A Constitución española no seu artigo 149.1.1ª establece a competencia exclusiva do Estado para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais, e no seu artigo 149.1.14ª a competencia exclusiva do Estado sobre a Facenda xeral.
Pola súa parte, o artigo 4 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfire á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de asociacións.
Polo Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, foi aprobado o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións.
Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.
De conformidade con todo o anterior, a Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia adoptou, na súa reunión do día 23 de xuño de 2008, o oportuno acordo de ampliación de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións: declaración de utilidade pública das asociacións e aplicación dos beneficios fiscais a estas que eleva ao Goberno para a súa aprobación mediante real decreto.
Na súa virtude, en cumprimento do disposto na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia, por proposta da ministra de Administracións Públicas e logo de deliberación do Consello de Ministros na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil oito,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Apróbase o Acordo da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado polo Pleno na súa reunión do 23 de xuño de 2008, polo que se amplían as funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións: declaración de utilidade pública das asociacións e aplicación dos beneficios fiscais a estas, e que se transcribe como anexo a este real decreto.
Artigo 2º
En consecuencia, quedan ampliadas á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións nos termos que resultan do propio acordo.
Artigo 3º
O traspaso a que se refire este real decreto terá efectividade a partir do día sinalado no acordo da Comisión Mixta.
Disposición derradeira
Única.-Entrada en vigor.
Este real decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
Dado en Madrid o trinta de xuño de dous mil oito.
Juan Carlos R.
Elena Salgado Méndez
Ministra de Administracións Públicas
ANEXO
Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López, secretarios da Comisión Mixta prevista na disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia
CERTIFICAN:
Que no pleno da Comisión Mixta de Transferencias, que tivo lugar o día 23 de xuño de 2008, se adoptou un acordo polo cal se amplían as funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións: declaración de utilidade pública das asociacións e aplicación dos beneficios fiscais a estas, nos termos que a seguir se expresan:
A) Referencia a normas constitucionais, estatutarias e legais en que se ampara a ampliación.
A Constitución española no seu artigo 149.1.1ª establece a competencia exclusiva do Estado para a regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais, e no seu artigo 149.1.14ª a competencia exclusiva do Estado sobre a Facenda xeral.
Pola súa parte, o artigo 4 da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfire á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia de execución da lexislación do Estado en materia de asociacións.
Polo Real decreto 1639/1996, do 5 de xullo, foi aprobado o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións.
Finalmente, a disposición transitoria cuarta do Estatuto de autonomía para Galicia e o Real decreto 581/1982, do 26 de febreiro, determinan as normas e o procedemento a que se deben axustar os traspasos de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.
Sobre a base destas previsións normativas, procede realizar a ampliación de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de asociacións: declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais a estas.
B) Funcións da Administración do Estado que se amplían.
Amplíase o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia coas seguintes funcións que en materia de asociacións vén desempeñando a Administración xeral do Estado:
1. Declaración de utilidade pública das asociacións, federacións e confederacións que desenvolvan maioritariamente as súas funcións en Galicia, estean inscritas nun rexistro de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan sede no territorio de Galicia.
2. Revogación da declaración de utilidade pública referida no número anterior.
3. Verificación e sanción da rendición de contas das entidades declaradas de utilidade pública que reúnan os requisitos establecidos no número 1.
No exercicio destas funcións, a Comunidade Autónoma de Galicia solicitará en todo caso o informe preceptivo do Ministerio de Economía e Facenda previsto no artigo 35 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e no artigo 3 do Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro. A declaración de utilidade pública das asociacións, federacións e confederacións terá efectos equivalentes desde o punto de vista rexistral, de fomento e fiscal aos da Administración xeral do Estado no exercicio destas funcións, sempre e cando o informe preceptivo do Ministerio de Economía e Facenda sexa favorable.
C) Documentación e expedientes das funcións que se amplían.
A entrega da documentación e expedientes das funcións que se amplían realizarase no prazo dun mes desde a publicación do real decreto polo cal se aprobe este acordo.
D) Data de efectividade do traspaso.
A ampliación do traspaso de funcións obxecto deste acordo terá efectividade a partir do día 1 de xullo de 2008.
E para que conste, expídese esta certificación en Madrid, o 23 de xuño 2008. Carmen Cuesta Gil e Xoán Antón Pérez-Lema López. Secretarios da Comisión Mixta.

