O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.
A súa disposición adicional sétima establece unha axuda de 600 euros para xente moza adquirente ou promotora para uso propio de vivendas do Plan de Vivenda 2002-2005 para gastos de subrogación ou constitución de hipoteca e outros gastos de entrada, sempre que se dean determinados requisitos.
Así mesmo, dispón que estas axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo que determinarán a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figura o crédito con cargo ao que serán atendidas as referidas axudas é a 17.02.451B.780.3.
A Orde do 22 de xaneiro de 2008 determinaba o importe máximo para outorgar estas axudas fixándoo en 600.000 euros.
Esgotada esta contía, e dado que existe crédito dispoñible nesta partida orzamentaria, determínase ampliar o importe máximo destas axudas e cumprir así co disposto na disposición adicional sétima do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro.
Por todo o exposto,
DISPOÑO:
Artigo único.-O importe máximo destas axudas que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008, con cargo á aplicación orzamentaria 17.02.451B.780.3 en 600.000 euros pola Orde do 22 de xaneiro de 2008, amplíase ata os 970.000 euros.
Disposición derradeira
Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2008.
Teresa Táboas Veleiro
Conselleira de Vivenda e Solo

