DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 23 de xullo de 2008 Páx. 14.069

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 24 de xuño de 2008 pola que se regula a educación básica para as persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, considera a educación como unha aprendizaxe permanente que se desenvolve ao longo de toda a vida. En coherencia con este principio, a lei dedica o capítulo IX do seu título I á educación das persoas adultas e establece no seu artigo 66 que esa educación ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de dezaoito anos a posibilidade de adquiriren, actualizaren, completaren ou ampliaren os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Inmediatamente despois, o texto da lei enumera os obxectivos da educación de adultos, que son, entre outros, adquirir a formación básica, facilitar o acceso aos diferentes niveis do sistema educativo, mellorar a cualificación profesional, desenvolver a participación na vida social e corrixir os riscos de exclusión social.

No punto 2 do artigo 67 a mencionada lei orgánica establece que a organización e a metodoloxía destas ensinanzas se basearán na autoaprendizaxe e terán en conta as experiencias, necesidades e intereses das persoas adultas, podendo desenvolverse a través do ensino presencial e tamén mediante a educación a distancia. Igualmente, no punto 7 dese mesmo artigo afírmase que as ensinanzas das persoas adultas se organizarán cunha metodoloxía flexible e aberta, de modo que respondan ás súas capacidades, necesidades e intereses; e no seu artigo 68, establece que as persoas adultas que queiran adquirir as competencias e os coñecementos correspondentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades.

Nesta liña, o Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, establece na súa disposición adicional primeira que a consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulará o ensino básico para as persoas adultas, no marco do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro, polo que se establecen as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria.

Con base nesta habilitación normativa e co fin de adaptar a oferta da formación básica ás condicións, necesidades e intereses das persoas adultas, nesta orde establécese un currículo específico, aberto, flexible e adecuado ás características do alumnado adulto, correspondéndolle a cada centro educativo a súa adaptación ás condicións concretas do seu alumnado.

En consecuencia de todo o anterior, a formación básica para as persoas adultas organízase en dúas etapas: a da formación básica inicial e a das ensinanzas de graduado en educación secundaria.

A formación básica inicial estrutúrase en dous niveis, o primeiro deles correspondente ás habilidades instrumentais da lecto-escritura e do cálculo matemático, e o segundo nivel, dirixido á consolidación desas habilidades e á preparación para o acceso á educación secundaria para persoas adultas.

A educación secundaria para as persoas adultas estrutúrase tamén en dous niveis, con recoñecemento académico en todo o estado. En cada nivel intégranse tres ámbitos de coñecementos, os ámbitos de comunicación, social e científico-tecnolóxico, organizado cada un deles en catro módulos, aos cales se incorporan os aspectos básicos das materias da educación secundaria obrigatoria previstas na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, de 29 de decembro.

Esta organización do currículo en ámbitos integrados e estrutura modular considérase a máis axeitada ás características e posibilidades das persoas adultas, por ser flexible e aberta, favorecer o acceso ás diferentes etapas do sistema educativo, respectar o seu estilo e ritmo de aprendizaxe, e posibilitar a consecución do título de graduado en educación secundaria obrigatoria por un procedemento específico para as persoas adultas.

Cómpre, xa que logo, ditar as normas pertinentes para regular as ensinanzas da educación básica para as persoas adultas, establecendo o currículo correspondente, a súa organización, a duración e o horario desta proposta formativa, as condicións de acceso e permanencia, as equivalencias con estudos realizados, a adscrición dos ámbitos de coñecemento do profesorado implicado e as pautas e condicións para a avaliación.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas polas disposicións adicional primeira do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta é ordenar as ensinanzas dirixidas ás persoas adultas coa finalidade de facilitarlles a adquisición das competencias básicas e a formación necesaria para obteren o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. As ensinanzas establecidas nesta orde corresponden ás aprendizaxes básicas iniciais e ás conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para as persoas adultas.

3. Estas ensinanzas poderanse cursar, tanto na modalidade de educación presencial como a distancia, nos centros autorizados para o efecto pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo II

O currículo da educación básica para as persoas adultas

Sección primeira

Organización e obxectivos xerais

Artigo 2º.-Organización xeral.

1. A educación básica para as persoas adultas organízase en dúas etapas. A primeira corresponde ás ensinanzas básicas iniciais e a segunda, ás ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

2. As ensinanzas básicas iniciais organízanse en dous niveis, I e II, o primeiro dirixido a adquirir as habilidades instrumentais básicas da lecto-escritura e do cálculo matemático, e o segundo, á consolidación desas habilidades e á preparación para o acceso aos estudos de educación secundaria para persoas adultas.

3. As ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria constitúen a segunda etapa da formación básica para persoas adultas, que se organiza en dous niveis, I e II. Neles cúrsanse tres ámbitos de coñecementos, integrado cada un deles por catro módulos interdisciplinares.

Artigo 3º.-Competencias básicas.

O currículo das ensinanzas básicas iniciais e da educación secundaria para persoas adultas oriéntanse ao logro das competencias básicas, como se describe no anexo I desta orde. Estas competencias básicas establécense no marco da proposta realizada pola Unión Europea e están recollidas no anexo I do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Obxectivos xerais.

A educación básica para persoas adultas oriéntase a desenvolver as capacidades que lles permitan:

a) Formar unha imaxe adecuada de si mesmos; das súas características e posibilidades, valorando a súa experiencia, o esforzo e a superación das dificultades.

b) Mostrar actitudes solidarias e tolerantes, valorando as situacións en que se deben realizar proxectos comúns e rexeitando todo tipo de discriminacións debidas á raza, ao sexo, á clase social, ás crenzas e a outras características individuais, sociais e culturais.

c) Analizar os mecanismos e valores que rexen o funcionamento das sociedades, en especial os relativos aos dereitos e deberes dos cidadáns, elaborar xuízos e criterios persoais, con liberdade de pensamento e iniciativa.

d) Valorar criticamente as crenzas, actitudes e valores básicos da nosa tradición e patrimonio e doutros existentes, discernindo a súa validez.

e) Desenvolver e consolidar hábitos de estudo e traballo individual e en equipo, como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas de aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal.

f) Desenvolver ou consolidar o espírito emprendedor e a confianza en si mesmo, a participación, o sentido crítico, a iniciativa persoal e a capacidade para aprender a aprender, planificar, tomar decisións e asumir responsabilidades.

g) Comprender e producir mensaxes orais e escritas con propiedade, autonomía e creatividade nas linguas galega e castelá e nunha lingua estranxeira, utilizándoas para a participación activa e plena na sociedade.

h) Interpretar e producir con propiedade, autonomía e creatividade mensaxes que utilicen códigos artísticos, científicos e técnicos, co fin de enriquecer as súas posibilidades de comunicación tanto no ámbito cultural como laboral.

i) Obter e seleccionar información utilizando as diferentes fontes en que esta se atopa, incluídas as que proporcionan as tecnoloxías da información e da comunicación, tratala de forma autónoma e crítica, e transmitila de maneira organizada e intelixible.

j) Utilizar estratexias de identificación e resolución de problemas nos diversos campos de coñecemento e de experiencia, mediante procedementos intuitivos e de razoamento lóxico, contrastándoas e reflexionando sobre o proceso seguido.

k) Analizar os mecanismos básicos que rexen o funcionamento do medio físico, valorar as repercusións que sobre el teñen as actividades humanas e contribuír activamente á súa defensa, conservación e mellora, como elemento determinante da calidade de vida.

l) Coñecer e valorar o desenvolvemento científico e tecnolóxico, as súas aplicacións e a incidencia no medio físico e social.

m) Coñecer e apreciar o patrimonio natural e cultural, especialmente o de Galicia, e contribuír activamente á súa conservación e mellora.

n) Entender a diversidade lingüística e cultural como un dereito dos pobos e dos individuos á súa identidade, e desenvolver unha actitude de interese e respecto para o exercicio deste dereito, en especial no referente ao uso da lingua galega.

o) Valorar as consecuencias dos actos e decisións persoais na saúde individual e colectiva, e os beneficios que supoñen os hábitos saudables.

p) Combinar a cualificación técnica e profesional adquirida cun comportamento social e coa capacidade de afrontar e solucionar problemas.

Sección segunda

As ensinanzas básicas iniciais

Artigo 5º.-Organización do currículo.

As ensinanzas básicas iniciais organízanse en dous niveis diferenciados, ambos cunha concepción globalizadora dos contidos. O primeiro nivel incluirá os coñecementos necesarios para adquirir as destrezas de lecto-escritura, razoamento matemático e cálculo. O segundo nivel incluirá os contidos do ámbito da comunicación, da natureza e da sociedade, e matemático que permitan o acceso ao currículo da educación secundaria para persoas adultas.

Artigo 6º.-Duración.

1. As persoas adultas poderán permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise para o logro dos obxectivos establecidos.

2. O nivel II das ensinanzas iniciais organízase en tres módulos distribuídos trimestralmente. O currículo destas ensinanzas é o que se inclúe no anexo I desta orde.

3. O nivel I das ensinanzas iniciais poderá cursarse unicamente na modalidade presencial. O nivel II poderá cursarse tamén na modalidade a distancia.

4. As ensinanzas do nivel I cursaranse a razón de doce períodos lectivos semanais e as de nivel II, de dezaseis períodos lectivos semanais.

Sección terceira

Ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria

Artigo 7º.-Organización.

1. O currículo da segunda etapa da educación básica para persoas adultas, conducente á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, estrutúrase en dous niveis, I e II, organizados de forma modular en tres ámbitos, e secuenciados de forma progresiva e integrada. Cada ámbito consta de catro módulos de contidos de carácter interdisciplinar, e cada módulo divídese en dous bloques de contidos.

2. Os ámbitos a que se refire o número anterior son os seguintes:

a) Ámbito científico-tecnolóxico, que ten como referente curricular os aspectos básicos do currículo das materias de matemáticas, ciencias da natureza, tecnoloxías e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural da materia de educación física.

b) Ámbito de comunicación, que ten como referente curricular os aspectos básicos do currículo correspondentes ás materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira.

c) Ámbito social, que ten como referente curricular os aspectos básicos do currículo das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía, e os aspectos perceptivos correspondentes ás materias de educación plástica e visual e música.

Artigo 8º.-Duración e currículo.

1. Con carácter xeral, as ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas adultas cursaranse en dous anos académicos. Na modalidade presencial, o total de períodos lectivos destas ensinanzas non poderá ser, en ningún caso, inferior a 1.250.

2. Non obstante, considerando que as persoas adultas posúen coñecementos construídos nas súas experiencias persoais e académicas e que un proceso educativo axeitado debe respectar o estilo e o ritmo de aprendizaxe de cadaquén, a duración do proceso educativo das persoas adultas poderá flexibilizarse, segundo se establece nesta orde.

3. A cada un dos ámbitos de coñecemento sinalados no artigo anterior correspóndenlle catro módulos.

4. Os módulos estarán distribuídos cuadrimestralmente, correspondéndolle dous módulos ao primeiro nivel e os dous restantes ao segundo nivel.

5. O currículo destas ensinanzas está recollido no anexo I desta orde e ten como marco de referencia o establecido para a educación secundaria obrigatoria no Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Os currículos recollidos no anexo I desta orde deberán adaptarse por cada centro educativo ás condicións e circunstancias concretas do seu alumnado e do contexto en que este se desenvolve

Capítulo III

Modalidades de ensino

sección primeira

Modalidades e autorización

Artigo 9º.-Tipos de autorización.

1. A educación secundaria para persoas adultas desenvolverase a través do ensino presencial e do ensino a distancia.

2. Poderán impartir a educación secundaria para persoas adultas, nas súas distintas modalidades, aqueles centros autorizados para cada unha delas pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 10º.-Modalidade presencial.

1. Esta modalidade de ensino baséase na asistencia regular ás actividades lectivas e no seguimento directo do alumnado en cada un dos ámbitos de que se teña matriculado.

2. O horario lectivo semanal do alumnado que curse cada un dos módulos desta etapa educativa será o que se recolle no anexo II desta orde.

Artigo 11º.-Modalidade a distancia.

1. As ensinanzas a distancia reguladas nesta orde poderán impartirse con apoio de titorías presenciais, denominándose entón educación secundaria para persoas adultas a distancia semipresencial; ou con apoio de titorías telemáticas, designándose neste caso como educación secundaria para persoas adultas a distancia de forma telemática.

Artigo 12º.-Modalidade a distancia semipresencial.

1. Esta modalidade de ensino levarase a cabo mediante a combinación de períodos ou sesións lectivas de carácter presencial e outras actividades de seguimento do alumnado que terán carácter non presencial.

2. As actividades de seguimento do alumnado de carácter non presencial levaranse a cabo, preferentemente, mediante o uso das tecnoloxías da información e da comunicación, a través dunha plataforma educativa virtual de aprendizaxe creada para tal efecto pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a modalidade a distancia.

3. Semanalmente desenvolverase unha sesión lectiva presencial dunha hora de duración para o ámbito social, dúas sesións lectivas para o ámbito de comunicación e dúas para o científico-tecnolóxico, en horario que facilite, na medida do posible, unha maior asistencia do alumnado.

4. As sesións lectivas presenciais, que serán obrigatorias para o alumnado, terán carácter colectivo e dedicaranse, fundamentalmente, a cuestións relacionadas coa planificación de cada módulo e ámbito, a proporcionar as directrices e orientacións necesarias para un bo aproveitamento dos mesmos e ao desenvolvemento dos contidos relevantes do módulo, especialmente aos de carácter procedemental.

5. Cada profesor ou profesora responsable dun ámbito de coñecemento desta modalidade educativa dedicará unha hora semanal de atención non presencial a cada grupo de alumnos.

6. O horario de carácter non presencial dedicarase, fundamentalmente, a incentivar a comunicación do titor co alumnado, á revisión e valoración das tarefas propostas, á participación nos temas de discusión dos foros temáticos e á resolución de dúbidas e problemas propostos de forma individual ou colectiva.

Artigo 13º.-Modalidade a distancia de forma telemática.

1. A educación secundaria para persoas adultas na modalidade a distancia de forma telemática impartirase integramente a través dun sistema de teleformación, baseado no seguimento da aprendizaxe do alumnado a través da plataforma educativa virtual de aprendizaxe mencionada no artigo anterior.

2. Nesta modalidade de ensino as probas de avaliación realizaranse de forma presencial e o alumnado deberá demostrar debidamente a súa identidade.

Artigo 14º.-Alumnado con privación de liberdade.

A delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria arbitrará as medidas necesarias para a matriculación na modalidade a distancia do alumnado con medidas legais de internamento en réxime pechado ou terapéutico en centros de menores dependentes da administración da Comunidade Autónoma de Galicia, para a súa atención presencial e para a realización das probas correspondentes.

Sección segunda

Cambios e compatibilidade de modalidades

Artigo 15º.-Cambios de modalidade.

1. Unha vez rematado o cuadrimestre e logo de solicitude á dirección do centro, o alumnado poderá cambiar de modalidade para o cuadrimestre seguinte a aquel en que está escolarizado.

2. Con carácter excepcional, durante a escolarización de cada módulo cuadrimestral, a dirección do centro poderá autorizar o cambio de modalidade no seu propio centro, logo de escrito do interesado en que aduza as razóns persoais ou profesionais que o xustifiquen.

3. Cando o cambio de modalidade supoña optar a unha praza da modalidade presencial, ese cambio estará supeditado á existencia de prazas dispoñibles.

Artigo 16º.-Simultaneidade de modalidades.

Con carácter excepcional, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula simultánea nas modalidades presencial e a distancia, en ámbitos diferentes e no mesmo centro, cando a algún alumno non lle sexa posible asistir a todas as xornadas lectivas dos ámbitos correspondentes por razóns da organización do horario do centro ou por razóns persoais xustificadas.

Sección terceira

Recursos didácticos

Artigo 17º.-Recursos para o alumnado da modalidade a distancia.

O alumnado de educación secundaria para persoas adultas pola modalidade a distancia recibirá unha guía do alumnado que oriente o seu traballo autónomo. Esta guía incluirá indicacións sobre a distribución temporal dos contidos dos diferentes ámbitos de coñecemento, os criterios de avaliación, orientacións metodolóxicas, as actividades que se van realizar, as datas de avaliación e calquera outra información que se considere de interese para a súa aprendizaxe. A elaboración e actualización destas guías será responsabilidade dos departamentos didácticos correspondentes, baixo a supervisión da xefatura de estudos. O equipo directivo do centro correspondente adoptará as medidas oportunas para que o alumnado teña acceso a esta guía ao comezo do curso.

Artigo 18º.-Material didáctico.

O alumnado de educación secundaria para persoas adultas, pola modalidade a distancia, utilizará o material didáctico específico autorizado pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo IV

Acceso e permanencia

Sección primeira

Condicións xerais de acceso e avaliación inicial

Artigo 19º.-Acceso.

1. Poderán acceder ás ensinanzas básicas para as persoas adultas aquelas persoas maiores de dezaoito anos ou que os cumpran no ano natural en que comeza o curso escolar, de acordo co establecido no punto 7 do artigo 2 do Decreto 133/2007, do 5 de xullo, polo que se regulan as ensinanzas da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderán, así mesmo, incorporarse ás ensinanzas de adultos os alumnos e alumnas que sexan maiores de dezaseis anos e teñan un contrato laboral que non lles permita acudir aos centros educativos en réxime ordinario ou sexan deportistas de alto rendemento.

3. Cando a persoa adulta que accede a esta oferta educativa teña acreditados estudos realizados, poderá acollerse ás equivalencias recollidas nos anexos III, IV, V, VI e VII desta orde.

4. Cando non acredite estudos que poidan ser obxecto de validación, a adscrición do alumno ou da alumna a unha etapa, nivel e módulo realizarase mediante unha avaliación inicial.

Artigo 20º.-Equivalencias.

Para os efectos académicos, as equivalencias dos módulos para as persoas adultas cos estudos realizados nas ensinanzas establecidas pola Lei 14/1970, xeral de educación, na educación secundaria obrigatoria, nos módulos voluntarios dos programas de cualificación profesional inicial e os grupos superados das probas libres para a obtención do graduado en educación secundaria obrigatoria, son as que recollen os anexos III, IV, V, VI e VII desta orde.

Artigo 21º.-Avaliación inicial para a adscrición do alumnado.

1. Para as persoas sen requisitos académicos que desexen matricularse na educación básica para persoas adultas por primeira vez, os centros efectuarán con carácter preceptivo durante os meses de setembro e de xaneiro un proceso de avaliación inicial, que terá en conta a súa madurez persoal, as aprendizaxes non formais e informais adquiridas, os coñecementos previos e os seus intereses e necesidades, e que facilitará a orientación e adscrición destas á etapa, ao nivel e ao módulo correspondentes.

2. A Comisión de Coordinación Pedagóxica deseñará o modelo do proceso de avaliación inicial que incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

a)Valoración das certificacións das aprendizaxes non formais realizadas.

b) Valoración da experiencia laboral.

c) Unha proba referida, con carácter xeral, aos obxectivos e ás competencias básicas establecidos para cada ámbito.

3. A consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá os criterios xerais e o procedemento para a valoración das aprendizaxes non formais e informais, e da experiencia laboral.

4. O proceso de avaliación inicial incluirá unha ou varias entrevistas co xefe ou coa xefa do departamento de orientación, no cal se informará o interesado ou interesada da natureza do proceso de avaliación inicial, se recadará información sobre a súa traxectoria formativa e profesional e se lle proporá o itinerario formativo coherente con esta.

5. Da avaliación inicial derivarase a adscrición á etapa das ensinanzas iniciais ou ás de graduado en educación secundaria, e, dentro delas, ao nivel e módulos que corresponda. Nas ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas, o alumnado poderá estar adscrito a un módulo diferente en cada ámbito, en función dos resultados da avaliación inicial.

6. Cando a avaliación continua posterior amose que a adscrición a un nivel ou módulo foi inadecuada, a persoa adulta deberá recibir medidas de atención á diversidade ou poderá optar por incorporarse ao módulo que lle corresponda polo seu nivel de coñecementos.

Artigo. 22º.-Comisión de avaliación inicial.

1. Co obxecto de avaliar todos os documentos e accións que forman parte do proceso de avaliación inicial e emitir a valoración correspondente, constituirase unha comisión de avaliación inicial. O seu funcionamento axustarase ás normas establecidas nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Esta comisión estará composta polo xefe ou xefa de estudos do centro, o xefe ou xefa do departamento de orientación e, polo menos, un representante do profesorado de cada ámbito que imparte estas ensinanzas, elixidos polo director ou a directora do centro logo da consulta ao claustro. O director ou a directora presidirá a comisión.

3. A citada comisión redactará acta do proceso efectuado, concretando para cada persoa o resultado obtido para a súa adscrición á etapa, ao nivel e ao módulo correspondente.

4. O resultado da avaliación inicial incorporarase ao expediente académico do alumno ou alumna e ao seu historial académico.

Sección segunda

Orientación e titorías

Artigo 23º.-Orientación e titorías.

1. A acción titorial é unha tarefa colexiada exercida polo equipo docente de cada grupo de alumnos e alumnas. Todos os grupos terán un profesor ou profesora titor que coordinará as ensinanzas e a acción titorial do equipo docente correspondente.

2. O titor ou titora informará ao seu grupo sobre as posibles vías de comunicación entre ambos, e do horario que teña establecido para a atención ao alumnado.

3. Para tal efecto, dentro do horario lectivo do profesorado no centro, dedicarase unha hora semanal á atención titorial de cada grupo de alumnos.

4. Corresponderá aos centros educativos a programación, desenvolvemento e avaliación destas actividades, que serán recollidas no Plan de Orientación e Acción Titorial incluído no seu proxecto educativo.

5. No marco do plan mencionado no punto anterior, consideraranse os seguintes aspectos específicos referidos a estas ensinanzas:

a) A orientación académica e profesional axeitada que permita ao alumnado adulto a elaboración dun proxecto persoal realista e axustado aos seus intereses, aptitudes e necesidades.

b) A axuda individualizada na adopción de hábitos e estratexias apropiadas para o estudo e a organización do traballo, de acordo coas características singulares da súa situación persoal.

c) A disposición de medidas de atención á diversidade que poida requirir o alumnado adulto co fin de facilitar o seu desenvolvemento óptimo e, se é o caso, a adaptación do currículo establecido na etapa e módulo correspondente.

d) A orientación persoal e de grupo axeitada que permita mellorar os procesos de integración escolar, de identidade persoal, de relación social e de mantemento da motivación e do esforzo necesarios para culminar con éxito o seu proceso de aprendizaxe.

Sección terceira

Admisión e matriculación do alumnado

Artigo 24º.-Oferta de prazas.

1. Os centros públicos autorizados para impartir ensinanzas de adultos farán pública a oferta de prazas dispoñibles para cursar ensinanzas de persoas adultas na segunda quincena do mes de maio.

2. A oferta de prazas e itinerarios formativos destas ensinanzas estará condicionada polas posibilidades organizativas de cada centro. En todo caso, darase prioridade ás ensinanzas que conducen á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para persoas adultas.

3. Durante o proceso de admisión e matrícula, as persoas solicitantes deberán ser informadas, polos medios que se consideren adecuados, das características destas ensinanzas, así como das posibilidades que ofrece o centro para seguilas e, en xeral, de canto se considere de interese para a consecución dos obxectivos propostos.

Artigo 25º.-Admisión e matrícula nas ensinanzas básicas iniciais.

1. O acceso ás ensinanzas básicas iniciais estará condicionado aos criterios de idade establecidos. Cando non acredite estudos, o alumnado realizará unha avaliación inicial que se levará a cabo segundo o disposto nos artigos 21º e 22º.

2. O prazo de matrícula destas ensinanzas básicas iniciais para persoas adultas abrirase na primeira semana de setembro e, en función do número de prazas ofertadas, estará aberto durante todo o ano.

Artigo 26º.-Admisión e matrícula nas ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas.

1. O alumnado que cumpra os requisitos de acceso establecidos no artigo 19º para a educación secundaria para persoas adultas poderá matricularse nun nivel completo ou, de forma parcial, nun ou dous ámbitos de coñecemento de calquera dos niveis.

2. Na modalidade presencial, o prazo de presentación de solicitudes de admisión será entre o 1 e o 15 de xuño de cada ano, e o prazo de matriculación será o comprendido entre o 1 e o 10 de setembro.

3. Na modalidade a distancia, os centros educativos abrirán o prazo de presentación de solicitudes de admisión e de matrícula no mes de setembro e permanecerá aberto ata o 15 de maio do ano seguinte.

4. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá establecer outros prazos de matrícula cando o considere debidamente xustificado.

5. O procedemento de admisión e matrícula para cursar educación secundaria, na modalidade presencial, realizarase nos prazos establecidos nesta orde e mediante o seguinte procedemento:

a) Tres días hábiles despois de finalizado o prazo de admisión, a dirección do centro publicará no taboleiro de anuncios a relación priorizada de solicitantes despois de aplicar os seguintes criterios na orde establecida:

-Continuar estudos no propio centro.

-Proceder das ensinanzas de adultos doutros centros.

-Ter estado máis tempo desescolarizado.

-Matricularse de todos os ámbitos dun nivel.

-Ser deportista de alto rendemento.

-Menor renda persoal do alumno con ingresos ou da unidade familiar a que se pertenza.

b) Na solicitude de admisión os interesados autorizarán expresamente a utilización da información de carácter tributario que se precisa para a acreditación da renda anual persoal do alumno con ingresos ou da unidade familiar en que convive, que será subministrada directamente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Axencia Estatal e Administración Tributaria, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración entre ambas, de conformidade co establecido no punto 10º do artigo 84 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e nos artigos 95.1º, alínea k e 95.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria. A dita información será a que corresponda ao exercicio fiscal anterior en dous anos ao ano natural en que se presenta a solicitude.

No caso de que a Axencia Estatal de Administración Tributaria non dispoña de datos da declaración da renda das persoas físicas do alumno con ingresos ou dos suxeitos integrantes da unidade familiar, estes deberán achegar certificación de haberes, ou calquera outro documento de cada un deles, correspondente ao último exercicio fiscal.

Na documentación de solicitude de matrícula, o alumno con ingresos propios ou os cónxuxes integrados na unidade familiar en que convive o alumno asinarán a autorización para que o órgano autorizado da consellería de Educación e Ordenación Universitaria (delegación provincial ou Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais) solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria os datos fiscais correspondentes.

c) Tras a publicación da listaxe abrirase un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións contra a asignación de prazas, as cales serán resoltas polo consello escolar do centro nos tres días seguintes ao remate do prazo de presentación de alegacións.

d) A resolución coa relación de admitidos e non admitidos, ordenados pola aplicación de cada unha das epígrafes do baremo, publicarase no taboleiro de anuncios do centro antes do inicio do prazo de matrícula. Esta resolución servirá de notificación ás persoas interesadas para iniciar o proceso de matrícula nas datas establecidas.

e) Se rematado o prazo de admisión, non se completasen as prazas ofertadas, a dirección do centro poderá aceptar a matrícula de novos alumnos que o soliciten por orde de entrada na secretaría do centro ata completar todas as prazas ofertadas.

Artigo 27º.-Admisión e matrícula nas ensinanzas non regradas.

Para outras ensinanzas de adultos de carácter non regrado, os centros autorizados establecerán, na primeira semana de setembro de cada curso escolar o calendario de actividades que se van impartir así como o prazo de inscrición. Este prazo iniciarase, como mínimo, dez días antes do inicio das actividades.

Artigo 28º.-Modelos de solicitudes.

A solicitude de admisión e a solicitude de matrícula nas ensinanzas para persoas adultas axustaranse aos anexos VIII e IX desta orde.

Capítulo V

Distribución horaria

Artigo 29º.-Aspectos xerais.

1. A duración mínima de cada período lectivo das ensinanzas de adultos será de 45 minutos.

2. Cada grupo de alumnos matriculados nas ensinanzas básicas iniciais ou nas ensinanzas de graduado en educación secundaria terán un período lectivo semanal de actividades de orientación e titoría.

3. A cada grupo de alumnos asignaráselle unha profesora ou profesor titor que será designado polo director ou directora entre o profesorado que lle imparta docencia.

Artigo 30ºº.-Ensinanzas básicas iniciais.

O horario das ensinanzas básicas iniciais comprenderá doce períodos lectivos semanais no primeiro nivel e dezaseis no segundo.

Artigo 31º.-Ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

1. Dos 1.250 períodos lectivos establecidos para a educación secundaria para persoas adultas na modalidade presencial no artigo 8º desta orde, 1150 distribuiranse semanalmente segundo figura no anexo II.

2. Para contextualizar o currículo no propio contorno e poder dar resposta ás características, intereses e necesidades das persoas adultas, os 100 períodos lectivos restantes serán de libre disposición para cada centro educativo e deberán estar dedicados a unha oferta curricular propia que deberá figurar na concreción curricular do centro.

3. Esa oferta curricular poderá estar conformada por diferentes programas formativos que respondan ás expectativas do alumnado adulto e sexan do seu interese, especialmente dirixidas á orientación laboral e a actividades de carácter profesionalizante.

4. Os 100 períodos lectivos de oferta curricular propia de cada centro distribuiranse ao longo dos dous anos académicos e, en función das dispoñibilidade de profesorado, ofertaranse como módulos cuadrimestrais de 20 períodos lectivos cada un como mínimo.

Capítulo VI

Profesorado

Artigo 32º.-Profesorado das ensinanzas básicas iniciais.

As ensinanzas básicas inicias serán impartidas polo profesorado do corpo de mestres.

Artigo 33º.-Profesorado de educación secundaria para persoas adultas.

1. Os funcionarios do corpo de mestres que viñan impartindo as ensinanzas correspondentes aos módulos 1 e 2 da educación secundaria para persoas adultas, en aplicación do artigo 3 da Orde do 26 de maio de 1997 pola que se regula a ensinanza básica para persoas adultas, poderán seguir impartindo as ensinanzas do nivel I de educación secundaria para persoas adultas de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2006, orgánica de educación, do 4 de maio.

2. Sen prexuízo das competencias docentes das mestras e mestres adscritos ao primeiro nivel da educación secundaria para persoas adultas, o profesorado que imparta as ensinanzas conducentes ao título de graduado en educación secundaria será o pertencente ao corpo de profesores de ensino secundario, de acordo co previsto no artigo 94 e a disposición transitoria primeira da Lei 2/2006, orgánica de educación, do 4 de maio.

Artigo 34º.-Adscrición dos ámbitos de coñecemento ao profesorado.

1. A adscrición dos tres ámbitos de coñecemento en que se organiza a educación secundaria para as persoas adultas ao profesorado de secundaria realizarase segundo recolle o anexo X desta orde.

2. Cada ámbito de coñecemento será impartido por un único profesor ou profesora, pertencente ao departamento do ámbito, ou ao departamento didáctico dalgunha das materias que constitúen os aspectos básicos do currículo do dito ámbito.

Artigo 35º.-Asignación de ámbitos.

1. Tendo en conta o recollido no artigo anterior, os departamentos correspondentes realizarán a proposta de distribución dos ámbitos entre o profesorado.

2. Cando nun centro non existan departamentos de ámbitos e varios profesores pertencentes a departamentos didácticos diferentes estean interesados en impartir un mesmo ámbito, o xefe de estudos determinará o profesor ou profesora que impartirá ese ámbito, respectando en todo caso a lexislación xeral vixente para a asignación ao profesorado de cursos e materias.

Artigo 36º.-Formación do profesorado.

A administración educativa facilitará ao profesorado que imparta as ensinanzas establecidas nesta orde a formación necesaria para desenvolver esta oferta educativa.

Capítulo VII

Avaliación

Sección primeira

Aspectos xerais

Artigo 37º.-Desenvolvemento da avaliación.

1. A avaliación das aprendizaxes do alumnado adulto será continua e integradora. No nivel dous das ensinanzas básicas iniciais e nas ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas estará diferenciada por ámbitos e módulos, incluídos os da oferta curricular propia do centro.

2. O referente para avaliar o grao de adquisición das competencias básicas, así como o da consecución dos obxectivos propostos para as ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria, serán os criterios de avaliación que se recollen no anexo I desta orde.

3. Esta avaliación será realizada polo profesorado, preferentemente a través da observación continuada da evolución do proceso de aprendizaxe de cada alumno ou alumna e da súa madureza persoal. Ao final de cada un dos módulos, o equipo docente decidirá sobre a titulación ou promoción de cada alumno ao módulo seguinte, tendo en conta tamén a súa madureza académica e as súas posibilidades de recuperación e de progreso nos módulos posteriores, de ser o caso.

4. Co fin de garantir que o rendemento académico sexa valorado conforme criterios de transparencia, na primeira quincena de cada cuadrimestre o profesorado informará o alumnado, en cada ámbito, sobre os seus aspectos máis relevantes: os obxectivos, os contidos e os criterios metodolóxicos, así como os criterios de avaliación.

5. Ao inicio do curso, o profesorado responsable dos distintos ámbitos realizará a todo o alumnado unha avaliación inicial, cuxos resultados orientarán sobre a adecuación do currículo ás características e aos coñecementos do alumnado.

7. Na avaliación das aprendizaxes do alumnado que realiza estudos de educación secundaria para persoas adultas pola modalidade a distancia teranse en conta, ademais dos resultados das probas presenciais parciais, a realización das tarefas propostas de forma telemática, o grao e calidade das participacións nos foros temáticos propostos e aqueloutros elementos determinados nas respectivas programacións didácticas.

Artigo 38º.-Medidas de reforzo.

1. Os equipos de profesores dos centros que impartan o ensino básico para as persoas adultas deberán establecer na concreción curricular do centro os criterios de promoción tanto de nivel como de módulo dentro de cada ámbito.

2. Se no proceso de avaliación se observa que o progreso da persoa adulta non responde aos obxectivos programados, os profesores e profesoras tomarán as medidas que proceda, tanto de reforzo educativo como, de ser o caso, de adaptación curricular. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

Artigo 39º.-Promoción por ámbito.

Na educación secundaria para persoas adultas, o alumnado poderá estar cursando módulos diferentes nos distintos ámbitos e a promoción será por ámbitos de forma independente. Dentro de cada ámbito, o alumnado non poderá ser avaliado dun módulo sen ter superado previamente o precedente ou ter sido promovido a el.

Artigo 40º.-Avaliacións ordinarias.

1. Para facilitar o progreso do alumnado no seu itinerario formativo e facilitar tamén o recoñecemento da formación obtida en contextos non formais, realizarase unha avaliación escrita ao rematar cada un dos bloques de contidos que integran cada módulo, dentro dos tres ámbitos de coñecemento.

2. Inmediatamente antes da realización da avaliación do segundo bloque, realizarase a proba de recuperación do primeiro para aquel alumnado que obtivo avaliación negativa nel.

Artigo 41º.-Promoción.

De acordo cos criterios de promoción establecidos na concreción curricular do centro, o equipo de avaliación, presidido polo titor ou titora do grupo, poderá decidir a promoción ao módulo seguinte do alumnado que, avaliado negativamente nun dos módulos dun ámbito de coñecemento ou nas ensinanzas da oferta curricular propia do centro, acadase a xuízo do equipo o nivel de madureza que lle permita continuar con aproveitamento os estudos dese módulo seguinte.

Artigo 42º.-Avaliacións extraordinarias.

O alumnado que non superase a avaliación final dos módulos de cada ámbito cursados no primeiro cuadrimestre poderá realizar no mes de maio unha avaliación extraordinaria deses módulos. Igualmente, o alumnado que non superase a avaliación final ordinaria dos módulos cursados no segundo cuadrimestre poderá realizar no mes de setembro, nas datas que cada ano se determine, unha avaliación extraordinaria. O equipo avaliador de cada grupo de alumnos decidirá, tras a realización destas probas extraordinarias, sobre a titulación ou promoción aos módulos seguintes daqueles alumnos que as realizasen.

Sección segunda

Sesións de avaliación

Artigo 43º.-Sesións de avaliación.

1. As sesións de avaliación son as reunións do profesorado que imparta docencia, convocados, de acordo co calendario de avaliacións establecido no centro, e coordinados polo profesor titor. Estes profesores actuarán de maneira colexiada ao longo do proceso de avaliación e, na adopción das decisións resultantes, non poderán absterse, debendo pronunciarse expresamente se, ao seu xuízo, procede ou non a promoción da persoa adulta ao módulo ou nivel seguinte ou a súa proposta de titulación.

2. O profesor titor presidirá e redactará acta do desenvolvemento das sesións de avaliación, na que fará constar os acordos acadados e as decisións adoptadas. Esta acta aprobarase na mesma sesión e será asinada polo profesor titor e polos profesores e profesoras presentes.

Artigo 44º.-Informe ao alumnado.

A partir dos datos recollidos en cada sesión de avaliación, o titor ou titora de cada grupo elaborará un informe sobre os resultados do proceso de aprendizaxe que será comunicado ao alumnado. Este informe incluirá, cando menos:

a) A cualificación dos distintos ámbitos.

b) Se é o caso, as recomendacións para superar as dificultades de aprendizaxe detectadas.

Sección terceira

Expresión dos resultados das avaliacións

Artigo 45º.-Cualificacións.

1. Cada módulo dentro de cada ámbito do nivel correspondente recibirá unha única cualificación.

2. Os resultados das avaliacións das aprendizaxes expresaranse nos seguintes termos: insuficiente (IN), suficiente (SU), ben (BE), notable (NT) ou sobresaliente (SB), considerándose cualificación negativa o insuficiente e positivas todas as demais. Esta cualificación irá acompañada dunha cualificación numérica, sen empregar decimais, nunha escala do 1 ao 10, aplicándose as seguintes correspondencias:

Insuficiente: 1, 2, 3 ou 4.

Suficiente: 5.

Ben: 6.

Notable: 7 ou 8.

Sobresaliente: 9 ou 10.

3. Nos documentos de avaliación rexistraranse as cualificacións de xeito cualitativo e cuantitativo.

Sección cuarta

Titulación

Artigo 46º.-Titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria.

1. Para obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria cumprirá ter superado o segundo módulo, módulo 4, de todos os ámbitos do nivel II da educación secundaria para persoas adultas.

2. Excepcionalmente, o equipo avaliador poderá propor para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria o alumno ou a alumna que, ao finalizar o nivel II da educación secundaria para persoas adultas, sexa avaliado negativamente nun dos ámbitos de coñecemento ou nas ensinanzas da oferta curricular propia de cada centro, sempre que acadasen globalmente as competencias básicas e os obxectivos establecidos para o ensino básico para as persoas adultas.

3. Todo o alumnado adulto poderá recibir, en calquera caso, unha acreditación do centro educativo en que consten os niveis e módulos cursados e as cualificacións obtidas.

4. A superación de calquera dos módulos que integran o currículo da educación secundaria para persoas adultas terá validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. As equivalencias entre as ensinanzas reguladas na Orde de 26 de maio de 1997 pola que se regula a ensinanza básica para as persoas adultas e as establecidas nesta orde son as que se recollen no anexo VI.

Sección quinta

Documentos de avaliación

Artigo 47º.-Documentos oficiais.

Os documentos oficiais de avaliación na educación básica para persoas adultas son os seguintes: actas de avaliación, expediente académico, historial académico de educación básica para persoas adultas e informe persoal por traslado.

Artigo 48º.-Documentos básicos.

Son documentos básicos, necesarios para asegurar a mobilidade do alumnado, o historial académico e o informe persoal por traslado.

Artigo 49º.-Expediente académico.

1. O expediente académico é o documento de avaliación individual do alumnado que incluirá os datos identificativos do centro, os relativos á alumna ou ao alumno e a información relativa á súa escolarización, segundo os modelos que figura no anexo XI desta orde.

2. No expediente académico quedará constancia, se é o caso, dos resultados da avaliación inicial e da adscrición á etapa e módulos correspondentes; e dos resultados obtidos nas ensinanzas básicas iniciais e nos módulos dos ámbitos da educación secundaria. Así mesmo, das medidas de atención á diversidade adoptadas ou adaptacións curriculares. Tamén incluirá as decisións de promoción e/ou titulación. Formalizarase ao remate da sesión de avaliación final ordinaria ou despois da extraordinaria, segundo corresponda a cada caso. Contará co visto e prace do director ou directora do centro, así como coa sinatura da secretaria ou secretario.

3. De acordo co recollido na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, do 29 de decembro (BOE do 5 de xaneiro de 2007), a secretaría do centro estenderá certificación dos ámbitos completos superados en cada nivel de coñecemento.

4. As cualificacións outorgadas ao alumno ou a alumna que realice as probas extraordinarias consignaranse no seu expediente académico tras a súa realización, independentemente do resultado da decisión adoptada sobre a da promoción ou titulación.

Artigo 50º.-Actas de avaliación.

1. As actas de avaliación comprenderán a relación nominal do alumnado que compón cada grupo e os resultados da súa avaliación. As actas serán pechadas ao remate da avaliación final ordinaria de cada cuadrimestre e das sesións de avaliación extraordinarias.

2. Nas actas de avaliación da educación secundaria para persoas adultas detallaranse as cualificacións dos distintos módulos que compoñen cada ámbito, así como as decisións de promoción do alumnado dun módulo ao seguinte ou as propostas de título cando se remate o nivel II destas ensinanzas. Estas actas axustaranse aos modelos que aparecen como anexo XII desta orde.

3. As actas de avaliación serán asinadas por todo o profesorado que imparte docencia no grupo e contarán co visto e prace do director ou directora do centro educativo. A súa custodia e arquivo correspóndelle á secretaría do centro educativo.

4. As actas de avaliación do alumnado e o resumo cuadrimestral cubriranse e asinaranse tanto na sesión de avaliación final ordinaria como na extraordinaria de cada módulo. Na acta da avaliación extraordinaria incorporaranse tanto as cualificacións correspondentes á sesión de avaliación ordinaria como as da sesión extraordinaria. O modelo para o resumo cuadrimestral de cualificacións do alumnado aparece no anexo XIII desta orde.

5. Tras a celebración da avaliación extraordinaria, os centros educativos remitirán ao servizo provincial de inspección educativa, xunto coa copia das actas de avaliación, un informe estatístico sobre os resultados desa avaliación, que se axustará ao modelo que se estableza.

Artigo 51º.-Historial académico do alumno.

1. O historial académico da educación básica para persoas adultas é o documento oficial que reflicte os resultados das avaliacións e as decisións relativas ao progreso académico da alumna ou alumno ao longo das etapas que a integran. Ten valor acreditativo dos estudos realizados.

2. O historial académico da educación básica para persoas adultas recollerá os datos identificativos de cada alumna e cada alumno, os anos da súa escolarización e os centros onde se realizaron os estudos. Incluirá tamén a adscrición resultante da avaliación inicial, se for o caso, os módulos cursados dentro de cada ámbito e os resultados da avaliación. Así mesmo, figurará a decisión sobre promoción ao módulo seguinte coa data correspondente así como a data de proposta de título.

3. O historial académico da educación básica para persoas adultas será expedido en impreso oficial, será asinado pola secretaria ou secretario do centro e contará co visto e prace do director ou directora do centro, que garantirá a autenticidade dos datos nel reflectidos e axustarase ao modelo que figura no anexo XIV desta orde.

4. Ao finalizar a educación secundaria para persoas adultas ou, en calquera caso, ao finalizar a súa escolarización no centro correspondente, o historial académico da educación básica para persoas adultas, xunto co anterior libro de escolaridade, se for o caso, será entregado ao alumnado.

Artigo 52º.-Informe persoal por traslado.

1. O informe persoal por traslado é o documento oficial que ten como finalidade garantir a continuidade do proceso de aprendizaxe ao alumnado que se traslade a outro centro sen ter rematado o curso académico, debendo axustarse ao modelo que figura no anexo XV desta orde.

2. Contará cos elementos seguintes:

a) Resultados parciais da avaliación, se for o caso.

b) Constancia da aplicación, se é o caso, de medidas de reforzo ou calquera outra dentro da atención á diversidade.

c) Adaptacións curriculares realizadas.

d) Calquera outra información de interese, referente ao proceso educativo da alumna ou alumno.

3. O informe persoal será elaborado e asinado pola persoa titora, a partir da información de todo o profesorado que imparta docencia no grupo e levará o visto e prace do director ou directora do centro.

Disposicións transitorias

Primeira.-Durante o curso 2008/2009 comezarán a impartirse os dous niveis das ensinanzas básicas inicias e os dous niveis das ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas reguladas nesta orde.

Segunda.-Mentres non se elaboren, de acordo co currículo establecido nesta orde, materiais didácticos específicos para a educación secundaria para persoas adultas pola modalidade a distancia, seguirán tomándose como referente os materiais elaborados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e vixentes para esa modalidade ata a publicación desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os centros que teñen autorización para impartir ensinanzas de persoas adultas seguiranas impartindo desde o curso 2008/2009 segundo a normativa establecida nesta orde.

Segunda.-Aqueles aspectos non regulados expresamente nesta orde rexeranse supletoriamente polas normas para as ensinanzas do réxime ordinario que lles resulten aplicables.

Terceira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria determinará as condicións en que, con carácter excepcional, os ámbitos da comunicación e científico tecnolóxico da educación secundaria para persoas adultas poderán ser impartidos por dous profesores, e os criterios para a súa avaliación cando se produza esa circunstancia.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 26 de maio de 1997 pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas, se establece a súa estrutura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 15 de xullo); a Orde do 15 de abril de 1998, pola que se regulan os documentos básicos do proceso de avaliación do ensino básico para persoas adultas (DOG do 14 de maio); a orde de correccións de erros da anterior (DOG do 4 de xuño); a Orde do 25 de xuño de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas na modalidade de educación a distancia (DOG do 12 de xullo); a Orde do 23 de marzo de 2004 pola que se ditan instrucións para a aplicación na educación secundaria para persoas adultas do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da

educación (DOG do 2 de abril); e todas aquelas normas de igual ou inferior rango cuxo contido se opoña ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditaren cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2008.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Currículo da educación básica para as persoas adultas

I. Ensinanzas básicas iniciais.

A etapa educativa das ensinanzas básicas iniciais oriéntase ao desenvolvemento das competencias básicas, que permiten o alumnado adulto obter unha formación integral, tanto na súa dimensión persoal como social e laboral, sempre no horizonte da aprendizaxe ao longo de toda a vida.

O logro das competencias básicas debe iniciarse nesta etapa das ensinanzas básicas iniciais e completarse na educación secundaria para persoas adultas. Esas competencias permiten identificar aquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles desde un enfoque integrador e orientado á aplicación dos saberes adquiridos, de aí o seu carácter básico. Trátase daquelas competencias que debe desenvolver unha persoa para lograr a súa realización persoal, exercer a cidadanía activa e incorporarse e progresar na vida laboral de xeito satisfactorio.

Coas áreas e materias do currículo preténdese que o alumnado alcance os obxectivos educativos e, consecuentemente, que adquira as competencias básicas. Con todo, non existe unha relación unívoca entre o ensino de determinadas áreas ou ámbitos de coñecemento e o desenvolvemento de certas competencias. Cada un dos ámbitos contribúe ao desenvolvemento de diferentes competencias e, pola súa vez, cada unha das competencias básicas acádase como consecuencia do traballo en varios ámbitos de coñecemento.

Nesta etapa das ensinanzas básicas iniciais os contidos agrúpanse en tres grandes ámbitos, a semellanza do que ocorre na educación primaria: o ámbito da comunicación, onde se integran as habilidades, coñecementos e actitudes relacionados coas linguas galega, castelá e lingua estranxeira; o ámbito matemático, en que se inclúen as destrezas e coñecementos numéricos e de razoamento matemático; e o ámbito da natureza e da sociedade, onde se integran os coñecementos, as destrezas e as actitudes vinculadas coa experiencia do medio natural e social.

No marco da proposta realizada pola Unión Europea, e de acordo coas consideracións que se acaban de expoñer, identifícanse oito competencias básicas:

1. Competencia en comunicación lingüística.

2. Competencia matemática.

3. Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico.

4. Tratamento da información e competencia dixital.

5. Competencia social e cidadá.

6. Competencia cultural e artística.

7. Competencia para aprender a aprender.

8. Autonomía e iniciativa persoal.

A competencia en comunicación lingüística refírese á utilización da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, interpretación e comprensión da realidade, de organización e autorregulación do pensamento, das emocións e da conduta.

A competencia matemática consiste na habilidade para utilizar e relacionar os números, as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión e razoamento matemático, tanto para producir e interpretar distintos tipos de información como para ampliar o coñecemento sobre aspectos cuantitativos e espaciais da realidade, e para resolver problemas relacionados coa vida cotiá e co mundo laboral.

A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico é a habilidade para interactuar co mundo físico, tanto nos seus aspectos naturais como nos xerados pola acción humana, de tal modo que se posibilite a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias e a actividade dirixida á mellora e preservación das condicións de vida propia, das demais persoas e do resto dos seres vivos. Incorpora habilidades para desenvolverse adecuadamente, con autonomía e iniciativa persoal, en ámbitos da vida moi diversos (saúde, actividade produtiva, consumo, ciencia, procesos tecnolóxicos, etc.).

A competencia do tratamento da información e competencia dixital consiste en dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, e para transformala en coñecemento. Incorpora diferentes habilidades, que van desde o acceso á información ata a súa transmisión en distintos soportes, incluíndo a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse.

A competencia social e cidadá fai posible comprender a realidade social en que se vive, cooperar, convivir e exercer a cidadanía democrática nunha sociedade plural, así como comprometerse a contribuír á súa mellora.

A competencia cultural e artística supón coñecer, comprender, apreciar e valorar criticamente as manifestacións culturais, artísticas e deportivas, utilizalas como fonte de enriquecemento e gozo e consideralas como parte do patrimonio dos pobos.

A competencia para aprender a aprender implica dispoñer de habilidades para iniciarse na aprendizaxe e ser capaz de continuar aprendendo de xeito cada vez máis eficaz e autónomo de acordo cos propios obxectivos e necesidades e ao longo de toda a vida.

A competencia en autonomía e iniciativa persoal refírese, por unha banda, á adquisición da consciencia e aplicación dun conxunto de valores e actitudes persoais relacionadas entre si, como a responsabilidade, a perseveranza, o coñecemento de si mesmo e a autoestima, a creatividade, a autocrítica, o control emocional, a capacidade de elixir, de calcular riscos e de afrontar os problemas, así como a capacidade de demorar a necesidade de satisfacción inmediata, de aprender dos erros e de asumir riscos.

Os tres ámbitos en que se integran os coñecementos nesta etapa da educación básica das persoas adultas (comunicación, matemático e da natureza e da sociedade) oriéntanse á consecución dos obxectivos xerais e das competencias básicas da etapa, sen que exista unha relación unívoca entre a súa ensinanza e o desenvolvemento de certas competencias. Aínda que cada ámbito estea máis naturalmente conectado co logro dalgunha ou dalgunhas competencias (por exemplo, o ámbito da comunicación e a competencia en comunicación lingüística), todos colaboran solidariamente ao logro delas.

Nivel I.

As ensinanzas correspondentes ao nivel I das ensinanzas básicas iniciais deben permitir á persoa adulta adquirir técnicas de lecto-escritura e cálculo e información sobre o seu contorno que lle faciliten a comprensión lingüística e matemática suficiente para satisfacer as necesidades que se lle presenten na vida cotiá e para comprender a realidade en que vive.

Estas ensinanzas están dirixidas a:

-Promover a inserción social das persoas adultas, moi especialmente das pertencentes a grupos con risco de exclusión social e daquelas que, procedentes doutras países, necesitan estas aprendizaxes para a súa integración social e laboral.

-Facilitar o proceso de interpretación e transformación da realidade máis próxima.

-Favorecer a comprensión dos cambios que se producen no mundo actual e a adaptación a eles.

-Elevar o nivel de autoestima e de confianza en si mesmo, para construír expectativas positivas sobre as posibilidades de autoaprendizaxe e progreso nos planos persoal, laboral e profesional e desenvolver niveis de maior autonomía.

-Permitir o acceso a novas aprendizaxes e tecnoloxías que faciliten a integración no medio social, cultural e laboral.

-Fomentar a valoración positiva das institucións democráticas e a participación activa nelas.

Obxectivos.

Os obxectivos xerais que se detallan a seguir están referidos a aspectos básicos relacionados coa lingua galega e castelá, coas matemáticas e o coñecemento do medio social e natural:

1. Respectar e valorar todas as manifestacións da nosa herdanza cultural, especialmente as que teñen que ver co uso e normalización da lingua galega.

2. Coñecer as técnicas instrumentais básicas da linguaxe oral e escrita.

3. Desenvolver actitudes de respecto e valoración positiva das peculiaridades propias da fala como un valor da cultura popular e o desexo de corrixir posibles erros léxicos, sintácticos, etc.

4. Comprender e expresar mensaxes orais e escritas sinxelas, relacionadas coas necesidades persoais e sociais, que nacen do contorno inmediato, e aplicar a comprensión delas a novas situacións de aprendizaxe.

5. Ler comprensivamente textos sinxelos con fluidez, valorando a lectura como fonte de información, autonomía e pracer.

6. Escribir textos sinxelos de maneira autónoma seguindo as normas convencionais dos escritos.

7. Utilizar recursos expresivos elementais na redacción de textos escritos relacionados coa experiencia propia e coa realidade máis coñecida.

8. Interpretar e cubrir documentos e impresos usuais na vida cotiá.

9. Coñecer o significado das palabras e expresións de linguas estranxeiras máis usadas no noso contexto.

10. Identificar, utilizar e valorar os elementos fundamentais integrantes do ordenador persoal e utilizalo para escribir palabras e frases sinxelas e outras funcións habituais.

11. Ler e escribir as cantidades numéricas máis utilizadas que permitan a mellor actuación da persoa nas situacións diarias.

12. Iniciar a mecanización das operacións matemáticas sinxelas con números naturais que permitan a resolución de situacións relacionadas coas necesidades básicas da vida cotiá, utilizando especialmente o cálculo mental.

13. Identificar as formas xeométricas máis elementais.

14. Coñecer e utilizar en contextos reais sinxelos as unidades de medida máis usuais: de horario, calendario, lonxitude e capacidade.

15. Identificar e interpretar adecuadamente os signos e símbolos máis usuais utilizados a cotío en aparellos técnicos, edificios, rúas, etc.

16. Utilizar e apreciar os coñecementos matemáticos para interpretar, valorar e producir mensaxes relacionadas coa vida cotiá.

17. Manexar os aspectos básicos dos recursos técnicos habituais na sociedade actual: teléfonos móbiles e de cabinas, caixeiro automático, calculadora, etc.

18. Participar en actividades grupais adoptando un comportamento construtivo, responsable e solidario, valorando as achegas propias e alleas en función de obxectivos comúns e respectando os principios básicos da vida democrática.

19. Coñecer e situar as institucións públicas e privadas que teñen unha maior incidencia na súa vida.

20. Coñecer os costumes, tradicións e formas culturais, tanto propios como alleos, do medio social máis próximo, mostrando actitudes de respecto e tolerancia fronte a persoas e actitudes doutras culturas.

21. Diferenciar e situar adecuadamente diferentes espazos: barrio, localidade, concello, comunidade autónoma, país.

22. Distinguir as administracións que compoñen a estrutura organizativa española (concello, deputación, comunidade autónoma, estado), as relacións que mantemos con elas e servizos que nos prestan.

23. Utilizar sistemas sinxelos de representación do medio natural e social.

24. Coñecer as características fundamentais dos medios de comunicación social: prensa, radio, televisión.

25. Valorar as vantaxes e inconvenientes dos diferentes medios de transporte: utilización, alternativas, custos, impacto ambiental.

26. Coñecer aspectos fundamentais do corpo humano que permitan desenvolver hábitos de saúde e coidado corporal, mostrando unha actitude de aceptación e respecto polas diferenzas individuais (idade, sexo, características físicas propias, personalidade...)

27. Identificar a intervención humana no medio natural e social, adoptando actitudes compatibles coa defensa e a recuperación do seu equilibrio e coa conservación do patrimonio cultural.

Orientacións metodolóxicas.

Os presupostos metodolóxicos das ensinanzas de nivel I ou de alfabetización terán en conta de maneira moi especial a heteroxeneidade do colectivo de persoas adultas que acceden a este nivel. Isto permitirá atender á diversidade de situacións de acceso desde a perspectiva educativa e as realidades e características individuais. En toda a educación de persoas adultas, pero dunha maneira especialmente significativa neste nivel, as bases metodolóxicos serán abertas, flexibles, diversificadas e individualizadas, para contribuír ao logro das capacidades requiridas para este nivel.

O proceso educativo no nivel I ou de alfabetización desenvolverase desde a perspectiva da experiencia máis inmediata á persoa adulta.

Os contidos organizaranse arredor de eixes temáticos, baseados nas características, necesidades e intereses das persoas adultas, e abordaranse desde a perspectiva da expresión lingüística, matemática e dos aspectos relacionados co medio natural e social.

A globalización é o principio metodolóxico que debe rexer o proceso de alfabetización. Todos os coñecementos, habilidades e destrezas desenvolveranse desde esa perspectiva. Así, a persoa adulta terá a oportunidade de partir de situacións moi próximas á súa vida e de relacionar arredor dela todos os contidos que se lle propoñan.

A participación é un criterio metodolóxico imprescindible no proceso de alfabetización. A persoa adulta debe ter unha intervención activa no proceso individual de formación e dentro do grupo a que se dirixe o dito proceso formativo.

A participación e a toma activa de decisións axudará a persoa adulta a lograr a seguranza que nace de coñecer activamente as metas que se queren alcanzar e o proceso que se debe seguir, conseguindo unha maior implicación en todas as etapas da súa formación.

Igualmente, o criterio de funcionalidade e de utilidade inmediata dos contidos que se lle ofrecen deben estar presentes en todo o proceso para favorecer o reforzo da motivación e dificultar o abandono.

As dificultades coas técnicas básicas da lecto-escritura e do manexo dos números son vividas con frecuencia polas persoas adultas como unha carencia fundamental que impide a súa normal integración na sociedade e que as relega a unha situación de illamento e de desfavorecemento social. Isto trae consigo frecuentemente unha baixa notable da autoestima e mesmo a interiorización desa situación con sentimentos de culpabilidade e autodesprezo. A metodoloxía utilizada con estas persoas debe favorecer as interaccións que acrecenten a autoestima e a clarificación de sentimentos.

Destas liñas metodolóxicas fundamentais nacerá a aprendizaxe significativa, como motor que vai dotando de sentido todo o traballo que realiza a persoa adulta, motivándoa a superar con éxito situacións novas e dar solución a novos problemas. Así, todo o proceso de ensino neste nivel orientarase a favorecer a auténtica interiorización e comprensión dos contidos ofrecidos nos diferentes campos de coñecemento, que poñerán as bases para un proceso permanente de autoaprendizaxe. É fundamental que, desde o primeiro momento, as persoas adultas poñan en práctica conscientemente as secuencias de procedementos que se utilizan para aprender, manexar, dirixir e controlar a propia aprendizaxe en diferentes contextos.

A alfabetización é sempre un proceso de reflexión sobre a lingua, que permite codificar o que previamente se utiliza como lingua de expresión a nivel oral. Neste sentido, é importante a consolidación das habilidades de expresión oral antes do comezo do proceso de alfabetización. A interacción na aula deberá deixar claros os elementos de coincidencia e diferenza entre as dúas linguas oficiais de Galicia. Isto ten especial relevancia na nosa comunidade á hora de escoller a lingua en que se vai realizar a primeira etapa dese proceso de alfabetización, que deberá ser sempre a lingua que a persoa adulta utilice habitualmente como vehículo de comunicación.

Este aspecto ten tamén especial relevancia para as persoas que proceden doutros países e culturas e que demandan ensinanzas iniciais de alfabetización. Hai que distinguir entre as persoas que xa foron alfabetizadas na súa propia lingua e as que non o foron. As primeiras demandan a aprendizaxe do galego ou do castelán como lingua de integración na nova sociedade en que viven; as segundas demandan a aprendizaxe da lingua e a alfabetización simultaneamente, o que exixe unha metodoloxía específica. En calquera caso, a comunicación oral debe ser sempre o punto de partida de todo o proceso de reflexión sobre a lingua escrita.

Criterios de avaliación.

Os criterios de avaliación que se propoñen están orientados a valorar o grao de consecución dos obxectivos xerais relacionados co desenvolvemento de capacidades do nivel I. Deben servir de orientación á persoa adulta que seguise o proceso formativo deste nivel ou que acceda por primeira vez ao centro á hora de establecer a posibilidade de acceder ao nivel II das ensinanzas de persoas adultas.

Os criterios de avaliación son:

1. Producir mensaxes orais sobre temas coñecidos en que se presenten de xeito organizado feitos, ideas ou vivencias, empregando as palabras adecuadas e pronunciándoas correctamente.

2. Ler comprensivamente textos escritos moi sinxelos, estruturados en frases curtas, superando titubeos, repeticións ou saltos de palabras.

3. Identificar textos escritos co mesmo contido e con diferentes tipos de letra.

4. Elaborar textos escritos moi sinxelos, construíndo correctamente as frases para expresar con coherencia e claridade ideas, feitos e vivencias e seguindo as normas convencionais da escritura: tamaño regular das letras, tendencia á liña recta en papel non pautado, espazos interlineais regulares e uso das marxes.

5. Ler e cubrir correctamente os documentos máis utilizados na vida cotiá: solicitude do DNI, impreso de carta certificada, solicitude de certificación no concello, recibo de caixeiro automático, impreso de matrícula nun centro escolar.

6. Identificar e coñecer o significado das palabras procedentes de linguas estranxeiras, especialmente do inglés, máis utilizadas en contextos reais (aparellos, tráfico, edificios, medios de comunicación...)

7. Ler e escribir números naturais con fluidez.

8. Resolver problemas moi sinxelos relacionados co contorno máis próximo aplicando as operacións de suma, resta e multiplicación, contrastando o resultado coa anticipación dunha solución razoable.

9. Utilizar adecuadamente os signos propios das operacións matemáticas: igual, maior/menor que, máis, menos, por.

10. Utilizar máquinas calculadoras para realizar as operacións aritméticas fundamentais.

Identificar o valor das moedas e billetes de euro, e expresar unha mesma cantidade de diñeiro mediante diferentes combinacións de billetes e /ou moedas.

11. Recoñecer e establecer as diferenzas entre as formas xeométricas máis elementais.

12. Utilizar as medidas máis frecuentes en situacións da vida cotiá: de horario, calendario, lonxitude, capacidade.

13. Manexar o caixeiro automático para as funcións básicas de sacar cartos ou obter un saldo, e o teléfono público e móbil para facer e recibir chamadas.

14. Distinguir e utilizar basicamente os elementos fundamentais do ordenador: teclado, rato, CD, DVD, unidades de memoria extraíbles e impresora.

15. Utilizar o ordenador para algunhas funcións básicas: abrir arquivos, escribir e imprimir palabras e frases sinxelas e conectarse á internet.

16. Identificar as institucións públicas e privadas máis habituais para facer xestións persoais e resolver problemas (concello, centro de saúde, entidade bancaria, etc.)

17. Interpretar adecuadamente e utilizar para fins prácticos os signos e símbolos máis usados en aparellos, edificios e rúas: signos de funcionar, pausa, parada, etc. en electrodomésticos; de entrada, saída, escaleiras, prohibido, etc. en edificios; de farmacia, hotel, etc. na cidade; etc.

18. Recoller información sobre diferentes manifestacións culturais (usos, costumes, tradicións...) manifestando respecto e apoio á interculturalidade.

19. Utilizar as nocións espaciais máis elementais para situarse, localizar ou describir a posición de obxectos en espazos delimitados.

20. Determinar a incidencia sobre a saúde dalgúns hábitos de alimentación, hixiene e descanso.

21. Utilizar planos e mapas sinxelos que representen espazos coñecidos para orientarse e desprazarse.

22. Identificar, a partir de exemplos da vida diaria, a utilización dos recursos naturais, sinalando as vantaxes e inconvenientes derivados do seu uso.

23. Describir os diferentes medios empregados na prensa, na radio e na televisión para presentar mensaxes.

24. Comparar a utilización dos medios de transporte usando, dunha maneira intuitiva, indicadores de custo, comodidade, rapidez, seguranza, influencia sobre o ambiente, etc., para decidir a conveniencia de utilizar uns ou outros.

Nivel II.

Orientacións metodolóxicas.

O nivel II, ou de consolidación de coñecementos e técnicas instrumentais, está orientado a que a persoa adulta desenvolva habilidades, técnicas, métodos e estratexias de aprendizaxe. Nese sentido, debe ter unha grande importancia a utilización consciente das técnicas e procedementos que se utilizan para buscar e organizar a información e, en xeral, para manexar e controlar a propia aprendizaxe en diferentes contextos. Baséase no “aprender a facer” e na capacidade de transferencia, é dicir, saber aplicar o aprendido a situacións diferentes. Por iso dáse máis importancia ás destrezas e aos procedementos que aos contidos de carácter conceptual.

Algúns dos aspectos sinalados na epígrafe de Orientacións metodolóxicas do nivel I teñen perfecta validez para este segundo nivel. A consideración permanente da heteroxeneidade do colectivo que hai que atender, a referencia constante á experiencia e necesidades inmediatas das persoas adultas, a participación activa como criterio metodolóxico, a consideración dos aspectos específicos que hai que ter en conta na atención das persoas procedentes doutros países ou culturas, etc. son reflexións que deben estar sempre presentes no proceso de ensino e aprendizaxe das persoas que seguen este nivel II de educación básica de adultos.

O currículo deste nivel organízase en tres módulos globalizados de duración trimestral, nos cales se integran os contidos correspondentes aos ámbitos de comunicación, de matemáticas e da natureza e da sociedade. Eses contidos gardarán unha secuencia lóxica de acordo co seu grao de complexidade, polo que hai que facer compatible esa secuenciación co tratamento xeral e integrado en módulos globalizados. Nese sentido, adquire unha importancia crucial que todas as accións de ensino-aprendizaxe desenvolvidas neste nivel estean intimamente coordinadas e respondan a un deseño e programación coherentes.

O desenvolvemento dos módulos realízase arredor dun eixe e desde unha perspectiva globalizadora, sendo o ámbito da natureza e sociedade o que será o fío condutor de todos os contidos na configuración dos tres módulos.

Procurarase utilizar con frecuencia textos xornalísticos, materiais doutros medios de comunicación e todo tipo de textos usados na vida real (folletos de publicidade, anuncios escritos, impresos oficiais, cartas de todo tipo de entidades, etc.). Todo este material permite un coñecemento moi directo do medio, ofrece modelos de escritura, promove a reflexión e a actitude crítica e fomenta o hábito da lectura. Igualmente, deben ter unha presenza significativa neste nivel a aprendizaxe de habilidades relacionadas co uso dos medios técnicos que xa son parte da nosa vida: o ordenador persoal, o teléfono, as calculadoras, os caixeiros automáticos, etc.

A secuencia dos contidos correspondentes ao ámbito da comunicación atenderá ao uso da lingua en situacións reais de comunicación oral e escrita e á reflexión sobre a propia lingua como medio para mellorar a comprensión e expresión en situacións reais de comunicación. Os contidos que se especifican neste ámbito fan referencia ás dúas linguas oficiais de Galicia, o galego e o castelán. Nas dúas haberá que lograr en igual medida as capacidades formuladas nos obxectivos xerais.

Nos tres módulos, na epígrafe correspondente ao ámbito de comunicación, inclúense tamén contidos relativos á lingua estranxeira, que deberán introducirse na práctica real das aulas na medida en que a madureza da aprendizaxe das persoas adultas implicadas o permita.

O tratamento dos contidos debe ser cíclico. A maior parte deles tratarase nos tres módulos con distinto grao de amplitude e profundidade, camiñando desde o máis sinxelo e concreto ao máis complexo e abstracto. Cando non sexa imprescindible seguir unha orde estrita na secuencia dalgúns contidos, introduciranse segundo as necesidades dos temas que se estean abordando.

Na área de matemáticas, a selección e secuencia dos contidos fíxose atendendo a estes criterios: a propia xerarquía deses contidos, os coñecementos previos que se lle supoñen ao alumnado e as necesidades que xorden dos temas abordados. Nalgúns casos, a orde non está previamente establecida (por exemplo, á hora de incluír as unidades de lonxitude, capacidade ou masa no sistema métrico) e escollerase a más axeitada atendendo a criterios pedagóxicos. En calquera caso, algúns contidos como o cálculo mental ou a estimación de resultados estarán presentes en todos os módulos.

Obxectivos xerais.

As capacidades que se pretenden desenvolver neste nivel están contidas nos seguintes obxectivos:

1. Desenvolver actitudes que axuden a persoa adulta a mellorar a súa valoración persoal e a confianza en si mesma.

2. Mostrar actitudes de respecto e tolerancia fronte a persoas e costumes doutros medios ou culturas, valorando a interculturalidade.

3. Adquirir as técnicas, destrezas e procedementos que lle axuden a desenvolverse con autonomía e comprender a realidade en que vive.

4. Desenvolver actitudes que lle faciliten a participación nos ámbitos familiar, laboral e social, especialmente actitudes de tolerancia, comprensión e solidariedade, aceptando as regras e normas que democraticamente se establezan, respectando os puntos de vista diferentes e asumindo as responsabilidades que correspondan.

5. Comprender e producir mensaxes orais e escritas en castelán e galego, atendendo a diferentes situacións e contextos.

6. Desenvolver o interese pola aprendizaxe dunha lingua estranxeira, mostrando curiosidade e respecto polos seus falantes e a súa cultura.

7. Comprender mensaxes orais e escritas moi sinxelas nesa lingua estranxeira.

8. Comunicarse a través dos medios de expresión matemática e visual, desenvolvendo o sentido lóxico, a sensibilidade estética, as actitudes creativas e o sentido crítico.

9. Atopar respostas satisfactorias ás necesidades máis básicas.

10. Na resolución de problemas, utilizar os procedementos oportunos para obter a información pertinente, representala mediante os códigos axeitados e ter en conta as condicións necesarias para a súa solución.

11. Comprender e establecer relacións entre feitos e fenómenos do contorno natural e social e contribuír activamente, cada un dentro do seu ámbito de actuación, á defensa, conservación e mellora do ambiente.

12. Desenvolver hábitos que beneficien a saúde, tanto individual como colectiva, e valorar as repercusións de determinadas condutas sobre a saúde e a calidade de vida.

13. Utilizar e valorar os diferentes medios técnicos habituais, especialmente o ordenador persoal, como un medio útil para diferentes finalidades prácticas: escribir textos sinxelos e outras funcións habituais.

Contidos.

Os contidos dos tres ámbitos de coñecemento organízanse de maneira globalizada en tres módulos, atendendo aos criterios expostos anteriormente. Os títulos destes tres módulos son:

1. A Terra, unha casa que coidar.

2. O mundo do traballo.

3. A vida en comunidade.

Módulo 1: a terra, unha casa que coidar.

Contidos.

Ámbito da natureza e da sociedade.

-A Terra, un planeta do sistema solar.

-O medio físico: aire, solo, auga.

-O tempo e as alteracións climáticas.

-Elementos que configuran a paisaxe natural.

-Características básicas e funcións dos seres vivos.

-Diferenzas entre animais e plantas. A fotosíntese.

-Dieta equilibrada e outros hábitos saudables.

-Ecosistemas. Cadeas alimentarias.

-A paisaxe natural de Galicia.

-Actividades humanas que inflúen negativamente no medio ambiente: contaminación do aire, auga e solo.

-Taxa de natalidade e esperanza de vida.

-Desigualdade demográfica no mundo.

-Movementos migratorios.

-Utilización dos medios de comunicación social para a información, a análise e a sistematización dos contidos do ámbito da natureza e da sociedade.

-Recolla e sistematización de informacións distintas sobre o ambiente.

-Uso de técnicas de orientación por observación de elementos do medio físico.

-Utilización dos coñecementos básicos sobre os elementos físicos e os seres vivos e as súas interaccións para comprender mellor o medio natural.

-Interpretación de mapas do tempo e datos de gráficas climáticas sinxelas.

-Recoñecemento das plantas verdes como seres vivos que elaboran, consomen e almacenan alimentos.

-Interpretación e elaboración de cadeas alimentarias sinxelas.

-Interpretación de pirámides de poboación moi sinxelas.

-Recoñecemento das diferentes paisaxes de Galicia e particularmente das do contorno próximo ao centro.

-Recoñecemento e interpretación da desigual distribución da poboación no mundo e das posibles causas que provocan esas desigualdades.

-Recoñecemento de hábitos saudables básicos: dieta equilibrada, exercicio moderado, precaucións nas relacións sexuais.

-Sensibilidade e respecto polo ambiente natural.

-Valoración da necesidade da conservación ou restauración do equilibrio ecolóxico.

-Desenvolvemento de hábitos e actitudes que favorezan a saúde individual e colectiva.

-Valoración da importancia que ten para a saúde unha dieta equilibrada, o exercicio físico axeitado, as precaucións nas relacións sexuais, as revisións médicas periódicas...

-Valoración dos movementos migratorios como unha necesidade derivada da desigual distribución da poboación e dos recursos no mundo.

-Valoración e respecto pola interculturalidade.

Ámbito da comunicación.

-Características da comunicación: tipo de interlocutores, momento e lugar da comunicación.

-Elementos lingüísticos e non lingüísticos da comunicación oral: pronuncia, ritmo, entoación...

-Diversidade de textos na comunicación oral e escrita: notas, folletos, cartas, anuncios, refráns, prensa escrita, poemas, novelas...

-Técnicas de comprensión lectora, ideas principais e secundarias, subliñado.

-Os medios de comunicación: variedade e características.

-A biblioteca: busca de información e lecer.

-O ordenador como instrumento útil para a escritura e a comunicación.

-O nome, o adxectivo e os determinantes. Xénero e número. Concordancia.

-O abecedario e a orde alfabética.

-Prefixos e sufixos máis usuais. Familias léxicas e siglas.

-Ortografía: as maiúsculas, uso de br, bl, mp, mb, discriminación de ca, co, cu, que, qui.

-Signos de puntuación: o punto, a coma.

-Abreviaturas máis comúns e a súa ortografía.

-Recoñecemento dos elementos que interveñen na comunicación.

-Participación en conversas e diálogos sobre os temas tratados no módulo de xeito construtivo, respectando as normas que fan posible a comunicación en grupo.

-Recolla, memorización e recitación de textos poéticos breves e de ditos, refráns e outras locucións populares.

-Comprensión de textos escritos sinxelos de distinto tipo: folletos, recibos, poemas, refráns, fragmentos literarios.

-Lectura fluída de textos sinxelos.

-Corrección dos erros de dición.

-Lectura e comentario de noticias de prensa. Comentario de programas de radio e televisión.

-Lectura de símbolos e gráficos moi usuais e de imaxes relacionadas cos temas do módulo.

-Recoñecemento e uso correcto das abreviaturas máis comúns.

-Produción de textos sinxelos (notas, recados, noticias cartas...) presentando de forma organizada os feitos, as ideas ou vivencias de acordo coa estrutura textual correspondente e empregando procedementos de cohesión e coherencia.

-Desenvolvemento dun tema a partir dun esquema ou un enunciado, e esquematización dun texto narrativo.

-Iniciación no uso dun procesador de textos para escribir, conservar e imprimir textos sinxelos no ordenador.

-Iniciación no uso do ordenador para outras funcións básicas: acceso a internet, correo electrónico e buscadores.

-Utilización de recursos na biblioteca da aula, do centro e pública.

-Iniciación na técnica do subliñado.

-Consulta do dicionario para resolver dúbidas de significado ou de ortografía.

-Consulta da guía telefónica para localizar os números de abonados.

-Observación das regularidades ortográficas e morfolóxicas estudadas no módulo.

-Comprensión e produción de palabras formadas con prefixos e sufixos.

-Interese e gusto por participar en situacións de comunicación oral.

-Valoración dos elementos culturais tradicionais da comunidade que se transmiten nos textos orais.

-Valoración da importancia da linguaxe oral e escrita como instrumento para satisfacer as necesidades de comunicación, especialmente no relacionado cos medios de comunicación.

-Actitude crítica ante o uso da lingua que supón algún tipo de discriminación: sexual, social, racial.

-Valoración da lectura e da escritura como fontes de pracer e diversión.

-Aceptación e respecto das normas propias da escritura, da claridade, da limpeza e da orde nos escritos.

-Valoración da importancia do dominio da orde alfabética para manexar con facilidade o dicionario e a guía de teléfonos.

-Valoración da informática como un instrumento útil ao servizo da información e da comunicación.

-Valoración do uso da biblioteca.

Ámbito da comunicación: lingua estranxeira.

-Vocabulario básico relacionado co módulo.

-Escoita de palabras e frases moi sinxelas de uso habitual.

-Identificarse e presentarse.

-Escritura de palabras e frases moi sinxelas.

Ámbito de matemáticas.

-Números naturais e sistema de numeración decimal.

-Operacións de suma, resta, multiplicación, división e algoritmos.

-Necesidade e funcións da medición.

-Unidades tradicionais de medida.

-Sistema métrico decimal: unidades de lonxitude e masa.

-Representacións gráficas sinxelas.

-Lectura, escritura e ordenación de números naturais.

-Sumar, restar, multiplicar e dividir números naturais, aplicando o algoritmo correspondente.

-Uso do cálculo mental e da calculadora para resolver as operacións estudadas no módulo.

-Resolución de problemas tomados da vida cotiá en que haxa que aplicar as operacións básicas.

-Utilizar estratexias persoais para facer estimacións de resultados e valoración de se eses resultados son razoables ou non.

-Toma de decisións sobre as unidades e instrumentos de medidas máis axeitados en cada situación concreta.

-Uso adecuado de instrumentos de medida usuais na vida cotiá: o termómetro clínico, a regra e a fita métrica, a balanza.

-Expresión verbal do proceso seguido e da estratexia seguida na medición.

-Interpretación de gráficas sinxelas.

-Interese polas informacións de carácter numérico, apreciando a utilidade das matemáticas na vida cotiá.

-Valoración da importancia das operacións numéricas básicas e das medicións na vida cotiá, tanto no uso das medidas oficiais como das tradicionais.

-Valoración da importancia da elaboración e uso de estratexias persoais de cálculo mental e resolución de problemas.

-Confianza nas propias capacidades para elaborar esas estratexias.

-Gusto pola presentación ordenada e clara dos cálculos e dos seus resultados.

Criterios de avaliación.

1. Obter información concreta sobre feitos e fenómenos relacionados co módulo consultando imaxes, gráficas e símbolos.

2. Identificar a auga, o aire e o solo como elementos imprescindibles para satisfacer as necesidades básicas da vida humana e valorar a importancia de promover o uso racional dos recursos naturais.

3. Especificar as repercusións sobre a saúde individual e social dalgúns hábitos de alimentación, da conduta sexual, da hixiene e do descanso.

4. Identificar as partes e funcións principais dos seres vivos.

5. Recoñecer as diferentes paisaxes do seu contorno e de Galicia, comprendendo que son produto das relacións entre axentes físicos e biolóxicos, e destacando a especial relevancia da acción sobre eles dos grupos humanos.

6. Comprender e producir textos orais sinxelos (recados, narración de sucesos reais, participación en conversas...) expresándose con propiedade e utilizando o léxico adecuado.

7. Comprender e utilizar o vocabulario máis usual utilizado no módulo.

8. Ler textos sinxelos relacionados co módulo con fluidez, empregando a pronuncia, o ritmo, e a entoación adecuadas.

9. Elaborar e comprender textos escritos sinxelos (notas, cartas, tarxetas postais, descricións sinxelas), respectando as normas ortográficas estudadas no módulo e utilizando un vocabulario axeitado.

10. Identificar en textos sinxelos de uso habitual os elementos básicos da oración simple, o nome, determinante e adxectivo, recoñecendo xénero e número; as abreviaturas máis comúns; os prefixos e sufixos incluídos no módulo.

11. Empregar o dicionario para resolver dúbidas de ortografía e comprensión de textos.

12. Ler, escribir e ordenar números naturais, interpretando o valor posicional de cada unha das cifras.

13. Resolver problemas sinxelos da vida cotiá aplicando estratexias persoais de resolución e aplicando as operacións básicas estudadas.

14. Realizar mentalmente cálculos numéricos sinxelos utilizando a numeración e as operacións básicas estudadas.

15. Realizar estimacións de medida escollendo as unidades e instrumentos máis axeitados, de acordo coa natureza e a cantidade que se quere medir.

16. Expresar con precisión medidas de lonxitude e capacidade, utilizando as unidades máis adecuadas á magnitude que se mide.

Módulo II: o mundo do traballo.

Contidos.

Ámbito da natureza e da sociedade.

-Diversidade de fontes de enerxía e o seu aproveitamento. Enerxías renovables e non renovables: carbón, petróleo, uranio, sol, auga, vento.

-A transformación das materias primas na industria grazas á enerxía, ás máquinas e ao traballo humano.

-O aforro enerxético.

-Sectores da produción.

-Medios de transporte e redes.

-Diversidade de traballos e profesións, poboación activa e paro.

-O traballo doméstico: repartición de responsabilidades.

-Seguranza e hixiene no traballo: medidas preventivas ante os accidentes, enfermidades profesionais máis comúns.

-Dereitos e deberes dos traballadores: xornada laboral, salario e vacacións, contratos laborais máis usuais.

-Técnicas básicas de busca de emprego.

-A etiquetaxe dos produtos máis usuais: composición, data de caducidade, precaucións para o consumo.

-Uso e manexo de técnicas sinxelas de recolla e interpretación de datos: entrevista, enquisa.

-Recolla de información e identificación dos distintos tipos de enerxía usada no seu contorno para o funcionamento das máquinas e aparellos máis usuais na vida cotiá.

-Planificación e proposta de medidas que contribúen ao aforro de enerxía.

-Análise dos distintos sectores de produción a través da recolla de datos do seu contorno.

-Observación e interpretación de planos sinxelos, mapas de estradas básicos, sinais informativos e paneis horarios.

-Interpretación de gráficas sinxelas con datos sobre o traballo e as profesións máis comúns.

-Recoñecemento dos problemas sociais e laborais máis importantes do contorno, considerando causas e consecuencias: paro, economía somerxida, discriminación da muller.

-Interpretación crítica da información proporcionada por diferentes medios (televisión, radio, prensa) sobre os problemas do mundo laboral.

-Observación e rexistro das informacións básicas que inclúen as etiquetas dos produtos máis usuais.

-Crítica das mensaxes publicitarias sobre os produtos de consumo masivo: comparación entre a publicidade e a realidade.

-Sensibilidade cara á necesidade dun uso racional da enerxía e do aforro enerxético.

-Liberdade e racionalidade ante o consumo de bens e uso dos servizos.

-Valoración da axuda que as máquinas e o desenvolvemento tecnolóxico supoñen para o ser humano.

-Recoñecemento do valor e da función social do traballo doméstico.

-Respecto na utilización dos medios de transporte, polas normas de seguranza, coidado e conservación.

-Valoración de hábitos e actitudes que favorecen a saúde: seguranza e hixiene no traballo.

-Respecto polas regras establecidas polo grupo e as decisións adoptadas, considerando o diálogo como o camiño democrático para a superación das diferenzas e dos conflitos.

-Responsabilidade no exercicio dos deberes e dereitos que lle corresponden como membro de grupo no centro de adultos, no traballo e nas asociacións.

Ámbito da comunicación.

-Distintas situacións de comunicación e formas adecuadas a cada unha delas.

-Medios de comunicación: información e opinións sobre o mundo do traballo.

-O ordenador como instrumento útil para a escritura e a comunicación.

-Vocabulario básico do módulo.

-Diversidade de textos: prácticos (receitas, prospectos, instrucións, etiquetas, recibos, anuncios por palabras, ofertas de emprego...), literarios, etc.

-A estrutura propia dos diferentes textos. A carta.

-O resumo de textos sinxelos.

-Ortografía do texto: ordenación en parágrafos.

-Léxico: as siglas máis comúns (institucións, partidos políticos, sindicatos, servizos...), prefixos (híper-, súper-, des-, ex-, re-...) e sufixos (-ble, -ción, -itis/-ite)

-Palabras compostas.

-Sinonimia e antonimia.

-Os pronomes persoais. Outros pronomes moi usuais.

-Discriminación de za, zo, ce, ci; uso de r, rr; singular -z, plural -ces; singular -d, plural -des; h en palabras castelás que comezan por hie-, hue-; o grupo -nh en galego.

-Signos de puntuación: os dous puntos, o punto e coma, puntos suspensivos, parénteses.

-Participación reflexiva en conversacións e debates sobre temas do módulo, respectando as normas do grupo.

-Lectura en voz alta de textos relacionados co módulo, empregando a pronuncia, entoación e ritmo adecuados.

-Uso dos medios de comunicación para localizar e interpretar axeitadamente informacións relacionadas co mundo do traballo.

-Iniciación no coñecemento das fontes de información escrita (biblioteca, folletos informativos, guías de teléfono...)

-Comprensión e produción de instrucións, explicacións e reclamacións sinxelas, sinalando as ideas fundamentais de cada un.

-Iniciación no uso dun procesador de textos para escribir, conservar e imprimir textos sinxelos no ordenador.

-Uso dalgunhas técnicas sinxelas para buscar e expresar a información necesaria: notas, listas, subliñados, resumos sinxelos.

-Interpretación e enchemento de impresos, cuestionarios e formularios sinxelos relacionados coa vida cotiá (DNI, documento da Seguridade Social, solicitude de emprego...).

-Interpretación de símbolos, imaxes e gráficos sinxelos (sinais de tráfico, planos...).

-Técnicas sinxelas de ampliación de léxico: prefixos, sufixos e palabras compostas.

-Recoñecemento nos textos escritos das distintas clases de palabras estudadas e exploración delas realizando transformacións.

-Observación de regularidades ortográficas e respecto das regras ortográficas nos escritos producidos.

-Valoración da lingua como medio para satisfacer as necesidades de comunicación.

-Actitude crítica ante temas e expresións que denoten discriminación sexual, racial, ou social.

-Respecto polas normas básicas da lingua.

-Interese polo uso de bibliotecas e polas normas que rexen a súa utilización.

-Valoración da lectura como fonte de pracer, diversión e coñecemento.

-Recoñecemento da importancia que ten a redacción e presentación adecuada dos textos escritos (organización das ideas, vocabulario adecuado, recursos tipográficos...)

Ámbito da comunicación: lingua estranxeira.

-Vocabulario básico relacionado co módulo.

-Escoita de palabras e frases moi sinxelas, de uso habitual.

-Saudar e despedirse.

-Escrita de palabras e frases moi sinxelas.

Ámbito das matemáticas.

-Introdución aos números fraccionarios.

-Os números decimais como caso específico dos números fraccionarios.

-Operacións básicas con decimais (non con divisores decimais).

-Unidades de lonxitude, masa e capacidade.

-Transformación de unidades de medida noutras da mesma magnitude.

-A escala.

-Tanto por cento.

-Mapas e planos sinxelos.

-Formas planas: triángulo, rectángulo, cadrado, circunferencia.

-Interpretación, escrita e ordenación de números decimais que non teñan máis de dúas cifras decimais.

-Resolución de problemas da vida cotiá en que sexa necesaria a aplicación de operacións básicas con números naturais e decimais.

-Utilización dalgunhas fraccións moi usadas nos cálculos habituais: œ, 1/3, Œ, 1/5, 1/10, Ÿ.

-Utilización dunha sistematización na resolución de problemas: comprensión, vocabulario, plan de resolución.

-Uso da calculadora para a resolución de problemas en que interveñen números decimais ou hai que utilizar o tanto por cento.

-Utilización intuitiva en problemas sinxelos de tanto por cento.

-Recoñecemento dalgunhas figuras planas (triángulo, rectángulo, cadrado, circunferencia) e dalgúns dos seus elementos: ángulo, vértice, altura, base.

-Interpretación de mapas e planos sinxelos, valorando a importancia da escala.

-Interese pola elaboración e pola presentación coidadosa de formas xeométricas.

-Valoración da utilidade dos sistemas de representación espacial na vida cotiá.

-Valoración da utilidade da calculadora na vida cotiá para a realización de cálculos.

Criterios de avaliación.

1. Obter información concreta sobre feitos a partir da consulta de imaxes, gráficos, planos e mapas.

2. Recoñecer os trazos máis significativos das principais actividades económicas, e asocialas aos sectores de produción.

3. Participar en actividades de grupo (na clase, nos órganos de goberno do centro...) respectando as normas de funcionamento, realizando as tarefas propostas e asumindo os dereitos e deberes que lle corresponden como membro del.

4. Mostrar actitudes de tolerancia e respecto cara a persoas e grupos de características diferentes á propia.

5. Comprender textos orais da súa vida cotiá: noticias, conversas, instrucións e explicacións.

6. Ler textos relacionados co módulo con fluidez, empregando a entoación, pronuncia e ritmo adecuados.

7. Comprender e elaborar textos escritos: instrucións, informes sinxelos, descricións, diálogos.

8. Utilizar notas, listas, guións, resumos, etc. para a organización das tarefas da vida diaria.

9. Identificar en textos de uso habitual as distintas clases de palabras, recoñecer o xénero e o número; identificar as siglas máis comúns e recoñecer as palabras en que interveñen os prefixos e sufixos estudados.

10. Interpretar e cubrir impresos, fichas e documentos sinxelos habituais na vida da persoa adulta.

11. Respectar as normas ortográficas coñecidas na produción de textos e consultar cando xurdan dúbidas ortográficas.

12. Comprender e utilizar o vocabulario usual estudado no módulo.

13. Resumir as ideas principais de textos escritos de uso habitual.

14. Ler, escribir e ordenar números decimais, interpretando o valor de cada unha das cifras pola posición que ocupa.

15. Resolver problemas sinxelos da vida cotiá aplicando as operacións básicas con números naturais e decimais, aplicando estratexias persoais de solución.

16. Realizar estimacións de medidas, seleccionando as unidades e instrumentos máis axeitados, de acordo co tipo e coa cantidade da magnitude que se quere medir.

17. Expresar con precisión medidas de lonxitude, masa e capacidade, utilizando os múltiplos e submúltiplos máis usuais, e convertendo unhas unidades noutras cando sexa necesario.

18. Recoñecer en obxectos do contorno as formas xeométricas básicas e os seus elementos.

Módulo III: a vida en comunidade.

Contidos.

Ámbito da natureza e da sociedade.

-A perspectiva histórica: a historia persoal e familiar.

-As testemuñas do pasado no contorno próximo.

-Os medios de comunicación de masas.

-Organización social e política: a localidade, a provincia, a comunidade autónoma, o Estado.

-A Constitución española e o Estatuto de autonomía como normas fundamentais da convivencia.

-Galicia como comunidade autónoma. Os seus símbolos.

-A Unión Europea.

-Principais organismos internacionais.

-Recolla de información e realización dunha sinxela árbore familiar.

-Visita, no contorno inmediato do alumnado, a restos arqueolóxicos, edificios senlleiros, etc. que son testemuñas do pasado.

-Utilización dos medios de comunicación como fonte de información para resolver todo tipo de problemas, incluídos os particulares.

-Mediante sinxelas entrevistas ou enquisas, investigar sobre o funcionamento do concello, do seu equipamento e da súa dotación de servizos.

-Mediante sinxelas entrevistas ou enquisas, investigar sobre a organización e o funcionamento da comunidade autónoma e do Estado.

-Interpretar sinxelos organigramas de funcionamento de entidades como o propio centro de adultos, o concello, etc.

-Utilización de planos e mapas para obter información, orientarse e desprazarse por lugares descoñecidos.

-Elaboración e interpretación de gráficos sinxelos.

-Adquisición de hábitos útiles para a realización de trámites burocráticos.

-Valorar a importancia das achegas dos nosos antepasados nos logros culturais que gozamos hoxe.

-Valorar criticamente a influencia que exercen sobre a sociedade os medios de comunicación: televisión, radio, prensa.

-Valoración da Constitución española e do Estatuto de autonomía de Galicia como normas básicas que regulan a nosa convivencia.

-Respecto polas regras establecidas polo grupo e polas decisións adoptadas, considerando o diálogo como o camiño democrático para a superación das diferenzas e a solución dos conflitos.

-Responsabilidade no exercicio dos deberes e dereitos que lle corresponden como membro de grupo no centro de adultos, no traballo, nas asociacións.

-Sensibilidade ética e estética ante os programas de televisión, coñecendo outras alternativas para a utilización do lecer.

-Liberdade e racionalidade ante o consumo de bens e uso dos servizos.

Ámbito da comunicación.

-Tipos de textos dos medios de comunicación: noticias, artigos, entrevistas, documentais, anuncios publicitarios. Noticia e opinión.

-Fontes de información: libros de consulta, enciclopedias, medios de comunicación.

-O ordenador como instrumento útil para a escritura e a comunicación

-Vocabulario: siglas, prefixos (tele-...), sufixos (teca, -ista).

-Palabras compostas (radiotelevisión, audiovisual, radiotelégrafo,...); palabras polisémicas; familias de palabras.

-Ortografía: b en verbos rematados en -bir, en tempos rematados en -aba; discriminación de ha e a; haber e a ver; acentuación gráfica de palabras agudas, graves e esdrúxulas.

-Ortografía: signos de entoación e interrogación, comiñas, a raia no diálogo.

-O verbo: variacións de persoa, número e tempo; o adverbio.

-A oración simple e os elementos necesarios para formala: suxeito e predicado

-Recoñecemento da diversidade lingüística en España a través dos medios de comunicación.

-Participación construtiva en conversas, debates e coloquios, respectando as normas de intervención.

-Recoñecemento do tema dun programa radiofónico ou da televisión: sucesos, noticias, series, películas, publicidade.

-Recoñecemento no xornal das diferentes seccións que o integran.

-Comprensión de textos sinxelos nos medios de comunicación, resumindo as ideas principais e analizando aspectos sinxelos propios de cada un deles (estrutura, vocabulario, etc.).

-Uso de diferentes fontes de información de uso habitual: folletos, libros de consulta, medios de comunicación.

-Análise das estruturas propias dos textos estudados, incluíndo os elementos de cohesión: narración, narración con descrición e diálogo.

-Exploración das estruturas básicas da lingua (o texto, a oración, as palabras) realizando transformacións diversas e analizando as consecuencias dos cambios realizados.

-Produción de textos escritos sinxelos de diferente tipo, organizando as ideas de acordo co tipo de texto e empregando procedementos de cohesión.

-Comprensión e uso do vocabulario usual necesario para comunicarse na vida cotiá: sinónimos, antónimos, palabras polisémicas, frases feitas.

-Iniciación no uso dun procesador de textos para escribir, conservar e imprimir textos sinxelos no ordenador.

-Interese e respecto pola diversidade lingüística e cultural de España.

-Actitude crítica ante as mensaxes procedentes dos medios de comunicación social e da publicidade, mostrando especial sensibilidade ante os que supoñan discriminación racial, sexual ou social.

-Valoración da lingua escrita como medio de información e transmisión de cultura e como instrumento para planificar e realizar tarefas concretas.

-Aprecio pola calidade dos textos propios e alleos, recoñecendo a importancia da súa adecuación e corrección, e respecto polas normas ortográficas.

-Valoración da informática como un instrumento positivo ao servizo da información e da comunicación.

Ámbito da comunicación: lingua estranxeira.

-Vocabulario básico relacionado co módulo.

-Escoita de palabras e frases moi sinxelas, de uso habitual.

-Expresar sentimentos e gustos.

-Escritura de palabras e frases moi sinxelas.

Ámbito das matemáticas.

-Sistema de numeración decimal: continuación.

-O tanto por cento.

-Unidades de lonxitude, masa, capacidade: múltiplos e divisores.

-Unidades de superficie e tempo.

-Táboas de datos sinxelas.

-Perímetro e superficie do cadrado, do rectángulo, da circunferencia e do círculo.

-Planos e bosquexos sinxelos.

-Recolla e rexistro de datos sobre obxectos ou situacións cotiás da persoa adulta utilizando técnicas elementais de observación e medición.

-Lectura e interpretación de gráficos sinxelos con datos relacionados cos intereses dos adultos.

-Aplicación do cálculo do tanto por cento á resolución de problemas sinxelos tomados da vida diaria.

-Resolución de problemas sinxelos da vida cotiá relacionadas coas unidades de lonxitude, masa, capacidade, superficie e tempo.

-Elaboración de gráficas sinxelas a partir de series sinxelas de datos.

-Representación dunha situación utilizando sucesivamente diferentes linguaxes (verbal, gráfica, numérica), establecendo comparacións entre eles.

-Elaboración de bosquexos e planos sinxelos.

-Aplicación do cálculo de áreas e perímetros das figuras xeométricas estudadas á resolución de problemas tomados da vida cotiá.

-Utilización da calculadora, decidindo sobre a conveniencia de usala en función da complexidade dos cálculos ou da exactitude exixida.

-Valoración da importancia da orde e claridade na resolución de problemas e na presentación das composicións xeométricas.

-Perseveranza na busca da solución dos problemas.

-Valoración da calculadora como instrumento de traballo.

-Apreciación da utilidade das representacións gráficas.

Criterios de avaliación.

1. Describir e ordenar feitos relevantes da historia persoal.

2. Participar en actividades de grupo respectando as normas de funcionamento e realizando con responsabilidade as tarefas que corresponden.

3. Coñecer a organización fundamental, funcións e forma de elección no centro de adultos, concello, comunidade autónoma, Estado e organismos internacionais.

4. Valorar a importancia do diálogo como medio para superar os conflitos, mostrando actitudes de respecto e tolerancia coas persoas e os grupos de características diferentes ao propio.

5. Comprender textos orais habituais (instrucións, relatos, gravacións de radio...), expresando as ideas que lles son fundamentais.

6. Recoñecer en producións orais e escritas temas e usos da lingua que denoten discriminación sexual, racial ou social e procurar evitalos nos textos propios.

7. Ler textos de calquera tipo con fluidez, empregando a pronuncia, a entoación e o ritmo adecuados ao seu contido.

8. Interpretar axeitadamente textos escritos usados habitualmente na vida cotiá, resumindo as ideas principais e as relacións que existan entre elas.

9. Identificar e elaborar textos de diferente tipo: informes e guións sinxelos, pequenos informes, breves narracións, empregando os procedementos adecuados para estruturar o texto (nexos, puntuación, tempos verbais...).

10. Producir textos escritos segundo un guión ou plan establecido previamente e seguindo os pasos de planificación, revisión, incorporación de novas achegas.

11. Respectar as normas ortográficas na escrita de textos e empregar instrumentos que permitan resolver as dúbidas suscitadas.

12. Identificar o verbo nos textos de uso máis habitual, recoñecendo o tempo, o número e a persoa.

13. Recoñecer en textos as palabras compostas e as formadas cos prefixos e cos sufixos máis frecuentes.

14. Comprender e utilizar o vocabulario usado ao longo do módulo.

15. Realizar cálculos numéricos mediante diferentes procedementos: calculo mental, tenteo, algoritmos, calculadora.

16. Resolver problemas sinxelos tomados de situacións cotiás, recollendo información, elaborando a información recollida, extraendo conclusións e formulando posibles solucións.

17. Aplicar o tanto por cento á resolución de problemas sinxelos relacionados con situacións da vida diaria.

18. Realizar estimacións de medidas, escollendo as unidades e instrumentos máis axeitados, de acordo co tipo e coa cantidade da magnitude que se quere medir.

19. Expresar con precisión medidas de superficie e tempo, usando os múltiplos e os divisores máis comúns e realizando conversións cando sexa necesario.

20. Calcular o perímetro e a superficie das formas planas estudadas.

21. Ler, interpretar e realizar representacións gráficas sinxelas a partir dunha serie de datos relacionados con situacións da vida diaria.

22. Representar espazos concretos mediante planos sinxelos.

23. Utilizar planos e mapas con escala para orientarse por lugares descoñecidos.

II. Educación secundaria para persoas adultas.

O Real decreto 1631/2006, que determina as ensinanzas mínimas correspondentes á educación secundaria obrigatoria establece, seguindo as propostas da Unión Europea, que as ensinanzas ordenadas nel deben orientarse ao logro das competencias básicas, imprescindibles para a realización persoal, para exercer a cidadanía activa, para incorporarse á vida social e laboral dun xeito satisfactorio e ser capaz de desenvolver unha aprendizaxe permanente ao longo da vida.

Este real decreto establece na súa disposición adicional primeira que as ensinanzas da educación secundaria para as persoas adultas se organizan en tres ámbitos de coñecemento: o ámbito de comunicación, o ámbito social e o ámbito científico-tecnolóxico.

Deste modo intégranse ao redor de tres grandes eixes vertebradores os coñecementos, as habilidades e os valores que unha persoa adulta debe posuír e desenvolver para integrarse activamente nunha sociedade democrática. No ámbito da comunicación intégranse os coñecementos, destrezas e valores que permiten a unha persoa adulta comunicarse cos demais na lingua ou linguas que lle son propias, e nunha lingua estranxeira. No ámbito científico-tecnolóxico intégranse aqueles saberes que lle permiten enfrontarse ás situacións cotiás que implican a aplicación de habilidades numéricas e de razoamento matemático, e interpretar axeitadamente a realidade desde os achados das disciplinas científicas, aplicando racionalmente as relacións causa-efecto e a capacidade de descubrimento.

O terceiro dos ámbitos, o social, integra aquelas destrezas, valores e coñecementos que lle permiten, por unha parte, comprender axeitadamente as relacións do home co espazo que habita, interpretar o presente como froito dunha longa experiencia histórica e, por outra, desenvolver as actitudes, destrezas e hábitos propios dunha sociedade democrática, baseada no respecto aos dereitos humanos e no exercicio das propias responsabilidades.

Ámbito da comunicación.

Na educación secundaria obrigatoria para persoas adultas o ámbito de comunicación toma como referente os aspectos básicos do currículo relativos ás materias de lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e a primeira lingua estranxeira. Desde este punto de partida, o ámbito de comunicación conforma unha proposta curricular coherente, integrada e orientada ao desenvolvemento das competencias comunicativas das persoas adultas e ao desenvolvemento das súas capacidades intelectuais e afectivas coa finalidade de que lles permita a súa inserción activa e responsable na sociedade e o seu desenvolvemento persoal.

Esta organización do currículo fomentará así a autonomía do alumnado na aprendizaxe, a competencia plurilingüe e pluricultural, a dimensión intercultural e a estruturación e organización do propio pensamento, por seren todos aspectos que redundan nunha aprendizaxe máis efectiva.

Dentro deste ámbito preséntase o estudo coordinado das dúas linguas da nosa comunidade para conseguir unha competencia plena en ambas, favorecer a actitude positiva cara a elas e economizar esforzos no proceso de ensino-aprendizaxe.

Os obxectivos do ámbito de comunicación só se poden acadar desde a perspectiva dese enfoque integrador das linguas. Existe unha serie de aprendizaxes que son transferibles entre as materias que conforman o ámbito, como son os aspectos relacionados coa competencia pragmática, a competencia textual, a construción de conceptos sobre o funcionamento das linguas ou o desenvolvemento de actitudes positivas de tipo lingüístico. Convén recalcar, de calquera xeito, que partir dunha organización integradora e converxente das materias neste ámbito de comunicación non significa esquecer a existencia de aspectos específicos de cada unha das materias integradas no ámbito, sen perder nunca de vista o obxectivo de conseguir unha mesma competencia lingüística do alumnado na lingua galega e na lingua castelá.

A integración das materias lingüísticas no ámbito faise necesaria especialmente no caso da aprendizaxe de persoas adultas se temos en conta que os coñecementos iniciais na primeira lingua funcionan como preconceptos na aprendizaxe das segundas, e que as operacións cognoscitivas que facilitan o descubrimento e o desenvolvemento lingüístico son comúns en todas elas, polo que se poden e se deben desenvolver ao mesmo tempo nos diferentes momentos do ensino para obter un efecto de reforzo. Ademais, o modelo metalingüístico empregado nas distintas linguas deberá de ser común para evitar interferencias entre os distintos procesos de aprendizaxe.

No tocante á lingua estranxeira, o Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación, elaborado polo Consello de Europa establece, ademais da necesidade de integrar todas as linguas estudadas, unha escala de seis niveis comúns de referencia para a organización das aprendizaxes e o seu recoñecemento público. Seguindo estas recomendacións, os contidos da lingua estranxeira, ademais de se integraren cos das linguas galega e castelá, establécense para acadar un nivel A1 ao rematar o nivel I do ámbito, e un nivel A2 ao acabar o nivel II. O alumnado adulto conseguirá así o grao de usuario básico, que o capacitará para comunicarse en situacións e contextos cotiáns, dominando un repertorio básico de recursos lingüísticos frecuentes da lingua estándar, empregada de maneira interactiva, receptiva e produtivamente, de xeito sinxelo pero adecuado e eficaz, comprendendo e producindo textos breves, orais e escritos.

O ámbito de comunicación e as competencias básicas.

A competencia plurilingüe formúlase como un aspecto esencial para a protección e o desenvolvemento da nosa herdanza lingüística, e como fonte de enriquecemento mutuo. Esta competencia permítelle ao alumnado adulto relacionar, de modo significativo, as distintas culturas a que ten acceso mediante os seus coñecementos lingüísticos e lograr unha mellor comprensión delas. As competencias lingüística e cultural de cada lingua quedan modificadas mediante o coñecemento mutuo e contribúen a crear así unha consciencia, unhas destrezas e unhas capacidades interculturais.

Tendo en conta o seu carácter integrador, o ámbito de comunicación participa tamén no desenvolvemento de todas as competencias básicas da educación secundaria. Se o ámbito de comunicación se orienta á adquisición de destrezas que permitan o uso pleno das linguas nun amplo abano de contextos, é evidente que constitúe o ámbito privilexiado para o progreso da competencia en comunicación lingüística en toda a súa extensión. Pero, ademais, garda unha relación moi estreita con outras competencias básicas.

Así sucede coa competencia social e cidadá. Desde este ámbito de comunicación facilítase, a través do traballo con diferentes tipos de textos e situacións de comunicación, a aproximación crítica á realidade, e o coñecemento e exercicio dos valores democráticos e dos dereitos das persoas, permitíndolles a súa promoción e integración social.

O traballo das destrezas lingüísticas prepara para compartir e respectar saberes e referencias culturais. Ademais, redunda na mellora da práctica das normas sociais de convivencia, especialmente no emprego da negociación para chegar a acordos, favorecendo igualmente a promoción e a integración social das persoas adultas.

En canto á competencia no tratamento da información dixital, a súa relación co ámbito de comunicación realízase por dúas vías: dunha banda, cómpre aprender a utilizar unha serie de ferramentas que hoxe en día se presentan en soportes variados e que lles permiten ao alumnado adulto mellorar as súas habilidades e competencias para obter información: dicionarios, correctores ortográficos, enciclopedias, xornais dixitais, ou outras de caracter literario (bibliotecas virtuais, catálogos de publicacións, etc.). Doutra banda, a lingua mesma é unha ferramenta con que os adultos nos enfrontamos á crecente cantidade de información de que se dispón. A través dela seleccionamos, analizamos criticamente, organizamos e sintetizamos esa información para o noso coñecemento.

Disponse de competencia cultural e artística se se crean, comprenden, aprecian e valoran con criterio esas manifestacións culturais e artísticas e se o individuo é quen de emocionarse e gozar coa lectura.

En canto á competencia para aprender a aprender, desenvólvese ao contribuír a linguaxe á estruturación do pensamento e ao control da aprendizaxe, á interpretación das informacións lingüísticas, á exposición e conclusións sobre tarefas, etc.

A autonomía, como eixe central no proceso de aprendizaxe, e a iniciativa persoal promóvense desde o ámbito de comunicación co contacto activo e continuo con distintos espazos de comunicación: a intervención en situacións reais, a lectura de obras literarias que estimulen e fomenten a creatividade; o uso progresivamente autónomo dos medios de comunicación social, das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) para aprender a manter unha actitude crítica ante as mensaxes recibidas; a localización e selección de información, o fomento da autoestima lingüística, etc. Pero, ademais, o propio traballo da linguaxe é clave na análise de problemas, na elaboración de plans e na toma de decisións.

Obxectivos xerais.

1. Coñecer, respectar e valorar a realidade plurilingüe e cultural de España, de Europa e do mundo actual, facerse consciente da riqueza que representan as linguas do Estado e as súas variedades lingüísticas e entender as situacións que provocan o contacto de linguas.

2. Comprender as circunstancias que condicionaron a historia social da lingua galega, afirmándoa como propia de Galicia, así como as que condicionan o seu uso actualmente, de xeito que se estea en disposición de superar as que supoñen obstáculos para o seu emprego en calquera contexto e situación.

3. Comprender discursos orais e escritos nas linguas galega e castelá nos diversos contextos da actividade sociocultural, persoal e académica; interpretalos cunha actitude crítica, aplicando a súa comprensión a novas situacións de aprendizaxe. Na lingua estranxeira, os textos estarán referidos a asuntos da vida cotiá, serán de estrutura sinxela e clara, e nunha variedade de lingua estándar e os textos orais serán articulados a unha velocidade lenta e con claridade, e sempre que as condicións acústicas sexan boas e a mensaxe non estea distorsionada.

4. Desenvolver, nas linguas galega e castelá, a capacidade de construír un discurso oral e escrito, coherente, creativo e adecuado aos distintos contextos da actividade social, laboral e cultural, de acordo coas diferentes situacións comunicativas, integrando os recursos expresivos lingüísticos e non lingüísticos. Na lingua estranxeira, os textos serán breves, referidos a asuntos da vida cotiá e, no caso da lingua oral, comunicaranse de forma comprensible, aínda que resulten evidentes o acento estranxeiro, as pausas, e sexa necesaria a repetición, a paráfrase e a cooperación dos interlocutores para manter a comunicación.

5. Adquirir conceptos lingüísticos xerais, reflexionar sobre os elementos formais e mecanismos das linguas nos planos fonolóxico, morfosintáctico, léxico-semántico e textual.

6. Aplicar con certa autonomía os coñecementos sobre as linguas e as normas do uso lingüístico para comprender textos orais e escritos, para escribir e falar con adecuación, coherencia, cohesión e corrección, tanto en galego como en castelán, e para tomar consciencia dos propios sentimentos e ideas e favorecer o control da propia conduta.

7. Adquirir as habilidades, actitudes e coñecementos necesarios que favorezan utilizar criticamente e con progresiva autonomía as bibliotecas, os medios de comunicación social e as TIC para obter, valorar, seleccionar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información relacionada coa vida cotiá, académica e laboral.

8. Coñecer e empregar as normas que rexen o intercambio social das linguas e daquelas normas socioculturais que regulan a comunicación nos diferentes contextos, evitando estereotipos lingüísticos que supoñan xuízos de valor e prexuízos clasistas, racistas ou sexistas.

9. Desenvolver os coñecementos, hábitos, habilidades e actitudes que fan posible a lectura de textos literarios, en galego e en castelán, como fonte de pracer, de enriquecemento, de coñecemento do mundo e do patrimonio cultural.

10. Adquirir as habilidades, as actitudes e os coñecementos necesarios para unha interpretación crítica das mensaxes dos medios de comunicación de masas e da publicidade, especialmente das que teñen relación coa vida cotiá e laboral.

Orientacións metodolóxicas.

No ámbito da comunicación, os contidos actitudinais deben ter sempre un papel central para propiciar actitudes positivas cara ás dúas linguas propias de Galicia e ás súas variantes, desenvolvendo no alumnado o respecto pola riqueza lingüística da nosa comunidade e polos falantes das dúas linguas.

O modelo de ensino-aprendizaxe da lingua deberá partir dunha concepción práctica da competencia comunicativa, entendida como a capacidade de uso do idioma, e que abrangue as competencias lingüísticas, sociolingüísticas e pragmáticas. O aprendiz de linguas pon a lingua en uso, en ámbitos, dominios e contextos específicos, facendo uso das estratexias axeitadas para o seu fin. O usuario da lingua procesa e produce textos (orais e escritos), que constitúen as unidades básicas de comunicación, a través de actividades de expresión, comprensión, interacción, mediación ou mediante unha combinación delas. Para iso os alumnos e alumnas terán que adquirir, a través das experiencias de aprendizaxe, unha serie de habilidades ou estratexias.

Este proceso de ensino-aprendizaxe orientado á acción debe ser concretado e reinterpretado segundo as necesidades do alumnado adulto. Estes son os seus aspectos fundamentais:

Activación de estratexias de aprendizaxe (aprender a aprender) e de comunicación.

Integración das destrezas ou actividades comunicativas.

Achegamento contextualizado aos aspectos socioculturais.

Papel do profesor como guía do alumnado para a súa apropiación dos recursos lingüísticos que fagan posible a acción na lingua.

A aula deberase concibir como o espazo onde se dean situacións comunicativas reais ou simuladas en que o alumnado participe. O profesor é o presentador, impulsor e avaliador das actividades comunicativas. A súa función será a de orientar, estimular, prestar a súa experiencia e aconsellar, pero serán os alumnos os que deberán asumir a responsabilidade da súa aprendizaxe, colaborando cos demais alumnos do grupo e co profesor para conseguir os obxectivos propostos e desenvolver a súa capacidade de aprendizaxe autónoma. O alumno convértese en protagonista da súa aprendizaxe e ten un papel activo na aula: deduce, propón, valora as propias dificultades, solicita axuda e avalía os diferentes recursos.

O alumnado é o responsable da súa aprendizaxe e de afrontala de maneira autónoma. E para os alumnos aprenderen a aprender e chegaren a un uso adecuado da lingua obxecto de estudo, o profesor presentará tarefas e experiencias de aprendizaxe significativas, creando contextos que estimulen o interese dos alumnos na aprendizaxe e na utilización da lingua albo, e a sensibilidade para as culturas en que se fala a lingua que están a perfeccionar ou aprender; que fomenten a confianza en si propios, que aumenten a motivación para aprender dentro e fóra da aula e que desenvolvan a súa capacidade para planificar, autoavaliarse e aprender de xeito autónomo e independente. Estas tarefas serán deseñadas a partir dos obxectivos que se pretendan acadar, e serán tamén comunicativas, para ofrecer ao alumnado a oportunidade de utilizar a lingua en situacións reais de comunicación. Os materiais empregados nesas tarefas serán preferentemente auténticos, para facer que o alumno perciba a lingua como un

verdadeiro instrumento de comunicación.

O alumnado deberá familiarizarse coas estratexias de planificación, execución, control e reparación, así como cunha serie de procedementos discursivos xerais e específicos para cada destreza de comunicación. Dese xeito, fomentarase a autonomía do alumnado e poderá aproveitar ao máximo todas as ocasións para mellorar a propia capacidade de comunicación tanto na aula como fóra dela, levando a cabo eficazmente as tarefas correspondentes.

A avaliación, que en todo caso debe ser sempre coherente cos obxectivos, contidos e criterios de avaliación e definida nas programacións didácticas pertinentes, debe ser entendida como un instrumento que valore o uso axeitado da lingua fronte ao coñecemento do seu sistema teórico ou da simple corrección formal. O erro é un elemento inevitable, produto da interlingua de transición, que ofrece ao profesor información sobre a evolución e o estadio lingüístico do alumno, que non exclúe, de xeito ningún, unha análise dos erros para que o alumno reflexione sobre a súa actuación de autoaprendizaxe e mellore.

No que se refire aos aspectos específicos do ensino da lingua estranxeira, é preciso facer referencia de novo ao documento citado Marco común europeo de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación, que insiste en que a aprendizaxe de idiomas debe partir do principio fundamental de que a lingua é sobre todo un vehículo de comunicación.

Nivel I.

Modulo 1.

Bloque 1: somos iguais, somos diferentes.

A lingua como vehículo de comunicación e expresión das diferenzas.

Cos contidos que se detallan deseguido, preténdese que as persoas adultas recoñezan o poder comunicativo das distintas linguaxes, analicen o seu uso e contextos e reflexionen sobre a realidade sociolingüística en que viven e sobre as repercusións do contacto entre linguas e culturas. Que fagan unha reflexión crítica sobre certos prexuízos referentes ás linguas e aos seus falantes e valoren a riqueza expresiva da nosa comunidade para que contribúan a conquistar a dignificación da nosa riqueza cultural e lingüística. Cómpre, ademais, non esquecer o fomento dunha actitude de rexeitamento de expresións discriminatorias por razóns sociais, raciais e sexuais.

Neste bloque teñen especial significado os contidos da epígrafe Lingua e sociedade, que servirán de núcleos organizadores dos materiais e actividades propostas ao alumnado.

Contidos.

1. Comunicación oral: falar, escoitar e conversar.

-Comprensión de textos orais dos medios de comunicación, de situacións da vida cotiá e do ámbito académico.

-Articulación clara, pronuncia adecuada e uso correcto das regras gramaticais na produción de textos orais curtos nas linguas do ámbito.

-Uso consciente dos elementos paraverbais e non verbais na intervención oral planificada.

-Valoración das linguas como instrumentos para comunicarse e achegarse a persoas doutras culturas.

-Participación activa en diálogos, debates e traballos de grupo cooperando e respectando o resto dos seus compoñentes.

-Esforzo e interese no uso da lingua oral.

-Na lingua estranxeira, uso de estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais: anticipación do contido xeral do que se escoita con axuda de elementos verbais e non verbais e uso dos coñecementos previos sobre a situación.

-Produción de mensaxes orais curtas, con estrutura lóxica e con pronuncia que non impida a comunicación (saúdo, despedida, presentacións, felicitación ás persoas da aula nos seus aniversarios,etc.) na lingua estranxeira.

2. Comunicación escrita. Ler e escribir

-Utilización de estratexias para discriminar as ideas importantes das secundarias e atopar informacións específicas.

-Comprensión de textos propios do ámbito académico (expositivos e explicativos), da vida cotiá (instrucións e normas) e da información dos medios de comunicación (seccións, xéneros).

-Lectura de microrrelatos doutras culturas.

-Uso de estratexias para a planificación da escritura de textos sobre temas de interese persoal: buscar e desenvolver ideas, organizalas, facer unha primeira redacción, corrixir, reelaborar o texto e preparar a redacción definitiva tanto en papel como en soporte dixital.

-Interese por coidar a presentación dos textos escritos en soporte papel e dixital con respecto ás normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

-Utilización progresivamente autónoma da biblioteca do centro, das do contorno e de bibliotecas virtuais.

-Comunicación persoal mediante correspondencia postal ou utilizando medios informáticos (chats, correo electrónico, etc.) en calquera das linguas do ámbito de comunicación.

-Reflexión crítica con respecto á información dispoñible ante mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación.

-Na lingua estranxeira, comprensión de instrucións básicas para a resolución de actividades presentadas por escrito.

-Na lingua estranxeira, identificación da grafía, pronunciación, fonema e significado, a partir de modelos escritos, de imaxes, con palabras coñecidas e relacionadas con temas próximos ao alumnado, en situacións contextualizadas, empregando diferentes recursos visuais e informáticos.

3. Coñecemento da lingua

-Elementos e funcións da comunicación en situacións formais e informais.

-Uso reflexivo da puntuación e das normas ortográficas en relación coa cohesión sintáctica.

-Coñecemento das normas básicas da ortografía da palabra, da oración e do texto.

-Observación de diferenzas relevantes, contextuais e formais, entre comunicación oral e escrita e entre os usos coloquiais e formais.

-Identificación e uso das formas lingüísticas da deíxe persoal (pronomes persoais, posesivos e terminacións verbais) en textos orais e escritos como cartas e normas de uso, etc.

-Utilización de estratexias para inducir as regras de concordancia e as funcións sintácticas de suxeito e predicado.

-Na lingua estranxeira, identificación de elementos morfolóxicos básicos e habituais no seu uso, como o substantivo, verbo, adxectivo, adverbio ou preposición e conectores básicos de adición, enumeración e ordenación.

-Uso de estruturas e funcións básicas relacionadas coas situacións cotiás máis predicibles na lingua estranxeira: saúdos e despedidas, presentacións, dirixirse a alguén, pedir desculpas, agradecer, felicitar.

4. Lingua e sociedade

-Coñecemento xeral da diversidade lingüística no mundo e en España, valorando positivamente o plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

-Observación da situación sociolingüística e observación dos usos e actitudes no contorno máis próximo (bilingüismo, diglosia, conflito lingüístico, interferencia) con especial referencia aos prexuízos lingüísticos.

-Recoñecemento e valoración das linguas como instrumento de comunicación na aula e con persoas doutras culturas.

-Coñecemento da nosa lexislación esencial en materia lingüística.

-Toponimia e antroponimia.

-Emprego dos diferentes rexistros lingüísticos e coñecemento dos seus usos sociais.

-Uso de fórmulas de cortesía axeitadas na lingua estranxeira nos intercambios sociais.

-Coñecemento dalgúns dos trazos máis importantes dos países onde se fala a lingua estranxeira, obtendo a información por diferentes medios, entre eles a biblioteca, a internet e outras tecnoloxías da información e da comunicación.

5. A educación literaria.

-Introdución aos grandes xéneros literarios a través de lecturas axeitadas.

-Lectura de relatos breves e de fragmentos de obras, pertencentes a culturas diferentes, recoñecendo os elementos do relato literario e a súa funcionalidade.

-Identificación en textos literarios de estereotipos sociais, de xénero, raza, etc.

-Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer, de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Criterios de avaliación.

1. Comprender a idea xeral e a intención comunicativa en textos sinxelos (tanto orais como escritos) nos ámbitos persoal, social e académico. Realizar tarefas guiadas de aprendizaxe seguindo instrucións recibidas.

Este criterio permite avaliar se o alumnado adulto é capaz de comprender e de reproducir, oralmente e por escrito, os feitos fundamentais de mensaxes oídas ou lidas en diversos contextos da vida cotiá (radio, prensa, televisión, mensaxes electrónicasrecoñecendo as ideas principais e as secundarias, apoiándose, nos textos escritos, nos seus aspectos tipográficos (tipos de letras, títulos, parágrafos) ou en mecanismos como ao subliñado, esquemas, etc. Tamén permitirá comprobar se é capaz de seguir instrucións para realizar tarefas ou exposicións ordenadas de carácter académico.

2. Realizar narracións, resumos e exposicións de experiencias vividas con claridade, coa estrutura e co rexistro axeitados, tanto de forma oral como por escrito, en soporte papel ou dixital e apoiándose nos medios audiovisuais e nas TIC. Neste caso, prestarase especial atención á planificación, á revisión e ao respecto ás normas gramaticais e ortográficas.

Con este criterio preténdese comprobar que o alumnado adulto é capaz de narrar e redactar feitos e vivencias próximos á súa experiencia persoal (sentimentos, anécdotas…), académica (traballos, resumos…) e social (cartas, normas, noticias…) de maneira secuenciada, con claridade, coherencia e corrección gramatical e ortográfica. Valorarase especialmente se teñen en conta o contexto, os receptores das súas mensaxes e o uso dos medios audiovisuais e das TIC nas súas producións.

3. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para mellorar a comprensión de textos orais e escritos e para compoñer e revisar os textos propios deste bloque, tanto en soporte papel como dixital.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para mellorar a súa comprensión, composición e revisión de textos. Atenderase especialmente aos mecanismos de conexión (pronomes persoais, posesivos e terminacións verbais), aos da adecuación e da gramaticalidade, así como á utilización de estratexias para inducir regras de concordancia e as funcións sintácticas de suxeito e predicado. En canto ás normas ortográficas, atenderase ás regras xerais de acentuación, ortografía do vocabulario máis usual, usos elementais da coma, do punto e signos do diálogo.

4. Recoñecer a riqueza multicultural e a diversidade lingüística da sociedade actual, especialmente en España e en Galicia, respectalas e valoralas positivamente.

Con este criterio preténdese avaliar o interese espertado no alumnado adulto polo aprecio de hábitos culturais distintos dos seus, o fomento de actitudes de respecto cara aos valores e manifestacións culturais de todo tipo e o recoñecemento da diversidade lingüística como riqueza e reflexo do dereito dos pobos e dos individuos á súa identidade.

5. Recoñecer en textos orais e escritos diferentes clases de representacións ou expresións que impliquen algunha forma de discriminación lingüística, social, sexual, racial, etc.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado adulto é capaz de localizar os usos discriminatorios da lingua presentes en mensaxes orais, escritas e icónico-verbais; que reflexione sobre a práctica persoal e social dalgunha forma de discriminación tanto consciente como inconsciente.

6. Ler con regularidade fragmentos e obras literarias e usar os coñecementos adquiridos na aula sobre literatura para unha mellor comprensión delas. Expoñer unha opinión persoal sobre a lectura realizada e recoñecer os trazos xerais do xénero a que pertencen.

Este criterio pretende avaliar o uso dos coñecementos adquiridos para unha mellora da competencia lectora no ámbito literario a través da lectura persoal de fragmentos e obras axeitadas ás inquedanzas e intereses do alumnado adulto. Considerarase a elaboración dunha opinión apropiada atendendo á potencialidade dos trazos temáticos e formais para ampliar o coñecemento do mundo que cadaquén posúe.

Criterios de avaliación de lingua estranxeira.

1. Comprender fórmulas básicas de contacto social, como saúdos, despedidas, desculpas e agradecementos, identificando a intención de comunicación e a relación de formalidade entre os interlocutores falantes.

Con este criterio trátase de avaliar o recoñecemento de fórmulas de contacto social e as normas de cortesía máis sinxelas e comúns, e aquelas utilizadas para iniciar e terminar o discurso, así como a intención comunicativa dos falantes que as utilizan (agradecer, interesarse por algo ou alguén, desculparse), reaccionando de forma adecuada á situación de comunicación e á intención do emisor ou do interlocutor.

2. Utilizar estratexias de comprensión para superar as limitacións que se atopen na comprensión da mensaxe, mediante claves identificadas no contexto.

Con este criterio avalíase a capacidade do alumnado para predicir e facer hipóteses do contido do texto prestando atención aos puntos centrais, deducindo do contexto palabras descoñecidas baseándose nos seus coñecementos do tema e das expectativas predicibles na situación de comunicación, deducindo o significado probable das palabras ou frases que descoñece coa axuda dos coñecementos doutras linguas, de trazos contextuais (ton da voz, expresións faciais, actos explícitos e acenos, que amosan e regulan o comportamento dos individuos), etc.

3. Participar en conversas e en simulacións sobre temas coñecidos ou estudados na aula. Empregar as estratexias axeitadas para facilitar a continuidade da comunicación e producir un discurso comprensible.

Este criterio pretende avaliar a capacidade de comunicarse oralmente en situacións reais ou simuladas, sobre temas estudados na aula. Valorarase o uso de estratexias que aseguren a comunicación, como presentar e contestar preguntas, intercambiar ideas e información, e relatar experiencias sobre temas familiares en situacións predicibles. As producións poderán ter incorreccións léxicas, morfosintácticas ou fonéticas que non dificulten a comunicación.

4. Comprender mensaxes breves e sinxelas escritas que conteñan instrucións, indicacións, descricións e narracións breves, mensaxes, cuestionarios, etc. e información básica referida a necesidades inmediatas, de estrutura moi sinxela, especialmente se contan con apoio visual.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumno para seguir instrucións básicas e comprender avisos, obrigas e prohibicións. Por exemplo, indicacións para chegar a un lugar, funcións básicas en páxinas da internet, números, horarios de transportes públicos ou espectáculos, prezos e cantidades, etc.

5. Establecer relacións entre funcións da linguaxe, conceptos gramaticais e expoñentes lingüísticos. Inducir regras de funcionamento da lingua estranxeira a partir da observación de regularidades e aplicar procesos de indución e dedución de forma alternativa.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade de activar as estratexias cognitivas do alumnado adulto para mellorar o coñecemento do código lingüístico con fin de adaptar o que se quere comunicar ao vocabulario e ás estruturas coñecidas.

Bloque 2: ten un correo electrónico.

As TIC como medio para buscar, expresar e intercambiar información.

Nunha sociedade como a nosa, na cal se producen cambios constantemente, temos que aceptar un novo concepto de alfabetización: o coñecemento dos sistemas e modo de operar das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Saber cando e por que se necesita a información, onde encontrala, como seleccionala, almacenala, reelaborala e compartila.

A lingua é unha ferramenta, por iso temos que intentar aprenderlle ao alumnado a manexala en todas as situacións de comunicación, temos que capacitar o alumnado adulto para unha axeitada xestión da información en todos os ámbitos da súa vida (persoal, académico, profesional…). Este módulo pretende ser un primeiro paso para o achegamento do alumnado adulto ao coñecemento e ao uso das novas tecnoloxías, como medio para buscar información e para organizala e expresala.

Neste bloque, os materiais e actividades propostos ao alumnado xirarán preferentemente sobre o uso dos ordenadores para buscar e atopar información, para formulala e intercambiala con outras persoas. Neste sentido, os contidos da epígrafe Comunicación escrita: ler e escribir terán especial significado.

Contidos.

1. Comunicación oral: falar, escoitar e conversar.

-Coherencia entre comunicación verbal e non verbal na produción dos discursos e presentacións orais.

-Exposición planificada, coa axuda das TIC, de informacións de actualidade e de experiencias e producións propias.

-Comprensión e exposicións de instrucións, ordes e informacións diversas.

-Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas nas linguas do ámbito.

-Utilización de estratexias encamiñadas á realización de tarefas individuais ou en grupo coa utilización das tecnoloxías da información e da comunicación (uso de correos electrónicos, textos de instrución...)

-Identificación e desenvolvemento progresivo de estratexias para superar as interrucións na comunicación na lingua estranxeira (como, por exemplo, a demanda de repetición e aclaración), facendo uso de elementos verbais e non verbais nas actividades da aula, en parella e en grupo.

-Produción de mensaxes orais curtas na lingua estranxeira, con estrutura lóxica e con pronuncia que non impida a comunicación (saúdo, despedida, presentacións, felicitación ás persoas da aula nos seus aniversarios, etc.)

2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

-Uso de estratexias na lectura para conseguir na lectura a adecuación ao contexto da entoación, o ritmo, as pausas, a énfase, a vocalización e as matizacións de voz e o volume.

-Comprensión de textos dos medios de comunicación, especialmente noticias e crónicas atendendo á estrutura do xornal dixital e aos elementos paratextuais.

-Comprensión, composición e intercambio de textos de instrucións da vida cotiá (prospectos, receitas...), dos medios de comunicación (bandos, edictos...) e do ámbito académico (regulamentos...) empregando as TIC.

-Consulta de páxinas dixitais para obter, expresar e intercambiar informacións, tanto en papel como virtualmente, sobre contidos do módulo.

-Redacción de textos utilizando procesadores de textos: correos electrónicos, intervencións en foros, traballos de carácter académico.

-Comprensión de textos da vida académica atendendo especialmente aos expositivos e de instrución, a consulta de dicionarios e outras fontes de información como webs educativas.

-En lingua estranxeira, comprensión xeral e identificación de informacións específicas en diferentes tipos de textos sinxelos auténticos e adaptados, en soporte papel e dixital, sobre diversos temas axeitados e relacionados coas áreas temáticas.

-Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

-Na lingua estranxeira, uso de diversas estratexias, como a planificación, a textualización e a revisión, para compoñer textos curtos sinxelos, coñecidos previamente en producións orais.

-Desenvolvemento da expresión escrita de forma guiada na lingua estranxeira.

3. Coñecemento da lingua.

-Iniciación e uso de dicionarios e de correctores ortográficos dos procesadores de textos.

-Distinción entre palabras flexivas e non flexivas, e recoñecemento das distintas categorías gramaticais e dos mecanismos de formación de palabras (composición e derivación).

-Recoñecemento e uso reflexivo dalgúns conectores textuais e dalgúns mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais (pronomes persoais, posesivos e demostrativos) como léxicos (repeticións, sinónimos e elipses).

-Participación en actividades de avaliación compartida, na avaliación da propia aprendizaxe e uso de estratexias de autocorrección.

-Aplicación de estratexias básicas para inferir, recordar, almacenar e ampliar o vocabulario activo.

-Na lingua estranxeira, reflexión guiada sobre o uso e o significado das formas gramaticais axeitadas a distintas intencións comunicativas: o tempo presente dos verbos.

-Identificación e uso de expresións comúns, de frases feitas sinxelas e de léxico relativo a contextos concretos e cotiáns na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Interese ante as TIC e actitude crítica ante o seu uso.

-Coñecemento da situación das linguas minorizadas e das internacionais, con manexo e interpretación de mapas, táboas, textos e información procedentes dos medios e das tecnoloxías da comunicación.

-Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación física ou virtual con outras persoas.

-Interese e iniciativa na comunicación con falantes ou aprendices da lingua estranxeira, utilizando soporte papel ou medios dixitais.

5. A educación literaria.

-Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer e de coñecemento do mundo.

-Composición de textos en soporte papel e dixital utilizando algunhas das aprendizaxes adquiridas nas lecturas dirixidas.

-Audición e visionamento de obras e fragmentos literarios (narracións breves e cancións) en soportes dixitais ou audiovisuais.

-Aproveitamento guiado dos fondos e recursos da biblioteca do centro e de bibliotecas virtuais.

-Consulta de páxinas dixitais sobre talleres literarios e participación neles.

Criterios de avaliación.

1. Identificar o tema, as ideas principais e secundarias de diferentes textos, tanto orais como escritos, en soporte papel ou dixital, nos ámbitos persoal, social e académico vinculados á realidade do alumnado adulto. Realizar tarefas de aprendizaxe seguindo instrucións con progresiva autonomía.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado adulto é capaz de obter, seleccionar e relacionar mensaxes propias da vida cotiá e do ámbito académico: noticias, crónicas, reportaxes en soporte papel ou dixital; cartas persoais, manuais de instrución, textos expositivos, webs educativas, enciclopedias e dicionarios dixitais…. Tamén se é capaz de facer esquemas ou resumos co contido máis significativo e se segue as normas e instrucións recibidas para a realización de tarefas de aprendizaxe.

2. Realizar exposicións orais sinxelas sobre temas de actualidade e próximos á experiencia do alumnado adulto, coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC.

Con este criterio preténdese observar se o alumnado adulto é capaz de presentar de forma ordenada e clara informacións sobre temas de actualidade e do seu interese, seleccionando o mais importante. Valorarase o uso nas súas exposicións dos apoios que proporcionan as TIC e os medios audiovisuais.

3. Producir textos, en soporte papel ou dixital, sobre temas de actualidade e próximos ao contorno do alumnado, coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC como elementos de autoaprendizaxe. Eses textos adecuaranse ao contexto, empregarase neles a estrutura organizativa propia de cada un deles (instrución, noticias, cartas…) e incluirán de forma axeitada os elementos de conexión, a sintaxe, a ortografía e un léxico rico e variado.

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade de producir textos do ámbito persoal (experiencias persoais, rutas de viaxes, cartas, receitas…) e académico (receitas, instrucións, resumos, explicacións e exposicións académicas sinxelas…) usando o rexistro adecuado e unha organización clara do contido. Valorarase o manexo das TIC, a presentación en soporte papel ou dixital, o respecto ás normas ortográficas e tipográficas, e a aplicación da planificación e revisión dos textos.

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para mellorar a comprensión de textos orais e escritos e para compoñer e revisar os textos propios deste bloque, tanto en soporte papel como dixital.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para mellorar a súa comprensión, composición e revisión de textos. Atenderase especialmente aos mecanismos de conexión, ás referencias internas de tipo gramatical (pronomes persoais, posesivos e demostrativos) e aos mecanismos de formación das palabras (derivación, composición…). En canto ás normas ortográficas, incidirase no uso dos dicionarios e correctores ortográficos dos procesadores de texto.

5. Recoñecer e comprender a diversidade lingüística do mundo actual a través de informacións obtidas nos medios de comunicación e nas TIC.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado, a través do manexo de mapas, táboas, textos e informacións procedentes das TIC e dos medios de comunicación, recoñece e comprende a diversidade lingüística do mundo actual, con especial referencia ás linguas minorizadas e ás internacionais.

6. Ler, escoitar ou ver con regularidade fragmentos, obras literarias ou adaptacións delas. Usar os coñecementos adquiridos na aula sobre literatura para unha mellor comprensión e desenvolvemento do criterio lector propio que permita ao alumnado adulto seleccionar, tanto en soporte papel como dixital, fragmentos literarios (narracións breves, cancións), e películas, para ser lidos, escoitados ou visionados. Expoñer a súa opinión persoal sobre eles e recoñecer os trazos xerais do xénero a que pertencen.

Este criterio pretende avaliar o uso dos coñecementos adquiridos non só para unha mellora da competencia lectora no ámbito literario senón tamén para o uso das TIC como fonte para ampliar as súas posibilidades de aprendizaxe e autoaprendizaxe (webs educativas, bibliotecas virtuais…) a través da busca, selección, lectura, audición e visionamento de fragmentos e obras axeitadas ás inquedanzas e intereses do alumnado adulto. Valorarase a elaboración dunha opinión apropiada atendendo á potencialidade dos trazos temáticos e formais das obras para ampliar o coñecemento do mundo que cadaquén posúe.

Criterios de avaliación de lingua estranxeira.

1. Establecer contactos sociais moi básicos de xeito intelixible sempre que o interlocutor colabore utilizando un discurso claro e lento e que repita o que non se comprende.

Con este criterio avalíase a capacidade do alumnado para utilizar de maneira espontánea as formas de cortesía máis sinxelas e cotiás relativas a saúdos, despedidas, agradecementos e presentacións.

2. Empregar as TIC de forma guiada para buscar información, producir mensaxes a partir de modelos e para establecer relacións persoais.

Con este criterio avaliarase a capacidade do alumnado adulto de utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta de comunicación e de aprendizaxe, en actividades habituais da aula e para establecer relacións persoais de forma guiada na lingua estranxeira. As comunicacións versarán sobre temas familiares e próximos á experiencia do alumnado adulto, previamente estudados na aula.

3. Comprender a información esencial, e os puntos principais ou detalles relevantes en textos breves, de estrutura sinxela, que conteñan información persoal básica propia e doutras persoas.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado para identificar información persoal básica (descrición física, nome, enderezo, teléfono, data e lugar de nacemento, idade e sexo, estado civil, orixe e nacionalidade, profesión, gustos, etc.) presentada ou solicitada en textos como formularios, fichas, cuestionarios, carnés ou anuncios.

4. Completar textos escritos en papel ou soporte dixital en que se solicita información básica sobre a identificación persoal.

Mediante este criterio avalíase a capacidade do alumnado para cubrir adecuadamente cuestionarios, formularios ou impresos con información persoal básica (nome, nacionalidade, idade, enderezo...).

5. Reformular na lingua propia o sentido dun texto en lingua estranxeira, oral ou escrito, sobre temas previamente traballados na aula, coa finalidade de facelo comprensible a interlocutores que descoñecen esa lingua estranxeira.

Trátase de avaliar a capacidade de mediar entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

6. Identificar e utilizar algunhas estratexias usadas para progresar na aprendizaxe, de acordo coa experiencia propia do alumnado adulto.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado adulto identifica e utiliza no seu propio proceso de aprendizaxe as estratexias básicas que favorecen a adquisición de coñecementos e habilidades: a aceptación do erro como parte do proceso de aprendizaxe; o uso de formas diversas para almacenar, memorizar e revisar o léxico; o uso correcto do dicionario e de recursos bibliográficos, informáticos e dixitais para recoller información, ampliar ou revisar aspectos estudados na aula, etc.

Modulo 2.

Bloque 1: a carón do lume.

A literatura tradicional e as novas achegas da cultura de masas.

Cómpre poñer especial atención á oralidade nas competencias activas; aproveitar os recursos que ofrecen as TIC, a biblioteca, a propia experiencia e o contorno do alumnado adulto para fomentar a interacción oral, rica e organizada, mediante a investigación en grupo e o traballo colaborativo.

A carón do lume pretende desenvolver no alumnado adulto o gusto pola comunicación oral, o respecto polas normas de interacción no grupo, o aprecio polo amplo acervo da literatura tradicional, das novas tradicións urbanas e da canción popular da sociedade de masas, reinterpretadas permanentemente a través dos medios de comunicación e das TIC. Os nosos maiores, os compañeiros e compañeiras e os medios de comunicación, as bibliotecas e internet son uns referentes fundamentais para investigar, recompilar, elaborar e compartir narracións, cancións, poemas, dramatizacións, informacións, e afondar na riqueza cultural que supón a diversidade lingüística, literaria e a expresividade popular.

Neste bloque, os materiais e actividades propostos ao alumnado xirarán preferentemente arredor dos materiais literarios, e a epígrafe 5, A educación literaria e a epígrafe 1 Falar, escoitar, conversar terán especial importancia.

Contidos.

1. Comunicación oral: falar, escoitar e conversar

-Valoración positiva das intervencións orais propias e alleas en calquera das linguas do ámbito.

-Audición e narración de contos populares de diversas culturas recollidos no contorno do alumnado ou buscados na internet.

-Audición de cancións populares actuais e doutros produtos da cultura da sociedade de masas.

-Uso de estratexias para a exposición planificada, clara e ordenada sobre temas de actualidade, contrastando os diferentes puntos de vista e opinións neles expresados e axudándose dos medios audiovisuais e das TIC.

-Esforzo e interese no uso da lingua oral.

-Na lingua estranxeira, uso de estratexias de comprensión das mensaxes orais: contexto verbal e non verbal e coñecementos previos sobre a situación, así como identificación de palabras clave.

-Produción de mensaxes orais breves e coherentes sobre temas de interese persoal e cunha pronuncia que non dificulte a comunicación na lingua estranxeira.

2. Comunicación escrita. Ler e escribir

-Comprensión de textos narrativos e argumentativos, textos propios da vida cotiá (disposicións legais e folletos) dos medios de comunicación (editoriais ou columnas) e textos do ámbito académico, en distintos soportes.

-Composición de textos narrativos, argumentativos e da vida cotiá (diarios, blogs, informes sobre tarefas e aprendizaxes...), presentados en distintos soportes.

-Manter comunicación persoal mediante correspondencia postal ou utilizando medios informáticos (chats, correo electrónico, etc) en calquera das linguas do ámbito de comunicación.

-Uso de estratexias para a planificación da escritura de textos: buscar e desenvolver ideas, organizalas, facer unha primeira redacción, corrixir (ortografía, puntuación, coherencia, léxico...) reelaboración do texto e preparación da redacción definitiva, tanto en papel como en soporte dixital.

-Escritura de textos narrativos e argumentativos atendendo ás características deste tipo de textos.

-Na lingua estranxeira, comprensión da información xeral e específica en diferentes tipos de textos, en soporte papel e dixital, auténticos e adaptados, sobre asuntos relacionados coas áreas temáticas.

-Recoñecemento e iniciación no uso dalgunhas fórmulas que diferencian a linguaxe formal e informal nas comunicacións escritas na lingua estranxeira.

3. Coñecemento da lingua.

-Recoñecemento e uso reflexivo dalgúns conectores textuais, como os de orde, os explicativos e os de contraste, e dalgúns mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais (substitucións pronominais) como léxicos, especialmente as elipses e o uso de hiperónimos de significado concreto.

-Identificación e uso das formas de deíxe persoal, temporal e espacial en textos orais e escritos.

-Revisión das normas básicas da ortografía da palabra, da oración e do texto.

-Identificación dos elementos morfolóxicos básicos destas clases de palabras: substantivo, verbo, adxectivo, adverbio e preposición.

-Identificación na lingua estranxeira de elementos morfolóxicos no uso da lingua: substantivo, verbo, adxectivo, adverbio, preposición, etc.

-Ampliación de expresións comúns, de frases feitas e de léxico apropiado a contextos concretos, cotiáns e das áreas temáticas, na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Recoñecemento e aprecio das tecnoloxías que están ao servizo da comunicación así como da función social e cultural que cumpren.

-Utilización da prensa e da televisión como fonte de información, lecer e coñecemento da cultura propia e doutras.

-Recoñecemento dos distintos xéneros informativos e de opinión na prensa escrita, en soporte papel ou dixital, e nos medios audiovisuais: noticia, reportaxe, crónica, editorial, artigo, entrevista etc.

-Na lingua estranxeira, ampliación de fórmulas de cortesía axeitadas nos intercambios sociais.

5. A educación literaria.

-Narración oral de relatos oídos no contorno ou de relatos de tradición oral localizados en repertorios escritos ou mediante as TIC.

-Audición, contextualización e análise de cancións populares actuais (de grupos, cantautores, etc.) e doutros produtos da cultura popular da sociedade de masas, en todas as linguas do ámbito.

-Lectura de relatos comparando e contrastando os temas e os elementos da historia, formas de inicio, desenvolvemento, desenlaces.

-Diferenciación dos principias subxéneros literarios.

-Identificación da estrutura dun texto literario (partes e relacións entre elas, conectores que as articulan...).

Criterios de avaliación.

1. Identificar a idea xeral, a intención comunicativa, o tema e as ideas principais e secundarias en textos sinxelos (tanto orais como escritos) dos ámbitos social e académico. Seguir instrucións para realizar tarefas guiadas de aprendizaxe.

Este criterio permite avaliar se o alumnado adulto é capaz de comprender e de reproducir, oralmente e por escrito, os feitos fundamentais de mensaxes oídas (narracións, poesías de tradición popular, cancións actuais...) ou lidas en diversos contextos da vida cotiá (radio, prensa, televisión, mensaxes electrónicas…) recoñecendo as ideas principais e as secundarias, apoiándose, nos textos escritos, nos seus aspectos tipográficos (tipo de letra, títulos, parágrafos…) ou en mecanismos como o subliñado, esquemas, etc. Tamén permitirá comprobar se é capaz de seguir instrucións para realizar tarefas (recompilación de material literario tradicional…) ou exposicións ordenadas de carácter académico.

2. Realizar exposicións orais sinxelas sobre temas de actualidade e próximos á experiencia do alumnado adulto, considerando os diversos puntos de vista e coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC.

Con este criterio preténdese observar se o alumnado adulto é capaz de presentar de forma ordenada e clara informacións sobre temas relacionados cos contidos do bloque (exposición planificada e clara sobre temas de actualidade, narración de contos populares de distintas culturas recollidos no contorno ou na internet…), seleccionando o máis relevante e tendo en conta se son capaces de utilizar nas súas exposicións os apoios que proporcionan as TIC e os medios audiovisuais.

3. Realizar narracións, resumos e exposicións de experiencias vividas, con claridade, estrutura e rexistro axeitado, tanto de forma oral como por escrito, en soporte papel ou dixital, coa axuda dos medios audiovisuais a das TIC, e compartilas con outras persoas a través deses medios. Neste caso, prestarase especial atención á planificación, á revisión, ao respecto ás normas gramaticais e ortográficas, e ao uso dun léxico variado.

Con este criterio preténdese comprobar que o alumnado adulto é capaz de narrar e redactar feitos e vivencias próximos á súa experiencia persoal (sentimentos, anécdotas…), académica e social (recompilación e presentación de narracións e poemas de carácter popular, textos narrativos, argumentativos, diarios, blogs…) de maneira secuenciada, con claridade, coherencia e corrección gramatical e ortográfica. Valorarase especialmente se teñen en conta o contexto, os receptores das súas mensaxes e o uso dos medios audiovisuais e das TIC nas súas producións e presentacións.

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para mellorar a comprensión de textos orais e escritos e para compoñer e revisar os textos propios deste bloque, tanto en soporte papel como dixital.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para mellorar a súa comprensión, composición e revisión de textos. Atenderase especialmente aos mecanismos de conexión (a deíxe persoal, temporal e espacial) así como ao recoñecemento e uso correcto de elementos morfolóxicos básicos (substantivo, verbo, adxectivo, adverbio e preposición) da adecuación e da gramaticalidade. En canto ás normas ortográficas, revisaranse a regras xerais de acentuación e a ortografía do vocabulario máis usual priorizando o uso dos dicionarios e correctores ortográficos dos procesadores de texto.

5. Recoñecer en textos orais e escritos diferentes clases de representacións ou expresións que impliquen algunha forma de discriminación lingüística, social, sexual, racial etc.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado adulto é capaz de localizar os usos discriminatorios da lingua, presentes en mensaxes orais, escritas e icónico-verbais, especialmente nos produtos da cultura tradicional e da cultura da sociedade de masas; que reflexione sobre a práctica persoal e social dalgunha forma de discriminación tanto consciente como inconsciente.

6. Ler, escoitar ou ver con regularidade fragmentos, obras literarias completas ou adaptacións. Usar os coñecementos adquiridos na aula sobre literatura para unha mellor comprensión e desenvolvemento do criterio propio, que permita ao alumnado adulto recuperar e seleccionar, tanto en soporte papel como dixital, fragmentos literarios (narracións breves, poemas, cancións populares actuais…) para ser lidas e escoitadas na aula. Prestarase especial atención ao esforzo por recuperar e dar a coñecer contos, anécdotas, poemas de carácter popular recollidos no seu contorno e a través das TIC, así como á maneira de expoñer a súa opinión persoal sobre elas.

Este criterio pretende avaliar o uso dos coñecementos adquiridos non só para unha mellora da competencia lectora no ámbito literario senón tamén para o uso das TIC como fonte para ampliar as súas posibilidades de aprendizaxe e autoaprendizaxe (manexo de gravadores e reprodutores en distintos soportes, uso de programas de creación audiovisual, webs educativas…) a través da busca, recuperación, lectura e audición de obras de carácter popular recollidas, non só do seu entorno senón tamén noutras culturas. Valorarase o uso que o alumnado faga dos medios audiovisuais e das TIC nos seus traballos e a elaboración dunha opinión apropiada, atendendo á capacidade que teñen os trazos temáticos e formais das obras para ampliar o coñecemento do mundo que posúe.

Criterios de avaliación de lingua estranxeira.

1. Identificar a idea xeral e as secundarias de mensaxes orais sinxelas que procedan de distintos medios audiovisuais ou emitidas cara a cara, sobre temas moi coñecidos para o alumnado adulto.

Con este criterio avaliarase a comprensión da idea xeral de mensaxes breves e conversas sobre temas próximos ao alumnado adulto, sempre que se emitan cunha pronunciación estándar e facendo uso das estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

2. Comprender e dar instrucións e indicacións moi breves e sinxelas se se formulan amodo e articuladas claramente, e reaccionar adecuadamente ante elas, aínda que sexan necesarias repeticións e aclaracións e se teña que recorrer ao uso de estratexias paralingüísticas.

Trátase de avaliar esencialmente que o alumno adulto é capaz de seguir e dar instrucións moi básicas (como a de ir a un lugar ou comprender avisos básicos). Valorarase que se fagan preguntas e se dean respostas para asegurar a comunicación. Os intercambios comunicativos poderán presentar algunhas incorreccións sempre que non imposibiliten a comunicación.

3. Comunicarse en conversas sinxelas que requiran o intercambio de experiencias persoais e de actividades cotiás e de necesidade inmediata, mediante frases memorizadas, breves e illadas, da linguaxe formal e informal. O alumno ou a alumna farase comprender aínda que realice pausas para buscar as expresións e as palabras menos habituais, sendo capaz de utilizar as estratexias que lle permitan garantir a comunicación.

Trátase de avaliar a capacidade de formular e responder de maneira intelixible preguntas sinxelas sobre as súas actividades da vida diaria, tempo libre e lecer, relacións humanas e sociais habituais e sobre as condicións atmosféricas. Valorarase a utilización dun repertorio léxico moi elemental pero propio dos distintos temas abordados.

4. Formular invitacións e realizar propostas moi sinxelas, reaccionando adecuadamente a elas, se se lle fala a xeito e con claridade, e usando estruturas lingüísticas sinxelas dentro dun repertorio aprendido.

Con este criterio avaliarase a capacidade do alumnado adulto de ofrecer e rexeitar, utilizando normas básicas e sinxelas de cortesía. Valorarase a utilización adecuada das expresións relativas á expresión do acordo, do desacordo, do interese, da posibilidade e imposibilidade, así como a expresión de números, cantidades, horas e expresións temporais sinxelas relacionadas co presente e co pasado.

5. Escribir notas e mensaxes moi breves e sinxelas relativas a necesidades inmediatas.

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado adulto de escribir textos breves moi sinxelos con información de inmediata necesidade (indicando horas, número, prezo...), empregando palabras e expresións moi básicas de uso habitual, e frases e oracións simples e illadas, ou enlazadas con conectores elementais.

Bloque 2: nun lugar desta aulaA linguaxe literaria.

No segundo bloque do segundo módulo preténdese achegar o alumnado adulto ao coñecemento da literatura como sistema especial de comunicación, para incrementar a súa capacidade de comprensión e interpretación de mensaxes escritas, mellorar o gusto pola escoita e lectura de textos literarios, e fortalecer o seu espírito crítico.

A lingua e a literatura son transmisoras de significados culturais e iso supón atender a aspectos como o seu papel de depositarias e, ao mesmo tempo, conformadoras dunha determinada visión do mundo e da sociedade. A lectura de fragmentos contextualizados e obras representativas das literaturas galega e castelá permitirá ao alumnado afondar nos sentimentos, mergullarse nas fantasías e coñecer os gustos e as ideas da sociedade de cada época.

Neste bloque, os materiais e actividades propostos ao alumnado xirarán preferentemente arredor dos materiais literarios e os contidos da epígrafe 5, A educación literaria, terán especial importancia.

Contidos.

1. Comunicación oral: falar, escoitar e conversar.

-Participación respectuosa e responsable en situacións de comunicación oral (diálogos, debates, coloquios...) .

-Exposición de experiencias e argumentos de carácter persoal e descrición dos personaxes de textos lidos ou vistos en películas ou documentais.

-Actitude crítica ante os usos orais que supoñen discriminación social, racial, sexual ou de calquera outro tipo.

-Obtención de información xeral e específica de textos orais na lingua estranxeira sobre asuntos cotiáns e predicibles, procedentes de diferentes medios audiovisuais e con apoio de elementos verbais e non verbais.

-Participación en situacións reais ou simuladas de comunicación na lingua estranxeira (conversas telefónicas, peticións, autopresentacións, identificación de obxectos, lugares ou persoas) en todo tipo de interaccións (parellas, grupos, equipos) dentro da aula, con pronuncia e entoación axeitadas para conseguir a comunicación.

2. Comunicación escrita. Ler e escribir.

-Uso de estratexias para discriminar as ideas importantes das secundarias e así atopar as informacións significativas.

-Comprensión de textos descritivos propios da vida cotiá, dos medios de comunicación, (noticias, documentais...) e do ámbito académico en distintos soportes.

-Compoñer textos facendo descricións físicas e psicolóxicas de personaxes.

-Uso de procedementos para compoñer os enunciados con estilo cohesionado, especialmente mediante a inserción de expresións explicativas e de construcións de participio e de xerundio.

-Composición de textos de intención literaria utilizando algunhas das aprendizaxes adquiridas nas lecturas.

-Interese por coidar a presentación dos textos escritos en soporte papel e dixital.

-Utilización progresivamente autónoma da biblioteca do centro, das do contorno e de bibliotecas virtuais.

-Iniciativa para ler de xeito autónomo textos de certa extensión na lingua estranxeira.

-Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira mediante correspondencia postal ou utilizando medios informáticos: chats, e-mail, etc. Utilización das tecnoloxías da información e da comunicación para ler e transmitir información.

3. Coñecemento da lingua.

-Revisión dos elementos morfolóxicos básicos: substantivo, verbo, adxectivo, adverbio e preposición.

-Emprego axeitado dos tempos verbais en cada unha das linguas do ámbito.

-Recoñecemento do funcionamento sintáctico do verbo, identificando o suxeito e os complementos. Utilización dunha terminoloxía sintáctica básica.

-Recoñecemento dos distintos tipos de oracións simples.

-Aplicación de estratexias básicas para inferir, recordar, almacenar e ampliar o vocabulario activo.

-Uso das estruturas gramaticais (o pasado verbal) e das funcións máis habituais na lingua estranxeira.

-Recoñecemento e pronuncia de fonemas de especial dificultade na lingua estranxeira.

-Recoñecemento e produción de patróns básicos de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Interese pola consulta das fontes de documentación escrita e dixital nas tarefas de aprendizaxe

-Valoración do enriquecemento persoal que supón a relación física ou virtual con outras persoas.

-Coñecemento dos acontecementos culturais diversos de tipo histórico, aspectos xeográficos ou literarios dos lugares onde se fala a lingua estranxeira, obtendo a información por diferentes medios (biblioteca, internet e outras tecnoloxías da información e da comunicación).

5. A educación literaria.

-Revisión dos principais xéneros e subxéneros literarios a través de lecturas comentadas.

-Lectura, audición e/ou visionamento de obras e fragmentos significativos da literatura narrativa galega e castelá.

-Lectura dramatizada e comentada de poemas e obras teatrais breves, recoñecendo os recursos empregados nelas (onomatopea, anáfora, metáfora, entre outras).

-Identificación dos elementos fundamentais do relato literario (personaxes, acción, espazo, tempo...)

-Uso de estratexias para a comprensión das relacións entre cine e literatura: visionamento de películas, contextualización, identificación dos seus elementos narrativos, lingüísticos e formais.

Criterios de avaliación.

1. Identificar o tema, as ideas principais e as secundarias de diferentes textos, tanto orais como escritos, en soporte papel ou dixital, dos ámbitos social e académico vinculados á realidade do alumnado adulto. Realizar tarefas de aprendizaxe seguindo instrucións con progresiva autonomía.

Con este criterio preténdese comprobar se o alumnado é capaz de comprender e relacionar mensaxes propias da vida cotiá (cartas, descrición de persoas, sentimentos….) e do ámbito académico, especialmente do literario (noticias, documentais, textos descritivos e dos medios de comunicación, webs educativas, enciclopedias…) en soporte papel ou dixital. Tamén se é capaz de esquematizar e resumir o seu contido máis significativo e se segue as normas e instrucións recibidas para a realización de tarefas de aprendizaxe.

2. Realizar exposicións orais sinxelas sobre temas de actualidade e próximos á experiencia do alumnado adulto, coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC.

Con este criterio preténdese observar se o alumnado adulto é capaz de presentar de forma clara e ordenada informacións sobre temas de actualidade e do seu interese, seleccionando o mais importante. Valorarase o uso nas súas exposicións do apoio que proporcionan as TIC e os medios audiovisuais.

3. Compoñer textos, en soporte papel ou dixital, tomando como modelos textos literarios ou realizar algunhas transformacións neses textos.

Avaliarase a capacidade para recrear ou imitar poemas ou relatos utilizando determinados recursos como a rima ou o ritmo ou realizando algunha transformación neles. Terase en conta, máis que a calidade literaria das producións, a utilización dos coñecementos adquiridos e o uso de pasos propios do proceso (planificación, escritura do texto, revisión).

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso lingüístico para mellorar a comprensión de textos orais e escritos e para compoñer e revisar os textos propios deste bloque, tanto en soporte papel como dixital.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e a literatura e as normas de uso para mellorar a súa comprensión, composición e revisión de textos. Atenderase especialmente aos mecanismos de conexión (a deíxe persoal, temporal e espacial), ao recoñecemento e uso correcto dos recursos literarios básicos (onomatopea, anáfora, metáfora…) e ao emprego axeitado dos tempos verbais en todas as linguas do ámbito. En canto ás normas ortográficas, revisaranse as regras xerais de acentuación e a ortografía do vocabulario máis usual, priorizando o uso dos dicionarios e correctores ortográficos dos procesadores de texto.

5. Aplicar os coñecementos literarios adquiridos para mellorar a comprensión e a valoración de fragmentos e obras lidos ou localizados a través das TIC. Valorarase especialmente a identificación dos temas e motivos da tradición literaria e a capacidade para situar as obras lidas dentro do xénero correspondente.

Con este criterio preténdese avaliar se o alumnado adulto comprende e valora textos representativos a partir de comentarios realizados na aula. Porase especial atención na identificación do xénero ou subxénero, na comprensión do tema, na identificación dos personaxes e no tratamento do espazo e do tempo. Tamén se valorará a competencia para localizar e seleccionar fragmentos de obras literarias adaptados aos intereses do alumnado adulto.

Criterios de avaliación en lingua estranxeira.

1. Intervir en conversas e simulacións relacionadas coas experiencias persoais, cos plans e proxectos propios, con progresiva autonomía. Empregaranse estruturas sinxelas, as expresións máis usuais, e unha pronuncia que non impida a comunicación.

Con este criterio trátase de valorar a capacidade do alumnado adulto para participar en situacións de comunicación oral que impliquen a comprensión e a expresión de mensaxes. Estas conversas poderán ser as habituais de clase (pedir información e aclaración, pedir permiso, traballar en grupo, etc.) e as creadas polo profesor (simulacións, comunicacións mediante as novas TIC, etc.) As mensaxes poderán ser aínda titubeantes, incluír un léxico reducido e conter erros morfosintácticos.

2. Reformular na lingua propia o sentido dun texto en lingua estranxeira, oral ou escrito, sobre temas previamente estudados na aula, para facelo comprensible a interlocutores que descoñecen esa lingua.

Con este criterio avalíase a capacidade de mediar entre persoas interlocutoras que non poden entenderse polo descoñecemento da lingua, facendo equivalencia dunha lingua a outra ou dando explicacións do significado do texto.

3. Comprender a información xeral e a específica de textos escritos sinxelos de extensión variada. O alumnado demostrará a súa comprensión a través dunha tarefa específica.

A través deste criterio avaliarase se o alumnado adulto é capaz de comprender textos escritos (correspondencia, anuncios, folletos de diverso tipo, narracións sinxelas, artigos de revistas, páxinas web, etc.), aplicando estratexias de lectura. Entre outras, utilizaranse a aplicación de regras de formación de palabras, os coñecementos transferidos das linguas que coñece ou vinculados a outras áreas do currículo das persoas adultas e a inferencia dos significados polo contexto.

4. Escribir, na lingua estranxeira, a partir dun modelo, correspondencia persoal moi breve e sinxela sobre temas da vida cotiá ou de inmediata necesidade.

Con este criterio avalíase a capacidade do alumnado para escribir, en papel ou soporte dixital, notas, cartas persoais, postais, felicitacións e correos electrónicos moi sinxelos e breves, que conteñan información cotiá ou de primeira necesidade. Isto farase a partir de modelos previos, usando as fórmulas máis básicas de saúdo e despedida, adaptando a presentación ao tipo de texto e usando frases e oracións simples e illadas ben estruturadas e cunha orde lóxica, dentro dun repertorio xa aprendido.

5. Aplicar os coñecementos sobre a lingua estranxeira e as normas de uso lingüístico para resolver problemas de comprensión oral e escrita, e para compoñer e revisar de maneira cada vez máis autónoma os textos propios.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso estudadas para mellorar a súa comprensión de mensaxes orais en lingua estranxeira, e a composición e revisión de textos

6. Seleccionar exemplos de aspectos sociais, culturais, históricos, xeográficos ou literarios propios dos países onde se fala a lingua estranxeira, mostrando interese por coñecelos.

A través deste criterio preténdese avaliar o coñecemento dos trazos máis importantes e característicos da sociedade, cultura, historia, xeografía e literatura dos países onde se fala a lingua estranxeira, valorando especialmente o respecto intercultural.

Nivel II.

Módulo 3.

Bloque 1: imos ao quiosco.

Os medios de comunicación.

O ámbito lingüístico ten como finalidade fundamental o desenvolvemento da competencia comunicativa do alumnado e da capacidade de interaccionar nas diversas situacións de comunicación. A sociedade actual posúe unha suficiencia extraordinaria para producir e consumir mensaxes e imaxes que chegan a través dos medios de comunicación, construíndo un poderoso vehículo de expresión, coñecemento e transformación da realidade, podéndose converter nun medio de manipulación do pensamento. Por todo iso, é imprescindible potenciar no alumnado, a través da análise e valoración das mensaxes dos medios, un xuízo crítico e unha reflexión con que poida alcanzar un criterio propio e unha visión crítica da realidade, a través dun conxunto de estratexias básicas: seleccionar información, analizala, distinguir feitos de opinións, relacionar, etc.

Os contidos que marcarán as pautas deste bloque e que servirán de núcleos organizadores son os relacionados coa comprensión de textos e produtos en xeral dos medios de comunicación escrita e audiovisual, coa súa análise, e coa construción de textos seguindo as características formais dos que aparecen neses medios.

Contidos.

1. Escoitar, falar e conversar.

-Comprensión de textos propios dos medios de comunicación audiovisual con especial atención ás entrevistas e noticias.

-Uso de estratexias para lograr a comprensión e a valoración crítica da comunicación televisiva e radiofónica coas súas características propias.

-Comprensión de textos orais do ámbito académico, como presentación de tarefas e de instrucións para a súa realización.

-Uso consciente dos elementos paraverbais e non verbais na intervención oral planificada.

-Colaboración en actividades de aprendizaxe individuais ou compartidas, especialmente nas que fan referencia ao modo de organizar a actividade, a achega de informacións útiles para o traballo en común e a exposición de informes sobre as tarefas realizadas.

-Participación en conversas e simulacións sobre temas de actualidade recollidos dos medios de comunicación.

-Na lingua estranxeira escoita, identificación e comprensión de información xeral e específica de mensaxes sinxelas, de progresiva dificultade, cara a cara ou emitidas por medios audiovisuais sobre temas concretos e coñecidos, pronunciados con lentitude e claridade.

-Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

-Participación en conversas e simulacións sobre temas cotiáns e de interese persoal con diversos fins comunicativos na lingua estranxeira.

2. Ler e escribir.

-Recoñecemento e comprensión de textos dos medios de comunicación en soporte papel ou dixital, como noticias, entrevistas, editoriais e crónicas, recoñecendo as diferenzas entre información e opinión.

-Estratexias para a análise de textos publicitarios dos medios de comunicación escritos, dos elementos que se empregan neles e as súas mensaxes explícitas e implícitas.

-Composición de textos coas características formais usadas nos xéneros propios dos medios de comunicación.

-Análise dos diversos puntos de vista usados nos distintos medios de comunicación escritos e virtuais para transmitir a mesma información.

-Interese pola presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital, utilizando adecuadamente a ortografía e os signos de puntuación.

-Actitude reflexiva e crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación, con especial atención ás procedentes de reportaxes, crónicas ou entrevistas dos medios de comunicación.

-Identificación dos elementos formais e recoñecemento dalgunhas características e convencións da linguaxe dos medios de comunicación.

-Interese ante as tecnoloxías da comunicación e actitude crítica ante o seu uso.

-Comprensión da información xeral e específica de textos auténticos na lingua estranxeira, en soporte papel e dixital, sobre temas cotiáns de interese xeral e relacionados con contidos doutras áreas do currículo.

-Produción guiada de textos sinxelos e estruturados na lingua estranxeira, con algúns elementos de cohesión para marcar con claridade a relación entre ideas, e utilizando estratexias básicas no proceso de composición escrita (planificación, textualización e revisión de borradores) que axuden á reflexión sobre o proceso de escritura.

3. Coñecemento da lingua.

-Coñecemento das diferenzas entre usos formais e informais da lingua a través dos distintos medios de comunicación e consciencia das situacións comunicativas en que resultan adecuados.

-Identificación e uso das variacións (fórmulas de confianza e de cortesía) que adoptan as formas deícticas en relación coa situación.

-Revisión dos conectores textuais de orde, de contraste e explicativos, e recoñecemento e uso dos distributivos e de causa, usados frecuentemente nos medios de comunicación.

-Recoñecemento e uso coherente das formas verbais nos textos.

-Coñecemento das funcións sintácticas características das clases de palabras, cara á mellora das estruturas na construción e revisión de textos, con emprego dunha terminoloxía sintáctica axeitada.

-Uso de procedementos para compoñer enunciados cohesionados.

-Identificación e revisión da estrutura do texto en textos de carácter informativo e publicitario.

-Uso de estratexias para a organización do traballo persoal, da autoavaliación e da autocorrección para progresar na aprendizaxe.

-Na lingua estranxeira, uso progresivamente autónomo de expresións comúns, frases feitas e léxico sobre temas de interese persoal e xeral, temas cotiáns e temas relacionados coas áreas temáticas.

-Uso de estruturas e funcións asociadas a diferentes situacións de comunicación na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Coñecemento xeral e concreción no marco peninsular das causas que contribúen á formación, expansión, transformación, minorización, substitución e normalización das linguas, con manexo e interpretación de mapas, táboas, textos e información dos medios e tecnoloxías da comunicación.

-Comprensión da situación sociolingüística galega a través da abordaxe dos fenómenos de contacto de linguas (bilingüismo e diglosia) desenvolvendo proxectos de traballo que teñan como referencia os distintos medios de comunicación en diversos soportes.

-Comprensión e análise do uso das dúas linguas da comunidade autónoma nos medios de comunicación.

-Identificación dos trazos comúns e das diferenzas máis significativas que existen entre os costumes, usos, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda e os propios de Galicia.

-Na lingua estranxeira, uso apropiado desde o punto de vista sociocultural de fórmulas lingüísticas en situacións concretas de comunicación para expresar matices semánticos como cortesía, acordo, discrepancia, etc.

5. Educación literaria.

-Lectura e valoración de textos literarios (artigos, ensaios, contos) aparecidos nos medios de comunicación.

-Análise dos elementos propios da narración e do teatro (espazo, tempo, acción, personaxes, etc.) en producións televisivas.

-Lectura de obras relacionándoas cos grandes períodos e autores da literatura a partir da Idade Media ata o século XVI.

-Recitación de poemas, comparando o tratamento de certos temas recorrentes en distintos períodos literarios.

-Lectura de relatos, observando a transformación da narrativa desde a épica medieval en verso á narración en prosa, e do heroe ou heroína como personaxe de novela, ata o século XVI.

-Lectura dramatizada de obras teatrais breves e de fragmentos representativos do teatro clásico español.

-Composición de textos de intención literaria.

-Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer, de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Criterios de avaliación.

1. Identificar o tema, a idea principal e as secundarias de textos propios dos medios de comunicación e da publicidade, así como sintetizar o contido fundamental dunha exposición académica oral.

Con este criterio comprobaremos se o alumnado adulto pode identificar a idea fundamental e máis a información relevante dos textos propios dos medios de comunicación e da publicidade. Debe servir tamén para avaliar a súa comprensión de textos expositivos propios do ámbito académico a través da realización de resumos e esquemas.

2. Realizar exposicións orais sinxelas sobre temas de actualidade próximos á experiencia do alumnado adulto. Contrastaranse os diferentes puntos de vista e as opinións expresadas nos medios de comunicación e nas mensaxes publicitarias. Avaliarase tamén a participación en traballos colaborativos e en simulacións (de entrevistas, de anuncios de publicidade), respectando as regras correspondentes.

Con este criterio comprobarase se o alumnado adulto é capaz de expoñer oralmente informacións de actualidade, así como de participar en traballos colaborativos e realizar informes académicos. Valorarase se utiliza un guión previamente elaborado e mantén a atención do auditorio coa axuda de pausas e inflexións da voz, da linguaxe non verbal e dos medios audiovisuais e das TIC.

3. Producir textos propios dos medios de comunicación (noticias, editoriais, entrevistas, crónicas, cartas ao director) e dos ámbitos social e académico. Usaranse con autonomía os modelos propostos na aula. Valoraranse especialmente a planificación e a revisión deses textos, así como a súa coherencia e cohesión e a riqueza do léxico empregado.

Con este criterio búscase avaliar a capacidade do alumnado adulto para producir textos seguindo as características formais dos propios dos medios de comunicación e se segue os pasos da escrita compositiva: planificar, xerar e organizar as ideas, e revisar realizando sucesivas versións.

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para mellorar a comprensión dos propios textos e para compoñelos e revisalos de xeito progresivamente autónomo.

Con este criterio comprobarase como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para mellorar a comprensión e a composición e revisión textuais. Atenderase ás variacións sociais da deíxe (fórmulas de confianza e cortesía), conectores distributivos, de orde, de contraste, explicación e causa; valores e uso das formas verbais; recoñecemento das funcións características das clases de palabras; construción de enunciados cohesionados; a comparación de formas e funcións das palabras nas linguas que estuda e coñece. Terase en conta a puntuación como recurso de cohesión, o uso da raia e da paréntese en incisos e os usos expresivos das comiñas.

5. Utilizar os medios de comunicación para comprender e analizar o uso das dúas linguas na comunidade autónoma. Recoñecer as causas da diversidade lingüística e dos procesos sociolingüísticos.

Avalíase a través deste criterio o recoñecemento das circunstancias que actúan na conformación e evolución social das linguas, especialmente das da nosa comunidade, facendo análises dos distintos programas que ofrecen os medios de comunicación audiovisual e as publicacións escritas, sobre a quen van dirixidos e a lingua que usan, a través de mapas conceptuais, esquemas e resumos.

6. Ler, escoitar ou ver con regularidade obras literarias ou adaptacións delas e desenvolver o criterio lector. Expoñer a opinión persoal sobre a lectura ou o visionamento realizados. Valorarase se o alumnado adulto identifica a estrutura das obras, o seu punto de vista e a linguaxe utilizada.

Este criterio está dirixido a coñecer a competencia lectora do alumnado adulto no ámbito literario a través da lectura persoal ou o visionamento de obras completas, de fragmentos, artigos de carácter literario ou adaptacións traballadas na aula.

Criterios de avaliación en lingua estranxeira.

1. Identificar a idea principal e os detalles relevantes de textos e mensaxes orais sinxelas sobre temas coñecidos e próximos á experiencia do alumnado adulto, emitidos con claridade, cara a cara ou por medios técnicos (radio, televisión, etc.).

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade para seguir instrucións, comprender avisos, diálogos ou exposicións breves sobre temas coñecidos (lecer e tempo libre, preferencias, experiencias persoais, organización da aula) cunha pronunciación estándar e utilizando as estratexias básicas de comprensión das mensaxes orais.

Preténdese tamén avaliar que o alumnado é capaz de comprender detalles concretos e relevantes (horas, números, letras, accesos básicos aos lugares públicos...) para o obxectivo comunicativo, relativos a accións, acontecementos e necesidades cotiás en tempos presente e pasado.

2. Comprender a información xeral e os datos máis relevantes de textos escritos auténticos, de extensión variada e sinxelos, e próximos ao alumnado adulto.

Mediante este criterio valorarase a capacidade para comprender diferentes tipos de textos escritos sinxelos (narrativos, descritivos, argumentativos) que traten temas de interese xeral, aplicando as estratexias de lectura coñecidas e outras novas, como a identificación do tema por medio de elementos textuais e paratextuais.

3. Expresarse intelixiblemente e solicitar a colaboración do interlocutor e responder igualmente á petición deste para asegurar a comprensión e o mantemento da comunicación.

Con este criterio trátase de verificar, en todas as tarefas de interacción oral, que se é capaz de mobilizar recursos lingüísticos, como a utilización de expresións memorizadas fixas para pedir que lle falen a un máis a modo, que lle repitan o que lle dixeron, ou que lle soletreen unha palabra que non se entendeu.

4. Escribir de forma guiada textos diversos sinxelos e breves, coidando o léxico, as estruturas e os elementos de cohesión e coherencia, para remarcar a relación entre as ideas e facelos comprensibles ao lector.

Con este criterio preténdese valorar se o alumnado adulto é capaz de comunicarse por escrito facendo uso do rexistro adecuado. Os textos incluirán unha sintaxe simple e facilmente comprensible, un léxico limitado pero apropiado ao contexto, e a ortografía e a puntuación correctas.

5. Aplicar os coñecementos sobre a lingua estranxeira e as normas de uso lingüístico para resolver problemas de comprensión oral e escrita, e como instrumento de autocorrección e autoavaliación, para compoñer e revisar de maneira cada vez máis autónoma os textos propios.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso estudadas para mellorar a súa comprensión de mensaxes orais en lingua estranxeira, e para compoñer e revisar mellor os seus propios textos.

Bloque 2: @puntonós.

As TIC como ferramenta de aprendizaxe da lingua.

O traballo neste bloque, iniciado xa no bloque 2 do módulo primeiro, céntrase tamén no emprego activo das tecnoloxías da información e da comunicación, e ten como obxectivo que o alumnado adulto sexa competente no tratamento da información dixital. Cómpre aprender ao alumnado a utilizar unha serie de ferramentas que hoxe en día se presentan en soportes variados e que lles permitirán mellorar as súas habilidades para obter e expresar información significativa.

A lingua mesma é a ferramenta con que se aborda a crecente información de que se dispón. O coñecemento dos sistemas e modo de operar das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e do seu uso debe capacitar o alumnado para unha axeitada xestión da información atendendo ás distintas finalidades prácticas, persoais e profesionais. Necesitaranse estratexias para organizar, relacionar e sintetizar esta información e tamén para prepararnos para os novos avances tecnolóxicos que se aveciñan.

Neste bloque, as epígrafes Comunicación escrita: ler e escribir e Lingua e sociedade terán unha especial relevancia.

Contidos.

1. Comunicación oral. Escoitar, falar e conversar.

-Comprensión de mensaxes orais dos medios de comunicación audiovisual (radio, televisión, internet), con especial atención ás crónicas e reportaxes.

-Exposición planificada, clara e ordenada sobre temas de actualidade, contrastando diferentes puntos de vista e opinións neles expresadas e axudándose dos medios audiovisuais e das TIC.

-Comprensión de textos orais do ámbito académico, como intervencións en simposios ou exposicións orais de temáticas variadas.

-Uso consciente dos elementos paraverbais e non verbais na intervención oral planificada.

-Utilización de estratexias encamiñadas á realización de tarefas individuais ou en grupo coa utilización das tecnoloxías da información e da comunicación (achega de informacións, exposicións, informes...).

-Comprensión de instrucións en contextos reais e simulados na lingua estranxeira.

-Produción oral de descricións, narracións e explicacións breves sobre acontecementos, experiencias e coñecementos diversos na lingua estranxeira.

-Comprensión do sentido dun texto e reformulación na propia lingua, como actividade de mediación ante interlocutores que descoñecen a lingua estranxeira.

2. Ler e escribir.

-Comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais en ámbitos próximos á experiencia do alumnado, como mensaxes de chat e de correo electrónico, normas e instrucións de uso.

-Comprensión de textos do ámbito académico, atendendo especialmente aos de carácter instrutivo e expositivo (incluídos webs educativas e informacións de dicionarios, glosarios e enciclopedias en diversos soportes).

-Utilización da composición escrita como fonte de información e aprendizaxe, como forma de comunicar experiencias, opinións e coñecementos propios, e como forma de regular a conduta.

-Estratexias para a utilización autónoma da biblioteca e das TIC, tanto para obter, organizar e seleccionar información, como para empregala como modelos para a composición escrita.

-Uso das TIC para elaborar textos escritos ben presentados e correctos, aproveitando as posibilidades dos procesadores de textos, correctores ortográficos, etc.

-Na lingua estranxeira, uso de distintas fontes, en soporte papel, dixital ou multimedia, para obter información co fin de realizar tarefas individuais ou en grupo.

-Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira mediante a correspondencia postal ou utilizando medios informáticos: chats, e-mail, etc.

3. Coñecemento da lingua.

-Identificación e uso reflexivo dos mecanismos de referencia interna, tanto gramaticais como léxicos, especialmente as nominalizacións e os hiperónimos de significado abstracto.

-Recoñecemento e uso coherente das formas verbais nos textos con especial atención aos valores aspectuais e modais das perífrases verbais.

-Análise das funcións sintácticas características das clases de palabras.

-Revisión dos distintos tipos de oracións simples.

-Coñecemento das normas de puntuación en relación coa cohesión sintáctica, e das normas ortográficas, con aprecio dos seus valores funcionais e sociais.

-Uso de estratexias para a organización do traballo persoal para progresar na aprendizaxe.

-Interpretación e aproveitamento das informacións lingüísticas que ofrecen os dicionarios interactivos e os correctores ortográficos dos procesadores de textos.

-Na lingua estranxeira, aplicación de diferentes estratexias para organizar, adquirir, lembrar e utilizar léxico.

-Organización e uso, cada vez máis autónomo, de recursos para a aprendizaxe (dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou tecnoloxías da información e da comunicación) para a aprendizaxe da lingua estranxeira.

-Confianza e iniciativa para expresarse oralmente e na escrita na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Coñecemento xeral da formación da lingua galega e das distintas etapas da súa historia social ata o século XIX, con manexo de textos da época e de información tomados dos medios e tecnoloxías da comunicación.

-Comprensión da situación sociolingüística galega a través do estudo dos fenómenos de contacto de linguas (conflito lingüístico, interferencias), desenvolvendo proxectos de traballo, con emprego das TIC, que permitan abordar os prexuízos lingüísticos.

-Comprensión e análise do uso das dúas linguas da comunidade autónoma nas TIC.

-Coñecemento dos elementos culturais máis significativos dos países onde se fala a lingua estranxeira: literatura, arte, música, cine, obtendo a información por diferentes medios (a biblioteca, a prensa, a internet e outras tecnoloxías da información e da comunicación).

-Interese e iniciativa por comunicarse con falantes ou aprendices da lingua estranxeira utilizando soporte papel ou medios dixitais.

5. Educación literaria.

-Localización en bibliotecas virtuais ou noutras páxinas web de fragmentos de obras literarias dos séculos XVI ao XVIII.

-Lectura de obras relacionándoas cos grandes períodos e autores da literatura a partir do século XVI e ata o século XVIII.

-Recitación de poemas valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos do texto.

-Lectura de relatos, observando a transformación da narrativa en prosa desde o século XVI ata o século XVIII, e do heroe ou heroína personaxes desas novelas.

-Lectura dramatizada de obras teatrais, recoñecendo algunhas características temáticas e formais.

-Utilización progresivamente autónoma das bibliotecas virtuais.

-Consulta de páxinas dixitais sobre talleres literarios e participación neles.

-Desenvolvemento da autonomía lectora e do aprecio pola literatura como fonte de pracer, de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Criterios de avaliación.

1. Seleccionar e analizar criticamente a información relevante en textos orais e escritos en diferentes soportes, para usala nas producións propias, especialmente en traballos académico adecuados ao nivel.

Con este criterio valorarase a capacidade do alumnado adulto para usar os recursos da biblioteca do centro, os medios audiovisuais e as TIC (dicionarios, buscadores, bibliotecas e enciclopedias virtuais...). Comprobarase se o alumnado adulto pode extraer e comparar a información relevante de diversas fontes e integrala nos seus traballos.

2. Realizar explicacións orais sinxelas sobre temas de actualidade próximos á experiencia do alumnado adulto con axuda dos medios audiovisuais e das TIC. Avaliarase tamén a participación en traballos colaborativos e en simulacións (de entrevistas, de anuncios de publicidade), respectando as regras correspondentes.

Con este criterio trátase de observar se os alumnos e as alumnas adultas son capaces de explicar e facerse entender sobre aquilo que esperte o seu interese da realidade que os rodea. Valorarase a utilización dos medios audiovisuais e das TIC como apoio ás explicacións e a participación en traballos colaborativos.

3. Escribir textos propios da vida cotiá (normas e instrucións de uso, correos electrónicos, intervencións en chats...), textos propios das relacións sociais, dos medios de comunicación e do ámbito académico, tendo como referencia os modelos propostos na aula e expresando con claridade as propias opinións razoadas. Planificar e revisar autonomamente os ditos textos para asegurar a súa coherencia, cohesión, corrección e precisión léxica.

Con este criterio preténdese valorar se a redacción das producións do alumnado se axusta ás propiedades textuais e se dominan as técnicas fundamentais da escrita comparativa. Permitirá comprobar, tamén, se se coida a presentación e se se aproveitan eficazmente ferramentas como os dicionarios en diferentes soportes, buscadores de internet, correctores ortográficos, procesadores de textos e outros programas informáticos.

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico, utilizando a terminoloxía lingüística axeitada, para mellorar a comprensión e para compoñer e revisar de xeito autónomo os propios textos.

Con este criterio procúrase comprobar como se usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso para a mellora da comprensión e máis da composición e revisión textuais. Permitirá avaliar que se coñece e usa a terminoloxía básica para seguir e dar explicacións e instrucións nas actividades gramaticais, os mecanismos de referencia interna gramaticais e léxicos; valores de subxuntivo e perífrases verbais de uso máis frecuente; as funcións características das distintas clases de palabras; clases de predicados e oracións simples. Comprobarase a consolidación do coñecemento práctico das normas ortográficas e tipográficas. Valorarase a progresiva autonomía na obtención de información gramatical de carácter xeral nos dicionarios interactivos e os correctores ortográficos dos procesadores de textos.

5. Utilizar a información que ofrecen as TIC para comprender e analizar o uso das linguas de Galicia. Identificar as causas e as consecuencias dos feitos máis relevantes da historia social da lingua galega; extraer os trazos principais que definen a actual situación sociolingüística de Galicia, analizando criticamente os condicionamentos da valoración e o uso social do galego.

Con este criterio avaliarase a comprensión das circunstancias que definen as diferentes etapas da historia social da lingua galega co fin de afirmala como propia de Galicia e entender mellor a súa situación actual, analizando o uso que se fai do castelán e do galego nas distintas informacións aparecidas nas TIC.

6. Elaborar textos de intención estética a partir dos modelos lidos, comprendendo os recursos expresivos que se empreguen. Situar os autores relevantes e as súas obras no seu contexto histórico e literario. Realizar un traballo de información e de síntese.

Con este criterio preténdese comprobar se o fenómeno literario se comprende como unha actividade comunicativa nun contexto histórico determinado. Avaliarase a implicación en obradoiros literarios de (re)creación a partir dos textos lidos na aula e, ademais, a realización, en soporte papel ou dixital, dun traballo persoal de síntese.

Criterios de avaliación en lingua estranxeira.

1. Comprender os puntos principais e os detalles relevantes en mensaxes e anuncios públicos sinxelos, transmitidos por medios técnicos ou de viva voz, que conteñan instrucións, indicacións ou outra información relativa a situacións de necesidade inmediata.

Mediante este criterio preténdese avaliar que o alumnado é capaz de comprender detalles concretos e relevantes (horas, números, letras, accesos básicos aos lugares públicos...) para o obxectivo comunicativo, relativos a accións, acontecementos e necesidades da vida cotiá.

2. Intervir en conversas e simulacións relacionadas coas experiencias persoais, cos plans e proxectos propios, con progresiva autonomía. Empregaranse estruturas sinxelas, as expresións máis usuais, e unha pronunciación que non impida a comunicación.

Con este criterio trátase de valorar a capacidade do alumnado adulto para participar en situacións de comunicación oral que impliquen a comprensión e a expresión de mensaxes. Estas conversas poderán ser as habituais de clase (pedir información e aclaración, pedir permiso, traballar en grupo, etc.) e as creadas polo profesor (simulacións, comunicacións mediante as novas TIC, etc.) As mensaxes poderán ser aínda titubeantes, incluír un léxico reducido e conter erros morfosintácticos.

3. Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación dunha maneira cada vez máis autónoma para buscar información, escribir textos a partir de modelos, enviar e recibir mensaxes de correo electrónico e para establecer relacións persoais orais e escritas.

Mediante este criterio trátase de avaliar a capacidade do alumnado adulto de utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación para comunicarse e aprender en actividades habituais da aula e para establecer novas relacións persoais. As comunicacións tratarán sobre temas familiares para o alumnado adulto previamente traballados.

4. Escribir descricións moi breves e básicas de lugares, obxectos e persoas mediante frases e oracións sinxelas, e co léxico propio da descrición de características físicas e psicolóxicas elementais pero precisas.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado adulto para facer descricións elementais sobre lugares e obxectos familiares utilizando un repertorio lingüístico sinxelo pero amplo.

5. Narrar de forma sinxela e breve feitos e experiencias, así como expoñer plans e presentar proxectos de xeito moi elemental e relacionados con temas cotiáns.

Con este criterio téntase avaliar a capacidade de redactar textos sinxelos e breves sobre acontecementos, actividades, plans e proxectos relativos a asuntos cotiáns ou de interese persoal, usando unha serie de frases e oracións sinxelas enlazadas con conectores simples nas cales, aínda que poida haber erros ortográficos, quede claro o que se intenta dicir.

6. Recoñecer os aspectos culturais máis importantes dos países onde se fala a lingua estranxeira estudada, destacando as características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores desa sociedade e valorando positivamente os patróns culturais distintos aos propios.

A través deste criterio valorarase se o alumnado adulto é capaz de identificar nos textos orais e escritos algúns trazos característicos da cultura dos países onde se fala a lingua estranxeira, se os pode describir de maneira sinxela e se amosa respecto por eles.

Módulo 4.

Bloque 1: as cousas de palacio.

A comunicación persoal e profesional.

O obxectivo do ámbito da comunicación é desenvolver a capacidade de comprender e de saber comunicarse nas diversas situacións e contextos da vida. A linguaxe ten un papel fundamental no desenvolvemento integral da persoa, nas súas relacións consigo mesma e nas súas relacións e posibilidades sociais e profesionais. É tamén o instrumento imprescindible para entender e explicar o mundo, e intentar a súa transformación.

Neste bloque facilitaranse ao alumnado estratexias para a consecución da súa autonomía persoal e da súa capacitación para integrarse como compoñente pleno na sociedade, a través dun uso máis maduro da linguaxe, especialmente en contextos laborais.

Os contidos máis importantes deste bloque son os relativos ao perfeccionamento das técnicas de comprensión e composición de textos propios, especialmente dos que debe usar nas súas relacións sociais e profesionais.

Contidos.

1. Escoitar, falar e conversar.

-Comprensión de textos procedentes dos medios de comunicación, como debates ou faladoiros.

-Participación activa en diversas situacións de comunicación reais ou simuladas (entrevistas de traballo, etc.) onde se transmita información e se expresen opinións, ofrecendo argumentos e respectando as normas que rexen a interacción oral organizada.

-Valoración do diálogo como medio de resolución de conflitos, intervencións orais respectuosas con quen nos rodea e actitude de cooperación en situacións de aprendizaxe compartida.

-Desenvolvemento de habilidades de comunicación asertiva, en especial, á hora de rexeitar peticións e propostas cando sexa conveniente.

-Utilización da lingua para tomar consciencia dos coñecementos, as ideas e os sentimentos propios e alleos para regular a propia conduta.

-Participación en actividades de aprendizaxe compartida para fomentar estratexias de cooperación e respecto.

-Na lingua estranxeira, escoita, identificación e comprensión do significado xeral e específico de conversas sinxelas sobre temas coñecidos, presentados de forma clara e organizada, co fin de contestar preguntas ou cuestións sobre temas coñecidos.

-Participación activa en conversas e simulacións sobre temas cotiáns e de interese persoal con diversas fins comunicativas na lingua estranxeira.

2. Ler e escribir.

-Uso de estratexias para a comprensión de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais, como disposicións legais e folletos, contratos ou correspondencia institucional ou comercial, e textos dos medios de comunicación, atendendo especialmente aos xéneros de opinión como editoriais, columnas, etc.

-Composición de textos propios da vida cotiá e das relacións sociais como foros, blogs, solicitudes e instancias, reclamacións, currículos, etc.

-Composición de textos propios dos xéneros dos medios de comunicación, como cartas ao director, artigos de opinión, etc., en soporte papel ou dixital.

-Detección do tema e dos subtemas dun texto argumentativo, análise dos argumentos.

-Utilización da composición escrita como fonte de información e aprendizaxe, como forma de comunicar as experiencias e os coñecementos propios.

-Dominio das normas de presentación dos textos escritos citados, tanto en soporte papel como dixital, e respecto polas normas gramaticais, ortográficas e tipográficas.

-Comunicación persoal con falantes da lingua estranxeira a través de correspondencia postal ou utilizando medios informáticos.

-Presentación coidada dos textos escritos, en soporte papel e dixital, utilizando correctamente a ortografía e os signos de puntuación na lingua estranxeira.

3. Coñecemento da lingua.

-Coñecemento dos diferentes rexistros e dos factores que inciden no uso da lingua en distintos ámbitos sociais e valoración da importancia de usar o rexistro adecuado segundo as circunstancias da situación comunicativa.

-Revisión da adecuación de textos alleos e propios, con especial atención ás formas de expresión da subxectividade e ao enfoque do tema, sobre todo en exposicións e argumentacións.

-Identificación e uso reflexivo de distintos procedementos de conexión nos textos, con especial atención a conectores de causa, consecuencia, condición e hipótese.

-Recoñecemento e uso coherente da correlación temporal na coordinación e subordinación de oracións e no discurso relatado (paso de estilo directo a indirecto).

-Distinción entre forma (categoría gramatical) e a función das palabras.

-Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas, empregando os termos apropiados na explicación sobre o seu uso (sílaba tónica, til diacrítico, etc.) e apreciando o seu valor social e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

-Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste coas linguas que coñece.

-Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de autoaprendizaxe.

-Na lingua estranxeira, uso de expresións comúns, frases feitas e léxico sobre temas de interese persoal e xeral, temas cotiáns e temas relacionados coas áreas temáticas de estudo.

-Recoñecemento e produción autónoma de diferentes patróns de ritmo, entoación e acentuación de palabras e frases na lingua estranxeira.

4. Lingua e sociedade.

-Coñecemento xeral das distintas etapas da historia social da lingua galega desde comezos do século XX. Análise e comprensión das causas e consecuencias dos feitos máis relevantes.

-Recoñecemento e valoración dos principais fenómenos que caracterizan as variedades xeográficas das linguas e da función da lingua estándar.

-Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

-Comprensión e análise do uso das dúas linguas da comunidade autónoma nos documentos profesionais e administrativos de uso frecuente.

-Valoración da importancia da lingua estranxeira en todos os eidos das relacións internacionais.

-Identificación das características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores da sociedade cuxa lingua se estuda e relación cos patróns culturais existentes en Galicia.

5. Educación literaria.

-Lectura de novelas e relatos do século XIX en galego e en castelán.

-Recitación de poemas do século XIX, valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos no poema.

-Lectura dramatizada de breves pezas teatrais ou de fragmentos das épocas correspondentes en galego e castelán, de carácter diverso, constatando algunhas innovacións nos temas e nas formas.

-Coñecemento das características xerais dos grandes períodos da historia da literatura do século XIX.

-Composición de textos de intención literaria, especialmente líricos, como formas de expresión do seu mundo interior.

-Desenvolvemento da autonomía lectora e aprecio pola literatura como fonte de pracer.

-Localización en bibliotecas, bibliotecas virtuais e noutras páxinas web de textos literarios do período estudado.

Criterios de avaliación.

1. Identificar os temas e a organización de textos tomados dos medios de comunicación (debates, faladoiros) e de situacións comunicativas simuladas (entrevistas de traballo...). Participar de forma construtiva en diversas situacións comunicativas (simulacións, traballos colaborativos...) respectando as regras que as rexen.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado é capaz de buscar, localizar e seleccionar información nos textos orais e escritos. Débese avaliar a capacidade para transcender o significado superficial e extraer inferencias directas, tema xeral e secundarios; avaliar se aplica as técnicas de organización de ideas e se é capaz de participar activamente en situacións de comunicación, respectando as regras e valorando o diálogo para a resolución de conflitos.

2. Planificar e realizar exposicións orais de traballos e de informacións de actualidade, contrastando os diferentes puntos de vista e as opinións expresadas en distintos medios audiovisuais.

A través deste criterio comprobarase se o alumnado adulto é capaz de expoñer oralmente informacións de actualidade, traballos e informes académicos. Valorarase se utiliza un guión previamente elaborado e mantén a atención do auditorio coa axuda dos medios audiovisuais e das TIC.

3. Compoñer textos propios da vida cotiá, das relacións profesionais e sociais e do ámbito académico. Tomaranse como referencia os modelos propostos na aula e expresaranse con claridade, coherencia, cohesión, corrección e precisión léxica as opinións propias. Valorarase especialmente se se planifican e revisan eses textos.

A través deste criterio valorarase se a redacción dos textos do alumnado adulto (solicitudes, instancias, reclamacións, currículos, cartas ao director...) se axustan aos modelos propostos e se dominan as técnicas fundamentais da escrita: planificar, xerar e organizar as ideas, e revisar a redacción. Tamén se comprobará se se coida a presentación (índices, tipos de letra, gráficos, mapas conceptuais, citas e bibliografía).

4. Utilizar os coñecementos sobre a lingua e as normas do uso lingüístico para mellorar a comprensión e para compoñer e revisar con autonomía os propios textos.

Trátase de indagar con este criterio se se utilizan os coñecementos sobre a lingua e as normas de uso en relación coa comprensión, a composición e a revisión de textos. Atenderase ás variacións sociais (rexistros e factores de uso), a expresión da subxectividade (opinión, valoración, certeza, citas, etc.), o uso de conectores (causa, consecuencia, condición e hipótese), a construción de enunciados cohesionados (construcións e oracións nominais, coordinación e subordinación e paso de estilo directo a indirecto). Debe distinguirse a diferenza entre forma e función das palabras e a comparación de formas e funcións das palabras nas linguas que coñece. Terase en conta a ortografía, a puntuación e o recoñecemento nas producións propias dos erros considerándoos parte do proceso de aprendizaxe.

5. Comprender e analizar o uso das dúas linguas da comunidade nos distintos documentos de tipo profesional e administrativo. Identificar as causas e as consecuencias dos feitos máis relevantes da historia social da lingua galega desde comezos do século XX; extraer os trazos principais que definen a actual situación sociolingüística de Galicia, analizando criticamente os condicionamentos da valoración e uso social do galego; utilizar as linguas da comunidade con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio preténdese avaliar, a través da recolla e análise de documentos de tipo profesional e administrativo recollidos no contorno (contratos de traballo, instancias, follas de reclamación, facturas, etc.), a comprensión do uso das dúas linguas na actualidade. Igualmente, das circunstancias que definen as diferentes etapas da historia social da lingua galega. Tamén se estimará a reflexión crítica ante os prexuízos lingüísticos e mais a adopción de actitudes positivas cara ao uso normalizado da lingua.

6. Utilizar os coñecementos literarios estudados para comprender mellor e valorar os fragmentos literarios ou as obras lidos. Atenderase ao uso de temas recorrentes, ao valor da linguaxe poética, xéneros utilizados, formas literarias e estilos.

Preténdese comprobar se o alumnado adulto asimilou os coñecementos literarios e os utiliza para avaliar o contido dun texto, a súa organización e a súa linguaxe. Valorarase especialmente a comprensión dos temas recorrentes (amor, tempo, vida, morte), o recoñecemento de xéneros e a identificación dos recursos retóricos.

Criterios de avaliación na lingua estranxeira.

1. Identificar a idea principal e os detalles relevantes de textos e mensaxes orais sinxelas sobre temas coñecidos e próximos á experiencia do alumnado adulto, emitidos con claridade, cara a cara, ou por medios técnicos (radio, televisión, etc.).

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado adulto para comprender mensaxes orais que traten sobre as necesidades materiais e as relacións sociais, sensacións físicas e sentimentos ou opinións das persoas adultas.

2. Intervir en conversas sinxelas e en simulacións, usando estratexias adecuadas aos diversos momentos da comunicación: inicio, mantemento e remate. O discurso será comprensible e adaptado ás características da situación e á intención comunicativa.

Con este criterio valorarase a capacidade do alumnado adulto para desenvolverse en conversacións sinxelas con funcións diferentes (establecer relacións, expoñer, narrar e argumentar, describir e dar instrucións).

3. Usar as tecnoloxías da información e da comunicación de maneira autónoma con diferentes propósitos: buscar información, escribir textos sinxelos a partir de modelos, enviar e recibir mensaxes de correo electrónico e establecer relacións persoais orais e escritas.

Este criterio trata de valorar a capacidade de utilizar as tecnoloxías da información e da comunicación para comunicarse e aprender a través das actividades habituais da aula e para establecer relacións persoais tanto orais como escritas.

4. Comprender correspondencia persoal breve en papel ou soporte dixital, redactada en lingua estándar e sinxela, que narre e describa acontecementos, sentimentos básicos ou desexos das persoas adultas.

Con este criterio preténdese verificar a capacidade do alumnado para identificar as formas lingüísticas que expresan a intención de comunicación do remitente, comprender expresións fixas e convencións sinxelas e básicas, propias do tipo de texto, e poder reaccionar de xeito adecuado.

5. Comprender, de maneira suficiente, correspondencia formal breve para captar as informacións principais que conteña sobre cuestións básicas ou relacionadas co seu traballo.

Quérese avaliar con este criterio o coñecemento da estrutura das cartas formais (remitente, cabeceira, lugar e data; asunto, saúdo ao destinatario, corpo da carta, despedida e sinatura), así como a capacidade de comprender un repertorio básico de expresións fixas de confirmación ou denegación, obriga, coñecemento, necesidade e permiso utilizadas para a solicitude dun traballo, a confirmación dun pedimento, a reserva dun hotel, etc., coa axuda dun dicionario.

6. Dar información elemental escrita sobre a actividade profesional, a formación, os hábitos e os intereses propios do alumnado adulto.

Mediante este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado para escribir información básica, como redactar un curriculum vitae esquemático, cubrir enquisas e cuestionarios breves, etc., sobre o traballo (profesión, horario, lugar de traballo...), os estudos, os hábitos (condicións de vida, horarios e actividades diarias) e os seus intereses (deportes, música...), dun xeito breve e sinxelo, usando estruturas básicas e aprendidas e utilizando un repertorio léxico moi básico e limitado, pero propio do tema.

Bloque II: toda unha vida.

A lingua como instrumento de aprendizaxe.

Os contidos deste bloque son eminentemente instrumentais e deben preparar o alumnado adulto para utilizar a lingua como vehículo para seguir adquirindo coñecementos durante toda a súa vida. A linguaxe constitúese así en instrumento de aprendizaxe do resto dos ámbitos, posto que a propia lingua é a ferramenta imprescindible do coñecemento.

O alumnado debe desenvolver as estratexias necesarias para que aprenda a manexar a lingua en todas as situacións de comunicación.

Neste bloque terán especial importancia a análise e o uso de procedementos para que o adulto poida autodirixir conscientemente a súa aprendizaxe, desenvolvendo estratexias para buscar, organizar e expresar a información, especialmente con fins académicos, e poder seguir así aprendendo ao longo de toda a súa vida.

Terán especial significado neste bloque o uso das técnicas de traballo intelectual e dos formatos máis útiles dos textos informativos (resumos, informes, etc.)

Contidos.

1. Escoitar, falar e conversar.

-Comprensión de textos procedentes de distintas presentacións, exposicións ou conferencias realizadas no ámbito académico.

-Uso consciente dos elementos paraverbais (volume de voz, velocidade, pausas, entoación) e non verbais (xestos, movementos...) na intervención oral planificada.

-Participación activa en situacións propias do ámbito académico, especialmente en autoavaliacións das tarefas realizadas e en presentacións orais, con axuda dos medios audiovisuais e das TIC, de traballos previamente elaborados.

-Exposición da información tomada dos medios de comunicación contrastando os distintos puntos de vista e as opinións expresadas, respectando as normas que rexen a interacción oral.

-Utilización da lingua para tomar consciencia dos coñecementos, as ideas e os sentimentos propios e alleos, e para regular a propia conduta.

-Estratexias para favorecer a participación en actividades de aprendizaxe compartida fomentando a cooperación e o respecto.

-Na lingua estranxeira, uso de estratexias para desenvolver a comprensión das mensaxes orais: contexto verbal e non verbal, coñecementos previos sobre a situación, identificación das palabras clave e da actitude e intención do falante.

-Uso autónomo de estratexias de comunicación para iniciar, manter e terminar a interacción na lingua estranxeira.

2. Ler e escribir.

-Uso de estratexias que faciliten a recolla de información: apuntamentos, subliñados, guións, fichas temáticas, resumos.

-Recoñecemento e comprensión de textos do ámbito académico como os procedentes de dicionarios, glosarios, enciclopedias e outras fontes de información en diversos soportes.

-Composición de textos, en soporte papel ou dixital, do ámbito académico, especialmente expositivos e argumentativos, elaborados a partir de diversas fontes e organizados mediante esquemas, mapas conceptuais e resumos.

-Nos textos argumentativos, análise dos argumentos e elaboración de esquemas que reflitan que se captou a súa mensaxe principal e a súa estrutura.

-Estratexias para a utilización autónoma da biblioteca e de buscadores virtuais para obter, seleccionar e organizar a información.

-Reflexión crítica ante as mensaxes que supoñan calquera tipo de discriminación para fomentar unha sensibilidade crítica fronte a elas.

-Na lingua estranxeira, obtención de información xeral de textos orais auténticos, gravados e en soporte multimedia que conteñan vocabulario relativo a lugares, persoas, obxectos, acontecementos e accións ligados a temas de conversa habituais.

-Consolidación de estratexias de lectura xa utilizadas como a identificación do tema dun texto escrito co apoio contextual que este conteña.

-Lectura autónoma de textos máis extensos na lingua estranxeira relacionados cos intereses do alumno adulto.

3. Coñecemento da lingua.

-Identificación e uso reflexivo dos mecanismos gramaticais e léxicos de referencia interna, favorecendo a autonomía na revisión dos propios textos.

-Recoñecemento dos esquemas semántico e sintáctico da oración, construción e transformación de enunciados de acordo con estes esquemas e uso da terminoloxía sintáctica necesaria nas actividades.

-Análise e uso dos procedementos léxicos (afixos) e sintácticos para o cambio de categoría.

-Coñecemento e uso reflexivo das normas ortográficas, empregando os termos apropiados na explicación sobre o uso (sílaba tónica, til diacrítico, etc.) e apreciando o seu valor social e a necesidade de cinguirse á norma lingüística.

-Análise e reflexión sobre o uso e o significado de diferentes formas gramaticais mediante comparación e contraste nas linguas que coñece.

-Uso de estratexias de autoavaliación e autocorrección, aceptando o erro como parte do proceso de aprendizaxe.

-Na lingua estranxeira, organización e uso, cada vez máis autónomo, de recursos para a aprendizaxe (dicionarios, libros de consulta, bibliotecas ou recursos informáticos).

-Participación na avaliación da propia aprendizaxe da lingua estranxeira e uso de estratexias de autocorrección.

4. Lingua e sociedade.

-Comprensión da situación sociolingüística de Galicia a través da revisión da presenza da lingua galega nos principais ámbitos e contextos, e dos factores de normalización, desenvolvendo proxectos de traballo, con emprego dos medios e tecnoloxías da información, que permitan abordar e superar prexuízos lingüísticos.

-Coñecemento xeral da situación sociolingüística e legal das linguas do Estado español, con manexo e interpretación de gráficos, táboas, textos e informacións dos medios e tecnoloxías da comunicación, valorando positivamente o plurilingüismo como expresión da riqueza cultural da humanidade.

-Consciencia da necesidade e das potencialidades de enriquecemento persoal e colectivo do uso normalizado da lingua galega, afirmando o plurilingüismo.

-Comprensión e análise do uso das dúas linguas da comunidade autónoma nos documentos científicos e académicos.

-Coñecemento dos elementos culturais máis relevantes dos países onde se fala a lingua estranxeira, obtendo a información por diferentes medios (biblioteca, prensa, internet e outras tecnoloxías da información e da comunicación).

-Na lingua estranxeira, uso apropiado, desde o punto de vista sociocultural, de fórmulas lingüísticas en situacións concretas de comunicación para expresar matices semánticos, como cortesía, acordo ou discrepancia.

5. Educación literaria.

-Lectura de novelas e relatos dos séculos XX e XXI en galego e castelán.

-Recitación de poemas contemporáneos valorando a función dos elementos simbólicos e dos recursos retóricos e métricos no poema.

-Lectura dramatizada de breves pezas teatrais contemporáneas ou de fragmentos de carácter diverso, constatando algunhas innovacións nos temas e nas formas.

-Uso de estratexias para a comprensión das relacións entre cine e literatura: visionamento de películas, contextualización, identificación dos seus elementos narrativos, lingüísticos e formais.

-Creación de textos de intención literaria partindo das características dos traballados na aula.

-Aproveitamento autónomo dos fondos e recursos que ofrecen as bibliotecas, incluídas as virtuais.

Desenvolvemento da autonomía lectora e aprecio pola literatura como fonte de pracer e de coñecemento doutros mundos, tempos e culturas.

Criterios de avaliación.

1. Identificar o tema, a idea principal e as secundarias, a tese e os argumentos de textos propios do ámbito académico. Participar en diversas situacións comunicativas respectando as regras correspondentes, e valorando o diálogo como medio de resolución de conflitos.

Mediante este criterio comprobarase se o alumnado adulto é quen de comprender textos expositivos, se sintetizan as ideas fundamentais e discriminan neles información, opinión e persuasión; se é quen de seguir un guión previamente elaborado e manter a atención do auditorio coa axuda das pausas e inflexións da voz, da linguaxe non verbal e dos medios audiovisuais e das TIC.

2. Planificar e realizar exposicións orais de traballos e de informacións de actualidade. Diferenciar a información da opinión e da persuasión, e participar de forma construtiva en debates, traballos colaborativos, etc., respectando as regras correspondentes. Adoptar o rexistro adecuado a cada tipo de texto e situación.

Con este criterio comprobarase a capacidade do alumnado adulto para planificar e expoñer oralmente temas de actualidade e traballos académicos, despois de facer un guión e realizar mapas conceptuais e resumos. Valorarase se o alumnado utiliza os medios audiovisuais e as TIC.

3. Expoñer, resumir e comentar textos do ámbito académico, en soporte papel ou dixital, nun rexistro adecuado, con secuencias coherentes, respectando as normas gramaticais e ortográficas e utilizando a planificación e a revisión de textos.

Este criterio trata de avaliar que as alumnas e alumnos adultos son capaces de expresarse por escrito de forma coherente, seguindo os pasos propios da produción dun escrito e axustándose a un formato e a un rexistro axeitados; cubrir documentos propios do ámbito público; resumir narracións e exposicións reconstruíndo os elementos básicos do texto orixinal e organizando a información de forma xerárquica, consultando distintas fontes. Valorarase a presentación dos escritos, en soporte papel ou dixital, con respecto ás normas ortográficas e tipográficas.

4. Recoñecer os mecanismos gramaticais da lingua e coñecer e usar a terminoloxía lingüística adecuada.

Este criterio trata de comprobar que se utilizan os coñecementos sobre a lingua na revisión de textos de forma autónoma; avaliaranse aspectos como os mecanismos de referencia interna, a identificación dos esquemas oracionais, os procedementos léxicos e sintácticos para o cambio de categoría, a comparación de formas e funcións das palabras nas linguas que coñece, a consolidación do coñecemento práctico das normas ortográficas e o recoñecemento nas súas producións do erro como parte da aprendizaxe.

5. Coñecer a diversidade lingüística de España, analizando os factores que inciden na relación das linguas da nosa comunidade e reflexionando sobre a situación plurilingüe de Galicia; analizar criticamente os condicionamentos da valoración e do uso social do galego; utilizar as linguas da comunidade con fluidez e normalidade nos máis diversos contextos comunicativos.

Con este criterio trátase de avaliar a comprensión das circunstancias que definen a situación das diferentes linguas da península e das etapas da historia social da lingua galega, co fin de afirmala como propia de Galicia e entender a súa situación actual. Tamén se estimará a capacidade de análise do contexto sociolingüístico e de reflexión crítica ante prexuízos lingüísticos, e mais a adopción de actitudes positivas cara ao uso normalizado da lingua.

6. Amosa, a través dun traballo persoal de síntese ou recreación, en soporte papel ou dixital, que se coñecen as relacións que hai entre os autores/as das obras lidas ou visionadas, e o seu contexto, expoñendo unha valoración persoal; valorar as innovacións dos xéneros e as formas na literatura contemporánea.

Este criterio trata de comprobar que se comprende o fenómeno literario como unha actividade comunicativa estética nun contexto histórico determinado, mediante un traballo persoal, en soporte papel ou dixital, que sintetice a información obtida ou a composición dun texto que imite ou recree algún dos modelos utilizados. Preténdese comprobar que se adquire o coñecemento dos períodos literarios dos séculos XX e XXI, así como das obras e dos autores máis relevantes desa época.

Criterios de avaliación en lingua estranxeira.

1. Desenvolverse en situacións de comunicación orais da vida cotiá, reaccionando coa expresión de actitudes e sentimentos de interese, desinterese, contento, satisfacción, decepción, esperanza, preferencia, admiración, sorpresa e tristeza, con expresións sinxelas e habituais, e respectando as normas de cortesía.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado adulto de expresarse nun rexistro estándar en situacións en que se deban amosar sentimentos ante as persoas implicadas na interacción, utilizando os marcadores lingüísticos de relacións sociais básicas, as normas de cortesía, fórmulas fixas e habituais e logrando a adecuación sociolingüística á situación de comunicación.

2. Identificar información relevante en textos narrativos, argumentativos e descritivos, breves e sinxelos; textos que presenten unha secuencia lineal de elementos, publicados en medios de información, e que traten temas moi coñecidos ou relacionados coa súa experiencia e intereses das persoas adultas.

Con este criterio preténdese valorar a capacidade do alumnado para localizar información específica básica. Por exemplo, nunha entrevista: información sobre o carácter da persoa, o aspecto físico, os gustos; nunha noticia breve ou suceso: o lugar e as persoas implicadas; nunha narración, as liñas xerais do argumento, os personaxes que as levan a cabo, o tempo ou o espazo onde se desenvolven.

3. Narrar de forma sinxela e breve feitos e experiencias, expoñer plans e presentar proxectos de xeito moi elemental e relacionados con asuntos cotiás e de interese persoal nas distintas áreas temáticas.

Con este criterio avalíase a capacidade de redactar textos breves e sinxelos sobre actividades, acontecementos de temas cotiás e de interese persoal, empregando os tempos verbais en presente, pasado e futuro, usando unha serie de oracións sinxelas enlazadas con conectores simples.

4. Empregar elementos coñecidos lidos nun texto escrito para elaborar os propios textos, e organizar estes seguindo os textos modelo.

Con este criterio preténdese avaliar, en todas as tarefas de expresión escrita, a capacidade do alumnado para utilizar estratexias que faciliten o proceso de escritura seguindo modelos de textos de características similares: a planificación e o ensaio do texto; a revisión que garanta a corrección tanto ortográfica como na orde das palabras e na presentación do escrito. Tamén se valorará o uso eficaz de materiais de consulta e autoaprendizaxe adecuados ao nivel (dicionarios, gramáticas, as novas tecnoloxías, etc.)

5. Aplicar os coñecementos sobre a lingua estranxeira e as normas de uso lingüístico para resolver problemas de comprensión oral e escrita, e para compoñer e revisar de maneira cada vez máis autónoma os textos propios.

Con este criterio trátase de comprobar como o alumnado adulto usa a reflexión sobre a lingua e as normas de uso estudadas para mellorar a súa comprensión de mensaxes orais en lingua estranxeira, e a composición e revisión de textos.

6. Recoñecer os aspectos culturais máis importantes dos países onde se fala a lingua estranxeira estudada, destacando as características máis significativas dos costumes, normas, actitudes e valores desa sociedade e valorando positivamente os patróns culturais distintos aos propios.

A través deste criterio valorarase se o alumnado adulto é que de identificar nos textos orais e escritos algúns trazos característicos da cultura dos países onde se fala a lingua estranxeira, se os pode describir de maneira sinxela e se amosa respecto por eles.

Ámbito científico-tecnolóxico.

Introdución.

Na educación secundaria obrigatoria para persoas adultas, o ámbito científico-tecnolóxico toma como referente os aspectos básicos do currículo referidos ás materias de ciencias da natureza, de matemáticas e de tecnoloxía, así como os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural da materia de educación física da educación secundaria obrigatoria, recollidos no anexo II do Decreto 133/2007, do 5 de xullo.

Todos estes aspectos pretenden conformar unha proposta curricular coherente e integradora que lle achegue á formación das persoas adultas un coñecemento axeitado do mundo actual, coa finalidade da súa inserción activa e responsable na sociedade.

O ámbito científico-tecnolóxico, polo seu aspecto instrumental e formal, polos contidos que aborda e polos obxectivos que persegue, posúe potencialidades educativas que contribúen activamente á formación das persoas adultas. O tratamento globalizado das materias integradas no ámbito procura presentar o coñecemento científico como un conxunto en que cada materia contribúe desde a súa perspectiva, e seguindo un fío condutor, á formación das persoas adultas.

As ciencias, cun conxunto amplo de coñecementos, teñen en común un determinado xeito de representar e interpretar a realidade. Parten da necesidade de resolver un problema práctico e apóianse na súa capacidade para tratar, explicar, describir, predicir, establecer modelos, xeneralizar e construír situacións reais, así como dar consistencia e rigor aos coñecementos, para axudar a interpretar o mundo que nos rodea.

No mundo actual temos problemas globais e locais que nos afectan na vida diaria, como a destrución da capa de ozono, a deforestación, a contaminación ambiental e o esgotamento dos recursos, que son explicados polas ciencias da natureza. Estas axúdannos a mellorar a saúde individual e social, e son parte esencial da formación que unha persoa en idade adulta debe posuír.

O valor formativo das matemáticas hase basear no seu xeito de facer, na utilización do razoamento e no modo de xustificar unha solución. Todo o saber que transmiten as matemáticas, conectado coa realidade, permite a súa utilización fóra do contexto educativo. A finalidade desta materia non é só a aprendizaxe de conceptos útiles e necesarios para a vida, senón a súa utilización en contextos do mundo real.

A formación básica que a unha persoa adulta lle cómpre para a súa incorporación ao mundo laboral ou ao sistema educativo debe ter en conta a importancia e a presenza da tecnoloxía na actualidade, tanto nos obxectos e nos procesos tecnolóxicos como nas tecnoloxías da información e da comunicación. Isto fai que a tecnoloxía como materia de estudo, integrada no ámbito científico-tecnolóxico, sexa un instrumento básico na formación da cidadanía, ao tratar de facilitar a comprensión dos obxectos técnicos, a súa utilización e a súa manipulación. Na actualidade, a ciencia e a tecnoloxía avanzan rápida e conxuntamente, e son unha medida do desenvolvemento económico dos países industrializados.

Os coñecementos técnicos e científicos foron protagonistas do desenvolvemento social e económico do século pasado e, na actualidade, ademais da súa repercusión directa sobre a calidade de vida da poboación, contribúen a facer individuos máis racionais, críticos e libres. Asuntos de enorme transcendencia actual, como o uso terapéutico de células troncais ou embrionarias, a clonación, a utilización de produtos transxénicos, a interrupción do embarazo, os puntos a favor e en contra das fontes de enerxía que usamos actualmente e das que se están a desenvolver, a explotación dos recursos naturais, o desenvolvemento sustentable, a xestión de residuos, o cambio climático, etc., precisan un debate social serio e rigoroso, non dogmático, non sometido ás presións de determinados medios de comunicación nin de grupos políticos, económicos nin relixiosos, e iso só é posible nunha sociedade informada cientificamente e capacitada para asimilar novos achados e novas propostas científicas. Por todo

isto, a formación das persoas adultas debe concibir o saber que achega o ámbito científico-tecnolóxico como un obxecto social e educativo de primeira necesidade; debe dotar ná poboación adulta das aptitudes necesarias para recoñecer e resolver os problemas a que se enfronta, pondo a énfase nas capacidades para resolver problemas e non no contido. Cómpre, xa que logo, que a cidadanía posúa unha formación técnico-científica básica, tendo en conta os beneficios persoais e sociais que achega.

Xunto coa función formativa das ciencias, teremos en conta que o estudo das materias do ámbito científico-tecnolóxico ten unha clara finalidade instrumental no mundo de hoxe. Os coñecementos que proporciona para comprendermos mensaxes dos medios de comunicación, para analizarmos o ámbito do consumo e da economía persoal e tomarmos decisións ao respecto, para realizarmos medidas e estimacións, para sermos conscientes da deterioración ambiental e coñecermos xeitos de actuar para conseguir un desenvolvemento sustentable son fundamentais para nós, e tamén para as xeracións futuras.

Desde outro punto de vista, a promoción da saúde e da calidade de vida proporciónanlle ao individuo un equilibrio psíquico e físico que contribúe ás prácticas saudables para o tempo de lecer e a mellora persoal.

Na educación das persoas adultas, o currículo do ámbito científico-tecnolóxico debe ter en conta o saber de que parte o alumnado, todo un conxunto de experiencias e de coñecementos adquiridos ao longo da súa traxectoria vital, na situación familiar, na experiencia laboral e noutros ámbitos, así como o grao de madureza que presenta. Deberá ter tamén en conta as necesidades de inserción no mundo laboral e a capacitación que lle permita acceder aos seguintes niveis do sistema educativo, que lle posibilite mellorar a súa cualificación persoal, social e cultural. Todo isto supón un desafío á hora de deseñar o currículo do ámbito.

O ámbito científico-tecnolóxico e as competencias básicas.

Polo xeito de organizar os contidos, polas habilidades que transmite e polas destrezas que ensina, o ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe de xeito eficaz ao desenvolvemento das competencias en comunicación lingüística, á competencia matemática, ao tratamento da información e á competencia dixital, á competencia para aprender a aprender, e á autonomía e iniciativa persoal, pero cómpre non esquecermos que a posibilidade de argumentar coherentemente que permite un razoamento ben estruturado contribúe ao desenvolvemento da competencia social e cidadá. Queda, por último, a competencia cultural e artística a que contribúe o ámbito coa creatividade das ideas e das experiencias de investigación científica.

Competencia en comunicación lingüística. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe á competencia en comunicación lingüística do seguinte xeito:

Co uso da linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, de representación, de interpretación e de comprensión do coñecemento científico.

Coa adquisición e o uso de vocabulario específico, co uso da linguaxe formal das matemáticas, das ciencias e das tecnoloxías, e as súas características: rigor, concreción e exactitude.

Estimulando a lectura comprensiva de textos científicos e os enunciados dos problemas.

Co desenvolvemento do razoamento, co debate das ideas e co contraste das hipóteses perante diversos sucesos.

Co desenvolvemento, o uso e a comprensión das linguaxes asociadas ás tecnoloxías da información e da comunicación.

Competencia matemática. A contribución do ámbito cientifíco-tecnolóxico á competencia matemática conséguese mediante:

A adquisición de modelos e de procedementos matemáticos para interpretar feitos, e para representar fenómenos e problemas tecnolóxicos e científicos.

A definición, o planeamento e a resolución de problemas científicos e tecnolóxicos mediante procedementos matemáticos.

O coñecemento e a utilización de ferramentas matemáticas como gráficas, táboas, estatísticas, fórmulas, e comunicación dos resultados relacionados co medio natural, coa actividade física, coa economía e coa saúde das persoas.

A utilización do rigor, a concreción e a exactitude da linguaxe matemática nas argumentacións propias e na refutación de feitos.

A utilización con sentido crítico das novas tecnoloxías da información e da comunicación nos cálculos e na representación dos resultados.

Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe así á competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico:

Coa valoración crítica dos avances científicos e tecnolóxicos no mundo actual e a súa repercusión na vida das persoas.

Coa valoración e o uso da metodoloxía científica: saber definir problemas, formular hipóteses, elaborar estratexias de resolución, analizar resultados e comunicalos.

Coa procura de solucións para avanzar cara a un desenvolvemento sustentable e coa formación axeitada para a toma de decisións en cuestións da actualidade social e científica.

Co coñecemento e o coidado do propio corpo, coñecendo a relación entre os hábitos de vida e a saúde.

Coñecendo e valorando as implicacións da actividade humana no medio.

Competencia de tratamento da información e competencia dixital. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe ao tratamento da información e competencia dixital desta maneira:

Co desenvolvemento da capacidade de procurar, obter e tratar a información dun xeito sistemático.

Coa utilización de linguaxes como a natural, a numérica, a gráfica e a xeométrica no tratamento da información.

Co uso como medio de traballo das novas tecnoloxías (calculadoras, computadores, internet, programas informáticos, etc.), que permiten representar gráficas, facer táboas e procesar textos.

Competencia social e cidadá. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe deste xeito á competencia social e cidadá:

Coa valoración da opinión, a argumentación e a elaboración de conclusións baseadas en probas contrastables.

Coa consideración da formación científica e tecnolóxica básicas como unha dimensión fundamental da cultura.

Coñecendo e aceptando o funcionamento do propio corpo, respectando as diferenzas entre persoas e superando os estereotipos de sexo e de raza.

Coa mellora das relacións, da inclusión social e do desenvolvemento socioafectivo en xeral.

Coa valoración da importancia social da natureza como un ben para preservar de cara ao futuro.

Competencia cultural e artística. A contribución do ámbito á competencia cultural e artística conséguese:

Coa apreciación da importancia da expresión creativa de ideas e experiencias na investigación científica, utilizando diferentes formas de comunicación: verbal, numérica, gráfica, estatística, etc.

Coa valoración da dimensión creativa e orixinal dos avances matemáticos, científicos e tecnolóxicos, e da súa contribución ao patrimonio cultural da humanidade.

Coa comprensión ou o rexeitamento de crenzas, tradicións ou experiencias, desde unha perspectiva científica.

Coa valoración da importancia histórica das interaccións entre a arte e a ciencia.

Competencia para aprender a aprender. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe á competencia para aprender a aprender do seguinte modo:

Co desenvolvemento da capacidade de iniciar, continuar, organizar e regular a propia aprendizaxe, co fin de adquirir e asimilar novos coñecementos e novas destrezas.

Coa potenciación de hábitos e actitudes positivas ante o traballo individual e colectivo, favorecendo a concentración e a realización de tarefas, e a perseveranza na procura de solucións.

Co coñecemento e o uso de ferramentas e de procedementos que favorezan unha maior autonomía persoal e axuden á integración laboral e social.

Competencia de autonomía e iniciativa persoal. O ámbito cientifíco-tecnolóxico contribúe deste xeito á autonomía e á iniciativa persoal:

Coa potenciación do espírito critico e da autonomía intelectual e moral para se enfrontar a problemas abertos, participando na construción de solucións e obtendo satisfacción co coñecemento científico e tecnolóxico.

Co desenvolvemento do coñecemento, as posibilidades e as limitacións do corpo humano, tanto no ámbito persoal como na actividade física e deportiva, nos hábitos de saúde e hixiene e no mundo laboral.

Coa mellora nos procesos de toma de decisións e a potenciación do espírito emprendedor mediante o cálculo de riscos, a anticipación de consecuencias e a asunción de responsabilidades.

Obxectivos xerais do ámbito.

O ensino do ámbito científico-tecnolóxico ten como finalidade o logro dos obxectivos xerais da educación secundaria obrigatoria en relación cos obxectivos xerais das materias que forman parte do ámbito, para conseguir o seguinte:

1. Empregar habitualmente as linguaxes matemática, científica e tecnolóxica como instrumento de comunicación para comprender, representar e expresar situacións da vida cotiá e procedentes doutros eidos, utilizando a simboloxía, os recursos gráficos, o vocabulario e os medios tecnolóxicos axeitados para comunicar argumentacións e mensaxes con contidos científicos.

2. Desenvolver a capacidade de razoamento aplicando na resolución de problemas da vida cotiá modelos e procedementos propios das matemáticas, tales como o rigor, a precisión, a exploración de alternativas, a flexibilidade para modificar o punto de vista, a xustificación dos razoamentos, a verificación das solucións e a súa coherencia coas condicións do problema analizado.

3. Utilizar na resolución de problemas da vida cotiá as estratexias e os procedementos das ciencias experimentais, tales como a definición de problemas, a formulación de hipóteses, o deseño de pequenas investigacións, a análise dos resultados, etc., amosando unha actitude positiva e de confianza nas propias capacidades.

4. Identificar elementos matemáticos presentes na realidade (datos estatísticos e xeométricos, gráficos, cálculos, formas, relacións espaciais, etc.) e cuantificar aqueles aspectos que permitan interpretala mellor, mediante procedementos de medida, técnicas de recolla e análise de datos, e realizando os cálculos acaídos en cada caso.

5. Desenvolver actitudes e hábitos favorables á promoción da saúde persoal e comunitaria, en aspectos relacionados coa alimentación, o consumo, as drogodependencias, a sexualidade e a práctica deportiva, e facer fronte a prácticas da sociedade actual que teñen efectos negativos sobre ela.

6. Valorar criticamente a contribución da ciencia e da tecnoloxía á satisfacción das necesidades humanas e á mellora do benestar persoal e social, analizando a incidencia da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico na sociedade, no medio e na calidade de vida das persoas.

7. Utilizar os conceptos básicos das ciencias para interpretar os fenómenos naturais, apreciar a diversidade natural e participar en iniciativas de conservación, protección e mellora do medio.

8. Desenvolver unha actitude crítica fundamentada no coñecemento científico para analizar e participar na toma de decisións sobre problemas actuais da humanidade, como son as diferenzas entre países desenvolvidos e non desenvolvidos, a convivencia pacífica, o cambio climático, o esgotamento dos recursos naturais, os alimentos transxénicos, a investigación utilizando células troncais ou embrionarias, a terapia xénica ou a clonación.

9. Analizar obxectos e sistemas técnicos para identificar os elementos que os compoñen e a función de cada un, explicar o seu funcionamento e recoñecer as condicións fundamentais que interveñen no seu deseño e construción.

10. Planificar, individualmente ou en grupo, as fases do proceso de realización dunha obra ou dun obxecto técnico, adaptándoa aos obxectivos que se pretenden conseguir, co emprego das ferramentas, as substancias e os materiais que cumpra, e respectando as normas de seguranza e hixiene no traballo.

11. Utilizar recursos tecnolóxicos (calculadoras, computadores, etc.) como axuda na aprendizaxe para realizar cálculos, comprobar propiedades, procurar, almacenar, tratar, representar, transmitir e publicar información, así como empregar as redes de comunicación na propia formación, na procura de emprego ou para acceder a servizos administrativos ou comerciais.

12. Recoñecer os feitos máis salientables na historia das ciencias, os grandes debates históricos e o papel que desempeñaron nas revolucións científicas, así como a súa repercusión na sociedade de cada momento e na evolución cultural da humanidade.

Orientacións metodolóxicas.

O continuo avance tecnolóxico experimentado polo mundo nos séculos XIX e XX, e que resulta nomeadamente acelerado na actualidade, precisa que os métodos de ensino se centren na aprendizaxe de procedementos xerais que resulten aplicables en calquera situación e diante dunha gran variedade de problemas que lle permitan ao alumnado seguir aprendendo autonomamente (aprender a aprender).

A proposta curricular do ensino de persoas adultas fai necesario un tratamento diferenciado na súa posta en práctica. O currículo do ámbito científico-tecnolóxico está condicionado polas características específicas do alumnado adulto ao que se dirixe, pola organización interdisciplinar e integradora do ámbito, con coñecementos procedentes de varias disciplinas e polas distintas modalidades de ensino que se poden presentar: presencial, semipresencial e a distancia.

As persoas adultas caracterízanse por posuíren un grao de madureza que non ten o alumnado adolescente, e por disporen dunha ampla bagaxe de experiencias persoais e de coñecementos construídos ao longo da súa vida en diversos contextos: persoal, familiar, laboral e social. Aínda que inicialmente estas experiencias e estes coñecementos poidan representar unha vantaxe para a aprendizaxe, en moitas ocasións responden a crenzas erróneas moi asentadas no seu pensamento, polo que son difíciles de remover. Porén, unha vez revisados e recoñecidos os posibles erros, é máis doada a súa substitución polos novos coñecementos adquiridos e o establecemento de relacións entre eles, co que se consegue unha aprendizaxe significativa.

O carácter integrador, pero tamén instrumental, do ámbito científico-tecnolóxico fai posible o estudo dunha realidade sempre plural e complexa, o que facilita o tratamento dos contidos dun xeito globalizado, motivador e significativo. Por iso convén partir de situacións, de obxectos de estudo e de problemas próximos ao alumnado procedentes da vida cotiá, do contorno laboral ou do mundo natural, abordando o seu estudo dun xeito global coas estratexias e os procedementos propios das matemáticas, das ciencias e da tecnoloxía, como a resolución de problemas abertos ou o método de traballo por proxectos.

Tendo en conta que unha das finalidades principais da educación de persoas adultas é a formación dunha cidadanía crítica e libre, capaz de participar democraticamente na sociedade, resulta nomeadamente importante capacitar os alumnos e as alumnas para comprenderen cuestións científicas que lles atinxen como persoas e como cidadáns e cidadás (saúde individual e pública, investigación con células troncais, etc.), ou que afectan local e globalmente o planeta (incendios, cambio climático, sobreexplotación dos recursos naturais, diminución da biodiversidade, etc.).

Principios metodolóxicos básicos sobre os que se debe basear a educación das persoas adultas no ámbito científico-tecnolóxico:

Fomentar aprendizaxes significativas e funcionais orientadas á aplicación práctica dos coñecementos adquiridos en situacións diversas e a variedade de problemas.

Tendo en conta as experiencias e os coñecementos previos do alumnado para se ir achegando progresivamente a interpretacións máis elaboradas sobre o mundo que o rodea.

Planificando a realización de actividades que respondan ás inquietudes e ás necesidades do alumnado, que dean relevancia e sentido práctico ao seu traballo, usando estratexias e procedementos propios da ciencia.

Aplicando os coñecementos adquiridos a novas situacións da vida cotiá ou laboral, para asegurar a súa funcionalidade.

Presentar os contidos de xeito integrado en conexión cos outros ámbitos do currículo:

Seleccionando obxectos de estudo e problemas relacionados coa vida cotiá e o contorno laboral que faciliten un tratamento integrado e útil dos contidos.

Utilizando preferentemente o método de proxectos na resolución de problemas técnicos, polo seu carácter planificador e motivador, e o seu poder para desenvolver as capacidades que se poñen en xogo durante todo o proceso.

Realizando actividades globalizadas que permitan o tratamento interdisciplinar en coordinación co profesorado dos outros ámbitos.

Fomentar a autonomía, a iniciativa persoal, o traballo en equipo e a creatividade para se enfrontar á resolución de todo tipo de problemas:

Presentando situacións problemáticas en que o alumnado, individualmente ou en grupos, teña que abordar de xeito autónomo e creativo todas as fases do proceso: análise do problema e emisión de hipóteses, procura de estratexias de resolución, comprobación das hipóteses, extracción e debate das conclusións, etc.

Facilitando o traballo en equipo, a colaboración entre o alumnado, a discusión en grupo, o intercambio de puntos de vista no seo do alumnado, e entre este e o profesorado, a adopción de distintos xeitos de agrupamento segundo a situación, etc.

Atender á diversidade do alumnado con ritmos de aprendizaxe, motivacións, intereses e dispoñibilidade persoal diferentes:

Pondo ao dispor do alumnado actividades con diferentes graos de complexidade ou dificultade que permitan progresar en función das posibilidades de cadaquén.

Utilizando recursos didácticos e fontes de información moi variadas: gráficas, textos, táboas de datos, imaxes, experiencias en obradoiros e en laboratorios, prensa, documentais, internet, procesadores de texto, follas de cálculo, etc.

Incorporar os recursos tecnolóxicos e informáticos na procura de información e na resolución de problemas:

Empregando o procesador de texto na elaboración de traballos escritos, a folla de cálculo na representación de gráficas de funcións e estatísticas, programas de deseño asistido nos traballos tecnolóxicos, programas de presentacións para traballos en equipo, a calculadora científica nos cálculos ordinarios, etc.

Observando, manipulando e mesmo confeccionando, sempre que sexa posible, modelos matemáticos e xeométricos, atómicos e moleculares, materiais propios dos laboratorios de ciencias e de tecnoloxía, etc.

Propondo pequenos proxectos de investigación experimental que impliquen a planificación do traballo, a comprobación de hipóteses e a elaboración de conclusións en pequenos grupos.

Desenvolver estratexias que fomenten actitudes responsables e o espírito crítico do alumnado para mellorar a súa participación na vida cultural, social, política e económica:

Analizando situacións conflitivas procedentes do medio natural e as consecuencias das accións humanas sobre el, en contextos concretos e de actualidade como os incendios, a explotación dos recursos naturais, os espazos protexidos, etc., participando en iniciativas que contribúan á súa conservación e á súa mellora.

Fomentando os hábitos de coidado e saúde corporal, e o espírito crítico respecto dalgunhas prácticas sociais pouco saudables.

Nivel I.

1. Introdución.

Os contidos comúns atinxen a todos os bloques deste nivel e deben estar presentes en todo o proceso de ensino e aprendizaxe.

En cada bloque preséntase unha secuencia dos contidos en que, partindo dun deles, se vai xustificando o estudo dos demais dun xeito integrado.

2. Contidos comúns para o nivel I.

-Utilización de estratexias e técnicas na resolución de problemas, tales como a análise do enunciado, o ensaio e o erro, ou a división do problema en partes, e comprobación da solución obtida.

-Emprego correcto dos símbolos e das normas das matemáticas, e valoración desta linguaxe.

-Confianza nas propias capacidades para a resolución de problemas, para comprender as relacións existentes e para tomar decisións a partir delas.

-Planificación e realización de traballos individuais e en equipo, mantendo actitudes favorables de participación e diálogo.

-Utilización de ferramentas tecnolóxicas para facilitar os cálculos de tipo numérico e alxébrico, as representacións gráficas e a comprensión de propiedades xeométricas.

-Familiarización coas características básicas do traballo científico, mediante a identificación de situacións-problema, discusión do seu interese, recoñecemento de hipóteses, experimentación etc., para comprender mellor os fenómenos naturais, resolver os problemas que presenta o seu estudo e formular suposicións sobre a súa evolución.

-Utilización dos medios de comunicación e das tecnoloxías da información para recoller e seleccionar información.

-Identificación de datos e feitos científicos sobre a natureza, e utilización desa información para a coñecer.

-Tecnoloxía como resposta ás necesidades humanas: fundamento do labor tecnolóxico. Proceso inventivo e de deseño.

-Distribución de tarefas e responsabilidades para a elaboración de ideas e procura de solucións nas fases dun proxecto técnico.

-Exemplificación do proceso técnico na industria do contorno.

Módulo 1.

Bloque 1: da sociedade da información ao universo.

As técnicas da información e da comunicación (TIC) teñen un papel cada vez máis salientable aos niveis persoal, social e laboral. O seu uso vaille facilitar ao alumnado adulto a adquisición de información e coñecementos, así como o seu tratamento, a súa transmisión e a súa presentación. Por iso, iníciase este primeiro bloque cun achegamento ao mundo da informática (computador, sistema operativo, almacenaxe de información, mantemento do sistema, internet e procura de información) que se empregará como unha ferramenta fundamental ao longo de todo o nivel. Incorpóranse deseguido os números enteiros, a partir dos naturais, para comprender e expresar matematicamente aspectos relacionados con eles.

A reflexión sobre a nosa situación no universo motiva o estudo do sistema solar, a Terra, os seus movementos e os calendarios. Deste xeito xorden de modo natural (a raíz da distancia entre planetas, da razón entre os seus volumes, etc.) os conceptos de fracción, decimal, potencias, notación científica e raíces cadradas.

Finalizamos coa descrición dun procesador de textos para mellorar a presentación da información.

Contidos.

-Descrición da arquitectura, dos elementos dun computador e doutros dispositivos periféricos. Funcionamento, manexo e interconexión dos elementos dun computador.

-Emprego do sistema operativo como interface entre persoa e máquina. Almacenaxe, organización e recuperación da información en soportes físicos, locais e extraíbles.

-Acceso a recursos compartidos en redes locais e posta á disposición destes.

-Instalación de programas e realización de tarefas básicas de mantemento de sistemas.

-Estrutura e funcionamento da internet. Dispositivos de comunicación. Servizos da internet.

-Ferramentas e aplicacións básicas para a procura e a descarga de información.

-Actitude crítica e responsable cara á propiedade intelectual e á distribución dos contidos e da información en xeral.

-Licenzas de uso e distribución do software.

-Números naturais. Operacións con números naturais. Divisibilidade de números naturais.

- Múltiplos e divisores comúns a varios números.

-Necesidade de ampliar o conxunto dos números naturais co dos números negativos para expresar estados e cambios. Os números enteiros. Recoñecemento e conceptualización en contextos reais.

-Significado e usos das operacións con números enteiros. Utilización da xerarquía e das propiedades das operacións e das regras de uso das parénteses en cálculos sinxelos.

-Identificación dos elementos do sistema solar.

-Coñecemento e explicación das características da Terra como planeta. A súa orixe.

-Análise das periodicidades nos calendarios, con interpretación dos movementos e das posicións no sistema do Sol, da Terra e da Lúa.

-Interpretación, coa axuda de modelos sinxelos, dos fenómenos relacionados cos movementos da Terra: o día e a noite, o ano, as estacións, as fases lunares e as eclipses.

-Fraccións e decimais en contornos cotiáns e en ámbitos científicos. Significados e usos das fraccións.

-Operacións con fraccións: suma, resta, produto e cociente.

-Números decimais. Relacións entre fraccións e decimais.

-Elaboración e utilización de estratexias persoais para o cálculo mental, para o cálculo aproximado e con calculadoras.

-Potencias con expoñente enteiro. Operacións con potencias. Utilización da notación científica para representar números grandes, relacionados basicamente co mundo da ciencia.

-Cadrados perfectos. Raíces cadradas empregando calculadora.

-Procesador de textos.

-Ferramentas e aplicacións básicas para o intercambio e a publicación de información.

Criterios de avaliación.

1. Identificar os compoñentes físicos dun computador e outros dispositivos periféricos, así como conectalos e configuralos para o seu uso. Manexar o contorno gráfico dos sistemas operativos como interface de comunicación coa máquina.

Preténdese valorar a adquisición dos coñecementos que permitan administrar un computador persoal, conectar dispositivos externos e conectalos con outros sistemas, realizando tarefas de mantemento e actualización, así como personalizar os contornos gráficos, xestionar os tipos de documentos, e almacenar e recuperar información en diferentes soportes.

2. Elaborar, intercambiar e publicar documentos en soporte electrónico que incorporen información textual e gráfica.

Preténdese avaliar se o alumnado é que de elaborar documentos que conteñan información textual, imaxes e gráficos, empregando procesadores de texto. Cumprirá que sexa capaz de intercambiar esta información con outras persoas empregando documentos progresivamente máis complexos e de maior perfección canto á estruturación e a presentación, así como de os almacenar en soportes físicos locais e remotos, e de os publicar na rede.

3. Utilizar os servizos básicos da internet: localización de información, correo electrónico e comunicación con outras persoas usuarias.

Trátase de valorar se o alumnado adulto é quen de navegar pola rede, de empregar os buscadores para obter información e de almacenala. Tamén se valorará o uso dos xestores de correo electrónico e das ferramentas para a comunicación entre usuarios.

4. Utilizar os números naturais e enteiros, as fraccións e os decimais sinxelos, as súas operacións e as propiedades para recoller, transformar e intercambiar información, e aplicar estes coñecementos a outras materias do currículo ou da vida.

Trátase de valorar a capacidade de identificar e empregar os números, as operacións e as propiedades, de elixir a forma de cálculo apropiada (mental, escrita ou con calculadora) e de estimar a coherencia e a precisión dos resultados obtidos.

As potencias de expoñente enteiro empregaranse ligadas á notación científica para poder representar con comodidade cantidades moi grandes ou moi pequenas. A estimación e a obtención das raíces cadradas deberase facer case sempre para resolver situacións presentes na vida real empregando a calculadora. Adquire especial relevancia avaliar o uso de diferentes estratexias que permitan simplificar o cálculo con fraccións e decimais.

5. Resolver problemas relacionados cos ámbitos social, científico e da vida cotiá, utilizando operacións con números naturais e enteiros, con decimais e con fraccións.

Preténdese valorar a capacidade de aplicar os coñecementos adquiridos sobre os tipos de números para resolver problemas, e de valorar a adecuación do resultado ao contexto.

6. Coñecer a situación da Terra, a Lúa e o Sol no universo, e algúns fenómenos que se derivan dos seus movementos.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de situar a Terra, a Lúa e o Sol no universo, e explicar a duración dos anos, o día e a noite, as eclipses, as fases da Lúa e as estacións, axudándose dalgún modelo sinxelo con base na interpretación dos movementos relativos da Terra e da Lúa no sistema solar.

Bloque 2: materia, auga e vida.

Comézase este bloque coa identificación dalgunhas propiedades xerais da materia, cunha especial atención á densidade, que se utilizará como un criterio sinxelo para diferenciar materiais, e continúase coa descrición máis detallada doutros materiais de interese tecnolóxico (naturais, transformados e sintéticos). A estrutura, a forma e o acabamento destes materiais invitan a describir as figuras xeométricas máis frecuentes, e a calcular as súas áreas e os seus perímetros.

O tratamento dos residuos e o impacto ambiental ocasionado pola produción dos materiais antes citados serve de ligazón para o estudo do ciclo da auga na natureza, da hidrosfera e da atmosfera, e isto leva a identificar os requisitos que posibilitan a vida na Terra, distinguir seres unicelulares e pluricelulares, e a os clasificar nos cinco reinos. Un exemplo de colleita de datos diversos sobre os seres vivos xustifica a súa organización en táboas e a súa representación utilizando coordenadas cartesianas.

Contidos.

-Realización de experiencias sinxelas para identificar e medir directa e indirectamente as propiedade xerais da materia en diferentes estados.

-Identificación da densidade como propiedade característica das substancias. Utilización da densidade en situacións habituais para diferenciar materiais.

-Diferenciación das características observables dos estados en que se presenta a materia.

-Clasificación de materiais.

-Identificación dos compoñentes da atmosfera e as súas propiedades.

-Explicación dos factores que condicionan o tempo atmosférico, e establecemento da relación entre tempo e clima.

-Uso de instrumentos para medir variables ambientais: temperatura, presión atmosférica, humidade do ambiente e dirección do vento.

-Valoración da influencia da actividade humana sobre a atmosfera, e repercusións na saúde das persoas.

-Materiais terrestres; a xeosfera.

-Materiais naturais, transformados e sintéticos: madeira, metais, e materiais plásticos, cerámicos e pétreos. Propiedades e técnicas básicas de utilización.

-Emprego das ferramentas de forma adecuada e segura.

-Elementos básicos para a descrición das figuras xeométricas no plano. Paralelismo e perpendicularidade.

-Clasificación de triángulos e cuadriláteros a partir de diferentes criterios. Estudo dalgunhas propiedades e relacións nestes polígonos.

-Polígonos regulares. Circunferencia e círculo.

-Medida de ángulos en figuras planas. Operacións con ángulos empregando calculadora.

-Estimación, medición e cálculo de perímetros e de áreas de figuras representadas e reais, mediante fórmulas, triangulación e cuadriculación.

-Realización de bosquexos para a anotación de medidas.

-Tratamento de residuos e impacto ambiental do proceso produtivo. Uso de materiais comerciais e reciclados para a construción e a fabricación de obxectos.

-Recoñecemento do importante papel da auga no clima, na paisaxe e nos seres vivos.

-Ciclo da auga, o seu percorrido na natureza e a súa incidencia no medio. Análise da intervención humana nese ciclo.

-Realización de experiencias sinxelas que axuden a comprender a contaminación da auga e os procesos de depuración e potabilización da auga.

-Análise da distribución da auga no planeta e valoración da importancia da auga doce como recurso.

-Identificación dos requisitos necesarios para a vida.

-Descrición das características que definen os seres vivos: as funcións vitais.

-Identificación dos seres unicelulares e pluricelulares, e utilización da lupa e do microscopio para proceder á súa observación.

-Recoñecemento da biodiversidade e clasificación dos seres vivos nos cinco reinos.

-Observación de organismos característicos de cada reino, con especial atención aos principais grupos dos reinos vexetal e animal.

-Razóns da importancia da biodiversidade e a súa valoración como patrimonio natural.

-Organización de datos en táboas de valores.

-Coordenadas cartesianas. Representación de puntos nun sistema de eixes coordenados.

-Identificación de puntos a partir das súas coordenadas.

Criterios de avaliación.

1. Identificar e medir algunhas propiedades de materiais cotiáns, como a masa, o volume, a densidade, os estados en que se presentan e os seus cambios, así como planificar e desenvolver procedementos para as coñecer.

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de recoñecer e medir algunhas propiedades da materia utilizando instrumentos sinxelos que lle permitan investigar as súas características e identificar os cambios de estado que experimentan.

2. Interpretar cualitativamente fenómenos atmosféricos a partir de datos meteorolóxicos e rexistros climáticos, e identificar os compoñentes da atmosfera.

Trátase de comprobar se o alumnado adulto é capaz de explicar de xeito sinxelo os factores que inflúen no tempo atmosférico, así como da súa capacidade para obter datos das variables meteorolóxicas empregando instrumentos de medición. Tamén se valorará o grao de coñecemento dos compoñentes da atmosfera, das súas propiedades e da súa influencia na saúde das persoas.

3. Valorar a importancia da auga para o desenvolvemento da vida, e identificar as repercusións da actividade industrial e humana sobre ela.

Preténdese valorar o grao de coñecemento que o alumnado adulto ten sobre o ciclo da auga, e a importancia da calidade e da cantidade desta sobre a vida no planeta, así como das ameazas que supoñen a industria e a actividade humana, as solucións posibles, e a elaboración de esquemas sobre o seu ciclo.

4. Recoñecer e describir as propiedades de materiais naturais, transformados e sintéticos, así como as súas variedades comerciais: madeira, metais e materiais plásticos, cerámicos e pétreos. Identificalos en aplicacións comúns e coñecer técnicas básicas de conformación, unión e acabamento.

Trátase con este criterio de valorar o coñecemento que o alumnado adulto ten dos materiais presentes na xeosfera, así como dos materias transformados e sintéticos máis frecuentes no seu contorno. Valorarase o coñecemento das súas propiedades mecánicas, eléctricas e térmicas, a súa relación coas aplicacións na fabricación de obxectos comúns, así como o coñecemento das técnicas de conformación, unión e acabamento empregadas no seu proceso construtivo.

5. Recoñecer, describir e analizar figuras planas presentes na natureza e nas actividades artísticas, utilizar as súas propiedades para as clasificar, e estimar e calcular perímetros, áreas e ángulos empregando os instrumentos e as unidades pertinentes.

Preténdese con este criterio valorar se o alumnado adulto identifica as figuras planas presentes na natureza e na actividade artística, e se é capaz de as clasificar e de determinar a medida do seu perímetro, a área e os ángulos. Tamén se valorará a aplicación destes coñecementos para interpretar e describir o mundo físico e as manifestacións artísticas.

6. Valorar a importancia do sistema atmosfera-hidrosfera-xeosfera para o desenvolvemento da vida, identificar as repercusións da actividade humana sobre o medio e realizar propostas e compromisos de mellora.

Trátase de avaliar se o alumnado identifica algúns dos problemas ambientais, enunciando posibles consecuencias, e se propón medidas concretas de actuación no seu contorno próximo que potencien a redución do consumo, a reutilización e a reciclaxe.

7. Recoñecer as funcións vitais como características dos seres vivos, e que estes están constituídos por células.

Trátase de valorar se o alumnado é capaz de recoñecer e describir as funcións dos seres vivos a partir de exemplos sinxelos. Valorarase tamén a identificación dun organismo como pertencente a un dos reinos a través da observación e dos seus trazos máis salientables.

8. Organizar e interpretar informacións mediante táboas e representacións gráficas.

Trátase de avaliar se o alumnado é capaz de recoller en táboas informacións numéricas procedentes da vida cotiá e do ámbito científico, de representalas nun sistema de coordenadas cartesianas, de interpretar de modo cualitativo os datos tabulados e de os representar graficamente.

Módulo 2.

Bloque 1: enerxía: obtención e transferencia.

Evidenciar a presenza da enerxía en innumerables situacións cotiás leva a analizar e a valorar as fontes da enerxía de que dispomos. O tratamento matemático de datos relativos a esta última aconsella o estudo aquí das proporcións e das porcentaxes, e da proporcionalidade directa e inversa. Descríbese deseguida a transferencia de enerxía nas dúas formas de traballo e calor, incidindo nos efectos da calor nos cambios de estado de agregación.

O emprego de escalas termométricas serve de exemplo para introducir a linguaxe alxébrica e o planeamento e resolución de ecuacións de primeiro grao.

De volta á enerxía, analízase a súa produción e o seu uso en Galicia, e iníciase a descrición doutras formas da enerxía, como a luz e o son, con experiencias sinxelas de propagación, reflexión, refracción e descomposición, con identificación de aplicacións prácticas.

Contidos.

-Recoñecemento da intervención da enerxía en situacións cotiás como movementos, deformacións, variacións da temperatura, cambios de estado, etc. Aproximación ao concepto de enerxía e á súa relación cos cambios.

-Utilización de criterios para clasificar as fontes de enerxía. Valoración, desde o punto de vista ambiental, do emprego de fontes de enerxía renovables e non renovables.

-Razón e proporción.

-Porcentaxes para expresar partes dun todo, cotas de participación ou variación de magnitudes. Aplicacións á vida cotiá. Cálculo mental, escrito e con calculadora para obter porcentaxes habituais.

-Proporcionalidade directa e inversa. Análise de táboas. Razón de proporcionalidade. Problemas da vida cotiá. Magnitudes non proporcionais.

-Transferencia de enerxía: o traballo, a calor e a radiación.

-Realización de experiencias onde o mecanismo de transferencia de enerxía sexa a calor.

-Uso do termómetro para medir temperaturas. Diferenciación entre calor e temperatura.

-Identificación dos cambios de estado. Determinación experimental das temperaturas de fusión e de ebulición dunha substancia pura. Representación gráfica da relación entre a temperatura e o cambio de estado.

-Emprego de letras para simbolizar números inicialmente descoñecidos. Simbolización para expresar cantidades en distintos contextos, e valoración da súa utilidade.

-Tradución de expresións da linguaxe cotiá á alxébrica e viceversa.

-Resolución de problemas por métodos non alxébricos: ensaio e erro dirixido.

-Significado das ecuacións e das solucións dunha ecuación.

-Resolución de ecuacións de primeiro grao. Transformación de ecuacións noutras equivalentes. Interpretación da solución.

-Utilización de ecuacións para resolución de problemas.

-Análise dos procesos de xeración de enerxía a partir das fontes, do transporte e do consumo de enerxía en Galicia. Valoración das repercusións ambientais.

-Realización de experiencias de propagación da luz. Utilización de espellos e lentes para o estudo cualitativo da reflexión e da refracción da luz.

-Relación entre a luz e a visión. Estudo cualitativo da descomposición da luz branca.

-Realización de experiencias de propagación e reflexión do son. Relación entre o son e a audición.

-Identificación das aplicacións prácticas relacionadas coa luz e o son para a sociedade.

-Valoración do problema da contaminación acústica e luminosa. Procura e análise de solucións.

Criterios de avaliación.

1. Identificar a enerxía como causa de transformación e dos cambios que teñen lugar no noso contorno, a súa utilidade e as consecuencias que ten para o ambiente.

Preténdese avaliar se o alumnado adulto recoñece a presenza da enerxía en procesos da vida cotiá, se identifica as fontes de enerxía e se emprega criterios para as clasificar. Valorarase tamén se recoñece a necesidade dun uso responsable da enerxía para contribuír ao futuro sustentable.

2. Recoñecer relacións de proporcionalidade numérica. Resolver problemas da vida cotiá, con emprego da proporcionalidade e das porcentaxes.

Preténdese comprobar a capacidade de recoñecer relacións de proporcionalidade directa e inversa entre magnitudes en diferentes contextos, e de obter elementos descoñecidos a partir doutros coñecidos en situacións da vida real onde existan relacións de proporcionalidade. Ademais, valorarase a aplicación das porcentaxes noutras materias do currículo e na vida real.

3. Identificar a calor como unha forma de transferencia de enerxía, e coñecer os seus efectos sobre os corpos.

Preténdese comprobar se o alumnado diferencia calor de temperatura na análise enerxética de situacións prácticas sinxelas. Valorarase se sabe empregar o termómetro para medir temperaturas, se coñece o seu fundamento e se identifica situacións de equilibrio ou desequilibrio térmico.

4. Obter expresións alxébricas a partir da linguaxe cotiá. Empregar as ecuacións de primeiro grao como unha ferramenta máis para resolver problemas.

Quérese con este criterio verificar se o alumnado é capaz de obter o valor numérico de expresións alxébricas sinxelas cunha soa letra, utilizar correctamente os signos matemáticos, traducir situacións procedentes da vida diaria e do mundo físico á linguaxe alxébrica e obter o valor numérico destas expresións.

Valorarase tamén a resolución de problemas mediante a técnica de ensaio e erro, e máis formalmente mediante ecuacións de primeiro grao, como unha ferramenta máis para resolver problemas.

Avalíase, así mesmo, a capacidade para pór en práctica estratexias persoais como alternativa á álxebra á hora de formular e resolver problemas, interpretando en todos os casos os resultados obtidos e valorando a súa pertinencia.

5. Utilizar estratexias e técnicas de resolución de problemas, tales coma a análise do enunciado, o ensaio e erro sistemático, e a división do problema en partes, así como a comprobación da coherencia da solución obtida. Expresar o procedemento empregado na resolución dun problema utilizando a linguaxe matemática adecuada ao seu nivel.

Con este criterio valórase o xeito de se enfrontar a tarefas de resolución de problemas para os cales non se dispoña dun procedemento estándar que permita obter a solución. Avalíase desde a comprensión do enunciado ata a aplicación de estratexias de resolución.

Trátase de avaliar, así mesmo, a perseveranza na procura de solucións e a confianza na propia capacidade para logralas.

Preténdese valorar se o alumnado é capaz de transmitir cunha linguaxe suficientemente precisa as ideas e os procesos persoais desenvolvidos.

6. Recoñecer fenómenos cotiáns referidos á transmisión da luz e do son, e reproducir experimentalmente algún deles.

Este criterio procura avaliar se o alumnado é capaz de utilizar as propiedades da luz e do son para interpretar a reflexión e a refracción, así como de o aplicar a algún aparello óptico, e ao eco.

Valorarase o recoñecemento das repercusións da contaminación acústica e luminosa sobre a calidade de vida, e a formulación de propostas de solución.

Bloque 2: o medio e as funcións dos seres vivos.

Partindo da estrutura das rochas e dos minerais máis importantes de Galicia iníciase o estudo da semellanza das figuras coa mesma forma e distinto tamaño. Analízanse, así mesmo, os poliedros e os corpos redondos máis sinxelos (paralelepípedos, poliedros, cilindros, conos e esferas), dos cales se calculan e estiman os volumes e as superficies que nos permiten introducir a semellanza e a utilización dos teorema de Tales e de Pitágoras para relacionar medidas e figuras.

Algunhas destas formas xeométricas pódense observar nas células dos seres vivos unicelulares e pluricelulares. Dos seres vivos analízanse os procesos de nutrición, respiración, fotosíntese, fermentación, relación e reprodución.

A análise de datos numéricos relacionados cos seres vivos (malnutrición/mortalidade, cores da luz/fotosíntese, etc.) conduce ás representacións gráficas a partir de táboas de valores, enunciados ou expresións alxébricas.

Finaliza o bloque coa identificación dos compoñentes dun ecosistema e o papel que xogan nel os organismos produtores, consumidores e descompoñedores.

Contidos.

-Recoñecemento das manifestacións da enerxía interna da terra: volcáns, terremotos, pregamentos, fallas e formación de montañas. Xustificación cualitativa á luz do modelo dinámico.

-Identificación do papel da enerxía interna na formación de materiais terrestres: magmatismo e metamorfismo.

-Procura de noticias de xornais relacionadas coas manifestacións da enerxía interna, e análise das súas repercusións segundo o grao de desenvolvemento do país.

-Caracterización das rochas máis importantes en Galicia e dos minerais que as compoñen, e posterior observación e identificación da súa formación cunha pequena análise.

-Comparación de figuras coa mesma forma e distinto tamaño. Semellanza. Proporcionalidade de segmentos. Identificación de relacións de semellanza.

Ampliación e redución de figuras. Obtención, cando sexa posible, do factor de escala utilizado.

-Utilización dos teoremas de Tales e Pitágoras para obter medidas e comprobar relacións entre figuras.

-Poliedros.

-Cilindros, esfera, cono e paralelepípedos. Elementos característicos e volume.

-Resolución de problemas que impliquen a estimación, a medida e o cálculo de lonxitudes, superficies e volumes de obxectos do contorno inmediato.

-Identificación da célula como unidade básica dos seres vivos e observación co microscopio apreciando a súa diversidade.

-Caracterización das funcións de nutrición como un intercambio de materia e enerxía co ambiente.

-Diferenciación dos dous tipos de nutrición: autótrofa e heterótrofa.

-Descrición e comparación cualitativa dos procesos de fotosíntese, respiración e fermentación.

-Valoración da importancia da fotosíntese para a vida na Terra.

-Caracterización e comparación das reproducións sexual e asexual, e do seu significado desde o punto de vista da súa variabilidade.

-Recoñecemento das funcións de relación: percepción, coordinación e resposta (movemento).

-Descrición local e global de fenómenos de tipo social, natural ou científico, presentados de xeito gráfico.

-Representación gráfica dunha situación que vén dada a partir dunha táboa de valores, dun enunciado ou dunha expresión alxébrica sinxela.

-Identificación dos compoñentes dun ecosistema, dun medio abiótico e dunha comunidade, e recoñecemento da influencia dos factores abióticos e bióticos nos ecosistemas.

-Recoñecemento do papel dos organismos produtores, consumidores e descompoñedores no ecosistema, e da relación coa reciclaxe da materia e o fluxo de enerxía.

-Práctica da actividade física como fonte de saúde.

-Atención á hixiene corporal logo da práctica de actividade física.

-Aceptación das normas para a conservación dos medios urbano e natural.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer as manifestacións da enerxía interna da terra e identificar o seu papel na formación das rochas magmáticas e metamórficas, e identificar os riscos asociados aos procesos xeolóxicos internos valorando a capacidade de prevención e predición.

Tratase de comprobar se o alumnado adulto ten unha concepción dinámica da natureza, e se identifica algunhas das manifestacións da dinámica interna do relevo, como volcáns, terremotos pregamentos, fallas e formación de montañas, e o seu efecto na formación de materiais terrestres.

Trátase de valorar tamén se o alumnado é capaz de procurar informacións relacionadas con estas manifestacións, de valorar os riscos asociados a elas e a súa repercusión, utilizando noticias de prensa, mapas e outras canles de información.

2. Identificar relacións de proporcionalidade xeométrica, e utilizalas para resolver problemas da vida cotiá.

Preténdese comprobar se o alumnado adulto identifica figuras semellantes, se é capaz de calcular a razón de semellanza e se ten capacidade para aplicar estes coñecementos a outras materias do currículo (escalas en mapas) e do mundo científico. Quérese comprobar, ademais, se sabe aplicar o teorema de Tales para resolver problemas de tipo xeométrico.

3. Recoñecer figuras xeométricas elementais (paralelepípedos, poliedros, cilindros, conos, esferas) e os seus elementos característicos. Resolver problemas xeométricos sinxelos relacionados con estas figuras, efectuar medicións e calcular lonxitudes, áreas e volumes de espazos e obxectos cunha precisión acorde coa situación presentada, expresando o resultado da estimación, da medición e do cálculo na unidade de medida máis axeitada.

Preténdese valorar o coñecemento que o alumnado adulto ten das figuras xeométricas elementais, e dos seus elementos característicos. Tamén se ha valorar a capacidade para a resolución de problemas relativos a espazos ou obxectos do contorno inmediato que requiran o cálculo de lonxitudes, superficies ou volumes de figuras elementais, e seleccionar a unidade axeitada para cada un.

Trátase de comprobar, ademais, se se adquiriron as capacidades necesarias para estimar o tamaño dos obxectos e as destrezas adecuadas para facer medicións.

Tamén se quere comprobar se saben aplicar os teoremas de Tales e Pitágoras para obter medidas a partir doutras e para facer representacións e interpretar planos.

4. Recoñecer as rochas máis frecuentes de Galicia, os minerais que as compoñen e as súas aplicacións.

Valorarase a capacidade de identificar e recoñecer os tipos de rochas (magmáticas, metamórficas e sedimentarias) e de minerais máis comúns en Galicia en mostras no laboratorio ou no medio natural, e coñecer as súas aplicacións. Valorarase, ademais, a capacidade para as diferenciar a partir de observacións e comprobacións experimentais dalgunhas das súas propiedades.

5. Interpretar aspectos relacionados coas funcións vitais dos seres vivos a partir de observacións experimentais realizadas con organismos sinxelos, comprobando o efecto que teñen determinadas variables nos procesos de nutrición, relación e reprodución.

Trátase de comprobar se o alumnado adulto coñece as funcións vitais dos seres vivos, as diferenzas entre a nutrición dos seres autótrofos e heterótrofos, as características e os tipos de reprodución, e os elementos fundamentais que interveñen na función de relación.

6. Interpretar relacións funcionais sinxelas dadas en forma de táboa, gráfica, expresión alxébrica ou mediante un enunciado, así como obter valores a partir delas e extraer conclusións acerca do fenómeno estudado.

Este criterio pretende valorar o manexo dos mecanismos que relacionan os tipos de presentación da información, en especial o paso da gráfica dunha relación de proporcionalidade a calquera das outras tres: verbal, numérica e alxébrica.

Trátase de avaliar tamén a capacidade de relacionar unha expresión verbal coa súa correspondente gráfica, e de analizar unha gráfica e relacionar o resultado co significado das variables representadas que teñan que ver con fenómenos de tipo social ou do mundo natural.

7. Identificar nun ecosistema próximo o medio abiótico e as comunidades, representar as relacións tróficas establecidas entre os seus seres vivos e valorar a súa diversidade.

Tratase de valorar se o alumnado é capaz de recoñecer os elementos dun ecosistema próximo, de obter datos dalgún compoñente abiótico (luz, humidade, temperatura, topografía, rochas, etc.) e biótico (animais e plantas máis abundantes), así como interpretar as relacións nas cadeas tróficas e valorar a diversidade e a importancia da preservación dos ecosistemas.

8. Valorar o beneficio que a práctica da actividade física fornece á saúde.

Con este criterio trátase de que o alumnado valore a necesidade de realizar regularmente algún tipo de actividade física, así como da hixiene corporal necesaria á finalización da actividade e de que durante a actividade física se respecte e se coide o medio.

Nivel II.

Contidos comúns para o nivel II.

-Planificación e utilización de estratexias na resolución de problemas, tales como o reconto exhaustivo, a emisión de hipóteses, a xeneralización, a indución ou a procura de problemas afíns, e comprobación do axuste da solución obtida á situación suscitada.

-Confianza nas propias capacidades para afrontar problemas, perseveranza e flexibilidade na procura de solucións aos problemas e na mellora das atopadas.

-Utilización das ferramentas tecnolóxicas e informáticas para a procura e a selección crítica de información científica, nos cálculos de tipo numérico, alxébrico ou estatístico, nas representacións gráficas de funcións e estatísticas, e na comprensión de propiedades xeométricas.

-Utilización de estratexias propias do traballo científico, mediante a proposta de problemas e sinxelas investigacións, análise de variables que interveñen, a formulación de hipóteses, a planificación de experiencias, a organización dos datos, a interpretación de resultados, e a elaboración e comunicación de conclusións.

-Valoración da educación científica da cidadanía e da participación cidadá na toma de decisións como requisito das sociedades democráticas sustentables, e modificación de hábitos de conduta que promovan a saúde persoal e comunitaria.

-Asimilación das diferenzas sociais derivadas da desigual repartición da riqueza no mundo, que provoca unhas condicións de enorme desvantaxe en aspectos de saúde e do medio dos países pobres respecto dos ricos.

-Análise de obxectos e sistemas técnicos e resolución de problemas tecnolóxicos, individualmente e en grupo, respectando as normas de seguridade na manipulación de ferramentas e de materiais.

-Interese polo coñecemento científico e polo avance tecnolóxico, e valoración critica da súa contribución á mellora do benestar social e individual, e da súa influencia na sociedade, na saúde, na calidade de vida das persoas e no medio.

Módulo 3.

Bloque 1: o mundo microscópico.

Os contidos deste bloque están organizados arredor do mundo microscópico, desde os puntos de vista da bioloxía e da química. O bloque iníciase co estudo da célula, facendo fincapé en que todos os seres vivos están formados por células e en que esta é a súa unidade mínima funcional, caracterizando os tipos de células e describindo os orgánulos e as súas funcións básicas. Préstaselles especial atención aos cromosomas como localización do ADN e dos xenes, e aos dous tipos de división celular -meiose e mitose- así como ás técnicas da enxeñaría xenética actual e as súas repercusións éticas, sociais, etc.

Séguese co estudo da materia desde o punto de vista microscópico, coa identificación e a caracterización de mesturas, elementos e compostos, as disolucións, os compoñentes e a súa concentración, dando pé ao estudo dos números racionais e ao uso da notación científica para representar e operar con números moi grandes ou moi pequenos.

Introdúcense, por último, a teoría cinética da materia e a teoría atómica como modelos que nos serven para interpretarmos satisfactoriamente algunhas propiedades das substancias e dos estados físicos da materia, así como os seus cambios físicos e químicos. Aparece tamén a idea de conservación, tanto para a masa como para o elemento, nos cambios químicos.

Contidos.

-Recoñecemento da célula como unidade estrutural e funcional dos seres vivos.

-Caracterización dos tipos de células: eucariota, procariota, animal e vexetal. Descrición dos principais orgánulos.

-Identificación do material hereditario na célula: cromatina e cromosomas. O ADN como constituínte dos cromosomas.

-Caracterización dos procesos de división celular: mitose e meiose. Produción de gametos.

-Identificación do cromosoma como organizador dos xenes. O xene como unidade portadora da información xenética.

-Valoración crítica das técnicas da enxeñaría xenética, como os transxénicos, a clonación e a terapia xénica. Implicacións e repercusións éticas, médicas, ecolóxicas e sociais.

-Procura de información na web sobre algunha doenza xenética ou aplicación dalgunha técnica de enxeñaría xenética actual.

-Caracterización de mesturas e substancias puras. Elección das técnicas máis axeitadas para a separación experimental de substancias en mesturas.

-Identificación de disolucións e dos seus compoñentes, así como o cálculo e a expresión da súa concentración. Preparación de disolucións. Exemplos de disolucións en produtos de uso habitual: alimentos, bebidas, limpeza doméstica, hixiene persoal, medicina, combustibles, etc.

-Números racionais e decimais, e fraccións. Números con expresión decimal finita e periódica. Operacións cos decimais e fraccións empregando calculadora.

-Comparación de números racionais.

-Representación de números racionais na recta numérica.

-Utilización axeitada das cifras significativas e do arredondamento.

-Interpretación, coa axuda do modelo cinético da materia, de propiedades dos gases como o volume, a temperatura e a presión, así como de propiedades dos sólidos e dos líquidos, como o volume, e dos cambios de estado. Aplicacións prácticas: potas a presión, inflado correcto dos pneumáticos, etc.

-Identificación dos compoñentes fundamentais da materia: átomos. Núcleo e codia electrónica. Carga e masa dos protóns, neutróns e electróns.

-Uso da notación numérica científico-exponencial para expresar números moi grandes ou moi pequenos. Operacións con estes números empregando a calculadora.

-Utilización da teoría atómica para a clasificación das substancias puras en simples e compostas. Elementos químicos. Exemplos de substancias de uso cotián.

-Interpretación da estrutura das substancias a través do tipo de enlace entre os seus átomos: enlace iónico, covalente e metálico. Propiedades máis importantes das substancias en relación co seu tipo de enlace. Exemplos con substancias de uso habitual.

-Realización experimental dalgúns cambios físicos e químicos sinxelos.

-Interpretación atómico-molecular das reaccións químicas, utilizando a representación gráfica e simbólica. Xustificación da conservación da masa nas reaccións químicas.

-Observación práctica da transferencia de enerxía nas reaccións químicas. Aplicación as combustións e á fotosíntese.

-Obtención de información (en textos, xornais, internet, etc.) sobre a emisión de gases nas combustións (vehículos, centrais térmicas, incendios, calefacción, etc.) e os efectos sobre o planeta. Uso de catalizadores nos tubos de escape dos vehículos.

Criterios de avaliación.

1. Aplicar a teoría celular ao estudo dos seres vivos, con identificación das estruturas características das células procariota, eucariota, vexetal e animal en relación coa súa función biolóxica.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de recoñecer a existencia de células en distintos organismos, e de identificar as estruturas celulares en debuxos e microfotografías, sinalando a función de cada unha.

2. Describir os procesos de división celular, e sinalar as principais diferenzas entre mitose e meiose, así como o significado das dúas.

Con este criterio deséxase avaliar se o alumnado recoñece a mitose como un tipo de división celular necesaria na reprodución dos seres vivos unicelulares e no crecemento e a reparación do corpo nos organismos pluricelulares, e de explicar a meiose na produción dos gametos na reprodución sexual.

3. Coñecer que os xenes están constituídos por ADN e situados nos cromosomas, e valorar o papel da diversidade xenética e as consecuencias da utilización da enxeñaría xenética.

Procúrase comprobar se o alumnado é capaz de explicar que a almacenaxe da información xenética reside nos cromosomas, así como a existencia de mutacións e as súas consecuencias na evolución e na diversidade dos seres vivos. Valorarase se é capaz de usar os seus coñecementos para elaborar un criterio propio sobre as repercusións sociais, éticas e sanitarias da biotecnoloxía (terapia xénica, alimentos transxénicos, utilización de clons, etc.).

4. Utilizar procedementos e técnicas que permitan diferenciar mesturas, substancias simples e compostos en materiais de uso cotián, identificar a súa composición e preparar disolucións sinxelas.

Este criterio trata de comprobar se o alumnado diferencia unha substancia pura dunha mestura, e se é capaz de propor a técnica máis adecuada para separar os compoñentes dunha mestura dada e, no caso de preparar unha disolución, se sabe efectuar os cálculos previos e utilizar adecuadamente os materiais de laboratorio.

5. Utilizar os números racionais para recoller e tratar información, e resolver cálculos dos ámbitos científico e social, arredondando o número decimal coas cifras significativas adecuadas e empregando a notación científico-exponencial, cando sexa aconsellable.

Trátase de valorar a capacidade do alumnado de empregar fraccións e números decimais nos cálculos, de forma mental, escrita e con calculadora, así como de expresar o resultado do xeito máis adecuado á situación (fracción, decimal arredondado ou notación exponencial).

Trátase tamén de verificar se o alumnado é capaz de comparar números racionais entre si, de os ordenar e de os representar graficamente.

6. Empregar a teoría cinética da materia para interpretar algunhas propiedades dos gases, dos líquidos e dos sólidos; usar a teoría atómica para identificar elementos, compostos, moléculas e redes cristalinas; e interpretar as reaccións químicas, xustificando a conservación da masa nelas.

Preténdese verificar se o alumnado utiliza a teoría cinética da materia para interpretar os conceptos de presión, volume e temperatura nos gases, nos líquidos e nos sólidos, así como os seus cambios de estados de agregación, e se utiliza axeitadamente o modelo atómico-molecular para diferenciar átomos, moléculas e redes cristalinas a partir de representacións gráficas, e para interpretar as reaccións químicas como a ruptura e a formación de enlaces entre átomos en que se xeran novas substancias e se conserva constante a masa total.

Bloque 2: as persoas e a saúde.

Agrúpanse neste bloque contidos que teñen relación coa organización do corpo humano a nivel estrutural, de relación e hormonal, os factores que condicionan a saúde física e as defensas de que dispomos contra as doenzas, tanto as propias do organismo como os fármacos e as vacinas, facendo unha valoración crítica do seu uso, así como da conveniencia de practicar hábitos de vida e consumo saudables (practicar exercicio físico, non consumir substancias que creen adicción, etc.), dando a coñecer as novas perspectivas no ámbito do tratamento da doenza e as súas diferenzas no mundo globalizado.

Introdúcense logo a sexualidade e a reprodución humana, a descrición dos aparellos reprodutores, a fecundación, o embarazo e o parto, cunha valoración dos métodos anticonceptivos máis utilizados e a importancia da hixiene sexual para combater as doenzas de transmisión sexual, especialmente a SIDA, co que se remata o estudo das doenzas humanas iniciado no punto anterior.

A segunda parte do bloque dedícase á descrición e ao estudo dos movementos dos corpos, en particular o movemento uniforme e o uniformemente acelerado, incidindo na inexistencia de sistemas de referencia absolutos e na interpretación das gráficas espazo/tempo e velocidade/tempo dos citados movementos.

O cálculo de tempos, posicións e velocidades leva á necesidade de resolver ecuacións de primeiro grao no movemento uniforme, de segundo grao no movemento acelerado, e de sistemas de ecuacións con dúas incógnitas nos exercicios de encontro ou alcance de móbiles, razón pola que o seu estudo se inclúe neste bloque.

Contidos.

-Recoñecemento dos niveis de organización do corpo: células, tecidos, órganos, sistemas e aparellos.

-Identificación dos factores que condicionan a saúde e a doenza. Doenzas conxénitas, hereditarias, crónicas, deficitarias e infecciosas.

-Actuación do sistema inmunitario en casos concretos: gripe, alerxias e infeccións bacterianas. Vacinas e fármacos. Valoración crítica do uso de vacinas, fármacos, transplantes, doazóns e terapias con células troncais.

-Diferenciación entre alimento e nutriente. Coñecemento dos principios inmediatos necesarios para a saúde do ser humano: proteínas, glícidos, graxas, sales, vitaminas e auga.

-Análise de dietas e dos hábitos saudables na alimentación. Doenzas e trastornos da conduta alimentaria: bulimia, anorexia, dietas de adelgazamento, etc.

-Valoración da saúde física e mental, e a súa relación co consumo de substancias que provocan adicción: alcohol, tabaco e estupefacientes.

-Identificación crítica da información contida nas etiquetas dos produtos alimentarios: aditivos, conservantes, edulcorantes e produtos transxénicos.

-As funcións de relación. Identificación dos mecanismos de resposta do ser humano ante un estímulo: órganos dos sentidos, sistema nervioso e aparello locomotor.

-Coñecemento da existencia do sistema endócrino e as hormonas. Funcións e alteracións frecuentes.

-Diferenciación entre sexualidade e reprodución. Coñecemento e valoración dos cambios psíquicos e físicos na adolescencia.

-Caracterización dos aparellos reprodutores masculino e feminino; óvulos e espermatozoides.

-Preparación do útero para a fecundación. Ciclo menstrual. Fecundación, embarazo e parto. Técnicas de reprodución asistida.

-Coñecemento e valoración dos métodos anticonceptivos máis frecuentes.

-Coñecemento dos riscos das doenzas de transmisión sexual e valoración da hixiene sexual.

-Práctica doutros hábitos de vida saudables. Quecemento e o seu significado na práctica da actividade física. Condición física: control do esforzo mediante a toma da frecuencia cardíaca. Técnicas de respiración. Posicións adecuadas do corpo nas actividades cotiás no traballo e no lecer.

-Recoñecemento do carácter relativo dos movementos. Sistema de referencia. Sistemas de posicionamento por satélites.

-Descrición do movemento rectilíneo uniforme. Estudo práctico no laboratorio. Utilización da ecuación s = so + v. t

-Representación gráfica posición/tempo no movemento uniforme: estudo da función lineal.

-Resolución de problemas de movemento uniforme: necesidade das ecuacións de primeiro grao. Solución das ecuacións de primeiro grao e aplicacións a casos prácticos.

-Identificación da aceleración como a característica principal do movemento de caída libre. Aceleración como rapidez do cambio da velocidade. Estudo do movemento uniformemente acelerado. Ecuacións:

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"

-Representación gráfica posición/tempo do movemento uniformemente acelerado: estudo da función cuadrática.

-Cálculo do tempo a partir do espazo: ecuacións de segundo grao. Técnicas de resolución.

-Resolución de ecuacións de segundo grao aplicadas a outros ámbitos do coñecemento.

-Resolución de problemas de encontros de móbiles: necesidade dos sistemas de dúas ecuacións con dúas incógnitas. Métodos de resolución alxébrica e gráfica. Aplicación a casos prácticos noutros contornos.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer que na saúde inflúen aspectos físicos, psíquicos, económicos e sociais, e valorar as consecuencias dos tipos de vida e dos avances biomédicos na previsión de doenzas e na mellora da calidade de vida, así como explicar os mecanismos de defensa do noso corpo que loitan contra os axentes patóxenos.

Con este criterio trátase de valorar se o alumnado posúe unha visión global do concepto de saúde e dos factores que inflúen nela, así como os efectos dos hábitos sociais positivos (práctica deportiva, descanso adecuado, vida activa, etc.) fronte aos negativos (vida sedentaria, alcoholismo, tabaquismo, etc.).

Tamén cumprirá distinguir os tipos de doenzas (infecciosas, hereditarias, intoxicacións, etc.) e a acción das vacinas, dos antibióticos e doutros fármacos no tratamento das doenzas.

2. Distinguir as achegas dos tipos de alimentos a unha nutrición correcta e xustificar a conveniencia de adquirir hábitos alimenticios saudables.

Avalíase aquí se o alumnado diferencia entre os distintos tipos de nutrientes (proteínas, glícidos, graxas, vitaminas e sales) que achega cada alimento a partir da información contida na etiqueta ou doutras fontes, como internet.

Valorarase a importancia de manter o equilibrio entre a inxestión e o gasto calórico diario, evitando condutas absurdamente consumistas causadas con frecuencia pola publicidade, así como o recoñecemento da existencia de doenzas relacionadas coa alimentación, como a bulimia e a anorexia.

3. Identificar os órganos dos sentidos e explicar a misión integradora dos sistemas nervioso e endócrino, relacionando as alteracións máis frecuentes cos órganos e os procesos implicados.

Preténdese comprobar se o alumnado sabe como se coordinan os sistemas endócrino e nervioso, para o que deberá caracterizar as principais doenzas relacionadas con eles e identificar os efectos prexudiciais de determinados factores como o consumo de drogas, o estrés, a falta de relacións persoais, a influencia dos medios de comunicación e da publicidade, etc.

4. Coñecer os aspectos básicos da sexualidade e da reprodución humana, e describir os procesos fundamentais da fecundación, o embarazo e o parto, así como valorar o uso de métodos de control da natalidade e a prevención de doenzas de transmisión sexual.

Avalíase con este criterio se os alumnos e as alumnas distinguen a reprodución como un mecanismo de perpetuación da especie, da sexualidade, entendida como unha actividade vital dos seres humanos e de comunicación afectiva e persoal.

Valorarase tamén o coñecemento anatómico e funcional dos aparellos reprodutores feminino e masculino para explicar o funcionamento dos métodos de control da natalidade e dalgunhas solucións a problemas de infertilidade, así como a conveniencia da hixiene sexual individual e colectiva para evitar as doenzas de transmisión sexual.

5. Recoñecer o carácter relativo do movemento, representar e analizar situacións relacionadas cos movementos cotiáns empregando gráficas e cálculos alxébricos.

Preténdese avaliar se o alumnado acepta a inexistencia de marcos de referencia absolutos, se é capaz de describir cualitativamente o movemento uniforme e o uniformemente acelerado, se sabe confeccionar e interpretar gráficas espazo/tempo e velocidade/tempo de movementos sinxelos, e se é capaz de efectuar cálculos que relacionen o espazo percorrido, a velocidade e a aceleración dun móbil empregando as ecuacións dos movementos implicados.

6. Resolver problemas dos ámbitos científico e social mediante a formulación e a resolución de ecuacións de primeiro e de segundo grao, e de sistemas de ecuacións lineais con dúas incógnitas.

Procúrase con este criterio comprobar a capacidade do alumnado de utilizar expresións literais para resolver problemas, inicialmente relacionados con móbiles e logo aplicados a outros ámbitos, que poidan ser traducidos a ecuacións ou a sistemas de ecuacións, valorando a coherencia das solucións obtidas no contexto do problema que se resolve.

Módulo 4.

Bloque 1: as forzas na natureza.

Neste bloque complétase o estudo, iniciado no anterior, do movemento dos corpos en relación coas causas que o producen: as forzas. Analízanse o carácter vectorial das forzas e a súa composición, e descríbense as forzas máis frecuentes na vida cotiá: gravitatoria, elástica, normal e de rozamento.

Aplícanse para identificar os esforzos a que están sometidos os elementos dunha estrutura e para o estudo experimental da forza elástica, o que dá ocasión de introducir a folla de cálculo, coa descrición das súas funcións básicas e a súa utilización na representación gráfica cartesiana dos datos forza/elongación, o seu axuste a unha liña recta, determinando así a constante de elasticidade do resorte empregado.

Finalízase o estudo das forzas coa análise das que se exercen no interior dos fluídos, é dicir, a presión, o empuxe e a flotabilidade, coas súas aplicacións prácticas, e a utilización da teoría da gravitación universal para explicar o peso dos corpos e os movementos dos planetas e dos satélites no sistema solar, e dos satélites artificiais.

Continúa o bloque coa identificación dos efectos da actuación dos axentes xeolóxicos externos e internos sobre as rochas, a paisaxe e o solo, e as pegadas da tectónica de placas no afastamento actual de continentes, a existencia de cordilleiras, volcáns e terremotos.

A presenza de fósiles nas rochas sedimentarias permite introducir a análise da teoría da evolución das especies como un dos grandes fitos da revolución das ciencias da vida no século XX, e que provocou no seu momento (século XIX) grandes controversias científicas, sociais e relixiosas que persisten na actualidade.

Séguese co estudo dos ecosistemas e da transferencia de materia e enerxía a través das cadeas e redes tróficas, desde unha perspectiva integradora e globalizadora da interacción e da interdependencia das persoas e o medio.

A procura de datos nos medios de comunicación e en internet sobre os efectos da intervención humana nos ecosistemas dá pé á recollida de datos e ao seu tratamento estatístico, coa organización dos datos en táboas, e o cálculo de parámetros de centralización e dispersión e de representacións gráficas adecuadas, usando de novo a folla de cálculo.

Finaliza o bloque cunha introdución aos fundamentos da probabilidade e a súa determinación en casos sinxelos, usando a Lei de Laplace.

Contidos.

-Identificación de forzas na vida cotiá. Recoñecemento do carácter vectorial das forzas.

-Composición gráfica das forzas. Utilización do teorema de Pitágoras no caso da composición de forzas perpendiculares.

-Análise de forzas típicas da vida cotiá: peso, normal, elástica, tensión nos fíos, rozamento, etc.

-Descrición dos elementos dunha estrutura e dos esforzos a que están sometidos. Deseño, planificación e construción de estruturas usando distintos tipos de apoio e triangulación.

-Estudo experimental do estiramento dun resorte: confección dunha táboa de datos forza/elongación, representación gráfica cartesiana e axuste a unha liña recta empregando unha folla de cálculo. Elementos básicos dunha folla de cálculo.

-Comprobación experimental da dependencia da aceleración dun corpo coa súa masa e a forza aplicada sobre el. Mecánica de Newton.

-Unificación das dinámicas celeste e terrestre: gravitación universal.

-Análise da relación entre a forza aplicada e a presión resultante nos sólidos. Aplicacións prácticas cotiás.

-Identificación da presión e da forza exercidas no interior dun fluído. Contribución de Arquímedes á interpretación da flotación. Aplicacións prácticas na vida cotiá e nos deseños tecnolóxicos.

-Identificación dos efectos dos axentes xeolóxicos externos sobre as rochas e a paisaxe: a meteorización, os torrentes, as augas subterráneas, os ríos, o mar, o xeo e o vento.

-Formación de sedimentos e transformación en rochas sedimentarias. Orixe do carbón, do petróleo e do gas natural.

-Recoñecemento e valoración da formación e da destrución do solo, e dos efectos que teñen sobre el os incendios, as especies invasoras e a intervención humana.

-Análise dos efectos dos axentes xeolóxicos internos: tectónica de placas, desprazamento dos continentes, dorsais oceánicas, fosas e cordilleiras, volcáns e terremotos. Modelo dinámico da estrutura interna da Terra. Ciclo das rochas.

-Aparición e extinción das especies; fósiles. Análise dos datos que apoian a teoría da evolución das especies. Teorías de Lamarck e de Darwin.

-Consideración da biodiversidade como resultado do proceso evolutivo.

-Identificación de cadeas e redes tróficas nos ecosistemas. Pirámide ecolóxica.

-Recollida de información estatística sobre as consecuencias da intervención humana nos ecosistemas: incendios forestais, especies invasoras, modificacións do hábitat, etc. Organización dos datos en táboas. Valoración da conveniencia de agrupar os datos en intervalos.

-Determinación das frecuencias absoluta e relativa, normal e acumulada usando a calculadora.

-Cálculo e análise das medidas de centralización (media, moda, mediana e cuartís), empregando a calculadora ou a folla de cálculo. Analizar o seu significado práctico en casos concretos da vida cotiá.

-Medidas de dispersión sinxelas: valores extremos, percorrido ou rango. Significado.

-Construción de gráficas adecuadas á natureza dos datos e ao obxectivo desexado, empregando a folla de cálculo.

-Formulación de hipóteses sobre o comportamento de fenómenos aleatorios sinxelos e a súa comprobación experimental.

-Determinación de probabilidades usando a Lei de Laplace.

-Uso da probabilidade na toma de decisións. Valoración da participación en xogos de azar (lotarías, apostas, bingos, etc.). Prevención de dependencias e ludopatías.

Criterios de avaliación.

1. Identificar o papel das forzas como causa das deformacións e dos cambios nos movementos, así como recoñecer e representar as principais forzas presentes en situacións e estruturas típicas do contorno.

Avalíase se o alumnado comprende a idea de forza como interacción mutua causante do cambio na velocidade dos móbiles (no seu módulo, na súa dirección ou no seu sentido) e do cambio no tamaño ou na forma dos obxectos.

Avalíase tamén se identifica e representa vectorialmente forzas típicas do contorno como a gravitatoria, a elástica, a normal ou a de rozamento, e se identifica os esforzos de compresión, de tracción e de flexión a que están sometidos os elementos que constitúen estruturas como trabes, piares, zapatas, tensores e arcos.

2. Utilizar a gravitación universal de Newton para explicar o peso dos corpos e os movementos de planetas, satélites, estrelas e galaxias.

Quérese comprobar con este criterio se o alumnado comprende o carácter universal da gravitación, así como se é capaz de utilizar a lei da gravitación para explicar e para calcular o peso dos corpos e a súa variación fronte á constancia da masa.

Preténdese tamén comprobar se identifica a atracción gravitatoria como a causante dos movementos orbitais dos corpos do sistema solar (planetas, satélites naturais e artificiais, cometas e asteroides), das estrelas na galaxia e, mesmo, das galaxias entre si.

3. Relacionar a presión coa forza exercida sobre unha superficie nos sólidos, e interpretar as características da presión nos fluídos.

Trátase de verificar se o alumnado entende a presión como unha consecuencia da distribución da forza que se exerce sobre unha superficie, así como os efectos que a presión ten nos sólidos en situacións habituais.

Preténdese, así mesmo, comprobar se os alumnos e as alumnas interpretan a presión dentro dun fluído como resultado do peso deste e das forzas externas (émbolos, presión atmosférica, etc.), así como se coñecen a relación entre a presión e a profundidade, e se identifican a forza de Arquímedes como resultado do aumento da presión coa profundidade no interior dun fluído.

Valórase, por último, se o alumnado relaciona a flotabilidade dun sólido coa súa densidade e a do fluído.

4. Identificar as accións dos axentes xeolóxicos externos na modelaxe do relevo terrestre e no proceso de formación das rochas sedimentarias.

Trátase de verificar se o alumnado ten unha visión dinámica do relevo terrestre e se é capaz de recoñecer e interpretar, no medio natural ou en imaxes, a acción dos axentes xeolóxicos externos e os tipos de modelado que producen, así como de explicar a orixe das rochas sedimentarias, do carbón e do petróleo.

5. Utilizar o modelo dinámico da estrutura interna da Terra e a teoría da tectónica de placas para describir os fenómenos xeolóxicos asociados aos movementos da litosfera e relacionalos coa súa situación en mapas terrestres.

Este criterio está dirixido a avaliar a capacidade do alumnado para aplicar o modelo dinámico da estrutura interna da Terra e a tectónica de placas na xustificación da formación de cordilleiras, a expansión do fondo oceánico, a coincidencia xeográfica frecuente de volcáns e terremotos nos límites das placas litosféricas, as concordancias xeolóxicas en territorios hoxe separados por océanos, etc.

6. Relacionar a evolución e a distribución dos seres vivos cos mecanismos de selección natural que actúan sobre a variabilidade xenética de cada especie, e salientar as súas adaptacións máis importantes.

Trátase de valorar se o alumnado sabe interpretar, á luz da teoría da evolución, os datos máis salientables do rexistro paleontolóxico, a anatomía comparada, as semellanzas e as diferenzas xenéticas, embriolóxicas e bioquímicas, a distribución bioxeográfica e outros aspectos relacionados coa evolución dos seres vivos.

7. Explicar como se realiza a transferencia de materia e de enerxía nun ecosistema ao longo dunha cadea ou rede trófica, os mecanismos de restablecemento do equilibrio ecolóxico e as consecuencias prácticas da xestión sustentable dalgúns recursos por parte do ser humano.

Trátase de comprobar se o alumnado é capaz de explicar os fundamentos do equilibrio dos ecosistemas, e como pode actuarse sobre eles para obter un fluxo de alimentos para os seres humanos de xeito sustentable.

Valorarase tamén a capacidade para explicar as repercusións das actividades humanas no mantemento da biodiversidade nos ecosistemas (desaparición de depredadores, sobreexplotación, introdución de especies exóticas, destrución de hábitats, etc.), o seu recoñecemento no noso territorio e a participación na xestión sustentable.

8. Elaborar e interpretar táboas e gráficas estatísticas, e calcular e interpretar os parámetros máis salientables correspondentes a distribucións unidimensionais discretas e continuas.

Preténdese valorar a capacidade de organizar en táboas de frecuencias e en gráficas, informacións estatísticas dos ámbitos social e científico, e calcular, usando calculadora ou unha folla de cálculo, os parámetros de centralización (media, mediana, moda, cuartís, etc.) e de dispersión (valores extremos, percorrido ou rango) da distribución.

Avalíase tamén a capacidade para interpretar, analizar e valorar informacións estatísticas presentes nos medios de comunicación relativas aos ámbitos físico e social.

9. Predicir a posibilidade de que un suceso ocorra a partir de información empírica ou por reconto de posibilidades, así como aplicar a Lei de Laplace para analizar situacións de incerteza e tomar decisións en situacións da vida cotiá.

Valórase a capacidade do alumnado para identificar os sucesos elementais dun feito aleatorio e outros sucesos compostos asociados con el, así como a capacidade de determinar e interpretar a probabilidade dun suceso a partir da experimentación ou do cálculo coa Lei de Laplace, e a capacidade de usar os resultados obtidos na toma de decisións no contorno social e físico, como por exemplo nos xogos de azar.

Bloque 2: procesos técnicos. A vivenda.

Dedícase este último bloque a afondar no coñecemento do concepto de enerxía, identificando as dúas formas da enerxía mecánica (cinética e potencial), e a súa interconversión e conservación, así como a considerar o traballo como unha forma de transferencia de enerxía entre corpos.

Valóranse, así mesmo, a explotación das fontes de enerxía renovables e non renovables, o impacto ambiental da súa obtención e do seu uso, e a conveniencia de utilizar aparellos eficientes e de fomentar o aforro enerxético.

Nas máquinas, as transferencias de enerxía realízanse mediante mecanismos de transmisións e transformación de movementos, como poleas e engrenaxes. Analízanse estes mecanismos en máquinas e proponse o deseño de maquetas que os conteñan, calculando as relacións de transmisión cando sexa preciso. Complétase o estudo das máquinas simples cunha descrición básica do funcionamento dos motores térmicos e eléctricos.

Abórdase finalmente a complexidade técnica que implica o proxecto de deseño dunha vivenda, que require a organización do traballo, a confección de bosquexos e planos, o deseño das instalacións básicas de electricidade, comunicacións, calefacción e refrixeración, a subministración de auga e o saneamento.

Todo isto precisa tamén dun plano económico de gastos, orzamentos, petición de créditos, etc., o que xustifica introducir aquí a utilización e a análise das porcentaxes en facturas domésticas, nóminas, xuros bancarios, créditos hipotecarios ou impostos (IRPF, IVE, etc.).

Complétase, por último, o estudo das funcións matemáticas básicas coas de tipo exponencial, con exemplos de aplicación ao cálculo do xuro composto e ao crecemento de poboacións (bacteriana, humana, etc.).

Contidos.

-Identificación das formas da enerxía mecánica: enerxía cinética e enerxía potencial gravitatoria.

-Utilización das expresións:

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"

-Velocidade, enerxía cinética e seguridade viaria. Valoración dos riscos propios e alleos resultantes da condución imprudente de vehículos.

-Interpretación do traballo como mecanismo de transferencia de enerxía. Concepto de potencia. Relación P = W/t. Unidades do traballo e da potencia máis frecuentes na ciencia e na vida cotiá.

-Construción da gráfica P/t para un traballo dado: estudo da función de proporcionalidade inversa.

-Utilización do principio da conservación da enerxía mecánica en situacións sinxelas habituais que evidencien transformacións entre enerxías.

-Valoración do papel da enerxía no mundo actual. Fontes de enerxía renovables e non renovables. Eficiencia e aforro enerxético.

-Recoñecemento da utilización de máquinas simples en aparellos de uso cotián.

-Análise de mecanismos de transmisión e transformación de movementos. Relación de transmisión. Deseño de maquetas que teñan mecanismos de transmisión e transformación do movemento.

-Descrición básica e funcionamento dos motores térmicos e eléctricos.

-Desenvolvemento de proxectos técnicos. Organización do traballo. Produción en serie. -Control de calidade. Importancia da normalización nos produtos industriais; exemplos.

-Aproveitamento das materias primas e dos recursos naturais. Adquisición de hábitos que potencien o desenvolvemento sustentable.

-Construción dunha vivenda. Bosquexos e planos.

-Consideración crítica do impacto ambiental dunha vivenda. Integración estética no contorno.

-Análise dos elementos que configuran as instalacións nunha vivenda: e electricidade. Efectos da corrente eléctrica: luz, calor e magnetismo. Circuíto eléctrico: coñecemento dos elementos básicos e simboloxía. Corrente eléctrica continua e alterna. Potencia dunha instalación e dispositivos de medida e protección.

-Comunicacións: telefonía, radio e televisión. Fíos metálicos e fibras ópticas.

-Auga: instalacións básicas.

-Combustibles: gas, gas natural e gasóleo.

-Calefacción e refrixeración: paneis termosolares e fotovoltaicos, e aire acondicionado.

-Domótica.

-Análise das acometidas, a súa normativa e a súa simboloxía. Deseño en equipo de modelos sinxelos destas instalacións.

-Valoración dos gastos e das facturas domésticas. Utilización das porcentaxes na economía: aumentos e diminucións porcentuais. Orzamentos de obras. Xuro simple e composto en préstamos e hipotecas. TAE e IVE.

-Números reais: expresión decimal infinita non periódica. Representación de números na recta real.

-Descrición da función exponencial e a súa gráfica. Aplicación a outros exemplos naturais (crecemento bacteriano) ou sociais (crecemento da poboación).

-Aforro enerxético e hídrico nas vivendas: lámpadas de baixo consumo, electrodomésticos de clase A, etc. Arquitectura bioclimática.

-Importancia da evacuación dos residuos sólidos e das augas residuais en vivendas illadas e nas cidades. Depuradoras. Estacións de reciclaxe.

-Valoración da educación científica da cidadanía para o progreso dunha sociedade democrática e sustentable.

Criterios de avaliación.

1. Comprender as transformacións e as transferencias enerxéticas en situacións cotiás aplicando o principio de conservación da enerxía, e analizar os problemas asociados coa súa obtención e co seu uso.

Quérese avaliar se o alumnado identifica as formas da enerxía mecánica, se sabe relacionar a transferencia de enerxía mecánica co traballo, e se sabe facer balances de enerxía sinxelos.

Valórase tamén se coñece a importancia do uso da enerxía no desenvolvemento dunha sociedade e se sabe avaliar criticamente os beneficios fronte ao impacto ambiental que orixina a súa produción e o seu consumo.

2. Identificar, manexar e aplicar operadores mecánicos encargados da transformación e da transmisión de movementos para explicar o funcionamento dos operadores no conxunto da máquina, deseñar obxectos técnicos e calcular relacións de transmisión.

Diríxese este criterio a comprobar se o alumnado recoñece os movementos básicos nas máquinas (rectilíneo, circular e de vaivén), así como se identifica os mecanismos de transmisión e transformación dos movementos e a súa función no conxunto da máquina.

Os alumnos e as alumnas deben ser capaces de aplicar estes coñecementos para deseñar maquetas con diferentes operadores mecánicos e calcular relacións de transmisión en sistemas de poleas e engrenaxes.

3. Proxectar algún obxecto técnico sinxelo de interese para o alumnado, mediante a técnica de produción en cadea, elaborando planos, orzamentos e memoria.

Quérese comprobar se o alumnado é capaz de elaborar a documentación básica dalgún proceso tecnolóxico sinxelo (documentos de planificación con datos e cálculos para a formalización dos orzamentos, memoria explicativa con gráficos ou diagramas, etc.), traballando por grupos.

4. Describir os elementos que compoñen as instalacións dunha vivenda e as normas que regulan o seu deseño e a súa utilización, realizar deseños sinxelos empregando a simboloxía adecuada e montaxes de circuítos básicos, así como valorar as condicións que favorecen o aforro enerxético, a habitabilidade e a estética nunha vivenda.

Trátase de avaliar se o alumnado é capaz de interpretar e utilizar correctamente a simboloxía das instalacións eléctricas, de calefacción, aire acondicionado, comunicacións (televisión e telefonía), auga e saneamento. Tamén debe coñecer e valorar as técnicas actuais de aforro hídrico e enerxético.

5. Identificar fenómenos eléctricos e magnéticos cotiáns, e valorar as repercusións da electricidade no desenvolvemento científico e tecnolóxico, e nas condicións de vida das persoas.

Preténdese comprobar se o alumnado é capaz de realizar experiencias eléctricas e magnéticas, explicalas cualitativamente e efectuar cálculos sinxelos utilizando as magnitudes da corrente eléctrica.

Valorarase tamén se é capaz de utilizar instrumentos sinxelos e se é consciente das repercusións dos coñecementos sobre a electricidade e da necesidade de utilizar aparellos electrodomésticos eficientes desde o punto de vista enerxético.

6. Aplicar porcentaxes e taxas na identificación dos compoñentes das facturas domésticas e na comprensión dos cálculos realizados en orzamentos, préstamos, hipotecas, xuros e impostos.

Este criterio valora a capacidade do alumnado de aplicar as porcentaxes, os aumentos e as diminucións porcentuais en problemas financeiros habituais, así como de interpretar e valorar a veracidade das informacións que aparecen habitualmente nos medios de comunicación.

7. Identificar relacións funcionais cuantitativas expresadas en diferentes linguaxes, e determinar, analizar e representar a función no caso da proporcionalidade inversa e da función exponencial.

Trátase de verificar a capacidade de identificar os modelos da proporcionalidade inversa e da función exponencial a partir de situacións reais expresadas mediante enunciados, táboas ou expresións alxébricas procedentes do medio físico ou social, ou da vida cotiá, extraendo conclusións lóxicas respecto do comportamento das variables analizadas por interpolación ou extrapolación.

O ámbito social.

O ámbito social, de acordo co regulado na disposición adicional primeira do Real decreto 1631/2006, integra os aspectos básicos das materias de ciencias sociais, xeografía e historia, educación para a cidadanía e os aspectos perceptivos das materias de música e educación plástica e visual. Este ámbito integra, polo tanto, tres tipos de aspectos: os que permiten unha comprensión e visión crítica das relacións do home co medio xeográfico, e do home como froito da evolución histórica; os que, cunha raíz profundamente ética, lle facilitan desenvolver unha comprensión das diferenzas e do respecto por elas dentro da sociedade democrática, co fin de preparar as persoas para unha cidadanía activa; e os que lle permiten un achegamento activo e de gozo da linguaxe visual e musical.

Os contidos das materias incluídas no ámbito oriéntanse a proporcionar unha visión global do mundo e a transmitir un conxunto de valores para que os alumnos e alumnas adopten unha actitude ética e comprometida dentro dunha sociedade plural e solidaria. Eses coñecementos supoñen tamén unha contribución fundamental na formación do alumnado adulto para encararse ao mundo laboral.

Este ámbito recolle así aspectos profundamente arraigados na tradición pedagóxica occidental: a reflexión e o estudo sobre o espazo xeográfico e a historia; o achegamento á arte como elemento fundamental do humanismo; o diálogo e a reflexión como medio para cultivar o mutuo respecto e desenvolver unha auténtica educación moral propia dunha sociedade democrática avanzada.

O ámbito social e as competencias básicas.

Polo seu carácter integrador, o ámbito social contribúe dun xeito intenso e efectivo ao desenvolvemento de todas as competencias básicas da educación secundaria e non só daquelas (competencia social e cidadá, e competencia cultural e artística) que están natural e directamente relacionadas con el.

Este ámbito integra coñecementos, técnicas e termos propios de diversas ciencias sociais (xeografía, historia, economía, demografía, socioloxía, psicoloxía social, ética) que, en moitos casos, utilizan instrumentos de razoamento e expresión matemáticos, que conducen ao logro da competencia matemática e da competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico. Igualmente, unha metodoloxía adecuada na abordaxe deste ámbito debe partir da presentación de problemas reais que afectan os adultos como cidadáns e como habitantes do planeta Terra, e da aplicación dunha metodoloxía activa para a busca de solucións. Esta presentación contribuirá eficazmente ao logro da competencia para aprender a aprender e da competencia tratamento da información e competencia dixital.

Por outra parte, o diálogo permanente, o debate ordenado, a aclaración de sentimentos e valores, o cultivo do respecto ás diferenzas, que integran outro aspecto fundamental do ámbito social, serán un instrumento eficacísimo para o desenvolvemento da competencia da autonomía e iniciativa persoal.

A linguaxe é o vehículo permanente de acceso, obtención e expresión da información social, polo que toda a actividade desenvolvida neste ámbito conducirá ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística, especialmente no desenvolvemento das habilidades que se poñen en xogo no diálogo interpersoal.

Contribución do ámbito á adquisición das competencias básicas.

O horizonte último da educación secundaria para persoas adultas é o desenvolvemento das competencias básicas.

Como é lóxico, o ámbito contribúe dun xeito decisivo ao logro da competencia social mediante:

-O desenvolvemento social do alumno a través do coñecemento da organización e da evolución das sociedades. O estudo da xeografía e da historia resulta fundamental para o desenvolvemento da competencia social e cidadá, xa que facilita a comprensión da realidade social e as relacións dentro dun modelo de sociedade cada vez máis plural.

-O desenvolvemento de sentimentos de pertenza á sociedade en que vive, mediante o estudo dos trazos que a caracterizan.

-O desenvolvemento da empatía, da capacidade de poñerse no lugar do outro, mediante a análise das actividades humanas no presente e no pasado.

-O desenvolvemento da capacidade de diálogo para a análise dos problemas presentes e pasados da sociedade e a súa proxección sobre os problemas reais que deben encarar as persoas na súa propia vida.

-O desenvolvemento de metodoloxías participativas, interactivas e dialóxicas, que propicien habilidades para participar na vida cívica, para asumir os valores democráticos e para o cumprir os deberes propios.

-O desenvolvemento da capacidade de facer fronte a unha serie de novos desafíos como o coidado do ambiente, a orientación do desenvolvemento tecnocientífico, a responsabilidade polas xeracións futuras, a igualdade entre os sexos, a loita contra novas formas de exclusión social e contra as existentes, que impiden desvincular a competencia social e cidadá do desenvolvemento das demais competencias básicas.

-O desenvolvemento de habilidades para vivir en sociedade e para exercer a cidadanía democrática, ao favorecer o desenvolvemento de destrezas que permiten participar, tomar decisións, elixir a forma axeitada de comportarse en determinadas situacións e responsabilizarse das consecuencias derivadas das decisións adoptadas.

-O reforzo da autonomía, a autoestima e a identidade persoal mediante a aclaración de sentimentos e valores, e o respecto dos demais.

-O desenvolvemento de sentimentos compartidos e non excluíntes, ao aceptar e usar convencións e normas sociais e interiorizar os valores de respecto, cooperación e solidariedade.

-A promoción da identificación da reflexión crítica sobre os valores do contorno ofrecendo como referente ético común os valores que sustentan a Declaración universal dos dereitos humanos, a Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

-O coñecemento dos fundamentos e os modos de organización dos estados e das sociedades democráticos, a evolución histórica dos dereitos humanos, o achegamento á pluralidade social ou ao carácter da globalización e as implicacións que comporta para os cidadáns.

A competencia de coñecemento e a interacción co mundo físico é desenvolvida neste ámbito grazas a:

-A análise do espazo en que se desenvolve a actividade humana, especialmente coa utilización dos procedementos de orientación, localización, observación e interpretación das paisaxes e a súa representación cartográfica.

-Representación de feitos e fenómenos do mundo natural utilizando linguaxes e convencións simbólicas como a escala e signos convencionais.

-A análise e a valoración da acción do home sobre o medio, tanto nos seus aspectos positivos coma na utilización abusiva que facemos del.

-A aprendizaxe de procedementos relacionados co método científico, como a observación, a experimentación, o descubrimento e a reflexión e posterior análise.

-Desenvolvemento do compromiso persoal e da participación responsable en proxectos colectivos e propostas que propicien o respecto e a defensa do patrimonio natural, industrial, histórico-artístico e inmaterial.

A contribución á competencia expresión cultural e artística é tamén significativa mediante:

-O coñecemento e a valoración do feito artístico, así como o respecto e conservación do patrimonio cultural propio e doutras culturas, a través do desenvolvemento de habilidades perceptivas e de análise.

-A observación, análise e gozo das manifestacións artísticas insertas na paisaxe, como pontes, edificios civís, camiños, igrexas, pazos.

-A observación, análise e satisfacción ante as obras artísticas relevantes.

-A valoración do patrimonio cultural material e inmaterial, facendo especial fincapé no patrimonio de Galicia.

-A audición de obras musicais e a súa análise e gozo, establecendo a conexión co contexto histórico en que naceron.

-A valoración da cultura popular como elemento básico da nosa propia identidade galega nun mundo cada vez máis globalizado e uniformado favorecendo así a nosa propia autoestima e a creación de lazos solidarios na nosa comunidade.

-A consideración da cultura como produción colectiva viva e aberta.

-A valoración e desenvolvemento da liberdade de expresión, tolerancia e achegamento entre as culturas.

-A percepción das artes como unha linguaxe universal que pode acercar culturas e favorecer o entendemento dos pobos.

O ámbito social contribúe tamén ao desenvolvemento da competencia tratamento da información e competencia dixital, mediante:

-O uso de técnicas de observación e análise para extraer información directamente da paisaxe.

-O uso de fontes documentais escritas, gráficas e audiovisuais.

-O uso das tecnoloxías da información como fonte de información escrita, icónica e musical.

-O uso da linguaxe cartográfica.

-O uso de programas informáticos adecuados para expresar a información obtida mediante informes, presentacións, etc.

-O uso das TIC como instrumento de comunicación, inclusión e cohesión entre grupos étnica e culturalmente distintos.

A competencia en comunicación lingüística é favorecida a través de todos os ámbitos de coñecemento, porque a linguaxe é o vehículo imprescindible para a transmisión dos saberes, a súa apropiación e expresión. Pero o ámbito social contribúe a ela de modo significativo mediante:

-O uso dun vocabulario propio e o dominio das habilidades de ler e escribir diferentes tipos de textos, que resultan fundamentais como elementos de información social e histórica.

-A posta en xogo de habilidades para a comunicación verbal en grupo, mediante técnicas de diálogo e discusión, de toma de decisións. Debater en serio exixe exercitarse na escoita, na exposición e a argumentación e para iso é necesario verbalizar os conceptos, facer explícitas as ideas, formar os xuízos e estruturalos de forma coherente.

-O uso dunha linguaxe non discriminatoria pola orixe, xénero ou calquera outra circunstancia.

-A utilización e a comprensión da información oral e escrita, integrándoa nos esquemas previos de coñecemento.

Tamén o ámbito social contribúe á competencia matemática mediante o uso, para a análise da interacción do home co medio e das relacións económicas, de:

-Operacións aritméticas, porcentaxes, proporcións, nocións estatísticas básicas na descrición e análise dos fenómenos xeográficos, económicos e históricos.

-Uso de escalas numéricas, gráficas e proporcións.

-Coñecemento dalgúns fitos históricos na construción da ciencia matemática: personalidades singulares, grandes descubrimentos.

-Estudo da contribución da ciencia matemática a algúns acontecementos históricos.

A competencia para aprender a aprender favorécese desde o ámbito social mediante:

-A presentación de problemas reais que nos afectan como cidadáns e a busca de solucións realistas para eles.

-A adquisición da capacidade de aprender de xeito autónomo, desenvolvendo ferramentas que a faciliten e buscando respostas que se correspondan cun coñecemento racional.

-A formalización de técnicas para extraer información directamente da observación da paisaxe e de fontes documentais.

-O desenvolvemento de estratexias que axudan ao grupo a formular problemas, discutilos e alcanzar conclusións.

-Elaboración de valoracións persoais e conclusións razoadas: establecemento de relacións entre feitos diversos, explicación causal dos fenómenos.

Por último, o ámbito social ten unha contribución esencial ao desenvolvemento da competencia para a autonomía persoal mediante:

-A aclaración de actitudes e sentimento propios.

-O desenvolvemento da autoestima e da seguridade persoal.

-A aceptación das diferenzas de actitudes e valores e a asunción do propio rol dentro dos grupos a que se pertence.

-Desenvolvemento da toma responsable de decisións relacionadas coa dimensión persoal, social ou profesional.

-Participación activa na xestión dos asuntos públicos.

-Coñecemento de estratexias para a inserción no mundo laboral, información sobre os seus dereitos e aspectos básicos das relacións laborais.

-Elaboración e aplicación de estratexias persoais baseadas na información de carácter xeográfico, histórico ou sociolóxico para resolver situacións problemáticas e conflitivas.

-Participación activa e creativa na xestión e a mellora dos espazos públicos, para defender e protexer o patrimonio cultural, artístico, natural e inmaterial.

Obxectivos xerais.

O ensino deste ámbito terá como finalidade o desenvolvemento das seguintes capacidades:

1. Recoñecerse como membro da condición humana na súa dimensión individual e social, aceptando a propia identidade, as características e experiencias persoais, respectando as diferenzas cos outros e desenvolvendo a expresión axeitada dos sentimentos e as emocións, e a autoestima.

2. Desenvolver as habilidades comunicativas e sociais que permiten participar con iniciativa propia nas actividades de grupo e na vida social en xeral, con actitude solidaria e tolerante, utilizando o diálogo e a mediación para abordar os conflitos.

3. Recoñecer as situacións -pasadas e presentes- de desigualdade no recoñecemento efectivo dos dereitos entre o home e a muller, valorar e respectar as diferenzas de xénero e a igualdade de dereitos entre eles, así como rexeitar os estereotipos que supoñan discriminación entre ambos os dous, participando na prevención das desigualdades e de toda clase de violencia de xénero.

4. Coñecer o funcionamento das sociedades democráticas, especialmente da sociedade galega, española e europea, favorecendo a toma de consciencia dos seus valores básicos así como os dereitos e liberdades fundamentais das persoas como unha meta irrenunciable para acadar a xustiza persoal e social.

5. Identificar, explicar e valorar os feitos económicos, políticos, sociais e culturais, e a importancia das mentalidades, ao longo do devir das distintas sociedades humanas, utilizando este coñecemento para entender mellor as características e os problemas actuais e a súa proxección de futuro, así como o papel que mulleres e homes desenvolven nelas.

6. Identificar, localizar e analizar os elementos básicos que caracterizan o medio físico, especialmente o de Galicia, as relacións que se dan entre eles e as que as sociedades humanas establecen na utilización do espazo e dos seus recursos, comprendendo que o espazo xeográfico actual é o resultado da interacción das sociedades sobre o medio en que se desenvolven.

7. Empregar de forma combinada conceptos, feitos, teorías e procedementos propios da historia, da xeografía, da ética e da educación para a cidadanía para analizar e comprender problemas sociais e resolver situacións conflitivas nas sociedades actuais, especialmente das que afectan a Galicia, España e Europa.

8. Coñecer e valorar o patrimonio natural, histórico, lingüístico, cultural e artístico, a escala mundial, estatal e galega, co fin de respectalo, protexelo, desfrutalo e transmitilo ás xeracións vindeiras.

9. Comprender a diversidade cultural e étnica das nosas sociedades como unha consecuencia do fenómeno da globalización, valorando esta diversidade como unha oportunidade para expresar actitudes de respecto e tolerancia cara ás outras mentalidades, formas de vida e códigos éticos que non coinciden cos nosos, sempre que non atenten contra a dignidade humana, e sen que isto implique renunciar a xuízos sobre eles.

10. Buscar, comprender, seleccionar e relacionar información verbal, gráfica, icónica, estatística e cartográfica, procedente de diversas fontes, incluída a que proporciona o contorno físico e social, os medios de comunicación e as tecnoloxías da información e a comunicación, tratala de maneira autónoma e crítica co fin que se persegue e comunicala de forma organizada, coherente e intelixible.

11. Saber observar e apreciar as imaxes e os sons, comprendendo as relacións existentes entre as linguaxes plásticas e musicais, con outros pertencentes aos distintos ámbitos de coñecemento.

12. Participar na organización e realización de actividades en diversos contextos, favorecendo o diálogo, a colaboración e a participación, sendo consciente do enriquecemento que se produce coas propias achegas e as dos demais.

Orientacións metodolóxicas.

As persoas adultas, cando chegan ao centro educativo, dispoñen dunha gran cantidade de información e de experiencias sobre o mundo que as rodea. Constantemente reciben información e valoracións sobre a vida en sociedade, a través dos medios de comunicación, dos seus líderes sociais e políticos, da interacción cos seus iguais. Termos como historia, identidade, nación, Estado, constitución, emigración, etc. son manexados constantemente, en moitos casos cunha gran carga emotiva. Por outra banda, ao longo da súa propia traxectoria vital, as persoas adultas experimentan os aspectos positivos e negativos da vida en sociedade, e coñecen o significado de realidades como conflito, discusión, diálogo, influencia, poder social ou violencia.

O ámbito social, dentro da educación secundaria para persoas adultas, é un marco privilexiado para a posta en cuestión e discusión de todas esas informacións e saberes, actitudes, experiencias e valores que o adulto leva como bagaxe inseparable da súa propia vida.

As características, as necesidades, os intereses e as motivacións das persoas adultas, á hora de acceder á oferta educativa, difiren das do resto do alumnado. Se engadimos a isto a amplitude e diversidade das situacións individuais, as diferenzas socioculturais, de condicións laborais, da calidade das experiencias e expectativas académicas e, incluso, o tempo dispoñible para dedicarse ás tarefas educativas, podemos comprender a complexidade dos referentes que debemos considerar á hora de tomar decisións no ámbito da educación para as persoas adultas.

Por iso, cando se planifique o ensino neste contexto, haberá que partir dunha análise das maneiras ou medios metodolóxicos xerais máis adecuados, atendendo á tipoloxía do alumnado, partindo das experiencias previas con que accede ao sistema educativo, respectando os procesos evolutivos da vida adulta, así como os ritmos e estilos de aprendizaxe individuais.

A metodoloxía utilizada nas ensinanzas do ámbito social da educación secundaria para persoas adultas debe ter como horizonte o desenvolvemento de aprendizaxes significativas no alumnado. Unha das características máis relevantes das aprendizaxes significativas é a súa permanencia, porque establece un elevado número de relacións entre o novo coñecemento adquirido e a estrutura cognitiva do alumno. Esta, no caso da persoa adulta, está moi ancorada nunhas experiencias máis ricas e complexas cás dun adolescente. Isto implica que, nas persoas adultas, e moi especialmente no ámbito social, existen máis posibilidades de establecer relacións entre o novo coñecemento e os esquemas mentais que elas posúen.

Os enfoques globalizadores favorecen a motivación e a riqueza dos significados que conforman os esquemas cognitivos. Esta concepción metodolóxica baséase no principio de que toda situación de ensino-aprendizaxe debe partir dunha situación próxima á realidade, neste caso da persoa adulta, e que esta situación debe resultarlle interesante e crearlle a necesidade de formular cuestións e problemas a que lles debe dar resposta. Para isto, cómpre utilizar instrumentos conceptuais e técnicos que proveñan das distintas disciplinas, pero a súa presentación aos alumnos adultos debe vir xustificada desde o achegamento a temas dunha realidade que coñecen, que desexan analizar e comprender, e na cal poidan intervir. En calquera caso, debe recordarse que hoxe en día o máis próximo na experiencia non é necesariamente o que espacialmente temos a carón de nós, e que realidades espacialmente distantes nos son familiares pola súa presenza recorrente no cine e nos medios de comunicación audiovisuais.

O estudo dos contidos procedentes da xeografía e da historia debe ser integrador e globalizador, xa que o seu obxectivo básico é o coñecemento da realidade social. O estudo da interacción do home co seu medio debe ter un enfoque ecoxeográfico, que considere as múltiples variables -naturais e humanas- que conforman un espazo e, ademais, atenda o dinamismo interno de cada variable e das súas interaccións. A paisaxe, como unidade espacial de análise ecoxeográfica, ten especial relevancia e permite abordar o estudo dos problemas a que a xeografía debe dar reposta.

O estudo da historia permítelle ao alumno adulto ter unha visión multicausal do proceso histórico, como algo evolutivo que condiciona e determina o presente. É necesario o estudo dos suxeitos históricos silenciados como as mulleres, a clase obreira, os pobres... dándolle o protagonismo que lles corresponde. Ao mesmo tempo, débese abordar o estudo do noso patrimonio cultural material e inmaterial como un conxunto herdado e construído colectivamente a través do tempo e do espazo. De aí que se entrelacen os planos do patrimonio cultural, histórico, artístico e ambiental, establecendo interaccións mutuas.

O estudo dos fenómenos sociais debe insistir permanentemente na diferenza entre a realidade deses fenómenos e as interpretacións que recibimos deles a través de todo tipo de fontes, favorecendo así o relativismo das interpretacións sociais e o respecto polas posturas diferentes e evitando o maniqueísmo.

Deberase desenvolver unha metodoloxía que compare o inmediato co afastado, o propio co alleo, o máis concreto co máis abstracto, expresando así a importancia que no currículo debe concederse á xeografía, á historia e á cultura de Galicia.

A educación para a cidadanía en persoas adultas debe transmitir e poñer en práctica valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade, o respecto e a xustiza, e que axude a superar calquera tipo de discriminación. Deste xeito contribuirán á implicación do alumnado na vida social, como cidadás e cidadáns que posúen a información precisa e sexan conscientes das súas obrigas e responsabilidades.

Cos contidos procedentes da educación plástica e visual, e da música desenvolveranse no alumnado as capacidades perceptivas. Deben tamén introducir o alumnado adulto no coñecemento da evolución histórica da arte e da música, sempre en relación co contexto histórico en que se desenvolveron.

Neste ámbito débese adquirir un vocabulario conceptual propio e a capacidade para utilizalo e xeneralizalo correctamente. O coñecemento social adquírese a partir das fontes orais, textuais e materiais, da indagación e da utilización e busca da información, Non debe esquecerse, á hora de introducir contidos metodolóxicos, a importancia de saber interpretar fontes de diversa tipoloxía, a comprensión da multicausalidade e a intencionalidade na interpretación dos procesos, o uso adecuado da información e o manexo da documentación.

Se a motivación é clave en todo proceso de aprendizaxe, na educación das persoas adultas adquire unha relevancia especial. As actividades deberán ter sentido para elas, ser funcionais e vehicular aprendizaxes que poden ser transferidas á práctica no mundo que as rodea, de xeito que lles vexan utilidade patente. Esta é imprescindible para evitar o abandono antes de completar o proceso de aprendizaxe, de aí a importancia de desenvolver, nas persoas adultas, capacidades e habilidades encamiñadas á superación, con éxito, das dificultades con que se poden atopar no seu contorno persoal, sociocultural e laboral, reforzando así a súa autoestima.

A educación das persoas adultas debe favorecer, ademais, os procesos en que estas aprendan a aprender. É moi importante que, canto antes, se responsabilicen do seu proceso de aprendizaxe. Unha metodoloxía que teña en conta tales aspectos favorecerá, polo tanto, que o alumnado poida deseñar os seus obxectivos de aprendizaxe, e que identifique as tarefas máis adecuadas para o seu estilo e ritmo de aprendizaxe, contribuíndo á súa superación persoal.

A implicación activa das persoas adultas nos procesos de formación só é posible se se senten partícipes deles, é dicir, se están implicadas en todo o proceso educativo. Así, o papel fundamental do profesorado consiste principalmente en facilitar o proceso de ensinanza aprendizaxe máis que en transmitir coñecementos. Isto constitúe un dos principios básicos da educación das persoas adultas.

Para poder implicarse e participar no seu proceso educativo, as persoas adultas deberán coñecer a intención da educación, os contidos, a metodoloxía, os criterios de avaliación e a organización das ensinanzas e realizar a análise deste proceso, que se verá enriquecido coas súas achegas. Estas deberán ser acordadas entre os membros do grupo e o profesorado, de xeito que, ao longo do seu desenvolvemento, se tomen as decisións oportunas sobre o tipo de soporte pedagóxico máis adaptado á súa realidade e se facilite, por unha banda, a consolidación do grupo como tal, a través do debate, da discusión dirixida, da negociación, etc. e, pola outra, a configuración doutras estratexias que posibilitan que cada centro teña un estilo dinámico propio e diferencial.

Toda proposta metodolóxica debe considerar que a educación é un proceso social polo que se lle transmite ao alumnado unha determinada cultura, xa que todas as sociedades transmiten explicitamente, mediante a educación, os seus costumes e modos de pensamento. Pero debido aos continuos e rápidos cambios sociais, científicos e tecnolóxicos da sociedade de principios do século XXI, a sociedade en que vivimos desenvólvese nun contexto multicultural; de aí a necesidade de que a educación das persoas adultas deba abordarse desde unha perspectiva intercultural, aínda que sen renunciar á identidade orixinal de cada un. Polo tanto, as liñas metodolóxicas terán en conta a gran diversidade das realidades de cadaquén, serán abertas á participación e promoverán actitudes tanto críticas e de diálogo, como investigadoras e creativas que permitan abrir vías de relación entre persoas que proceden de contornos cun patrimonio cultural propio, favorecer a integración da información dentro dos seus

esquemas cognitivos e promover a autoaprendizaxe.

Nivel I.

Módulo 1: medio xeográfico, poboación e actividade económica.

Bloque 1: medio xeográfico e poboación.

Neste primeiro bloque abórdanse os contidos relacionados co estudo do medio natural e dos seus compoñentes básicos, e da interacción do home sobre o medio. A observación das paisaxes, a análise da pegada do home neles, e a extracción de conclusións a partir desa análise teñen especial relevancia no bloque.

O estudo da poboación, que actúa sobre o medio, do seu crecemento e movementos, é outro aspecto fundamental do bloque de contidos.

Para o desenvolvemento destes contidos teñen especial importancia os aspectos procedementais: a observación directa ou indirecta da paisaxe, a lectura e interpretación de mapas de diferentes tipos, a localización neles dos diferentes elementos xeográficos, a interpretación de táboas e gráficos que expresan relacións xeográficas e demográficas.

O desenvolvemento do bloque debe promover a valoración da biodiversidade como riqueza do medio imprescindible para a vida e a necesidade de promover un desenvolvemento económico sustentable.

Contidos.

-O medio natural e os seus compoñentes básicos: relevo, climas, augas e paisaxes vexetais do mundo, España e Galicia. A interacción entre os elementos do medio natural.

-As sociedades humanas e a explotación do medio natural como recurso. Os problemas ambientais.

-A poboación: conceptos demográficos básicos, evolución histórica e distribución actual. Trazos actuais da poboación española e galega.

-A mobilidade da poboación: causas e consecuencias. A emigración galega. A inmigración actual e a integración: a diversidade étnica e a multiculturalidade.

-O espazo rural galego: a dispersión da poboación en pequenos asentamentos. Actividades económicas predominantes. Cambios e transformacións: a influencia da cidade e o proceso de aculturación.

-A cidade como espazo central que ofrece bens e servizos a unha área circundante. A xerarquía urbana no mundo actual. A rede urbana española e galega. A planificación do crecemento urbano.

-A complexidade das sociedades actuais: desigualdades e conflitos.

-Lectura e interpretación de mapas de diferentes características. Localización no mapa de continentes, océanos, mares, unidades de relevo e ríos, con especial atención ao territorio español e galego.

-Lectura e interpretación de gráficos que expresan conceptos demográficos básicos (pirámides de poboación, densidade de poboación, etc.) Aplicación deses conceptos a situacións concretas das sociedades actuais.

-Obtención e procesamento de información a partir da percepción das paisaxes xeográficas do contorno ou de imaxes, de fontes orais e de documentos visuais, cartográficos, estatísticos, incluídos os proporcionados polas TIC. Comunicación oral ou escrita da información obtida.

-Aplicación dos contidos do bloque no estudo dun problema ambiental como a acción humana sobre a vexetación, o problema da auga ou o cambio climático. Toma de consciencia das posibilidades que o medio ofrece e disposición favorable para contribuír ao mantemento da biodiversidade e a un desenvolvemento sustentable.

-Valoración da biodiversidade e toma de consciencia das consecuencias da deterioración do ambiente.

Criterios de avaliación.

1. Identificar os elementos físicos básicos que constitúen os grandes espazos bioxeográficos do planeta, con especial referencia a España e Galicia, e explicar con exemplos os impactos que a acción humana ten sobre o medio natural, analizando causas e consecuencias, propoñendo medidas para reducilos e valorando a importancia da biodiversidade.

Trátase de avaliar que se recoñecen e localizan no espazo os principais medios naturais do mundo, caracterizándoos e distinguíndoos en función dos elementos predominantes, interpretando a paisaxe do contorno, explicando os riscos e os impactos que a acción humana ten sobre o medio e proporcionando modelos de conduta para prevelos e limitalos.

2. Describir os factores que condicionan a evolución, os comportamentos e a situación actual da poboación, utilizando conceptos demográficos básicos, caracterizando as tendencias predominantes e aplicando este coñecemento á análise da poboación de Galicia e España.

Con este criterio trátase de avaliar que o alumnado coñece e explica cun vocabulario apropiado as tendencias demográficas e as súas causas, analizando a situación actual en Galicia, España e no mundo. Tamén se analizarán a emigración galega e a inmigración actual, tratando de establecer as causas de cada unha delas.

3. Comparar e diferenciar os espazos rurais dos urbanos, caracterizando o hábitat, as actividades económicas e as influencias propias de cada ámbito, e describindo as relacións das cidades españolas e galegas dentro da xerarquía no sistema urbano mundial.

Trátase de comprobar que se saben caracterizar os espazos rurais e urbanos, establecendo as interaccións desiguais que se producen entre eles, describindo aspectos concretos da influencia cultural que recibe a poboación rural, con especial atención ao territorio galego, destacando as situacións de desequilibrio territorial.

4. Describir os trazos que caracterizan as sociedades actuais, distinguindo os grupos que as compoñen e recoñecendo a desigualdade social como causa estrutural desencadeante e orixe dos conflitos.

Con este criterio preténdese avaliar que se coñecen os trazos da organización social actual, distinguindo as características específicas de cada grupo, analizando os contrastes nas diferentes áreas mundiais e identificando a pobreza e a inxustiza social como causas fundamentais dos conflitos.

5. Localizar nun mapa lugares e espazos mediante coordenadas xeográficas así como os elementos básicos que configuran o medio físico mundial, de España e de Galicia, e interpretar adecuadamente gráficas que inclúan conceptos demográficos básicos.

Con este criterio preténdese avaliar que se adquiriu a destreza da orientación xeográfica e que se localizan nun mapa os principais elementos físicos e bioxeográficos, con especial referencia a Galicia. Igualmente, que se interpretan axeitadamente gráficas con información demográfica.

6. Obter información de libros, medios de comunicación e doutras fontes, relacionada coas consecuencias negativas que a acción humana ten sobre o medio natural, para comunicala oralmente e por escrito, propoñendo alternativas.

Trátase de comprobar con este criterio se o alumnado é capaz de distinguir entre a información esencial e a accesoria, referida especialmente á redución da biodiversidade e a un modelo sustentable de desenvolvemento.

7. Utilizar as TIC para buscar e seleccionar datos e información relacionada con problemas demográficos de diferente tipo (migracións, envellecemento, éxodo rural), elaborando posteriormente gráficos e estatísticas sinxelos.

Tendo en conta que o manexo das TIC non presupón coñecementos previos do ámbito, preténdese con este criterio valorar a incorporación dos coñecementos deste ámbito ao uso crítico, creativo e orientado destas tecnoloxías na sociedade actual por parte do alumnado adulto.

Bloque 2: a actividade económica e a industria da cultura.

Os contidos fundamentais deste bloque relaciónanse co estudo da actividade económica, dimensión fundamental da vida humana e da interacción co medio xeográfico. Abórdanse o estudo dos sectores económicos, a importancia actual das actividades de servizos e do desenvolvemento científico e tecnolóxico. Identificaranse os principais focos económicos mundiais, europeos e españois, e préstase especial atención á estrutura e problemas da economía galega.

Un aspecto fundamental da economía actual é a industria da cultura e do lecer, que permitirá detallar aspectos relacionados coa linguaxe visual e coa súa importancia actual na construción da realidade social.

Os aspectos procedementais teñen unha importancia grande no bloque: lectura e interpretación de táboas e gráficas que expresan conceptos económicos, aplicación a situacións reais, buscar información en fontes variadas e realizar traballos de síntese.

O traballo no bloque perseguirá tamén a valoración crítica dos custos ambientais do crecemento económico e a actitude crítica ante unha economía baseada no consumismo.

Contidos.

-A actividade económica como resultado da interacción entre as necesidades humanas e os recursos naturais. Conceptos económicos básicos.

-O sector económico primario. As actividades agrarias: transformacións no ámbito rural.

-As actividades pesqueiras e a utilización do mar. O mercado das materias primas e dos produtos enerxéticos.

-As actividades secundarias. Os espazos industriais a escala mundial, europea, española e galega.

-O sector terciario: a primacía económica do sector dos servizos. A terciarización da actividade económica.

-A importancia do desenvolvemento e a innovación tecnolóxica na economía mundial. A tecnoloxía como forma de poder: a loita tecnolóxica entre países e grupos sociais.

-Os principais focos económicos mundiais, europeos, españois e galegos. Axentes e redes económicas nunha economía mundial globalizada. O papel das multinacionais.

-Trazos básicos da economía galega no marco da estrutura económica española e da Unión Europea.

-Consecuencias económicas e sociais do proceso de globalización. A desigual distribución da riqueza e a división internacional do traballo: a deslocalización da actividade económica. Os fluxos económicos desiguais entre as áreas centrais e as periféricas.

-Lectura e interpretación de táboas, gráficos, etc. que expresan datos e conceptos económicos (PIB, renda per cápita, etc.). Aplicación deses conceptos a situacións reais do contorno inmediato.

-Realización de traballos de síntese e de indagación, utilizando información de fontes variadas, combinando diferentes formas de expresión, incluídas as que proporcionan as TIC. Transformación de información estatística en gráfica.

-Valoración crítica da división social e sexual do traballo e rexeitamento de prexuízos racistas, xenófobos, homófobos e sexistas no mundo laboral.

-Valoración dos custos ambientais do actual modelo económico. O esgotamento dos recursos: a necesidade dun consumo racional. Modelos económicos alternativos: o desenvolvemento sustentable e unha globalización alternativa.

-Identificación da linguaxe visual en prensa, publicidade e televisión. Os recursos básicos do poder dos medios de comunicación (a selección das noticias, a linguaxe da publicidade...) e a súa incidencia na construción da realidade e nas nosas decisións e opinións.

-Análise dos procesos, técnicas e procedementos propios dos medios de captura e manipulación de imaxes fixas, seriadas e en movemento, para producir mensaxes audiovisuais, especialmente a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

-Actitude crítica ante as necesidades de consumo creadas pola publicidade e rexeitamento dos elementos desta que supoñan discriminación social, de xénero ou racial.

Criterios de avaliación.

1. Caracterizar os principais sistemas de explotación agraria e pesqueira así como o mercado das materias primas e produtos enerxéticos, a escala mundial, localizando exemplos representativos, e utilizar esa caracterización para analizar a situación en Galicia e España.

Trátase de avaliar se o alumnado coñece os trazos dos principais sistemas agrarios, das transformacións técnicas no espazo rural, dos problemas estruturais da pesca e da distribución de materias primas, especialmente en Galicia.

2. Identificar os distintos tipos de industrias e analizar as transformacións que as novas tecnoloxías están producindo na actividade industrial a escala mundial, identificando e caracterizando os principais centros de produción mundial, e valorando o desigual intercambio entre as distintas áreas xeográficas.

Trátase de comprobar se o alumnado coñece os principais tipos de industrias, se identifican as actuais formas de produción e se localizan as principais áreas produtoras, analizando os factores que explican esta distribución e a situación concreta da industria galega. Tamén, se recoñece os desiguais intercambios que se producen a escala mundial entre produción e consumo.

3. Identificar o desenvolvemento e as transformacións recentes das actividades terciarias para entender os cambios que se están a producir nas relacións económicas e sociais, analizando as repercusións no espazo galego.

Trátase de avaliar se o alumnado coñece o progresivo proceso de terciarización da economía mundial, así como a importancia do papel das comunicacións e dos transportes na ordenación do territorio, aplicando estes coñecementos á análise da realidade galega.

4. Caracterizar os cambios básicos producidos no sistema económico mundial debidos aos grandes avances tecnolóxicos; identificar os grandes focos económicos mundiais, as tendencias no emprego e os grandes problemas da economía actual.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado adulto recoñece a un nivel básico as tendencias económicas actuais, así como a súa relación co emprego, tanto a escala internacional, estatal ou rexional, sen perder de vista os aspectos básicos do funcionamento da economía actual relacionados co proceso de globalización.

5. A partir da observación e análise da realidade, identificar e rexeitar as situacións de discriminación laboral cara ás persoas de diferente orixe, xénero, ideoloxía, relixión, orientación afectivo-sexual e outras, respectando as diferenzas persoais, e amosando un criterio autónomo.

Con este criterio comprobarase se os alumnos recoñecen a discriminación que sofren determinadas persoas ou colectivos nas sociedades actuais, e se manifestan autonomía de criterio, actitude de rexeitamento fronte ás discriminacións e respecto ante as diferenzas persoais.

6. Utilizar de modo guiado os medios de comunicación e as TIC para seleccionar, utilizar e comunicar, oralmente e por escrito, información relevante que explique e describa trazos económicos significativos do mundo actual, así como os procesos, problemas e situacións propios da sociedade global.

Este criterio pretende valorar a capacidade do alumnado adulto no uso das TIC para a busca e obtención de información relevante sobre problemas da economía actual e para expresala de xeito claro e intelixible.

7. Recoñecer a linguaxe visual como un modo de comunicación e a súa importancia na configuración dos valores e as opinións da sociedade, identificando os seus elementos constitutivos e adoptando unha actitude crítica ante as súas mensaxes.

Preténdese que o alumnado recoñeza as características propias da comunicación audiovisual e as múltiples intencións das mensaxes, identifique a posible intención manipulativa así como os tópicos e prexuízos, e adopte unha actitude crítica ante a acumulación masiva de mensaxes procedentes do mundo da publicidade e das tecnoloxías da información e a comunicación

Módulo 2: a organización do poder político: democracia e globalización.

Bloque 1: espazo xeográfico e democracia.

Os contidos deste bloque céntranse no estudo dos diversos tipos de réximes políticos e dos trazos das institucións propias dos sistemas democráticos, e no traballo en aspectos directamente relacionados coa nosa vida como cidadáns e cidadás dunha sociedade democrática, e que son propios dunha auténtica educación para a cidadanía.

Abórdanse así a descrición dos réximes políticos e das institucións democráticas, os sistemas de dereitos e deberes, a dificultade de implantación deste modelo en amplas zonas da xeografía mundial, e a configuración institucional de España como Estado, de Galicia como comunidade autónoma e da Unión Europea.

Igualmente abordarase cunha metodoloxía participativa baseada no diálogo, na análise de situacións e casos, na simulación, etc., a análise de actitudes e valores propios da convivencia democrática: o consenso como vía de solución de problemas cotiáns e de índole xeral, a valoración do espazo público, o respecto pola convivencia nas vías públicas, a participación activa no centro escolar, na cidade ou na vila, e na actividade política.

Contidos.

-A organización política das sociedades. Diferentes tipos de réximes políticos. Identificación dos principios e institucións dos réximes democráticos. Os sistemas de elección democrática.

-Dificultades da implantación dos réximes democráticos en moitos países de América Latina, Asia e África. Condicionantes económicos e sociais.

-Proceso de configuración territorial do Estado español. A organización política e administrativa de España. Diversidade xeográfica e desequilibrios rexionais.

-O espazo xeográfico europeo. Organización política e administrativa da Unión Europea. Funcionamento das institucións. Fondos estruturais. A condición periférica de Galicia e a repercusión nela das políticas europeas. A eurorrexión atlántica Galicia-Norte de Portugal.

-Lectura e interpretación de imaxes e mapas de diferentes escalas e características. Caracterización e localización neles dos grandes ámbitos xeopolíticos, económicos e culturais do mundo.

-Identificación da liberdade, da xustiza e da igualdade como valores en que se fundamenta a democracia. Os sistemas de dereitos e deberes como base da convivencia democrática.

-O diálogo e o consenso como actitudes e prácticas fundamentais nas sociedades democráticas e na vida cotiá. As normas e estratexias da toma de decisións en común.

-Valoración da actividade política como servizo á cidadanía: a responsabilidade pública.

Aprecio dos bens comúns e dos servizos públicos. Valoración dos impostos como contribución dos cidadáns aos gastos e investimentos públicos.

-O respecto polos dereitos dos demais no espazo público. As vías públicas como ámbito dos dereitos e deberes de condutores, pasaxeiros e peóns.

-Valoración do diálogo e das normas que o fan posible como medio para a solución dos conflitos na vida cotiá: na familia, no centro de persoas adultas, no traballo, no barrio.

-Respecto polas opinións defendidas polas outras persoas. A capacidade de poñerse no lugar doutro para a comprensión das ideas alleas.

-Participación no centro educativo e en actividades sociais da comunidade como aprendizaxe dos deberes cidadáns. Especial incidencia na mediación e acollida de alumnado inmigrante.

Criterios de avaliación.

1. Identificar e localizar as grandes áreas xeoeconómicas e culturais do mundo, con especial atención aos estados europeos. Caracterizar o proceso de configuración territorial do Estado español e a organización política e administrativa actual de España recoñecendo as súas comunidades autónomas, especialmente Galicia. Identificar a estrutura política e administrativa da Unión Europea e das súas institucións, e o seu funcionamento.

Trátase de avaliar o grao de comprensión da realidade político-territorial como unha construción ao longo do tempo, localizando as áreas xeoeconómicas do mundo, os estados europeos, e as comunidades autónomas españolas.Valorarase a capacidade de lectura e interpretación de imaxes e mapas de diferentes escalas e características. Tamén a capacidade de analizar a situación de Galicia en Europa, valorando as repercusións das políticas comunitarias e as posibilidades de cooperación para superar as desvantaxes dunha posición excéntrica.

2. Recoñecer os diferentes réximes políticos, identificando e comprendendo os principios e as institucións que conforman os réximes democráticos. Identificar e valorar a democracia e os valores e principios morais en que se sustenta como a forma de convivencia desexable que nos corresponde como cidadáns libres. Caracterizar os procesos de democratización, en concreto de España, como unha conquista ético-política da sociedade. Analizar as diversas dificultades existentes na actualidade para a implantación dos réximes democráticos en moitos países de América Latina, Asia e África.

Con este criterio, trátase de que o alumnado identifique e valore os distintos sistemas de elección democrática, recoñecendo os valores da liberdade, da xustiza e da igualdade como fundamentais nun réxime democrático. É fundamental que o alumnado adulto coñeza, comprenda e valore que os sistemas de deberes e dereitos do cidadán son fundamentais para a convivencia democrática e que son os valores en que se fundamenta a democracia. Valorará o diálogo e o consenso como medio para a convivencia cotiá das persoas nunha sociedade democrática.

3. Identificar os principais servizos públicos que deben garantir as administracións públicas e recoñecer a obriga que teñen os cidadáns de contribuír ao seu mantemento a través dos impostos. Valorar a actividade política como un servizo á cidadanía e mostrar actitudes cívicas de respecto e colaboración no coidado do contorno e do patrimonio material e inmaterial.

Con este criterio trátase de comprobar que as alumnas e os alumnos recoñecen e valoran os principais servizos que as administracións lle prestan á cidadanía e a necesidade de mantelos a través da contribución fiscal. Igualmente se comprenden e valoran as obrigas que corresponden a cada cidadán no coidado do contorno, no respecto aos bens públicos, e na seguridade viaria.

4. Identificar e valorar o diálogo como camiño que fai posible a solución dos conflitos en todos os ámbitos da vida: na familia, no centro educativo, no traballo, no barrio, e na convivencia política, asumindo que a capacidade de poñerse no lugar doutro é fundamental para a comprensión e valoración das ideas alleas.

A través deste criterio trátase de avaliar se o alumnado considera o diálogo e a participación activa, democrática e cooperativa, en todas as actividades programadas tanto na aula como fóra dela, como preparación para o exercicio duna cidadanía activa e democrática e para integrarse no futuro na vida laboral. Valorarase especialmente se é capaz de asumir responsabilidades observando o seu grao de participación nas actividades do grupo e do centro educativo. Esta actitude de diálogo e participación será especialmente relevante na mediación e acollida do alumnado inmigrante.

5. Utilizar diferentes fontes para obter información, formular opinións propias fundamentadas e discutilas en grupo adecuadamente, nos debates que se formulen sobre problemas e situacións de carácter local ou global.

Este criterio pretende avaliar o coñecemento e manexo das técnicas do debate: se as alumnas e os alumnos se documentan debidamente utilizando distintas fontes de información e se son quen de analizar e sintetizar esa información para presentar as súas opinións de forma rigorosa; se argumentan debidamente, consideran as distintas posicións e alternativas en cada un dos problemas formulados e chegan a elaborar un pensamento propio e crítico.

6. Recoñecer e valorar a importancia que ten a participación cidadá para o funcionamento das institucións democráticas e da formación da opinión, de acordo con algún tipo de deliberación, para unha participación responsable.

Trátase de comprobar se as alumnas e os alumnos valoran a importancia da participación cidadá para o funcionamento dos sistemas democráticos e da formación de opinión de acordo con algún tipo de deliberación, fronte ao seguimento acrítico da opinión difundida polos medios de comunicación.

7. Identificar e respectar as normas e actitudes que fan posible a convivencia segura e pacífica nas vías públicas, como condutores, pasaxeiros e peóns.

Con este criterio trátase de que o alumnado identifique as vías públicas urbanas e interurbanas como espazo público para a convivencia segura e pacífica dos cidadáns, recoñecendo e asumindo as normas e actitudes que fan posible esa convivencia.

Bloque 2: o mundo global e a interculturalidade.

Os contidos deste bloque céntranse na análise dun aspecto fundamental do mundo actual: a globalización dos procesos económicos, sociais e culturais. Os medios de comunicación e a observación inmediata da realidade social fainos constatar a cotío esta realidade: repercusión entre nós dos problemas económicos de países moi distantes, familiaridade con obxectos de uso cotián producidos ao outro lado do mundo, presenza entre nós de persoas doutros países, uniformidade da cultura de masas.

Todos estes aspectos abórdanse nos contidos do bloque: interdependencia e globalización, desenvolvemento humano desigual, grandes desprazamentos de poboación, conflitos propios do mundo globalizado e o multiculturalismo e o interculturalismo.

Igualmente, a través dunha metodoloxía participativa baseada no diálogo, na análise de situacións e casos, na simulación, etc. deben abordarse no bloque aspectos fundamentais da nosa sociedade: como convivir con persoas pertencentes a culturas moi diferentes á nosa, como encarar as diferenzas sociais e culturais na vida cotiá e a valoración do interculturalismo como proxecto ético de convivencia.

Contidos.

-A nova orde global, os procesos tecnolóxicos, económicos, sociais e políticos que contribúen á súa formación.

-Interdependencia e globalización. Movementos antiglobalización.

-Desenvolvemento humano desigual: indicadores e evolución recente. Políticas e organismos de cooperación.

-Tendencias, causas e consecuencias dos grandes desprazamentos de poboación no mundo actual. Análise da situación en Galicia, en España e en Europa.

-Identificación dos principais conflitos no mundo actual. Información sobre o papel dos organismos internacionais e as forzas de pacificación na prevención e resolución deses conflitos.

-Identificación e valoración das accións individuais e colectivas a favor da paz.

-Sensibilización ante as desigualdades económicas e sociais e identificación dos medios e iniciativas, tanto individuais coma colectivos, para procurar un desenvolvemento humano sustentable.

-Multiculturalismo e interculturalismo. Etnocentrismo e discriminación, problemas éticos do relativismo cultural.

-Análise e valoración da influencia das novas formas de comunicación, información e mobilidade no establecemento de relacións globais entre as persoas de diferentes lugares do mundo.

-Recoñecemento da pertenza a unha cidadanía global sen renunciar ao respecto dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado.

-Respecto polas diferenzas sociais e culturais e valoración das súas manifestacións en actitudes, costumes e formas de vida distintas á propia.

-Valoración do interculturalismo como proxecto ético e político e como proxecto de convivencia.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer as relacións que existen entre a sociedade en que vive o alumnado e as das persoas doutras partes do mundo, valorando os trazos esenciais da identidade propia. Identificar os procesos económicos, sociais e políticos que contribúen á formación dunha nova orde global, recoñecendo a existencia dunha rede de interdependencia e globalización a escala mundial e valorar a importancia dos movementos antiglobalización.

Trátase de avaliar se as alumnas e os alumnos recoñecen a súa pertenza a unha cidadanía global, identificando as relacións económicas, sociais e culturais con outros lugares do mundo, pero sen renunciar ao respecto dos elementos culturais propios que poidan estar en perigo nun mundo globalizado. Valorarase se recoñecen o papel da información e dos medios de comunicación no mundo actual e se identifican a importancia que determinadas formas de vida do mundo desenvolvido teñen nos países en vías de desenvolvemento e se manifestan actitudes de solidariedade cos grupos máis desfavorecidos tanto no mundo como no seu contorno inmediato.

2. Identificar e analizar as causas e as consecuencias do desenvolvemento humano desigual, os seus indicadores e a súa evolución recente, e recoñecer as políticas e organismos de cooperación existentes. Valorarase especialmente a súa sensibilización ante as desigualdades económicas e sociais e a identificación dos diversos medios e iniciativas, tanto individuais coma colectivos, para procurar un desenvolvemento humano sustentable.

Trátase de avaliar a través deste criterio se o alumo ou a alumna adulta se recoñece como membro dunha cidadanía global e comprende a necesidade de compartir uns mínimos morais que posibiliten a convivencia pacífica evitando as desigualdades. Avaliarase a capacidade do alumnado para implicarse na construción dun futuro mellor a través de iniciativas concretas.

3. Identificar as causas e as consecuencias dos grandes desprazamentos de poboación no mundo actual e a súa relación cos principais conflitos mundiais, analizando a situación actual en Europa e en España e valorando o papel que desenvolven os organismos internacionais e as forzas de pacificación na prevención e resolución deses conflitos. Caracterizar a evolución deses desprazamentos en Galicia, identificando as súas causas no pasado e a tendencia actual.

Con este criterio trátase de valorar se o alumnado adulto recoñece o papel que teñen os movementos voluntarios e involuntarios de poboación actuais nun mundo cada vez máis globalizado e a súa relación cos conflitos existentes. Identificaranse e valoraranse as accións individuais e colectivas a favor da paz e o seu papel determinante en moitos conflitos. Prestarase especial atención a se o alumnado recoñece a importancia das migracións como xeradoras de tolerancia, respecto e enriquecemento social e cultural. Valorarase a capacidade de usar e recompilar información especialmente a través das TIC e do manexo de mapas.

4. Caracterizar o multiculturalismo e o interculturalismo como trazos dun mundo globalizado, recoñecendo o papel que o etnocentrismo e a discriminación teñen na sociedade occidental e nas actitudes persoais. Analizar os problemas éticos que xorden a consecuencia do relativismo cultural.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado distingue o multiculturalismo do interculturalismo, se respecta as diferenzas sociais e culturais e valora os costumes e formas de vida distintas á propia. Valorarase o interculturalismo como proxecto ético de convivencia, capaz de articular unha sociedade pacífica e democrática, respectuosa coas liberdades e dereitos fundamentais, e a capacidade de poñerse no lugar do outro para asumir a interculturalidade como vía de enriquecemento persoal.

5. Participar ordenadamente en debates sobre os temas abordados no bloque (a globalización, os movementos antiglobalización, os movementos de poboación, a aculturación, o etnocentrismo e o multiculturalismo), argumentando as propias opinións e manifestando actitudes de solidariedade e tolerancia.

Con este criterios trátase de comprobar a sensibilidade do alumnado ante problemas do mundo actual, e as súas consecuencias, como poden ser as situacións de racismo, xenofobia, sexismo, desprazamentos forzosos da poboación, aculturación. Por outra banda, trátase de avaliar tamén o uso axeitado da linguaxe oral e escrita, da argumentación, así como a aceptación das normas que rexen o diálogo e a discusión en grupo. Valorarase se o alumnado desenvolve habilidades sociais de respecto e tolerancia cara ás persoas do seu contorno e se utiliza de forma sistemática o diálogo como instrumento para evitar e resolver os conflitos nas relacións humanas.

6. Buscar e seleccionar con rigor información procedente de diversos medios (prensa, biblioteca, páxinas web...) para identificar as causas e as consecuencias da globalización, dos conflitos e dos problemas de convivencia nas sociedades actuais; elaborar un punto de vista propio e desenvolver actitudes responsables que contribúan á mellora dos problemas estudados.

Trátase de avaliar se o alumnado sabe buscar e utilizar con certo rigor información procedente de distintas fontes para documentarse sobre os principias problemas de convivencia das sociedades actuais. Terase en conta tamén a propiedade no uso da linguaxe escrita, a corrección da sintaxe, e a claridade e a coherencia na expresión das ideas.

Nivel II.

Módulo 3: das sociedades prehistóricas á sociedade industrial.

Bloque 1: das sociedades prehistóricas á introdución da industria.

Neste bloque inclúense contidos relacionados coa evolución histórica da sociedade occidental desde os seus comezos ata a aparición da industria. Abórdase, polo tanto, desde o inicio da humanización do espazo natural, as principais contribucións das civilizacións clásicas, a sociedade feudal, o Renacemento, o Antigo Réxime, a Ilustración... Abórdanse tamén contidos relacionados cos elementos básicos dos estilos artísticos.

Trátase de contidos inabarcables nos períodos lectivos dedicados ao desenvolvemento do bloque se se queren abordar de xeito descritivo e minucioso, polo que é imprescindible insistir nos aspectos procedementais, de métodos de traballo. A metodoloxía debe insistir na busca de información en diversas fontes, arqueolóxicas, escritas, iconográficas; na comparación e interpretación da información obtida; no uso das TIC para obter esa información; na valoración crítica das interpretacións históricas; na localización no espazo e no tempo dos períodos e acontecementos históricos mediante procedementos diversos, incluída a representación gráfica de secuencias temporais; e na valoración dos vestixios do pasado existentes no contorno do alumnado e do patrimonio inmaterial como manifestación da memoria colectiva.

Contidos.

-As sociedades paleolíticas. A revolución neolítica: transformacións e avances. A prehistoria na Península Ibérica. A cultura castrexa.

-O inicio da humanización do espazo natural: as primeiras civilizacións urbanas do Crecente Fértil.

-As principais contribucións das civilizacións urbanas clásicas: Grecia e Roma. Hispania e Gallaecia.

-A expansión do cristianismo: do politeísmo ao monoteísmo. A ruralización do occidente europeo. O reino suevo.

-A sociedade feudal: fundamentos demográficos, económicos, sociais, ideolóxicos e políticos. Orixe e expansión do Islam. O rexurdimento das cidades e do comercio: aparición da burguesía. A Península Ibérica na Idade Media: Al Andalus e os reinos cristiáns. Galicia na Idade Media: a era compostelá e as crises baixomedievais. O papel da espiritualidade na arte medieval: catedrais e mesquitas.

-As características do Estado moderno. O significado do Renacemento. A Península Ibérica na época moderna. A nova imaxe do mundo: descubrimento e colonización de América. Galicia: fidalgos e foreiros. O Barroco galego.

-O Antigo Réxime no século XVIII: trazos básicos e quebra. A crise da Monarquía Absoluta. A Ilustración. O reformismo borbónico en España e Galicia.

-Obtención de información de fontes diversas: iconográficas, arqueolóxicas, escritas, proporcionadas polas TIC, etc. Elaboración escrita da información obtida.

-Localización no tempo e no espazo dos períodos, culturas e civilizacións e acontecementos históricos. Nocións de simultaneidade e evolución. Representación gráfica de secuencias temporais.

-Identificación das causas e consecuencias dos feitos históricos e dos procesos de evolución e cambio, relacionándoos cos factores que os orixinaron.

-Recoñecemento dos elementos básicos que caracterizan os estilos plásticos e musicais máis relevantes.

-Valoración crítica das interpretacións subxectivas que, ás veces, se dan da historia e interese por explicacións máis obxectivas sobre ela.

-Valoración dos restos e vestixios do pasado existentes no contorno galego e do seu patrimonio inmaterial como manifestación da memoria colectiva.

Criterios de avaliación.

1. Recoñecer as interaccións que se producen entre os grupos humanos paleolíticos e neolíticos e o medio natural, os avances e logros técnicos que favoreceron o crecente dominio do medio, analizando e obtendo conclusións sobre a importancia das novas tecnoloxías agrarias, gandeiras e construtivas para o desenvolvemento humano e comprendendo os trazos característicos da cultura castrexa.

Este criterio pretende avaliar se o alumnado é capaz de identificar os elementos básicos que conformaron as sociedades depredadoras e os cambios que supuxo a revolución neolítica, considerando as consecuencias que esta tivo para a evolución da humanidade. Valorarase a importancia cultural da arte rupestre e do megalitismo atlántico e a comprensión dos trazos característicos da cultura castrexa.

2. Situar espacial e temporalmente a Grecia clásica e o Imperio Romano, utilizando mapas históricos; recoñecer e valorar as achegas e avances realizados polas civilizacións grega e romana como bases que fundamentan as formas de vida e convivencia actuais, e identificar as pegadas da civilización hispanorromana no territorio galego.

Con este criterio quérese valorar se o alumnado é capaz de situar espacial e temporalmente a Grecia clásica e o Imperio Romano. Igualmente, se recoñece as principais achegas materiais e culturais clásicas e a súa contribución á civilización occidental.

3. Identificar e caracterizar os trazos económicos, sociais, políticos e culturais da época medieval, situando no tempo e no espazo as diferentes culturas que coexistiron na Península Ibérica, con especial referencia ao Reino Suevo e ao Camiño de Santiago, destacando e valorando o papel hexemónico das relixións na ordenación global da vida do medievo.

Trátase de avaliar se o alumnado recoñece os elementos básicos que caracterizan esta época, identifica os reinos cristiáns e Al-Andalus e as súas características fundamentais, recoñece a súa contribución cultural e artística a partir do estudo dalgunhas obras da arte románica e valora o momento de auxe do Reino de Galicia, cos seus episodios de crise social.

4. Identificar os cambios que conducen ao fortalecemento da autoridade monárquica ata a aparición do Estado moderno, distinguindo os principais momentos da súa evolución e as características máis relevantes da monarquía hispana e do seu imperio colonial, así como os estilos artísticos renacentista e barroco.

Búscase comprobar se se identifican as distintas etapas da monarquía hispana, recoñecendo a importancia económica e política do imperio colonial español, destacando a posición dependente de Galicia e diferenciando os trazos básicos dos estilos renacentista e barroco galego.

5. Explicar os trazos básicos económicos, sociais e políticos do Antigo Réxime, a importancia da ideoloxía da Ilustración como factor desencadeante da crise e descomposición deste modelo sociopolítico e as características do reformismo borbónico en España e Galicia.

Este criterio trata de comprobar se se recoñecen os cambios producidos no século XVIII, describindo o carácter centralizador e reformista do despotismo ilustrado en España.

6. Recoñecer e situar nun eixe cronolóxico os feitos históricos estudados, representando algunhas relacións causais dos cambios históricos.

Preténdese que o alumnado elabore cadros temporais como medio de avaliación da comprensión e expresión da orde e duración dos grandes acontecementos que conforman o tempo histórico, así como da sucesión ou da simultaneidade dos feitos relevantes.

7. Recoñecer e valorar as pegadas do pasado histórico galego na linguaxe, nos costumes, nos restos materiais, nas manifestacións artísticas e na vida cotiá como elementos constitutivos da nosa identidade individual e colectiva.

Este criterio busca comprobar que o alumnado entende e explica a presenza viva na nosa vida e no noso contorno do noso patrimonio material e inmaterial.

Bloque 2: un século de revolucións: da Marsellesa á Internacional.

Neste bloque intégranse os contidos relativos á evolución histórica da sociedade occidental desde finais do século XVIII ata comezos do século XX. Abórdanse polo tanto as grandes transformacións económicas, sociais e políticas que teñen lugar neses máis de cen anos: a renovación das estruturas agrarias, a industrialización, a Revolución Francesa, a construción do estado liberal, a nova sociedade organizada en clases, a loita polo sufraxio universal, o nacemento dos nacionalismos, etc.

Como se afirmaba na introdución ao bloque anterior, estes contidos son inabarcables nos períodos lectivos que se lle dedican se se queren abordar de xeito descritivo e minucioso, polo que é imprescindible unha vez máis insistir nos aspectos de métodos de traballo e de valoración.

Neste bloque, á parte dos aspectos sinalados no anterior, hai que insistir especialmente na valoración do papel das mulleres e homes anónimos na loita contra a desigualdade e en favor da liberdade, na identificación da multiplicidade causal dos acontecementos históricos, na diferenciación de causas e consecuencias na súa explicación, na busca de información en diversas fontes, e na comparación e interpretación da información obtida. Un elemento especialmente significativo é a valoración da democracia e benestar económico das nosas sociedades como froito do esforzo colectivo das xeracións pasadas e da actual.

Contidos.

-As transformacións políticas no século XIX. Antecedentes: a independencia dos Estados Unidos de América e a Revolución Francesa. Características do modelo liberal. Os movementos nacionalistas en Europa.

-A construción do Estado liberal na España do século XIX. A fin do imperio colonial español. As desamortizacións e a súa importancia en Galicia. As orixes do pensamento nacionalista en Galicia e o primeiro galeguismo.

-As transformacións económicas no século XIX: formación, desenvolvemento e trazos esenciais do sistema capitalista. A renovación das estruturas agrarias. A industrialización en Europa e España. As grandes potencias europeas a finais desta centuria. Galicia: o fracaso das industrias téxtil e siderúrxica; o inicio da industria conserveira.

-As transformacións sociais no século XIX: da sociedade estamental á sociedade de clases. A nova sociedade: a burguesía e os obreiros industriais. O movemento obreiro: as ideoloxías anticapitalistas. As novas formas de vida na sociedade industrial.

-O avance democrático liberal en Europa a finais do século XIX: a loita polo sufraxio universal e os dereitos sociais. A exclusión das mulleres dos avances sociais e políticos: o sufraxismo e o dereito á educación.

-As artes plásticas a finais do Antigo Réxime e a súa evolución no século XIX ao compás dos cambios sociais e políticos. A relación entre a arte e as ideas políticas: Romanticismo e Nacionalismo.

-Identificación da multiplicidade causal nos acontecementos históricos.

-Valoración do papel de mulleres e homes anónimos, ata agora silenciados, recoñecéndolles o protagonismo histórico que lles corresponde na loita contra a desigualdade e a falta de liberdade.

-Identificación dos factores que interveñen nos procesos de cambio histórico, considerando as súas interrelacións. Diferenciación de causas e consecuencias nestes cambios.

-Obtención e selección de información de fontes escritas, especialmente a través das TIC, diferenciando os feitos das opinións. Contraste de informacións contraditorias referidas a un mesmo feito histórico.

-Recoñecemento e valoración da situación de democracia e benestar económico actual nas sociedades occidentais como froito da loita e do esforzo colectivo das xeracións pasadas e da actual.

Criterios de avaliación.

1. Identificar e analizar, utilizando o vocabulario e os conceptos apropiados, as ideas básicas dos grandes movementos ideolóxicos e dos procesos revolucionarios de fins do século XVIII e do XIX.

Con este criterio preténdese valorar o coñecemento por parte do alumnado dos principais movementos -liberalismo, nacionalismo, socialismo, anarquismo e sufraxismo- deste período histórico, recoñecendo por medio de exemplos a súa influencia na sociedade actual, e analizando as súas particularidades en España e Galicia, coa significación que aquí ten o proceso desamortizador e o sistema político caciquil.

2. Caracterizar e valorar as transformacións económicas e sociais que se producen en Europa, España e Galicia como consecuencia da Revolución Industrial.

Este criterio trata de avaliar se se recoñecen os cambios que esta revolución introduciu na produción, así como as transformacións sociais que provocaron a aparición de novos grupos sociais, con profundas diferenzas de clase e de xénero, e que os desfavorecidos suscitan reivindicacións desde posicións ideolóxicas socialistas ou anarquistas, valorando a ambivalencia -mellora pero tamén deterioración- dos profundos cambios acontecidos no período. Tamén se valorará a comprensión dos factores causais que explican a fortaleza económica das grandes potencias europeas a finais do século XIX.

3. Recoñecer e valorar os logros e as conquistas democráticas desta época, comprometéndose na profundización da herdanza de dereitos e liberdades que arrancan do século XIX.

Preténdese con este criterio valorar a comprensión da vinculación da maior parte dos dereitos, liberdades e benestar económico que hoxe gozamos co compromiso e a loita colectiva de homes e mulleres, anónimos e silenciados, ao longo dos dous últimos séculos.

4. Distinguir os trazos básicos dos estilos artísticos máis importantes do período, realizando comentarios de imaxes relacionadas coas artes plásticas dos séculos XVIII e XIX.

Trátase de comprobar que o comentario de obras de arte lle proporciona ao alumnado un vocabulario básico de termos artísticos, así como a capacidade de distinción de estilos e movementos artísticos, relacionados coa situación social, ideolóxica e política do momento.

5. Utilizar as TIC para encontrar e comunicar información que responda a cuestións relacionadas coas grandes transformacións acontecidas no século XIX, de modo individual ou en pequenos grupos.

Con este criterio valórase a adquisición por parte do alumnado adulto da competencia dixital e de tratamento de información, aplicada á comprensión dos factores causais que explican os devanditos cambios.

6. Analizar e comentar, oralmente e por escrito, textos históricos, así como obter e comunicar información significativa procedente de mapas históricos que representen e sitúen temporalmente os feitos e os procesos estudados, como a industrialización ou os procesos revolucionarios.

Con este criterio preténdese avaliar a capacidade do alumnado adulto de valorar a información contida en textos históricos e de obter información de documentos como mapas históricos, distinguindo a información principal da accesoria, e expoñendo de forma argumentada a propia opinión sobre determinados aspectos do texto ou do mapa.

Módulo 4: un mundo globalizado: bases históricas, evolución e situación actual.

Bloque 1: o século XX e os comezos do terceiro milenio.

Neste bloque abórdanse as grandes transformacións económicas, sociais, políticas e culturais acontecidas no século XX e nos comezos do XXI. Iníciase o bloque co estudo do imperialismo, a primeira guerra europea e a Revolución Soviética. Estúdanse a seguir as transformacións na España do século XX: a crise do Estado liberal, a Segunda República, a Guerra Civil e o franquismo. O estudo da Segunda Guerra Mundial dá paso á análise do mundo dividido en grandes bloques nacido dese conflito bélico e á descrición dos grandes cambios acontecidos na linguaxe artística no século XX.

Os acontecementos abordados neste bloque están xa máis cerca da experiencia persoal do alumnado e o volume de documentos gráficos e sonoros existente sobre eles é moi grande. Isto permite un tratamento altamente motivador dos contidos do bloque e unha presenza moi significativa das TIC como ferramenta de busca de documentación.

Haberá que insistir no tratamento daqueles contidos que teñen maior significado para interpretar axeitadamente a situación actual do mundo e da nosa sociedade e, unha vez máis, nos aspectos relacionados cos métodos e técnicas de traballo e coa valoración dos acontecementos históricos.

A toma de consciencia dos problemas existentes na actualidade debería conducir a asumir a responsabilidade persoal e colectiva de participar en actividades que perseguen a mellora das situacións de desigualdade e desequilibrios sociais.

Contidos.

-Grandes cambios e conflitos na primeira metade do século XX. Imperialismo, guerra e revolución. A depresión de 1929 e o auxe dos fascismos. A revolución soviética.

-Transformacións na España do século XX: crise do Estado liberal; a II República; guerra civil e represión en Galicia; franquismo. As reivindicacións periféricas: o nacionalismo galego.

-A orde política e económica mundial na segunda metade do século XX: bloques de poder e modelos socioeconómicos. A Guerra Fría. Os procesos de descolonización e o terceiro mundo. O neocolonialismo. O papel da ONU e doutros organismos internacionais.

-A desaparición da URSS e a nova orde mundial: globalización e novos centros de poder xeopolítico. Focos de tensión e perspectivas no mundo actual.

-Identificación das principias institucións e dos conceptos fundamentais que definen un sistema democrático. Os sistemas de votación democrática.

-Arte e cultura na época contemporánea. Recoñecemento e valoración da presenza e influencia da imaxe no noso tempo. Análise e interpretación de obras significativas da arquitectura, das artes plásticas e da música.

-A pluralidade de estilos na música actual. Valoración dos recursos tecnolóxicos como instrumentos para o coñecemento e gozo da música. Sensibilización e actitude crítica ante o consumo indiscriminado de música e a contaminación sonora.

-Toma de consciencia dos graves problemas existentes na actualidade e da responsabilidade colectiva na promoción da paz.

-Disposición a participar e colaborar con organismos e institucións gobernamentais e non gobernamentais (asociacións, ONG, etc.) que perseguen a mellora das situacións de desigualdade e desequilibrios sociais. A participación non institucionalizada e a participación política institucionalizada.

-Valoración da liberdade, a xustiza e a igualdade como valores en que se fundamenta a democracia. Valoración do sistema de dereitos e deberes como base da convivencia política nas sociedades do século XXI.

Criterios de avaliación.

1. Caracterizar e situar cronolóxica e xeograficamente as grandes transformacións e conflitos mundiais que tiveron lugar na primeira metade do século XX. Comprender e identificar os principais acontecementos e procesos e as súas interaccións no panorama internacional desta época (Imperialismo, a Revolución Rusa, as guerras mundiais, a depresión de 1929 e o auxe dos fascismos), contrapoñendo os trazos básicos dos totalitarismos cos dos réximes democráticos.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado adulto identifica e analiza as causas e as consecuencias da Primeira Guerra Mundial e as da Revolución Rusa e se comprende o modelo político, económico e social resultante, comparándoo co modelo do liberalismo democrático. Igualmente se comprende as causas da crise de 1929, o carácter cíclico do capitalismo e os cambios producidos na teoría económica capitalista (paso do liberalismo económico clásico ás teorías reguladoras). Tratarase de avaliar tamén se comprende e analiza as causas do auxe dos fascismos e as súas consecuencias inmediatas (Segunda Guerra Mundial).

2. Analizar os cambios acontecidos no mundo desde a segunda metade do século XX (nacemento dos grandes bloques de poder político e modelos socioeconómicos enfrontados), e identificar as tensións resultantes da súa existencia. Igualmente, analizar as causas e as consecuencias dos procesos de descolonización, identificando as características do chamado terceiro mundo e as súas reivindicacións. Identificar os acontecementos que conduciron á desaparición da URSS e á creación dunha nova orde mundial.

Trátase de comprobar que o alumnado adulto é capaz de analizar e comprender a división do mundo en bloques de poder político con modelos socioeconómicos enfrontados e as tensións resultantes. Igualmente, trátase de valorar se o alumnado coñece as causas e as consecuencias dos procesos de descolonización e o nacemento dunha nova orde mundial, co fin de comprender mellor a realidade presente. Prestarase especial atención á habilidade de localizar xeograficamente os feitos e os procesos.

3. Identificar e caracterizar as distintas etapas da evolución económica, social e política, de España e de Galicia durante o século XX (crise do Estado liberal, II República e Guerra Civil; o franquismo; as reivindicacións periféricas e o nacionalismo galego) todo iso con especial referencia á situación de Galicia.

Con este criterio trátase de avaliar se o alumnado adulto recoñece as causas da crise da monarquía da Restauración, as políticas reformistas emprendidas durante a Segunda República e os enfrontamentos resultantes dela. Valorarase se se analizan adecuadamente as causas e as consecuencias da Guerra Civil e a quebra que esta supón no proceso democratizador, e as características e a evolución do réxime franquista.

4. Identificar e localizar os principais focos de tensión e as súas perspectivas no mundo actual (situacións graves de desigualdade, grandes desequilibrios sociais, conflitos bélicos), analizando o papel que desempeñan neles as organizacións internacionais, as forzas de pacificación e as institucións gobernamentais e non gobernamentais. Distinguir entre formas de participación non institucionalizada e a participación política institucionalizada e recoñecer o diálogo e o consenso como vías para a solución dos conflitos persoais e grupais.

Trátase de valorar con este criterio se o alumnado adulto identifica os principais focos de tensión no mundo actual e se toma consciencia da responsabilidade colectiva na promoción da paz e da xustiza, e do papel que xogan os organismos gobernamentais e non gobernamentais na solución dos conflitos. Poñerase especial énfase na valoración da importancia da participación humanitaria para paliar as consecuencias dos conflitos, das formas de participación institucionalizada e non institucionalizada e do papel do diálogo para solucionar os conflitos.

5. Comprender e recoñecer os trazos característicos da arte na época contemporánea dentro do seu contexto histórico. Coñecer a pluralidade de estilos na música actual e dos recursos tecnolóxicos como instrumentos para o coñecemento e gozo da música, manifestando unha actitude crítica ante a contaminación sonora e o consumo indiscriminado de música.

Con este criterio preténdese que o alumnado adulto sexa quen de analizar e interpretar as obras significativas da arquitectura, das artes plásticas e da música do século XX, dentro do seu contexto histórico e artístico. Valorarase o coñecemento da pluralidade de estilos na música actual e o coñecemento dos recursos tecnolóxicos como instrumentos para o coñecemento e gozo da música e o grao de sensibilización ante o consumo indiscriminado de música e a contaminación sonora.

6. Buscar e seleccionar información en diferentes fontes, incluídas as TIC, contrastando versións diferentes dos mesmos feitos, para realizar traballos individuais e en grupo sobre algún foco de tensión política ou social do mundo actual, indagando os seus antecedentes históricos, analizando as causas e prevendo posibles desenlaces.

Trátase de avaliar a capacidade do alumnado para abordar, asesorado polo profesor, o estudo dunha situación do mundo en que vive, buscando os antecedentes e causas que a orixinan, e aplicando os seus coñecementos para prever, desde a lóxica, as súas posibles consecuencias. Comprobarase a capacidade para valorar o papel que xogan as persoas anónimas nos procesos históricos, de poñer en xogo un método de investigación e de elaborar conclusións a partir dos diferentes datos. Comprobarase se ten iniciativa para planificar o traballo, acceder con certa autonomía a diversas fontes de información, analizar e organizar esta e presentar as conclusións de maneira clara, con coherencia na exposición das ideas, utilizando precisión léxica, corrección na sintaxe e claridade na expresión.

Bloque 2.

Dereitos e deberes dos cidadáns e das cidadás.

Como indica o seu título, este bloque céntrase no traballo sobre un aspecto central da nosa vida como cidadáns activos: os nosos dereitos e deberes, que son a base da convivencia democrática.

Iníciase o bloque co estudo da transición política en España cara ao establecemento dun réxime democrático, e coa identificación dos dereitos e deberes recollidos na Constitución e os que ten o alumnado como integrantes da comunidade educativa. Abórdase despois o estudo da loita histórica en favor dos dereitos dos homes e das mulleres, con especial referencia á loita destas últimas en favor da igualdade en todos os terreos.

Xunto a esta dimensión de estudo histórico, o bloque ten un aspecto fundamental relacionado coa educación dos cidadáns e das cidadás. Para iso, é imprescindible a posta en xogo dunha metodoloxía participativa baseada no diálogo, na análise de situacións e casos, na simulación, etc. Así, xunto ao estudo dos aspectos máis significativos da Constitución, abórdanse as formas de participación cidadá, o recoñecemento das diferenzas de xénero como enriquecedoras das relacións persoais e o recoñecemento da igualdade de dereitos de homes e mulleres e o rexeitamento de toda forma de violencia. Faise especial énfase na necesidade de respectar os dereitos dos demais nas situacións de desprazamento nas vías públicas, como condutores e como peóns.

Contidos.

-Transición política e configuración do Estado democrático en España. O Estatuto de autonomía de Galicia. España e Galicia dentro da Unión Europea hoxe.

-Identificación e exercicio dos deberes e dereitos que os alumnos e alumnas teñen como alumnado dun centro.

-Coñecemento da Declaración universal dos dereitos humanos, e asunción dos deberes e responsabilidades que dela derivan.

-Recompilación de información sobre os distintos tipos de documentos que recollen a lexislación internacional sobre os dereitos humanos (declaracións, pactos, convenios...) e sobre os mecanismos de control e protección dos acordos.

-Identificación das principias etapas históricas na conquista dos dereitos humanos e valoración das novas reivindicacións (terceira xeración de dereitos). Identificación e condena de situacións de violacións dos dereitos humanos e coñecemento dos recursos para denunciar e combater a violación dos dereitos.

-Coñecemento da loita das mulleres e das súas organizacións para a conquista da igualdade de dereitos e oportunidades e o seu recoñecemento como suxeitos históricos de dereitos e de cidadanía. Análise das causas e factores da discriminación das mulleres.

-Identificación e coñecemento dos principios, dereitos e deberes fundamentais recoñecidos na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia e da regulación do seu exercicio.

-Identificación e valoración das diversas formas de participación cidadá: cooperación, asociacionismo e voluntariado.

-Valoración dos dereitos humanos como exixencia mínima de xustiza. Implicación na defensa efectiva dos dereitos humanos. Identificación e rexeitamento das actitudes de intolerancia, inxustiza e exclusión.

-Recoñecemento e valoración das diferenzas de xénero como enriquecedoras das relacións persoais.

-Recoñecemento da igualdade de dereitos de mulleres e homes e identificación e rexeitamento das situacións de discriminación de feito das cales aínda son vítimas as mulleres. Rexeitamento da violencia de xénero. Recompilación de información sobre as medidas destinadas á prevención e protección integral da violencia contra as mulleres.

-Valoración do exercicio dunha cidadanía activa, que coñece os seus dereitos e asume as súas responsabilidades. Valoración da importancia da participación cidadá para o funcionamento das institucións democráticas.

-Coñecemento e respecto dos dereitos dos demais e asunción dos deberes propios nas situacións de desprazamento nas vías públicas, como condutores e peóns, para facer posible nelas unha convivencia pacífica e sen riscos.

Criterios de avaliación.

1. Identificar e analizar os feitos fundamentais do proceso da transición política e da configuración do Estado democrático en España. Recoñecer os principios, os dereitos e os deberes fundamentais recoñecidos na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, valorando o seu papel na consolidación do Estado democrático e autonómico. Identificar os feitos máis importantes no proceso de construción da Unión Europea e da pertenza de España e de Galicia a ela.

Trátase de comprobar se o alumnado adulto identifica e valora os conceptos fundamentais que definen un sistema democrático tal e como están reflectidos na Constitución española e se coñece e valora a importancia do proceso de transición política e de configuración do Estado democrático en España. Igualmente, se coñece os feitos fundamentais no proceso de construción da Unión Europea.

2. Coñecer a importancia da Declaración universal dos dereitos humanos, e asumir os deberes e responsabilidades que dela derivan. Igualmente, identificar e coñecer as principias etapas históricas na conquista dos dereitos humanos, os textos que os conteñen (declaracións, pactos, convenios...) e valorar as novas reivindicacións (terceira xeración de dereitos). Identificar e condenar as situacións de violacións dos dereitos humanos, rexeitando as desigualdades, en particular as que afectan as mulleres e coñecer os recursos para denunciar e combater as violacións de dereitos.

Este criterio avalía o grao de coñecemento das declaracións internacionais de dereitos humanos e da súa evolución histórica, e se o alumnado adulto recoñece as situacións de violación de dereitos humanos no mundo actual, as discriminacións que aínda sofren algúns colectivos, tanto na lexislación, como na vida real e, particularmente, se identifica e rexeita a discriminación de feito e de dereito que afecta as mulleres. Valorarase se o alumnado é capaz de implicarse na defensa efectiva dos dereitos humanos, mesmo no ámbito escolar, denunciando as súas violacións e se identifica e rexeita as actitudes de intolerancia, inxustiza e exclusión.

3. Identificar e analizar o camiño percorrido polas mulleres e polas súas organizacións cara á conquista da igualdade de dereitos e oportunidades e do seu recoñecemento como suxeitos históricos de dereitos e de cidadanía. Analizar as causas da discriminación das mulleres, da evolución histórica ata o recoñecemento da súa igualdade de dereitos, poñendo de manifesto as súas contribucións en todos os campos do saber ao longo da historia e no coidado dos seres humanos. Identificar e rexeitar as causas e factores de discriminación, así como as situacións de violencia machista de que son vítimas.

Con este criterio trátase de avaliar se as alumnas e os alumnos recoñecen a igualdade efectiva de dereitos e de dignidade de mulleres e homes, sen discriminación. Se distinguen os elementos que están na base dalgunhas discriminacións, e se identifican as contribucións das mulleres nos diferentes campos do saber ao longo da historia e no coidado dos seres humanos. Valorarase especialmente o coñecemento da evolución histórica na conquista dos dereitos políticos das mulleres e da igualdade no ámbito familiar e laboral, se identifican e localizan as situacións de discriminación que aínda sofren nas sociedades actuais e se rexeitan activamente a violencia contra elas.

4. Valorar o exercicio dunha cidadanía activa, que coñece os seus dereitos e asume as súas responsabilidades. Valorar de forma argumentada a importancia da participación cidadá para o funcionamento das institucións democráticas e da formación da opinión a través das súas diferentes modalidades (cooperación, asociacionismo e voluntariado). Valorarase especialmente o respecto dos dereitos dos demais e a asunción dos deberes propios nas situacións de desprazamento nas vías públicas, como condutores, pasaxeiros e peóns, para facer posible nelas unha convivencia pacífica e sen riscos.

Trátase de comprobar se as alumnas e os alumnos valoran a importancia da participación cidadá para o funcionamento dos sistemas democráticos e da formación de opinión, fronte ao seguimento acrítico da opinión difundida polos medios de comunicación, así como a responsabilidade dos poderes públicos cara á cidadanía. Se coñecen e respectan os dereitos dos demais e asumen os deberes propios en todas as situacións de convivencia, especialmente nas situacións de desprazamento nas vías públicas, como condutores, pasaxeiros e peóns, para facer posible nelas unha convivencia pacífica e sen riscos.

5. Participar en debates sobre cuestións relacionadas cos dereitos humanos, coa violación destes, coa discriminación das mulleres e coa violencia de xénero, argumentando as propias opinións e manifestando actitudes de solidariedade e tolerancia.

Trátase de comprobar a sensibilidade do alumnado ante os dereitos humanos e o rexeitamento activo da súa violación, especialmente das situacións de racismo, sexismo e discriminación, a través da súa participación en debates con esa temática. Avaliarase o uso axeitado dunha linguaxe oral respectuosa e non discriminatoria, a aceptación das normas que rexen o diálogo e a intervención en grupo, a argumentación, a coherencia na exposición das ideas, así como a precisión léxica e a claridade na expresión.

6. Buscar e seleccionar información en diferentes fontes (prensa, bibliografía, páxinas web, etc.), contrastando versións diferentes dos mesmos feitos, para realizar traballos individuais e en grupo sobre as principias etapas históricas na conquista dos dereitos humanos e sobre a lexislación internacional en torno a eles (declaracións, pactos, convenios...); sobre a evolución histórica cara ao recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres e as súas contribucións en todos os campos do saber ao longo da historia e o coidado dos seres humanos, utilizando fontes diversas (prensa, bibliografía, páxinas web, etc.). Valorarase especialmente a capacidade de seleccionar a información máis relevante, de integrala nun esquema ou guión, e de comunicar os resultados do estudo de forma intelixible.

Trátase de avaliar en que medida o alumnado é capaz de planificar e realizar un pequeno traballo de síntese ou indagación, se selecciona a información pertinente en función do obxectivo proposto e se a organiza adecuadamente. Por outra parte, permitirá comprobar se asume con responsabilidade as tarefas que lle corresponden como membro dun grupo.

Ver referencia pdf "14200D001P005.PDF"