DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 29 de outubro de 2008 Páx. 19.731

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 241/2008, do 2 de outubro, polo que se modifica o Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, define os elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, co obxecto de proporcionar unha ferramenta de xestión que asegure o uso sustentable dos recursos na contorna do ecosistema mariño cunha filosofía participativa do sector nela.

A posta en marcha e funcionamento da reserva mariña, malia o curto período de tempo transcorrido, evidenciou unha boa acollida no conxunto da sociedade galega e máis particularmente na comunidade pesqueira do ámbito de influencia da zona protexida. Esta boa acollida, xunto coa implicación e compromiso dos propios pescadores, ademais de sentar a base para un axeitado funcionamento da reserva, supón, á vez, un estímulo para introducir as necesarias melloras que permitan adecuar a xestión dos recursos pesqueiros e marisqueiros aos principios inspiradores de creación anteriormente sinalados. Por isto, faise necesario dotar a reserva dun instrumento de planificación áxil e flexible que permita, mediante os axustes oportunos, acadar o equilibrio entre a protección do ecosistema e a rendibilidade económica das pesqueiras da zona baixo criterios de sustentabilidade, aumentando ao mesmo tempo o grao de participación dos pescadores no desenvolvemento e aplicación deste instrumento.

Con esta finalidade, modifícase o Decreto 87/2007, incorporando como novidade o Plan de Xestión Integral, en que se recollerán as medidas específicas para cada unha das pesqueiras e zonas da reserva e que será elaborado polas entidades asociativas que representan aos pescadores e mariscadores que habitualmente desenvolven a súa actividade no ámbito da reserva.

Neste mesmo sentido e co propósito de que todos os profesionais que ata o de agora viñan desenvolvendo a súa actividade no ámbito da reserva participen activamente no deseño do Plan amplíase o carácter do censo coa inclusión dos mariscadores a pé e das embarcacións que se dedicaban á captura de ourizo, navalla/longueirón, algas e poliquetos, todos eles incluídos en plans de explotación aprobados e en vixencia. Deste xeito, non só se equiparan os dereitos de todos eles senón tamén o seu grao de responsabilidade no cumprimento das medidas adoptadas no marco do Plan de Xestión Integral.

Ademais, tras a publicación da norma detectáronse pequenos desaxustes nalgúns puntos xeográficos da delimitación motivados polas propias condicións xeográficas da zona e que agora se procede a corrixir xunto coas referencias toponímicas, sendo intranscendentes na delimitación global da área da reserva mariña.

Na súa virtude e por proposta da conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de outubro de dous mil oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos queda modificado como segue:

Un.-O número 2 do artigo 2º queda redactado do seguinte xeito:

«2. Impulsar a pesca artesanal e o desenvolvemento sustentable».

Dous.-Engádese un novo número 7 no artigo 2º que terá a seguinte redacción:

«7. Facilitar o desenvolvemento e aplicación de modelos de xestión pesqueira coa participación dos pescadores e mariscadores no seu deseño e posta en práctica».

Tres.-O artigo 3º queda redactado do seguinte xeito:

«Dentro das augas interiores da Comunidade Autónoma de Galicia, constitúe a reserva mariña de interese pesqueiro (en adiante REMIP) Os Miñarzos a zona comprendida entre a liña que delimita por terra a zona marítimo-terrestre e a poligonal recta definida polos puntos xeográficos seguintes (DATUM WGS-84):

Ver referencia pdf "21000D017P155.PDF"

Cinco.-O artigo 5º queda redactado do seguinte xeito:

«Con carácter xeral, dentro da reserva mariña e por fóra das áreas de reserva integral queda prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas coas seguintes excepcións:

a) A pesca marítima profesional coas artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona: anzois, nasas, enmalle, a pesca da centola con gancho, nas modalidades tradicionalmente autorizadas e de conformidade co establecido no Plan de Xestión Integral ao que se refire o artigo 6º bis.

b) A recollida de ourizo, navalla, poliquetos, anémonas, percebe, peneira ou calquera outro recurso específico que se recolla no marco do Plan de Xestión Integral.

c) O marisqueo a pé e a recollida de algas.

d) A recollida de mexilla que unicamente se poderá realizar mediante acordo entre as confrarías de pescadores do ámbito da reserva mariña e os concesionarios de bateas ou liñas de cultivo.

e) A mostraxe de flora e fauna que se autorice expresamente para a realización con fins científicos ou seguimento da reserva mariña.

f) A pesca marítima de recreo en superficie.

g) O mergullo de lecer nas condicións que regulamentariamente se establezan. Os mergulladores non levarán ningún instrumento que se poida utilizar para a pesca ou extracción de especies mariñas, exceptuando un coitelo por razóns de seguridade».

Seis.-O artigo 6º queda redactado do seguinte modo:

«Dentro das áreas de reserva integral queda prohibida a práctica da pesca marítima, a extracción de fauna e flora e a realización de actividades subacuáticas, coa excepción das actividades e toma de mostras autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Recursos Mariños logo do informe do órgano de xestión, seguimento e control da reserva, con fins científicos ou de seguimento da reserva».

Sete.-Engádese o artigo 6º bis que terá a seguinte redacción:

«Artigo 6º bis. O réxime de xestión da reserva.

1. As actividades recollidas nas letras a), b), c) e d) do artigo 5º desenvolveranse no marco do Plan de Xestión Integral aprobado para esa área no que se recollerán as medidas específicas para cada unha das pesqueiras e zonas dentro da reserva.

