DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 25 de xuño de 2008 Páx. 12.486

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico dos humidais protexidos e se crea o Inventario de humidais de Galicia.

A firme vontade da Comunidade Autónoma de Galicia de conservación e uso sustentable dos humidais concretouse coa declaración de cinco humidais como zonas Ramsar e coa inclusión recentemente na rede Natura 2000 dun gran número e variedade de lugares representativos destes ecosistemas, sendo destacables os traballos de mellora e recuperación de determinadas áreas húmidas degradadas que a Administración pública está a levar a cabo. Estas actuacións veñen motivadas, en grande medida, polo cambio operado na valoración social dos humidais nas últimas décadas, pasando de ser consideradas como áreas improdutivas e insás a erixirse en elementos clave na conservación da biodiversidade e do uso sustentable do territorio.

A gran riqueza e diversidade dos compoñentes bióticos e abióticos dos humidais fan que se atopen entre os ecosistemas máis complexos e produtivos do planeta. Trátase de ecosistemas que desempeñan funcións básicas, constitúen un valioso patrimonio cultural e natural, proporcionan unha gran variedade de recursos e soportan todo tipo de actividades humanas. Posúen unha gran variedade de hábitats de transición entre os ambientes terrestre e acuático e xogan, polo tanto, un importante papel na conservación da biodiversidade e no desenvolvemento económico. Na actualidade atópanse entre os ambientes máis ameazados por causa da drenaxe, o arroteamento, a contaminación e a sobreexplotación dos seus recursos.

Galicia conta cunha notable variedade de humidais que, no seu conxunto, albergan unha importante riqueza de hábitats, flora e fauna, entre os que se inclúen taxons ameazados e hábitats raros. Entre os humidais mariños e costeiros destacan os tipos correspondentes ás augas mariñas superficiais próximas á costa, os esteiros e sistemas fluvio-mariños, así como as lagoas costeiras e sistemas lagoa-barreira. A representación de humidais continentais conta coas tipoloxías correspondentes a sistemas lacustres, humidais de augas correntes (fluviais), turbeiras e humidais higrófilos, humidais subterráneos e humidais artificiais.

A nivel internacional hai que salientar o Convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, acordado en Ramsar o 2 de febreiro de 1971 e ratificado por Instrumento do 18 de marzo de 1982, por España. Este convenio, que foi ratificado ata agora por 153 países, contén no seu artigo 1 a definición do que se entende por humidal, indicando que lles corresponde aos asinantes do citado convenio a potestade para designar os humidais idóneos para ser incluídos na Lista de humidais de importancia internacional que se atopen no seu territorio. Desde a aprobación deste convenio foron inscritos máis de 1.600 humidais que cobren unha superficie de máis de 145 millóns de hectáreas. A Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, regula nos seus artigos 49, 50 e 51 os humidais de importancia internacional do Convenio relativo aos humidais de importancia internacional especialmente como hábitats de aves acuáticas,

que terán a consideración de áreas protexidas por instrumentos internacionais.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza ten entre os seus obxectivos a protección, restauración e mellora dos recursos naturais e a axeitada xestión dos espazos naturais e da flora e fauna silvestre. Esta lei recolle no seu artigo 14 o concepto de humidal protexido, en consonancia co disposto no Convenio relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, acordado en Ramsar o 2 de febreiro de 1971, e establece o seu réxime xurídico.

O artigo 149.1.23 da Constitución atribúelle competencia exclusiva ao Estado para aprobar a lexislación básica sobre protección do ambiente, sen prexuízo das facultades das comunidades autónomas de establecer normas adicionais de protección. No exercicio desta competencia aprobouse a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade. Esta lei ten por obxecto o establecemento do réxime xurídico básico da conservación, uso sustentable, mellora e restauración do patrimonio natural e da biodiversidade, recollendo no seu artigo 5.2º a obriga de todas as administracións públicas de dotarse das ferramentas que permitan coñecer o estado de conservación do patrimonio natural e da biodiversidade. No artigo 9 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, establécese que o Ministerio de Medio Ambiente elaborará e manterá actualizado, coa colaboración das comunidades autónomas, o Inventario español do patrimonio natural e da biodiversidade, do cal formará parte un Inventario español

de zonas húmidas. Esta necesidade de elaborar e manter actualizado un Inventario de zonas húmidas, a partir da información que para estes efectos lle subministren as comunidades autónomas, tamén vén establecida no Real decreto 435/2004, do 12 de marzo, polo que se regula o Inventario nacional de zonas húmidas.

De conformidade co disposto no artigo 149.1.23 da Constitución, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á nosa Comunidade Autónoma, no seu artigo 27.30º, competencias para aprobar normas adicionais sobre a protección do ambiente e da paisaxe. No exercicio desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a cal sinala os humidais protexidos como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. Este decreto ten por obxecto desenvolver o réxime xurídico dos humidais protexidos recollido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, dentro do respecto e con plena observancia do disposto na Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade e no Real decreto 435/2004, do 12 de marzo, polo que se regula o Inventario nacional de zonas húmidas, que teñen o carácter de lexislación básica nesta materia. A creación do Inventario de humidais de Galicia supón para a

nosa Comunidade Autónoma dotarse dunha ferramenta importantísima para coñecer e subministrar información sobre o número, extensión e estado de conservación dos humidais existentes en Galicia e que será empregado, á súa vez, para facilitarlle ao Ministerio de Medio Ambiente a información referida aos humidais de Galicia de cara á elaboración do Inventario español de zonas húmidas.

A sentenza 30/2007 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou os números 2 e 3 do artigo único do Decreto 132/2005, do 28 de abril, polo que se modifica o Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos de Galicia ao considerar que estes preceptos «non se axustan á orde constitucional de distribución de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, ao modificar a regulación do réxime do dominio público marítimo-terrestre que a lexislación estatal establece en materia de costas».

Este Decreto substitúe o Decreto 110/2004, do 27 de maio, modificado polo Decreto 132/2005, do 28 de abril, e ten por obxecto regular os humidais de Galicia, prestando especial atención aos espazos declarados como humidal protexido e establece a creación do Inventario de humidais de Galicia, en que se incluirán de forma sistemática os humidais da Comunidade Autónoma de Galicia. Incorpóranse neste decreto modificacións ao réxime xurídico dos humidais protexidos, así como obxectivos xerais de xestión propostos polo Plan estratéxico español para a conservación e uso racional dos humidais. Ademais, outórgase cobertura normativa ao inventario e clasificación dos humidais galegos, por resultar un instrumento imprescindible ao servizo da conservación destes ecosistemas no tocante a proporcionar información sobre o número, extensión e estado de conservación dos humidais de Galicia. A clasificación dos humidais seguindo criterios homoxéneos e a creación dun rexistro de carácter público

configúranse como unha ferramenta de planificación imprescindible e axústanse ao disposto no Convenio de Ramsar e ao que sinala o Plan estratéxico español para a conservación e uso racional dos humidais.

De conformidade co exposto evidénciase a necesidade de harmonizar e desenvolver nunha soa disposición administrativa o réxime xurídico dos espazos naturais declarados como humidais protexidos, así como a necesidade de crear e regular o Inventario de humidais de Galicia, que se configura como un rexistro administrativo de carácter público, en que se inscribirán os humidais de Galicia, inscrición que será considerada como requisito previo e necesario para a declaración dun humidal baixo a categoría de humidal protexido. Do mesmo xeito, establécense neste decreto os obxectivos de obrigada observancia pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia na xestión dos espazos naturais declarados como humidais protexidos. Todas estas circunstancias xustifican plenamente e motivan a aprobación deste decreto, que derroga e substitúe a regulación normativa contida no Decreto 110/2004, do 27 de maio, modificado polo Decreto 132/2005, do 28 de abril (parcialmente anulado pola sentenza 30/2007

da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia).

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño do dous mil oito,

DISPOÑO:

capítulo I

disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto deste decreto:

a) O desenvolvemento do réxime xurídico dos humidais protexidos de Galicia establecido no artigo 14 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

b) A creación e a regulación do Inventario de humidais de Galicia.

Artigo 2º.-Concepto de humidal.

De conformidade co disposto no artigo 1 do Convenio de Ramsar, relativo aos humidais de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, considéranse humidais as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña en que a profundidade en marea baixa non exceda os seis metros.

Os humidais poderán comprender as súas zonas ribeiregas ou costeiras adxacentes, así como as illas ou extensións de auga mariña dunha profundidade superior aos seis metros en marea baixa, cando estas se atopen dentro do humidal.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

1. Este decreto será aplicable aos humidais situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá establecer, de común acordo con outras comunidades autónomas, as fórmulas de colaboración necesarias para a conservación e protección dos humidais que se estendan ao territorio doutras comunidades autónomas.

capítulo II

humidal protexido

Artigo 4º.-Concepto de humidal protexido.

Para os efectos deste decreto entenderase por humidal protexido as extensións de marismas, pantanos, turbeiras ou superficies cubertas de auga, sexan estas de réxime natural ou artificial, permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña en que a profundidade en marea baixa non exceda dos seis metros, que á vez cumpran unha función de importancia internacional, nacional ou autonómica na conservación dos recursos naturais e que sexan declarados como tales.

Poderán comprender zonas ribeiregas, costeiras ou adxacentes, así como as illas ou extensións mariñas de profundidade superior aos seis metros en marea baixa cando estas se encontren dentro do humidal.

Artigo 5º.-Criterios caracterizadores dun humidal protexido.

Un humidal poderá ser declarado protexido cando cumpra algún dos seguintes criterios:

a) Que constitúa unha paisaxe singular. Terán esta consideración aqueles espazos (incluídas as augas continentais e espazos marítimos) que conteñan elementos e sistemas naturais de especial interese ou valores naturais sobresaíntes, ben sexan froito da acción e evolución da natureza, ben sexan derivados da actividade humana, así como cando albergue hábitats ou especies que aparezan recollidos nas listaxes oficiais de rango internacional, nacional ou da Comunidade Autónoma de Galicia, así como outras especies que posúan unha gran singularidade no mantemento da biodiversidade dos humidais de Galicia.

b) Que revista importancia para o mantemento de funcións ecolóxicas, con especial atención a aqueles que desempeñen unha función hidrolóxica apreciable no funcionamento natural dunha bacía hidrolóxica ou dun sistema costeiro importante.

c) Que se trate dun exemplo raro ou único de humidal representativo dunha unidade bioxeográfica particular.

d) Que sustente poboacións de especies vexetais ou animais importantes para o mantemento da diversidade biolóxica, ou ben representen poboacións illadas ou no límite da súa área de distribución.

e) Que sustente nunha etapa crítica do seu ciclo biolóxico especies vexetais ou animais características dos humidais ou lles ofreza refuxio nos períodos en que prevalecen condicións adversas.

f) Que sustente regularmente unha poboación importante de aves acuáticas invernantes (excluídos os láridos), ou ben se sustenta de xeito regular o 10% dos individuos da poboación española invernante dalgunha especie de ave acuática.

g) Que posúa un xustificado interese paleoambiental, histórico, cultural ou etnográfico.

