O Concello de Forcarei (Pontevedra) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a aprobación definitiva deste.
A competencia exclusiva en materia de adopción modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xullo de dous mil oito,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Forcarei, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:
En campo de azur, unha montaña de ouro de tres cumes, terrasada de sinople con dúas faixas ondadas de prata; superada de dúas espigas de centeo de ouro en aspa e unha roca alta de prata no centro, acompañadas dun fuso alto a cada lado; bordura de sinople cargada de trece abellas de ouro; ao timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil oito.
Emilio Pérez Touriño
Presidente
José Luis Méndez Romeu
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Forcarei-Escudo
Ver referencia pdf "15900D003P016.PDF"