DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2008 Páx. 15.724

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 169/2008, do 17 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Forcarei (Pontevedra).

O Concello de Forcarei considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da súa insignia, para a aprobación definitiva desta.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Forcarei, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano con tres franxas horizontais de branco, verde e branco, sendo a verde do dobre de tamaño con trece círculos de amarelo postos, un no centro e doce nos vértices de dous imaxinarios hexágonos concéntricos. As franxas brancas, pola súa vez, con sendas franxas horizontais de azul.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Forcarei-Bandeira

Ver referencia pdf "15900D002P016.PDF"