DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 29 de agosto de 2008 Páx. 16.279

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

DECRETO 182/2008, do 31 de xullo, polo que se establece a promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e se determinan os requisitos para a súa validación e funcionamento, nos termos establecidos na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

A reflexión en torno á conciliación da vida familiar e laboral xurdiu con forza debido á progresiva entrada das mulleres no mercado laboral. Este acceso ao traballo retribuído fixo visible a dobre xornada laboral das mulleres e puxo de manifesto as tensións entre dous traballos, o doméstico e de coidados por un lado e o mercantil por outro, difíciles de compatibilizar.

A este feito hai que engadir que a aplicación de políticas económicas de axuste estrutural en case todos os países do mundo recortaron nos últimos anos as políticas sociais; deste modo, nunha parte dos estados europeos víronse recortados os servizos relacionados co coidado das persoas dependentes que se desprazaron ao que tradicionalmente foi considerado o seu lugar natural, a familia.

Doutro lado, estes programas de axuste estrutural, de carácter neoliberal, están actuando en detrimento dos dereitos das traballadoras e os traballadores ao impoñer programas de flexibilización do tempo de traballo, sen que ata agora leve acompañada a dotación dos recursos públicos necesarios que permitan facer compatible esa flexibilización coas necesidades que derivan da atención e os coidados. O resultado de todo iso é que as mulleres traballan moito máis que antes de acceder ao mercado laboral remunerado, e lonxe de reducirse o seu traballo doméstico e de coidados, en moitos casos estase ampliando ou ben se debe recorrer a contratar a outras mulleres para suplir unha parte deste antigo traballo.

Sen embargo, este tipo de solucións teñen un carácter privado e en última instancia confirman que as tarefas reprodutivas e de coidados en grande medida aínda forman parte da privacidade dos individuos.

A consecuencia é o aumento do traballo das mulleres, o retribuído e o non retribuído, que sitúa a este segmento de poboación ante unha nova e dobre fonte de desigualdade. Sen embargo, non hai que esquecer que o segmento de poboación de mulleres que ten que afrontar a dobre xornada laboral non é un segmento monolítico, pois as mulleres que forman parte dos sectores sociais máis favorecidos poden afrontar en mellores condicións esta dobre xornada a través novamente de solucións privadas e individuais.

A sociedade continúa actuando como se se mantivera o modelo de familia tradicional, é dicir, cunha muller ama de casa a tempo completo que realiza todas as tarefas de coidados necesarias. E se esa muller quere incorporarse ao mercado laboral, é a súa responsabilidade individual resolver previamente a organización familiar.

Unha das preocupacións da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, é a de proporcionar recursos suficientes ás mulleres máis vulnerables socialmente para que poidan integrarse no mercado laboral en condicións de igualdade e acaden novos espazos de autonomía persoal.

O obxectivo é precisamente ofrecer solucións non só a esta inxustiza tan xeneralizada senón tamén ao que é a todas luces unha disfunción social que provoca malestar social entre as mulleres, en termos de saúde física e mental, entre outras colocando o problema no seu sitio, que non é outro que o de trasladar a suposta responsabilidade individual das mulleres á sociedade na súa totalidade.

Para a Xunta de Galicia a reprodución humana e a súa vinculación co traballo remunerado, constitúese en moito máis que nun problema privado das mulleres, e considérase que debe ser obxecto de contratación e negociación política, e as súas posibles solucións deberán ser colectivas e públicas, porque se considera que os enfoques e análises parciais centrados no mercado laboral que relegan as tarefas de coidados a unha categoría sen importancia social nin económica están incapacitados para ofrecer verdadeiras alternativas de cambio á sociedade.

A obriga dos poderes públicos é reorganizar socialmente, de forma máis xusta, a compatibilidade entre traballos de produción e de reprodución, tarefa que debe ser asumida paritariamente no ámbito da familia e da sociedade e facilitada polas institucións políticas e públicas.

Hai xa anos que os movementos de mulleres formularon publicamente a cuestión de saber como conciliar os tempos de vida (domésticos, parentais e privados) cos de traballo remunerado. Este debate permitiu dirixir aos poderes públicos unha demanda de reaxuste dos horarios das cidades, a nivel de servizos públicos, laborais e comerciais. Unha demanda bastante futurista se se pensa que actualmente, tal organización de horarios privados e públicos está lonxe de realizarse.

As mulleres levaron o debate de harmonizar os tempos da vida aos diferentes lugares da sociedade civil, propoñendo cambiar os tempos para mellorar a vida e esta reflexión toma unha dimensión institucional na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, que impulsa a posibilidade dos concellos de administrar de forma autónoma os horarios públicos e privados da súa cidade segundo as exixencias e as necesidades da cidadanía.

O debate público deu paso a unha reflexión máis ampla sobre a organización, aparentemente anodina, das actividades públicas e privadas no espazo social de convivencia, observando que esta organización reflicte unha idea sobre as vivencias da cidadanía en que a pertenza a un xénero atravesa a nosa visión do tempo, que difire segundo este se pense e se use en masculino ou en feminino.

Para amplos sectores da cidadanía e o pensamento actual, o tempo de traballo non constitúe máis que un dos aspectos de identidade que une as persoas coa sociedade xunto co tempo doméstico, de coidados e de ocio. As mulleres e tamén os homes reivindican hoxe a posibilidade de vivir plenamente estes diferentes tempos. Pero, a pesar dos debates e da apertura recente sobre o tema da repartición de tarefas, os datos demóstrannos que aínda se dá un efecto de xénero na repartición dos roles, que non se pode subestimar cando se trata de abordar a cuestión dos tempos sociais.

Na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, intégranse todos estes cuestionamentos sobre os tempos sociais e establécese un conxunto de normas converxentes que, baseándose na perspectiva do respecto aos tempos individuais de vida e non nas obrigas dun tempo de traballo uniformizado, permitirán facilitar que mulleres e homes constrúan o seu proxecto vital adaptándoo á súa situación laboral, social e familiar.

Inténtase, pois, promover novidades metodolóxicas de xestión dos tempos para a conciliación, apoiando a xestión e a coordinación dos tempos da cidade co obxectivo de que cada persoa sexa cidadá do seu tempo.

O debate sobre os tempos sociais non trata de reflexionar sobre a redución do tempo de traballo senón de trasladar a centralidade do tempo fóra do ámbito laboral, trata de mellorar a vida das mulleres e dos homes e, en definitiva, de construír espazos de convivencia máis amables e igualitarios.

Neste senso, os bancos de tempo son sistemas de intercambios locais que contribúen a crear vínculos sociais grazas á súa forma de funcionamento e aos servizos rendidos. O valor tempo é utilizado como única unidade de conta para os intercambios de servizos entre os membros dos bancos, e os servizos intercambiados tratan sobre todo da xestión do cotián.

No conxunto do debate público sobre os tempos sociais, esta experiencia de economía solidaria permitirá recoñecer na práctica a articulación complexa dos tempos de traballo, de ocio, parental, doméstico e colectivo.

Cando se sabe que nos países europeos onde se están a dar políticas de redución do tempo de traballo isto significa un verdadeiro incremento de tempo liberado, os bancos de tempo demostran que é posible a utilización colectiva dese tempo fóra do traballo.

Todo isto porque as ideoloxías emancipadoras e transformadoras da sociedade non poden aspirar unicamente a instaurar as tradicionais medidas de conciliación, debido precisamente a que a súa xénese é a crítica á desigualdade, teñen que dirixir o seu obxectivo a transformar a sociedade.

Esta nova realidade formula a necesidade da intervención da Administración pública desde unha política proactiva que posibilite un novo uso dos tempos e diminúa a carga de traballo das mulleres e dos homes; unha forma de avanzar cara a esa realidade constitúena diversas experiencias e actuacións, enmarcadas no ámbito da conciliación dos diferentes tempos de vida articulados como instrumentos que pretenden servir de apoio nas tarefas ligadas á esfera reprodutiva.

É manifesto que o debate sobre a utilización dos tempos e a solidariedade para o intercambio de tarefas que permita a rendibilidade do tempo de todas as persoas que forman parte da nosa sociedade, é unha exixencia que non pode demorarse por máis tempo.

É tarefa das políticas de igualdade crear as condicións para que as persoas poidan desempeñar as tarefas domésticas e de coidados e as mercantís, pero coa vista posta en que esta nova reorganización debe pasar pola repartición paritaria entre homes e mulleres das tarefas de reprodución e polo establecemento de políticas públicas que persuadan aos distintos actores sociais, homes, mulleres, institucións políticas, administracións, de que a sustentabilidade da vida é tarefa colectiva e non de cada unha das mulleres.

A Constitución española, no seu artigo 9.2º, establece que «corresponde aos poderes públicos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social».

Así mesmo, no seu artigo 14, a Constitución española recoñece que «os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer ningunha discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social».

Tamén no seu capítulo III, dos principios reitores da política social e económica, establece o dereito á axeitada utilización do ocio, no acceso á cultura, ao goce dun ambiente axeitado apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.

Atendendo a estes mandados, elaborouse a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, cuxo título VI, sobre promoción autonómica das medidas municipais de conciliación recolle nos seus capítulos I e II, a creación e o desenvolvemento dos bancos municipais de tempo e os plans de programación do tempo da cidade.

Este decreto, en desenvolvemento do establecido no título VI da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, ten a súa base no establecido no artigo 4 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, que sinala que lles corresponde aos poderes públicos galegos promoveren as condicións para que a liberdade e igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, removeren os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitaren a participación dos galegos na vida política, económica, cultural e social; no artigo 27.24º que atribúe a comunidade autónoma a competencia exclusiva na promoción do desenvolvemento comunitario, no artigo 30.I.1, que atribúe a competencia exclusiva para o fomento e planificación da actividade económica e no artigo 29.1º, que lle outorga a competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral.

O decreto artéllase en cinco capítulos que abranguen 23 artigos, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo primeiro establécese o obxecto, as entidades beneficiarias e a definición da promoción autonómica das medidas municipais de conciliación. Nos seguintes capítulos trátase consecutivamente da validación, seguimento e control das medidas municipais de conciliación; as funcións das medidas e requisitos para a súa implantación; o asesoramento autonómico para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación, e a comisión de persoas expertas en conciliación.

Na disposición transitoria recoñécese a posibilidade de solicitar a validación aos concellos que teñan implantadas medidas de conciliación con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

En virtude das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, por proposta do conselleiro de Traballo, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta, na súa reunión do día trinta e un de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Obxecto, clases e delimitación conceptual, ámbito de aplicación e entidades destinatarias da promoción autonómica das medidas municipais de conciliación

Artigo 1º.-Obxecto da promoción autonómica das medidas municipais de conciliación e dos plans locais de conciliación.

1. É obxecto deste decreto, sen prexuízo de calquera outra medida que poida ser adoptada polos diferentes departamentos da Administración autonómica no ámbito da súa competencia, o desenvolvemento regulamentario da promoción autonómica das medidas adoptadas polos concellos coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, co obxectivo final de acadar a corresponsabilidade entre mulleres e homes.

2. A promoción autonómica das medidas municipais de conciliación, dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, abarcará con carácter preferente os plans locais de conciliación.

Artigo 2º.-Clases de medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

A promoción autonómica de medidas municipais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, comprenderá:

a) Os bancos municipais de tempo, os plans de programación do tempo da cidade, e/ou a implantación de calquera outra medida de conciliación, e os plans de conciliación local.

b) O asesoramento autonómico para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación.

Artigo 3º.-Concepto de medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

1. Os bancos de tempo, conforme o artigo 43.1º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, facilitaranlles ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral.

As prestacións dos bancos de tempo articularanse a través dun sistema de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre persoas dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.

2. Conforme o artigo 47 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, os plans de programación do tempo da cidade elaborados polos concellos pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas exixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía.

3. Para os efectos deste decreto, enténdese por outras medidas municipais de conciliación aquelas propostas de actuación elaboradas polos concellos, sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes por medio de facilitar a unhas e outros a conciliación dos seus tempos persoais, familiares e laborais.

4. Os plans locais de conciliación son o conxunto coordinado de medidas adoptadas por un concello coa finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, e deberán incluír a constitución dun banco municipal de tempo e encontrarse vixente no concello un Plan de programación do tempo da cidade, sexa municipal ou supramunicipal.

Artigo 4.º-Ámbito de aplicación.

Este decreto será de aplicación ás medidas de conciliación realizadas polos concellos de Galicia, dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, sempre e cando reúnan os requisitos exixidos nesta norma.

Artigo 5º.-Entidades beneficiarias da promoción autonómica para a implantación de medidas municipais de conciliación.

Poderán ser beneficiarias da promoción autonómica de medidas municipais de conciliación dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, os concellos, individualmente ou asociados entre eles, con independencia de que a xestión das medidas se realice por si mesmas ou a través doutras entidades públicas ou privadas dependentes ou vinculadas a eles, sempre que estas últimas dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficiente para a execución das correspondentes medidas municipais de conciliación.

No caso de que a xestión das medidas se realice a través doutras entidades privadas dependentes ou vinculadas a eles, terán preferencia os concellos que conten coa colaboración de entidades sen ánimo de lucro que radiquen no seu ámbito de desenvolvemento.

Artigo 6º.-Tipos de medidas de promoción autonómica.

1. As medidas municipais de conciliación que cumpran os requisitos establecidos neste decreto, e unha vez rexistradas, poderán ser susceptibles de acceder aos seguintes tipos de axudas que establecerá o departamento competente en materia de traballo:

a) Subvencións aos bancos de tempo para contratación de persoal xestor, adquisición e mantemento dos activos mobiliarios, coordinación e cooperación.

b) Contratación de persoal para facilitar o descanso dous días ao mes a persoas con dependentes baixo o seu coidado, entendendo a dependencia segundo o recollido na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia.

c) Subvencións aos plans de programación do tempo da cidade para cubrir custos sociais do persoal propio, compensación da persoa responsable do plan, gastos das convocatorias da mesa de concertación e fondo de manobra para axudas directas aos suxeitos privados que asumisen compromisos sobre horarios da cidade.

d) Subvencións a outras actuacións que, segundo o establecido neste decreto, poidan ter a consideración de medidas municipais de conciliación.

2. As contías que se prevexan nas subvencións veranse incrementadas no caso de que o concello ou os concellos implanten un Plan local de conciliación.

3. A promoción autonómica comprenderá o asesoramento autonómico para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación.

4. A contratación, organización e dirección do persoal a que se refire este artigo farase por conta da entidade local ou entidade dependente ou vinculada, mediante a modalidade contractual máis adecuada, de acordo coa normativa vixente. A concesión e goce destas subvencións non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

Capítulo segundo

A validación, seguimento e control das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica

Artigo 7º.-Competencias na validación, seguimento e control das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

1. Correspóndelle ao departamento competente en materia de traballo, a través da Unidade Administrativa de Igualdade, a validación, o seguimento e o control das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

2. Para os efectos do exercicio das competencias establecidas no parágrafo anterior, o departamento competente en materia de traballo actuará en coordinación co departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade. Para tal fin, a persoa que desempeñe a xefatura da Unidade Administrativa de Igualdade do departamento competente en materia de traballo, e a persoa de igual rango administrativo designada polo departamento da Administración autonómica con competencias en materia de igualdade, reuniranse de xeito periódico, e cando menos unha vez cada dous meses, para fixar criterios xerais de actuación, solventar problemas aplicativos, e decidir sobre calquera outra cuestión que puidese xurdir no exercicio das competencias de validación, seguimento e control das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, dentro do ámbito de desenvolvemento da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Poderán acudir ás reunións, por solicitude de calquera das dúas persoas, unha ou varias persoas expertas en conciliación.

3. Na Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, existirá un catálogo público de medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, que ten por obxecto o seu coñecemento xeral e o seguimento da implantación das medidas validadas.

Calquera inclusión no catálogo será, con carácter previo, posto en coñecemento por quen desempeñe a xefatura da Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, á persoa designada pola persoa titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de igualdade.

4. A concesión da validación como medidas municipais de conciliación de promoción autonómica por parte do órgano competente implicará a anotación de oficio no correspondente catálogo creado para os exclusivos efectos do disposto na Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo 8º.-Solicitude de validación.

A validación da medida municipal de conciliación de promoción autonómica será solicitada, conforme o modelo do anexo I, II ou III deste decreto, dirixido á secretaría xeral do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, por parte da persoa que ten a titularidade ou representación legal da entidade de que dependa a medida de conciliación que se vaia implantar ou xa implantada.

A solicitude poderá ser presentada por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Documentación.

A solicitude de validación da medida municipal de conciliación de promoción autonómica irá acompañada de copia compulsada da seguinte documentación:

1. Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos materiais a que se fai referencia no artigo 15 e, en concreto:

a) Declaración expedida pola persoa titular ou representante legal da entidade solicitante, da existencia de mobiliario, equipamento telefónico e fax, así como equipamento informático que asegure a comunicación vía internet, destinado á realización das funcións necesarias para o desenvolvemento da medida que se vaia implantar ou xa implantada.

b) Declaración expedida pola persoa titular da entidade solicitante en que se acredite a dispoñibilidade, a través de calquera forma admitida en dereito, de locais adecuados para a realización de actividades, encontros, etc.

2. Proxecto-memoria explicativa da medida municipal de conciliación de promoción autonómica que se vaia implantar ou xa implantada, con especificación dos fins, programas, período de actividades, medios técnicos e financeiros, número de persoas participantes e/ou beneficiarias da devandita medida.

3. Relación detallada do persoal, con indicación da dedicación horaria, perfil profesional, formación en materia de xénero e igualdade e adscrición de funcións, con referencia expresa da persoa responsable do desenvolvemento da medida municipal de conciliación.

Artigo 10º.-Tramitación e resolución da solicitude.

1. A tramitación dos expedientes será realizada pola Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, e conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no disposto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da comunidade autónoma ás citadas leis.

Para tal efecto, daráselle traslado do expediente á persoa do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de igualdade a que se refire o artigo 7 deste decreto, co fin de que manifeste o seu parecer en relación ás medidas propostas e, de ser o caso, poida solicitar a emisión dun asesoramento polas persoas expertas en conciliación.

2. A persoa titular da secretaría xeral do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, ditará resolución motivada que será notificada ás entidades solicitantes.

3. A resolución do expediente deberá producirse nun prazo de seis meses contados desde o día de entrada da solicitude. Transcorrido o citado prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse estimatoria.

4. A resolución da persoa titular da secretaría xeral esgota a vía administrativa, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada

Artigo 11º.-Concesión.

A obtención da validación dunha medida municipal de conciliación de promoción autonómica permitirá que a entidade de que dependa poida participar nas convocatorias de axudas que se establezan para o efecto, ben que o dereito a súa obtención quedará condicionado ás bases das ditas convocatorias e á normativa aplicable en materia de subvencións.

Artigo 12º.-Extinción da validación.

1. A validación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica poderá extinguirse por:

a) Solicitude da entidade titular.

b) Perda das condicións e requisitos exixidos.

2. A extinción da validación será acordada mediante resolución motivada da secretaría xeral do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, por proposta da Unidade Administrativa de Igualdade, con coñecemento da persoa designada pola persoa titular do departamento de igualdade a que se refire o artigo 7 e logo do correspondente trámite de audiencia.

3. Unha vez ditada resolución declarativa da extinción da validación como medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, e esgotada a vía administrativa, cancelarase de oficio por parte do órgano competente a inclusión na relación practicada.

Artigo 13º.-Seguimento das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

1. Correspóndelle á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, realizar o seguimento das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica que sexan obxecto de financiamento previsto neste decreto, unha vez validadas e incluídas na correspondente relación.

2. Para o efecto de facilitar o desenvolvemento da tarefa de seguimento, o concello titular dunha ou varias medidas municipais de conciliación de promoción autonómica terá a obriga de:

a) Remitir á Unidade Administrativa de Igualdade unha memoria anual de actuacións en que se reflictan as accións desenvolvidas, o número de usuarias e usuarios ou persoas participantes nelas e cantos outros datos relacionados coa correspondente actuación se consideren oportunos.

b) Poñer á disposición da devandita unidade os datos referidos á correspondente medida solicitados por aquela en calquera período do ano.

c) Facilitar a realización de visitas ás actividades desenvolvidas por parte do persoal da Unidade Administrativa de Igualdade, logo de solicitude formulada por escrito por parte dela.

Capítulo terceiro

Requisitos para a implantación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica e función das persoas responsables da súa implantación

Artigo 14º.-Requisitos para a implantación das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica.

Os concellos desenvolverán as medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, dentro do seu ámbito territorial e na súa área de influencia, cumprindo cos requisitos que a continuación se relacionan:

a) A designación e, de ser o caso, a contratación do persoal de xestión das medidas que se vaian adoptar.

b) A identificación do equipo xestor/coordinador, detallándose a fórmula organizativa.

c) A presentación dun estudo das características do barrio, municipio ou mancomunidade, explicitando os servizos cos que conta, as demandas que se esperan, o tecido asociativo da zona, e cantos outros datos se consideren de interese para efectos da articulación de medidas municipais de conciliación.

d) Compromiso de dispor dun local coa dotación necesaria e os medios adecuados, incluíndo a identificación e situación do local e a súa dotación.

e) Orzamento e compromiso de financiamento dos gastos necesarios.

f) Presentación, de ser o caso, de compromiso de colaboración e cooperación nos termos que acorden asociacións, empresas ou entidades.

g) Relación de actividades que se desenvolverán, enumerándose o tipo de actividades obxecto de intercambio ou ás que se dará resposta desde a medida municipal de conciliación.

h) Presentación dunha memoria de necesidades e unha proposta dos medios que destinarán o concello ou concellos solicitantes.

i) Identificación da forma de contratación e os perfís profesionais, no suposto de que as medidas de conciliación as pretendan levar a cabo o concello ou concellos a través da contratación de persoas externas ao concello ou concellos.

Artigo 15º.-Funcións das persoas responsables das medidas municipais de conciliación de promoción autonómica

As entidades municipais, a través das persoas responsables designadas, desenvolverán as medidas municipais de conciliación de promoción autonómica, dentro do seu ámbito territorial e na súa área de influencia, asumindo as funcións e/ou prestando os servizos que a continuación se relacionan:

1. Serán funcións das persoas responsables dos bancos de tempo:

a) A elaboración e xestión dunha base de datos ou ferramenta mediante a cal se arquiven e actualicen os datos das persoas asociadas, levando un rexistro en que se recolla toda a información necesaria para realizar os intercambios -enderezo, tempos dispoñibles, actividade que demanda e actividade que oferta-, así como realizando a actualización dos datos e levando un rexistro de contas da efectividade dos ditos intercambios. Os servizos ofertados e demandados estarán relacionados, entre outros posibles, coas seguintes actividades:

-Realización de tarefas relacionadas co manexo das novas tecnoloxías.

-Axuda coas tarefas escolares.

-Realización de tarefas domésticas ou as relacionadas coa subministración doméstica ou reparacións domésticas.

-Axuda para a realización de xestións de índole administrativa.

-Acompañar en actividades relacionadas co tempo de lecer.

b) A elaboración dos documentos precisos para o funcionamento do banco municipal de tempo que, como mínimo, serán os seguintes:

-Un estudo sobre a forma xurídica máis axeitada, de entre as que se recollen no artigo 85 da Lei 7/1985, de bases de réxime local, para a prestación dos servizos propios do banco, coa indicación de cales serían os obxectivos do banco, a súa sede, os seus órganos de dirección, recursos, fontes de financiamento e normas de funcionamento.

-A carta de adhesión ou documento que asinan as persoas que se comprometen a participar no banco, en que se recollen as obrigas e beneficios que adquire a persoa adscrita.

-Catálogo de recursos ou documento informativo en que se detallan os servizos cos que se conta.

-Os talonarios de tempo ou documento que permite computar o tempo desfrutado e proporcionado no intercambio e facilitar o saldo de tempo das persoas adscritas.

-Boletín de servizos en que se informará das actividades e servizos que ofrece o banco con carácter periódico.

2. Serán funcións das persoas responsables dos plans de programación do tempo da cidade:

a) Establecer mecanismos que proporcionen a coordinación dos horarios da cidade, considerando estes os horarios de apertura e pechamento de oficinas públicas, comercios e servizos públicos ou privados con atención ao público, incluíndo actividades culturais, bibliotecas, espectáculos e transportes.

b) Constituír a mesa de concertación do plan de programación do tempo da cidade, en que participarán como mínimo os seguintes suxeitos:

-As administracións públicas implantadas no ámbito territorial do plan.

-As asociacións de mulleres con implantación no ámbito territorial do plan.

-As asociacións de consumidoras/es e usuarias/os con implantación no ámbito territorial do plan.

-Os sindicatos máis representativos no ámbito autonómico.

-As asociacións empresariais representativas no ámbito autonómico.

-As asociacións empresariais con implantación no ámbito territorial do plan.

-As asociacións de profesionais da agricultura, do artesanado ou do comercio con implantación dentro do ámbito territorial do plan.

-As asociacións de nais e pais de alumnado dos centros educativos do concello ou concellos implicados.

-As asociacións veciñais do concello ou concellos implicados.

c) Convocar, como mínimo unha vez ao ano ou cando se coide necesario, a mesa de concertación do plan, establecendo ao inicio de cada reunión as normas de funcionamento.

d) Comunicarlles ás entidades participantes na mesa de concertación os criterios exixibles de paridade para a representación nela.

e) Recoller e avaliar as propostas das entidades participantes na mesa de concertación e, de ser o caso, de particulares, para coñecer as necesidades de horarios da cidadanía.

f) Vixiar o cumprimento dos compromisos asumidos sobre horarios da cidade.

g) Dar conta anualmente das xestións realizadas ante o pleno de cada concello implicado no plan.

3. Serán funcións das persoas responsables doutras medidas municipais de conciliación de promoción autonómica todas aquelas necesarias para garantir o bo desenvolvemento das devanditas medidas, que se determinarán detalladamente no caso de existiren propostas adecuadas a conseguir o fin previsto.

Capítulo cuarto

O asesoramento autonómico

Artigo 16º.-O asesoramento autonómico para a elaboración e para a aplicación de medidas municipais de conciliación establecidas neste decreto.

A promoción autonómica das medidas municipais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras comprenderá o asesoramento aos concellos que as pretendan implantar ou que as teñan implantado, asesoramento que se prestará nos seguintes termos:

a) Asesoramento total, no senso de comprender calquera implicación en calquera campo de coñecemento, derivada da elaboración ou da aplicación das medidas municipais de conciliación.

b) Asesoramento permanente, no senso de que comprenderá tanto a fase de elaboración como a fase de aplicación, e mesmo asesoramentos posteriores á vixencia da medida, se derivasen da súa implantación.

c) Asesoramento gratuíto, no senso de non xerar ningún custo ao concello ou entidade local que teñan solicitado o asesoramento, e sempre que o asesoramento solicitado non se denegase por improcedente.

d) Asesoramento urxente, no senso de que se emitirá no prazo máis breve posible atendendo á magnitude do asesoramento e ao número de asesoramentos pendentes e, en todo caso, nun mes desde a solicitude.

e) Asesoramento motivado, no senso de ofrecer resposta razoada do asesoramento solicitado, axustándose ao senso de asesoramentos precedentes, salvo se houbese xustos motivos para separarse do criterio.

Artigo 17º.-Solicitude de asesoramento.

1. Os concellos que pretendan implantar ou que teñan implantado medidas municipais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras poderán solicitar asesoramento á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, nos termos establecidos no artigo anterior inmediato.

2. A solicitude de asesoramento realizarase a través de calquera medio de comunicación utilizado na xestión administrativa, deixando en todo caso constancia documental de ter realizado a dita solicitude.

Artigo 18º.-Xestión do asesoramento.

1. A Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo tramitará a solicitude do asesoramento solicitado, e convocará a persoa designada polo departamento da Administración autonómica competente en materia de igualdade a que se refire o artigo 7º para valorar a solicitude, podéndose requirir as persoas integrantes da comisión de persoas expertas en conciliación para a prestación íntegra do asesoramento ou para algún extremo concreto. En todo caso, o asesoramento será emitido por quen desempeñe a secretaría xeral do departamento competente en materia de traballo.

2. Se o asesoramento non tivese excesiva complexidade, poderase emitir no mesmo acto e de maneira verbal, sen prexuízo da súa documentación escrita, que deberá motivarse e se notificará á entidade solicitante.

3. O asesoramento só poderá denegarse cando sexa improcedente, por non referirse a aspectos de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ou por supor reiteración doutro asesoramento idéntico da mesma entidade solicitante, sen prexuízo da solicitude de aclaración dos termos dun asesoramento anterior emitido por instancia da mesma entidade solicitante.

Artigo 19º.-Compilación e publicación dos asesoramentos prestados.

1. A Unidade Administrativa de Igualdade do departamento competente en materia de traballo encargarase de compilar dun modo ordenado os asesoramentos prestados coa finalidade de facilitar o seu uso administrativo e o acceso á súa consulta.

2. Á compilación terán acceso todas as persoas con interese lexítimo e, en todo caso, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Publicarase un breve resumo de todos os asesoramentos na páxina web da Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo.

Capítulo quinto

Comisión de persoas expertas en conciliación

Artigo 20º.-Comisión de persoas expertas en conciliación.

Para o asesoramento no exercicio das competencias que á Unidade Administrativa de Igualdade do departamento competente en materia de traballo lle confire este decreto, e dentro do marco establecido no artigo 42.2º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, crearase unha comisión de persoas expertas en conciliación.

A dita comisión configúrase como una lista de persoas expertas de recoñecido prestixio nos respectivos campos de coñecemento existentes en materia de igualdade: persoas expertas en socioloxía, en economía, en dereito, en igualdade de oportunidades e en comunicación social, que se poderá ampliar a outros campos de coñecemento, sempre que se aprecie a súa incidencia sobre as políticas municipais de conciliación.

Dada a súa configuración como grupo de persoas expertas e o seu carácter non decisorio, non será de aplicación á comisión de persoas expertas en conciliación o establecido nos artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os órganos colexiados.

Artigo 21º.-Elaboración da lista de persoas incluídas na comisión de persoas expertas en conciliación.

1. A lista de persoas expertas será elaborada por acordo entre os departamentos da Administración autonómica con competencias en materia de traballo e igualdade e os axentes sociais.

2. A inclusión na lista durará mentres se manteña no seu cargo a persoa titular do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, sen prexuízo da súa baixa na lista por morte, incapacidade ou enfermidade, por incumprimento das súas obrigas ou por libre dimisión.

Artigo 22º.-Estatus das persoas integrantes da comisión de persoas expertas en conciliación.

1. As persoas expertas en conciliación exercerán as súas funcións de maneira independente.

2. Os asesoramentos que presten, como persoal alleo á Administración autonómica, conceptúanse como unha prestación de servizos suxeita ás normas previstas na Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

Artigo 23º.-Funcións das persoas expertas en conciliación.

1. As persoas expertas en conciliación asesorarán a Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo no exercicio das súas competencias.

2. O asesoramento será preceptivo aínda que non vinculante cando se trate de avaliar a constitución ou mellora dun banco municipal de tempo, a elaboración dun Plan de programación do tempo da cidade, ou a implantación dun Plan local de conciliación.

3. A Unidade Administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo poderá solicitar o asesoramento a unha ou varias persoas expertas.

4. Poderáselles encomendar ás persoas expertas a elaboración dun modelo de Plan local de conciliación, que poderá servir aos concellos para resolver dificultades técnicas no momento de solicitar subvencións e axudas ao departamento da Administración autonómica competente en materia de traballo, e fomentar a implantación e mellora de contidos, e a maior uniformidade dos que estiveren implantados.

Disposición transitoria

Os concellos que, con anterioridade á entrada en vigor deste decreto, implantasen medidas locais de conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras, poderán solicitar a validación, para o mantemento desas medidas, de calquera medida de promoción nos termos establecidos neste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular do departamento competente en materia de traballo para ditar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "16700D005P043.PDF"