2. O Plan de Xestión Integral será aprobado pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, logo de informe do órgano de xestión. A proposta do Plan será elaborada polas entidades asociativas que representen os pescadores e mariscadores incluídos no censo ao que se refire o artigo 8º.

3. O Plan poderá ter unha vixencia plurianual e terá que ser presentado cunha anticipación mínima de 3 meses ao vencemento do Plan de Xestión Integral anterior. Cando non exista ningunha proposta presentada, a Dirección Xeral de Recursos Mariños poderá aprobar de oficio, logo de informe do órgano de xestión, un Plan de Xestión Integral.

4. No Plan de Xestión Integral poderán recollerse medidas e/ou normas distintas ás establecidas nas disposicións regulamentarias, co obxectivo de adoptar as medidas de explotación necesarias que permitan conseguir unha explotación racional dos recursos pesqueiros e marisqueiros na reserva».

Oito.-O artigo 7º queda redactado do seguinte modo:

«1. Para realizar as actividades permitidas nas letras a), b), c) e d) do artigo 5º será necesario estar inscrito nun censo específico de titulares de permisos que os habilite para exercer a actividade pesqueira e marisqueira.

2. Para a realización das actividades permitidas na letra e) do artigo 5º é necesario o permiso de acceso previo da Dirección Xeral de Recursos Mariños.

3. Para a realización das actividades permitidas nas letras f) e g) do artigo 5º será necesario dispoñer dos permisos xerais para a realización da actividade. Non obstante, por proposta do órgano de xestión, seguimento e control poderá limitarse o número de persoas ou embarcacións que poidan acceder ao ámbito da reserva para o exercicio destas actividades. Neste caso, requirirase un permiso de acceso específico outorgado pola consellería competente en materia de pesca».

Nove.-O artigo 8º queda redactado do seguinte modo:

«1. A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos elaborará o censo a que se refire o artigo anterior, da forma que regulamentariamente se estableza.

2. Serán requisitos necesarios para a inscrición no censo:

a) Solicitude da persoa interesada.

b) Estar en posesión dos permisos que habilitan a embarcación ou a persoa para o exercicio da actividade pesqueira ou marisqueira no ámbito da reserva.

c) Ter porto base na comunidade autónoma galega, no caso das embarcacións.

3. O censo actualizarase por proposta do órgano de xestión, seguimento e control que, preferentemente, deberá coincidir coa aprobación do Plan de Xestión Integral da reserva, de acordo cos criterios de habitualidade na zona, as capturas realizadas na reserva e a concorrencia de causas de exclusión».

Dez.-A letra d) do número 4 do artigo 9º terá a seguinte redacción:

«d) Informar da reserva mariña e dos seus resultados aos pescadores e mariscadores, sectores afectados e ao público en xeral».

Once.-A letra i) do número 4 do artigo 9º terá a seguinte redacción:

«i) Emitir informe sobre o Plan de Xestión Integral».

Doce.-A letra j) do número 4 do artigo 9º terá a seguinte redacción:

«j) aquelas que lle encomende a administración pesqueira en relación coa reserva mariña».

Trece.-Engádense dous parágrafos ao artigo 10º co seguinte contido:

«2. Todos aqueles que efectúen a actividade pesqueira e/ou marisqueira no ámbito da reserva mariña estarán obrigados a remitir toda a información refirida á actividade realizada dentro da dita área ao órgano de xestión, seguimento e control para os efectos de obter un seguimento científico das pesqueiras e de control efectivo.

3. O Servizo de Gardacostas realizará o control da actividade e a comprobación das capturas realizadas, sen prexuízo do seguimento que leve a cabo o órgano de xestión, seguimento e control. A negativa á realización deste control será causa de exclusión do censo, segundo o procedemento que regulamentariamente se estableza e sen prexuízo das responsabilidades en que se poida incorrer».

Catorce.-A disposición adicional terceira terá a seguinte redacción:

«Terceira. A consellería competente en materia de pesca poderá ditar medidas de xestión para a extracción de determinadas especies así como aprobar plans experimentais para a utilización de determinadas artes ou aparellos de pesca en función dos informes técnicos sobre a evolución e o estado da reserva mariña».

Quince.-Engádese a disposición adicional cuarta que terá a seguinte redacción:

«Cuarta. Unicamente poderán extraer a mexilla no ámbito da reserva mariña os titulares de permisos de explotación a pé así como aquelas embarcacións habilitadas para a captura de percebe e sempre baixo as condicións recollidas nos artigos 5º e 6º bis».

Dezaseis.-As disposicións transitorias primeira e segunda quedan sen contido.

Dezasete.-O anexo de delimitación da reserva mariña substitúese polo que se publica neste decreto.

Disposición adicional

Única.-A Dirección Xeral de Recursos Mariños incluirá, de oficio, no censo a aquelas persoas dedicadas ao marisqueo a pé e ás embarcacións que, no momento da entrada en vigor deste decreto, estivesen incluídas nun plan de explotación con vixencia para o ámbito da reserva.

Disposición transitoria

Única.-No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto terá que ser aprobado o Plan de Xestión Integral ao que se refire o artigo 6º bis. En canto non se aprobe seguirán en vigor as normas de xestión que estivesen aprobadas e en vixencia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de outubro de dous mil oito.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

Ver referencia pdf "21000D018P158.PDF"