DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 27 de agosto de 2008 Páx. 16.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 20 de agosto de 2008 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador Provisional.

Os indicios máis antigos do cultivo da faba datan aproximadamente do ano 5.000 a. de C., sendo introducida en Europa polos españois no século XVI. A súa implantación foi moi lenta e en citas escritas non aparece ata mediados do século XVIII. Existen datos históricos e lingüísticos das múltiples mencións nos textos españois do século XVI ao feixón en América, ademais da existencia dun termo específico para designar o feixón en moitos dialectos indíxenas.

En Galicia prodúcese actualmente máis do 30% do feixón gran que se apaña en España. O seu cultivo espallouse habitualmente asociado ao do millo, sistema de cultivo tradicional amplamente estendido e de plena vixencia aínda hoxe nas explotacións agrícolas galegas.

En numerosos estudos e na bibliografía atópanse referencias históricas do cultivo de fabas en Galicia, nos que se mostra a importancia do dito cultivo na alimentación e nas transaccións comerciais de distintas épocas.

A partir do ano 1960 produciuse un grande incremento na produción de fabas na Mariña Luguesa, sobre todo no concello de Lourenzá, alcanzando unha gran calidade, o que fixo que adquirisen un importante recoñecemento nos mercados e entre os consumidores. Así, na actualidade, as fabas desa zona son coñecidas no mercado como Fabas de Lourenzá.

Hoxe tamén é de destacar a Festa da Faba de Lourenzá, que se celebra a primeira fin de semana de outubro desde o ano 1991, co obxectivo de recuperar o prestixio da faba da zona. Esta festa foi declarada festa de Galicia de interese turístico por Resolución do 26 de febreiro de 2001 do Consello da Xunta de Galicia.

Ademais, na maioría das guías gastronómicas actuais non faltan alusións ás fabas de Lourenzá, onde se recollen un bo número de receitas con fabas.

Cos estudos e documentación técnica e histórica pertinentes, o expediente para a tramitación da solicitude de inscrición no Rexistro Comunitario das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas correspondente á IXP Faba de Lourenzá foi transmitido aos servizos da Comisión Europea.

O Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde do titular da consellería competente segundo a natureza do produto, aprobarase o Regulamento da denominación e do seu Consello Regulador, que será publicado no Diario Oficial de Galicia, co fin de acadar a protección nacional transitoria á que se refire o artigo 5.6º do Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo.

Igualmente, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do pleno do Consello Regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da denominación ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa un novo órgano de xestión.

Por outra parte, o Real decreto 1069/2007, do 27 de xullo, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario, de posterior publicación, establece no seu artigo 12 a posibilidade da concesión dunha protección nacional transitoria a partir da data de transmisión da solicitude de rexistro á Comisión Europea, procedendo para iso á publicación do prego de condicións do produto no BOE.

Polo exposto, conforme as dúas normas sinaladas, resulta necesario publicar no Diario Oficial de Galicia o regulamento da denominación, que figura como anexo I desta orde, e publicar o seu prego de condicións no BOE.

Na súa virtude, por proposta do sector, tendo en conta as consideracións expostas e o disposto no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e do seu Consello Regulador que figura como anexo I a esta disposición, co fin de dar cumprimento ao establecido no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, para acadar a protección nacional transitoria establecida no artigo 5.6º do R (CE) 510/2006, unha vez que a solicitude de rexistro foi transmitida á Comisión Europea.

Artigo 2º

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada na normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidenta: Gema Iglesias Recalde.

Vogais polo sector produtor:

-Manuel Reigosa García.

-Secundino Oural Sanjurjo.

-María Teresa Recalde Rodríguez.

Vogais polo sector industrial:

-María del Carmen Seijo Otero.

-María Dolores Rocha Loureiro.

-María Fernández Fernández.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Conforme o establecido no artigo 12 do Real decreto 1069/2007, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición no Rexistro Comunitario, remitirase ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño o prego de condicións da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, para proceder á súa publicación no BOE e acadar a protección transitoria no territorio do Estado.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as normas precisas para o desenvolvemento do establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2008.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I

Regulamento da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e do seu Consello Regulador

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De acordo co disposto no Regulamento (CE) 510/2006, do Consello, do 20 de marzo, sobre a protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparados coa indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá as fabas que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, acondicionamento, envasamento e comercialización todos os requisitos exixidos por este, polo prego de condicións comunicado á Unión Europea e pola lexislación vixente.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

A indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, neste regulamento e demais normativa concordante.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade do produto amparado, queda encomendado ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión das Comunidades Europeas, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá é o Instituto Galego da Calidade Alimentaria, de acordo co disposto no artigo 15.1º c) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o Programa de Control, as Instrucións Técnicas e os Formatos relativos ao proceso de control e certificación da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, que serán integrados no Manual de Calidade, Procedementos Operativos e Instrucións Técnicas.

CAPÍTULO II

Produción

Artigo 5º.-Zona de produción.

A área de produción de fabas amparadas pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo coñecido como A Mariña Luguesa, comarca natural dividida administrativamente en tres comarcas: A Mariña Occidental, A Mariña Central e A Mariña Oriental, e que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

A área de produción coincide coa de envasado.

Artigo 6º.-Características da faba.

1. O produto amparado pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá son fabas secas separadas do casulo, procedentes da familia das fabáceas ou leguminosas, especie Phaseolus vulgaris, L, da variedade local coñecida como Faba Galaica, procedentes de sementes certificadas, reemprego controlado da propia explotación ou de sementes procedentes doutras plantacións inscritas nos rexistros do órgano de control. O seu destino é o consumo humano.

2. As fabas deberán ser sas, enteiras, limpas e exentas de defectos externos ou de olores ou sabores estraños.

3. As características botánicas da variedade Faba Galaica son as que a continuación se describen:

a) Planta.

-Porte indeterminado rubidor ou de enrame e entrenós longos.

-Follaxe con elevada intensidade.

-Follas de cor verde, tamaño grande e bruscamente acuminadas.

-Casulo:

*Cor verde en estado inmaturo e cor crema marelo con pintas vermellas ou violáceas na madurez.

*Superficie lisa.

*Perfil arqueado.

*Ápice afiado.

*Dente apical arqueado, marxinal e longo.

*Presentan febra e pergamiño.

*Sección elíptica.

-Flor branca, observando na madurez unha cor marela, podendo aparecer lixeiras vetas de cor violácea.

b) Gran.

-Sen debuxo, de cor branca uniforme.

-Tamaño: moi grande (80-120 g/100 sementes).

-Medidas:

*Lonxitude: 19-26 mm.

*Ancho: 9-11 mm.

*Grosor: 7-8 mm.

-Forma: de ril, longo, semicheo.

-Humidade: entre 14-17%.

c) Ciclo vexetativo.

-Moi tardío (>136 días).

4. As características cualitativas das fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá son:

-Escasa proporción de pel, entre o 8 e o 10%.

-Elevada capacidade de absorción de auga, superior ao 100%.

-Excepcional comportamento en cocción, conseguíndose ao final do proceso grans enteiros e completos, nos que destaca a pastosidade da polpa, exenta de grumos e escasamente diferenciada da pel.

Artigo 7º.-Cultivo.

1. O sistema de cultivo tradicionalmente empregado neste feixón de enrame é en asociación co cultivo de millo, aínda que nas últimas décadas foise introducindo o monocultivo.

2. O cultivo realizarase seguindo as técnicas e prácticas agronómicas que se describen nos seguintes artigos.

Artigo 8º.-Preparación do terreo.

1. Na preparación do terreo para a semente realizaranse dous ou tres pases cruzados de arado, grada ou fresador, incorporándose neste labor o fertilizante nitroxenado, non debendo superar unha profundidade de 25 cm, co fin de deixar o terreo nas mellores condicións.

2. De ser necesaria a corrección de chans ácidos, realizarase mediante a achega de cal ou dolomita cálcico-magnésica.

3. O fertilizado orgánico realizarase con achega de esterco, en cantidades prudentes, realizándose estes labores entre os meses de febreiro e marzo, mediante o pase dunha grada de disco de arado pouco profundo.

4. Tamén se aplicarán os fertilizantes fosfopotásicos que se precisen para cubrir as extraccións do cultivo.

Artigo 9º.-Sementeira.

1. A sementeira das fabas realizarase entre os meses de maio e xuño, con semente certificada, de reemprego controlado da propia explotación ou con sementes procedentes doutras plantacións inscritas nos rexistros do órgano de control.

2. Para acadar unha nacenza satisfactoria empregarase semente en perfectas condicións, enterrándoa a unha profundidade entre 2 e 5 cm.

3. No cultivo da Faba Galaica, polo seu porte rubidor e indeterminado, prepararase o terreo con titores que permitan un axeitado desenvolvemento da planta. Esta estrutura de sostén levarase a cabo, segundo o sistema de cultivo, da seguinte maneira:

a) Monocultivo:

Entitoraxe realizada con estacas de madeira ou outros materiais, duns 2,5 metros de altura cada 3 ou 4 metros en liñas de cultivo, unidas polo seu extremo superior e inferior con arame tensado ou corda. Entre os arames colocarase cordón ou malla, por onde irá rubindo a planta.

O marco de plantación será de 1-2 metros entre liñas e 0,20-0,40 metros entre plantas a un golpe.

b) Asociación millo-faba:

Poderá realizarse das seguintes formas:

-Marco de plantación: 0,80 metros aproximadamente entre liñas e 0,45-0,60 metros entre plantas de millo. As xudías sementaranse nas liñas, deixando 0,15 metros entre plantas de feixón.

-Marco de plantación: 0,80 metros entre liñas e 0,30-0,45 metros entre plantas de millo, aproximadamente. A asociación levarase a cabo en dúas liñas de feixóns, unha a cada lado da liña de millo, a unha distancia de 30 centímetros do cereal.

Artigo 10º.-Tratamentos e rega.

1. Para un bo control das pragas e enfermidades estableceranse as medidas de precaución seguintes:

-Desinfección de estruturas e chan, previa á plantación en parcelas con historial de araña vermella.

-Eliminación de malas herbas e restos de cultivo.

-Vixilancia dos cultivos durante as primeiras fases do desenvolvemento.

-Emprego de marcos de plantación axeitados que permitan a aireación.

-Emprego de semente sa e de boa calidade xerminativa.

-Mantemento dos chans correctamente fertilizados e encalados, evitando o exceso de nitróxeno.

-Evitar encharcamentos e compactación do terreo.

-Realización de sementeiras pouco profundas.

-Establecemento de rotacións de cultivo, para evitar a proliferación de enfermidades difíciles de controlar.

-Evitar sementeiras extremadamente temperás.

2. Na aplicación de tratamentos á plantación, gardaranse as seguintes normas:

-Aplicaranse os mínimos tratamentos posibles, respectando as doses recomendadas polo fabricante.

-Non se realizarán nin mesturarán máis de dúas aplicacións seguidas co mesmo produto sen as previas recomendacións técnicas.

-Gardaranse os prazos de seguranza entre os tratamentos aplicados e a recolleita.

3. Os tratamentos con herbicidas aplicaranse preferentemente en preemerxencia, tendo en conta o tipo de terreo e o tipo de vexetación espontánea existente. A súa aplicación será a mínima posible para acadar os obxectivos previstos, aumentando os pases de cultivador e utilizando as técnicas de cultivo axeitadas.

4. Na aplicación de funxicidas deberanse seguir as seguintes recomendacións:

-En períodos de forte crecemento vexetativo en fase previa ou de inicio da enfermidade usaranse preferentemente produtos sistémicos.

-Unha vez acadada a planta o pleno desenvolvemento, poderá permitirse a aplicación de produtos de contacto e penetrantes.

-Nos casos nos que resulte necesario, será sempre recomendable incrementar o número de tratamentos fronte ao aumento nas doses sen repetir as aplicacións co mesmo produto máis de 2 ou 3 veces seguidas.

5. Os tratamentos insecticidas realizaranse con produtos pouco agresivos, a excepción dos casos nos que a praga a combater cree resistencia, en cuxo caso incrementarase a agresividade da fórmula. As aplicacións serán basicamente contra pulgón, mosca branca, mosca da semente, araña vermella e verme do chan.

6. Os regos deberán ser frecuentes aínda que sen exceso de auga para evitar o encharcamento, e distribuíndose de xeito uniforme por todo o cultivo.

As formas de rega preferentes serán as de ao pé, por goteo ou por exudación, co obxecto de controlar as achegas de auga.

Artigo 11º.-Recolleita e transporte.

1. A recolleita realízase desde finais de agosto ata finais de novembro, podendo determinar o Consello Regulador para cada campaña o inicio da colleita e normas complementarias desta, en función do estado de madurez das plantas e a cor dos casulos.

2. A recolleita poderá realizarse de modo manual, na planta sobre o terreo, recollendo casulo a casulo, ou procedendo á arrinca da planta para o seu posterior secado en lugares axeitados.

3. A debulladura poderá realizarse de forma mecánica ou manual.

4. O transporte das fabas realizarase por separado, en vehículos acondicionados para o efecto.

5. O almacenamento na explotación deberá ser realizado de forma hixiénica e adecuadamente separado de calquera outro produto.

Artigo 12º.-Almacenamento, conservación e envasado.

1. Os locais de almacenamento e conservación deberán posuír as adecuadas condicións hixiénico-sanitarias.

2. Unha vez nos almacéns ou plantas envasadoras, a produción someterase ao seguinte proceso:

a) Limpeza e peneira, separando os grans dos corpos estraños e impurezas.

b) Selección, eliminando os grans defectuosos.

c) Conxelación en instalación adecuada, un mínimo de 48 horas, a unha temperatura de -20ºC ou inferior, para evitar a aparición de gurgullo e a conseguinte deterioración das características físicas e organolépticas na produción final. Non se empregarán tratamentos químicos para a conservación do produto.

d) Xebradura e selección: clasificación por tamaños e categorías, e eliminación das producións que non cumpran os requisitos establecidos no prego de condicións e demais normas de aplicación.

e) Almacenamento: conservación das fabas en locais frescos e secos, permanecendo así ata o momento do seu envasamento.

3. O envasamento realizarase mediante o emprego de maquinaria dosificadora automática ou semiautomática. Caso de envasado manual, deberán estar adecuadamente garantidas as condicións hixiénicas do proceso.

4. O envasamento realizarase na zona xeográfica delimitada para garantir a trazabilidade e o control do produto, así como para manter os caracteres típicos da Faba de Lourenzá e salvagardar a súa calidade.

5. Con carácter xeral, utilizaranse envases de 0,5 e 1,0 kg. de capacidade con destino ao consumidor final. O Consello Regulador, logo de solicitude do envasador, poderá autorizar, logo de informe favorable do órgano de control, envases con outros contidos, adecuándose sempre á lexislación vixente sobre a materia. Esta circunstancia deberá incluírse no Manual de calidade.

Artigo 13º.-Comercialización do produto.

1. Para a súa comercialización as fabas deberán pertencer ás categorías extra ou primeira, definidas na Orde do 16 de novembro de 1983, pola que se aproba a Norma de calidade para determinados legumes secos e legumes mondados, envasados, destinados ao mercado interior, ou a norma que a substitúa.

2. As fabas amparadas pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá deberán ser comercializadas en envases novos, limpos e de materiais axeitados, debendo estar autorizados no Manual de calidade.

3. A produción amparada deberá cumprir unha calidade mínima, debendo responder ás seguintes características:

-Enteiras e limpas.

-Sas e exentas de balor, podremias, insectos e parasitos.

-Exentas de olores e/ou sabores estraños.

-Exentas de defectos externos, manchas, feridas, deformacións ou coloracións.

4. Na etiquetaxe do produto comercializado deberá figurar, cando menos, o ano da colleita.

CAPÍTULO III

Control e certificación do produto

Artigo 14º.-Control e certificación.

1. O Ingacal realizará o control e certificación das fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos, estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal co obxecto de verificar que os produtos que presenten a indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións das plantacións e instalacións, revisión da documentación e análises organolépticas e, de ser o caso, físico-químicas, da materia prima e do produto envasado.

4. O proceso de control e certificación implicará a toma de mostras aleatoria por partidas ou lotes homoxéneos, que se someterán a análises das súas características físicas, físico-químicas e organolépticas, sendo estas últimas avaliadas polo Panel de Cata ao que se refire o artigo 15 deste regulamento.

5. No caso de que se constate calquera tipo de incumprimento nas características das fabas, ou que na súa produción, acondicionamento ou conservación non se cumprisen os preceptos deste regulamento, do Manual de calidade, e das demais disposicións legais que lles afecten, as fabas non serán certificadas. Neste caso, o órgano de control poderá levantar unha non conformidade, que será comunicada ao interesado para que a emende no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicarlle ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

6. Cando as irregularidades detectadas polo Ingacal poidan ser constitutivas de infracción, dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

7. As fabas non certificadas, ademais de perder o dereito ao uso da denominación, deberán permanecer inmobilizadas e perfectamente identificadas, baixo o control do Ingacal. Para proceder ao seu movemento, será necesario comunicarllo ao instituto con antelación suficiente, para que este poida adoptar as medidas de control que considere oportunas.

Estas fabas poderán ser utilizadas para obter outros produtos ou para consumo directo se a alteración ou defecto non constitúe perigo para o consumo, pero empregando outras marcas ou distintivos, sen o amparo da indicación e sempre baixo o control do Ingacal.

8. No Manual de calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control das fabas, e incluso tamén das partidas defectuosas ou non certificadas, garantindo a orixe, pureza e calidade do produto amparado pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá.

9. As fabas amparadas pola indicación xeográfica protexida con destino ao consumo, levarán unha contraetiqueta numerada que será controlada, subministrada e expedida polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no Manual de calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 15º.-Comités de Cualificación e de Apelación.

1. O Ingacal disporá dun Comité de Cualificación ou Panel de Cata dos produtos que opten a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, formado como mínimo por tres expertos.

2. O Panel de Cata terá como misión emitir informe sobre a calidade dos produtos que opten a ser amparados pola indicación. Poderá contar cos asesoramentos técnicos que considere necesarios.

3. Para a revisión das decisións do Panel de Cata, crearase un Comité de Apelación formado tamén por expertos no produto e cuxo ditame non poderá ser obxecto de revisión.

4. O Ingacal, á vista das análises físicas, fisico-químicas, do informe sobre a análise sensorial emitido polo Comité de Cualificación, e, de ser o caso, o de Apelación, así como os demais datos sobre o produto, resolverá o que proceda en relación coa certificación do produto.

5. No Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas estableceranse as normas precisas para a constitución e funcionamento do Panel de Cata e o Comité de apelación.

Artigo 16º.-Control da produción.

O Ingacal verificará en cada campaña as cantidades de faba certificada pola indicación xeográfica que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita no rexistro de envasadores, para comprobar que é correcta a súa relación coas cantidades producidas ou adquiridas aos produtores censados no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas cultivadas na campaña.

Artigo 17º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, recolleita, almacenaxe, envasamento e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade das fabas certificadas pola indicación xeográfica, as persoas físicas ou xurídicas titulares de plantacións e as titulares de instalacións de almacenaxe e envasamento estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións de faba susceptible de ser amparada pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, presentarán ao Ingacal, ao comezo da campaña, declaración da sementeira realizada, especificando:

-Superficie e quilogramos de faba sementados.

-Número, nome e localización das parcelas utilizadas con tal fin.

-Calquera outro dato que no seu momento o Ingacal poida considerar necesario.

b) Todas as firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasamento levarán un libro de control, segundo modelo adoptado no Manual de calidade, no que figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

-Cantidade e procedencia das fabas adquiridas.

-Cantidade de faba envasada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá.

-Calquera outro dato que no seu momento o Ingacal poida considerar necesario.

Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes, presentarán ao Ingacal unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente con fotocopia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. As declaracións especificadas neste artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 18º.-Circulación do produto.

Toda expedición de fabas con dereito a protección que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación expedido polo Ingacal, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 19º.-Almacenaxe e envasado de produto non protexido.

As instalacións de almacenaxe e as plantas envasadoras inscritas que manipulen ou envasen fabas non protexidas pola indicación xeográfica, farano constar expresamente no momento da súa inscrición e, ademais, someteranse ás normas establecidas no Manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe, separación do produto e procesamento, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola indicación xeográfica.

CAPÍTULO IV

Rexistros

Artigo 20º.-Rexistros do Consello Regulador.

1. O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de plantacións.

b) Rexistro de almacéns e instalacións de envasamento.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros citados, será necesario que tanto as plantacións como os almacéns e instalacións estean situadas na zona de produción e envasado definida no artigo 5º deste regulamento.

Artigo 21º.-Rexistro de plantacións.

1. Neste rexistro inscribiranse todas as plantacións que, estando situadas na zona de produción e reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de calidade, queiran destinar toda ou parte da súa produción de fabas a ser envasadas e comercializadas baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá.

2. Na inscrición figurará:

-Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

-Código de explotación agraria (CEA).

-Relación das parcelas nas que estea previsto cultivar fabas susceptibles de seren amparadas pola indicación xeográfica, identificadas mediante as súas respectivas referencias no Sistema de Información Xeográfica da Política Agrícola Común, SIXPAC.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas inscritas.

Artigo 22º.-Rexistro de almacéns e instalacións de envasamento.

1. No rexistro de almacéns e plantas envasadoras inscribiranse todas aquelas instalacións de almacenaxe e envasado situadas na zona de produción que así o soliciten e que reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no Manual de calidade, queiran almacenar e envasar fabas que poidan optar a ser amparadas pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá.

2. Na inscrición figurará:

-Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

-Enderezo ou domicilio social.

-Localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións.

-Capacidade de almacenaxe.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación dos almacéns inscritos.

-No caso de sociedades exixirase inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

-Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Tamén se xuntará copia de:

-Inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias.

-Inscrición no Rexistro Sanitario ou autorización sanitaria de funcionamento.

-Acreditación de calquera outro requisito establecido pola lexislación vixente.

-Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación dos almacéns e das plantas envasadoras.

Artigo 23º.-Procedemento para a inscrición nos rexistros.

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no Manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao Ingacal, para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, tras o informe favorable do Ingacal, o Consello Regulador entregaralle ao interesado un certificado acreditativo da inscrición indicando a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido no parágrafo 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, o Ingacal denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumprisen os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador. Contra esta decisión poderá interpoñerse recurso de alzada ante a consellaría competente en materia de agricultura.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, e especialmente no Rexistro de industrias agrarias, se é o caso, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 24º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da indicación xeográfica e demais normativa de aplicación, debendo comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender provisional ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, despois da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada catro anos no caso dos produtores, e dous anos no caso dos almacéns e instalacións de envasamento. O Ingacal fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 25º.-Baixa nos rexistros.

1. A inscrición nos rexistros é voluntaria, o mesmo que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para proceder a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Quen se dea de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

CAPÍTULO V

Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 26º.-Dereito ao uso da denominación.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións e almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 20º, poderán destinar a súa produción a ser amparada pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá.

2. Unicamente as fabas que se obteñan de acordo coas condicións establecidas neste regulamento, no prego de condicións e no Manual de calidade, nas plantacións inscritas no correspondente rexistro, poderán ser amparadas pola IXP Faba de Lourenzá.

3. Do mesmo xeito, só poderán obter o amparo da IXP Faba de Lourenzá as fabas almacenadas e envasadas nos almacéns e instalacións de envasamento inscritos nos rexistros do órgano de control.

4. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, o Consello Regulador poderá autorizar que nos envases de fabas procesadas se indique que están elaborados con fabas amparadas pola IXP Faba de Lourenzá cando a materia prima estea controlada polo Instituto Galego de Calidade Alimentaria e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no Manual de calidade.

Artigo 27º.-Obrigas xerais.

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento, así como no Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas. Tamén estarán sometidos aos acordos que dentro das súas competencias, adopten a consellería, o Consello Regulador e o Ingacal.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poderen beneficiarse dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente ás persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 38º.4 deste regulamento, o incumprimento do indicado nos parágrafos 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito, tras a decisión do pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser recorrida perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 28º.-Marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais, axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. Ademais, de conformidade co disposto no parágrafo 6º do artigo 9 da Lei 2/2005 e no parágrafo 3 do artigo 12 do citado decreto, as marcas comerciais que se utilicen en produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá non poderán ser utilizadas noutras fabas que non estean acollidas á súa protección.

Artigo 29º.-Etiquetaxe.

1. As etiquetas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá axustaranse, con carácter xeral, ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe, así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas das fabas amparadas, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá, ou a súa tradución ao castelán e, optativamente, o seu logotipo, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Artigo 30º.-Logotipo da denominación.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá adoptará como logotipo da indicación o que figura no anexo II deste regulamento.

2. No exterior dos locais das empresas inscritas deberá figurar nun lugar destacado, unha placa onde se reproduza o logotipo da indicación xeográfica de acordo co que se estableza no Manual de calidade.

3. Os establecementos de venda polo miúdo e os da restauración que comercialicen produto da indicación xeográfica poderán utilizar o seu logotipo para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor.

CAPÍTULO VI

O Consello Regulador

Artigo 31º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá constitúese como corporación de dereito público, á que se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores; e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica de seu, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola denominación, en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasamento, circulación e comercialización e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 32º.-Órganos de goberno do Consello Regulador.

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia, a Vicepresidencia primeira, a Vicepresidencia segunda e a Comisión Permanente.

Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 33º.-O Pleno. Composición e funcións.

1. O Pleno está constituído por:

-Tres vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de plantacións inscritas no rexistro correspondente.

-Tres vogais en representación do sector industrial, elixidos democraticamente por e entre os titulares inscritos no rexistro de almacéns e instalacións de envasamento.

2. O número de vogais que se elixirán e a súa repartición entre os distintos censos e subcensos poderase alterar na correspondente orde de convocatoria electoral co fin de adecuar a composición do Pleno á realidade cambiante da denominación e ás exixencias dunha axeitada representación dos intereses económicos e sociais contidas no Decreto 4/2007, do 18 de febreiro. Para incluír esta modificación na orde de convocatoria electoral será necesario o voto favorable das tres quintas partes do Pleno.

3. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario do Consello Regulador.

4. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados, que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

5. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 34º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros, sendo necesaria na primeira votación o apoio de máis da metade destes.

2. O presidente ou presidenta non ter por qué ter a condición previa de vogal. No caso de que así fose, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 35º.-As vicepresidencias.

1. O Consello Regulador terá dúas vicepresidencias. Unha será desempeñada por unha persoa elixida por e entre vogais representantes do sector produtor, e a outra será exercida por unha persoa elixida por e entre os vogais do sector industrial.

As vicepresidencias serán rotatorias no tempo de mandato. No primeiro pleno que celebre o Consello Regulador logo da súa constitución e nomeamento da presidencia e vicepresidencias, acordarase cal das dúas vicepresidencias é a primeira durante os dous primeiros anos de mandato. De non haber acordo, decidirase por sorteo.

2. As persoas que exerzan as vicepresidencias substituirán, pola súa orde de prelación, ao presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. As vicepresidencias exercerán, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 36º.-A Comisión Permanente.

A Comisión Permanente estará formada pola Presidencia, as dúas vicepresidencias e, se así o decide o Pleno, por un ou varios dos seus vogais.

O Pleno do Consello Regulador establecerá cales son as funcións específicas que se lle encargan. Todas as resolucións que adopte a comisión permanente seranlle comunicadas ao pleno na primeira reunión que este celebre.

Artigo 37º.-O persoal do Consello Regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Tamén poderá asinar convenios de colaboración co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente acorden en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario, designado polo pleno, que terá como funcións específicas as sinaladas na alínea 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007. O devan dito secretario poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrito ao do Ingacal.

CAPÍTULO VII

Réxime económico

Artigo 38º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, os consellos reguladores poderán contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria, así como no seu Regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme coa citada normativa, establécense neste regulamento as seguintes cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Titulares das plantacións:

-Cota de inscrición: 30 euros. Satisfarase por unha vez, no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: 15 euros. Satisfarase con periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita da inspección.

-Cota pola actividade na denominación: aboarase anualmente o equivalente ao 0,25% do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie declarada, o rendemento agronómico e o prezo medio percibido polos agricultores.

b) Titulares dos almacéns e instalacións de envasamento.

-Cota de inscrición: 60 euros. Satisfarase unha vez, no momento da alta no Consello Regulador.

-Cota de renovación rexistral: 30 euros. Pagarase con periodicidade bianual, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

-Cota en función da actividade do inscrito na denominación, que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota será do 0,25% do valor do produto certificado, calculado en función do prezo medio de venda en orixe.

3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada campaña os rendementos por hectárea e os prezos unitarios da faba, en campo e na industria, para os efectos do cálculo das cotas correspondentes. Cando non se fixen novos valores, enténdense vixentes os da campaña anterior.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada tipo de cota. En caso de non se satisfacer o pagamento no prazo voluntario, o Consello Regulador poderá exixir o pagamento da cota cunha recarga de ata o 30% no prazo adicional que se estableza. En caso de que no devan dito prazo adicional non se realizase o pagamento, o inscrito poderá ser suspendido nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano o inscrito non liquidara a débeda, poderá ser dado de baixa definitivamente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo co artigo 25º.

CAPÍTULO VIII

Réxime electoral

Artigo 39º.-Réxime electoral do Consello Regulador.

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

CAPÍTULO IX

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 40º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Faba de Lourenzá é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria de Galicia.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

ANEXO II

Ver referencia pdf "16500D006P029.PDF"