Artigo 6º.-Requisitos para a declaración dun humidal protexido.

1. Para que un humidal poida ser declarado humidal protexido deberá estar previamente incluído no Inventario de humidais de Galicia. Con carácter previo a esta declaración é necesario efectuar a súa identificación e delimitación técnica, baseándose nos tipos de medios ecolóxicos e na presenza de hábitats e poboacións de especies características.

2. A declaración dun espazo natural como humidal protexido farase con suxeición ao procedemento sinalado no artigo 11º deste decreto.

3. De conformidade co disposto no artigo 9.3º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, na delimitación do humidal protexido poderase establecer, ademais, unha zona periférica de protección que funcionará como unha área de amortecemento que evitará impactos directos sobre o humidal e cuxo uso deberá ser regulado no correspondente instrumento de planificación conforme o especificado na propia lei.

Artigo 7º.-Obxectivos xerais de xestión.

1. Co fin de garantir unha xestión efectiva e integrada, no marco do Convenio de Ramsar e do Plan estratéxico español para a conservación e o uso racional dos humidais, establécense os seguintes obxectivos xerais de xestión para aqueles espazos declarados como humidal protexido:

a) Asegurar que os plans de xestión do humidal se executen de forma coordinada coas actividades urbanísticas, de xestión do solo e da auga no seu ámbito e en particular, na súa bacía hidrográfica.

b) Elaborar e executar programas de seguimento do humidal e, en particular, dos hábitats, das poboacións e especies (en especial, as endémicas e as ameazadas), das características e funcións ecolóxicas e da calidade ambiental (contaminación das augas, chans...).

c) Regular, fomentar e desenvolver acordos ou convenios entre entidades privadas e a Administración (estatal, autonómica, local) coas finalidades de conservación e uso racional do humidal.

d) A implantación e adopción, por parte das empresas e responsables de actividades susceptibles de causar procesos contaminantes, de plans e medios axeitados de intervención inmediata nos casos de emerxencia.

e) Dentro dos programas e plans de depuración de augas residuais, fomentar a instalación de novas plantas depuradoras en lugares onde as verteduras poidan afectar o humidal e redimensionar as existentes de acordo coas necesidades.

f) Eliminar as fontes coñecidas de contaminación do humidal e o seu ámbito, mediante a substitución das substancias contaminantes por substancias inocuas e o cambio de determinadas prácticas contaminantes, en colaboración cos sectores produtivos implicados ( agricultura, gandaría, industria...) e os organismos locais.

g) Estimular a investigación científica no humidal co fin de aumentar os coñecementos sobre este, os seus valores e funcións e resolver problemas específicos xerados polas condicións ecolóxicas e socioeconómicas locais.

h) Realizar convenios específicos con institucións científicas e centros de investigación para que desenvolvan programas de investigación aplicada que sirvan de apoio e asesoramento ás tarefas de xestión e conservación do humidal e para facilitar a transferencia dos coñecementos e resultados da investigación á xestión do humidal.

i) Fomentar e financiar a elaboración de inventarios de especies e estudos que permitan identificar o estado de conservación e as posibles ameazas sobre as especies asociadas a cada humidal.

j) Evitar a introdución de especies alóctonas no humidal e promover medidas de control e/ou erradicación das especies exóticas xa introducidas.

k) Garantir que os aproveitamentos de especies de flora e fauna permitidos pola normativa sectorial vixente se realicen de forma sustentable e sen alterar as características ecolóxicas da zona, así como limitar e prohibir aqueles que poidan afectar a supervivencia das poboacións.

2. Os distintos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia promoveran estes obxectivos xerais de xestión no seu respectivo ámbito competencial.

Artigo 8º.-Limitacións e prohibicións.

1. De conformidade co artigo 14.2 º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, con carácter xeral e sen prexuízo das normas específicas establecidas no instrumento de planificación de cada humidal protexido, tanto no humidal coma na súa zona periférica de protección, prohíbense os seguintes usos e actuacións:

a) A introdución de especies de flora e fauna non autóctonas, agás as especies hortofrutícolas e de acuicultura que figuran nos plans de explotación de recursos mariños aprobados pola consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos, logo de informe favorable da consellería competente en materia de ambiente.

b) As actividades que directa ou indirectamente poidan producir o desecamento ou a alteración hidrolóxica do humidal.

c) As actividades, verteduras sólidas e líquidas de calquera natureza que afecten de forma negativa, directa ou indirectamente, a calidade das augas superficiais ou subterráneas que alimentan e manteñen o funcionamento do humidal.

d) A modificación do réxime hidrolóxico e composición das augas, así como a alteración dos seus límites e medios ecolóxicos, fóra dos casos previstos nos instrumentos de planificación hidrolóxica aprobados.

e) As modificacións da cubeta e das características morfolóxicas do humidal, o recheo do humidal con calquera tipo de material, así como a alteración topográfica da súa zona periférica de protección.

f) As explotacións mineiras e extractivas, agás aquelas con dereitos outorgados con anterioridade ao 8 de xuño de 2004.

g) A construción de edificacións e outros usos residenciais, a excepción das necesarias para a xestión e conservación do espazo protexido e daquelas que se pretendan en zonas que teñan a cualificación de solo urbano ou solo de núcleo rural nos instrumentos urbanísticos e que en ambos os dous casos se axusten á lexislación vixente en materia urbanística e en materia de dominio público marítimo-terrestre.

h) A utilización de produtos praguicidas, funxicidas ou fitocidas que poidan afectar o humidal, cuxo grao de toxicidade estea cualificado como de tóxico ou moi tóxico para as persoas e para as especies terrestres e acuícolas, de acordo co establecido na regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas.

i) As infraestruturas, en particular as viarias, portuarias, enerxéticas e de telefonía, así como a ampliación das xa existentes, salvo naqueles supostos permitidos polos instrumentos de planificación do humidal e pola normativa vixente en materia de dominio público marítimo-terrestre.

j) A utilización de artefactos ou dispositivos que produzan contaminación acústica e incidan negativamente sobre a fauna, salvo aqueles debidamente xustificados.

k) As queimas de todo tipo de vexetación que resulten incompatibles coa conservación do humidal.

l) Calquera actividade deportiva ou recreativa non compatible co mantemento das funcións ou valores polos que se declarou.

m) Calquera outra actividade non recollida anteriormente que poida prexudicar significativamente a conservación do humidal.

2. As excepcións ás limitacións e prohibicións recollidas nas letras g), i) e k) do número anterior requirirán autorización da consellería competente en materia de ambiente, logo da solicitude expresa do interesado, que se axustará ao establecido no anexo IV deste decreto. Para tal efecto, a referida consellería poderá solicitar documentación adicional relacionada co obxecto da solicitude e resolverá sobre ela no prazo máximo de tres meses, concretando o tipo de actividade autorizada e o ámbito territorial a que se estende.

Se no prazo de tres meses desde a entrada da solicitude de autorización no órgano competente para a súa tramitación non se produce a súa resolución expresa e a súa notificación ao interesado, a solicitude presentada entenderase desestimada por silencio administrativo segundo o previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e isto sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da citada lei.

Fronte á resolución destas solicitudes poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición, nos prazos e termos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Excepcións.

A Xunta de Galicia poderá excepcionar o réxime xeral de uso e limitación dos humidais protexidos conforme as prescricións contidas nos instrumentos de planificación do humidal aprobado mediante decreto, por proposta da consellería competente en materia de ambiente.

Artigo 10º.-Tramitación.

A consellería competente en materia de ambiente é o órgano competente para a tramitación dos expedientes de declaración e revisión dos humidais protexidos.

Artigo 11º.-Procedemento de declaración.

1. O procedemento para a declaración dos humidais protexidos iniciarase de oficio pola consellería competente en materia de ambiente con suxeición ao establecido no capítulo IV, do título I, da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Non obstante o anterior, os interesados poderán instar a referida consellería para que declare un determinado espazo natural como humidal protexido.

2. Os humidais protexidos serán declarados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de ambiente.

3. A consellería competente en materia de ambiente poderá deixar sen efecto a declaración dun humidal protexido como espazo natural protexido cando desaparezan as circunstancias que motivaron a súa declaración. A descatalogación será aprobada por decreto da Xunta de Galicia por proposta da referida consellería. No caso de que a desaparición destas condicións estea ocasionada por unha actuación humana, seralle de aplicación o réxime sancionador establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, sen prexuízo da obriga de reparación do dano causado por parte do infractor, segundo establece o artigo 70 da citada lei.

Artigo 12º.-Humidais protexidos.

A relación de humidais protexidos está constituída polos espazos que aparecen recollidos no anexo I, de acordo cos límites que neste anexo aparecen definidos.

capítulo III

inventario de humidais de galicia

Artigo 13º.-Creación do Inventario de humidais de Galicia.

1. Créase o Inventario de humidais de Galicia que se configura como o instrumento que recollerá de forma sistemática os humidais sitos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen incluídos nalgunha das tipoloxías establecidas no anexo II.

Incluiranse neste inventario aqueles sistemas naturais, seminaturais ou artificiais que poidan ser adscritos a algún dos tipos establecidos na clasificación de humidais do Convenio de Ramsar e cuxo interese ambiental poida ser corroborado con calquera dos sistemas homologados internacionalmente (Convenio de Ramsar, Directiva 79/409/CEE, Directiva 92/43/CEE, UICN) para a caracterización da biodiversidade a nivel dos seus compoñentes bióticos e das ecofuncións que estes realizan no sistema.

2. A identificación e delimitación dos humidais realizarase seguindo criterios hidrolóxicos, edáficos, paleoecolóxicos, sedimentolóxicos, botánicos e baseándose na identificación de hábitats característicos dos humidais de Galicia.

3. Para a determinación do interese ambiental de cada humidal priorizarase a riqueza e estado de conservación dos hábitats tipificados no anexo I da Directiva 92/43/CEE. Nun segundo nivel, considerarase a existencia de poboacións de especies tipificadas na propia Directiva 92/43/CEE ou na Directiva 79/409/CEE, así como noutros catálogos oficiais (Convenio de Berna, CITES, Especies Ameazadas) ou elaborados por organismos non gobernamentais de recoñecido prestixio internacional (UICN). Complementarase finalmente coa valoración das funcións (recarga ou descarga de acuíferos, retención de nutrientes, control de avenidas...) que poden desempeñar os humidais e, finalmente, polo seu interese no ámbito científico, paisaxístico, educativo e turístico.

4. A inclusión dun humidal no inventario lévase a cabo para os efectos estatísticos e de investigación e non implica a aplicación dun réxime de protección.

5. O inventario dependerá organicamente da dirección xeral con competencias en materia da Rede galega de espazos protexidos, que será a encargada da súa elaboración, actualización e coordinación.

Artigo 14º.-Contido e natureza.

1. O Inventario de humidais de Galicia constitúe un rexistro público de natureza administrativa dos humidais localizados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A inscrición dun humidal no Inventario de humidais de Galicia deixará constancia, como mínimo, dos datos que aparecen indicados no anexo III.

3. O Inventario de humidais de Galicia ten carácter público e poderá ser obxecto de consulta pública permanente. As solicitudes de información formuladas tramitaranse con suxeición ao disposto na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Artigo 15º.-Procedemento de inclusión.

1. A inclusión dun humidal no Inventario de humidais de Galicia realizarase de oficio polo titular da dirección xeral con competencias en materia da Rede galega de espazos protexidos.

2. O procedemento finalizará coa resolución do titular da dirección xeral con competencias en materia da Rede galega de espazos protexidos. A devandita resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, incluirá o nome, código, superficie e localización xeográfica do humidal.

3. Os humidais inscritos no Inventario de humidais de Galicia que perdan as características que xustificaron a súa inclusión, serán excluídos polo mesmo procedemento que se establece no número 1. A resolución pola que se acorde a exclusión deberá ser motivada, con expresa indicación das circunstancias que xustificaron a perda das características que motivaron a súa inclusión.

Disposición adicional única

De acordo co establecido na lexislación estatal e no Convenio relativo aos humidais de importancia internacional, a declaración como sitio Ramsar dun humidal levará consigo automaticamente a súa consideración como humidal protexido cos efectos inherentes a esta declaración. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible iniciará de oficio o procedemento de declaración destas zonas baixo a categoría de humidal protexido.

Disposición transitoria única

1. Con suxeición ao establecido no artigo 22 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e no artigo 25 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a iniciación do procedemento para a elaboración do instrumento de planificación dun humidal protexido determinará a prohibición de realizar actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica do humidal protexido que dificulten ou imposibiliten a consecución dos obxectivos perseguidos polo instrumento de planificación iniciado ou supoñan un risco para os valores naturais do humidal protexido. Esta mesma prohibición deberase observar no caso de humidais protexidos para os que aínda non se iniciase a elaboración do seu instrumento de planificación.

2. Sen prexuízo da observancia do disposto no número anterior, excepcionalmente e ata o momento da aprobación do instrumento de planificación dun humidal protexido, poderanse deixar sen efecto as prohibicións e limitacións establecidas no artigo 8, mediante a autorización expresa da consellería competente en materia de ambiente, cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Cando da súa aplicación derivan efectos prexudiciais para a saúde e a seguridade das persoas.

b) Para previr prexuízos para cultivos, gando, bosques, pesqueiras, calidade das augas, sexan estes de índole ecolóxica ou económica.

c) Por razóns de interese público prevalente tras o estudo doutras alternativas e a asunción, de ser o caso, das medidas correctoras pertinentes.

d) Cando sexa necesario por motivos de xestión, restauración ou fomento do uso público compatible.

e) Cando sexa necesario por motivos de investigación ou educación.

3. Estas autorizacións concederanse logo de solicitude expresa do interesado presentada conforme o anexo IV deste decreto.

4. A consellería competente en materia de ambiente poderá solicitar documentación adicional relacionada co obxecto da solicitude e resolverá esta no prazo máximo de 3 meses, na cal concretará o tipo de actividade, o ámbito territorial a que se estende e a duración desta autorización.

No suposto de construcións ou edificacións en que concorran razóns de interese público, esta excepción terá carácter permanente.

5. Se no prazo de tres meses a partir da data de entrada da solicitude no órgano competente para a súa tramitación non estivese resolta e notificada, entenderase desestimada por silencio administrativo segundo o previsto no artigo 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e isto sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42 da mencionada lei.

6. Contra a resolución da solicitude de autorización formulada poderase interpoñer o recurso potestativo de reposición, nos prazos e termos previstos nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrógase o Decreto 110/2004, do 27 de maio, polo que se regulan os humidais protexidos e cantas outras disposicións administrativas, de igual ou inferior rango normativo, se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de xuño do dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente da Xunta de Galicia

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

ANEXO I

Lista de humidais protexidos

Nome: complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo.

Superficie: 983,81 ha.

Provincia: A Coruña.

Municipio: Ribeira.

