DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 29 de setembro de 2008 Páx. 17.745

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 19 de setembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2008 axudas ás comunidades de propietarios, en réxime de concorrencia competitiva, para a reparación, rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

Co fin de facilitar a rehabilitación e mellora das vivendas protexidas de promoción pública promovidas polo IGVS ou transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos reais decretos 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro, de transferencias en materia de patrimonio arquitectónico, control da calidade da edificación e vivenda, faise necesario incentivar as actuacións de reparación, rehabilitación e adaptación nestes edificios de vivendas de promoción pública, mediante subvencións ás comunidades de propietarios/as.

Preténdese orientar e apoiar os esforzos que están a levar a cabo as comunidades de propietarios/as destas vivendas, para reparar e rehabilitar os edificios mellorando o contorno no que viven á custa dun esforzo considerable, dado que se trata dun colectivo cunha maior dificultade económica para acometer as obras necesarias de adecuación e adaptacións dos edificios ás necesidades de funcionalidade que o transcurso do tempo provocou.

É polo que a Consellería de Vivenda e Solo, de acordo co marco normativo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, por medio desta orde establece as bases reguladoras con vixencia indefinida e abre a convocatoria de axudas para 2008, para as comunidades de propietarios/as de edificios de protección oficial de promoción pública promovidos polo IGVS ou transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polos decretos de transferencias en materia de vivenda.

Por todo o exposto, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, e desenvolvida polo Decreto 211/2005, do 3 de agosto, e o Decreto 505/2005, do 22 de setembro,

Dispoño:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto da orde.

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras, que terán vixencia indefinida, e ao mesmo tempo abrir a convocatoria, no exercicio económico de 2008, das subvencións destinadas a incentivar a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas de promoción pública promovidos polo IGVS ou transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia mediante os reais decretos de transferencias 1926/1985, do 11 de setembro, e 1461/1989, do 1 de decembro.

Capítulo II

Bases reguladoras

Artigo 2º.-Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións.

1. É obxecto destas bases reguladoras fixar, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os criterios para a concesión de subvencións destinadas a incentivaren a reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas de promoción pública a que se refire o artigo anterior.

2. As axudas concederanse a través dun procedemento de concorrencia competitiva, mediante a publicación de resolucións con convocatorias anuais. As axudas concederanse seguindo a orde de prelación, ata o crédito dispoñible fixado na convocatoria, logo de aplicar os baremos establecidos no artigo 15º desta orde ás solicitudes que reúnan os requisitos establecidos.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en canto non se opoña ao establecido nesta lei, ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, nos preceptos declarados básicos en ambas as normas, e no establecido nesta orde.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Consideraranse actuacións subvencionables, as de reparación, rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas de promoción pública.

Subvencionaranse as seguintes modalidades de actuacións:

a) Adecuación estrutural do edificio: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguranza construtiva de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez.

b) Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio condicións suficientes respecto de accesos, estanquidade fronte á choiva e á humidade, redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, servizos xerais e seguranza fronte a accidentes e sinistros, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de calefacción, adecuando estes á normativa técnica aplicable con posterioridade á terminación do edificio.

Tamén se considerarán incluídas nesta modalidade todas aqueloutras obras que teñan por obxecto a redución do consumo enerxético, illamento térmico e acústico, tanto na súa envolvente como na mellora das instalacións, mediante actuacións que optimicen o funcionamento das existentes como aqueloutras que incorporen novas tecnoloxías conducentes ao dito obxectivo.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, as comunidades de propietarios de edificios de vivendas de promoción pública do IGVS ou transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos reais decretos de transferencias en materia de vivenda, que cumpran as seguintes condicións:

a) Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos.

b) Que as comunidades beneficiarias non obtivesen, nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria, outra axuda concedida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para a realización de obras polo mesmo concepto.

c) Que os edificios que vaian ser rehabilitados, reparados ou adaptados para obteren a adecuación funcional dispoñan xa da adecuación estrutural. No caso de non dispoñeren de adecuación estrutural, deberán acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio reúna as condicións necesarias de seguranza construtiva.

2. As comunidades de propietarios solicitantes non poderán estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o que se acreditará por medio de declaración do responsable do representante legal da comunidade de propietarios tal como se recolle no anexo II desta orde.

3. Estes requisitos deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6º.-Contía.

A contía da subvención consistirá nunha porcentaxe máxima, en función do tipo de actuación que se van realizar, respecto do orzamento protexible aprobado. A dita porcentaxe será, no caso de adecuación estrutural, ata o 60% do orzamento protexible, e no caso de adecuación funcional ata o 50% do orzamento protexible.

Artigo 7º.-Orzamento protexible.

O orzamento protexible sobre o que se calculará a contía da subvención estará integrado polo custo real das obras determinado polo prezo total de execución destas, os honorarios facultativos e os tributos satisfeitos por razón das actuacións.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da «Base de datos da construción de Galicia» vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos ou aqueloutros que debidamente se xustifiquen e sexan conformados polos servizos técnicos do IGVS.

O aceso á base de datos pódese facer a través da páxina da Consellería de Vivenda e Solo a través do seguinte enlace: www.conselleríavivenda.xunta.es/web/paraquen/66.

Artigo 8º.-Compatibilidade das subvencións.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras, calquera que fose a súa natureza e a Administración ou entidade que as conceda. Non obstante, o importe das subvencións outorgadas de acordo con esta orde non poderá, en ningún caso, ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras Administracións públicas ou doutros centros públicos ou privados, supere o importe total da actuación.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das comunidades de propietarios beneficiarias:

a) Realizar as obras segundo o proxecto aprobado e, no seu momento, acreditar a súa execución, que, en todo caso, será anterior ao pagamento da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

d) As demais recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Órganos competentes.

1. Corresponderalles ás delegacións provinciais do IGVS a instrución dos procedementos.

2. Co obxecto de realizar a selección das comunidades de propietarios/as beneficiarias constituirase unha comisión de valoración, coa seguinte composición:

Presidente/a: o/a xerente do IGVS.

Vogais:

-O/A director/a técnico/a de Construcións.

-O/A director/a técnico/a de Xestión Patrimonial.

-O/A xefe/a do Servizo de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo.

-O/A xefe/a da Oficina Técnica dos Servizos Centrais.

-Os/As delegados provinciais do IGVS.

Secretario/a: un funcionario/a designado/a para tal efecto polo IGVS.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común

3. En virtude do artigo 7.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 4.2º e) do Decreto 506/2005, do 22 de setembro, que establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, o/a presidente/a do organismo resolverá acerca da concesión ou denegación das axudas solicitadas.

Artigo 11º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para estas axudas presentaranse nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Formulario normalizado de solicitude que figura no anexo I, debidamente asinado. De conformidade co artigo 13.3º da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, o/a presidente/a terá a representación da comunidade neste procedemento e será o/a asinante da solicitude.

b) Modelo de declaración responsable do anexo II debidamente asinada polo presidente/a da comunidade de non atoparse nalgunha das situacións recollidas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Relación de propietarios.

d) Copia compulsada do libro de actas onde se nomea o/a presidente/a da comunidade de propietarios.

e) DNI do presidente/a.

f) Certificados expedidos polo secretario/a da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para solicitar a subvención e do acordo adoptado para a execución das obras.

g) CIF da comunidade de propietarios.

h) Certificado emitido por entidade bancaria onde se recolla o nº de conta no que figure como titular a comunidade de propietarios.

i) Declaración responsable do presidente da comunidade na que se sinalen todas as solicitudes de subvencións ou axudas efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas (anexo II).

j) Declaración expresa de que coñece e admite as condicións da convocatoria e cumpre cos requisitos establecidos nesta orde (anexo II).

k) Declaración responsable de non ter débedas coa Seguridade Social e coa facenda da Comunidade Autónoma e do Estado (anexo II).

l) Para as obras de adecuación estrutural deberá presentarse unha memoria valorada asinada por un facultativo competente que incluirá cando menos os seguintes documentos:

1. Memoria xustificativa da necesidade das reparacións solicitadas con proposta da solución técnica.

2. Orzamento protexible detallado de conformidade co establecido no artigo 7º desta orde.

m) Para as obras de adecuación funcional deberá presentarse unha memoria valorada asinada por un facultativo competente que incluirá cando menos os seguintes documentos:

1. Memoria descritiva das obras.

2. Orzamento protexible detallado de conformidade co establecido no artigo 7º desta orde.

Cando a solicitude comprenda diferentes tipos de actuacións, a documentación sinalada nos puntos l) e m) deberá presentarse individualmente para cada unha delas.

n) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

o) Outros documentos que, ao entender do solicitante, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

Artigo 12º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras da convocatoria. De conformidade co artigo 20.3º, parágrafo 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante para que o órgano xestor obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentemento, debendo presentar, entón as certificacións no momento en que lle sexan requiridas.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de que parte da documentación necesaria xa conste en poder da Administración o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (en adiante LRXPAC) sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, nos devanditos rexistros. Agás nos supostos previstos no artigo 9 do citado decreto, a falta de consentimento para a dita inclusión e publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria das presentes axudas, ou, de ser o caso, á revogación do seu outorgamento ou o reintegro do importe concedido.

Os datos de carácter persoal publicados nestes rexistros están protexidos, segundo dispón a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición exerceranse ante os devantidos rexistros, de conformidade coas prescripcións da citada lei orgánica.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Vivenda e Solo publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 13º.-Emenda de solicitudes.

A solicitude e a documentación presentadas serán examinadas pola delegación provincial do IGVS que corresponda territorialmente á situación dos inmobles obxecto das axudas. Se non reunisen os requisitos exixidos ou non se acompañaran os documentos preceptivos, requirirase aos solicitantes para que, de conformidade co establecido no artigo 20.5º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en adiante LSG), nun prazo de dez días contados desde o seguinte ao da recepción da notificación, emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non facelo así, teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución do delegado provincial do IGVS, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común (en adiante LRXPAC). Do mesmo xeito, ditarase resolución polo delegado provincial do lGVS que corresponda por razón do territorio, na que se

acordará a inadmisión a trámite daquelas solicitudes que se presenten fóra de prazo.

As ditas resolucións deberán ser notificadas aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da LRXPAC.

Artigo 14º.-Fase de instrución.

Recibidas as solicitudes, admitidas estas a trámite, e realizados, se é o caso, os requirimentos de emenda e aclaracións pertinentes, nas áreas provinciais do IGVS á vista da documentación presentada, e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elaborarán os seguintes informes:

a) O servizo técnico elaborará un informe no que se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, a necesidade das reparacións, rehabilitacións ou adaptacións solicitadas, a aptitude da solución técnica aplicable, o prazo máximo de execución e o orzamento de actuación. Cando unha comunidade de propietarios solicite diferentes obras de rehabilitación, reparación ou adaptación, estas informaranse individualmente en función do tipo de actuación de que se trate, de tal xeito que se poida aprobar soamente unha das obras solicitadas. No caso de que as obras se consideren de realización urxente emitirase pronunciamento motivado ao respecto.

b) As unidades de xestión patrimonial emitirán un informe referido á comunidade solicitante, no que conste a identificación do grupo de vivendas, relación de adxudicatarios desas vivendas, réxime de adxudicación, estado de amortización e pagamentos, así como, naqueles casos en que o IGVS sexa propietario de vivendas, os cálculos correspondentes aos coeficientes de participación que lle correspondan para os efectos de contribución nos gastos da actuación como copropietario.

Os informes remitiranse á comisión de valoración para o seu estudo e análise.

Artigo 15º.-Criterios de valoración.

1. As solicitudes aceptadas valoraranse, de acordo cos criterios de baremación que a continuación se sinalan, por orde decrecente de importancia, con suxeición estrita á dispoñibilidade orzamentaria:

a) Baremación das memorias:

Obras de adecuación estrutural: ata un máximo de 7 puntos.

Obras de adecuación funcional:

-Seguranza fronte a accidentes, sinistros, estabilidade de elementos de fachada, ou obras consideradas de emerxencia respecto doutros elementos funcionais ata un máximo de 7 puntos.

-Condicións de estanquidade fronte á choiva, humidade e illamento térmico, medidas tendentes ao aforro enerxético tanto na envolvente do edificio como na mellora das instalacións e implantación de novas tecnoloxías ata un máximo de 7 puntos.

-Supresión de barreiras arquitectónicas e outras medidas que fomenten a accesibilidade ata un máximo de 5 puntos.

-Redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, calefacción e servizos xerais ata un máximo de 5 puntos.

b) Antigüidade da edificación desde a entrega das vivendas:

-Máis de 20 anos, 2 puntos.

-Ata 20 anos, 1 punto.

c) As obras declaradas urxentes segundo os informes técnicos de avaliación incrementarán a súa puntuación en 2 puntos.

d) Pola utilización da lingua galega na documentación presentada para a solicitude de obras para as que se solicita a axuda 1 punto.

Non se baremará como obras de adecuación estrutural aquelas obras que, como consecuencia da realización de obras de adecuación funcional, requiran de obras de adaptación estrutural.

Artigo 16º.-Fase de preavaliación.

1. Establécese unha fase de preavaliación na que a comisión de valoración poderá requirir dos solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

2. A comisión de valoración é o órgano encargado de emitir un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada, que se pronunciará sobre os seguintes extremos:

a) Puntuación obtida polas polas comunidades solicitantes en aplicación do baremo establecido no artigo 15º desta orde.

b) Pronunciamento sobre a viabilidade técnica, económica e financeira dos proxectos e actuacións presentadas polas comunidades solicitantes.

c) Sinalará aquelas actuacións que considere subvencionables, indicando a porcentaxe do orzamento que considere subvencionable.

d) No caso de que considere que nalgunha actuación, á vista do informe da delegación provincial non queda suficientemente acreditada a idoneidade ou solución técnica proposta, manifestará tal situación, sen que a solicitude sexa obxecto de baremación.

Artigo 17º.-Aprobación provisional dos beneficiarios.

1. Á vista do informe de preavaliación da comisión de avaliación, e en función da dispoñibilidade orzamentaria, elaborarase unha proposta de resolución provisional onde se indicarán as solicitudes admitidas, as solicitudes non susceptibles de ser subvencionables por falta de crédito e as solicitudes non susceptibles de valoración. De acordo co establecido no artigo 21.4º da Lei de subvencións, o órgano instrutor notificará a todos os interesados a dita proposta de resolución provisional, concedendo, respecto dos titulares dos dous últimos tipos de solicitudes, un trámite de audiencia, de conformidade co artigo 84 da LRXPAC.

2. As delegacións provinciais requirirán das preseleccionadas admitidas a seguinte documentación, que se presentará no prazo de dous meses computados desde o día seguinte ao da recepción do citado requirimento:

-Proxecto de execución de obras redactado por técnico competente. No caso de que o concello determine que, pola natureza ou características das obras, non sexa preciso presentar proxecto, deberá ser acreditado tal extremo expresamente pola entidade local.

-Licenza de obras ou xustificante da súa solicitude ante o concello.

-Orzamento da empresa construtora encargada da execución das obras.

-Se é o caso, atendendo á normativa vixente, contrato de dirección de obra.

De non presentarse no prazo indicado a documentación requirida terá a consideración de que o solicitante desiste da súa solicitude.

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionables por falta de crédito quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2º a) e b) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 18º.-Proposta de resolución.

Transcorrido o prazo previsto e analizada a documentación achegada polos servizos técnicos das delegacións provinciais do IGVS, estes, respecto das comunidades que presenten adecuadamente a documentación requirida, elevarán informe das da súa provincia ao delegado/a provincial do IGVS, quen fundamentará unha proposta de resolución definitiva.

As propostas de resolución definitiva, ao igual que as de provisional, non crean dereito ningún a favor do beneficiario proposto fronte á Administración mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 19º.-Resolución.

1. Unha vez aprobada a proposta de resolución definitiva, e de acordo co disposto no artigo 89 da LRXPAC, a presidenta do IGVS resolverá sobre a concesión das subvencións. A resolución comprenderá a relación dos solicitantes aos que se lles concede a subvención, especificando a puntuación acadada, a porcentaxe e contía de subvención que se concede, e o prazo fixado para a execución das obras. A resolución contendrá así mesmo a desestimación expresa con respecto ao resto dos solicitantes.

2. Poderá aprobarse parcialmente unha solicitude de actuación, concedendo, polo tanto, axudas soamente para algún tipo de obras das solicitadas. Neste caso farase constar, de maneira expresa, a desestimación parcial da solicitude.

3. A resolución notificarase aos interesados no prazo de dez días conforme o establecido nos artigos 58 e 59 da LRXPAC.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución definitiva, denegatoria ou aprobatoria non poderá sobrepasar os nove meses, contados desde a publicación da convocatoria sen prexuízo, de ser o caso, da aplicación das normas de suspensión recollidas no artigo 42.5º da LRXPAC. Transcorrido o dito prazo sen terse ditado e notificado resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 42.2º do mesmo texto legal.

5. No Diario Oficial de Galicia publicarase a relación das subvencións concedidas con indicación da comunidade de propietarios beneficiaria, contía e finalidade da subvención.

Artigo 20º.-Réxime de recursos.

1. As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante a presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

2. Non se poderá interpor recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 21º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez (10) días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXPAC.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da LRXPAC.

Artigo 22º.-Execución das obras.

1. As obras executaranse con estrita suxeición ao proxecto de execución redactado e seguindo as instrucións que, en interpretación deste, dea o facultativo director das obras contratado para o efecto, debendo, de ser o caso, comunicarlle ao IGVS as modificacións introducidas no proxecto durante a execución das obras.

2. Os incrementos de orzamento, incluídos os debidos ás modificacións dos proxectos, en ningún caso serán obxecto de subvención.

3. As diminucións de orzamento, incluídas as debidas ás modificacións do proxecto, provocarán a diminución do importe da subvención, que será o resultado de aplicar a porcentaxe da subvención aprobada, en función do tipo de actuación ao novo orzamento protexible.

4. Os beneficiarios poderán solicitar prórrogas respecto do prazo concedido para a execución das obras. Estas deberán ser solicitadas polos beneficiarios ante a delegación provincial do IGVS e requirirán informe favorable da oficina técnica provincial. De supoñer cambio de anualidade orzamentaria deberán ser comunicadas ao Servizo de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo da Dirección Técnica de Construcións do IGVS para proceder o seu reaxuste orzamentario.

Artigo 23º.-Control.

1. O IGVS fará un seguimento puntual da execución das obras, debendo comprobar a realización das obras certificadas polo facultativo director destas con carácter previo ao seu pagamento.

2. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 24º.-Xustificación e pagamento da subvención.

1. O aboamento das subvencións concedidas efectuarase, mediante transferencia bancaria, unha vez rematada as obras, logo de informe favorable da oficina técnica provincial e remisión de proposta de pagamento. Para tal fin a omunidade de propietarios, deberá presentar a seguinte documentación:

-Certificado final da dirección de obra.

-Facturas da empresa que realizou as obras, tributos satisfeitos e honorarios facultativos.

-Factura ou certificación da empresa que realizou as obras que acrediten o pagamento, por parte da comunidade de veciños, da porcentaxe que lle corresponde aboar.

-Certificado de non ter débedas coa Axencia Tributaria.

-Certificado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

-Certificado de non ter débedas coa Seguridade Social.

-Declaración xurada do representante legal da comunidade sobre as axudas solicitadas a outras administracións públicas con idéntico obxecto (tanto as aprobadas como as pendentes de resolución).

Artigo 25º.-Cesión do crédito.

Cando a comunidade de veciños desexe cederlle o seu crédito ao contratista, a cesión deberá efectuarse de conformidade co que establecen o artigo 347 do Código de comercio e os artigos 1526 e 1527 do Código Civil, con intervención de fedatario público.

Artigo 26º.-Vivendas do IGVS.

1. Cando nun edificio de vivendas existan vivendas propiedade do IGVS (vivendas adxudicadas en réxime de alugamento ou acceso diferido á propiedade, sempre que neste último caso non tivera transcorrido o prazo establecido para a amortización da vivenda polo adxudicatario), o IGVS asumirá a contía que proporcionalmente lle corresponda a estas vivendas en función da súa cota de participación establecida na escritura da división horizontal.

2. Para estes efectos terase en conta o réxime no que se atopen as vivendas á data da proposta de pagamento, de xeito que, se durante a tramitación do procedemento de concesión da axuda, algunha das vivendas cambiase o seu réxime a compra ou, no caso de vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade, chegasen estas últimas á fin do prazo de amortización ou fosen amortizadas anticipadamente, será por conta do propietario a contía que lle corresponda.

3. O aboamento á Comunidade de propietarios da cota correspondente ao IGVS como propietario dos inmobles aplicarase ao capítulo VI dos orzamentos da comunidade autónoma.

Artigo 27º.-Réxime sancionador.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28º.-Reintegro da subvención e sancións.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención, ou a concorrencia de calquera das causas de reintegro determinadas polo artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencions de Galicia, suporá ademais das sancións que puidesen corresponder, a obriga do reintegro por parte do beneficiario dos recursos achegados incrementados co xuro legal correspondente desde o seu aboamento, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29º.-Publicidade.

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da convocatoria, norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, podendo substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo.

Capítulo III

Convocatoria para o exercicio 2008

Artigo 30º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 31º.-Aplicación orzamentaria e contía total máxima das subvencións.

O importe máximo das subvencións reguladas nesta orde para o ano 2008, será de 123.853,62 €, 2.500.000 € para 2009 e 800.000 € para 2010 e instrumentarase financeiramente con cargo á aplicación 17.90.451A.781.0 do orzamento do IGVS.

Excepcionalmente, o crédito orzamentario destinado a estas axudas poderá ser incrementado de conformidade co establecido no artigo 31.2º a) e b) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 32º.-Importes máximos das subvencións.

A contía da subvención fixarase porcentualmente en función do tipo de actuación que se vai realizar:

-Adecuación estrutural: ata o 60% do orzamento protexible, sen que o importe total da axuda supere os 3.800 € por vivenda.

-Adecuación funcional: ata o 50% do orzamento protexible sen que o importe total da axuda supere os 3.000 € por vivenda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Actuacións excepcionais do IGVS.

O IGVS poderá realizar actuacións puntuais nos edificios de vivendas de promoción pública obxecto desta orde cando, acreditada unha situación de urxencia ou de emerxencia, exista unha necesidade inminente de realizar as obras, non sendo posible demorar o seu inicio ou execución.

Nas circunstancias anteriores producidas nalgún dos expedientes aprobados definitivamente ao abeiro desta orde, o IGVS poderá aboar o importe das obras contra certificación de obra executada.

Segunda.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases haberá que aterse ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento, nos preceptos declarados como básicos en ambos, e de maneira supletoria na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogada coa publicación desta orde a Resolución do 28 de xullo de 2006, pola que se regulan en réxime de concorrencia competitiva as axudas para a rehabilitación e adaptación de edificios de protección oficial de promoción pública.

Segunda.-Facúltase a presidenta do IGVS para ditar as resolucións que sexan precisas en desenvolvento desta orde.

Disposición derradeira

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "18800D006P053.PDF"

NON ATOPARSE NALGUNHA DAS SITUACIÓNS RECOLLIDAS NO ARTIGO 10 DA LEI 9/2007, DE SUBVENCIÓNS DE GALICIA

se atopa

Ver referencia pdf "18800D006P053.PDF"