DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Xoves, 09 de outubro de 2008 Páx. 18.449

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 1 de outubro de 2008 pola que se regula o procedemento de obtención da certificación profesional para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 64/2008, do 27 de marzo, polo que se regula a certificación profesional de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia, precisa dotalo dunha regulación xeral de carácter administrativo que recolla os diversos aspectos técnicos, de formación e seguridade que permita un adecuado desenvolvemento da actividade.

A extracción de recursos mariños con técnicas de mergullo é unha actividade con presenza significativa no litoral de Galicia, afecta a especies como a navalla, o ourizo, as algas, os vermes mariños e algunha outra especie que producen rendas importantes para as/os pescadoras/es que a elas se dedican.

Esta importante actividade económica de extracción de recursos deberá ir acompañada dun coñecemento significativo das especies, da especificidade do traballo que se vai desenvolver, dunhas normas de seguridade rigorosas polo risco que leva consigo a práctica de inmersión e o desenvolvemento dos traballos e, por último, dunha extracción responsable e xestión de recursos que posibiliten unha explotación sustentable no tempo e unha sensibilización ambiental.

Esta orde dítase ao abeiro das competencias atribuídas polo Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27, do Real decreto 1377/1997, do 29 de agosto, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos en materia de mergullo e do Decreto 287/1997, do 9 de outubro, polo que se asumen funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mergullo e a súa asignación á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Polo exposto, e segundo as atribucións conferidas polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Para a realización de actividades subacuáticas en augas mariñas competenciais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en materia de marisqueo e coa exclusiva finalidade de recoller ou extraer recursos mariños no marco dun plan de explotación aprobado e de maneira segura, competente e responsable, será necesario que as persoas que as efectúen se encontren en posesión do certificado de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo, creado polo Decreto 64/2008, do 27 de marzo, e regulado nesta orde.

Artigo 2º.-Requisitos para a obtención do certificado de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

1. Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

2. Ter rematada a ensinanza académica obrigatoria.

3. Superar as probas médicas de aptitude ao mergullo profesional segundo o establecido no anexo IX da orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 23 de abril de 1999.

4. Superar o curso de formación regulado nesta orde.

Artigo 3º.-Curso de formación.

1. Para solicitar o curso o alumno/a deberá formalizar o impreso oficial que figura como anexo I desta orde e a fotocopia compulsada do DNI, e remitilo á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro ao longo de todo o ano e a través da confraría á que pertenza.

2. Para poder acceder ao curso de formación o alumno/a deberá superar o recoñecemento médico realizado por un facultativo habilitado, as probas físicas de aptitude e as de tolerancia ao oxíxeno hiperbárico.

3. Para obter a certificación profesional os/as aspirantes deberán asistir ao curso de formación e superar unha proba de coñecementos ante un tribunal designado pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.

4. Os alumnos/as para poder acceder á proba de avaliación final deberán asistir a todas as prácticas e ter unha asistencia presencial mínima do 80% na teoría.

5. A proba final de coñecementos e avaliación de aptitude será realizada por un tribunal designado pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, de acordo co Decreto 428/1993, do 17 de decembro, que estará formado por tres funcionarios docentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, un dos cales actuará en calidade de presidenta/e e outra/o de secretario/a, e pola/o mergullador/a instrutor/ar do curso.

Artigo 4º.-Probas físicas e test de comprensión e tolerancia ao oxíxeno hiperbárico.

1. Os/as aspirantes ao curso de recolector/a de recursos específicos deberán superar as seguintes probas:

a) Probas físicas en piscina:

-Facer unha apnea estática dun minuto. O aspirante disporá de tres intentos

-Facer unha apnea dinámica de 25 metros de lonxitude en dous intentos e sen lentes de mergullo.

-Nadar 200 metros a estilo braza ou crol. O aspirante elixirá o estilo e manterao ata o remate da proba con lentes de mergullo.

b) Test de compresión e tolerancia ao oxíxeno hiperbárico.

-Descenso a 50 m.c.a. a unha velocidade máxima de 24 metros por minuto respirando aire, ascenso ata 18 m.c.a. respirando aire, xa na cota de 18 m.c.a. respirar oxíxeno medicinal durante 30 minutos, ao remate continuar respirando oxíxeno medicinal ata a superficie.

-Esta proba realizarase en cámara hiperbárica.

2. Durante a realización das probas físicas e tolerancia ao oxíxeno hiperbárico estará presente un representante da Administración que actuará como secretario/a.

Artigo 5º.-Contidos programáticos.

A programación e os contidos programáticos do curso de formación son os establecidos no anexo IV.

Artigo 6º.-Realización dos cursos.

1. Os cursos para a obtención da certificación profesional de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo serán autorizados e programados pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a través do Servizo de Ensino e Titulacións Náutico Pesqueiras e dirixidos por un mergullador/a instrutor/a coa colaboración do persoal que a seguir se relaciona:

a) Un médico/a coa especialidade de medicina subacuática e hiperbárica que estea inscrito no censo de facultativos habilitados.

b) Dous monitores/as coa titulación mínima de mergulladoras/es de 2ª clase ou equivalente para os efectos profesionais.

c) Un biólogo/a que estea en posesión do curso de formación de formadores para a formación de mariscadores da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

2. Correspóndelle ao mergullador/a instrutor/ar, como responsable do curso, adoptar as medidas necesarias para un correcto aproveitamento das ensinanzas e para garantir en cada momento o necesario nivel de seguridade e sensibilización ambiental aos participantes. Dirixirá e coordinará as prácticas, asegurándose de que contan co material necesario e nas debidas condicións de seguridade, elaborará un procedemento de actuación de emerxencia e un dispositivo de evacuación para poñer en práctica en caso de accidente.

3. Os alumnos/as matriculados que superen o recoñecemento médico e non asistan ao curso programado perderán a orde na lista de espera e, a súa solicitude, de non presentar unha causa xustificada, quedará inhabilitada para a asistencia ao curso durante dous anos.

Artigo 7º.-Acreditación persoal do recolector.

1. Os/as aspirantes que obteñan unha avaliación positiva do curso poderán solicitar a súa acreditación persoal coa expedición da tarxeta profesional.

2. A acreditación de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo será emitida pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a través do Negociado de Titulacións Náutico-Pesqueiras e rexistrada no rexistro de titulacións existente.

3. A acreditación persoal emitirase en formato tarxeta de PVC e corresponderase co modelo e características que se establecen no anexo III.

Artigo 8º.-Emisión de tarxetas.

Os interesados, unha vez superado o curso de formación, deberán solicitar a emisión da tarxeta profesional e xuntarlle á súa solicitude a seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta segundo o modelo do anexo I.

2. 1 fotografía recente de tamaño carné e co nome escrito ao dorso.

3. Fotocopia compulsada do DNI.

4. Xustificante do pagamento de taxas.

5. Fotocopia compulsada do certificado médico de aptitude ao mergullo por un facultativo/a habilitado.

6. Certificado da Seguridade Social de non ser pensionista, nin por xubilación nin por invalidez.

Artigo 9º.-Renovación das tarxetas.

1. As tarxetas serán renovadas cada 5 anos, deberán achegar para a súa renovación:

-Solicitude.

-1 fotografía recente de tamaño carné e co nome escrito ao dorso.

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia da tarxeta antiga.

-Fotocopia compulsada do certificado médico de aptitude para o mergullo por un facultativo/a habilitado.

-Certificado da Seguridade Social de non ser pensionista.

2. A renovación da tarxeta de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo será solicitada polos interesados no último trimestre da súa vixencia.

Artigo 10º.-Extravío da tarxeta.

En caso de extravío, roubo ou destrución física da tarxeta poderá expedirse un duplicado que manterá a data de caducidade da orixinal.

Artigo 11º.-Validacións.

1. Os que estean en posesión das dúas certificacións profesionais de recolector/a en apnea e de recolector/a submarino poderán solicitar a súa validación directa pola certificación profesional de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

2. Os titulares dunha das certificacións profesionais reguladas ao abeiro da normativa anterior, Orde do 17 de outubro de 2000, que desexen realizar o curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo, poderán solicitar á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a exención dos módulos aprobados e a realización dos pendentes, segundo o programa formativo do anexo IV desta orde.

3. Os mergulladores/as que estean en posesión dunha tarxeta de mergullo profesional e dun certificado de mariscador/a poderán solicitar a súa validación polo certificado de mariscador/a a mergullo e a posterior emisión da tarxeta de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A práctica profesional de inmersións subacuáticas para a extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo realizarase de acordo coas normas de seguridade para o exercicio de actividades subacuáticas establecidas na orde do Ministerio de Fomento do 14 de outubro de 1997, modificada pola Orde do 20 de xullo de 2000.

Segunda.-Os mergulladores que a entrada en vigor desta orde estean incluídos nalgún plan de explotación marisqueira para o que se empreguen técnicas de mergullo e se atopen na situación descrita no artigo 11º.2 terán preferencia á hora de acceder aos cursos de formación de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o día siguiente ao da súa publicación nol Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2008.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "19600D002P053.PDF"

ANEXO III

Modelo e características das tarxetas acreditativas do certificado de recolector/a de recursos específicos:

Material: PVC (cloruro de vinilo) laminado ou equivalente.

Tamaño: 85,69 mm de longo por 53,98 de largo.

Grosor: 0,76 mm.

Suxeitas ás normas ISO 7810 e 7811.

Fotografía: integrada por dixitalización a cor.

Anverso: fondo azul (Pantone Process Cyan 2) e branco; impresión en negro.

Reverso: fondo branco co escudo de Galicia en azul; impresión en negro.

ANEXO IV

Módulos formativos e programa de formación do certificado de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo:

Obxectivo xeral:

Realizar traballos de extracción e recolección de recursos mariños de maneira segura, competente e responsable ata unha profundidade de 12 metros, utilizando técnicas de mergullo en apnea e con equipamentos de subministración desde a superficie, circuíto aberto, sendo o gas respirable o aire.

Obxectivos específicos:

-Formación teórica e práctica para comprender e efectuar os cálculos para a realización de inmersións seguras.

-Coñecer e utilizar con seguridade os dous sistemas de mergullo que se van empregar: mergullo en apnea e mergullo con subministración desde superficie con aire.

-Conseguir a acuaticidade adecuada, coñecer e realizar os procedementos laborais e especialmente os de seguridade e de traballo en equipo.

-Coñecer os accidentes máis comúns desta actividade e a súa prevención, coñecer e realizar os procedementos de emerxencia, evacuación e primeiros auxilios.

-Desenvolver unha conciencia responsable ante os recursos pesqueiros.

Duración do curso: 84 horas lectivas (14 días a 6 horas por día).

a) Contidos teóricos: 35 horas lectivas.

Lexislación (7 horas).

-As normas de seguridade para a práctica das actividades subacuáticas.

-Conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo.

-Riscos específicos aplicados ao mergullo extractivo.

-Sistemas elementais de control de riscos.

-Atribucións das titulacións e certificacións profesionais.

-O xefe de equipo.

-Normativa sobre equipamentos de protección en terra, a bordo e baixo a auga.

Física (4 horas).

-Principio de Arquímides. Flotabilidade.

-A presión.

-Concepto e aplicación práctica das leis de Boyle-Mariotte, Carles-Gay Lussac e Lei xeral de gases.

-Leis de Dalton e Henry, concepto e aplicación práctica.

Fisioloxía (4 horas).

-Sistema circulatorio.

-Sistema respiratorio.

-Barotraumas.

-Efectos da presión sobre o corpo humano.

-Accidentes disbáricos.

-Accidentes biofísicos.

-Accidentes debidos á fauna mariña.

-Accidentes laborais motivados por axentes externos.

Primeiros auxilios (5 horas).

-Recoñecemento dos síntomas dun accidente de mergullo.

-Parada cardiorrespiratoria e técnicas de reanimación.

-Hemorraxias, feridas, fracturas, queimaduras, asfixia e edema pulmonar, hipo e hipertermia.

-Actuacións ante un proceso alérxico motivado pola fauna mariña.

-A caixa de urxencias.

-Procedementos de emerxencia e evacuación.

-Traslado do accidentado.

Teoría da descomprensión (5 horas).

-Manexo e interpretación das táboas de descompresión.

-Folla de inmersión.

-Límites sen descomprensión.

-Inmersións continuadas.

-Inmersións sucesivas.

Planificación do traballo subacuático (2 horas).

-Manexo do equipo de subministración desde superficie.

-Composición, funcións e responsabilidades dos membros integrantes dun equipo de traballo subacuático.

-Planificación do traballo, o traballo en equipo.

-A embarcación de apoio, funcións.

-Sinalización das zonas de traballo.

-Elaboración dun plan de emerxencia e de evacuación.

-As comunicacións.

Extracción de recursos responsable (8 horas).

-Os recursos pesqueiros. A pesca responsable aplicada á actividade do recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo.

-O marisqueo como actividade económica.

-Xeneralidades sobre o medio mariño.

-Breve referencia da bioloxía das especies que se van extraer.

-Evolución dun banco natural, a explotación racional dos recursos.

-O Permex e a Lei de infraccións en materia de protección de recursos.

-A organización no ámbito do marisqueo: vantaxes e obxectivos.

-As confrarías e as agrupacións de produtores e mariscadores.

-A comercialización dos productos.

-Fiscalidade: o imposto sobre o valor engadido (IVE) e o imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).

-Sistema español de Seguridade Social. O réxime especial dos traballadores do mar, prestacións e convenios.

b) Realización práctica: 45 horas.

1. Prácticas específicas de apnea.

*En terra (1 hora).

-Técnicas correctas de relaxación e respiración.

-Mantemento e reparación elemental do equipamento.

*En piscina (5 horas).

Os alumnos/as deberán permanecer baixo a auga un mínimo de 120 minutos en cada unha das dúas sesións.

-Equiparse correctamente.

-Técnicas de entrada na auga: paso de xigante, de costas e de lado, xiro e pés xuntos.

-Técnica correcta de aleteo percorrido en superficie crecentes.

-Navegación en superficie:

a) Boca abaixo co tubo e máscara de mergullo.

-b) Boca abaixo co tubo e sen máscara.

-Técnicas de inmersión: o golpe de ril.

-Navegación baixo a auga.

-Abandonar e colocar baixo a auga.

a) As lentes, colocación e baleirado.

b) O cinto de lastre.

c) As aletas.

*No mar, en profundidades crecentes ata 12 metros (12 horas).

Os alumnos/as deberán permanecer baixo a auga un mínimo de 120 minutos en cada unha das catro sesións.

-Percorridos en superficie crecentes.

-Percorridos en superficie remolcando un compañeiro, catro tipos de remolque.

-Por parellas simulación dun procedemento de recuperación dun mergullador accidentado (no fondo e na superficie), técnicas de arribado e izado a unha embarcación e evacuación.

Abandonar e colocar baixo a auga:

a) As lentes, colocación e baleirado

b) O cinto de lastre.

c) As aletas.

-Realizar simulación de traballos de extracción, en parellas, aplicando todos os coñecementos adquiridos a profundidade crecente de 10 metros.

Nota: o alumno deberá acumular como mínimo un total de 3 horas (media hora cada día de práctica entre piscina e mar).

2. Prácticas específicas con subministración desde superficie.

*En terra (3 horas).

Ensamblaxe do equipamento básico de mergullo con subministración desde superficie:

-Montaxe de cadro de distribución de gases e comunicación.

-Subministración principal e subministración de emerxencia.

-Umbilicais de mergullo.

-Máscara facial e demanda lixeira.

-Equipamento de emerxencia do mergullador.

-Arnés de suxeición dos elementos.

*En piscina (12 horas).

O alumno deberá permanecer baixo a auga un mínimo de 45 minutos en cada unha das catro sesións.

-Equipamento persoal do mergullador.

-Adaptación ao traxe seco.

-Practicar os roles de grupo de traballo.

-Xefe de equipo: listas de comprobación, manipulación e control do cadro de distribución; lista de comprobación e control do equipamento dos mergulladores/as.

-Axudante de mergullo: equipa e desequipa ao mergullador e controla os umbilicais.

-Mergullador de emerxencia: simulación de situacións de emerxencia.

-Mergullador:

a) Entrada na auga.

b) Prácticas de flotabilidade.

c) Natación con aletas e sen aletas.

d) Prácticas de comunicación: orais e por tiróns.

e) Prácticas de emerxencia.

f) Corte de subministración de aire.

g) Simulación de aboiamentos.

h) Enredo de umbilicais.

i) Anegamento de máscara facial.

*Prácticas en augas libres ata 12 metros (12 horas).

-O alumno deberá permanecer baixo a auga un mínimo de 35 minutos en cada unha das catro sesións efectuándose en profundidades crecentes entre 5 e 12 metros.

-Montaxe dos equipamentos con subministración desde superficie nunha embarcación lixeira.

-Enredo de umbilicais.

-Corte de subministración de aire.

-Prácticas de aboiamento con traxe seco.

-Anegamento e baleirado de máscara facial.

-Por parellas, simulación dun procedemento de recuperación dun mergullador accidentado (no fondo e na superficie), técnicas de arribado a unha embarcación e evacuación.

-Comunicacións (telefonía e por tiróns) superficie-mergullador-superficie e entre mergulladores.

3. Avaliación final.

Nunha última xornada de 4 horas.

Nota. Non se poderán simultanear sesións de mar e de piscina no mesmo día. Non se efectuará máis dunha sesión de mar ou piscina no mesmo día.

Ver referencia pdf "19600D002P053.PDF"