DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 18 de xullo de 2008 Páx. 13.821

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

O Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia recolle, no seu artigo 2, a participación en tribunais de oposicións e concursos ou outros órganos encargados de selección de persoal ou de probas que sexa necesario superar para o exercicio de profesións ou para a realización de actividades como un dos supostos que dan orixe a indemnización ou compensación.

O artigo 26 do mesmo decreto regula as asistencias que se aboarán pola concorrencia as sesións dos órganos referidos no artigo 2.

O tempo transcorrido desde a aprobación do Decreto mencionado, a entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, e a especialidade que presentan os tribunais de selección encargados de cualificar os procesos selectivos convocados de acordo coas ofertas anuais de emprego público, tanto no que se refire ao tempo e á súa forma de actuación como ao número de aspirantes que participan, aconsellan introducir unha modificación na regulación das asistencias pola concorrencia a este tipo de órganos de selección que reflicta a súa especial natureza.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, a iniciativa dos conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e seis de xuño de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Modifícase o número dous do artigo 26 do Decreto 144/2001, de 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, que queda redactado como segue:

«Dous. A Consellería da Presidencia e Administración Pública clasificará os mencionados órganos, para efectos de percepción de asistencia, na correspondente categoría de entre as seguintes, e as contías que se percibirán serán as que se sinalan no anexo IV deste decreto:

Categoría primeira: acceso a corpos ou escalas do subgrupo A1 de funcionarios/as ou ao grupo I de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Categoría segunda: acceso a corpos ou escalas dos subgrupos A2 ou grupo B de funcionarios/as ou ao grupo II de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Categoría terceira: acceso a corpos ou escalas do subgrupo C1 de funcionarios/as ou ao grupo III de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Categoría cuarta: acceso a corpos ou escalas do subgrupo C2 de funcionarios/as ou ao grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Categoría quinta: acceso a corpos ou escalas da agrupación profesional de funcionarios/as ou ao grupo V de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia.

Non obstante, no caso dos tribunais encargados de cualificar os procesos selectivos que deriven da oferta de emprego público que se aprobe anualmente, a súa clasificación, a contía que percibirán os seus membros e as regras para a súa determinación estableceranse por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de informe do órgano competente da Consellería de Economía e Facenda, sendo en todo caso de aplicación o disposto nos seguintes puntos».

Disposición derradeira. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xuño de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza