DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Luns, 01 de setembro de 2008 Páx. 16.338

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 183/2008, do 31 de xullo, sobre extinción de fundacións públicas hospitalarias.

Tanto o Real decreto lei 10/1996, do 17 de xuño, coma a Lei 15/1997, do 25 de abril, sobre habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde, recoñeceron a posibilidade de que a xestión e administración dos centros, servizos e establecementos sanitarios de protección da saúde ou atención sanitaria/sociosanitaria, se puidese levar a cabo a través da constitución de entidades de natureza ou titularidade públicas.

Esta posibilidade tiña por finalidade inicial establecer fórmulas organizativas flexibles para facer fronte ás exixencias de eficiencia e rendibilidade social dos recursos públicos das administracións sanitarias, tentando fomentar a súa autonomía de xestión.

O tempo transcorrido e a experiencia acumulada demostran que o modelo organizativo en que se situaron as fundacións sanitarias de carácter asistencial non ten acadado os obxectivos de eficacia, eficiencia e mellora da calidade dos servizos, inicialmente propostos.

Así o reflicten informes emitidos por órganos fiscalizadores e de carácter sectorial desde o ano 1999, nos cales se pon de manifesto a carencia de coordinación e homoxeneidade na xestión de compras, a ausencia de planificacións anuais, deficiencias nos niveis de transparencia exixibles, así como nos mecanismos de control. Ademais desta fragmentación na asistencia e a rotura da equidade no acceso, o réxime laboral das fundacións impediu que os seus profesionais se puidesen desprazar dentro do Sistema Nacional de Saúde, o que constituía unha auténtica barreira profesional do seu progreso laboral destes.

Ante esta situación, a Comisión Mixta para as relacións co Tribunal de Contas ditou con data 5 de abril de 2000 unha resolución en que instaba o Goberno a propoñer no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, co consenso dos representantes das comunidades autónomas, a valoración da oportunidade de acordar que todos os hospitais de titularidade pública aplicasen a normativa vixente en materia de contratación pública, e adoptasen condicións xerais de planificación, coordinación, contratación e subministración, así como un sistema centralizado para as adquisicións directas de medicamentos e produtos sanitarios.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, a disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e réxime orzamentario e administrativo, tentou establecer criterios de planificación e control financeiro, establecendo a transformación das fundacións sanitarias xa constituídas en fundacións de titularidade e natureza públicas no prazo máximo de 6 meses desde a entrada en vigor desta lei, e tratando tamén os aspectos relativos á creación, modificación e extinción de novas fundacións sanitarias.

Esta previsión normativa desenvolveuse a través do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, atribuíndolle ao Servizo Galego de Saúde a determinación dos criterios de planificación a que se debería axustar a actividade das fundacións públicas sanitarias, así como as prestacións sanitarias que debía realizar cada fundación. Esta norma regulamentaria aprobou tamén os novos estatutos que debían rexer as distintas fundacións e o seu funcionamento.

Ademais destes aspectos organizativos e prestacionais integran o réxime xurídico das fundacións obxecto deste decreto as normas de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999), así como a Lei 10/1996, do 5 de novembro, sobre actuación de entes e empresas participadas maioritariamente pola Xunta de Galicia, no que atinxe aos aspectos de persoal e contratación, tendo en conta tamén os convenios colectivos específicos asinados con datas 22-4-2002 e 21-3-2005 para o persoal destas fundacións.

Malia o anterior, tal produción normativa non acadou unha solución aos problemas de xestión das fundacións públicas sanitarias, que seguiron acumulando un resultado contable deficitario.

A disposición adicional quinta da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, co obxecto de homoxeneizar as relacións de emprego do persoal e mellorar a eficacia na xestión, habilitou a posibilidade de establecer procedementos para a integración directa e voluntaria, na categoría e titulación equivalentes, do persoal que viña prestando servizos nos centros e institucións sanitarias públicas.

Ao abeiro desta norma ditouse o Decreto 91/2007, do 26 de abril, que estableceu as bases dos procesos para a integración no réxime estatutario do persoal das fundacións públicas sanitarias. Deste xeito, conséguese unha homoxeneización en materia de dereitos e deberes do persoal, unifícase o réxime xurídico aplicable, facilita unha oferta de emprego conxunta, e unifica os sistemas de acceso e as bases de selección, así como a promoción e carreira profesionais.

Este decreto foi desenvolvido pola Orde do 14 de agosto de 2007 pola que se regula o procedemento de integración do persoal da Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés, Orde do 14 de agosto de 2007 pola que se regula o procedemento de integración do persoal da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, Orde do 14 de agosto de 2007 pola que se regula o procedemento de integración do persoal da Fundación Pública Hospital da Barbanza, e Orde do 14 de agosto de 2007 pola que se regula o procedemento de integración do persoal da Fundación Pública Hospital de Verín.

Realizada xa a integración do persoal, a extinción das fundacións sanitarias hospitalarias consolidará este proceso que, doutro xeito, tería carácter meramente temporal, pois o artigo 72 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, admite que a relación xurídica do persoal ao servizo das fundacións sanitarias, ademais da estatutaria, poida ser de natureza laboral, con aplicación do disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación en entes e empresas con participación maioritaria da Xunta de Galicia.

Tendo en conta a disposición adicional segunda da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e sen prexuízo da súa condición de fundacións do sector público de Galicia, as fundacións públicas sanitarias réxense pola súa normativa específica, séndolles de aplicación supletoria o capítulo X da citada lei. Por iso, a extinción das fundacións a que se refire este decreto ten como marco normativo, ademais da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, o Decreto 276/2001, do 27 de setembro, de adaptación das fundacións sanitarias á disposición adicional sétima da Lei 5/2000, do 28 de decembro, e sen prexuízo da aplicación supletoria do capítulo X da Lei 12/2006, do 1 de decembro, dos artigos 31 e 32 da Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, e das demais disposicións normativas que sexan de aplicación.

De conformidade co previsto no artigo 22 dos respectivos estatutos, os padroados adoptaron xa os correspondentes acordos de extinción o 18 de xaneiro de 2008 (fundacións públicas Hospital de Barbanza e Virxe da Xunqueira) e o 22 de xaneiro de 2008 (fundacións públicas Hospital de Verín e Comarcal do Salnés).

En consecuencia, este decreto culminará o proceso de extinción das fundacións públicas hospitalarias, coa conseguinte mellora para os profesionais e para a calidade da asistencia sanitaria, o que redundará en beneficio da maior homoxeneidade do Sistema Público de Saúde de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Sanidade, segundo o disposto no artigo 37.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación co disposto no artigo 71 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, en relación co artigo 2 do Decreto 276/2001, do 27 de setembro, o Consello da Xunta na súa reunión do día trinta e un de xullo de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto autorizar, nas condicións que nel se establecen, a extinción das seguintes fundacións públicas hospitalarias:

a) Fundación Pública Hospital da Barbanza.

b) Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira.

c) Fundación Pública Hospital de Verín.

d) Fundación Pública Hospital Comarcal do Salnés.

Artigo 2º.-comisión liquidadora.

1. O Consello da Xunta de Galicia, por proposta da conselleira de Sanidade, oída a Consellería de Economía e Facenda, designará para cada unha das fundacións que se van extinguir, unha comisión liquidadora integrada por 3 peritos de recoñecida profesionalidade. A designación non poderá recaer en candidatos que teñan estado vinculados nos cinco anos anteriores á fundación que se vai liquidar.

2. A comisión liquidadora designada elevará ao Consello da Xunta, a través da Consellería de Sanidade, unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución da fundación, dispoñendo para o efecto dun prazo máximo de 2 meses.

3. Aprobada a proposta, a comisión liquidadora levará a efecto as operacións de liquidación, tendo en conta o acordo de disolución ratificado polo protectorado e as disposicións contidas neste decreto.

4. A actividade da comisión liquidadora designada será supervisada polo protectorado da Consellería de Sanidade, no exercicio das funcións que ten atribuídas, ao que lle corresponderá tamén a aprobación das operacións realizadas.

5. As operacións de liquidación e o resultado destas enténdese sen prexuízo da facultades de inspección e control atribuídas aos órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Inscrición da extinción no Rexistro de Fundacións.

1. O protectorado promoverá a inscrición da extinción das fundacións a que se refire o artigo 1 deste decreto no Rexistro de Fundacións, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Ao Rexistro de Fundacións incorporarase o acordo de extinción, así como a documentación resultante da aplicación do disposto neste decreto.

3. A inscrición da extinción instarase mediante resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

4. A inscrición da extinción das fundacións no Rexistro de Fundacións suporá a extinción da personalidade xurídica daquelas, e suporá o cesamento dos membros dos seus padroados.

Artigo 4º.-Efectos.

1. O Servizo Galego de Saúde subrogarase na totalidade de relacións laborais do persoal incluíndo o non acollido ás respectivas ordes de integración das fundacións extinguidas, de conformidade co previsto no Decreto 91/2007, do 26 de abril.

2. O Servizo Galego de Saúde subrogarase nos actos, contratos e operacións realizadas polas fundacións extintas, sen prexuízo dos dereitos que pudiesen corresponder aos contratantes, acredores ou terceiros, de conformidade coa normativa vixente.

3. Os bens, títulos ou dereitos pertencentes a cada fundación extinta, pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, e quedarán adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

4. A extinción das fundacións a que se refire este decreto non suporá a cesación da actividade asistencial realizada nos centros sanitarios en que estaban establecidas, que continuarán a formar parte da rede do Sistema Público de Saúde de Galicia, pasando a integrarse como centros de xestión do Servizo Galego de Saúde.

Disposición adicional

Única.-Concluídas as actividades liquidadoras previstas na normativa vixente, e producida a extinción, adaptarase regulamentariamente no prazo de 6 meses a organización das fundacións extintas ao establecido no Decreto 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, ao Decreto 143/1992, do 5 de xuño, e demais disposicións vixentes en materia de organización e funcionamento dos centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde.

Disposición transitoria

Única.-A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde poderá delegar nos xerentes dos centros asistenciais xestionados polas fundacións extintas funcións relacionadas cos seus correspondentes ámbitos de actuación que resulten necesarias para o mantemento dos seus niveis de actividade.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Sanidade para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xullo de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade