1. Serán beneficiarios da totalidade do importe establecido como axuda ou bolsa de comedor:

a) O alumnado escolarizado no centro docente nos niveis de ensino obrigatorio e segundo ciclo de educación infantil que sexa usuario do transporte escolar, salvo que tivesen servizo de transporte escolar ao mediodía.

b) O alumnado en situación socioeconómica moi desfavorable ou pertencente a colectivos sociais ou étnicos con dificultades de integración que demanden accións de especial protección. A acreditación realizarase mediante informe do traballador ou traballadora social do concello respectivo.

c) O persoal docente ou non docente e as nais e pais que realicen as funcións de atención ao comedor escolar, nos termos previstos no artigos 8, 9 e 10 precedentes.

Non obstante, cando se dea o suposto recollido no parágrafo segundo do artigo 8.2º o período de goce limitarase ao coincidente co desenvolvemento do labor de atención aos usuarios.

d) Os alumnos pertencentes a unidades familiares que acrediten unha renda anual inferior á que se sinala no punto 4.1 deste artigo.

e) Alumnos pertencentes a unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familias numerosas de categoría especial, consonte o disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Neste suposto será requisito indispensable para ser beneficiario a presentación do título oficial de recoñecemento de familia numerosa regulado nos artigos 5, 6 e 7 da mencionada lei.

3.2. Serán beneficiarios do cincuenta por cento do importe que se estableza como axuda ou bolsa de comedor o alumnado do centro que reúna algún dos seguintes requisitos:

a) Alumnos pertencentes a unidades familiares que teñan recoñecida a condición de familias numerosas de categoría xeral, consonte o disposto na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección das familias numerosas.

Neste suposto será requisito indispensable para ser beneficiario a presentación do título oficial de recoñecemento de familia numerosa regulado nos artigos 5, 6 e 7 da mencionada lei.

b) Os alumnos pertencentes a unidades familiares que acrediten unha renda anual comprendida entre os tramos que establece o parágrafo 4.2 deste artigo.

4. Para os efectos de determinar os beneficiarios derivados da renda familiar dos alumnos usuarios dos comedores escolares observaranse as seguintes normas:

4.1. Serán beneficiarios da gratuidade total do servizo de comedor escolar o/a alumno/a cando a renda neta anual da unidade familiar a que pertenza, atendendo ao número de membros que a integren, non sexa superior ao número de veces do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que se sinala seguidamente:

Ver referencia pdf "11800D002P019.PDF"

4.2. Os usuarios do comedor pertencentes a unidades familiares que posúan unha renda neta anual, atendido o número de membros que a integren, comprendida entre os tramos do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), que se establece na táboa seguinte, resultarán beneficiarios do 50% do importe da axuda ou bolsa de comedor:

Ver referencia pdf "11800D002P019.PDF"

Para unidades familiares de máis de catro membros engadirase ao importe resultante dos limiares sinalados nos números 4.1 e 4.2, tanto no tramo inferior como no superior, 3.056 € por cada novo membro.

4.3. A renda familiar obterase da parte xeral da renda do ano natural anterior ao do curso en que se pretenda que produza efectos, logo da aplicación do mínimo persoal e familiar.

4.4. A renda anual familiar será acreditada, diante do Consello Escolar, mediante a presentación de copia da/s declaración/s da renda correspondente ou certificado de ingresos da unidade familiar.

5. Todo aquel alumnado que non se atope incluído nos parágrafos anteriores deberá aboar o servizo nos termos regulados nesta orde.

6. O Consello Escolar de cada centro docente dará a máxima información ás familias sobre o servizo de comedor escolar prestado no centro, para que poidan beneficiarse das súas axudas e prestacións, de acordo co disposto nesta orde».

Dous.-«Artigo 15º.-Financiamento e control dos gastos xerados polo funcionamento dos comedores escolares.

1. O servizo de comedor, cando sexa xestionado mediante as distintas modalidades de xestión directa, financiarase cos seguintes ingresos:

a) Achegas da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria libradas para coofinanciar o servizo, en concepto de axuda ou bolsas de comedor.

b) Achegas dos alumnos usuarios do servizo cando non posúan recoñecido o dereito ao seu desfrute gratuíto total ou parcialmente.

A achega referida poderá ser incrementada cando, ao xuízo do Consello Escolar, o custo real do servizo non alcance a ser cuberto coa achega da Administración autonómica e a mínima establecida para cada usuario.

c) Achegas, en forma de axuda ou doazón, recibidas doutros organismos públicos ou privados, concedidas de acordo co disposto na normativa vixente na materia.

2. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en atención as dispoñibilidades orzamentarias, fixará anualmente o importe das axudas ou bolsas que serán libradas para coofinanciar o servizo de comedor de xestión directa, así como o importe a que deben ascender as achegas dos usuarios do servizo pola súa utilización diaria, para o caso de non ter recoñecido o dereito ao seu uso total ou parcialmente gratuíto.

3. Cando o servizo de comedor sexa prestado polas modalidades previstas no artigo 2.1.b) e c) desta orde, será aboado directamente pola Administración á entidade empresarial que o preste, con cargo aos oportunos créditos orzamentarios, sen prexuízo de que tales aboamentos se vexan completados co importe que deba aboar cada usuario do servizo que non teña recoñecido o dereito ao seu desfrute gratuíto.

4. A xestión económica do comedor escolar, ademais de figurar nos rexistros da actividade económica que están establecidos con carácter xeral para todos os centros docentes públicos de Galicia, constará nunha conta específica para tal fin. Así mesmo, terase un rexistro de ingresos (segundo o modelo do anexo III) e un rexistro de gastos (anexo IV) do servizo de comedor, a xustificación dos cales será presentada, trimestral e anualmente (anexo V) polo/a director/a do centro ao Servizo de Recursos Educativos Complementarios da delegación provincial correspondente, unha vez aprobada polo Consello Escolar.

5. A elaboración do orzamento de ingresos e gastos do servizo de comedor escolar no centro será realizada polos órganos competentes, dentro da súa autonomía de xestión.

6. Para efectuar o pagamento do servizo, os usuarios de comedor deberán ingresar na conta específica establecida para o efecto o importe mensual ou trimestral do prezo do menú.

A falta de aboamento do importe do servizo por parte dos usuarios será causa de perda da praza de comedor por acordo do Consello Escolar do centro.

7. O estado de gastos do orzamento anual do servizo de comedor escolar incluirá tamén a adquisición do mobiliario e utensilios inventariables precisos para o funcionamento do servizo, ata un máximo do 15% dos ingresos do comedor procedentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

8. Para o caso de créditos remanentes do exercicio anterior, será de aplicación o establecido no Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios».

Tres.-«Artigo 16º.-Aboamento ao persoal de atención ao alumnado do servizo de comedor.

1. O/a director/a, o/a encargado/a do comedor, o persoal docente ou non docente e cantos desenvolvan labores de xestión do comedor escolar e funcións de apoio e atención aos seus usuarios, terán dereito a percibir un complemento por servizos extraordinarios por cada día de efectiva prestación do servizo.

2. A contía do complemento por servizos extraordinarios a que se refire o parágrafo anterior será establecida por acordo do Consello da Xunta e o seu importe experimentará, anualmente, igual incremento que o que experimenten orzamentariamente, con carácter xeral, as retribucións dos empregados públicos.

3. Os importes resultantes serán aboados, con cargo aos créditos orzamentarios relativos ao funcionamento dos comedores escolares, mediante tres pagamentos que comprenderán os períodos correspondentes aos meses de setembro a decembro, xaneiro a marzo e abril a xuño, do respectivo curso escolar».

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria