DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2008 Páx. 15.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 172/2008, do 17 de xullo, polo que se aproba a bandeira do Concello de Ordes (A Coruña).

O Concello de Ordes considerou conveniente organizar correctamente a súa bandeira municipal para perpetuala con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso e, de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica da súa insigni , para a aprobación definitiva desta.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro; e máis no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar a bandeira do Concello de Ordes, que figura como anexo, organizada do seguinte xeito:

Pano terzado en vertical; primeiro, de verde cunha torre de amarelo aberta; o centro, xaquelado de oito escaques de negro e sete de amarelo; e terceiro, de verde tres flores de lis mal ordenadas.

Santiago de Compostela, dezasete de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

ANEXO

Ordes-Bandeira

Ver referencia pdf "15900D006P018.PDF"