Límites: polo oeste, desde a enseada situada ao norte de punta Graña, na zona denominada Campea do Bravo, diríxese cara ao norte polo límite da baixamar máxima equinoccial ata chegar á altura da pista que se dirixe desde a estrada AC-303 ata a praia de Ladeira no lugar de Pedra do Piñeiro en Corrubedo. Desde este punto diríxese por esta pista ata o cruzamento coa estrada AC-303.

Polo norte, segue pola estrada AC-303 ata o cruzamento coa estrada CP-7304, pola que continúa ata o lugar de Artes.

Polo leste, desde o lugar de Artes, segue cara ao sur polo camiño veciñal que se inicia cruzando o regueiro da Soidade, ata o cruzamento coa estrada CP-7302. Desde aquí segue por esta estrada ata o lugar de Liboi. Desde este lugar segue cara ao sur polo camiño veciñal que conduce a Vixán ata o cruzamento coa estrada que conduce ao lugar de Graña.

Polo sur, desde Vixán, segue cara ao oeste pola estrada que leva ao lugar de Graña ata o cruzamento co camiño que leva á costa, polo que segue ata a ribeira do mar, na enseada situada ao norte de punta Graña.

Nome: complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Superficie: 2.600,58 ha.

Provincia: Pontevedra.

Municipios: Cambados, Illa de Arousa, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

Límites:

1. Sector de punta Carreirón.

En punta Carreirón, o límite queda definido ao sur, desde punta Arnelas ata punta Castelo, polo nivel da baixamar máxima equinoccial. Ao oeste, desde punta Castelo ata punta Revello, polo nivel da baixamar máxima equinoccial, desde aquí segue polo mar cara ao noroeste ata o punto (x: 510.127,05; y: 4.709.848,85). Ao norte, desde este punto, segue cara ao leste polo nivel da preamar máxima equinoccial ata o punto (x: 510.768,70; y: 4.709.443,16), segue cara ao nordés ata alcanzar a estrada que conduce á praia de Salinas no punto (x: 510.831,73; y: 4.709.502,36). Ao leste, continúa por esta estrada ata alcanzar o valado da praia de Salinas; segue cara ao leste ata o punto (x: 510.972,85; y: 4.709.127,45), para continuar cara ao sur pola zona intermareal ata punta Arnelas seguindo os puntos con coordenadas:

Ver referencia pdf "12200D002P006.PDF"

2. Sector do esteiro do río Umia, enseada do Grove e istmo da Lanzada.

Ao norte, comeza en punta San Sadurniño en Cambados, rodea o illote pola súa parte norte, segue pola ponte e pola ribeira en dirección sueste, para continuar polo camiño asfaltado que leva ata a estrada PO-550, pola que continúa ata chegar ao punto (x: 516.292,13; y: 4.705.382,52), en que xira en dirección oeste manténdose a unha distancia de 100 m do deslinde do dominio público marítimo-terrestre ata alcanzar no punto (x: 516.175,09; y: 4.705.298,94) o camiño asfaltado que discorre paralelo á PO-550 en dirección sur, polo que segue pasando polos lugares de Escribana e Quintáns, lugar que atravesa cara ao oeste seguindo o camiño que con posterioridade cruza a pista asfaltada que conduce á praia do Correlo. Cruza esta pista seguindo polo camiño de terra que leva ata o lugar de Facho, para seguir cara ao leste pola estrada que vén da PO-550 e torcer seguidamente cara ao sur polo camiño asfaltado que conduce ata Couto de Abaixo, pasando por Sartaxes. Segue por este camiño ata alcanzar o

punto (x: 514.644,77; y: 4.702.319,85), onde segue cara ao sueste pasando polos puntos (x: 514.965,14; y: 4.702.114,80) e (x: 515.069,44; y: 4.701.945,21), por detrás do campo de fútbol de Couto de Abaixo, para seguir polo camiño de terra que con dirección sur conduce de novo ao camiño asfaltado. Segue polo devandito camiño ata alcanzar a estrada que vén de Couto de Arriba, para seguir por ela cara a Dena en dirección sur. Seguindo por esta estrada e unha vez pasada a pista queáa man dereita conduce á ponte da Chanca, o límite torcerá cara ao sur no punto (x: 515.201,61; y: 4.700.377,95) situado a unha distancia de 200 m do deslinde do dominio público marítimo-terrestre, seguindo paralelo á liña de costa e mantendo unha distancia de 200 m ao mencionado deslinde ata alcanzar a estrada de Vilalonga a Arnosa. Segue cara ao norte pola devandita estrada ata alcanzar a primeira pista que parte cara ao oeste, pola que segue ata chegar á intersección co camiño de terra que parte cara ao

noroeste no punto (x: 513.038,71; y: 4.700.086,20). Desde este punto e en liña recta diríxese cara ao oeste ata alcanzar o punto (x: 512.624,92; y: 4.700.034,98) onde se bifurca o camiño de terra que conduce ás lagoas das Cachadas. Desde este lugar segue polo citado camiño en dirección sur ata o camiño asfaltado denominado camiño da Costiña, polo que segue en dirección oeste ata alcanzar a bifurcación co camiño de terra que parte cara ao norte e conduce á praia dos Leiros. Desde aquí segue cara ao oeste pasando polos puntos (x: 511.948,62; y: 4.699.763,28), (x: 511.773,28; y: 4.699.706,55), (x: 511.562,50; y: 4.699.697,45) e (x: 511.517,15; y: 4.699.700,25), segue cara ao sur ata alcanzar o camiño da Costiña, polo que segue cruzando a estrada PO-550 e continúa polo camiño que conduce ao lugar denominado Fonte de Oris, para que, unha vez alcanzado o humidal do regueiro dos Mouros, o rodee polo súa marxe leste ata que alcanza o camiño asfaltado que parte da PO-308 cara ao sur, polo que

segue, cruzando a estrada de Noalla, ata alcanzar a estrada PO-308. Continúa pola estrada PO-308 en dirección sur ata alcanzar o punto (x: 510.536,51; y: 4.697.601,01) á altura do extremo norte da praia de Foxos, punto en que se dirixe cara ao oeste polo límite da baixamar máxima equinoccial rodeando a punta de Nosa Señora da Lanzada e seguindo ata o extremo norte da praia da Lanzada.

Desde o extremo norte da praia da Lanzada, no punto (x: 509.274,62; y: 4.700.833,32), segue cara ao norte, subindo ata a estrada de San Vicente do Mar á altura do punto de cota 19 m (x: 509.272,01; y: 4.700.883,15). Segue pola estrada en dirección leste ata a estrada PO-316. Pola estrada PO-316 segue cara ao norte en dirección a O Grove ata alcanzar o punto (x: 510.695,17; y: 4.701.760,74), desde onde segue, mantendo unha distancia de 100 m ao deslinde do dominio público marítimo-terrestre, ata alcanzar o punto (x: 511.200,86; y: 4.701.936,94), desde onde segue pola PO-316 ata o punto (x: 511.411,02; y: 4.702.278,82), desde o que segue mantendo unha distancia de 100 m ao deslinde do dominio público marítimo-terrestre, ata alcanzar o punto (x: 511.544,63; y: 4.703.066,55). Segue pola estrada PO-316 ata alcanzar o punto (x: 511.520,57; y: 4.703.130,45), desde o que segue mantendo unha distancia de 100 m ao deslinde do dominio público marítimo-terrestre, ata alcanzar o punto (x:

511.476,01; y: 4.703.596,76), e seguir, pasando polo punto (x: 511.499,49; y: 4.703.638,44), ata o extremo norte da praia da Graña. Desde este punto segue polo límite da preamar máxima equinoccial ata o extremo oeste da ponte da illa da Toxa. Segue ata o extremo leste da ponte, para continuar en dirección sur pola estrada perimetral da illa da Toxa ata o punto (x: 512.519,65; y: 4.703.605,79), para seguir, a unha distancia de 5 m da ribeira, ata o extremo sur da praia Fonte de Louxo, onde segue pola estrada perimetral da illa da Toxa ata o punto (x: 513.142,38; y: 4.704.796,94). Segue, bordeando o campo de tiro, polo sendeiro paralelo á ribeira do mar, para seguir, unha vez que este remata, polo límite da preamar máxima equinoccial ata punta Cabreira. Desde aquí segue polo mar ata punta San Sadurniño, en Cambados.

3. Sector da lagoa Bodeira.

Desde punta Area das Pipas, segue recto cara ao sur ata o punto de cota 26 m (x: 508.432,47; y: 4.703.039,26) e despois en liña recta cara ao sueste ata o punto de cota 28 m (x: 507.893,10; y: 4.702.306,11), desde aquí cara ao sur polo camiño que torce cara ao sudoeste ata alcanzar a estrada que conduce á praia de Mexilloeira. Segue pola devandita estrada con dirección norte ata alcanzar o punto situado a unha distancia de 200 m do deslinde do dominio público marítimo terrestre (x: 507.628,94; y: 4.702.367,72); desde este punto segue cara ao noroeste ata alcanzar a estrada que conduce á praia de Area Grande no punto (x: 506.330,64; y: 4.702.819,91). Segue pola estrada ata que esta remata, para continuar polo camiño que parte cara ao norte bordeando a praia ata chegar ao punto (x: 506.398,10; y: 4.703.055,01), onde xira cara ao nordés ata o punto (x: 506.420,06; y: 4.703.091,96). Desde este punto, o límite segue polo mar ata punta Area das Pipas seguindo os puntos de coordenadas:

Ver referencia pdf "12200D002P006.PDF"

Nome: lagoa e areal de Valdoviño.

Superficie: 485,23 ha.

Provincia: A Coruña.

Municipio: Valdoviño.

Límites: polo norte, desde punta Frouxeira cara ao leste polo límite da baixamar máxima equinoccial -ao longo da praia da Frouxeira-, ata a punta coñecida como Rego da Ovella.

Polo leste, desde este punto segue en liña recta ata a pista que bordea a costa, pola que segue unha distancia de 181 m, para xirar cara ao oeste ata a pista que conduce á praia da Frouxeira, para seguir por esta ata alcanzar a avenida de Saíña. Desde este punto segue por esta vía ata o cruzamento coa avenida de Atios, para seguir polo Paseo do Lago, continuando pola pista que bordea a lagoa pola súa marxe dereita ata o cruzamento coa estrada AC-116 (Ferrol-Valdoviño).

