DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Mércores, 17 de setembro de 2008 Páx. 17.218

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2008, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de agosto de 2008, polo que se aproba o Plan Galego de Acuicultura.

Adoptado o acordo polo Consello da Xunta de Galicia, en sesión do 28 de agosto de 2008, relativo á aprobación do Plan Galego de Acuicultura, resulta necesario darlle publicidade ao mencionado acordo, unha vez cumpridos os requisitos do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

RESOLVO:

1. Facer público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado en reunión do 28 de agosto de 2008, que a continuación se transcribe:

a) Aprobar o Plan Galego de Acuicultura promovido pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, como resultado da revisión do Plan sectorial dos parques de tecnoloxía alimentaria, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de xuño de 2005, que queda sen efecto.

b) Levantar a suspensión da tramitación dos seguintes proxectos sectoriais presentados ao abeiro do Plan sectorial dos parques de tecnoloxía alimentaria, acordada polo Consello da Xunta de Galicia do 22 de xuño de 2006, e continuar a súa tramitación ao abeiro do Plan Galego de Acuicultura:

-Ampliación dunha granxa mariña en Bico da Ran-Cambados (Pontevedra) promovida por Aquacría Arousa, S.L.

-Ampliación dunha granxa mariña en Cabo Vilán-Camariñas (A Coruña) promovida por Stolt Sea Farm, S.A.

-Ampliación dunha granxa mariña e criadeiro en Meirás-Valdoviño (A Coruña) promovida por Luso Hispana de Acuicultura S.L.

c) Deixar sen efecto o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Plan de engorde de peixes planos de Touriñán, Muxía, promovido por Insuiña, S.L., aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do 28 de xullo de 2005, por incompatibilidade con Plan Galego de Acuicultura.

d) Continuar a revisión do proxecto sectorial (Foxo Longo) aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia, de acordo coas determinacións do Plan Galego de Acuicultura.

2. O Plan Galego de Acuicultura entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 13.5º do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2008.

Antonio García Elorriaga

Director xeral de Recursos Mariños