DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 24 de xuño de 2008 Páx. 12.403

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 3 de xuño de 2008 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra: reordenación do subsector S.2.3.

A Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa tramitación e aprobación definitiva por parte desta consellería, conforme o disposto no artigo 88.1º e 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O plan especial ten por ámbito a zona de servizo do porto de interese xeral Marín-Pontevedra, delimitada por Orde ministerial do 31-5-1989, incluíndo terreos dos termos municipais de Marín e Pontevedra. Estes terreos son adxacentes ao núcleo urbano de Marín e ao núcleo de Estribela en Pontevedra.

O plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Marín-Pontevedra foi aprobado por Orde do 23-12-1997 do Ministerio de Fomento.

O Plan especial do porto de Marín-Pontevedra foi aprobado definitivamente por resolución do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda con data 3-10-2000, DOG número 221, do 15-11-2000. O plan especial foi obxecto dunha modificación aprobada por Orde do 4-2-2005.

O Concello de Marín conta na actualidade con normas subsidiarias de planeamento aprobadas o 9-6-1978 e o Concello de Pontevedra conta cun Plan xeral de ordenación urbana aprobado o 18-12-1989.

A modificación puntual do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra, reordenación do subsector S.2.3, ten por obxecto a ampliación deste subsector, e a introdución nel do uso de aparcamento, ademais doutras actuacións como a incorporación dun paso inferior que conecte o parque de Cantodarea co paseo da avenida de Ourense, a apertura dunha nova vía secundaria ao leste do parque de Cantodarea e a incorporación dun acceso á zona portuaria, tanto de peóns como de vehículos, no subsector S.3.1.

A modificación puntual tramitouse consonte o procedemento establecido nos artigos 86 e 88.2º da Lei 9/2002, do que resultaron as seguintes actuacións:

1. En cumprimento do disposto no artigo 7.2º da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible fai pública a decisión do 11-12-2007 de non someter a modificación puntual do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica establecida na Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente-DOG número 25, do 5-2-2008.

2. Por Resolución do 9/01/2008 o director xeral de Urbanismo aprobou inicialmente a modificación puntual do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra, reordenación do subsector S.2.3.

3. A modificación puntual do Plan especial foi sometida a información pública mediante anuncios nos xornais Faro de Vigo e Diario de Pontevedra (en ambos os dous o día 16-1-2008), así como no Diario Oficial de Galicia número 15, do 22-1-2008. Solicitáronse informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte así como á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, á Dirección Xeral de Estradas e a Portos do Estado, do Ministerio de Fomento, e ao Ministerio de Defensa.

4. Segundo consta no expediente administrativo emitíronse os seguintes informes sectoriais:

a) En materia de costas, a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente emite informe o 4-4-2008 onde establece unha serie de consideracións.

Solicitado informe ao abeiro do artigo 117.2º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, a agora denominada Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño emite informe favorable con data do 21-5-2008.

b) En materia de portos, Portos do Estado emite informe o 30-4-2008 onde conclúe a compatibilidade da modificación co Plan de utilización dos espazos portuarios do porto de Marín e ría de Pontevedra.

c) En materia de estradas, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento informa favorablemente en marzo de 2008.

d) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte emite informe favorable o 24-3-2008.

e) A Subdelegación de Defensa en Galicia do Ministerio de Defensa remite informe do 5-3-2008 da Escola Naval Militar de Marín onde establece que non existe inconveniente á realización do proxecto por non afectar os terreos ou instalacións da dita escola.

5. Ao abeiro do disposto no artigo 88.2º da Lei 9/2002, déuselle traslado do documento elaborado aos concellos de Marín e Pontevedra para o seu exame e pronunciamento. O Concello de Marín remite certificación do acordo plenario da sesión do 30-4-2008, e no BOP número 87, do 7-5-2008, publicouse a aprobación do informe municipal ao proxecto da modificación puntual na sesión plenaria do 18-4-2008 do Concello de Pontevedra.

Os servizos técnicos e xurídicos da Subdirección Xeral de Urbanismo emitiron informe con data do 28-5-2008.

O proxecto xustifica o interese público da modificación na mellora da ordenación urbanística vixente mediante a mellora da articulación dos espazos libres públicos e a diminución dos problemas de aparcamento existentes na zona de servizo portuaria. Esta finalidade encaixa dentro das razóns de interese público que debe motivar calquera modificación de conformidade co artigo 94.1º da Lei 9/2002.

De conformidade cos artigos 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes a competencia para a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento que afecten varios termos municipais.

Visto canto antecede, e tendo en conta a proposta de Resolución do 30-5-2008 do director xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

1º Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan especial de ordenación do porto de Marín e ría de Pontevedra: reordenación do subsector S.2.3.

2º De conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 9/2002, publíquese esta orde no Diario Oficial de Galicia, así como no BOP de Pontevedra a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

3º Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2008.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes