DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 30 de setembro de 2008 Páx. 17.820

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 16 de setembro de 2008 pola que se establece o procedemento para a adaptación de postos e condicións de traballo por razóns de protección da saúde e da maternidade nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, como manifestación do principio xeral de adaptación do traballo á persoa previsto no seu artigo 15, establece a obriga empresarial de garantir de maneira específica a protección dos/das traballadores/as que polas súas singulares características persoais, ou estado biolóxico coñecido, sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do traballo (artigo 25). Igualmente prevé medidas específicas de protección da maternidade (artigo 26). En correspondencia, o persoal está obrigado a cumprir as medidas de prevención que se adopten para garantir a súa propia seguridade e saúde e a das persoas ás cales poida afectar a súa actividade profesional (artigo 29).

Con independencia dos dereitos e obrigas incorporados á Lei de prevención de riscos laborais e á normativa de desenvolvemento, o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, sobre provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, na sección terceira do capítulo IV habilita o Servizo Galego de Saúde para establecer especificamente os procedementos, criterios e mecanismos de control para a execución da mobilidade por razóns de protección da saúde e da maternidade do persoal estatutario.

O mesmo decreto, na orde de prioridades das medidas que se deben adoptar para a dita protección, establece en primeiro lugar a adaptación dos postos e as condicións de traballo na institución de destino. Esta previsión resulta razoable nun sistema que establece a libre concorrencia, e os procedementos competitivos regrados, como principio ordenador da mobilidade do persoal entre diferentes institucións sanitarias.

Por iso, e sen prexuízo doutras medidas que no futuro proceda adoptar sobre esta materia, considérase oportuno neste momento ordenar en primeiro lugar o procedemento que nas institucións sanitarias debe seguirse para a adaptación de postos e condicións do seu desempeño e, subsidiariamente, para o cambio de posto de traballo por razóns de protección da saúde e a maternidade.

En último termo, o procedemento procura facilitar ás xerencias e ás súas unidades de prevención (estrutura incorporada ao Plan xeral de prevención de riscos laborais do Servizo Galego de Saúde) criterios homoxéneos de actuación no exercicio das súas funcións e competencias en materia de prevención de riscos laborais.

Por todo o exposto, en virtude das facultades que me confire o artigo 32 da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia; o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e a súa Presidencia; a disposición derradeira do citado Decreto 206/2005, do 22 de xullo, e o artigo 3 do Decreto 46/2006, do 23 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto desta orde establecer determinadas actuacións de adaptación de postos e condicións de traballo, e de cambios de postos de traballo, dirixidas á protección da saúde e a maternidade do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde. Para tales efectos establécese un procedemento de xeral aplicación nas ditas institucións.

Artigo 2º.-Principios xerais.

1. Todas as actuacións previstas neste procedemento están dirixidas á protección da saúde e a maternidade no marco da normativa de prevención de riscos laborais.

2. A protección da saúde e a maternidade, e as medidas que resulten tecnicamente apropiadas para acadar en cada caso a dita protección, teñen prevalencia sobre os criterios obxectivos de localización do persoal e determinación de condicións de traballo que veñan sendo aplicados, de ser o caso, nas institucións sanitarias (concurso ou procedemento de traslados internos).

Por isto, cando a protección da saúde e a maternidade poida ser garantida con varias medidas alternativas, ponderarase a posible afectación aos ditos criterios obxectivos, coa finalidade de minorar o grao en que estes resulten afectados.

3. De conformidade co previsto no artigo 29 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, o persoal deberá cumprir as medidas que se adopten para a protección da saúde e a maternidade, á marxe de que se correspondan ou non coas pretensións concretas formuladas, de ser o caso, nas correspondentes solicitudes.

4. Nas referencias que nesta instrución se realizan á protección de maternidade entenderase comprendida a protección no período de embarazo, parto recente e lactación natural (saúde da nai ou do/a fillo/a).

Artigo 3º.-Iniciación do procedemento.

O procedemento de adaptación de postos e condicións de traballo por razóns de protección da saúde e a maternidade iniciarase por solicitude do interesado, presentada nos modelos que figura como anexos 1 ou 2, segundo o caso, dirixida á dirección xerencia da institución en que preste servizos.

De conformidade cos principios xerais enunciados no artigo 2º toda solicitude valorarase como unha manifestación do exercicio do dereito a ser protexido fronte aos riscos laborais. En consecuencia, as pretensións que se formulen deberán axustarse a esa finalidade.

Artigo 4º.-Instrución do expediente.

1. A xerencia trasladará a solicitude á Unidade de Prevención de Riscos Laborais (en diante UPRL), coa finalidade de que se proceda a informar sobre a pretensión formulada.

2. Medida cautelar: as traballadoras que ocupen postos de traballo considerados de risco para a maternidade serán adscritas inmediatamente, con carácter provisional e mentres non se resolva este procedemento, a outro posto de traballo compatible coa protección da maternidade. Para tales efectos solicitaranse, con carácter urxente, os informes que resulten precisos.

3. Avaliación médica: a UPRL citará o solicitante para a vixilancia da súa saúde, de conformidade co modelo de citación incorporado como anexo 3.

Tras a realización da vixilancia da saúde o/a médico/a do traballo emitirá informe de vixilancia da saúde en que se especificará a estimación da capacidade funcional do/a traballador/a (temporal ou permanente) para realizar as funcións propias do seu posto (declaración de apto, apto con limitacións, ou non apto). Como anexo 4 figura o modelo de informe.

4. Avaliación técnica do posto de traballo: no caso de ser insuficientes os datos recollidos na avaliación de riscos ou de non estar debidamente actualizados, revisarase ou avaliarase de novo o posto de traballo e emitirase novo informe de avaliación de riscos específicos e de propostas de accións técnicas. Como anexo 5 figura incorporado o modelo de informe de avaliación específica de riscos.

5. A incomparecencia do traballador/a ás citacións para a vixilancia da saúde, así como calquera outra incidencia que impida tramitar con celeridade o procedemento, será comunicada á xerencia coa finalidade de que poida adoptar medidas de impulso do procedemento.

Artigo 5º.-Resolución (suposto xeral).

Os informes elaborados pola UPRL serán remitidos á xerencia para que proceda á resolución da solicitude. A resolución notificarase no prazo de tres meses. Para o cómputo do prazo, e a súa posible suspensión, atenderase á normativa xeral regulamentadora do procedemento administrativo.

As actuacións de adaptación das condicións de traballo, ou de adscrición temporal a outro posto de traballo, adoptaranse cando e na medida en que sexa preciso para garantir a seguridade e saúde do/a traballador/a, con aplicación pola súa orde dos criterios establecidos nos artigos 33 e 34 da Decreto 206/2005, do 22 de xullo.

En consecuencia, en atención ao contido dos informes técnicos da UPRL a xerencia poderá, no ámbito a que se estenda o seu poder de dirección:

a) Resolver non adoptar medidas de adaptación das condicións de traballo ou de adscrición a outro posto, cando os ditos informes cualifiquen o solicitante como apto para o desempeño do posto de traballo nas condicións actuais.

b) Resolver sobre a adaptación do actual posto e/ou das condicións de traballo de forma que sexan compatibles coa preservación da seguridade e saúde do traballador/a ou coa protección da maternidade.

c) Resolver sobre o cambio provisional de posto de traballo, dentro dos da correspondente categoría e preferentemente na mesma localidade, mentres non sexa posible a adaptación das condicións de traballo ou cando as medidas correctoras non garantan a protección. Esta medida irá acompañada das adaptacións do novo posto que resulten precisas.

Como manifestación e dentro do respecto aos principios xerais enunciados no artigo 2º, as medidas de protección poderán afectar a calquera condición da prestación do servizo suxeita ás facultades de ordenación e programación dos órganos directivos das institucións sanitarias, e estarán unicamente dirixidas a facer compatible a dita prestación coa saúde do/a traballador/a.

Cando se trate de protexer a maternidade, e unha vez esgotadas as anteditas posibilidades de actuación, a traballadora poderá ser adscrita a un posto de distinta categoría, alternativo e compatible coa súa saúde, sempre que para acceder á dita categoría non se requira titulación específica e a traballadora acredite o nivel de titulación preciso para o acceso. Durante esta adscrición a traballadora conservará o dereito ao conxunto das retribucións do seu posto de orixe.

O comité de seguridade e saúde laboral será informado das resolucións que se adopten sobre cambio de posto de traballo.

Artigo 6º.-Resolución (supostos especiais).

Naqueles supostos en que a xerencia non poida motivadamente adoptar medidas que garantan a preservación da seguridade e saúde do traballador/a, comunicarase ao traballador ou traballadora solicitante, poñerase a dita imposibilidade en coñecemento da outra xerencia con competencias na área sanitaria e analizarase no comité de seguridade e saúde a posible adscrición temporal a outro posto de traballo (preferentemente na mesma localidade e coas adaptacións do novo posto que resulten precisas) no ámbito ao que se estenda o poder de dirección desta última xerencia. No caso de que se decida tal adscrición, esta tramitarase consonte ao procedemento establecido para as comisións de servizo.

Artigo 7º.-Seguimento.

A UPRL, na súa condición de unidade interdisciplinaria, realizará o seguimento das medidas que se adopten as xerencias para a protección da saúde e a maternidade do persoal. Este seguimento realizarase desde o momento inicial e coa periodicidade que fixe a unidade. Considerando as circunstancias do caso, a dita periodicidade referirase con carácter xeral a períodos comprendidos entre unha semana e seis meses.

Artigo 8º.-Provisionalidade e revogación.

1. As medidas de protección que consistan en cambio de destino terán carácter provisional e perdurarán mentres subsista a causa ou non se obteña o dito destino con carácter definitivo (polo propio afectado ou outro/a traballador/a).

Para estes efectos enténdese por destino calquera que forme parte dunha oferta baseada en criterios obxectivos de localización o do persoal e de determinación de condicións de traballo (concurso xeral de traslados ou procedementos de traslados internos).

2. Excepto nos supostos de protección á maternidade, o persoal protexido mediante cambio de destino estará obrigado a participar na seguinte oferta de concurso xeral de traslados ou procedemento de traslados internos, solicitando o dito destino no suposto de que este sexa ofertado. O incumprimento desta obriga suporá a revogación automática do destino provisional.

A revogación dun destino provisional será posta en coñecemento da UPRL para os efectos de que, con carácter previo, asesore tecnicamente sobre a nova localización provisional do persoal afectado.

Artigo 9º.-Tramitación de oficio.

Este procedemento, coas adaptacións que resulten precisas, aplicarase así mesmo naqueles supostos en que, sen solicitude do profesional, a unidade de prevención de riscos laborais constate a necesidade de adoptar medidas de adaptación ou de cambio de posto de traballo.

O comité de seguridade e saúde laboral será informado dos procedementos que se inicien de oficio.

Artigo 10º.-Confidencialidade.

O procedemento tramitaranse respectando a confidencialidade de toda a información relacionada co estado de saúde do persoal.

Disposición transitoria

Os procedementos de adaptación de postos e condicións de traballo, e de cambios de postos de traballo por razón de protección da saúde e a maternidade, iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, adaptaranse na súa posterior tramitación ao contido dela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2008.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "18900D011P040.PDF"