DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 06 de outubro de 2008 Páx. 18.139

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 30 de setembro de 2008 pola que se determina e se amplía o importe máximo das axudas que se poderán outorgar no exercicio orzamentario de 2008 ao abeiro do Plan de vivenda 2005-2008 regulado polo Real decreto 801/2005 e polo Decreto 18/2006, e se fixa o límite do seu importe plurianual.

O Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, constitúe o marco normativo polo que se establecen as axudas públicas en materia de vivenda a cargo da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula a xestión das previstas no Real decreto 801/2005, do 1 de xullo, para o período 2005-2008.

O seu artigo 6 establece que as axudas se atenderán da forma que será establecida mediante ordes anuais da Consellería de Vivenda e Solo que determinarán a aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 12 de febreiro de 2008 determinaba as aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas previstas no Decreto 18/2006.

Debido ás solicitudes presentadas determínase incrementar o importe previsto para atender as axudas nas aplicacións orzamentarias recollidas na Orde do 12 de febreiro de 2008, así como establecer o importe máximo nas aplicacións que se sinala e non previstas inicialmente na dita orde.

Ademais fíxase o límite plurianual das ditas axudas, no caso en que estas impliquen gasto con cargo aos exercicios orzamentarios futuros.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos do disposto no artigo sexto do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, e para dar cobertura aos expedientes que alcancen neste exercicio a fase de concesión, determínase ampliar e establecer o importe das seguintes aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas previstas no citado decreto, así como establecer o límite do gasto plurianual nos casos en que as subvencións que se concedan impliquen gastos con cargo a exercicios orzamentarios futuros:

1. Para a adquisición de vivenda protexida e usada e promoción para uso propio por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro a aplicación é a 17.02.451B.780.1 e o importe máximo amplíase ata os 3.330.000 €.

2. Para rehabilitación de edificios e vivendas e reserva de recursos non territorializados por parte de familias e institucións sen ánimo de lucro corresponderá a aplicación 17.02.451A.780.1 por un importe máximo que se amplía ata os 4.512.022,38 €.

3. Para as actuacións de urbanización protexida de solo e a promoción de vivendas protexidas de nova construción para aluguer e de aloxamentos protexidos por sociedades públicas corresponderá a aplicación 17.02.451B.741.0 por un importe máximo de 2.788.900 €.

4. Para as actuacións de urbanización protexida de solo e a promoción de vivendas protexidas de nova construción para aluguer e de aloxamentos protexidos por institucións sen ánimo de lucro corresponderá a aplicación 17.02.451B.781.0 por un importe máximo de 224.400 €.

5. Aquelas subvencións que se concedan no exercicio 2008 e que impliquen un gasto con cargo ao exercicio 2009, terán os límites seguintes no dito exercicio de 2009:

a) Respecto da aplicación orzamentaria 17.02.451B.731.0 un importe máximo de 712.500 €.

b) E respecto da aplicación orzamentaria 17.02.451B.741.0 un importe máximo de 1.866.700 €.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2008.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo