DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 04 de xullo de 2008 Páx. 13.167

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ANUNCIO do 20 de xuño de 2008, do Servizo Galego de Defensa da Competencia, para os efectos de notificación do requirimento deste servizo do 5 de maio de 2008, na fase de execución do expediente sancionador S1/2007, Autoescolas de Vigo.

Intentadas as notificacións a José Collazo Veiga (Autoescola Bosco) e Jesús Manuel Soto Trabazos (Autoescola Oya) e sendo devoltas por correos as notificacións remitidas aos enderezos que constan no expediente: autoescola Bosco, Taboada Leal, 16, baixo - 36303 Vigo (Pontevedra) e Autoescola Oya, A Riña, nº 42 - 36390 Oia (Pontevedra), polas que se lles requiría para que xustificaran o debido cumprimento da resolución sancionadora ditada polo Tribunal Galego de Defensa da Competencia no expediente S1/2007, procede acudir ao medio de notificación previsto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O citado requirimento indicaba o seguinte:

«Unha vez transcorridos os prazos de pagamento da multa, e de interposición do recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, requírolle para que, no prazo de dez días dende a recepción desta notificación, acredite, alternativamente:

1. Que o importe da sanción foi xa ingresado no número de conta indicado na resolución do tribunal, remitindo a este servizo copia compulsada do documento de ingreso.

2. Ou ben que foi interposto recurso contencioso-administrativo contra a citada resolución e que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou providencia de suspensión da súa execución, circunstancias que deberán acreditarse mediante copias compulsadas do escrito de interposición do recurso e da providencia de suspensión.

No caso de non acreditar ningunha das anteriores circunstancias no prazo de 10 días, iniciarase a recadación do importe da multa en período executivo, polo procedemento de constrinximento, de acordo co establecido nos artigos 70 e seguintes do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo.

Ademais, deberá manifestar se deu cumprimento ao disposto no punto 7º da resolución ditada polo Tribunal Galego de Defensa da Competencia, relativo á exhibición da parte dispositiva da resolución nun lugar destacado na sede da autoescola durante un período de tres meses, indicando as datas de exhibición.

En relación con esta obriga, ademais do xa indicado respecto á recadación da multa en período executivo, lémbrolle que o artigo 46.6º da Lei 16/1989, do 17 de xullo, de defensa da competencia, aplicable a este procedemento, de acordo coa disposición transitoria primeira da Lei 15/2007, do 3 de xullo, establece que a desobediencia ás intimacións do tribunal será castigada conforme o establecido no Código penal.

Finalmente, comunícolle que, no exercicio das súas competencias de vixilancia e control do cumprimento puntual das resolucións ditadas polo tribunal, este Servizo Galego de Defensa da Competencia poderá solicitar información ou realizar periodicamente inspeccións presenciais nas sedes das autoescolas sancionadas, co obxecto de comprobar que cesaron as condutas prohibidas que deron lugar á resolución do tribunal.»

O que se lles notifica aos interesados mediante a presente publicación.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2008.

Ángeles Vidal Ruiz

Subdirectora xeral de Apoio Técnico-Xurídico

e Defensa da Competencia