Polo sur, segue pola AC-116 cara ao oeste ata o cruzamento coa estrada que leva ao núcleo de Outeiro, seguindo por esta unha distancia de 668 m ata o núcleo de Outeiro, para xirar cara ao oeste e continuar por unha pista ao longo de 330 m, para seguir cara ao norte por unha pista ao longo de 60 m, para continuar cara ao oeste e seguir pola pista que cruza o regueiro Magno e conclúe no lugar de Taraza, na estrada que conduce a punta Frouxeira.

Polo oeste, desde este punto e seguindo esta estrada ata o lugar en que se cruza coa pista que conduce a punta Frouxeira, para seguir por esta ata chegar á altura da punta inmediatamente anterior polo oeste a punta Frouxeira, a que se dirixe directamente. Desde este punto segue ata punta Frouxeira polo límite da baixamar máxima equinoccial.

Nome: Ría de Ortigueira e Ladrido.

Superficie: 3.025,27 ha.

Provincia: A Coruña.

Municipios: Cariño e Ortigueira.

Límites: polo sur e leste, desde A Ponte de Mera segue pola estrada AC-862 con dirección a Ortigueira, penetrando no núcleo urbano ata o punto con coordenadas UTM x: 592.550,76 e y: 4.837.304,85, onde xira cara ao oeste para descender directamente á ribeira do mar, pola que segue en dirección norte ata o punto onde finaliza o paseo pola costa. Segue cara ao leste pola vía que delimita a zona urbana de Ortigueira, ata o cruzamento coa estrada que se dirixe á praia de Morouzos. Segue cara ao norte por esta estrada para seguidamente virar cara ao leste no primeiro vial á man dereita, polo que continúa ata que vira cara ao norte polo camiño que conduce ao polideportivo, ao que bordea ata alcanzar o vial que discorre paralelo á vía férrea. Segue por este vial ata o cruzamento coa estrada que cruza a vía férrea, seguindo pola vía férrea ata o paso elevado da estrada que conduce ao lugar das Laxas, punto en que xira cara ao sur seguindo por esta estrada ata o cruzamento coa estrada AC-862,

pola que segue cara ao leste ata alcanzar o cruzamento coa estrada que conduce ao núcleo de Ladrido. Segue por esta estrada, superando o núcleo de Ladrido, ata o cruzamento onde se atopa o campo de fútbol, para seguir, evitando esta instalación deportiva, directamente ao cume do monte O Picoto. Desde aquí descende cara ao nordés ata a cota de 53,2 m, para continuar cara ao noroeste ata a punta do Tallo.

Polo norte, desde punta do Tallo diríxese en liña recta, polo mar, cara ao noroeste ata a punta da Moura, continuando pola pista que accede a esta punta ata a primeira bifurcación á man esquerda, punto en que se dirixe cara ao sur pasando polo punto de cota 69,94 m (x: 592.141,00; y: 4.841.901,81) ata o punto de cota 71,76 m (x: 592.308,04; y: 4.841.243,49). Desde este punto segue cara ao oeste pola pista que bordea polo sur as Penas dos Gaiteiros, ata alcanzar a primeira bifurcación, onde segue cara ao sur pola pista que leva á estrada que conduce ao lugar de Pedra. Segue por esta estrada ata o lugar de Pedra, bordeándoo polo sur ata alcanzar a estrada CP-6127.

Polo oeste, segue pola estrada CP-6127 ata A Ponte de Mera.

Nome: Ría de Ribadeo.

Superficie: 613,76 ha.

Provincia: Lugo.

Municipios: Ribadeo e Trabada.

Límites: polo oeste, comeza no punto (x: 658.195,79; y: 4.824.764,65) ao noroeste da illa Pancha, segue directamente ao extremo sur da ponte de acceso á mencionada illa, para seguir cara ao sur, pola estrada de acceso a este enclave, ata o punto (x: 658.655,08; y: 4.823.135,43) unha vez superada a ponte dos Santos. Segue cara ao leste ata o punto (x: 658.695,70; y: 4.823.141,27), para xirar cara ao sur e seguir polo bordo exterior do peirao ata o punto (x: 658.582,37; y: 4.822.113,68), segue desde aquí polo bordo das instalacións portuarias ata o punto en que segue pola estrada do acceso sur ao porto de Ribadeo. Segue por esta estrada ata a súa confluencia coa estrada N-640, pola que segue en dirección sur ata o punto (x: 655.159,72; y: 4.814.018,99) onde esta estrada cruza o regueiro Ferreira. Segue en dirección sueste ata o punto (x: 655.315,74; y: 4.813.982,95), no río Eo, límite co Principado de Asturias.

Ver referencia pdf "12200D002P006.PDF"

ANEXO III

1. Identificación, denominación e descrición.

-Codificación e denominación do humidal.

-Descrición xeral do humidal.

-Tipoloxía do humidal.

2. Localización e superficie.

-Localización xeográfica.

-Localización administrativa.

-Localización hidrolóxica.

-Superficie do humidal.

3. Hábitats.

4. Vexetación e flora.

5. Fauna.

6. Réxime de protección, plans e medidas de conservación.

7. Estado de conservación.

8. Cartografía.

Anexo IV

Modelo de solicitude de excepción ao artigo 8º.

Ver referencia pdf "12200D002P006.PDF"