DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2008 Páx. 11.996

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 9 de xuño de 2008 pola que se convoca o premio ás actividades produtivas no medio rural pola súa contribución á conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños de Santiago para o ano 2008.

A interacción entre o Camiño de Santiago e o territorio resulta un elemento clave para a súa propia definición; así, xa a Lei 3/1996, do 3 de maio, de protección dos camiños de Santiago o conceptúa como ben de dominio público de carácter cultural incluído na categoría de territorio histórico. O territorio histórico como lugar natural vinculado a acontecementos ou lembranzas do pasado, creacións culturais ou da natureza e a obras do home que posúan valores históricos ou técnicos, encaixa dentro do concepto de bens culturais de carácter ambiental, entendidos como o espazo físico territorial como testemuño cultural, tanto polos sinais do home e as súas formas de asentamento configuradas no tempo como por ser lugar de convivencia e intercambio cultural.

As directrices prácticas sobre a aplicación da Convención para a Protección do Patrimonio Mundial adoptada na Conferencia da UNESCO de París de 1972 aluden ao valor universal excepcional que os bens culturais deben incorporar, de xeito que nesa significación universal excepcional concorra o criterio de representar un exemplo destacado das formas tradicionais de asentamento humano ou de utilización das terras, representativas dunha cultura.

O Camiño de Santiago responde ao concepto de paisaxe cultural que introducen estas directrices, en canto que se integra nunha complexa trama territorial de enorme diversidade e riqueza, resultante da acción do home, que exemplifica a permanencia da identidade cultural do pobo galego a través do tempo e que define un concreto modelo de relación coa terra, configurador dunha paisaxe cultural de grande heteroxeneidade no poboamento, na organización espacial, na forma de posesión da terra, e nas estruturas agrarias e de produción. O seu valor reside no interese conxunto e compartido das partes e do seu contexto natural, ao tempo que evidencia a complexidade desa realidade cultural.

En definitiva, a protección desta paisaxe cultural contribúe a utilización viable e á valorización das terras en canto que as formas tradicionais de utilización teñen en conta as características e límites do contorno natural e sustentan a biodiversidade.

A esa concepción do Camiño de Santiago como territorio non lle resulta allea a modernización e a transformación que sufriu o modelo agrario en Galicia desde o último cuarto do século XX, que racha coa harmonía entre a forma e as funcións no territorio, sen manter unha continuidade coa tradición e sen ter en conta os valores naturais e culturais representativos da súa identidade.

Esta concepción é aplicable non só á ruta principal do Camiño de Santiago, no seu descorrer polo Camiño Francés, senón tamén ás outras rutas que se enmarcan na denominación xeral de Camiño de Santiago, que se corresponden coas actualmente coñecidas como Camiño Portugués, Ruta da Prata, Camiño do Norte, Camiño de Fisterra e Camiño Inglés.

Neste sentido, a Consellería de Cultura e Deporte, no marco das súas competencias, por esta orde convoca o premio ás actividades produtivas no medio rural pola súa contribución á conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños de Santiago, co fin de protexer, preservar e conservar a identidade do contexto natural e territorial do Camiño de Santiago como expoñente dunha realidade cultural, pero tamén social e económica.

O devandito premio persegue o obxectivo de destacar aquelas iniciativas vinculadas ás actividades produtivas de carácter agrogandeiro e forestal, incluíndo as de transformación e comercialización dos seus produtos, que teñan contribuído singularmente á conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico do Camiño de Santiago, facendo compatibles esas actividades coa preservación dos valores representativos da identidade desa paisaxe cultural. Entre estas iniciativas inclúense as que tiveran por obxecto a recuperación de masas forestais e zonas de cultivos tradicionais, a implantación de novos usos agropecuarios que se integren de xeito harmónico no territorio, a recuperación de conxuntos ou construcións tradicionais para albergar actividades produtivas ou de transformación ou distribución dos produtos agropecuarios, así como a propia calidade e integración na paisaxe e no seu contorno das novas construcións destinadas aos mesmos fins e calquera outra que, sen estaren

expresamente mencionadas nesta relación, teñan por obxecto actividades produtivas propias do medio rural e que respondan ao obxectivo do premio.

En uso das competencias conferidas polo Decreto 36/2006, do 23 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Deporte, como órgano da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden os aspectos vinculables á protección e promoción do patrimonio cultural da cidade e dos camiños de Santiago, considérase de grande interese a convocatoria deste premio

Para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura e Deporte convoca o premio ás actividades produtivas no medio rural pola súa contribución á conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños de Santiago co fin de recoñecer e incentivar a recuperación das actividades e usos agrogandeiros e forestais tradicionais e a integración harmónica no territorio das novas actividades e formas de produción, en canto que o seu desenvolvemento e implantación sexan respectuosos cos valores naturais e culturais representativos dese territorio, considerando tanto o respecto ambiental e a integración coa paisaxe natural, coma a súa integración cos elementos configuradores da paisaxe cultural, o emprego de materiais e técnicas construtivas compatibles coas tradicionais; sen que por iso deixen de responder a criterios de sustentabilidade e rendibilidade económica, acordes coas demandas dun dos principais sectores produtivos do país.

Artigo 2º

A contía deste premio, que será de 90.000 €, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.433-A.640.0 dos vixentes orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuirase nun primeiro premio de 30.000 € e cinco mencións de 12.000 €.

Artigo 3º

1. Poderán ser candidatos ao premio as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións forestais, agrícolas e/ou gandeiras ou de actividades de transformación ou distribución dos seus produtos, que desenvolvan a súa actividade tanto no ámbito do territorio histórico do Camiño Francés delimitado na Resolución do 12 de novembro de 1992, da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental (DOG do 18 de decembro), como nos diversos ámbitos das outras rutas que se enmarcan na denominación xeral do Camiño de Santiago definida no artigo 1 da Lei 3/1996, de protección dos camiños de Santiago, segundo a relación de parroquias que se anexa a esta orde

Cómpre sinalar que non se admitirán candidaturas presentadas polos propios beneficiarios.

2. As candidaturas serán presentadas por asociacións culturais, de amigos do Camiño de Santiago, defensa do patrimonio, do ambiente, etc..., polas asociacións profesionais agrarias ou por entidades (universidades, colexios profesionais, etc...) incluíndo as territoriais (concellos, mancomunidades, etc..) mediante escrito dirixido á Subdirección Xeral de Protección da Cidade e Camiños de Santiago, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Consellería de Cultura e Deporte, edificio administrativo San Caetano, bloque 5, 15771 Santiago de Compostela. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 30 de outubro de 2008. A duración máxima do procedemento será de dous meses.

En ningún caso os propoñentes das candidaturas serán titulares de explotacións ou actividades que sexan obxecto deste premio

3. Documentación que se deberá xuntar coa candidatura:

-Plano de situación no ámbito do concello, en que quede perfectamente definida a parroquia, e o lugar ou lugares concretos en que se desenvolve a actividade. Escala 1/25.000 a 1:10.000.

-Plano de localización dos elementos físicos e predios en que se desenvolve a actividade a escala 1/5.000 a 1/500.

-Documentación fotográfica en cor, preferiblemente en formato dixital, que comprenda a propia explotación, elementos construídos, plantacións, etc., e que sexa descritiva das características do contorno en que se integra e da súa relación con elas.

-Copia compulsada das autorizacións sectoriais correspondentes da actividade da explotación.

-Memoria explicativa, en que se describa a actividade, incluíndo na descrición a dos procedementos e das características dos espazos en que se desenvolve e en que constará a data de comezo, principais cultivos ou gandaría a que se dedica; así como réxime de explotación, individual ou societario. Nesta memoria incluiranse cando proceda, a descrición histórica das actividades desenvolvidas con anterioridade nas mesmas propiedades ou construcións e as transformacións tanto físicas coma de uso que se teñen levado a cabo.

4. O escrito de presentación da candidatura e a documentación relacionada no parágrafo anterior, serán presentados no Rexistro Xeral da Consellería de Cultura e Deporte ou en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nas condicións establecidas no devandito artigo.

Artigo 4º

O premio será outorgado por un xurado presidido pola conselleira de Cultura e Deporte ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros:

-O director xeral de Patrimonio Cultural ou persoa en que delegue.

-A subdirectora de Protección da Cidade e Camiños de Santiago.

-Un representante designado pola Consellería do Medio Rural.

-Un representante designado pola Consellería de Innovación e Industria con competencia en materia de turismo.

-Un representante por proposta das asociacións organizacións profesionais agrarias con implantación en Galicia.

Actuará como secretario/a do xurado, con voz pero sen voto, o/a titular do Servizo de Conservación e Protección Xacobeas.

Artigo 5º

O xurado poderá solicitar dos servizos técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aqueles informes ou documentación gráfica ou fotográfica adicional que considere necesaria para completar a achegada pola candidatura.

Na selección dos premiados atenderase aos seguintes criterios:

-A singularidade da actuación.

-Á súa representatividade dentro das actividades produtivas no medio rural e dentro das características das distintas comarcas que comprende o territorio histórico dos camiños de Santiago.

-O carácter innovador das iniciativas presentadas.

-A contribución á conservación, recuperación e posta en valor do territorio histórico dos camiños de Santiago.

-A recuperación das actividades e usos agrogandeiros e forestais tradicionais.

-A integración harmónica das novas actividades e formas de produción coa paisaxe natural e cultural, e o respecto polos valores naturais e culturais representativos dese territorio así como polos valores ambientais.

-O emprego de materiais e técnicas construtivas compatibles coas tradicionais.

Artigo 6º

O premio, nas súas diversas categorías, poderá outorgarse de xeito individual ou compartido, ou declararse deserto.

Os premiados recibirán un diploma e o importe do premio, que lles será aboado mediante transferencia bancaria por valor da súa contía total. No caso de que o premio sexa compartido, repartirase equitativamente entre os galardoados.

O importe do premio deberán investilo os premiados na actividade ou iniciativa premiada na mellora daqueles aspectos que se definen como obxectivo desta convocatoria.

Os premiados someteranse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente do premio e ás que lle sexan requiridas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 7º

A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria quedará en poder, para o seu axeitado arquivo, da Consellería de Cultura e Deporte, reservándose a esta o dereito de divulgación da devandita documentación por calquera medio de reprodución.

A documentación das restantes candidaturas seralles devolta aos interesados no caso de que estes o soliciten expresamente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2008.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

Ver referencia pdf "11800D011P036.PDF"