DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 21 de xullo de 2008 Páx. 13.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 11 de xullo de 2008 pola que se aproba unha guía descritiva de elaboración de cartas de servizos na Xunta de Galicia e o Manual de identidade gráfica do Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia.

A Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, no seu artigo 6, identifica as cartas de servizos como un importante instrumento de xestión da calidade e de mellora continua dos servizos públicos.

O Decreto 117/2008, do 22 de maio, polo que se regulan as cartas de servizos da Xunta de Galicia e o Observatorio da Calidade e da Administración Electrónica de Galicia, desenvolve o marco xeral regulador das cartas de servizos da Xunta de Galicia e, a través dos números 2º e 3º do seu artigo 8, atribúe á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a competencia de concretar e actualizar metodoloxías para a elaboración de cartas de servizos, a través da publicación de guías, manuais ou outros instrumentos complementarios relacionados co Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia, co fin de velar pola necesaria uniformidade e coherencia metodolóxica dos procesos de desenvolvemento e despregamento do Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia.

Por outra banda, no número 4º do artigo 11 do referido decreto, establécese que os soportes divulgativos de todas as cartas de servizos da Xunta de Galicia, coa excepción da súa versión impresa do Diario Oficial de Galicia, seguirán uns criterios mínimos de identidade, deseño e estrutura gráfica corporativa normalizada que se determinarán nun manual de identidade gráfica do Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia, que será elaborado, aprobado e divulgado conforme o disposto nos números 2º, 3º, e 4º do artigo 8 do referido decreto.

Por todo iso, en uso das funcións atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación.

1. Apróbanse os contidos dos seguintes documentos do Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia:

a) Guía descritiva de elaboración de cartas de servizos na Xunta de Galicia (en diante, Guía).

b) Manual de identidade gráfica do Programa de cartas de servizos da Xunta de Galicia (en diante, MIG).

2. Os contidos, criterios e requisitos recollidos na Guía e no MIG aprobados por esta orde serán de aplicación para o desenvolvemento dos proxectos de cartas de servizos da Xunta de Galicia.

3. Calquera modificación que se produza nos procedementos operativos, criterios metodolóxicos, modelos de impresos ou materiais de traballo especificados nas mencionadas guías efectuarase mediante a correspondente actualización destas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas adoptará as medidas necesarias para a aplicación desta orde e, especialmente, para a difusión e actualización da Guía e do MIG.

Segunda.-Desde a entrada en vigor desta orde, os contidos da Guía e do MIG faranse públicos, como mínimo, a través dunha edición electrónica dispoñible no enderezo da intranet corporativa http://dxcapp.xunta.es e na sección Cartas de servizos do enderezo da internet http://www.cpapx.xunta.es/portal/calidade/index.htm.

Disposicións derradeiras.

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor no prazo dun mes a partir do día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2008.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza