DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 23 de outubro de 2008 Páx. 19.320

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 233/2008, do 9 de outubro, polo que se establecen axudas sociais de carácter extraordinario, a favor de pensionistas de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva, a favor de persoas anciás e enfermas, incapacitadas para o traballo, beneficiarias de axudas periódicas individualizadas e a favor das persoas con minusvalidez beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O artigo 27.23º do Estatuto de Autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia dispón, nos seus artigos 50 a 52, que as administracións públicas poderán conceder, como complemento aos servizos sociais, prestacións e axudas económicas, periódicas ou non periódicas, ás persoas que se encontren en estado de necesidade.

Con base na referida habilitación legal, a disposición adicional novena da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2008, recolle a creación dun fondo extraordinario de axudas económicas con destino ás persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva e establece unha dotación orzamentaria para o efecto.

A referida disposición normativa habilita o Consello da Xunta, logo de proposta do departamento competente en materia de benestar social e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, para a aprobación das normas de desenvolvemento necesarias para a determinación do importe, recoñecemento do dereito e pagamento das axudas que se establecen para este ano 2008.

En cumprimento do previsto na disposición adicional citada, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia entende que as persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social, as do fondo de asistencia social (FAS) e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) se encontran nunha situación xeneralizada de precariedade económica, tendo en conta a contía da prestación que perciben e o seu baixo nivel de renda.

Por todo isto, e coa finalidade de contribuír á mellora da súa renda, considérase oportuno o establecemento de axudas sociais de carácter extraordinario e anual para as persoas que perciban en Galicia as devanditas pensións. Esta axuda será distinta das do sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado, e será compatible con elas.

En virtude do exposto, e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, por proposta do vicepresidente da Igualdade e do Benestar, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto o establecemento de axudas sociais extraordinarias a favor dos beneficiarios e beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, do fondo nacional de asistencia social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

Artigo 2º.-Carácter.

Estas axudas sociais, persoais e intransferibles, teñen carácter extraordinario e n on se consolidarán para o futuro.

Artigo 3º.-Contía e pagamento.

A contía individual destas axudas fíxase en 200 euros, que se aboarán mediante un pagamento único.

Artigo 4º.-Financiamento.

Os gastos derivados da aplicación deste decreto serán financiados con cargo á aplicación orzamentaria 23.02.621B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e imputaranse á aplicación orzamentaria 05.41.312A.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Artigo 5º.-Requisitos.

Serán beneficiarias destas axudas sociais de carácter extraordinario as persoas que perciban pensións de invalidez e xubilación na súa modalidade non contributiva, do fondo nacional de asistencia social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM), en que concorran os seguintes requisitos:

a) Ter esta condición no último día do mes en que entre en vigor este decreto.

b) Ter a residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Suspensión e perda.

A suspensión e perda do dereito á percepción destas axudas de carácter extraordinario producirase nos mesmos supostos previstos para as pensións a que se refire o artigo 1º, e corresponderalle ao/á titular da correspondente delegación provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a declaración das ditas situacións.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar